Recomendacións do Club Fórum Luns

Co Nadal asomando pola porta, o noso club de lectura chega ao seu pequeno parón invernal. Antes de baixar o ritmo, apetécenos botar a vista atrás e compartir as historias que nos acompañaron nos últimos meses: libros que nos fixeron pensar, rir, discutir e, sobre todo, gozar da lectura en boa compañía. Este é o noso percorrido literario antes de que as luces, os brindes e os días de descanso tomen o relevo.

Arrincamos tempada cun libro que prometía, e non defraudou, conversa, reflexión e algunha que outra sorpresa: Libre, de Lea Ypi. A autora lévanos da man pola súa infancia e mocidade nun país en transformación, e faino cunha mirada lúcida, irónica e profundamente humana. Libre é unha mestura de memorias, ensaio histórico e reflexión sociopolítica. A iso engádense pinceladas dun humor tendente ao absurdo. Ypi mostra unha lucidez cegadora: reflicte, desde a experiencia persoal, un momento convulso de transformación política que non desembocou —como se esperaba— en xustiza e liberdade. A transición cara ao liberalismo supuxo a reestruturación da economía, a perda masiva de empregos, a onda migratoria cara a Italia, a corrupción e a quebra do país. Sen dúbida unha lectura que cuestiona, emociona e abre portas a debates ben interesantes.

E continuamos con Virgen Jurada, outra viaxe ás raíces e ás identidades que, igual ca enLibre, nos devolve a unha Albania chea de preguntas e revelacións. A novela explora unha antiga tradición das montañas do norte de Albania: as “vírxenes xuradas”. Estas mulleres renuncian ao seu xénero feminino e fan voto de castidade para asumir o rol masculino dentro da sociedade, accedendo así a dereitos e responsabilidades que lles estarían vetados como mulleres. A protagonista, Hana, abandona os seus estudos en Tirana para coidar do seu tío enfermo. Ao morrer este, e ante a falta dun varón na familia, decide converterse nunha virxe xurada. A novela narra o seu proceso de transformación, os conflitos internos que vive e o impacto emocional de renunciar á súa identidade para sobrevivir nun mundo profundamente patriarcal.

E cambiamos de rexistro para seguir con El libro de las hermanas, de Amélie Nothomb, unha autora á que nos achegamos por primeira vez no club. A súa mirada afiada e o seu estilo inconfundible lévannos a unha historia chea de contrastes, humor e feridas familiares, perfecta para abrir novas conversas e descubrir un universo literario que non nos deixou indiferente.

Esta novela narra a historia de dúas irmás, Tristane e Laetitia, que medran nun fogar marcado pola ausencia emocional dos pais. Estes están tan centrados na súa relación amorosa e descoidan completamente ás fillas, ofrecéndolles un ambiente frío e indiferente. Tristane, a irmá maior, vive unha infancia solitaria ata que nace Laetitia, quen se converte no seu único vínculo afectivo real. A relación entre elas é intensa, profunda e ás veces ambigua: mestura amor, dependencia, rivalidade e complicidade.

E damos outro xiro no noso percorrido lector para adentrarnos en Los nombres de Feliza, unha obra que nos convida a explorar a memoria, as identidades que herdamos e aquelas que escollemos. 

Juan Gabriel Vásquez reconstrúe a vida e a morte da escultora colombiana Feliza Bursztyn, pioneira da arte contemporánea en Colombia. A obra parte da misteriosa frase de Gabriel García Márquez tras a súa morte: “murió de tristeza”, e explora tanto a súa biografía como o contexto político e cultural que a marcou. De trasfondo está o clima político colombiano dos anos 70 e 80, cando artistas e intelectuais sufrían represión e vixilancia. Feliza foi perseguida polos servizos de intelixencia e tivo que marchar ao exilio. O libro non só é unha biografía novelada, senón tamén unha reflexión sobre como se constrúe a memoria dunha persoa, os “nomes” que lle damos, e como a arte pode ser unha forma de resistencia.

O escritor colombiano de prestixio internacional é recoñecido pola súa capacidade de mesturar historia e ficción. A súa obra, traducida a máis de 28 linguas, converteuno nun referente da literatura hispanoamericana actual.

E rematamos con La nieta de Bernhard Schlink, unha novela que nos convida a mirar de fronte o peso da memoria e as feridas que atravesan xeracións. A novela conta a historia de Kaspar, un libreiro de Berlín que, tras a morte da súa esposa Birgit, descobre que ela lle ocultara un segredo: deixou atrás unha filla cando fuxiu da Alemaña do Leste nos anos 60. Kaspar decide buscar esa filla, que agora é unha muller adulta chamada Sigrun, e así comeza unha viaxe que mestura memoria, amor e as feridas da historia alemá. A historia céntrase na relación entre Kaspar e Sigrun, que representa unha xeración marcada por ideoloxías e polos restos da división alemá.

A través dunha historia íntima e chea de matices, Schlink lévanos a reflexionar sobre a identidade, a culpa e a posibilidade —ás veces fráxil, ás veces necesaria— de reconciliarse co pasado. Un final de ruta que trouxo debate, emoción e algunha que outra pregunta aberta.

Agardamos que vos animedes con algunha destas lecturas e que vos acompañen nestes días de pausa. Desfrutade moito do Nadal porque en xaneiro voltaremos con novas historias e ganas renovadas de seguir lendo xuntas e xuntos.

Recomendacións do Club Fórum Luns

O club de lectura Fórum Luns da Biblioteca Fórum, rematou os seus encontros semanais por esta tempada 2024-2025 para desfrutar do verán e volver con máis azos en setembro. Despois dun segunto trimestre moi moi intenso, no que abordamos moi diferentes e variadas propostas, este último quedounos algo máis curtiño en canto a número de libros se refire. Igualmente compartimos con vós as derradeiras lecturas do curso porque pensamos que calquera delas pode ser unha boa opción para este tempo de lecer que temos por diante.

Comezamos a volta das vacacións de Semana Santa cun clásico que de seguro moitas e moitos de vós aínda tedes pendente, El bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez. 

Wenceslao consegue construír un relato máxico e unha narración poética na que dá voz a todos os seres que habitan na fraga de Cecebre. Ao longo das súas páxinas, podes coñecer historias diversas protagonizadas por distintos protagonistas: os anhelos dun gato e os sentimentos dun can, as penas das ánimas, as desgrazas de mulleres que loitan día a día por sobrevivir ou que teñen que marcharse para sempre, a traxedia dunha toupa ou a fazaña dunha troita. Existencias todas elas entrelazadas e unidas por fíos invisibles e eternos.

El bosque animado é unha gran fábula que esconde múltiples ensinanzas. E tamén é un retrato da cultura e o folclore do mundo rural galego, con tradicións ancestrais que lembran o primitivo e orixinal que nos une a unha vida pasada xa esquecida.

O mellor de Wencesalo é que é un escritor nas sombras, deses nos que ninguén se para pero ten moito que ofrecer, e neste libro é capaz de tratar en igualdade de condicións á natureza, humanos e animais. Ofrecendo así un punto de vista da vida en si onde as especies non son o importante senón o lugar que habitamos, porque todos pisamos a mesma terra. Unha metáfora que confabula coa unión de personaxes que se vai facendo máis notoria a medida que pasan os distintos relatos.

Continuamos cunha novidade moi loubada pola crítica, da que din que é unha obra mestra da narrativa contemporánea que desafía as convencións literarias e ofrece unha reflexión profunda sobre o poder, a riqueza e a manipulación da verdade: Fortuna de Hernán Díaz.

A novela está estruturada de maneira innovadora en catro partes interconectadas. É unha obra que desafía ao lector (nalgúns momentos, pode chegar a estar tentado a abandonar impaciente a lectura pola dificultade inicial para intuír o quebracabezas que se completará ao final da historia), que provoca reflexión.

As catro partes contan unha mesma historia a modo de crebacabezas literario con distintas versións e narradores, polo que se considera unha novela polifónica e, á vez, experimental. O máis interesante é que os seus personaxes varían de nomes e posturas. Aínda así, non deixan de estar relacionados co diñeiro e o poder nos Estados Unidos durante os anos vinte do século pasado, incluída a crise económica de 1929. Aínda que o que máis sobresae en cada unha das partes é a forte presenza feminina nun mundo que estivo marcado polo masculino ou o patriarcal.

