Category Archives: Clubes de lectura
Recomendacións do Club Luns Fórum
Xa estamos metidas de cheo nas novas lecturas do ano, pero dende o Club dos Luns de Fórum gustanos coma sempre facer un breve resumo do lido cada trimestre e ainda tiñamos pendente compartir as do primeiro de curso.
Comezamos setembro cunha das lecturas anotadas na axenda dende o curso pasado, “Galveias” do portugués José Luis Peixoto de quen xa o noso compañeiro Enrique do Club dos Martes fixo un post detallado, pero non queremos deixar de resaltar algunhas das nosas impresións tras a súa lectura como son a crueza narrativa dos feitos que transcorren no mundo rural do interior de Portugal nos anos 80, nos anos pre-internet, os de antes do mundo sumamente acelerado no que vivimos. Sen dúbida a escrita de Peixoto é unha escrita dura, xenuina pero real.


Cambiamos de rexistro e continuamos con Ignacio Martinez de Pisón e o seu “Fin de temporada” que aínda que cita tamén ao país veciño nada ten que ver no densenrolo dos feitos nin no estilo narrativo. Co eixe temático do aborto clandestino ao que había que recorrer durante os anos 70 técese todo un entramado para reflexionar arredor das relacións familiares: nais/fillos, esposas/maridos. Pero sobre todo o que nos preguntamos é canto marca a casualidade nas nosas vidas e que prezo pagamos polos segredos e o peso do pasado? pero sen dúbida todo se leva mellor ao ritmo dunha boa banda sonora dos 80, porque a través da música tamén se pode facer un percorrido do pasado.
Continuamos coa historia da avogada Irina Lucidi, unha muller divorciada, nai de dúas xemelgas, que viu como o seu ex marido, un enxeñeiro suízo, antes de suicidarse en Italia, facía desaparecer do mapa ás súas fillas deixando escrita unha nota na que dicía que Irina xamais as ía volver ver. Feitos que nos deixaron pegadas tanto á crueza da historia como á sensibilidade e delicadeza coa que Concita Gregorio escribiu “Parece que fuera es primavera”. Nunca se volveu a saber nada máis das nenas, non se sabe se están mortas, pero o que si é certo é que esa nai perdeu ás súas fillas e non existe unha palabra para definir esa situación. Existe viúvo, orfo, parricida, infanticida…pero ningunha palabra que acolla ao “proxenitor que perde a un fillo, non que o mata: que o perde.
“Me he sentido muy culpable de volver a ser feliz, abuela. Era como si todos me dijeran: cómo puedes olvidar, cómo puedes dejar atrás lo que te ha pasado, cómo puedes irte de vacaciones, tomarte una copa de vino, amar a un hombre, hacerte amar en el placer, después dormir. Cómo puedes seguir viva, en suma, y tener ganas de seguir estando en el mundo. ¿Has olvidado a las niñas? ¿No te da vergüenza? Es como si me dijeran que también yo he muerto, y es un escándalo que me rebele.
Pero yo estoy viva, abuela, el dolor por sí solo no mata y yo estoy viva. Así que tengo que vivir, porque mientras yo esté estará el recuerdo de quien ya no está con nosotros. El recuerdo vivo: el suyo vive en los pensamientos.”
Fragmento de “Parece que fuera es primavera”
Concita de Gregorio escribe unha historia real a partir dunha conversa que se prolongou durante sete días entre a escritora e xornalista e Irina Lucidi que acode á escritora só para ser escoitada. “Parece que fuera es primavera” é un relato novelesco baseado en acontecementos que sucederon e entresacados dun encontro promovido pola nai que non ten palabras para nomear a ausencia das súas fillas, pero que abriga a esperanza de poder afrontar o seu trauma grazas ao poder da literatura, do bálsamo terapéutico das palabras.

