Visita de Berta Dávila: un carrusel de emocións e aprendizaxe.


O pasado mes tivemos a inmensa honra de contar coa visita de Berta Dávila nos clubs de lectura das bibliotecas de Monte Alto e Estudos Locais.

Imaxe do encontro na biblioteca de Estudos Locais

A lectura de Carrusel foi a excusa perfecta para convidar á autora, da que xa leramos O derradeiro libro de Emma Olsen o ano pasado. Ambas novelas gustaron moito aos e ás asistentes aos dous clubs, e deron para debates fondos e reflexións atinadas sobre temas do común nos que moitas veces, por telos sempre ao noso carón, nin nos detemos a pensar.

PREMIO GARCÍA BARROS 2019 // PREMIO DA CRÍTICA ESPAÑOLA 2019  

Unha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.

Sinopse de Carrusel.

Con ela puidemos debullar temas da súa obra tan diversos como a saúde mental, a maternidade, a perda dun ser querido ou a soidade. Tamén quixemos saber máis do seu proceso de escrita, de como se organiza para levar a cabo unha novela e mesmo houbo cabida para algunha que outra rexouba sobre os premios literarios. E é que Berta Dávila vén de gañar o Premio Xerais 2021 con Os seres queridos e o Premio Jules Verne 2021 con Un elefante na sala de estar, publicados ambos este mesmo mes. Que unha autora ou autor gañe dous dos tres premios máis prestixiosos que outorga a editorial Xerais só acontecera unha vez en toda a súa historia: na convocatoria de 2009, cando Rosa Aneiros venceu con Sol de inverno (xente adulta) e Ás de bolboreta (xuvenil).

Sen ningunha dúbida, foi unha tarde que todas e todos nós levaremos no recordo. Grazas, Berta!

About antyaro

Ás veces escribo. E aquí poño o resultado

Posted on 3 Abril, 2022, in A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Club Monte Alto, Clubes de lectura, escritoras, letras galegas, Novela sobre a vida cotiá, Novela social e política, Xeral and tagged , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: