Arquivo do blog
Fariña, de Nacho Carretero
Nos clubs de lectura das bibliotecas de Estudos Locais e Monte Alto tivemos o pracer de ler Fariña, de Nacho Carretero, no pasado curso.


Versión en galego e versión en castelán do libro de Nacho Carretero.
Aínda que o narcotráfico é un tema que a todos e todas nos soaba, o certo é que Fariña nos achegou datos e curiosidades dese mundo que a maioría descoñecía: apelidos, clans, corrupción, nomes, mortes en accidentes que rematan non sendo tal…
Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.
Sinopse de Fariña.
Ademais, algunha persoa asistente ao club vira a serie anos atrás, polo que aproveitamos para falar das adaptacións audiovisuais de libros e para recomendar outras.

A serie estreouse en Antena 3 o 28 de febreiro de 2018, e unha semana antes, o dia 12, o libro foi retirado da venda de forma cautelar por orde dunha xuíza despois de que o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, denunciara ao autor por suposta vulneración do seu dereito ao honor. O libro colocouse no número un de vendas e a serie conseguiu unha grande audiencia. En xuño dese mesmo ano a xustiza revogou o “secuestro” do libro e, finalmente, en 2021, o caso foi desestimado.
Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é xornalista e traballou nas redacións de varios medios, para despois pasar a ser freelance e escribir para JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo, entre outros. Realizou reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ébola en África, a guerra civil siria, a ola de incendios forestais de 2017 en Galicia ou do seu amado Deportivo da Coruña.

Este é un dos poucos ensaios que lemos desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais, pero definitivamente deixou moi bo sabor de boca.
Fin de curso 2020-2021 de Café con Libros: Presencial Vs Virtual
Fai unhas semanas rematamos o curso dos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, tentaremos facervos chegar un pequeno resumo de todo o que deu de si este ano. Novamente eran moitas as sensacións e os sentimentos que tiñamos acumulados despóis do confinamento, moitas eran as ganas de volver á normalidade e as nosas reunións de forma presencial, poder ver ás nosas lectoras e enriquecer as lecturas ca posta en común.
Comezamos esta nova andaina con moita ilusión, con sesións presenciais que respectaban todas as medidas de seguridade: pechamos os espazos para poder manter a debida distancia, o aforo limitado e a máxima ventilación. Foron apenas dúas sesións o que nos deu tempo a facer con cada grupo, “un ola e adeus”. A alegría durounos pouco e enseguida tivemos que tornar á virtualidade, as restricións de aforo en espazos cerrados imposibilitáronnos continuar, máis adaptámonos e co xa aprendido no curso anterior puxemos en marcha de novo as conexións virtuais. Se ben é certo que non todas as nosas compañeiras se conectaron, o máis importante para nós foi que ningunha delas deixou de vir buscar as súas lecturas á Biblioteca, o vínculo con nós non desapareceu. En compensación, xurdiron de forma espontánea charlas improvisadas a pé de mostrador.
Tivemos lecturas do máis heteroxéneo, desta volta quedounos unha proposta de títulos moi axeitada, sempre pensando en facer unha selección o máis equilibrada posible. Miramos de ter autores-as de tódalas xeracións e correntes literarias, obras en galego, cómics, e mesmo, os que era necesario tachar da lista de “ler sen falta”. Non podíamos deixar de incluír tamén aquelas que estaban de celebración este ano. Fagamos un breve repaso a todas elas.
Descubrimos autoras contemporáneas coma a belga Caroline Lamarche e a súa obra Estamos en el borde, Cristina Sánchez Andrade con Alguién bajo los párpados e Nadia Terranova con Adiós, fantasmas.
Fixemos unha aproximación a literatura afroamericana da man de dúas escritoras como Nella Larsen e Yaa Gyasi. A primeira co título, Arenas movedizas, deunos a posibilidade de coñecer a unha autora que foi precursora e clave no Renacemento de Harlem de principios do século XX. Yaa Gyasi, pertencente a unha nova xeración de escritoras afroamericanas, sorprendeunos ca súa primeira novela Volver a casa. Coincidindo con estas lecturas fixemos unha mostra bibliográfica na Biblioteca adicada ao Black History Month, celebración anual que busca o recoñecemento da cultura afroamericana.