Continuamos cunha novidade, “Donde cantan las ballenas” da autora descuberta por Héctor Abad Faciolince, a colombiana Sara Jaramillo. Novela que ten como personaxe principal a Candelaria, unha rapariga de 12 anos que vive en Perruca, nunha casa onde a natureza exuberante envolve e modela todo ao seu antollo, coa súa nai e o seu irmán. O seu pai, que ela adoraba, abandononounos dun día para outro. Irán pasando pola casa distintos personaxes que axudarán a Candelaria a espertar tras a infancia de maxia e coidados que empeza a ver rematada. Candelaria é un personaxe moi potente, tenra e inspiradora.
A narración é deliciosa con xenerosas descricións e reflexións cheas de metáforas e simbolismo. Estamos ante unha lectura de ritmo máis ben lento, sen demasiada intriga nin acción, polo menos na primeira parte, pero que convida a pensar e que engancha polos seus orixinais personaxes e situacións. Sen dúbida unha historia encantadora con personaxes fantásticos e procesos que revelan a verdadeira complexidade da vida. Acontecementos que convidan a reflexionar se ás veces a xente máis próxima non será xusto a que menos coñecemo Vemos como a dor e a vida mesma usados para mostrarnos o máis profundo da alma. Unha historia que parece unha fábula pero que vai mostrando esa complexidade de sentirse sempre incompleto e onde os afectos humanos non existen, senón tan só intereses.


E con historias nas que as mulleres son as grandes protagonistas pechamos o noso ciclo trimestral, as “Flores de ferro” de María Rei Vilas, premio García Barros 2020. Trátase dunha novela coral que alterna e abarca varias épocas. Dende os anos 20 do s. XX ata case o final da década dos 80s. Coñecemos a Camila, unha moza de 35 anos que viviu durante décadas unha mentira sostida coa complicidade dos que a rodean. No seu regreso á vila de Briana, no verán de 1987, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade.
A intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo da novela e as mulleres teñen un papel crucial xa que buscan afrontar as situacións e decisións máis difíciles das súas vidas e procuran a busca de xustiza que non atoparon pero que precisan para sandar as feridas. Se queredes saber máis, recomendámosvos que non vos perdades a lectura do post sobre encontro das nosas compañeiras do Club de Lectura de Sagrada Familia sobre a novela e o encontro que tiveron coa autora.


E ata aquí as nosas primeiras lecturas, agardamos que se non as lestes vos animedes e se xa o fixestes compartades con nós a vosas impresións. Podedes consultar a súa dispoñibilidade no noso catálogo.
casa atlántica, casa cabaret, de María Lado
Outra das actividades encadrada dentro da programación do Primaletras foi a lectura do poemario casa atlántica, casa cabaret, de María Lado, por parte do club de lectura de autores e autoras galegas da biblioteca de Estudos Locais.
Aínda lle pesan as lembranzas daquela casa nova con boas vistas e o teito inzado de manchas de humidade; se cadra tece desde alí esta historia dos obxectos que compoñen a María Lado, esas cousas estúpidas e sinxelas que se apegan a ela para non abandonala nunca e que a perseguen de mudanza en mudanza nunha viaxe íntima e circular.
Sinopse de casa atlántica, casa cabaret (Xerais, 2001).
María Lado naceu en 1979 en Cee (A Coruña). É titulada en Produción Audiovisual e cursou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a escribir no núcleo do Batallón Literario da Costa da Morte no ano 1996, onde publicou os seus primeiros textos en tres libros colectivos: Nós, Mar por medio e Rumbo ás illas.
En 1997 publica a súa primeira obra poética en solitario, A primeira visión. A partir de aí comeza unha carreira na que escribe sobre todo poesía, pero tamén cultiva outros xéneros como a narrativa, os guións para radio ou colabora en prensa (co xornal dixital Vieiros, coa revista Dorna e coa revista portuguesa Comentário, entre outras). Traduciu ó galego varios libros de literatura infantil publicados por Edicións do Cumio, editorial na que traballou durante cinco anos (entre eles, Alicia no País das Marabillas de Lewis Carroll). Tamén é actriz, e desde 2005 comparte escenarios coa tamén poetisa Lucía Aldao co dúo poético-musical Aldaolado. Con el realizan unha mestura de poesía con humor e música de carácter transgresor, nun exercicio de comunicación directa co espectador. O seu primeiro espectáculo foi Onde estea un cubata que se quite un soneto.
A escolla deste poemario veu motivada polo recital poético ofrecido polas poetas galegas Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Emma Couceiro, Lucía Aldao e a propia María Lado, guiado pola poeta, xestora cultural, filóloga e editora Dores Tembrás co gallo do Primaletras 2022.
El infinito en un junco, de Irene Vallejo
Nas pasadas sesións do club de lectura de Monte Alto tivemos a oportunidade de ler El infinito en un junco, de Irene Vallejo.


