Category Archives: Novas

As suxestións dos nosos lectores

Co propósito de achegarnos o máximo posible ás necesidades dos nosos lectores, Bibliotecas Municipais de A Coruña ofrece a todas aquelas persoas que teñan no seu poder o carné de socio a posibilidade de propoñer a adquisición de libros, música, películas etc. que boten de menos na nosa colección. É recomendable que antes de formular calquera desiderata ou suxestión de compra o usuario comprobe que o que solicita non esté xa no noso catálogo.

catalogo

Desideratas

Cómo facer unha petición de compra á biblioteca

Se queres formalizar unha suxestión de compra ou desiderata podes facelo de dous xeitos:

Dende a biblioteca onde se formalice a petición de compra sempre se emitirá unha resposta,  tanto se a suxerencia é aceptada como se se rexeita a petición, explicando tamén o seu motivo. No caso de levarse cabo a compra do material e incluirse na colección, o solicitante terá o prioridade para poder levalo en préstamo.

Algúns dos nosos lectores e usuarios durante os meses de xullo e agosto fixeron uso das suxestión de compra e froito delas mostramos as formalizadas nas Bibliotecas Municipais do Ágora, Forum Metropolitano e Biblioteca Infantil e Xuvenil  que finalmente foron incorporadas á nosa colección:

fotos de desideratas

  • Hay vida después dela crisis? / José Carlos Díez
  • Skulduggery Pleasant, detective esqueleto. 6, La invocadora de la muerte
  • El ladrón de palabras [Vídeo] / Brian Klugman & Lee Sternthal
  • Scarlet / Marissa Meyer
  • Elogio del Amor / Alain Badiou con Nicolas Truong
  • Los reyes malditos. IV, La ley de los varones / Maurice Druon
  • Brújulas que buscan sonrisas perdidas / Albert Espinosa
  • As lambetadas de larpeiros / Merchi Rodal                                             animate a recomendar
  • De óxido y hueso [Vídeo] / Jacques Audiard
  • Un final feliz / Matthew Quick
  • Kobato. 6 / Clamp
  • Un paraíso inalcanzable / John Mortimer
  • Luz sobre el yoga / B.K.S. Iyengar
  • El huevo de oro / Donna Leon
  • Galácticas I: Misión Amor /Sabine Both
  • La caja de música / Constantin Costa-Gavras
  • Sin fronteras / Albert Casals
  • La leyenda / Broken de Caleb Carr

Twitter: anímate a recomendar 

As vosas recomendacións tamén nos interesan, por iso convidámosvos a que nos sigades na nosa conta de Twitter @bibcoruna co noso  hashtag  #recomendamosbmc onde tanto nós, os profesonais bibliotecarios, como vós, os nosos lectores facemos recomendacións persoais sobre libros, películas, música etc.

Inauguración da Casa Museo Manuel María

 

A casa natal de Manuel María, convertida agora en Casa Museo, abrirá as súas portas ao público o sábado, día 7 de setembro.

Ademais do acto institucional previsto para as 11:30h., levarase a cabo un xantar popular na carballeira de Santa Isabel, un gran concerto musical con Fuxan os Ventos, Miro Casabella, Uxía, María Manuela, Berrogüetto e Roi Casal. Intercalarase coa lectura de poemas por parte de Pilar Pallarés, Luz Pozo, Fernán Vello, Méndez Ferrín, Marica Campo e Bernardino Graña. A maxia do Mago Antón e a animación de Xurxo Souto, completarán a xornada.

Haberá visitas guiadas durante toda a xornada.

