Author Archives: antyaro

La enferma, de Elena Quiroga

La enferma, de Elena Quiroga, foi unha da lecturas que máis sorprendeu aos clubs das bibliotecas de Monte Alto e Estudos Locais do pasado curso, non só pola obra en si, que tamén, senón sobre todo polo descoñecemento que había entre os e as asistentes sobre a súa autora.

Elena Quiroga. Fonte: Real Academia Española

Elena Quiroga pertence ao grupo de narradores que renovaron a novela española contemporánea de mediados do século XX (anos 50-60), chegando a gañar o premio Nadal e sendo comparada (e compañeira) doutras mulleres que xa nos soan máis como Carmen Laforet, Carmen Martín Gaite ou Ana María Matute. De feito, foi a segunda muller en entrar na Real Academia Española, en 1983, seguindo os pasos de Carmen Conde.

Filla do conde galego de San Martín de Quiroga, a escritora naceu en Santander en 1921. Pasou a infancia entre esta cidade e a Galicia de onde proviña a súa familia, establecéndose finalmente na Coruña no ano 1942. Non tiña estudos universitarios, pero acudía de forma libre a clases que lle interesaban e durante varios anos traballou diariamente nas súas novelas e escritos, unhas catro ou cinco horas.

Ao casar en 1950 con Dalmiro de la Válgoma, historiador e futuro secretario perpetuo da Academia da Historia, o matrimonio trasladouse a vivir a Madrid, cidade na que Elena frecuentou foros e faladoiros literarios e coñeceu algúns dos principais selos editoriais nacionais. Viviu a cabalo entre a capital e o pazo de Cea, en Nigrán (Pontevedra).

Autora dunha extensa obra narrativa en prosa, está considerada unha das voces femeninas (e non femininas) máis relevantes da súa xeración, con rasgos comúns ás novelas dos seus contemporáneos como a preocupación polas inxustizas da vida e a explotación temática das experiencias da infancia e a adolescencia. Non obstante, fixo todo isto desde unha marcada posición feminista, colocando como protagonistas das súas novelas a mulleres loitadoras polo recoñecemento dos seus dereitos na sociedade franquista que lles tocaba vivir, e aparecendo sempre nos seus escritos unha marcada influencia rural galega.

En 1949 publicou a súa primeira novela, La soledad sonora. Dous anos máis tarde recibiu o Premio Nadal por Viento del norte, que Antonio Momplet levou ao cine. Máis tarde seguíronlle numerosas publicacións, como La sangre, 1952; Trayecto uno, 1953; Algo pasa en la calle, 1954; La careta, 1955; La enferma, 1955; Plácida, la joven, 1956; La última corrida, 1958; Tristura, 1960 —pola que recibiu o Premio Nacional da Crítica—; Carta a Cadaqués, 1961; Envío a Faramello, 1963; Escribo tu nombre, 1965; Presente profundo, 1973, e Grandes soledades, 1983.

Finou na cidade da Coruña en outubro de 1995.

Capa da edición de La enferma de Cátedra lida nos clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais

A edición que lemos é a de Cátedra, onde o profesor Gregorio Torres Nebrera analiza toda a produción narrativa de Elena Quiroga e a importancia da súa figura na literatura española. Concretamente en La enferma reproduce o que dixo a crítica da época sobre a novela: Joaquín de Entrambasaguas afirmou que era “quizá la más perfecta novela de su autora”; Melchor Fernández Almagro dixo que se trataba, naqueles anos, da “novela más difícil” de Elena Quiroga; e José María Castellet engadiu que La enferma respondía “a todas las exigencias estéticas y de contenido de una novela de nuestro tiempo”.

