Arquivo do blog
Fin de curso 2020-2021 de Café con Libros: Presencial Vs Virtual
Fai unhas semanas rematamos o curso dos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, tentaremos facervos chegar un pequeno resumo de todo o que deu de si este ano. Novamente eran moitas as sensacións e os sentimentos que tiñamos acumulados despóis do confinamento, moitas eran as ganas de volver á normalidade e as nosas reunións de forma presencial, poder ver ás nosas lectoras e enriquecer as lecturas ca posta en común.
Comezamos esta nova andaina con moita ilusión, con sesións presenciais que respectaban todas as medidas de seguridade: pechamos os espazos para poder manter a debida distancia, o aforo limitado e a máxima ventilación. Foron apenas dúas sesións o que nos deu tempo a facer con cada grupo, “un ola e adeus”. A alegría durounos pouco e enseguida tivemos que tornar á virtualidade, as restricións de aforo en espazos cerrados imposibilitáronnos continuar, máis adaptámonos e co xa aprendido no curso anterior puxemos en marcha de novo as conexións virtuais. Se ben é certo que non todas as nosas compañeiras se conectaron, o máis importante para nós foi que ningunha delas deixou de vir buscar as súas lecturas á Biblioteca, o vínculo con nós non desapareceu. En compensación, xurdiron de forma espontánea charlas improvisadas a pé de mostrador.
Tivemos lecturas do máis heteroxéneo, desta volta quedounos unha proposta de títulos moi axeitada, sempre pensando en facer unha selección o máis equilibrada posible. Miramos de ter autores-as de tódalas xeracións e correntes literarias, obras en galego, cómics, e mesmo, os que era necesario tachar da lista de “ler sen falta”. Non podíamos deixar de incluír tamén aquelas que estaban de celebración este ano. Fagamos un breve repaso a todas elas.
Descubrimos autoras contemporáneas coma a belga Caroline Lamarche e a súa obra Estamos en el borde, Cristina Sánchez Andrade con Alguién bajo los párpados e Nadia Terranova con Adiós, fantasmas.
Fixemos unha aproximación a literatura afroamericana da man de dúas escritoras como Nella Larsen e Yaa Gyasi. A primeira co título, Arenas movedizas, deunos a posibilidade de coñecer a unha autora que foi precursora e clave no Renacemento de Harlem de principios do século XX. Yaa Gyasi, pertencente a unha nova xeración de escritoras afroamericanas, sorprendeunos ca súa primeira novela Volver a casa. Coincidindo con estas lecturas fixemos unha mostra bibliográfica na Biblioteca adicada ao Black History Month, celebración anual que busca o recoñecemento da cultura afroamericana.




A literatura clásica correu a cargo da pequena e máis descoñecida das irmáns Bronte, Anne, ca súa novela Agnes Grey. Seguimos ca matriarca das letras catalás Merce Rodoreda e o seu Espejo Roto. Nancy Mitford deixounos fascinadas tanto pola súa novela A la caza del amor ,como pola biografía da súa propia familia. Non vola perdades!
En galego tivemos a oportunidade de ler Virtudes (e misterios) de Xesus Fraga, unha emocionante crónica da emigración a traves dos ollos da súa propia avoa; o clásico contemporáneo Resistencia de Rosa Aneiros e a innovadora Circe ou o pracer do azul da finada Begoña Caamaño.
Aproveitando a celebración dos 20 anos da editorial Astiberri limos o comic Pedro y yo do autor americano Judd Winick. Ao mesmo tempo, preparamos unha mostra cos fondos que tiñamos na biblioteca dunha das editoriais preferidas dos nosos usuarios-as.
Este ano a homenaxeada polas Letras Galegas 2021 foi a autora Xela Arias, poeta, tradutora, editora e profesora, quixemos aproveitar a efeméride para achegarnos a súa faceta como tradutora da man da obra O bosque animado do autor coruñés Wenceslao Fernández Florez . Esta lectura deunos a oportunidade de aproximarnos a estas dúas grandes figuras e poñer en valor a importancia dunha boa tradución. A lectura trouxo consigo novamente unha mostra bibliográfica, centrámola na tradución ao galego, resaltando o traballo editorial en Galicia na actualidade: Rinoceronte, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Catro Ventos, Kalandraka, etc.
As nosas lectoras tiveron a oportunidade de sumarse á celebración do Centerario de Emilia Pardo Bazán ca lectura da súa novela Insolación, nunha magnífica edición ilustrada da editorial Reino de Cordelia. Grazas ao centenario puidemos disfrutar da reedición de boa parte da su obra, nuns casos en edicións renovadas e noutros, obras que levaban tempo sen ver a luz. Contamos cunha nutrida representación nunha mostra que estará dispoñible na sala de adultos ata o mes de decembro na nosa Biblioteca. Nestes últimos meses estamos a ver coma a obra de Dona Emilia non deixa de prestarse, con grande xúbilo pola nosa banda.