A participación é libre e gratuita, menos o xantar que se debe facer a reserva antes do día 30 ás 20 horas (en fundacion@manuelmaria.com, tfno.: 609 238 441. Prezo: 19 euros)

Nace Bibliosons: un novo blog de música nas Bibliotecas Municipais da Coruña

bibliosons2

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña estamos de estrea, acabamos de inaugurar un blog de música, Bibliosons, co obxectivo de iniciar unha nova canle de comunicación con todos os amantes da música que visitades a miúdo os nosos fondos musicais ou descoñecedes por completo todo o que as nosas bibliotecas agochamos nas estanterías entre libros, películas e cd´s

Bibliosons pretende descubrirvos a gran variedade dos nosos fondos musicais pero tamén:

  1. Informar das últimas novidades musicais incorporadas ao noso catálogo
  2. Difundir as actividades que organizamos relacionadas coa música
  3. Crear un espazo interactivo onde colaborar con entidades e asociacións que traballan no eido da música na nosa cidade
  4. Empregar a música coma un elemento de integración das comunidades de inmigrantes existentes na Coruña, a través do (re)coñecemento da diversidade cultural e da súa valorización en positivo
  5. E sobre todo, por riba de todo: charlar, compartir, opinar, debatir e mellorar as nosas bibliotecas e particularmente os nosos fondos musicais con todas vosas aportacións e comentarios.

bibliosons1

Bibliosons está estruturado en 8 categorías temáticas:

  • Local (artistas e grupos)
  • Actualidade (novidades, concertos, …)
  • Retrovisor (artistas e bandas, escenas musicais, … de épocas pasadas)
  • Recomendacións (nosas e dos nosos usuarios e usuarias)
  • Entrevistas (a artistas, xente do ambiente musical da cidade, …)
  • Radio (lista de reprodución)
  • En profundidade (reportaxes)
  • Ao Vivo (crónicas de concertos, os Xoves na Sagrada, …)

Participa, comenta e descúbrenos esa música que non atopas nas nosas bibliotecas, axúdanos a mellorar, porque como dicía Shakespeare:

O home a quen non lle conmove o acorde dos sons harmoniosos, é capaz de toda clase de traicións, estrataxemas e depravacións.  William Shakespeare

bibliosons3

E se queres recibir as próximas actualizacións de Bibliosons no teu correo, deixános o teu nome e o teu correo no formulario de contacto.

Biblioteca(thlon)

Na marabillosa tarde de onte, soleada e calurosa, fun a unha coñecida tenda onde venden artigos, roupa e calzado deportivos. A curiosidade que vos quero contar xurde cando me dispoño a pagar, momento no que vexo uns carteis que me fan recordar os resultados da enquisa de valoración que distribuímos vía mail nos primeiros meses de 2013 entre usuarios das nosas bibliotecas.

Encontraches o que buscabas? Se non é así mándanos un mail a xxxx@xxx

Claramente, a superficie comercial busca e potencia a interacción cos clientes para obter o feedback que xenera a transmisión do coñecemento (ata o de agora nas mans dos clientes). Se a empresa non coñece as necesidades e opinións destes, dificilmente poderá mellorar e/ou cubrir as expectativas das persoas que se desprazan ata alí coa intención de adquirir algún artigo novo. E o que é peor, quizá non consiga nin que se despracen.

Como vos dixen, non puiden evitar levar isto ao meu terreo profesional e pensar que nas nosas bibliotecas ben poderiamos facer o mesmo: colocar uns carteliños similares, na saída dos recintos ou nos propios mostradores, para saber de primeira man se todo aquel que entra nas nosas instalacións atopa aquilo que está buscando.

E poderiamos tamén incluír un código QR desde o que enlazar o formulario de suxerencia de compra (dispoñible na nosa páxina web e nos mostradores en formato papel) para que calquera persoa desde o seu smartphone poida acceder e cubrilo no mesmo instante en que sae da biblioteca e mentres camiña cara o bus, o súper, o ximnasio…

O texto do cartel podería ser algo así:

Se queres que a biblioteca consiga algún libro, vídeo, disco ou calquera outro material que che interese e que non haxa en ningunha das 8 bibliotecas, cubre este formulario e intentaremos adquirilo para que poidas gozar del o antes posible.

Seguro que así recibiríamos máis suxerencias online que as 207 recibidas durante o ano 2012; e mataríamos ademais 2 paxaros dun só tiro ao darlle máis visibilidade a un servizo que resultou ser pouco coñecido entre os usuarios que cubriron a enquisa que vos mencionei.

a coruña a cidade que leE vós, coñecíades este servizo? Ou é a primeira vez que oídes falar del? Quizá en breve poidamos cambiar o lema e dicir:

A Coruña, a cidade que le e suxire lecturas

Feira do libro e Viñetas desde o Atlántico

IMG-20130801-WA0004

Gema e Iván na apertura do stand

Hoxe arranca a Feira do Libro e da Banda deseñada na Coruña e alcanza xa a súa 42 edición. Este ano coincide co XVI Salón do cómic: Viñetas desde o Atlántico.