Os vinte e cinco capítulos desta obra divídense en dúas partes. Na primeira (caps. I-XII) cóntasenos a chegada da narradora a unha vila da costa galega para vender unhas terras do seu marido, co que ten problemas. Hospédase na casa de Liberata, unha muller encamada desde hai vinte anos froito dun desengano amoroso. A voz da narradora (da que en ningún momento se nos di o seu nome, só se refiren a ela con apelativos como “la forastera”) descríbenos o día a día da vila e dos seus habitantes, e tamén indaga en que pasou e cal é a misteriosa historia entre Liberata e Telmo, entrelazando a súa propia crise persoal coa da enferma. Na segunda parte (caps. XIII-XXV) a narradora pasa a ser narrada. A través de varias perspectivas, diferentes voces van reconstruíndo a historia de Liberata e Telmo, dando pistas á lectora ou lector, que é quen se encarga de armar o quebracabezas con todo o que ofrece a lectura. Nos tres últimos capítulos, a forasteira –que, na súa vida persoal, era outra enferma- volve xunto ao seu marido, recuperando a voz narrativa do comezo e regresando desta viaxe purificada, como unha muller nova (FONTE: Vidal Ortuño, J. M. Actualidad de Elena Quiroga. Monteagudo, 3ª Época – Nº 18. 2013 – Páxs. 267-268)

Por último, desde a biblioteca de Estudos Locais as bibliotecarias realizaron un vídeo polo centenario do nacemento de Elena Quiroga, que vos deixamos a continuación.

Contra todo isto. Un manifesto rebelde, de Manuel Rivas

O escritor coruñés Manuel Rivas xa é un habitual dos clubs de lectura das bibliotecas municipais da cidade que o viu nacer. Os seus libros son lidos todos os anos e son un valor seguro. Porén, a súa faceta de ensaísta é quizais a máis descoñecida, así que para descubrir a esoutro Rivas este ano lemos Contra todo isto. Un manifesto rebelde.

Vivimos un tempo de retroceso, de aumento das desigualdades, de subtracción das liberdades; un réxime mundial de pensamento groseiro, de rearmamento bélico e abaratamento humano, de desfeita ecolóxica, da fin do mito da «globalización feliz». Vivimos nun Estado de Vergoña.
Este libro está escrito contra Todo Isto.
Todo Isto é descivilización.
Todo Isto é produción de medo para achicar a liberdade. E a produción de odio contra o diferente.
Todo Isto é subtracción do benestar e dos dereitos democráticos.
Todo Isto é a multiplicación de muros e fendas de desigualdades.
Todo Isto é o machismo como sistema.
Todo Isto é a guerra contra a natureza.
Todo Isto é domesticación intelectual.
Todo Isto é corrupción sistémica, paraísos fiscais, unha mestura de economía gris e criminal.
Todo Isto é desmemoria, ou peor aínda, contramemoria.
Este é un libro que non invita á fuxida, senón a correr cos brazos abertos cara ao mundo, cando o sentimento de vergoña abre paso a unha saudade rebelde, a unha loita para arrincar a esperanza dos brazos do conformismo.
Este é un libro do sentir e do pensar, unha literatura na beira, que quere pór a liberdade no corpo da linguaxe.

Sinopse de Contra todo isto

Aínda que, como xa dixemos, nos clubs é máis coñecido polas súas novelas, o certo é que Manuel Rivas, nado na cidade herculina en 1957, comezou a súa carreira como xornalista aos 15 anos como meritorio en El Ideal Gallego. Posteriormente estudou Ciencias da Información na Universidade Complutense de Madrid, remontándose os seus primeiros artigos á década de 1970. Tamén é colaborador en diversos medios de comunicación (El País, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia…). No ano 2013, xunto a Xosé Manuel Pereiro, fundou a revista Luzes.

No eido da creación literaria, deuse a coñecer como cofundador do grupo poético Loia en 1977. Dous anos despois publicou o seu primeiro libro de poemas, pero foi cun libro de narrativa, Que me queres amor?, co que gañou en 1996 o Premio Nacional de Narrativa despois de gañar o Premio Torrente Ballester.

Algunhas das súas obras foron adaptadas ao cine, como A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999), O lapis do carpinteiro (Antón Reixa, 2004) e Todo é silencio (José Luis Cuerda, 2012). En 2018 publicou Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, o segundo relato baséase na “idea orixinal” escrita polo autor para a serie de televisión Vivir sin permiso.

É membro de número da Real Academia Galega. Ingresou o 12 de decembro de 2009 a proposta de Luz Pozo Garza, Xosé Neira Vilas e Xosé Luís Axeitos.

