No Día da Biblioteca #LemosParaTi
Cada 24 de outubro desde o ano 1997 celébrase o Día da Biblioteca, efeméride creada por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.
Esta celebración, que nace co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e coa intención de dar visibilidade e potenciar a labor do persoal bibliotecario, cobra máis sentido ca nunca nun momento como o actual no que as bibliotecas como espazos seguros e imprescindibles deben xogar un papel fundamental no acceso á cultura e ao coñecemento. E precisamente baixo o lema “Bibliotecas, sempre ao teu lado” o Ministerio de Cultura e Deporte pon en valor nesta data a capacidade das bibliotecas -independentemente da súa tipoloxía- para continuar ofrecendo os seus servizos nunhas circunstancias tan complexas como as derivadas da crise sanitaria da Covid-19.
Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña conmemoramos o noso día sumándonos á campaña #SempreAoTeuCarón, dando visibilidade ao noso traballo e defendendo a existencia das bibliotecas a través dos testemuños dalgunhas das nosas usuarias e usuarios, de persoas participantes dos clubs de lectura e participantes e voluntarias do programa de alfabetización de adultos. E como non, tamén a través da nosa propia voz coa proposta #LemosParaTi, que naceu durante o período de confinamento e que segue en marcha para achegar lecturas en voz alta á cidadanía.
Nesta ocasión, o fío condutor de todas as historias que podedes escoitar a continuación -así como tamén nos canais corporativos de Ivoox e Spotify– é o amor pola lectura, polos libros e polas bibliotecas.
Mendel el de los libros (Acantilado, 2009)
Fragmento de lectura do relato de corte social e político “Mendel el de los libros” do recoñecido novelista, ensaísta e biógrafo austríaco Stefan Zweig (Viena, 1881 – Petrópolis, Brasil, 1942).
O conto, que foi publicado orixinalmente no ano 1929, narra a tráxica historia dun excéntrico libreiro que pasa os seus días sentado sempre á mesma mesa nun dos moitos cafés da cidade de Viena. No ano 1915, acusado inxustamente de colaborar cos inimigos do Imperio Austrohúngaro, Jakob Mendel é enviado a un campo de concentración .
El aroma de los libros (Alianza de Novelas, 2020)
Fragmento de lectura da novela “El aroma de los libros” da escritora, actriz e redactora de contidos italiana Desy Icardi.
A historia, protagonizada por Adelina -unha rapaza de catorce anos que vive coa súa tía Amalia no Turín de 1957- é unha obra sobre o amor pola lectura na que Icardi rende homenaxe aos librosque máis a conmoveron ao longo da súa vida e ao alquimista Edward Kelley entre outros.
Os libros prestados (Galaxia, 2010)
Fragmento de lectura do libro de relatos “Os libros prestados” do prolífico escritor Xabier López López (Bergondo, 1974).
Unha obra composta de catro relatos de xénero e temática completamente diferente, pero que teñen algo en común: en palabras do propio autor, os protagonistas de todos os relatos non son os libros senón os lectores, isto é, o importante é contar o que agochan as vidas dos que len.
Manual de remedios literarios: cómo curarnos con libros (Siruela, 2017)
Fragmento de lectura do libro “Manual de remedios literarios: cómo curarnos con libros” das autoras inglesas Ella Berthoud e Susan Elderkin, creadoras do servizo de biblioterapia en The School of Life – con sede en Londres.
Un orixinal tratado de biblioterapia que condensa todo o poder de curación da palabra escrita e no que é posible atopar remedio en forma de novela para todo tipo de males.
Vampira de biblioteca (Xerais, 2020)
Fragmento de lectura da novela de literatura infantil “Vampira de biblioteca” da recoñecida autora galega Ledicia Costas (Vigo, 1979), ilustrada por Víctor Rivas (Pontevedra, 1965).
A obra descúbrenos a vida de Eleonora, unha peculiar vampira que se dedica a ler e papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da Biblioteca da Universidade de Coímbra, lugar onde ela vive.
La historia interminable (Alfaguara, 2007)
Fragmento de lectura dun clásico da literatura fantástica como é “La historia interminable”, do escritor alemán Michael Ende (Garmisch-Partenkirchen, 1929 – Filderstadt, 1995).