O autor, Hernán Díaz, nado en Bos Aires é fillo dunha familia que fuxiu da Arxentina tras o golpe de estado en 1976, medrou en Suecia, volveu a Arxentina coa restauración da democracia e desde hai máis de 25 anos reside nos EE.UU. “Fortuna”, é a súa segunda novela e foi finalista do Booker Prize 2022 e gañadora do Premio Pulitzer a obras Literarias de Ficción.

E rematamos con outro clásico pendente La Casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín.

Impresa no ano 1915, La Casa de la Troya é a novela máis importante de Alejandro Pérez Lugín. Premiada pola Real Academia Española, desenvólvese na Compostela de finais do século XIX e narra a historia de amor entre dous mozos, Gerardo e Carmiña. A novela reflicte as actividades dunha sociedade que Lujín chegou a coñecer. O autor serviuse de personaxes reais para construír os que poboan este libro inesquecible. A obra foi un éxito desde o primeiro momento.

A trama narra a vida dun mozo madrileño que é enviado a Santiago a estudar dereito. Alí coñece a amizade verdadeira e, como non, o amor. Aventuras e desventuras dos estudantes; marabillosa ambientación no Santiago da época con todo luxo de detalle, non custa nada imaxinarse, a quen coñeza a capital, paseando pola Alameda, polos arredores da catedral, polas súas rúas de pedra baixo a choiva…; romance e amoríos varios; costumismo e tradicións galegas son temáticas moi presentes na novela.

Alejandro Pérez Lugín nado en Madrid 1870 e finado en O Burgo, (Culleredo) 1926. Xornalista, escritor e cineasta español. En Madrid destacou como crítico taurino baixo o pseudónimo de Don Pío. A súa produción novelística localízase en dous ámbitos preferentes: Galicia e Andalucía. As súas obras máis coñecidas son as novelas “La casa de la Troya” e “Currito de la Cruz”. Estaba emparentado con Rosalía de Castro, xa que a súa avoa era irmá da nai de Rosalía.

Recordade que tedes nun post anterior as lecturas da primeira e segunda tempada do club dos Luns Fórum deste ano. Agora, estamos pensando xa nas lecturas do próximo curso pero antes, temos por diante un tempo de escollas individuais para nos acompañar nestes días solleiros e de lecer, botade unha ollada ao noso catálogo!!

Recomendacións do Club Fórum Luns

O club de lectura Fórum Luns, ao igual que todos os da rede, toman unha semana de descanso e parécenos unha boa oportunidade para deixarvos as recomendacións das nosas últimas lecturas.

Comezamos co cómic Se está muy sola en el centro de la Tierra  de Zoe Thorogood. A xoven autora foi galardoada no 2019 co premio á mellor autora emerxente dos Cómic Scene Awards, e en 2020 gañou o premio ao mellor debut nos Tripwire Awards polo seu fanzine Angel. En 2023 foi nomeada a cinco premios Eisner por “Se está muy sola en el centro de la Tierra” e obtivo o premio Russ Manning á autora novel máis prometedora.

Esta lectura requeriu un esforzo extra e a posta en práctica de todos os sentidos. Non nos resultou para nada un cómic sinxelo de ler, aínda que xa estabamos preaviso. Trátase dunha creación  refinada e complexa que utiliza unha variedade case infinita de recursos gráficos para reflectir, cunha sucesión inabarcable de metáforas visuais, o  estado de ánimo da autora, as súas pequenas vivencias, as súas reaccións ao que lle vai sucedendo. O que máis nos asombra, é que Zoe Thorogood tiña menos de vinte e cinco anos cando escribiu a obra.

A modo de sinopse apuntamos que a autora sitúase no centro da historia. Cando a coñecemos, ten vinte e tres anos e está a pensar, con certa seriedade, en matarse. De feito, ten un coitelo nunha man co fío apuntando cara ao seu pescozo. Pero -como tantos outros artistas de todos os xéneros- descubriu que este non é unha cura contra a depresión, un mal que a axexa desde que era unha nena “rara” que sufría bullying. O mundo está a recuperarse da pandemia de Covid-19, o que incrementa o seu illamento social, a súa ansiedade. A protagonista intenta comezar unha nova obra, e deste xeito escapar dos pensamentos suicidas.

Cambiamos de temática pero non de xénero literario e seguimos con Ciudad de cristal, a novela gráfica, de Paul Auster. Considerado como un dos máis grandes autores norteamericanos contemporáneos, Paul Auster, destaca por obras tan coñecidas como A triloxía de Nova York. Recibiu numerosos galardóns, entre os que habería que destacar o Premio Médicis, a Orde das Artes e as Letras de Francia ou o Princesa de Asturias das Letras.

A novela gráfica é unha adaptación feita por dous autores. Hai que enfrontarse a ela con moita apertura de miras e tentando agarrarse a todo o simbolismo que contén. É unha adaptación sumamente fiel. Como lector chegas a poñerte na pel do que investiga e inclúete dentro do relato. É a primeira parte dunha triloxía con relatos independentes pero con bastante conexión na temática e os protagonistas, co propio Auster formando parte da historia e conformando un conto con múltiples capas de lectura e de narración. A trama céntrase en David Quinn, un escritor que tras a perda da súa muller e fillo, decide adoptar un pseudónimo, entrando nunha profunda crise de personalidade e rozando o límite da depresión. Un día, recibe unha chamada errada preguntando por Paul Auster. O seu interlocutor é unha muller que pretende encargarlle, pensando que se trata dun detective, a protección do seu marido, un poeta con trazos autistas por culpa do peche nunha habitación case toda a súa infancia. Quinn acaba aceptando o caso, meténdose de cheo nunha investigación cada vez máis misteriosa e case saltando dunha personalidade a outra ata chegar a un punto en que lle custe saber quen é.

Aínda que no club somos máis fans da novela, que por outra banda xa case todas leramos, foi un extra adentrarnos na novela gráfica.

Continuamos con Cualquier verano es un final do escritor, guionista e director de cine español Ray Loriga. 

O narrador da novela é Yorick, un protagonista que sufriu unha operación a vida ou morte a causa dun tumor cerebral. Neste sentido, o autor, Ray Loriga comenta nunha entrevista que lle prestou ao personaxe esta operación, que el mesmo sufriu, e como resultado, decidiu escribir esta novela na que os seus protagonistas, Yorick e Luiz , están continuamente dándolle voltas á morte.  Unha vez superada a operación e atopándose moito mellor, o protagonista e narrador, Yorick, será o encargado de acompañarnos nesta intrincada novela de amizade, amor e humor cara ao seu amigo Luiz, o outro gran protagonista, un personaxe divertido, amable e absolutamente san, pero que desexa morrer antes de envellecer, e para iso tentará coñecer o lugar tan especial en Suíza, onde poder facelo de forma asistida, con tranquilidade e sen sufrimento nin dor.

O amor, a amizade, a vida, tamén a morte, a obsesión e os dilemas morais están presentes en  toda a novela. Narrada con estilo e agudeza, con moitas referencias ao cinema, á música, ao cómic e sobre todo, prevalecendo o monólogo interior e poucos momentos dialogados, Ray Loriga, logra manter no lector a atención e o interese. Un libro que convida á reflexión constante. 

A seguinte lectura compartida foi El fin de la soledad do novelista alemán Benedict Wells.

O protagonista desta historia sofre a perda dos seus pais cando era pequeno. Tras este suceso, ingresa nun internado público xunto cos seus irmáns pero de xeito separado. As súas vidas cambiaron radicalmente pero aínda non saben canto. Aínda que rodeados de novas persoas, a soidade é un sentimento constante. Cada irmán carga con este pesado trauma familiar da mellor maneira que pode. Jules é feliz a pesar de ser moi distinto dos seus irmáns. A súa irmá é a moza rebelde, que fala máis que fai e quere comerse o mundo. O seu irmán con todo é solitario, con trastorno impulsivo e moi intelixente. Jules atopará a unha amiga moi especial que o destino se encargará de unir e separar do ao seu antollo. Unha historia presente, que viaxa a través da narración do seu protagonista desde o pasado. Así, e aos poucos, viviremos xunto a el a súa vida. Como todas, cos seus altibaixos.

Benedict Wells traza un complexo mapa para facer que os personaxes evolucionen conforme pasan os anos e con eles, as súas historias, vendo como medran e como se enfrontan de forma individual aos seus problemas e pantasmas do pasado. En ningún momento o autor se recrea no drama da familia se non que reflexiona ao redor del e como poder superalo. E quizá sexa este un dos obxectivos da lectura: ver o lado positivo das cousas, así que con iso nos quedamos.

