Search Results for flores de ferro

Flores de ferro, de María Rei Vilas

Portada da novela

O pasado luns día once de outubro, tivo lugar na sala infantil da Biblioteca Municipal da Sagrada Familia de A Coruña a segunda sesión do “Clube de lectura”. A nosa primeira lectura deste curso foi Flores de ferro de María Rei Vilas, que nos brindou unha sesión chea de anécdotas, confesións e lembranzas das lectoras e lectores e tamén da propia autora, que estivo presente para falar do proceso creativo e da  documentación previa a ecribir a novela, pero tamén para escoitar as reflexións e as introspeccións en voz alta que se fixeron ao longo da xornada.

María Rei Vilas naceu en Laracha no ano 1964 pero ten un amplo coñecemento de toda a Comarca de Bergatiños: dende Paisaco (ou Peisaco, que é coma moita xente dalí lle chama), Arteixo, Costa da Morte e por suposto da propia vila natal da autora: Laracha.

María exerce dende fai 17 anos coma profesora de Bioloxía e Xeoloxía no IES Agra de Leborís de Laracha. Está comprometida e colabora activamente coa Federación de ANPAS da Coruña-Costa da Morte e ten participado na organización do “Camiño sen límites”, roteiros organizados pola propia Federación de ANPAS. A finalidade destes roteiros é que ao longo do percorrido, se fagan fíos conductores ou de soporte á realización de diversas actividades en equipa, sendo a atención á diversidade, a igualdade e a cooperación entre todas e todos os pilares da actividade.

É autora de libros de texto de Bioloxía e Xeoloxía pero coa que é a súa primeira novela, “Flores de ferro“, ven de gañar a pasada edición do premio “García Barros”, que ten colleitado e colleita unha chea de boas críticas dende que saíu publicada fai un ano.

A xa nosa “Flores de ferro” conta unha historia ambientada nun pobo ficticio, pero que podería ser calqueira vila, cidade ou pobo de Galicia. É unha novela coral que alterna e abarca varias épocas. Dende os anos 20 do s. XX ata case o final da década dos 80s. Historias entrecruzadas que comezan coa a vida de Camila, unha rapaza de 35 anos que, debido a un acontecemento familiar, decide regresar ao seu pobo natal, Briana. Corre o ano 1987 e descoñece que se vai enfrontar a unha verdade que está oculta no seu interior e silenciada por aquelas e aqueles que viviron a época convulsa da España e da Galiza dende a década dos 20s, as penurias e atrocidades acontecidas durante o Golpe de Estado do ano 36 perpetrado polo Bando Nacional, a posguerra e a posterior estabilización dunha dictadura na que as sombras, os silencios e os resquemores están máis presentes que nunca.

Camila deberá afrontar a verdade botándolle valor. En Briana coñece a Antón, o ferreiro artista que, pechado no seu propio mundo, arrastra a dor e culpa daqueles que non souberon ou non quixeron ver coma o mal tinguía de negro e vermello morte as vidas de moitos habitantes do pobo. Coma o mal se ía estendendo, pouco a pouco, sen que ninguén se percatase do que acontecía.

María Rei Vilas debuta na novela cunha historia na que a intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo. Unha historia na que as mulleres teñen un papel crucial e que buscan, de forma empoderante, afrontar as situacións e decisións máis difíciles das súas vidas. Mulleres fortes, decididas, protagonistas das súas propias vidas e donas dun silencio provocado, na que as persoaxes, inesquecibles, vense envoltas nunha trama da que son víctimas silentes que queren acadar unha xustiza que non atoparon pero que necesitan para curar feridas que nunca pecharon… Aurora, Olga, Nidia, Camila… son as flores de ferro desta historia. Pero coma sempre ocorre hai máis, houbo moito máis.