Imaxe de Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

Sede en Ourense, de Uxía Casal

O curso pasado a escritora Uxía Casal fixo unha doazón ás bibliotecas municipais da Coruña do seu libro Sede en Ourense, para podermos desfrutar da súa lectura nos clubs.

A falta de auga, é o gran problema que transforma a vida dos ourensáns. A ausencia do prezado líquido provoca cambios de costumes e fai xurdir negocios clandestinos non exentos de riscos. Arredor dunha cervexaría de Ourense na que se tecen intrigas, amores, pescudas e fondas amizades enléase a trama desta novela que provoca sede… de lectura.

Sinopse de Sede en Ourense

Uxía Casal naceu en Santiago de Compostela en 1957. É licenciada en Xeografía e Historia e en Filoloxía Hispánica . En 1984 comezou a dar aulas en Ourense de Lingua e Literatura Galegas ata a suá xubilación en 2003. Entre as súas obras destacan Un ano de fábula en catro estacións (Sotelo Blanco, 1994), As ás de Xenoveva (Galaxia, 1996), O faro de Arealonga (Xerais, 2001), Sede en Ourense (Galaxia, 2005), Vidas exemplares (Xerais, 2006) e Saturno tamén é Deus, libro de relatos de medo reeditado recentemente por Urco Editora.

Imaxe da autoa por Eduardo Castro Bal. Arquivo da AELG.

A autora foi homenaxeada no VIII Día das Galegas nas Letras no ano 2021. O Día das Galegas nas Letras é unha celebración organizada pola plataforma de crítica literaria A Sega que honra anualmente a mulleres que contribuíron de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular. Ideouse en contraposición co Día das Letras Galegas, ao seren homes a maioría das persoas homenaxeadas nesa celebración.

casa atlántica, casa cabaret, de María Lado

Outra das actividades encadrada dentro da programación do Primaletras foi a lectura do poemario casa atlántica, casa cabaret, de María Lado, por parte do club de lectura de autores e autoras galegas da biblioteca de Estudos Locais.

Aínda lle pesan as lembranzas daquela casa nova con boas vistas e o teito inzado de manchas de humidade; se cadra tece desde alí esta historia dos obxectos que compoñen a María Lado, esas cousas estúpidas e sinxelas que se apegan a ela para non abandonala nunca e que a perseguen de mudanza en mudanza nunha viaxe íntima e circular.

Sinopse de casa atlántica, casa cabaret (Xerais, 2001).

María Lado naceu en 1979 en Cee (A Coruña). É titulada en Produción Audiovisual e cursou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a escribir no núcleo do Batallón Literario da Costa da Morte no ano 1996, onde publicou os seus primeiros textos en tres libros colectivos: Nós, Mar por medio e Rumbo ás illas.

En 1997 publica a súa primeira obra poética en solitario, A primeira visión. A partir de aí comeza unha carreira na que escribe sobre todo poesía, pero tamén cultiva outros xéneros como a narrativa, os guións para radio ou colabora en prensa (co xornal dixital Vieiros, coa revista Dorna e coa revista portuguesa Comentário, entre outras). Traduciu ó galego varios libros de literatura infantil publicados por Edicións do Cumio, editorial na que traballou durante cinco anos (entre eles, Alicia no País das Marabillas de Lewis Carroll). Tamén é actriz, e desde 2005 comparte escenarios coa tamén poetisa Lucía Aldao co dúo poético-musical Aldaolado. Con el realizan unha mestura de poesía con humor e música de carácter transgresor, nun exercicio de comunicación directa co espectador. O seu primeiro espectáculo foi Onde estea un cubata que se quite un soneto.

Imaxe de María Lado de Adrián Estévez (Galipedia).

A escolla deste poemario veu motivada polo recital poético ofrecido polas poetas galegas Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Emma Couceiro, Lucía Aldao e a propia María Lado, guiado pola poeta, xestora cultural, filóloga e editora Dores Tembrás co gallo do Primaletras 2022.

Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga

No pasado curso, no marco das actividades organizadas para o Primaletras, os clubs de lectura das bibliotecas da Coruña lemos a novela gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2021, Virtudes (e misterios), do escritor Xesús Fraga. Ademais, tivemos a oportunidade de realizar un encontro co autor, no cal falamos dos motivos que o levaron a escribir esta novela ou da emigración galega, entre outros, e tamén se fixo un eloxio aos clubs de lectura da cidade que podedes ver aquí.

Capas da novela de Xesús Fraga en galego (versión orixinal) e en castelán.

Contar a emigración desde a parte dos retornados. Velaí o obxectivo que se propuxo Xesús Fraga ao encetar esta novela que é, sobre todo, o relato dunha epopea como a que protagonizaron tantas mulleres galegas que, levadas pola adversidade, rematan percorrendo o mundo á procura dun futuro mellor.

Xesús Fraga constrúe unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.

Sinopse de Virtudes (e misterios) na versió galega.

A novela tamén foi gañadora do Premio Blanco Amor 2019 e do Premio da Crítica de Galicia 2021.

En 1955, un zapatero remendón, seducido por los cantos de sirena que llegan de Venezuela, cruza el Atlántico con la ilusión de regresar en poco tiempo transformado en un acaudalado indiano. Pero, tras varios años, no solo no envía el dinero prometido a su casa, sino que él mismo desaparece, lo que obliga a su mujer a emprender su propia emigración, aunque en la dirección opuesta, hacia Inglaterra. Aquellas omisiones y decisiones acabaron por marcar sus vidas y las de dos generaciones más de una familia.

Xesús Fraga, nieto de ese malogrado matrimonio de emigrantes vocacionales y accidentales, reconstruye sus azarosas vidas y la convivencia con la soledad, el desarraigo y la desazón de las preguntas sin respuesta. Un viaje íntimo por la segunda mitad del siglo XX que transita de la vida rural gallega a las grandes megalópolis americanas, con escalas que se extienden hacia Londres y Caracas, Buenos Aires y la República Dominicana o Etiopía.

Con un ojo puesto en el Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía de Castro y el otro en el Léxico familiar de Natalia Ginzburg, Virtudes (y misterios), galardonada con el Premio de Novela Blanco Amor 2019, combina diversos géneros como la novela, la crónica o el diario para ofrecer un fresco vital que conmueve y emociona, sin por ello renunciar al humor, y que propone una visión original e inédita de la emigración en las vidas vividas y no vividas.

Sinopse de Virtudes (e misterios) na versió castelá.
Xesús Fraga en imaxe da Galipedia de Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)

Xesús Fraga naceu en Londres en 1971, pero dende moi neno viviu na Coruña e Betanzos. Estudou xornalismo en Salamanca e dedícase profesionalmente a iso desde 1996. Actualmente é redactor no xornal La Voz de Galicia.

Entre as súas obras destacan títulos como O elefante Branco, Reo ou Solimán. Unha das súas afeccións é o mundo da cociña, sobre a que publicou 50 receitas con amoras e outros froitos silvestres. Como tradutor trouxo para o galego obras de Nabokov, Jack Kerouac, Anne Fine, Roald Dahl, e Sylvia Plath, entre outros.

Memoria de cidades sen luz, de Inma López Silva

O ano 2022 foi declarado Ano Internacional María Casares, xa que se conmemora o centenario do seu nacemento. Desde os clubs de lectura das bibliotecas de Monte Alto e Estudos Locais quixemos conmemorar esta efeméride lendo Memoria de cidades sen luz, de Inma López Silva, onde a actriz aparece como unha das personaxes secundarias.

O libro foi Premio Blanco Amor 2007, Premio á mellor obra de narrativa da AELG e XV Premio Arcebispo San Clemente.

Arredor de guerras e exilios, técense as vidas contadas nesta novela.

Librepensadoras que aman galeguistas, guerreiros polacos que queren ser Victor Hugo, nenos que converten en Troia a praia do Orzán. A Coruña dos anos trinta, o París aloucado e deprimido dos corenta e dos cincuenta, unha Barcelona de bombardeos e partidas de póquer, Buenos Aires e Nova York son as cidades polas que transita o protagonista deste relato en primeira persoa, desta porción de memoria que non sae nos libros de historia.