Traducida a máis de 36 idiomas, esta novela que narra a historia de Bastián -un rapaz que lendo un estraño libro descobre que o reino de Fantasía corre serio perigo e inicia a máis incrible das aventuras- está entre as mellores obras infantís e xuvenís da historia.
Agardamos que desfrutedes escoitando estes fragmentos e recordámosvos que este espazo de encontro que é #LemosParaTi irase nutrindo periodicamente con novas lecturas en voz alta.
Aproveitamos tamén para desexarvos un Feliz Día da Biblioteca e convidarvos a visitarnos para celebrar e poñer en valor as Bibliotecas como espazos seguros e como servizos esenciais na cidade.
I have a dream

A morte de George Floyd o 25 de maio en Mineápolis nun arresto provocou múltiples protestas nas principais cidades de Estados Unidos. Baixo o slogan “I can’ t breathe” (non podo respirar), a frase que repetiu unha e outra vez Eric Garner cando faleceu en 2014 en Nova York en circunstancias similares, a mobilización estendeuse por cidades de todo o mundo. Son protestas, convocadas normalmente polo movemento “Black lives matter”, contra a violencia policial, a discriminación social e cultural, a desigualdade de oportunidades, a marxinación cotiá, os prexuízos… E é que, a pesar dos grandes logros alcanzados polo Movemento polos Dereitos Civís nos anos sesenta, as vellas feridas da discriminación racial aínda están abertas, e a loita continúa.
Fagamos un pouco de historia:
Rematada a Guerra de Secesión (1861-1865), a escravitude foi abolida en Estados Unidos. Os escravos da Confederación foron liberados, e os afroamericanos gozaron dun curto período de liberdade e igualdade.
Na década de 1870, coa aprobación das “Leis de Jim Crow” elimínanse moitos destes logros nos estados do sur: instáurase un sistema de segregación racial aplicable a espazos públicos e privados, prohíbense os matrimonios mixtos, promúlganse leis nalgúns estados que dificultan ou impiden o dereito ao voto á poboación negra, e xéranse enormes desvantaxes fronte aos cidadáns brancos.

É un período de forte violencia racial, de linchamentos a mans das organizacións supremacistas. Os cidadáns negros dos estados do sur serán abandonados polos seus gobernos durante un longo período de tempo. Non será ata a segunda metade do século XX que a situación comece a cambiar.
En agosto de 1955 Emmett Till, un adolescente negro, foi asasinado en Mississippi por relacionarse cunha muller branca. Non foi un acontecemento illado, pero os xornais fixéronse eco desta noticia que conmocionou o país. Uns meses despois, Rosa Parks negouse a ceder o seu asento no autobús de Montgomery.
Este feito, polo que acabou en prisión, considérase o inicio da loita polos dereitos civís en Estados Unidos: unha loita longa, principalmente non violenta, para estender o acceso pleno aos dereitos civís e á igualdade ante a lei aos grupos que estaban excluídos deles, sobre todo aos cidadáns afroamericanos. Unha loita contra a discriminación e a segregación racial, especialmente no sur de Estados Unidos, dirixida por grandes líderes como Luther King, autor do discurso que da título a esta entrada, ou Malcom X. O feminismo afroamericano terá as súas propias activista: Angela Davis, Assata Shakur… incorporan a loita pola igualdade de xénero á batalla contra a discriminación racial, distanciándose en moitas formulacións do feminismo branco. Alcanzarían grandes logros: a Lei dos dereitos civís (1964) e a Lei de dereito a voto (1965). Pero a loita cobraría a vida de moitas persoas, entre elas as de tres grandes líderes: Medgard Evers (1963) , Malcom X (1965) Martin Luther King (1968)



Na guía de lectura que aquí presentamos queremos ofrecerche una selección de obras que se fan eco desta situación.
Libros, documentais, cómics, películas… que falan deste conflito, desta loita, e dos grandes líderes que a protagonizaron así como tamén do movemento feminista afroamericano e as súas protagonistas. Dos músicos que uniron as súas voces a estas protestas.
Obras de ficción, películas e novelas que abordan o drama da escravitude, do racismo, a segregación, que asoman ás raíces mesmas da sociedade norteamericana, que falan da loita individual e colectiva pola igualdade e apuntan ao longo camiño que aínda queda por percorrer.