De ter que facer una reflexión sobre o libro faríao en forma de pequeños flashes, de microescenas que quedaron xa gravadas a lume na niña cabeza. Unha instrospección que fago en voz alta, pero necesaria para non olvidar o pasado de moitas familias que se viron avocadas a decidir e facer cousas que nunha situación de normalidade non terían feito:

Vídeo cedido polo autor, David Pazos

Esta sesión, cunha asistencia envidiable e una participación por parte dos asistentes de absoluto respecto, dou comezo ás 10:30 h. e alongouse una hora más do previsto. Coma un ritual atávico, María comezou a poñer pequeñas pedriñas ao redor dunha mesa logo, dirixíndose ao grupo, ensinou unha pequena fotografía en branco e negro. Sen dúbida era algo de vital importancia para ela, sendo como son os recordos, parte esencial da novela, aquela instantánea foi o punto de partida para escribir un libro cheo de sensacións, texturas, olores… que se perciben cada vez que unha descripción asalta ao lector, con cada verba que as persoaxes lanzan ao ar para quen queira escoitar. Aquela foto deulle pé a investigar sobre a vida nunha época aínda presente na actualidade.

Ano e medio de documentación sobre os anos negros da Galiza e da Comarca de Bergantiños serviron para darse conta de que non todo é o que parece, nin as situacións, nin as persoas. Mulleres e homes que dun día para outro trocaron a súa vida cotiá por unha existencia lóbrega por mor dunhas ideas políticas que levaron a moitas e moitos a encarar as visicitudes da vida de forma silenciosa.

Cando lemos o libro podemos intuír que, a pesar de que Briana é un lugar imaxinario e novelesco, ten moito que ver co pasado das nosas avoas e avós, nais e pais. De como calamos ainda agora nas reuniós familiares e evitamos falar dunha época que parece que queremos esquecer, borrar do mapa. María, explicou moi ben este feito xa que ela tamén é filla e neta dunha etapa, dun momento espazo-temporal do que ninguén, salvo os vencedores, falan (ou quizáis non…) É importante sinalar que moitas das vidas truncadas que lemos ou lerán no libro son casos reais, documentados, acontecidos en lugares e vilas, cidades, que tras os acontecementos do Alzamento Nacional nunca volveron a ser como eran.

O grupo asistente ao clube de lectura aportou grandes reflexións, nas que se podía entrever como a vida das personaxes chegou ao corazón dos lectores. Reviviron a realidade que lles tocou vivir, ou que viviron, os seus parentes. Destacaron con sabias palabras como as mulleres sempre levaron a carga, o peso da vida sobre os seus ombros e xeonllos, e tiveron que tomar moitas decisións complexas. Un empoderamento inconsciente que hoxe en día é tan importante recuperar. Comentaron tamén como os homes desta historia, pola contra, son meros monicrecres, con pouca iniciativa de decisión e que só algúns deles, na novela, acomete accións en beneficio propio.

Todas en todos conviron en que a realidade sempre supera a ficción, que sempre é máis dura, pero que neste caso, o que nos conta María en “Flores de ferro” e tan real que é acaído dicir que non hai familia no noso país, no noso pobo, cidade ou vila que non pasara por situacións similares ás que se mencionan no libro.

Todos os membros do clube estiveron dacordo definila como una novela que arrecende a familia, cunha linguaxe moi cuidada, unha historia ben fiada a través de recordos e flashbacks, que a priori poderían dificultar a lectura pero que sen embargo fan que aumente a expectación das lectoras e lectores, provocando conversas interiores, reflexándose nas diferentes personaxes que aparecen ao longo do libro. Como actuariamos nós de estar na pel dalgunha das personaxes? ou, tamén, que personaxe nos gustaría ser?

Ao final, María descubriunos o segredo das pequenas pedriñas que colocara ao redor da mesa ao principio da sesión: pedras recollidas da Praia de Baldaio. Cantos rodados de 30.000 anos que que viron pasar os bos e os malos momentos da humanidade. Convidounos a coller unha pedra a cada unha e un coa promesa de devolvela ao seu lugar de orixe, para que eses recordos que levan no seu interior non se perdan no ruído da vida cotiá.

Como reflexión final de “Flores de ferro” poderíamos decir:

Solpor. Pensamentos antes de que comece o cántico do soño. Raios de Sol desmenúzanse entre os visillos. Os sempre silenciosos ollos comezan a susurrar. Elegantes taquicardias perdidas no tempo. Miradas disfrazadas negan os pasos en falso aos paxaros. Dulce marmelada de soles deixa cega a incrédula infancia. O tempo, o martelo…. Prados sulfurados. Golpear tonalidades. Atusar levemente a sinrazón. Xardíns tramposos falan en voz baixa. Agazapada na esfera da existencia, alcanza o tempo para deixar de ser trivial. Carbonízase ante a impávida e inmutable hipocresía. Proscrita, apóstata… a sociedade con cara limón.