Sinopse de Memoria de cidades sen luz.

Inma Lópe Silva é novelista, ensaísta, crítica teatral, docente e columnista de prensa. Coa súa ampla obra literaria acadou premios como o Xerais, o Blanco Amor, o San Clemente, o Losada Diéguez e o Francisco Fernández del Riego, entre outros. Algúns libros seus son New York, New York (2007), Maternosofía (2013), Aqueles días en que eramos malas (2016), que foi lido tamén no club, ou O libro da filla (2020), Premio da Asociación de Críticos Literarios. En 2021 gaña o premio de poesía Eusebio Lorenzo de Dodro, e publica en 2022 o seu primeiro poemario, Clepsidras.

Foto da autora. Fonte: Galipedia, Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

Como actividade complementaria á lectura e posterior análise da obra, tamén visitamos a Casa Museo Casares Quiroga da Coruña, onde a pequena María Casares pasou parte da súa infancia antes de ir ao desterro.

La voz dormida, de Dulce Chacón

La voz dormida é a obra máis coñecida da escritora e poetisa Dulce Chacón.

Na novela, publicada en 2002 pola editorial Alfaguara, Chacón recrea a vida de varias mulleres republicanas no cárcere franquista de Las Ventas nos anos posteriores á fin da guerra civil española (desde 1939 ata 1963). A está documentada e baseada en historias reais, aínda que a autora suavizou e modificou algunha delas.

Foi levada á gran pantalla polo director Benito Zambrano, estreándose o 21 de octubre de 2011, sendo preseleccionada o mesmo ano pola Academia de Cine de España xunto a La piel que habito e Pa negre para competir polo Óscar a Mellor Película de Habla no Inglesa por España. Varias das súas actrices protagonistas e secundarias gañaron premios polas súas interpretacións (María León obtivo a Concha de Plata á mellor actriz, o Goya a Mellor actriz revelación e o premio da Unión de Actores e Actrices a Mellor actriz protagonista de cine; Ana Wagener conseguiu o Goya a Mellor actriz de reparto e o premio a Mellor actriz secundaria de cine da Unión de actores e actrices).

Dulce Chacón naceu en Zafra, Badajoz o 3 de xuño de 1954. A pesar de ser dunha familia, segundo as súas propias palabras, “aristócrata, de derechas y del bando nacional“, o tema central da súa obra é a represión franquista e a situación das mulleres. Comprometida socialmente, pertenceu á Asociación de Mulleres contra a Violencia de Xénero, á Asociación de Mulleres Contra a Guerra, e á Plataforma de Cultura contra a Guerra, ambas relacionadas coa Invasión de Irak en 2003. Diversos colexios e institutos, así como premios literarios, levan o seu nome como homenaxe á súa figura. Faleceu de forma prematura o 3 de decembro de 2003, víctima dun cancro de páncreas que lle diagnosticaran un mes antes.

A escritora en setembro de 2002. Luis Magán para El País.

El infinito en un junco, de Irene Vallejo

Nas pasadas sesións do club de lectura de Monte Alto tivemos a oportunidade de ler El infinito en un junco, de Irene Vallejo.

Tradución do libro de Irene Vallejo ao galego e a versión orixinal en castelán.

Aínda que foi un dos libros máis grosos que lemos este curso (472 páxinas), resultou ser un dos favoritos dos e das asistentes. Nel puidemos aprender máis da historia dos libros, reflexionar sobre o que supuxo a invención da palabra escrita para o noso desenvolvemento como especie ou reflexionar sobre o papel da memoria e o traspaso de coñecemento.

Donde los documentos se eliminan y los libros no circulan libremente, es muy fácil modificar a placer, impunemente, el relato de la historia.

el infinito en un junco, irene vallejo

A autora, Irene Vallejo, é doutora en Filología Clásica polas universidades de Zaragoza e Florencia. Investiga e divulga autores clásicos grazas á súa colaboración con medios como o Heraldo de Aragón e El País, onde mestura temas de actualidade con ensinanzas do mundo antiguo.