Primamos nesta selección a obra de autores e autoras afroamericanos, porque queremos que as súas voces sexan escoitadas, non só como coñecedores do conflito, tamén polo seu potencial literario: escritores como James Baldwin, Alex Haley, Ralph Ellison, Chester Himes, se fixéronse escoitar nos anos cincuenta e sesenta, nos anos centrais da loita. Autoras como Toni Morrison , Maya Angelou, Alice Walker, combateron a discriminación especialmente desde o punto de vista da muller,e abriron camiño a outros moitos escritores e escritoras de cor.
E destacamos a forza emerxente das novas voces literarias: Chimamanda Ngozi Adichie, Yaa Gyasi, Taiye Selasie, Paul Betty, Colson Witehead, Walter Mosley, Jesmin Ward, Tayari Jones, Dinaw Mengestu, ZZ. Packer, Edward P. Jones, ou Ayana Mathis. Escritores e escritoras novos que falan de prexuízos raciais, de desigualdade de oportunidades, pero tamén dos problemas de identidade dos inmigrantes de primeira e segunda xeración que vivindo nunha amalgama de culturas diferentes non se senten integrados plenamente en ningunha delas.
#LemosParaTi con Orgullo no 28J
Cada 28 de xuño celébrase a nivel internacional o Orgullo LGTB, en conmemoración dos disturbios acontecidos no pub neoiorquino Stonewall Inn no ano 1969, que deron orixe á loita polos dereitos do colectivo e ao movemento LGTB moderno.
Desde as Bibliotecas Municipais sumámonos á celebración desta efeméride coa proposta “As Municipais Entenden”, iniciativa posta en marcha desde hai varios anos xa na nosa rede e que vamos ampliando e nutrindo cada ano co obxectivo de dar visibilidade á realidade LGTB.
Dentro da campaña #AsMunicipaisEntenden, activa do 25 ao 28 deste mes, lanzamos accións en todas as nosas ferramentas dixitais para celebrar o orgullo e a diversidade. Máis é unha liña na que traballamos cada día do ano, procurando que as bibliotecas sexan espazos seguros, libres de LGTBIfobia, e onde se integren todas as diversidades. Mostra disto é a aposta por dar visibilidade á diversidade sexual nas nosas coleccións (guía de lectura específica en Calameo, bibliografía recomendada no noso catálogo, pílula de formación sobre como atopar material desta temática), así como tamén a a creación do primeiro club de lectura LGTBI+ de Galicia no ano 2016, o club de lectura Queeruña.
Entre as accións deseñadas para celebrar o Orgullo 2020, realizamos dentro do programa #LemosParaTi -que viu a luz hai aproximadamente dous meses, en pleno confinamento, para acompañar a través da voz e achegar lecturas á cidadanía- varias lecturas de temática LGTB que compartimos nesta entrada con vós.
Sonetos del amor oscuro
Lectura dos sonetos “El poeta dice la verdad”, “El poeta pide a su amor que le escriba“, “El poeta habla por teléfono con el amor” e “El amor duerme en el pecho del poeta“, incluídos na obra “Sonetos del amor oscuro” do poeta, dramaturgo e narrador Federico García Lorca (Fuentevaqueros, 1898 – Víznar, 1936). Adscrito á xeración do 27, Lorca é un dos poetas españois máis lidos de todos os tempos. Os seus sonetos, que reivindican a mirada do desexo e do amor homosexual, foron escritos nos seus últimos anos, entre 1935 e 1936, e viron a luz de maneira póstuma.
Elisa e Marcela
Lectura dun fragmento do prólogo -escrito por Manuel Rivas– do libro “Elisa e Marcela: amigas e amantes” do catedrático de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña e escritor, Narciso de Gabriel. Publicada en galego no ano 2019 por Xerais, esta obra relata a historia de dúas mestras galegas que en 1901 protagonizaron un dos primeiros matrimonios entre persoas do mesmo sexo.
El amor del revés
Fragmento de lectura da novela autobiográfica “El amor del revés” do escritor Luisgé Martín (Madrid, 1962) e publicada na colección “Narrativas hispánicas” da editorial Anagrama no ano 2016. Luisgé, recoñecido con galardóns como o Premio Ramón Gómez de la Serna de Narrativa 2002, o Premio del Tren 2009 ou o Premio Vargas Llosa de Relatos 2012, relata nesta obra a historia da asunción da súa homosexualidade na España de 1977.