Os nosos bibliotecarios expertos en cómics (dous deles na foto) están xa no stand para suministrar toda a información acerca da feira e das bibliotecas, nas que, como todos sabedes, temos un amplísimo fondo de cómics para todos os gustos.

As mellores librarías da cidade (que por sorte para nós son moitas) tráennos as últimas novidades publicadas ao tempo que nos dan a posibilidade de coñecer de primeira man os seus autores e autoras.

Se te pasas polos Xardíns Méndez Núñez entre o 1 e o 11 de agosto poderás obter un 10% de desconto en todos os libros que están á venda. O horario de apertura é de 11 a 14 horas polas mañás e de 18 a 22 horas polas tardes.

O compromiso das Bibliotecas Municipais da Coruña co cómic é moi serio e profundo e, por iso, organizamos unha chea de actividades e diversas seleccións de cómics para complementar todo isto dentro das nosas bibliotecas.

Ademais, a Biblioteca Municipal de Estudos Locais, especializada en todo o referente á Coruña, alberga e dixitalizan documentos que poden resultar, cando menos, interesantes e curiosos, coma a colección de carteis da Feira do Libro da Coruña de todos os anos. Que vos parece o contraste destes dous carteis?

1373966081148_640_480_A_e9baa7e19e98bc9e9247ca5be4cdd

Cartel da Feiro do Libro coruñesa do 2013

aaaaaa

Cartel da 2ª Feira do Libro antigo e de ocasión na Coruña, dixitalizado e disponible no catálogo das Bibliotecas Municipais

Miguel Anxo Fernán Vello presenta Habitación de Asombro

El venres 12 de Xullo o poeta Miguel Anzxo Fernán Vello presenta o seu novo libro Habitación do Asombro editado por Espiral Maior  na sede de Amigos de Museos de Galicia-Portas Ártabras  as 20.00 horas

Miguel Anxo Fernán VelloMiguel Anxo Fernán Vello

Naceu en Cospeito en 1985. Realizou estudos de Música (Guitarra Clásica) no Conservatorio Superior de Música da Coruña e de Psicoloxía e Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e na Universidade de Santiago de Compostela. Membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e AGAL.

En 1991 fundou a editorial Espiral Maior  e foi, tamén,  un dos fundadores das revistas Cen augas e Agália. Deuse a coñecer ao ser premiado no VIIº Concurso Modesto R. Figueiredo co relato Anti-memória dun día.

No ano 2001 estreouse, por encargo da Orquesta Sinfónica de Galicia, a súa cantata Cantiga Finisterrae para múltiples voces de luz.

Como escritor é autor de numerables obras  tanto en poesia como de teatro, ademáis de colaborar en obras colectivas

Unha mostra das súas últimas obras son:

  • Poetas e Narradores nas súas voces (Vol. I), 2001Consello da Cultura Galega.
  • Capital do corpo, 2004Deputación da Coruña.
  • Territorio da desaparición, 2004, Galaxia. Publicado en castelán (en edición bilingüe) como Territorio de la desaparición no 2011, en Huerga & Fierro.
  • Dicionario do estremecemento, 2007, Espiral Maior.
  • Antologia Poetica, organización de Manuele Masini e Teresa Seara, tradución ó italiano de Manuele Masini. Pisa, editorial ETS: 2008.
  • Astro interior. Escolma poética 1984-2007, 2008, PEN Clube de Galicia/Danú.
  • Habitación do asombro, 2013, Espiral Maior.

AHabitación de Asombro súa última obra , Habitación do Asombro foi galardoada co XXVIII Premio de Poesia Cidade de Ourense.

No seu dia o xurado elexiu por unanimidade Habitación do Asombro e salientou que é:

«un libro de poemas de longo alento que mantén a tensión poética de principio a fin sen decaer en ningún momento. De grande unidade temática estilística, con imaxes reveladoras e brillantes, de grande perfección rítmica. Ofrece unha lectura transversal na que os poemas se vinculan ao momento histórico que vivimos».