Continuamos con Los alemanes do escritor e periodista madrileño Sergio del Molino. Premio Ojo Crítico e Tigre Juan, entre outros, por La hora violeta, é autor tamén das novelas Lo que a nadie le importa (2014) e No habrá más enemigo (2012). O seu ensaio La España vacía (2016), gañou o premio dos Libreiros de Madrid ao Mellor Ensaio, Premio Cálamo ao Libro do Ano e un dos dez mellores libros de 2016 en España según Babelia. 

En Los alemanes, o pano de fondo da historia son os “alemáns do Camerún”, seiscentos alemáns que, en 1916, durante a Primeira Guerra Mundial, entregáronse ás autoridades coloniais españolas en busca de refuxio e instaláronse en Zaragoza, onde fundaron unha pequena pero unida e orgullosa comunidade. O texto, situado no noso presente, é dicir, 100 anos despois da chegada dos alemáns do Camerún, céntrase nos descendentes dunha desas familias: os irmáns Schuster. Gabi, un músico cuxo enterro inicia a novela; Fede, profesor nunha universidade de Ratisbona; e Eva, política en Zaragoza. Os tres, ao seu modo, abdicaron do seu pasado, e con xustas razóns. Reencontrados en Zaragoza pola morte de Gabi, Fede e Eva vense obrigados a enfrontarse co pasado, coa historia daqueles alemáns dos que se sabe pouco, e en específico coa historia da súa propia familia.

Os alemáns é un libro que fala da familia e da herdanza da culpa, do moito que nos marca o camiño o lugar do que procedemos e como entendemos a nosa historia familiar. Os diálogos, a miúdo brillantes, están moi cargados de conversación cultural, de literatura, historia e filosofía, pero é a música a que ocupa a maioría das múltiples referencias que atopamos nos alemáns.

E rematamos viaxamos ata Londres con Lo que queda de luz  de Tessa Hadley.

Ambientada no Londres actual, dacabalo entre a década dos noventa e dous mil, a novela profundiza na psique e nas relacións humanas dun grupo de amigos que se resente tras a perda dun dos seus membros máis sólidos. A través dun narrador omnisciente, o lector terá a oportunidade de indagar e descubrir as profundidades dos pensamentos destes tres personaxes principais; os seus conflitos persoais internos, as súas preocupacións, medos, inseguridades, os seus sentimentos ou reflexións.

Son moitos os temas para reflexionar ao longo da obra, sendo o principal as relacións e a toma de decisións pasadas coas súas respectivas consecuencias futuras. A madurez das amizades sólidas, as relacións familiares, a procura dun mesmo, o cambio de filosofía vital tras a perda, a inseguridade, o baleiro ou a desolación son algunhas outras problemáticas aos que se enfrontan os personaxes. Tessa Hadley destaca por posuír unha pluma deliciosa, pulcra, pulida e detallista. Grazas á súa exquisita prosa consegue traspasar as páxinas e atrapar ao lector penetrándoo na historia e facéndoo partícipe da mesma.

Autora tardía, Tessa non publicou a súa primeira novela ata cumprir os 46 anos, e desde entón a súa reputación literaria e o aprecio dos lectores non deixan de medrar con cada novo libro. A súa obra recibiu o Premio Windham Campbell e o Premio Hawthornden. É profesora de Literatura e Escritura Creativa na Universidade de Bath Spa.

E ata aquí as nosas lecturas deste segundo trimestre, agardamos que vos sexan de utilidade e vos den ideas por se aínda non tedes decidido que ler estes días de lecer que temos por diante.

Recomendacións do Club Fórum Luns

Rematado o primeiro trimestre, os clubs de lectura da Rede Municipal de Bibliotecas fan un parón en Nadal. Pero conscientes que esta é sen dúbida unha boa época para ler ao tempo que celebramos e descansamos, dende o Club dos Luns da Biblioteca Fórum compartimos con vós as lecturas que ocuparon as nosas tertulias estes meses.

Estrenamos curso cun libro que, para algúns medios, foi o mellor do 2024, La llamada: un retrato da escritora e xornalista arxentina Leila Guerriero e editado por Anagrama.

O título do libro alude ao fortuíto contacto telefónico que salvou a vida de Silvia Labayru. A obra é un retrato de Silvia, adolescente secuestrada no ano 1976 con cinco meses de embarazo, torturada, violada e escravizada polos militares arxentinos. O que chama a atención é que, Silvia Labayru parece non encaixar no cánon de vítima que adoitamos manexar. Durante o seu cativeiro foi obrigada a infiltrarse, xunto a un dos seus captadores, na organización das Nais da Praza de Maio. Cando por fin é liberada pensou que rematara o inferno para ela… pero nada máis lonxe da realidade, xa exiliada en España, comezaba outro episodio moi cruel.

Sen dúbida, estamos ante un traballo extraordinario de documentación e entrevistas por parte da escritora. Leila Guerriero conforma un retrato complexo e íntimo no que superpón a historia dura da guerrilleira e a súa psicoloxía que se vai revelando tamén das súas conversacións cotiás. Guerriero aluma unha historia complexa na que se amalgaman unha constelación de recordos con retallos do presente, desde a escoita dispoñible dunha xornalista que non xulga, sinxelamente está atenta.

Continuamos coa novela La tierra que pisamos de Jesús Carrasco, de quen xa lemos en ocasións anteriores “Llévame a casa”.

Adentrámonos nun escenario rural con tintes distópicos: unha rexión estremeña (Terra de Barros) nunha futura España que foi anexionada polo Imperio (non se cita pero pode supoñerse unha Gran Alemaña) e a que o exército invasor continúa as tarefas de pacificación. A ese lugar retirouse un matrimonio de vencedores, o cruel coronel Iosif Holman, agora reducido a un refugallo humano, e a súa esposa Eva, a narradora. O conflito exponse cando un home enigmático, Leva, que se nega a falar, refúxiase no horto da leira, entre bancais e hortalizas.

Estamos ante unha ucronía, que critica a realidade pasada e presente metaforizándoa nun mundo paralelo. Reencontramos trazos xa coñecidos en Carrasco, forza narrativa, unha paisaxe despoboada, o illamento duns poucos personaxes, unha fuxida misteriosa, a violencia latente a piques de descargar a súa furia, a compaixón e o horror.

Cambiamos totalmente de rexistro con La mala costumbre de Alana S. Portero editado por Seix Barral. Alana é escritora, poeta, dramaturga e directora escénica española que escribe sobre cultura, feminismo e activismo LGTB cun enfoque concreto na realidade das mulleres trans.

La mala costumbre é unha obra que nos amosa, desde unha primeira persoa, a adolescencia e a mocidade dun eu atrapado nun corpo que non recoñece pero co que sobrevive tentando comprenderse, nun mundo cheo de violencia e nun barrio de Madrid, San Blas, arrasado polas drogas, as mortes, a pobreza e a clandestinidade. Unha obra destacable tanto pola historia descrita como pola maxistral técnica narrativa, tanto no uso da linguaxe como na exposición das distintas fases evolutivas da protagonista.

Alana consegue facernos comprender e sentir o duro que é sentirse un impostor e traizoar a túa propia identidade, o medo e a vergoña a non estar á altura das expectativas da xente. La mala costumbre fala da infancia nun barrio obreiro, de pais deslomados a traballar que non che entenden pero protéxente, de aceptación, disidencia e tamén de sororidade.

Seguimos cunha historia potente sobre as relacións nai-filla con Vencellos feroces da crítica, xornalista, ensaísta e escritora de memorias estadounidense Vivian Gornick.

Nai e filla nunca se levaron ben. A pesar diso, ambas gozan dos seus paseos polas rúas de Nova Iork. Mentres conversan e lembran a súa vida xunto a aquelas familias xudías coas que compartían un bloque de pisos no Bronx, os lectores imos descubrindo canto se parecen nai e filla a pesar de todo. A nai que desprega unha forte personalidade, tivo unha mocidade moi activa politicamente e, con todo, elixiu, primeiro, vivir no AMOR ao seu marido e despois, tras a súa morte, no sufrimento sen el. Agora sente que non viviu a vida que lle estaba destinada, unha profunda carencia que lle leva mesmo a sentir ciúmes da vida que leva a súa propia filla.