Transmatria
Lectura do poema “A transmatria ficaba nun outeiro”, incluído na obra “Transmatria” de Daniel Asorey (Santiago de Compostela, 1970), escritor e docente de lingua e literatura galega. O poemario, publicado na editorial Xerais o ano pasado, foi galardoado co XXI Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu. Nas súas palabras respírase a reivindicación, a rebeldía e a esperanza no cambio dunha sociedade inxusta.
A Virginia le gustaba Vita
Fragmento de lectura dunha das moitas cartas que intercambiaron a escritora Virginia Woolf e a súa amante, tamén escritora, Vita Sackville-West. Recollidas pola autora Pilar Bellver (Villacarrillo, Jaén, 1961) na extraordinaria novela “A Virginia le gustaba Vita”, que recrea -cunha mestizaxe entre ficción e documentación- a apaixonada historia de amor entre ambas escritoras. Publicada no ano 2016 na editorial Dos Bigotes, especializada en temática LGTBI e feminismo.
Despedímonos coa última lectura que nutre o espazo diverso e compartido que é #LemosParaTi, un poema inédito da poeta, cantante, guitarrista e guionista coruñesa Lucía Aldao (1982).
Desde as Bibliotecas Municipais desexámosvos un feliz Orgullo2020 e que viva a diversidade!!
Un lume azul de Pedro Feijoo
No marco da cidade de Vigo e na súa contorna ambiéntase a última novela de Pedro Feijoo. O inspector Mateo e a súa equipa da Brigada de Investigación Criminal enfréntanse a unha serie de crímenes cruentos e salvaxes.
A novela está narrada en primeira persoa polo propio inspector e tamén por un narrador en terceira persoa que nos deixa ás veces ir por diante das propias investigacións policiais.
Intercalados na historia, os propios personaxes describen episodios da súa vida que son importantes para tecer a trama e ir descubrindo o drama das súas vidas.
Atrapa a súa trama, maxistralmente construída, na que os acontecementos van desvelando a historia cara adiante co desenmarañamento dos crímenes pero, as voltas atrás na vida dos personaxes e o afondar nos seus sentimentos, é para min o máis valioso da novela.
É un testimonio aterrador, que corta a respiración, e que fai que nos cuestionemos de que parte estamos e ata onde é capaz de chegar un ser humano castigado, maltratado, sometido a todo tipo de degradacións.
Como di o propio autor, onde poñemos o límite da dor e ata onde podemos aguantar unha vez que nos obrigan a pasar ese límite.
Mergúllanos no máis dantesco da especie humana, nos escenarios máis terribles que nin imaxinamos que puidesen existir.
Persoalmente, encántame o título, penso que unha vez lida a novela é moi significativo, sen dúbida unha boa elección.
Moito máis alá da novela negra, para min esta é unha historia de dor e de medo, de levar aos personaxes a un sufrimento extremo e de cómo responden a eses golpes inhumanos no corpo e na alma.
Dura pero emotiva é, ao meu enterder e ata o momento, a mellor das novelas de Pedro Feijoo, a que chega máis dentro.
“E xa todo está en paz.
O lume, o mar.
A calma.
Todo.”
A novela podédela atopar nas nosas bibliotecas e tamén en formato dixital na plataforma de GaliciaLe.
Rewind, última lectura da tempada do Club dos Luns Fórum
Para rematar o curso tan atípico que resultou ser o 2019/2020 por mor da aparición da COVID-19 e que supuxo o truncamento das sesións presencias, no Club dos Luns de Fórum eliximos como lectura final Rewind do ourensán Juan Tallón – podedes consultar a guía de lectura aquí-. Foi unha elección totalmente influenciada neste caso pola opinión pública e as boas críticas que a obra non deixa de recibir e que despois da súa lectura no Club dos Luns constatamos que son totalmente certas. A lectura foi a través da Plataforma de Préstamo de libros electrónicos eBiblio Galicia e os encontros coma todos os do da época do confinamento a través da plataforma zoom. Unha experiencia ben distitna ás tertulias presencias de cada luns pero que nos brindou a maneira de estar conectadas durante o tempo de distanciamento social.