Nas Bibliotecas Municipais de A Coruña podes atopar obras tanto de Miguel Anxo Fernán Vello como numerosos títulos da Editorial Espiral Maior, que el mesmo fundou e que é todo un referente da aposta pola poesía e polos autores noveles deste xénero.

Porque #asMunicipaisEntenden

… e cada vez entendemos máis!

A nosa wiki LGTB está de aniversario. Co propósito concreto de servir de escaparate virtual desde o que mostrar todos os materiais que poñemos á vosa disposición en torno á temática LGTB (lesbianas, gais, transexuais e bisexuais), naciu nestas datas coincidindo co aniversario dos disturbios de Stonewall.

Estes disturbios, que son citados coma a primeira ocasión na que a comunidade LGTB loitou contra un sistema que perseguía ás persoas homosexuais, son xeneralmente recoñecidos coma o catalizador do movemento moderno prodereitos LGTB en todo o mundo.

Nesta wiki poderás atopar enlaces a recursos web de todo tipo, aos post que fomos publicando durante o Orgullo 2012 e a unha selección de tráilers e videoclips de música e cine.

#asMunicipaisEntenden

+ info das actividades 2013

A implicación do persoal das Municipais con este tema é moi destacable:

#asMunicipaisEntenden porque todos somos igual de diferentes

Centro de interese “Os mellores de…”

Na Biblioteca Municipal Ágora acabamos de poñer en marcha un novo centro de interese “Os mellores de…”, unha selección de calidade dos mellores libros, películas e música dun determinado tema ou xénero. Cada catro meses os fondos deste centro de interese renovaranse e xirarán en torno a unha temática diferente.

OS MELLORES DE

Comezamos cos “Mellores da literatura levada ao cine”, unha selección desas xoais da literatura levadas ao cine da man tamén de excelentes intérpretes e directores. Libro e máis película co mesmo título para degustar, comparar, gozar e compartir.

Temos dispostos os packs libro + película que podedes levar en préstamo: historias de amor, de aventuras, de terror, de drama… en definitiva, unha chea de historias para amantes do cine e da literatura. A continuación, podedes ver algunhas das obras que atoparedes neste novo centro de interese:

O pase de diapositivas require JavaScript.

Ademais, elaboramos unha guía de lectura que recolle as obras que forman parte dos mellores libros de cine agrupados en infantil, xuvenil, adultos, cómic e  teatro. Podedes ver as reseñas tanto ao carón das obras colocadas na estantería como no Slideshare das Bibliotecas Municipais de A Coruña, a través do seguinte enlace: Guía de lectura “Os mellores… libros de cine”.

A miúdo a adaptación cinematográfica non soe superar á obra literaria, pero como todo nesta vida ten excepcións… levade o pack e contádenos se vos gustou máis o libro ou a peli! E se botades algo en falta na selección… non dubidedes en comentárnolo!!

Cantares Gallegos, 150 anos , homenaxe na Coruña

Rosalia de CastroSe algunha obra ten carácter mítico e fundacional na recuperación literaria da nosa lingua e cultura esa é Cantares Gallegos, coa que dá comezo o chamado Rexurdimento cultural de Galicia e coa que Rosalía de Castro se erixiu naquel momento, e xa para sempre, en figura central da nación dos galegos e galegas. Mañá, 17 de maio, cúmprense 150 anos da súa publicación, ou máis ben da data na que a súa autora asina a dedicatoria do libro á escritora andaluza Fernán Caballero, seudónimo de Cecilia Böhl de Faber.

Reducida durante anos a figura prototípica da Galicia sumisa, queixosa e melancólica –con intencións nada inocentes-, estudosos da súa obra como Francisco Rodríguez (Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria) teñen conseguido por fin que hoxe sexa sentida e divulgada a súa obra como propia dunha autora complexa, moderna e claramente progresista, situada ao carón do pobo desde unha posición cívica e social que non admite dúbidas canto á defensa das mulleres, a denuncia da emigración ou a propia percepción e difusión da identidade nacional de Galicia.