Recomendacións do Club Luns Fórum

Xa estamos metidas de cheo nas novas lecturas do ano, pero dende o Club dos Luns de Fórum gustanos coma sempre facer un breve resumo do lido cada trimestre e ainda tiñamos pendente compartir as do primeiro de curso.

Comezamos setembro cunha das lecturas anotadas na axenda dende o curso pasado, “Galveias” do portugués José Luis Peixoto de quen xa o noso compañeiro Enrique do Club dos Martes fixo un post detallado, pero non queremos deixar de resaltar algunhas das nosas impresións tras a súa lectura como son a crueza narrativa dos feitos que transcorren no mundo rural do interior de Portugal nos anos 80, nos anos pre-internet, os de antes do mundo sumamente acelerado no que vivimos. Sen dúbida a escrita de Peixoto é unha escrita dura, xenuina pero real.

Cambiamos de rexistro e continuamos con Ignacio Martinez de Pisón e o seu “Fin de temporada” que aínda que cita tamén ao país veciño nada ten que ver no densenrolo dos feitos nin no estilo narrativo. Co eixe temático do aborto clandestino ao que había que recorrer durante os anos 70 técese todo un entramado para reflexionar arredor das relacións familiares: nais/fillos, esposas/maridos. Pero sobre todo o que nos preguntamos é canto marca a casualidade nas nosas vidas e que prezo pagamos polos segredos e o peso do pasado? pero sen dúbida todo se leva mellor ao ritmo dunha boa banda sonora dos 80, porque a través da música tamén se pode facer un percorrido do pasado.

Continuamos coa historia da avogada Irina Lucidi, unha muller divorciada, nai de dúas xemelgas, que viu como o seu ex marido, un enxeñeiro suízo, antes de suicidarse en Italia, facía desaparecer do mapa ás súas fillas deixando escrita unha nota na que dicía que Irina xamais as ía volver ver. Feitos que nos deixaron pegadas tanto á crueza da historia como á sensibilidade e delicadeza coa que Concita Gregorio escribiu “Parece que fuera es primavera”. Nunca se volveu a saber nada máis das nenas, non se sabe se están mortas, pero o que si é certo é que esa nai perdeu ás súas fillas e non existe unha palabra para definir esa situación. Existe viúvo, orfo, parricida, infanticida…pero ningunha palabra que acolla ao “proxenitor que perde a un fillo, non que o mata: que o perde. 

“Me he sentido muy culpable de volver a ser feliz, abuela. Era como si todos me dijeran: cómo puedes olvidar, cómo puedes dejar atrás lo que te ha pasado, cómo puedes irte de vacaciones, tomarte una copa de vino, amar a un hombre, hacerte amar en el placer, después dormir. Cómo puedes seguir viva, en suma, y tener ganas de seguir estando en el mundo. ¿Has olvidado  a las niñas? ¿No te da vergüenza? Es como si me dijeran que también yo he muerto, y es un escándalo que me rebele.

Pero yo estoy viva, abuela, el dolor por sí solo no mata y yo estoy viva. Así que tengo que vivir, porque mientras yo esté estará el recuerdo de quien ya no está con nosotros. El recuerdo vivo: el suyo vive en los pensamientos.”

Fragmento de “Parece que fuera es primavera”

Concita de Gregorio escribe unha historia real a partir dunha conversa que se prolongou durante sete días entre a escritora e xornalista e Irina Lucidi que acode á escritora só para ser escoitada. “Parece que fuera es primavera” é un relato novelesco baseado en acontecementos que sucederon e entresacados  dun encontro promovido pola nai que non ten palabras para nomear a ausencia das súas fillas, pero que abriga a esperanza de poder afrontar o seu trauma grazas ao poder da literatura, do bálsamo terapéutico das palabras.