É coma peche final do curso que mellor que poder compartir unha ruta literaria pola cidade, esta vez xuntas. “A Marineda de Dona Emilia” levounos a visitar sitios emblemáticos e reconstruír A Coruña do século XX, a Marineda das obras da autora coruñesa.



Velaí as lecturas do curso 2010-2021. Coma vedes, non tivemos tempo para aburrirnos, a pandemia condicionou a forma de facer as tertulias pero non impediu cas lecturas continuasen. Andamos matinando xa no próximo curso, a cabeciña non para. Deixamosvos o cartaz e as guías de lectura deste curso, onde poderes observar os títulos lidos nestes meses. Seguimos tecendo corazóns, tocando almas, procurando alento…!!! Ata o curso que ven. Bo verán e boas lecturas. ¿Que libros meteríades nas vosas maletas…?
Fin de curso 2019-2020 de Café con libros: lecturas para todos os gustos
Esta semana rematamos o curso dos clubs de lectura máis atípico que teñamos coñecido ata a data. Pero do que sacamos infinidade de aprendizaxes. Xa nun artigo do blog sobre as lecturas confinadas de Café con libros, falamos de como conseguimos manter en marcha as tertulias. Tesón, ilusión, textos breves e todas as ganas de manter o fío que nos une.
Última tertulia do grupo dos luns Última tertulia do grupo dos martes
Hoxe queremos falarvos das nosas tres últimas lecturas do curso, así como mostrarvos un resumo do que deu de si 2019-2020 na Biblioteca Os Rosales.
Falamos de paxaros. Tanto os escoitamos nas nosas rúas durante o confinamento que merecían protagonismo nas nosas lecturas. O noso primeiro achegamento fixémolo a través da ficción. Limos o conto de Caroline Larmarche “Frufrú”, fragmento do seu libro de relatos “Estamos en el borde“. Frufrú é unha pata que conquistou o corazón de todas as lectoras de Cafe con libros, coordinadoras incluídas! A escrita de Lamarche engaiolounos e quedamos con ganas de ler máis dela. Fantástico traballo da pequena editorial Tránsito por traer os seus textos ao noso panorama literario. Toda unha descuberta. Tamén temos outro libro dela dispoñible grazas á labor de Nórdica Libros. Seguirémoslle a pista.
E de Frufrú a Antonio Sandoval. Tiña todo o sentido do mundo. O noso ornitólogo favorito do mundo mundial xa visitara a Biblioteca Os Rosales no outono para falarnos da literatura da natureza e neste caso publicou “Escribir al aire“, texto escrito no seu confinamento durante os meses de marzo e abril e publicado na súa páxina web. Accesible para todo o mundo que se queira deixar engaiolar polas súas reflexións. Un exercicio de xenerosidade e unha estupenda oportunidade de explorar o vivido na cidade por todas nós. Iso si, a través da súa mirada, tan persoal, delicada e poñendo o foco tamén na reivindicación. 32 apuntes nos que destacamos a importancia de botar o freo, aprender a mirar ao noso arrredor e tomar conciencia da emerxencia climática na que estamos inmersas, do desequilibro dos ecosistemas que nos levou a esta pandemia. Na nosa man está tentar reverter o deterioro do Planeta.
Antonio Sandoval Rey
E para rematar: Leila Guerriero. Non podíamos facer unha escolla máis poderosa. Fomos explorando diversas modalidades de textos breves: contos ou relatos, fragmentos, apuntes… ata chegar ás columnas, recollidas no seu libro recente “Teoría de la gravedad“. Unha escrita que tocou a todas. Limos o prólogo estupendo de Pedro Mairal, que serviunos as chaves para ler a Guerriero. Limos as primeiras columnas que recolle a escolma. Destacamos Perder ou Supongo e quedamos rendidas ante as Instrucciones. Limos da unha á dez. Escoitamos da súa voz a 17, pero no libro están recollidas da 1 á 18. Todas queren ter o libro. Na mesa de noite. Para sempre. Tremendo agasallo que nos fixo unha vez máis Libros del Asteroide. Agora estaremos todas atentas á contra do diario El País cada mércores…
E ata aquí as lecturas do curso 2019-2020. Nos nosos xa tradicionais cartaces, podedes observar os títulos lidos nestes meses. Un ramallete de libros para todos os gustos lectores. Aínda que quedou o curso coa programación a medias, con algúns títulos aos que volveremos para que lean nos nosos dous grupos, puidemos remontar con nove propostas curtas que axudáronnos a comprender mellor o momento que estabamos a vivir, a comprendernos a nós mesmas e a seguir conversando. A conversa sanadora dos clubs de lectura, que tanto ben nos fai a todas ano tras ano. Seguimos!