Do éxito do libro dan conta o convite que a autora recibiu para participar nos Jocs Florals de Barcelona ou a celebración que do mesmo fixeron poetas portugueses da talla de Antero de Quental ou Teófilo Braga, mais especialmente o feito de ter sido recoñecido unanimente como alicerce simbólico da recuperación cultural e identitaria do país.

Exemplar dunha primeira edición de Cantares Gallegos, dispoñibel na Biblioteca de Estudos Locais, conservado coa sua encadernación orixinal.

Con motivo da celebración dos 150 anos de Cantares Gallegos a cidade da Coruña, a única na que o seu principal teatro leva o nome de Rosalía, celebra unha homenaxe cívica á autora, homenaxe que á súa vez conmemora o que a cidade xa tributara a Manuel Murguía, o seu marido, en 1913, con motivo do seu 80 aniversario. A homenaxe terá lugar en dous actos:

  • Este xoves 16 de maio ás 20 horas preséntanse en Portas Ártabras (rúa Sinagoga, 22 A Coruña) dúas novas edicións de Cantares Gallegos, a cargo de Pepe Barro e de Anxo Angueira, respectivamente.  A fermosa edición de Pepe Barro destaca pola calidade creativa da súa parte gráfica e visual, e está a cargo de El Patito Editorial. A de Anxo Angueira -ademais de erudito, gran rapsoda dos versos de Rosalía- pola lectura anovada e crítica que ofrece da obra rosaliana.
  • O domingo 19 ás 19 horas no Teatro Rosalia un concerto – recital levará a poesía rosaliana ao público a través da música e das voces de diferentes artistas de noso.

Ficamos convidados, todos e todas, a celebrarmos nunha data central do noso calendario cultural unha efeméride que marcou para ben a nosa historia como pobo: desde a literatura e desde Nós, a defensa da xustiza, da igualdade e da fraternidade, na voz universal de Rosalía.

Letras Galegas 2013

O 17 de maio está ao caer e nas Bibliotecas Municipais de A Coruña xa temos todo preparado para a celebración das Letras Galegas 2013. Como cada ano, nesta data organízanse varios eventos culturais de homenaxe arredor da figura escollida pola Real Academia Galega (RAG). En palabras da propia Academia, o 17 de maio é:

Unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua.

¿E por que cada 17 de maio? Precisamente porque nesta data conmemórase o centenario da primeira edición en 1863 da obra Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, primeira homenaxeada nas Letras Galegas 1963.

Volvendo ao 2013, este ano está adicado á figura de Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950 – Santiago de Compostela, 2002), autor, director e actor de teatro. Sen dúbida algunha, unha figura imprescindible para coñecer a dimensión do teatro galego e o dramaturgo máis prolixo da historia da lingua galega.

roberto_vidal_bolano

Para coñecer a súa obra, podedes botar man da Guía de Lectura elaborada pola Biblioteca Municipal de Estudos Locais, así como tamén da páxina da Asociación Roberto Vidal Bolaño, entidade que nace en novembro de 2012 co obxectivo de promover a figura do autor dez anos despois da súa desaparición. Asómesmo, podedes consultar a selección de recursos web sobre Vidal Bolaño no noso Delicious. Abofé que atoparedes páxinas con información ben interesante!

E para rematar, un pequeno resumo da programación nas nosas bibliotecas en homenaxe a Vidal Bolaño:

  • Luns 20 de maio // 17.00 horas. Sorteo dun lote de libros en galego na Biblioteca Municipal Forum Metropolitano. O prazo para participar será do 3 ao 20 de maio e entrarán en sorteo aqueles usuarios e usuarias que se leven en préstamo 3 documentos en lingua galega e cubran o boleto.
Cartel lectura dramatizada en Biblioteca Estudos Locais Cartel Letras Galegas Biblioteca Municipal Ágora Letras Galegas na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano

Asómesmo, nas nosas biblios haberá mostras bibliográficas sobre a vida e obra de Vidal Bolaño e o teatro galego, e incluso obras de outros homenaxeados nas Letras Galegas en anos anteriores. Acercádevos e descubrídeas!