En Vencellos Feroces asistimos a un proceso de cambio que se veu producindo nas mulleres ao longo das últimas décadas á hora de determinar o que é importante nas súas vidas e de establecer a nova forma de relacionarse cos homes. Estamos ante un libro sinxelo e intelixente, brutal no honesto e no cotián, fermoso en todas as súas formas. Cun uso intelixente e sutil da linguaxe, atrápate e lévate por toda a historia de principio a fin.

Un libro que sen dúbida foi éxito rotundo foi Otra vida por vivir do escritor Theodor Kallifatides e editado por Galaxia Gutenberg.

Estamos ante unha novela biográfica.Theodor é un gran autor sueco, de orixe grega. Escribiu máis de corenta libros. A vida sorriulle, fama, premios, vida familiar. Pero á súa ancianidade decide volver e reencontrarse a si mesmo no seu país natal, porque xa non se sente sueco, aínda que tampouco se sente de todo grego. Escribe este libro, o primeiro escrito en grego, gañando en España o Premio Cálamo Extraordinario en 2019. “Eu quería que todo seguise sendo como antes”. Ese é un dos dramas do expatriado. Soña con volver ao que deixou. Pero iso xa non existe máis que na súa embazada memoria”. “Otra vida por vivir”, é un libro reflexivo onde o autor se sincera consigo mesmo e co lector.

Os temas de debate na tertulia xiraron arredor dunha suxestiva diversidade de temas. A súa incursión no cine, a emigración a Suecia, como a deshumanización afecta enormemente o autor, incidindo á súa vez no seu bloqueo creativo. O regreso a Grecia e en concreto a Atenas, desgarra o corazón de Theodor pola situación de pobreza na que vive boa parte da poboación. Pero ao mesmo tempo o reencontro coas súas raíces proporciona a Theodor o impulso que necesitaba para a escritura no seu idioma deste libro.

Theodor Kallifatides publicou máis de corenta libros de ficción, ensaio e poesía traducidos a varios idiomas. Naceu en Grecia en 1938, e emigrou a Suecia en 1964, onde consolidou a súa carreira literaria. Traduciu do sueco ao grego a grandes autores como Ingmar Bergman e August Strindberg, así como do grego ao sueco. No 2023 recibiu a Medalla de Ouro do Círculo de Belas Artes de Madrid.

E rematamos o trimestre cun libro diferente, Sangre Horchata da autora de foz Luisa Castro.

A novela expón a vida dunha peculiar familia adiñeirada coas súas non menos peculiares rutinas que coñecemos a través do diario que a súa protagonista, Belén, dá forma segundo os seus recordos con case 30 anos, do vivido durante a súa adolescencia e xa coas pezas do quebracabezas máis encaixadas. Un pai en cadeira de rodas, un equipo de xestión paterna ante a súa potencial futura ausencia, un medio irmán uns anos maior que ela coa súa propia vía de escape, e unha nai nunha distancia física e figurada que, “canto máis lonxe estivese” mellor para non alterar a xa de seu anormal vida que levaban, e sen o máis mínimo indicio de botala de menos.

Abundan as referencias culturais, sobre todo cinematográficas, que engaden significación á historia. Latexan argumentos como a nai ausente, a falta de atención na infancia, a tristeza do fracaso, os segredos, o desamparo a calquera idade ou o quebracabezas que é cada familia. Un relato cunha narración impecable, con varios quiebros de guión e saltos no tempo, con pinceladas e tintes cómicos sobre o que dentro desa casa ocorre, porque “a cada un tócalle vivir a súa vida e a que herda”.

Agardamos que algunha destas lecturas vos acompañe este nadal, podes consultar a súa dispoñibilidade a través do noso catálogo. E non esquezades  botar un ollo á nosa guía que, ano tras ano, deixa na túa porta as nosas suxestións de “Historias de regalo” para estas datas.

Fin de tempada do Club de lectura Fórum Luns

O Club de lectura Fórum Luns rematou os seus encontros semanais por esta tempada para desfrutar do verán e volver con máis azos en setembro. Coma soe acontecer, o trimestre foi intenso, no que abordamos moi diferentes e variadas propostas que agora queremos compartir convosco porque calquera delas pode ser unha boa lectura para este tempo de lecer que temos por diante.

Comezamos a volta das vacacións de Semana Santa con novela de intriga e misterio, “Los cuerpos extraños” do escritor madrileño Lorenzo Silva. Desfrutamos as aventuras de Bevilacqua e Chamorro, os gardas civís que debutaron en “El lejano país de los estanques”, en 1995, converténdose nos personaxes máis populares de Lorenzo Silva.

“Los cuerpos extraños”, é a oitava entrega e do mesmo xeito que as anteriores reflicte os acontecementos da España actual. Un dato curioso é que se supón que a saga transcorre en tempo real, ou sexa que a acción de cada libro sucede no momento no que se publica. De feito, Bevilacqua ten máis ou menos a mesma idade que Silva e vai evolucionando con el. Neste caso o brigada Bevilacqua debe trasladarse súbitamente coa súa compañeira Chamorro e outros membros do seu equipo á costa levantina. Alí deben resolver o turbio asasinato dunha alcaldesa, cuxo corpo foi achado na praia por uns turistas.

Silva toma como escusa a trama policíaca para retratar a estendida falta de valores da sociedade actual. No medio dunha intriga moi ben construida, destacan os numerosos golpes de humor. O título está relacionado co surrealista contorno da Cidade das Artes e as Ciencias, de Valencia, cuxas instalacións se describen como “eses corpos estraños emprazados na médula daquela vella cidade”.

Nada ten que ver a historia que acontece en “El árbol de jengibre” a novela máis coñecida de Oswald Wynd (1913–1998), escrita no ano 1977 e que foi adaptada a unha miniserie televisada pola BBC en 1989.

A protagonista é Mary Mackenzie quen escribe uns cadernos, a modo de diario desde que inicia a súa viaxe desde Escocia cara a China para contraer matrimonio co seu prometido. Mary Mackenzie é unha muller que se deixa guiar polos seus ideais, os seus pensamentos, os seus sentimentos e os seus soños. Algo controlada ao comezo da súa chegada a China, o lector irá apreciando aos poucos a súa evolución, ata conseguir ser unha muller independente, aínda que en ocasións teña que loitar a contracorrente. É unha muller valente e aventureira, que empeza a confiar en si mesma cando o descobre, aínda que en ocasións, certas decisións enturben a felicidade que busca.

A historia comeza no ano 1903, así que é fácil saber o papel da muller naquela época: esposa, casa, fillos, e acatar as ordes que o marido lle dá. Pero se a iso sumamos a cultura chinesa e xaponesa daquela época, a combinación é aínda máis rechamante. Estamos ante un texto moi íntimo e sinxelo á vez, sen grandes descricións nin sentimentalismos excesivos. Un dos temas centrais  é a soidade vital, o desamparo e o crecemento persoal.

Continuamos con “La nostalgia de la Mujer Anfibio” da escritora, crítica literaria e tradutora Cristina Sánchez-Andrade. Natural de Santiago de Compostela, Cristina, actualmente vive en Madrid, onde compaxina o seu labor como novelista coa docencia universitaria e con colaboracións en distintos medios, entre eles La Voz de Galicia e El País.

A historia da novela parte dun incidente real, o naufraxio do Santa Isabel na ría de Arousa e a autora fálanos dun poboado galego no que os seus habitantes non conseguen lembrar o ocorrido, tan só teñen algúns recordos borrosos do que pasou ese 2 de xaneiro de 1921. Sen embargo Lucha Amorodio si que ten un recordo que atesoura desde que tiña dezaseis anos: un náufrago inglés co que perdeu a virxindade, un feito que marcará a súa vida, a da súa filla e tamén a da súa neta. Pero ese recordo, como o do resto dos seus veciños, está tan borroso que hai días que non cre que fose real. A narración ten pequenas pinceladas de surrealismo ou realismo máxico, e tamén algo de simbolismo, deixando oco para tradicións e supersticións, para o humor no medio do drama que subxace a toda a trama.

A combinación dun feito histórico de enorme repercusión no seu día, coa ficción permite a Cristina Sánchez-Andrade facer un singular percorrido por tres xeracións de mulleres dunha pequena comunidade pesqueira chea de personaxes memorables. Destacable é o feito de que, aínda que nesta novela hai personaxes masculinos, as mulleres do pobo son as auténticas protagonistas desta historia. A illa de Sálvora e o pobo de Oguiño son o escenario desta novela. As súas praias, rúas e casas teñen acento galego. Pódese cheirar e sentir o salitre na pel grazas a unhas descricións vívidas e ás veces “algo estrañas”.