Tradución do libro de Irene Vallejo ao galego e a versión orixinal en castelán.
Aínda que foi un dos libros máis grosos que lemos este curso (472 páxinas), resultou ser un dos favoritos dos e das asistentes. Nel puidemos aprender máis da historia dos libros, reflexionar sobre o que supuxo a invención da palabra escrita para o noso desenvolvemento como especie ou reflexionar sobre o papel da memoria e o traspaso de coñecemento.
Donde los documentos se eliminan y los libros no circulan libremente, es muy fácil modificar a placer, impunemente, el relato de la historia.
el infinito en un junco, irene vallejo
A autora, Irene Vallejo, é doutora en Filología Clásica polas universidades de Zaragoza e Florencia. Investiga e divulga autores clásicos grazas á súa colaboración con medios como o Heraldo de Aragón e El País, onde mestura temas de actualidade con ensinanzas do mundo antiguo.

Publicou a súa primeira novela en 2011, La luz sepultada, ambientada a comezos da guerra civil española. Tamén escribiu literatura infantil e xuvenil (El inventor de viajes ou La leyenda de las mareas mansas). El infinito en un junco foi galardoado en 2020 co Premio Nacional de Ensayo, sendo a quinta muller á que se lle concede desde que en 2006 o gañase por vez primeira Celia Amorós. O 23 de abril de 2021 deu en Barcelona o pregón do Día do Libro (Sant Jordi).
En un mundo caótico, adquirir libros es un acto de equilibrio al filo del abismo.
El infinito en un junco, irene vallejo
Fariña, de Nacho Carretero
Nos clubs de lectura das bibliotecas de Estudos Locais e Monte Alto tivemos o pracer de ler Fariña, de Nacho Carretero, no pasado curso.


Versión en galego e versión en castelán do libro de Nacho Carretero.
Aínda que o narcotráfico é un tema que a todos e todas nos soaba, o certo é que Fariña nos achegou datos e curiosidades dese mundo que a maioría descoñecía: apelidos, clans, corrupción, nomes, mortes en accidentes que rematan non sendo tal…
Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.
Sinopse de Fariña.
Ademais, algunha persoa asistente ao club vira a serie anos atrás, polo que aproveitamos para falar das adaptacións audiovisuais de libros e para recomendar outras.

A serie estreouse en Antena 3 o 28 de febreiro de 2018, e unha semana antes, o dia 12, o libro foi retirado da venda de forma cautelar por orde dunha xuíza despois de que o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, denunciara ao autor por suposta vulneración do seu dereito ao honor. O libro colocouse no número un de vendas e a serie conseguiu unha grande audiencia. En xuño dese mesmo ano a xustiza revogou o “secuestro” do libro e, finalmente, en 2021, o caso foi desestimado.
Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é xornalista e traballou nas redacións de varios medios, para despois pasar a ser freelance e escribir para JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo, entre outros. Realizou reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ébola en África, a guerra civil siria, a ola de incendios forestais de 2017 en Galicia ou do seu amado Deportivo da Coruña.

Este é un dos poucos ensaios que lemos desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais, pero definitivamente deixou moi bo sabor de boca.




