Publicou a súa primeira novela en 2011, La luz sepultada, ambientada a comezos da guerra civil española. Tamén escribiu literatura infantil e xuvenil (El inventor de viajes ou La leyenda de las mareas mansas). El infinito en un junco foi galardoado en 2020 co Premio Nacional de Ensayo, sendo a quinta muller á que se lle concede desde que en 2006 o gañase por vez primeira Celia Amorós. O 23 de abril de 2021 deu en Barcelona o pregón do Día do Libro (Sant Jordi).

En un mundo caótico, adquirir libros es un acto de equilibrio al filo del abismo.

El infinito en un junco, irene vallejo

Fariña, de Nacho Carretero

Nos clubs de lectura das bibliotecas de Estudos Locais e Monte Alto tivemos o pracer de ler Fariña, de Nacho Carretero, no pasado curso.

Versión en galego e versión en castelán do libro de Nacho Carretero.

Aínda que o narcotráfico é un tema que a todos e todas nos soaba, o certo é que Fariña nos achegou datos e curiosidades dese mundo que a maioría descoñecía: apelidos, clans, corrupción, nomes, mortes en accidentes que rematan non sendo tal…

Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.

Sinopse de Fariña.

Ademais, algunha persoa asistente ao club vira a serie anos atrás, polo que aproveitamos para falar das adaptacións audiovisuais de libros e para recomendar outras.

Imaxe da serie Fariña, que se pode atopar en Atresplayer e Netflix.

A serie estreouse en Antena 3 o 28 de febreiro de 2018, e unha semana antes, o dia 12, o libro foi retirado da venda de forma cautelar por orde dunha xuíza despois de que o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, denunciara ao autor por suposta vulneración do seu dereito ao honor. O libro colocouse no número un de vendas e a serie conseguiu unha grande audiencia. En xuño dese mesmo ano a xustiza revogou o “secuestro” do libro e, finalmente, en 2021, o caso foi desestimado.

Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é xornalista e traballou nas redacións de varios medios, para despois pasar a ser freelance e escribir para JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo, entre outros. Realizou reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ébola en África, a guerra civil siria, a ola de incendios forestais de 2017 en Galicia ou do seu amado Deportivo da Coruña.

Imaxe sacada do vídeo de VÍCTOR SAINZ | EPV para El País.

Este é un dos poucos ensaios que lemos desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais, pero definitivamente deixou moi bo sabor de boca.

Visita de Berta Dávila: un carrusel de emocións e aprendizaxe.

O pasado mes tivemos a inmensa honra de contar coa visita de Berta Dávila nos clubs de lectura das bibliotecas de Monte Alto e Estudos Locais.

Imaxe do encontro na biblioteca de Estudos Locais

A lectura de Carrusel foi a excusa perfecta para convidar á autora, da que xa leramos O derradeiro libro de Emma Olsen o ano pasado. Ambas novelas gustaron moito aos e ás asistentes aos dous clubs, e deron para debates fondos e reflexións atinadas sobre temas do común nos que moitas veces, por telos sempre ao noso carón, nin nos detemos a pensar.

PREMIO GARCÍA BARROS 2019 // PREMIO DA CRÍTICA ESPAÑOLA 2019  

Unha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.

Sinopse de Carrusel.

Con ela puidemos debullar temas da súa obra tan diversos como a saúde mental, a maternidade, a perda dun ser querido ou a soidade. Tamén quixemos saber máis do seu proceso de escrita, de como se organiza para levar a cabo unha novela e mesmo houbo cabida para algunha que outra rexouba sobre os premios literarios. E é que Berta Dávila vén de gañar o Premio Xerais 2021 con Os seres queridos e o Premio Jules Verne 2021 con Un elefante na sala de estar, publicados ambos este mesmo mes. Que unha autora ou autor gañe dous dos tres premios máis prestixiosos que outorga a editorial Xerais só acontecera unha vez en toda a súa historia: na convocatoria de 2009, cando Rosa Aneiros venceu con Sol de inverno (xente adulta) e Ás de bolboreta (xuvenil).

Sen ningunha dúbida, foi unha tarde que todas e todos nós levaremos no recordo. Grazas, Berta!