Rematamos con “As Ramonas”, de Ana Cabaleiro. A historia dunha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia a súa meta de triunfar no mundo da arte. Mona Otero, que é como se chama a nosa protagonista, foi sancionada coa perda do carné de conducir, e o feito de non poder dispoñer de coche propio, polo que depende doutras persoas para desprazarse.

Estamos ante unha historia cun carácter claramente feminista onde o rural está tamén moi presente pero visto desde unha perspectiva máis actual e moderna. Ambientada en Saídres, Lalín e Compostela (localizacións unidas pola estrada nacional 525), ponse de manifesto a diferenza entre o centrismo e a periferia, e quen define o que está no centro ou na periferia. O tema central é a vida, iso que pasa diante de nós cando abrimos os ollos. Como se vive actualmente nun interior cada vez máis avellentado que se resiste a morrer, a onde se volve frecuentemente despois de pasar a semana na cidade. Tamén como se viviu, as expectativas xeradas a redor dunha vía de tren que trouxo traballo e mortos. E a arte como método de realización persoal.

En suma “As Ramonas” resultounos unha novela divertida que vai gañando interese conforme avanza. Atoparnos con esas sorpresas e xiros ao terminar cada parte é un plus que nos convidaba a seguir lendo.

Ana Cabaleiro é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou o máster de Estudos Teóricos e Comparados de Literatura e Cultura. Colabora en Sermos Galiza e no Boletín Galego de Literatura. En 2018 gañou o Premio García Barros coa novela “As Ramonas”. Nas bibliotecas municipais tes dispoñibles outras obras súas como: “Xa vemos palmeiras”, “Deixádenos remar” ou “Sapos e sereas”.

Recordade que tedes nun post anterior as lecturas da primeira e segunda tempada do club dos Luns Fórum deste ano. Agora, estamos pensando xa nas lecturas do próximo curso pero antes, temos por diante un tempo de escollas individuais para nos acompañar nestes días solleiros e de lecer, botade unha ollada ao noso catálogo!!

Anne Brönte, a pequena dos Bronte

Anne_BronteHoxe, no aniversario do falecemento de Anne Brontë, lembramos e celebramos a vida e obra dunha das escritoras máis notables do século XIX. Anne, a menor das tres irmás Brontë, naceu o 17 de xaneiro de 1820 en Thornton, Yorkshire, Inglaterra, e faleceu o 28 de maio de 1849, á temperá idade de 29 anos. A pesar da súa curta vida, Anne deixou unha pegada imborrable na literatura inglesa.

No noso Club de lectura de clásicos hai un tempo leimos Agnes Grey, unha das dúas novelas desta poeta e escritora.

Ensombrecida pola prolífica carreira e irresistible personalidade de Charlotte e o éxito de Emily coa inesquecible Cumbres Borrascosas, a obra e personalidade de Anne, tan diferente das súas irmás, tenderon a pasar máis inxustamente desapercibidas.

Aos 16 anos Anne deixou a casa familiar por primeira vez para acudir como alumna á escola na que Charlotte estaba empregada como profesora. Pronto decidiu traballar como institutriz pero as primeiras familias coas que traballou só lle trouxeron decepcións e humillacións: pais despreocupados, nais consentidoras, nenos intratables. Nalgunhas das cartas que escribe ao seu mestre quedan reflectidas as penurias ás que se enfrontaba cada día tentando facer o seu traballo. Todas esas vivencias foron a inspiración para a súa novela Agnes Grey.

Por esa época parece que viviu o seu primeiro amor cun axudante da vigairía do seu pai, de feito, o encantador Mr Weston, de Agnes Grey parece estar inspirado neste mozo, William, e os sentimentos da moza institutriz Agnes por él, fannos pensar na atracción romántica que o coadjuntor exercía sobre a pequena Brontë.

Desgraciadamente pouco sabemos da vida persoal tanto de Anne como de Emily, pois as vivencias de ambas quedaron sempre difuminadas polas irresistibles e dominantes personalidades de Charlotte e de Branwell, o seu irmán.

Se William foi o amor da súa vida, Anne só o reflectiu nas súas novelas e poesía, pois a súa timidez e discrección impedíronlle dar un paso máis aló e vivir o romance que lle gustaría con ese home ideal. A súa dedicación, na súa curta vida, foron case a tempo completo para o seu traballo de institutriz, a súa obra literaria e o seu irmán Branwell.

Entre as tres irmás decidiron abrir unha pequena escola, para gañarse a vida como profesoras sen depender de ninguén máis que do seu propio traballo e, así, poder darlle un impulso ao seu talento literario. As dúas novelas de Anne foron as máis polémicas:

Agnes Grey por expresar con realismo desacostumbrado a vida chea de penurias das institutrices e os malos tratos psicolóxicos e humillacións ás que eran sometidas por moitas familias, os seus fillos e o resto do servizo.

A Inquilina de Tennant Wildfell Hall, foi mesmo censurada pola propia Charlotte: a violencia e a pervensión subxacente en toda a obra, o carácter agresivo e dominante, unido ao alcoholismo de Arthur Huntingdon e os conflitos psicolóxicos da protagonista Helen foron descritos con demasiada crueza para unha sociedade que, aínda coñecendo á perfección situacións como a que mostraba o libro, preferían pechar os ollos ante elas. Branwell morreu de tuberculose e aos poucos meses Emily tamén sucumbiu á enfermidade. Non moito despois seguiulles Anne, deixando a Charlotte sumida na desesperación de ver como os seus tres queridos irmáns deixábana soa, con poucos meses de diferenza.

A doce Anne tratou de reconfortar á súa irmá dedicándolle as súas últimas palabras:

Ten valor, Charlotte, ten valor….

 
Tumba de Anne Brontë en Scarborough, Gran Bretaña.
 

Recomendacións do Club Fórum Luns

O club de lectura Fórum Luns, ao igual que case todos os da rede, toman unha semana de descanso e parécenos unha boa oportunidade para deixarvos as recomendacións das nosas últimas lecturas.

Comezamos o ano con Ceniza en la boca da mexicana Brenda Navarro (Sexto Piso Editorial). 

Escrito en primeira persoa, a novela comeza co suicidio de Diego, un feito para o que a protagonista necesita atopar respostas, posto que non o poderá sacar xamais da cabeza. A imaxe do irmán estrelándose contra o chan desde un quinto piso, aínda sen velo, repetirase unha e outra vez ao longo da súa vida. Ela é a que nos contará a súa historia esforzándose por adiviñar os motivos que puideron levar ao seu irmán a tomar tan drástica decisión, sentíndose culpable a intres, enfadada por momentos e perdida todo o tempo. A protagonista necesita atopar respostas polo que  a trama principal serán as súas reflexións, recordos e vivencias na casa dos seus avós no seu México natal e en España.

Os diálogos mestúranse co groso da proso cun estilo marcado, non precisamente pola sinxeleza. A novela require unha lectura pausada e centrada nos acontecementos, moitas veces incómodos, que farán que resoen no lector sen deixalo indiferente. Temáticas como a migración a outro país, o desarraigo, a xenofobia e a constante loita por ser alguén nunha sociedade que se pecha aos estranxeiros son o tecido que xira arredor do suicidio de Diego.

Escritora, socióloga e economista mexicana residente en Madrid, Brenda Navarro naceu en Cidade de México o 26 de febreiro de 1982. Estudou Socioloxía e Economía na Universidade Nacional Autónoma de México, así como un máster en Estudos de Xénero, Mulleres e Cidadanía na Universidade de Barcelona. Casas vacías, a súa primeira novela gañou o Premio Tigre Juan no 2020 e foi traducida a sete linguas. 

Outros libros da autora nas BMC: Casas vacías. Sexto Piso, 2020

A seguinte lectura foi Mejor la ausencia de Edurne Portela (Galaxia Gutenberg). Da autora vasca xa leramos en ocasións anteriores Formas de estar lejos, pero coa que non atopamos ningunha similitud

Neste libro atopamos a historia dunha familia en pleno anos 80 en Euskadi, nun pobo moi rural nos anos de maior revolución do movemento de independencia. A voz narradora é a da protagonista que se presenta como nena e viaxamos a través das súas vivencias á idade adulta. Amaia preséntanos todo dende o seu punto de vista. Pero o seu punto de vista e a súa voz, como é lóxico, van cambiando ao longo dos anos a medida que vai medrando e faino tamén a voz narrativa que torna nun ton moito máis maduro. Amaia pasa de observadora a protagonista.