Continuamos cunha novidade, “Donde cantan las ballenas” da autora descuberta por Héctor Abad Faciolince, a colombiana Sara Jaramillo. Novela que ten como personaxe principal a Candelaria, unha rapariga de 12 anos que vive en Perruca, nunha casa onde a natureza exuberante envolve e modela todo ao seu antollo, coa súa nai e o seu irmán. O seu pai, que ela adoraba, abandononounos dun día para outro. Irán pasando pola casa distintos personaxes que axudarán a Candelaria a espertar tras a infancia de maxia e coidados que empeza a ver rematada. Candelaria é un personaxe moi potente, tenra e inspiradora.

A narración é deliciosa con xenerosas descricións e reflexións cheas de metáforas e simbolismo. Estamos ante unha lectura de ritmo máis ben lento, sen demasiada intriga nin acción, polo menos na primeira parte, pero que convida a pensar e que engancha polos seus orixinais personaxes e situacións. Sen dúbida unha historia encantadora con personaxes fantásticos e procesos que revelan a verdadeira complexidade da vida. Acontecementos que convidan a reflexionar se ás veces a xente máis próxima non será  xusto a que menos coñecemo  Vemos como a dor e a vida mesma usados para mostrarnos o máis profundo da alma. Unha historia que parece unha fábula pero que vai mostrando esa complexidade de sentirse sempre incompleto e onde os afectos humanos non existen, senón tan só intereses. 

E con historias nas que as mulleres son as grandes protagonistas pechamos o noso ciclo trimestral, as “Flores de ferro” de María Rei Vilas, premio García Barros 2020. Trátase dunha novela coral que alterna e abarca varias épocas. Dende os anos 20 do s. XX ata case o final da década dos 80s. Coñecemos a Camila, unha moza de 35 anos que viviu durante décadas unha mentira sostida coa complicidade dos que a rodean. No seu regreso á vila de Briana, no verán de 1987, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade. 

A intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo da novela e as mulleres teñen un papel crucial xa que buscan afrontar as situacións e decisións máis difíciles das súas vidas e procuran a busca de xustiza  que non atoparon pero que precisan para sandar as feridas.  Se queredes saber máis, recomendámosvos que non vos perdades a lectura do post sobre encontro das nosas compañeiras do Club de Lectura de Sagrada Familia sobre a novela e o encontro que tiveron coa autora. 

E ata aquí as nosas primeiras lecturas, agardamos que se non as lestes vos animedes e se xa o fixestes compartades con nós a vosas impresións. Podedes consultar a súa dispoñibilidade no noso catálogo.

Día das Letras Galegas en Primaletras

Á celebración do Día das Letras Galegas correspóndelle a recta final de Primaletras, e imos con todas este mes de maio! Actividades variadas para todas as idades, para achegarte ás biblios ou desfrutar desde casa, para xogar, para aprender, para gozar e danzar.

Para saber máis polo miúdo de que falamos, só tes que seguir lendo! Toma nota!

EXPOSICIÓN DIXITAL “FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: CONEXIÓN ATLÁNTICA”

CANDO E ONDE: Desde o 1 de maio na web das bibliotecas municipais da Coruña.

Este ano, o homenaxeado é Florencio Delgado Gurriarán, verba galega*, poeta, activista cultural, editor de palabras, exiliado en terras mexicanas desde o seu Córgomo natal, corgomófilo infindo**.

O recoñecemento a Florencio Delgado Gurriarán “non se limita a un autor literario ou a unha figura do galeguismo, nin sequera ao exilio mexicano, senón a todos aqueles que, mentres comezaban unha nova vida lonxe da súa terra, se dedicaron a (re)construír a identidade de Galicia como cultura, como pobo e como país” (fragmento da exposición dixital “Conexión Atlántica”).

Ao longo do mes, poderás visitar de forma virtual a exposición dixital “Florencio Delgado Gurriarán: Conexión Atlántica”. Se vas ás bibliotecas, verás un panel co código de acceso, pero desde xa podes acceder picando na ligazón que achegamos:

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: CONEXIÓN ATLÁNTICA

Exposición dixital “Florencio Delgado Gurriarán: Conexión Atlántica”

*Verba galega era parte do título dunha das revistas que editou, e ben podía definilo a el mesmo.