A literatura clásica correu a cargo da pequena e máis descoñecida das irmáns Bronte, Anne, ca súa novela Agnes Grey. Seguimos ca matriarca das letras catalás Merce Rodoreda e o seu Espejo Roto. Nancy Mitford deixounos fascinadas tanto pola súa novela A la caza del amor ,como pola biografía da súa propia familia. Non vola perdades!
En galego tivemos a oportunidade de ler Virtudes (e misterios) de Xesus Fraga, unha emocionante crónica da emigración a traves dos ollos da súa propia avoa; o clásico contemporáneo Resistencia de Rosa Aneiros e a innovadora Circe ou o pracer do azul da finada Begoña Caamaño.
Aproveitando a celebración dos 20 anos da editorial Astiberri limos o comic Pedro y yo do autor americano Judd Winick. Ao mesmo tempo, preparamos unha mostra cos fondos que tiñamos na biblioteca dunha das editoriais preferidas dos nosos usuarios-as.
Este ano a homenaxeada polas Letras Galegas 2021 foi a autora Xela Arias, poeta, tradutora, editora e profesora, quixemos aproveitar a efeméride para achegarnos a súa faceta como tradutora da man da obra O bosque animado do autor coruñés Wenceslao Fernández Florez . Esta lectura deunos a oportunidade de aproximarnos a estas dúas grandes figuras e poñer en valor a importancia dunha boa tradución. A lectura trouxo consigo novamente unha mostra bibliográfica, centrámola na tradución ao galego, resaltando o traballo editorial en Galicia na actualidade: Rinoceronte, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Catro Ventos, Kalandraka, etc.
As nosas lectoras tiveron a oportunidade de sumarse á celebración do Centerario de Emilia Pardo Bazán ca lectura da súa novela Insolación, nunha magnífica edición ilustrada da editorial Reino de Cordelia. Grazas ao centenario puidemos disfrutar da reedición de boa parte da su obra, nuns casos en edicións renovadas e noutros, obras que levaban tempo sen ver a luz. Contamos cunha nutrida representación nunha mostra que estará dispoñible na sala de adultos ata o mes de decembro na nosa Biblioteca. Nestes últimos meses estamos a ver coma a obra de Dona Emilia non deixa de prestarse, con grande xúbilo pola nosa banda.


É coma peche final do curso que mellor que poder compartir unha ruta literaria pola cidade, esta vez xuntas. “A Marineda de Dona Emilia” levounos a visitar sitios emblemáticos e reconstruír A Coruña do século XX, a Marineda das obras da autora coruñesa.



Velaí as lecturas do curso 2010-2021. Coma vedes, non tivemos tempo para aburrirnos, a pandemia condicionou a forma de facer as tertulias pero non impediu cas lecturas continuasen. Andamos matinando xa no próximo curso, a cabeciña non para. Deixamosvos o cartaz e as guías de lectura deste curso, onde poderes observar os títulos lidos nestes meses. Seguimos tecendo corazóns, tocando almas, procurando alento…!!! Ata o curso que ven. Bo verán e boas lecturas. ¿Que libros meteríades nas vosas maletas…?
#DesordénateCoasLetras Xela Arias tradutora: “O bosque animado”
Nos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, Café con libros, limos “O bosque animado” de Wenceslao Fernández Flórez na tradución da homenaxeada polas Letras Galegas 2021, Xela Arias. Poeta, tradutora, editora e profesora, quixemos aproveitar a efeméride para achegarnos á unha obra de tradución, pois parecíanos unha faciana ben interesante para mergullarnos na súa escrita.