Amaia abre o seu corazón e comparte co lector a historia da súa familia. Unha familia convencional con moitos problemas, problemas relacionados coa época na que se desenvolve sempre co conflito vasco como transfondo. Pero sen embargo na obra toman forza temáticas como a violencia doméstica, o adulterio, o horror da heroína que foi unha lacra nos anos 80  e o desenvolvemento de ETA. Sen esquecer a educación da época, a relixión, ou os rescoldos que quedaban aínda da ditadura. E ante este escenario que se nos presenta, cada membro da familia tivo que aprender a escapar dos seus problemas, a auto protexerse.

Edurne Portela nada en Santurtzi (Biscaia) en 1974, é unha historiadora, filóloga, docente universitaria, ensaísta e novelista vasca en lingua española. No ano 2018 recibiu o premio Mellor Libro de Ficción pola súa obra Mejor la ausencia. 

Outros libros da autora nas BMC: Formas de estar lejos, Los ojos cerrados, Maddi y las fronteras.

Mudamos totalmente de escenario e continuamos a nosa programación con A nena do abrigo de astracán do noso querido Xabier P. DoCampo (Xerais).

A nena do abrigo de astracán é Susana, unha nena adoptada polos seus padriños logo da morte da súa nai. A través do personaxe de Susana asistimos aos acontecementos dunha vila galega de posguerra, Ribadaínsua, onde o silenciado ten moito peso e as pantasmas do pasado maniféstanse de moi diversas maneiras e revelan o sentimento de culpa, unha delas a, través das voces que se agochan nos faiados das casas.

A Susana o que máis lle gusta é ver películas nas que atopa acubillo ao mesmo temo que descobre o mundo. Filmes que posteriormente ten que comentar coa súa madriña Agustina, mais faino dun xeito moi particular para que a madriña as entenda e sobre todo lle dé o visto e prace. Xa revelamos pois, con este dato que o cinema é un referente en toda a novela. Os sete filmes que Susana ve e lle conta á madriña forman parte da estrutura da novela e tamén da propia vida de Susana. Xa que logo, a protagonista é a nena pero tamén a vila enteira na que os personaxes de Agustina, a beata que todo o quere gobernar, e Don Amancio, o crego que non permite que nada aconteza na vila sen a súa supervisión teñen un papel fundamental. Pero tamén  Isidoro, o alfaiate e primeiro amigo de Susana, Fermina, a nena á que se lle aparece a Virxe ou Antonina a muller tola que pintaba retratos sempre de costas.

A novela foi merecedora do Premio da Crítica 2018. 

Xabier Docampo (Rábade, 1946 – A Coruña, 2018). Mestre e escritor, é autor dunha extensa obra narrativa, en boa parte traducida ás linguas peninsulares. Mereceu o Premio da Feira do Libro da Coruña (1989), o Premio Irmandade do Libro ao Autor do Ano 2009 e A Letra E da AELG en 2014.

Outros libros do autor nas BMC:  Contos de obxectos, O libro das viaxes imaxinarias, A chave das noces 

A seguinte lectura foi a obra gañadora ao Mellor Libro do Ano 2020 Las maravillas  de Elena Medel (Anagrama).

Fálannos María e Alicia das súas vidas, das súas historias, e fiando a historia de ambalas dúas coñeceremos as historias doutras mulleres. Todas condicionadas por onde e como naceron, e pola situación económica de cada unha delas. A novela comez e remata o 8 de marzo de 2018. Comeza e remata en Madrid aínda que é en Córdoba onde ocorren algúns feitos moi importantes. É incrible como transversalmente o diñeiro inflúe dunha maneira ou doutra, téñalo ou non o teñas. As nosas vidas márcaas e réxeas o diñeiro, algo tan tanxible pero efémero á vez. 

Las maravillas é unha novela que fala de precariedade, económica e familiar, do tira e afrouxa que eses dous piares, diñeiro e familia, supoñen no universo de dúas mulleres. É tamén unha novela sobre coidados, responsabilidades e expectativas, sobre a precariedade que non responde á crise senón á clase.

Elena Medel(Córdoba 1985). É autora de tres coleccións de poesía e dúas obras de non ficción. Aos 19 anos fundou a editorial de poesía La Bella Varsovia, unha das máis prestixiosas do mundo hispanofalante. Recibiu o XXVI Premio Loewe para Novos Poetas, o Premio Fundación Princesa de Xirona das Artes e as Letras 2016 polo conxunto da súa obra e o Premio Francisco Limiar ao Mellor Libro do Ano 2020. Las Maravillas é a súa primeira novela, e será traducida a trece idiomas.

Outros libros da autora nas BMC: Todo lo que hay que saber sobre poesía,   Mi primer bikini,  Tara 

E rematamos trimestre con Almendra de Won-Pyung Sohn (Temas de hoy).

Almendra é a historia dun rapaz que non é como os demais, padece unha rara enfermidade que lle impide experimentar as emocións. Yunjae naceu coas amígdalas cerebrais máis pequenas, sofre alexitimia e non pode sentir nin entender os sentimentos dos demais; non chora, non ri, non sente medo, non ten empatía, non sofre, non se alegra, non sente amor… Desde pequeno a súa nai esforzouse en ensinarlle a distinguir as emocións dos demais e dar unha resposta acorde con elas para finxir aquilo que non pode sentir, para que non o rexeiten.

Pero a Yunjae perségueo a desgraza, unha detrás doutra e aos 16 anos atoparase só polo que deberá sobrevivir, medrar e superarse. As circunstancias cruzarán na súa vida a Goni, un rapaz que medrou sen afecto e foi precisamente ese feito o que o levou a seguir malos comportamentos. Ao igual que Yunjae, pero por diferentes motivos, Goni tampouco sabe expresar as súas emocións nin recibir mostras de afecto.  A extraña relación que se establecerá entre os dous personaxes cambiará as súas vidas para sempre.

Almendra profundiza nos sentimentos, nas emocións e como nos relacionamos transmitindo estas. Unha das características que salientamos do estilo é a narración directa, sen descricións nin florituras,con temas como o bullying e a amizade. Ben escrita, crúa e moi pouco sensible cos personaxes,o lector é o que íntima con eles,xa que a autora é fría á hora de narrar os sentimentos.

Won-Pyung Sohn (1979 Corea do Sur) desenvolveu unha traxectoria profesional como escritora de novelas e como directora de cinema. As súas premisas adoitan ser sorprendentes, a medio camiño entre a fantasía e a realidade, pero co seu primeiro libro, Almendra, centrouse nunha enfermidade real e logrou o seu maior éxito literario ata a data. El impulso, unha historia sobre as segundas oportunidades, é a súa novela máis recente e tamén está dispoñible nas BMC.

E ata aquí as nosas recomendacións do segundo trimestre, agardamos que vos deran ideas para facer acopio de lecturas para estes días de descanso que temos por diante. Podedes consultar a súa dispoñibilidade no noso catálogo.

As lecturas do Club Luns de Fórum

Perante ás portas das vacacións de Nadal convén recordar non caer no bulebule emocional que supón este período cheo moitas veces de actividades e compromisos familiares e profesionais, polos que imos transitando, case sempre, nunha especie de piloto automático, como arrastrados pola corrente. 

Dende a Biblioteca Fórum facémonos eco da famosa frase do político, científico e inventor estadounidense Benjamin Franklin para reflexionar e crear sentimento dun Nadal máis consciente:

“Unha boa conciencia é un continuo Nadal” Benjamin Franklin.

Os clubs de lectura tomamos uns días de descanso pero somos moi conscientes que esta é sen dúbida unha boa época para ler ao tempo que celebramos e descansamos. Por iso dende o Club dos Luns compartimos con vós as lecturas deste primeiro trimestre.

Estrenamos curso con “Cómo maté a mi padre” da escritora e xornalista colombiana Sara Jaramillo.