**O pseudónimo Korgomófilo foi empregado por Florencio D. G., e neste binomio quixemos unilo á súa obra Galicia infinda.

ESCAPE ROOM “O LADRÓN DOS LIBROS DE FLORENCIO”

CANDO E ONDE

Para rapazas e rapaces a partir dos 8 anos e ata os 16 (comproba as idades, porque dependen de cada biblioteca), quixemos que coñecer máis a Florencio fose tamén unha aventura.

“O ladrón dos libros de Florencio” é un Escape Room que, da man de Clue Hunter, presenta un reto, e só unha hora, que obrigará a pór a proba a agudeza mental e os coñecementos sobre o autor de Córgomo para acadalo. Poderemos descubrir, entre a lista de terribles sospeitosos, quen robou os libros de Florencio?

O xogo de Escape Room está producido por Clue Hunter

CONVERSA CON MARÍA REI VILAS ARREDOR DE “FLORES DE FERRO”

CANDO E ONDE: 10 maio, 18:30 h. / Biblioteca Rosales

Tras a lectura de “Flores de ferro” de María Rei Vilas, novela gañadora do Premio García Barros 2020, os clubs de lectura “Café con libros” terán unha conversa coa escritora arredor do libro, das múltiples historias que contén e do seu proceso creativo, nun encontro aberto a calquera persoa interesada no tema.

María Rei Vilas (A Laracha, 1964) é profesora de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Agra de Leborís, da súa localidade natal. Autora de libros de texto e guías didácticas relacionadas co ensino da bioloxía e a xeoloxía, “Flores de ferro” é a súa primeira novela.

Capas da novela “Flores de ferro” editada por Galaxia

CONFERENCIA “FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN NO EXILIO GALEGO EN MÉXICO”, POR RAMÓN VILLARES

CANDO E ONDE: 11 maio, 19 h. / Biblioteca de Estudos Locais

O historiador Ramón Villares estará connosco para impartir a conferencia “Florencio Delgado Gurriarán no exilio galego en México”, na que profundará na figura do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas e no exilio propiciado pola represión franquista.

Tras a conferencia, desfrutaremos dunha regueifa na que rivalizarán en enxeño Xurxo Souto e Manuel Maseda a partir do poema de Gurriarán Galicia infinda.

Co gallo das Letras Galegas para Florencio D.G., reeditouse a súa obra “Galicia infinda”, onde podemos ler o poema do mesmo nome.

Ramón Villares Paz (Cazás-Xermade, 1951) é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e Membro Numerario da Real Academia Galega. Pertence aos patronatos do Museo do Pobo Galego, da Fundación Luis Seoane, da Fundación Otero Pedrayo e da Fundación Juana de Vega. Foi Presidente do Consello da Cultura Galega, desde 2006 a 2019. Entre as súas publicacións destacan Identidade e afectos patrios (Galaxia, 2017), Premio Mondoñedo 10 ao Mellor Ensaio da Década, ou Exilio republicano y pluralismo nacional: España, 1936-1982 (Marcial Pons, 2021).

CONCERTO AGORASÓN PRIMAVERA CON LUAR NA LUBRE

CANDO E ONDE: 21 maio, 21 h. / Auditorio do Centro Ágora

Organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, o Concerto AgoraSón Primavera con Luar na Lubre poñerá o ramo perfecto, coa fabulosa música do grupo coruñés, a un marabilloso Primaletras que achegou á cidade o mellor da literatura local e galega na actualidade.

Luar na Lubre protagoniza o AgoraSón Primavera desta edición

Os convites para asistir repartiranse nas bibliotecas a partir do luns 16 de maio. Entregaranse un máximo de dous convites por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña (até esgotárense) ao coller libros ou outro material en galego para os levar en préstamo.

Faranse dúas quendas de reparto: en horario de mañá e horario de tarde.

  • Horario de mañá: a partir das 9.00 h, salvo na Biblioteca de Durán Loriga, que será a partir das 12.00 horas.
  • Horario de tarde: a partir das 16.00 h, agás no Punto de Servizo de Mesoiro, que será a partir das 17.30 horas.

Mentres escribimos estas liñas na recta final de Primaletras xa comezamos a atesourar os momentos vividos! Ademais, para revivilos, sempre podemos repasar a guía de lectura do festival, a un só clic de distancia.

Guía de lectura en Calaméo

Felices Letras Galegas en Primaletras!