Como tradutora, Xela Arias verteu ao galego obras de Fenimore Cooper, Jorge Amado, James Joyce, Camilo Castelo Branco, Roald Dahl, Angela Carter, Baudelaire ou Alice Vieira, labor polo que recibiu recoñecementos como a Medalha do Prêmio de Tradução Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro.
“Ao traducir ao galego crease un patrimonio de lecturas galegas, algo necesario para construír unha lingua”.
No caso da obra de Wenceslao Fernández Flórez, un clásico das nosas letras que tiñamos pendente ler no seo dos nosos clubs de lectura, pareceunos acaído ler sobre a fraga de Cecebre na lingua na que falarían as súas e os seus protagonistas. Xa vos adiantamos que nas tertulias, foi un éxito rotundo e é que a tradución de Xela Arias é coidadísima. Cunha linguaxe que nos trasportou á época e aos lugares que Fernández Flórez recreaba no seu texto.
“O bosque animado” é o gran libro da Fraga de Cecebre, situada no concello de Cambre, preto da Coruña. Nestas páxinas, Fernández Flórez narra as historias pequenas dos habitantes da fraga: Fendetestas, Xeraldo, Hermelinda, Pilara, Marica etc. Mais tamén dos aparecidos ou fantasmas que pasean polo bosque: a alma en pena de Fiz Cotobelo e por suposto de Hu-Hu e as súas moscas, do clan dos gatos ceibes, ou das árbores que cren que un poste de telégrafos é unha compañeira delas. Nesta novela fantástica latexa, algueirante e punxente, o buligar vital, polo común da xente, da multitude de animais e plantas que constitúen o mundo insospeitado da Fraga de Cecebre, xunto coa tensa andaina humana duns seres conformados indubidablemente pola cultura galega. Esta tradución constitúe unha invitación afervoada a descubrirmos o rico mundo de noso.
Xela Arias puxo en marcha a colección Xabarín (hoxe en día chamada Xabaríl) dentro da editorial Xerais, nun proceso de verter ao galego obras universais para as lectoras mozas e mozos, nun momento no que o galego entraba nas aulas. Resulta moi interesante ler as anotacións que a propia Xela introduce ao longo das páxinas de “O bosque animado”, achegando novos significados e clarificando partes do texto orixinal. Toda unha alfaia para as nosas lectoras dos clubs.
Podedes coñecer un pouco máis da súa faceta de tradutora lendo as súas biografías, hoxe dispoñibles tanto nas librarías como no catálogo das Bibliotecas Municipais da Coruña, nas publicacións periódicas como o especial da Revista Luzes ou do Sermos Galiza, así como na páxina web da Real Academia Galega cunha serie documental sobre Xela Arias á que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2021 composta por 6 capítulo breves que percorren distintos aspectos da vida e da obra da autora: “A Palabra esgazada – Traballadora das palabras Capítulo 2“:
Para seguir toda a campaña de Letras Galegas das Bibliotecas Municipais da Coruña, convidámosvos a non perder detalle na nosa páxina web, así como nas redes sociais das @bibcoruna e visitando presencialmente calquera das nosas Bibliotecas. Atoparedes mil e un recursos dos que tirar do fío e descubrir canda nós a Xela Arias.

Precisamente, as mostras bibliográficas centrámolas na tradución ao galego, poñendo en valor o traballo editorial na Galicia actual: Rinoceronte, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Catro Ventos, Kalandraka, etc. Contemplamos por suposto toda a obra de Xela Arias, así como as pezas que falan dela. Celebramos o panorama editorial actual no que por fin podemos conseguir de novo todos os seus poemarios. E engadimos unha escolma de poemarios de poetas amigas, moitas delas que compartiron tempo e espazos na vida da escritora. Celebrémola desordenando as letras ao seu carón!