A novela é unha historia autobiográfica contada en primeira persoa polo súa protagonista, Sara Jaramillo Klinkert. A autora vai debullando algúns recordos da súa infancia na finca onde vivía cos seus pais e os seus catro irmáns, rodeada de natureza e animais. Unha infancia feliz dunha familia acomodada que se viu interrompida de forma abrupta cando o pai, avogado de profesión, faleceu a mans dun sicario. A novela formula e tenta contestar unha pregunta que ninguén puido responderlle á filla, nin á súa nai, nin aos seus irmáns: Poden 35 gramos de aceiro e un gramo de pólvora esnaquizar unha familia?.

As temáticas abordadas nas tertulias foron a Colombia dos anos 90, as consecuencias que para toda a familia, e en especial para a autora, terá a ausencia prematura do pai e na súa manifesta incapacidade para seguir adiante sen el. A loita constante contra o esquecemento que non hai maneira de gañarlle a batalla. O tono do libro é ao mesmo tempo seco, contido e conmovedor.

Da Colombia dos anos 90 pasamos á España dos anos 70 con “Los ingratos” de Pedro Simón (Premio Primavera de novela 2021).

No ano 1975 chega, a un pobo da España que empeza a baleirarse, unha mestra coa súa familia. David é o pequeno. Cun marido ausente a maior parte do tempo, Mercedes pronto necesitará axuda na casa e a Emérita, unha muller do pobo que está soa, cun pasado doloroso, trasladarase á súa casa para coidar deles e en especial de David. A historia empeza cun primeiro capítulo cheo de dureza, moi impactante. Para pasar despois a unhas páxinas cheas de travesuras e risas, antes de chegar ao drama. Narrada en primeira persoa polo propio David, de forma sinxela e moi ben contada.

Los ingratos é un libro sobre a ingratitude dos adultos coas persoas que formaron parte da súa infancia. A vertixinosa mirada cara ao anhelado futuro esquecendo o pasado, coma se o que quedou atrás nunca fóra  desaparecer, coma se fose eterno e non fixese falta coidalo. E cando esa velocidade un día se detén, asáltanos a culpa, dámosnos conta que deixamos no camiño persoas que foron moi importantes no noso pasado.

Coincidindo coa entrega do Premio Princesa de Asturias das Letras 2023 ao escritor xaponés Haruki Murakami, abordamos a lectura de “Sputnik, mi amor”

Baixo o pretexto dunha relación triangular entre o narrador (un anónimo profesor de primaria), Sumire (a súa amiga da que está namorado) e Myû (unha fermosa e enigmática muller de mediana idade), Murakami converte esta breve novela nun canto á soidade, o amor, a paixón e a existencia.

Estamos ante unha historia de amor e desamor, tres amores que se entrecruzan, tres corazóns buscando a súa identidade, tres personalidades seguindo as súas vidas, tal vez rutineiras, pero aínda así atrapan a atención do lector. A novela explora varias situacións, o amor, a soidade, a relacion intraxénero, a búsqueda desesperada, o xénero epistolar ( parcial nesta obra ) o oficio de escritor e a achega non dun triangulo amoroso, mais ben dun amor triangular.

Cambiamos de xénero e estilo con “Se acabó el pastel” da escritora, produtora, guionista e directora de cinema Nora Ephron.  é coñecida por escribir o guion de ‘Silkwood’ ou ‘Cando Harry atopou a Sally’ e dirixir películas como ‘Algo para lembrar’ e ‘Julie e Julia’. Dous anos antes de morrer viu a luz o seu último libro, ‘No me acuerdo de nada’. ‘Se acabó el pastel” publicouse no 1983 e é a súa única novela. 

Trátase dun libro un pouco diferente, son as divagacións de Rachel, unha escritora de libros de cociña, nai dun neno pequeno, embarazada e casada con Mark, xornalista. Neste caso Rachel escribe un libro diferente, con algunhas receitas pero sobre todo cóntanos a súa historia desde que descobre unha cousa que lle cambiará o seu matrimonio e a súa vida en xeral.

Non é unha lectura moi profunda, mais ben lixeira, curta, entretida, fácil de ler, cun toque de humor constante pero sutil, moi cínica e irreverente co que se debe dicir, o “politicamente correcto”. Trátase dunha historia bastante divertida, sen pretensións, ao máis puro estilo sitcom dos 90, ao parecer está inspirada na propia vida da autora e a súa relación con quen foi o seu marido, Carl Bernstein, un dos xornalistas do caso Watergate. Estamos falando dun entorno de clase media alta americana, en dúas cidades estadounidense: Washington e Nueva Iork.

Contextualizando co estreno da película “Un amor” dirixida pola cineasta Isabel Coixet, decantámonos pola lectura do nome homónimo e do que probablemente moitos de vós xa tivestes ocasión de ler. Trátase dun libro breve, 186 páxinas, onde aparentemente non pasa nada especial: unha xove de trinta anos múdase a un pobo afastado de todo para empezar unha nova vida. Con todo, é precisamente esta historia disfrazada de cotiandade xunto coa maneira de escribir de Sara Mesa o que fai este libro especial e adictivo. E é que nos sentimos máis identificados cos acontecementos que se van narrando e mesmo coa protagonista.

Na novela aparecen temas como a soidade ou a falta de entendemento entre un pobo que se nega a abrirse e a aceptar a quen veña de fóra e non se adapta aos seus costumes. Todo nunha atmosfera sufocante, uns personaxes desasosegantes e un ritmo lento son o caldo de cultivo para a obsesión da protagonista, unha muller que foxe dun pasado, sen darse conta de que o único camiño posible é o autocoñecemento, o traballo interior.

Continuamos de novo cunha novela breve “La mejor voluntad” de Jane Smiley autora dunha vintena de obras de ficción e ensaio. «Heredarás la tierra» (1991) valeulle o Premio Pulitzer de narrativa e o Premio Nacional da Crítica. Desde 2001 forma parte da Academia Estadounidense das Artes e as Letras.

La mejor voluntad conta a historia dun matrimonio que decide levar unha vida autosuficiente nunha granxa a varios quilómetros do pobo máis próximo. Todo o fan eles coas súas propias mans, non teñen electricidade nin teléfono, cultivan os seus propios alimentos para autoabastecerse e apenas usan o diñeiro, realizan trueques. Imaxinaran unha vida idílica xunto ao seu fillo no medio da natureza, dándolle unha educación libre das influencias tóxicas da sociedade, coa que só teñen contacto a través do colexio. Os problemas chegan cando o neno empeza a ter unhas condutas estrañas no colexio e saen á superficie cousas que non se vían a primeira vista, facendo tambalear ese mundo que con tanto afán construíran.

Intercálase a situación actual da familia con anacos do pasado, para que o lector coñeza o suficiente para saber como chegaron a este momento actual. Carente de descricións e recordos que son prescindibles, Jane Smiley consegue atopar o equilibrio necesario para trasladar ao lector e que pareza que, neste caso, leva con Bob desde o inicio, desde que construíu coas súas propias mans a casa. Bob e Liz fannos pensar nos excesos cos que vivimos a día de hoxe. Temas como os fillos, a familia e as relacións quedan remarcados durante toda a novela.

Rematamos este primeiro trimestre cun título que se coou nalgunha lista dos mellores do ano, falamos de “Salir de la noche” do escritor e xornalista italiano Mario Calabresi.

Nun libro que sacudiu Italia, Mario Calabresi investiga os feitos que rodearon o asasinato do seu pai e narra as consecuencias que tivo para a súa familia.
Calabresi achéganos aos duros anos do chumbo en Italia, familiarizando ao lector non italiano sobre a situación da época: a escalada de violencia e tensión entre faccións políticas dispares, os rumores e as acusacións que terminan en ameazas, asasinatos e mortes. É un exemplo da literatura testemuñal que foi, progresivamente, rescatando do esquecemento ás vítimas. Calabresi, xornalista, director da Stampa e A Repubblica, disecciona o baleiro de toda unha xeración de viúvas e orfos que foron desatendidos.

“Salir de la noche” é unha oda á familia, á forza de seguir adiante e ao amor que se comparten. É tamén un libro triste, emotivo, duro polo absurdo da violencia, frustrante por saber cantos nenos orfos conseguiu a división política, amargo por saber que o que nos conta segue ocorrendo. As últimas páxinas lense cun nó na gorxa, coa frustración de saber que este animal que somos é capaz do mellor e tamén, por desgraza, do peor.

Agardamos que algunha destas lecturas vos acompañe este nadal, podes consultar a súa dispoñibilidade a través do noso catálogo.

