Category Archives: Club de lectura de autores galegos
casa atlántica, casa cabaret, de María Lado
Outra das actividades encadrada dentro da programación do Primaletras foi a lectura do poemario casa atlántica, casa cabaret, de María Lado, por parte do club de lectura de autores e autoras galegas da biblioteca de Estudos Locais.
Aínda lle pesan as lembranzas daquela casa nova con boas vistas e o teito inzado de manchas de humidade; se cadra tece desde alí esta historia dos obxectos que compoñen a María Lado, esas cousas estúpidas e sinxelas que se apegan a ela para non abandonala nunca e que a perseguen de mudanza en mudanza nunha viaxe íntima e circular.
Sinopse de casa atlántica, casa cabaret (Xerais, 2001).
María Lado naceu en 1979 en Cee (A Coruña). É titulada en Produción Audiovisual e cursou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a escribir no núcleo do Batallón Literario da Costa da Morte no ano 1996, onde publicou os seus primeiros textos en tres libros colectivos: Nós, Mar por medio e Rumbo ás illas.
En 1997 publica a súa primeira obra poética en solitario, A primeira visión. A partir de aí comeza unha carreira na que escribe sobre todo poesía, pero tamén cultiva outros xéneros como a narrativa, os guións para radio ou colabora en prensa (co xornal dixital Vieiros, coa revista Dorna e coa revista portuguesa Comentário, entre outras). Traduciu ó galego varios libros de literatura infantil publicados por Edicións do Cumio, editorial na que traballou durante cinco anos (entre eles, Alicia no País das Marabillas de Lewis Carroll). Tamén é actriz, e desde 2005 comparte escenarios coa tamén poetisa Lucía Aldao co dúo poético-musical Aldaolado. Con el realizan unha mestura de poesía con humor e música de carácter transgresor, nun exercicio de comunicación directa co espectador. O seu primeiro espectáculo foi Onde estea un cubata que se quite un soneto.
A escolla deste poemario veu motivada polo recital poético ofrecido polas poetas galegas Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Emma Couceiro, Lucía Aldao e a propia María Lado, guiado pola poeta, xestora cultural, filóloga e editora Dores Tembrás co gallo do Primaletras 2022.
Fariña, de Nacho Carretero
Nos clubs de lectura das bibliotecas de Estudos Locais e Monte Alto tivemos o pracer de ler Fariña, de Nacho Carretero, no pasado curso.


Versión en galego e versión en castelán do libro de Nacho Carretero.
Aínda que o narcotráfico é un tema que a todos e todas nos soaba, o certo é que Fariña nos achegou datos e curiosidades dese mundo que a maioría descoñecía: apelidos, clans, corrupción, nomes, mortes en accidentes que rematan non sendo tal…
Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.
Sinopse de Fariña.
Ademais, algunha persoa asistente ao club vira a serie anos atrás, polo que aproveitamos para falar das adaptacións audiovisuais de libros e para recomendar outras.

A serie estreouse en Antena 3 o 28 de febreiro de 2018, e unha semana antes, o dia 12, o libro foi retirado da venda de forma cautelar por orde dunha xuíza despois de que o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, denunciara ao autor por suposta vulneración do seu dereito ao honor. O libro colocouse no número un de vendas e a serie conseguiu unha grande audiencia. En xuño dese mesmo ano a xustiza revogou o “secuestro” do libro e, finalmente, en 2021, o caso foi desestimado.
Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é xornalista e traballou nas redacións de varios medios, para despois pasar a ser freelance e escribir para JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo, entre outros. Realizou reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ébola en África, a guerra civil siria, a ola de incendios forestais de 2017 en Galicia ou do seu amado Deportivo da Coruña.

Este é un dos poucos ensaios que lemos desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais, pero definitivamente deixou moi bo sabor de boca.
















