Visibilizar o invisible: a perspectiva feminista dos clubs de lectura das BMC
Neste 8M, as Bibliotecas Municipais estamos tentando mostrarvos o noso xeito de “Visibilizar o invisible” a través da nosa labor diaria. Os clubs de lectura somos un exemplo onde podemos incidir, tertulia tras tertulia, no debate sobre os feminismos. E así levámolo facendo ao longo destes anos. Pero é verdade, que nesta última ola, somos todavía máis conscientes da necesidade de ler a máis autoras e de ter presente esta perspectiva á hora de programar lecturas, afrontar temas de debate, propor actividades etc.
Na rede de Bibliotecas Municipais da Coruña puxemos en marcha un club de lectura feminista O cuarto propio, que vén completar o amplo catálogo de accións de promoción da lectura e da igualdade e diversidade que ofrecemos, como o centro de interese Xénero e feminismos ou o club de lectura LGTB QUEERuña.
Pero ademáis, todas as compañeiras e compañeiros que coordinamos clubs de lectura, temos integrada a perspectiva feminista no noso traballo diario: lecturas e espazos de encontro e debate onde reflexionar sobre a procura da igualdade real nas nosas sociedades. E queremos mostrarvos, só como exemplos, e recomendacións lectoras, por suposto!, algúns dos títulos que estamos a ler e comentar nos diferentes grupos de lectoras que integramos os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais:
- O club de lectura LGTB QUEERuña está a ler Unha primavera para Aldara de Teresa Moure.
- No club de lectura de cómic o debate céntrase no clásico de Marjane Satrapi: Persépolis.
- Tamén na Biblioteca Forum, o club de lectura fácil: Fiando historias está con Satrapi, neste caso falan do cómic: Pollo con ciruelas.
- As compañeiras da Biblioteca Sagrada Familia coméntannos que veñen de ler e comentar conto a conto El encaje roto de Emilia Pardo Bazán. Moito imos ler e falar sobre ela este ano, Centenario de Dona Emilia.
- No club de lectura de Durán Loriga están lendo Vi. Una mujer minúscula de Kim Thúy.
- O club de lectura de Estudos Locais comentan a novela Memoria do silencio de Eva Mejuto.
- Nos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, Café con libros, levamos unha media de 8 libros de autoras por 2 de escritores no que vai de curso 2020-2021. Neste mes estamos a traballar a obra de Begoña Caamaño Circe ou o pracer do azul, así que a persectiva feminista non pode estar en mellores mans que nas de Begoña e a súa revisión da mitoloxía dende o punto de vista das mulleres. Este tema da para mostra! Pronto a teremos lista.
- As compañeiras da Biblioteca Ágora coméntannos que elas traballan cada día pola igualdade, fuxindo un pouco dos “días de”, centrándose na nosa capacidade de incidir nos debates que importan á sociedade co traballo bibliotecario ao longo do curso.
- E xa para rematar este percorrido por diferentes grupos de lectoras, Antía Yáñez, coordinadora do club da Biblioteca Monte Alto escríbenos o seguinte texto, a raíz do modo en que elas traballan:
Moitas das últimas escollas para o club de lectura de Monte Alto estiveron centradas na reivindicación de mulleres coñecidas, pero quizais non tan recoñecidas en ámbitos que van máis alá do que os manuais de literatura ou mesmo a crítica nos queren achegar. A primeira foi Emilia Pardo Bazán co seu El encaje roto, unha escolma de relatos contra a violencia de xénero que nos amosou á escritora coruñesa desde unha vertente feminista que moitas persoas descoñecían. Esta semana, a do 8 de marzo Día da Muller, é a quenda de Gloria Fuertes.
Lecturas de Café con Libros 2021. Primeira Parte

Nos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales as nosas tertulias seguen a ser virtuais pero continuamos a tecer fíos invisibles que nos unen nunha comunidade, nunha tribo, por así dicilo, que comparte o pracer da lectura.
Abrimos o primeiro trimestre do 2021 coa lectura da obra Volver a casa de Yaa Gyasi. A primeira novela da xove de orixe ghanesa reconstrúe a historia dos seus antepasados desde o África esclavista do século XVIII ata o Estados Unidos do século XX. A idea da obra xorde nunha viaxe que a escritora fai ao seu país de orixe, onde visita o castelo de Costa do Cabo, no que se apiñaban miles de africanos antes de ser vendidos como escravos. O argumento centrase nas personaxes de Effia e Esi, dúas irmás de sangue que nunca chegarán a coñecerse. A obra estrutúrase a través dunha ducia de personaxes, cada un protagoniza un capítulo cun pano de fondo histórico distinto, incluíndo datas e acontecementos de cada período. A través das súas páxinas coñecemos as guerras tribais, a chegada dos misioneiros ao país africano, a lei de escravos fuxitivos de 1850, pasando polas minas nas que tras a Guerra de Secesión os negros cumprían condenas por delitos inventados ; das rúas de Harlem ás aldeas subsaharianas; da epidemia do crack no Nova York dos oitenta, ao nacemento do movemento de independencia na Costa do Ouro. Toda unha leccion de historia.
Esta novela serviunos de catalizador e sen darnos conta entramos de cheo no mes de febreiro, o mes por excelencia no que réndese homenaxe a xeracións de afroamericanos que loitaron contra a adversidade para lograr a plena cidadanía na sociedade estadounidense, o Black History Month. Que mellor maneira de sumarnos a esta celebración que a través dunha mostra bibliográfica, na que poderedes atopar unha coidada selección de novelas, cómics, películas e cds de música que abordan a historia do pobo negro.
Se facemos un pouco de memoria, o mes da Historia Negra – Black History Month – é unha conmemoración anual para homenaxear ás persoas afrodescendentes que, aínda hoxe, sofren o racismo institucional e cotián que impera nalgunhas sociedades desenvolvidas. Actualmente, toma unha relevancia especial co auxe dos movementos sociais, por mor da morte de George Floyd e o movemento Black Lives Matter, onde se busca acabar co racismo e a inxustiza social.
A orixe desta iniciativa remóntase ao 1926, cando Carter G. Woodson instituíu nos EEUU a Semana da Historia dos Negros. Elixiuse a segunda semana de febreiro coincidindo cos aniversarios do presidente Abraham Lincoln e do abolicionista Frederick Douglass. A partir de 1976, a semana inicial ampliouse a todo un mes. Na actualidade, o Mes da Historia Negra conmemórase de maneira oficial en Canadá e Estados Unidos en febreiro e en Irlanda, os Países Baixos e o Reino Unido en outubro.
Seguimos tirando do fío e chegamos ao noso recuncho de #Viaxalendo, un pequeno espazo que reservamos na sala de adultos dedicada á literatura dun país, polas nosas estanterías xa viaxamos a Xapón, Irlanda, India ou Portugal. Desta volta no podiamos deixar de dar voz a unha literatura tan rica pero tan descoñecida como a do continente africano. Desde o norte ao sur. Alí poderedes encontrar obras de J.M. Coetzee (Sudáfrica), Jose Eduardo Agualusa (Ángola), Yasmina Kadra (Alxer), Leila Slimani (Marrocos) e tantos outrxs.
Pechamos o círculo literario deste primeiro trimestre con Arenas movedizas de Nella Larsen. A evocadora primeira novela desta autora (1928), a máis autobiográfica, é a historia dunha muller que vive entre dous mundos lastrado polos prexuízos e o sectarismo. Autora esquecida e reinvindicada por algunhas figuras actuais como Alice Walker, Toni Morrison e Maya Angelou que veñen de rescatar do esquecemento aos artistas do chamado Renacemento de Harlem e, entre eles, á nosa autora, para introducila non xa no canon das escritoras afroamericanas, senón no das autoras estadounidenses de calquera cor.
Non podíamos comezar de mellor maneira este temporada literaria nos clubs de lectura “Café con Libros”!! Non vos parece?






































