Fin de tempada do Club de lectura Fórum Luns

Club dos Luns Fórum rematou os seus encontros semanais por esta tempada para tomar un respiro e volver con máis azos en setembro. Foi un curso ben intenso no que abordamos moi diferentes e variadas propostas. Compartimos con vós as nosas últimas lecturas porque calquera delas pode ser unha boa escolla para este tempo de lecer que temos por diante.

Comezamos a volta das vacacións de Semana Santa coa escritora e columnista madrileña Almudena Grandes, de quen aínda non tiveramos a oportunidade de compartir ningunha da súa extensa obra.

Estrenámonos así con “Los besos en el pan”. Eran moitos os seguidores da obra de Almudena Grandes, que esperaban ansiosos unha nova entrega dos Episodios dunha guerra interminable, e que se levaron un sorpresa coa publicación de “Los besos en el pan”. Nun contexto de crise e desigualdade que afecta á sociedade española, en particular ás súas clases medias e baixas, non deixou a autora, sempre comprometida nas súas columnas de prensa e radio, ceder ao desafío de novelar a situación crítica que está a tolerar o país. Un barrio de Madrid, un barrio como tantos outros de calquera cidade española, serve de escenario para situar a acción. Os veciños deste barrio sofren e conviven con feitos e enredos cotiáns ben coñecidos polo lector, xa que se trata de historias moi próximas.

Polo que, inevitablemente as conversas das sesión do club xiraron arredor do barrio, como centro neurálxico de vivencias e actividades dos veciños que viven unha crise que non entende de capas sociais. A inmigración, a explotación laboral, os recortes, os despidos en empresas públicas, colas no INEM, etc. son os danos colaterais que se suceden. Pero tamén os novos amores, os desexos, segredos, ceas e festas familiares están presentes.

Non é o caso da asturiana Ana Lena Rivera de quen xa lemos hai tempo “Lo que callan los muertos” onde a autora nos conta unha historia de investigación e intriga, que á vez nos mergulla na vida cotiá dunhas familias que viven nunha capital de provincia, Oviedo concretamente, e cuxa cotiandade relata sen romper en nada a narrativa da base principal da novela, a investigación dunha estafa á Seguridade Social polo cobro dunha pensión indebida durante máis dunha trintena de anos.

Desta volta mergullámonos na súa última novela “Las herederas de la Singer”. A novela é un canto ás mulleres das concas mineiras asturianas que baixaban á mina cando o seu pai, ou o marido, tiña un accidente e a familia quedaba sen sustento, ocupando un posto que non lles correspondía, cobrando a metade do salario e a pesar de que o goberno franquista o prohibise. Sempre ás agachadas; pagando favores que os que tiñan o poder cobraban, invariablemente, da mesma maneira. Apropiándose do seu corpo, aldraxándoo, vexándoo sen saber o que custaba dar ese paso. E non só se honra a estas pioneiras, tamén están as outras, as que esperaban na casa sabendo que un terzo do xornal do seu home se destinaba a putas e o outro a viño.  A historia dunha saga de mulleres percorre a novela, na que se alternan os tempos e as voces. Distintas xeracións da mesma familia, todas fortes e decididas, traballadoras e loitadoras: Olvido, Aurora, Águeda, Ana, Alba…

Destacamos da obra a forza motora que radica nos personaxes femininos así como a narración dos feitos históricos que aconteceron ao longo dos anos que abarca a trama (gañar a copa do mundo de fútbol, a caída das torres xemelgas, o confinamento…). As diferenzas sociais, a importancia dun bo apelido, os diferentes tipos de amor…. Sen dúbida un dos puntos fortes é a estrutura da novela.

E rematamos este ano tan prolífico en lecturas cun clásico “Agnes Grey “ da novelista e poetisa británica Anne Brontë, a máis nova dunha das familias máis literarias do Reino Unido, a dos Brontë.

Cando a súa familia queda empobrecida tras unha especulación financeira desastrosa, Agnes Grey decide colocarse como institutriz para contribuír aos escasos ingresos familiares e demostrar a súa independencia. Pero o seu entusiasmo apágase rapidamente ao ter que loitar contra os difíciles fillos dos Bloomfeld e o doloroso desdén co que a trata a familia Murray. Inspirada directamente nas infelices experiencias da autora, Agnes Grey describe as temibles presións a que se sometía ás institutrices no século XIX.

A nobre tarefa á que soña con dedicarse Agnes para conseguir a súa independencia enconómica e o seu ideal de mellorar a sociedade vese minada pola vontade dos educandos. O relato, detállanos a loita que a protagonista ten que afrontar para non caer no desanimo e non renderse ante tanta incomprensión.

Recordade que tedes nun post anterior as lecturas da primeira e segunda tempada do club dos Luns Fórum deste ano. Agora, estamos pensando xa nas lecturas do próximo curso pero antes, temos por diante un tempo de escollas individuais para nos acompañar nestes días solleiros e de lecer, e que sorte, que as bibliotecas están cargadiñas de novidades, así que botade unha ollada ao noso catálogo!!

Día do libro 2023: un libro ao teu carón

Chega abril e con el unha das nosas celebracións máis queridas: o Día do Libro. Este ano, máis que nunca, queremos ser o epicentro da festa nos barrios e poñer os libros ao teu carón, e para iso temos preparada unha proposta fantabulosa que se suma á nosa programación habitual, concentrada na semana previa ao 23 de abril: obradoiros creativos, roteiros e encontros literarios, lecturas en voz alta, agasallos… e libros, moitos libros!

Baixo o lema “Un libro ao teu carón: festa do libro 2023“, as bibliotecas municipais organizan un completo calendario para celebrar o Día do Libro, a semana previa ao 23 de abril, permitindo participar á veciñanza dos seus barrios en roteiros, obradoiros ou conversas con persoas que teñen moito que dicir dos libros.

Seguro que xa coñeces os nosos programas de contacontos e promoción lectora para crianzas de 0 a 7 anosos clubs de lectura e de divulgación científica, os encontros para familias, etcétera. Se a iso sumamos todas as actividades extraordinarias da semana, xa temos a festa feita!

O calendario completarase con mostras de temática variadas en cada biblioteca, que teñen como denominador común achegar á cidadanía curiosidades literarias e a diversidade do libro, e coa solta de libros nos barrios, preto das bibliotecas, durante toda semana. Estes “libros libres” levarán unha tarxeta para que a persoa que os atope poida compartir o instante nas redes sociais, o que virá dar máis sentido, incluso, ao lema escollido: levar “un libro ao teu carón”. E é que, ao noso través, o libro, este abril, toma os barrios!

Solta de libros

Queremos que os libros saian dos nosos andeis e paseen polos nosos barrios! Por iso, a partir do luns 17, cada biblioteca liberará lotes de libros variados nos seus arredores, que estarán identificados con etiquetas e tarxetas onde se explicará a dinámica desta solta simbólica das palabras, facendo do barrio enteiro unha biblioteca. Avisaremos a través de pistas nas nosas redes sociais de onde e cando buscalos.

Quen atope algún destes libros, pode quedar con el, levalo para a casa, lelo e despois volver deixalo en calquera lugar para que outra persoa o recolla e poida gozar con el. Animamos á veciñanza a compartir a súa foto co libro libre xunto co cancelo #unlibroaoteucarón e citando a @bibcoruna en Instagram ou Twitter.

Mostras bibliográficas: a diversidade do libro

BIBLIOTECAMOSTRADESCRICIÓN
DURÁN LORIGALibros para aprenderLibro informativo atractivo
SAGRADA FAMILIALibros para ver e desfrutar da pinturaLibros de arte para todas as idades
CASTRILLÓNLibros que falan de librosLibros metaliterarios
FÓRUMLibros belidosLibros de edicións coidadas e de luxo
ESTUDOS LOCAISA Coruña, escenario literarioLibros ambientados na Coruña
ROSALESEmoción, intriga e dor de barrigaLibros de intriga e misterio
MONTE ALTOLibros con vidaLibros biográficos

Buscar en Flickr

Actividades nas bibliotecas (do luns 17 ao sábado 22)

Para nenos e nenas de +8 anos: 

Para a mocidade:

Para persoas adultas:

  • Lecturas en voz alta  con participación clubs de lectura (Biblioteca Ágora, martes 18 pola tarde)
  • Roteiro Literario polas figuras literarias da cidade (Biblioteca Durán Lóriga, xoves 20, 17:30 h)
  • A Coruña escenario literario: encontro con Manuel Rivas (adiada a data orixinal; anunciaremos nova data en breve)