O autor: Juan Tallón
Nado en Vilardevós en 1975, é un xornalista e escritor galego.
Licencious en Filosofía e exerceu como xornalista en medios como El Progreso, Jot Down e El País, entre outros.
A autopsia da novela (2007) é a súa primeira obra longa de ficción, un xénero xa frecuentado dende o relato curto. Participou en diversas publicacións colectivas, gañando coa súa primera novela o IV Premio Nicomedes Pastor Díaz. Publicou obras tanto en galego como en castelán e moveuse na non ficción —Mientras haya bares—, o ensaio —Libros peligrosos— e a novela —El váter de Onetti, Fin de poema, Salvaje Oeste e Rewind—, ademais de escribir relatos.
Entre os recoñecementos que recibiu Tallón atópanse premios como o Francisco Fernández del Riego, o Pastor Díaz de Novela e o Manuel Lueiro Rey, por destacar algúns.

A obra: Rewind
Pouco máis que engadir ao que xa se dixo sobre a nova novela de Tallón, pero dende o Club dos Luns Fórum non queriamos deixar pasar por alto a nosa humilde análise.Tallón aborda en Rewind un suceso traumático, unha explosión moi extraña nun edificio da cidade francesa de Lyon un venres de primavera calquera que nun comezo se presentaba coma un día perfecto. O acontecemento acaba coa vida de Luca, Ilka e Emma estudantes moi diferentes entre sí e de distintas nacionalidades pero que compartían piso e as ansias de vida propias da xuventude. O único supervivinte é Paul Madiot un estudante de Belas Artes que se salva grazas á urxencia de acudir ao lavabo situado ao final do corredor. A partir dese suceso prodúcese a acción de rebobinar a través do punto de vista de cinco personaxes que fan de narradores intentando atopar o momento exacto no que mudou todo.

Cunha prosa aparentemente sinxela, escasa de diálogo, pero cargada de detalles, sumado a uns personaxes moi ben caracterizados, Tallón consegue que o lector se introduza totalmente na historia e consegue facelo sentir unha chea de sensacións por veces totalmente reais. Un bo exemplo é o nó que se atragoa na gorxa durante a escena na que os pais de Emma acoden á morgue para identificar o cadáver da súa filla. A pesares de que en palabras do propio Tallón nunha entrevista con Europa Press decía:
“A estas alturas, donde son tantas ya las imágenes que nos han conmocionado y la muerte está tan presente a lo largo de nuestra vida, que ésta ya no sorprende a nadie: es difícil sorprenderse a uno mismo pensando en la muerte como algo que le va a afectar”,
pero a través da novela, o lector volve conmocionarse como a primeira vez ante os acontecementos tan ben narrados da historia.
Sen dúbida, non puidemos facer mellor elección á hora de escoller Rewind como peche de tempada do Club dos Luns de Fórum porque foi un ano atípico pero con este libro despois de todo o acontecido reflexionamos aínda máis sobre temas como a destrución, o amor ou a indiferencia. De Rewind podemos dicir que foi unha novela que nos sorprendeu a todas máis do esperado e que nos fixo permanecer expectantes ata o final. Un libro ao que coincidimos en voltar despois desta primeira lectura no dixital para retomala con papel e lápis porque as súas citas e reflexións son para anotar e voltar a elas unha e outra vez.
“Siempre hay un segundo cuando el mundo te espanta, porque alguien a quien amas fallece, o enferma, o simplemente caes enfermo tú, en el que adquieres conciencia de la fragilidad de la vida,, incluso de su extrema transitoriedad, y vislumbras que las cosas trascendentales son otras diferentes a las que regularmente persigues.”
Dende logo Rewind é un libro cunha gran carga vital, así o manifesta o propio autor nunha entrevista á ABC Cultura,
“No es una novela triste, sino una novela de cómo la vida nos da la espalda y cómo nos giramos sobre nosotros mismos y seguimos adelante. Se trata de continuar. Las cosas ya no van a ser como eran antes: no vas a volver a la casilla de salida. Tienes que inventarte un nuevo cero a partir del que crecer. Vas a ser otra persona, pero vas a seguir siendo persona. Y las personas no estamos hechas para la derrota, como decía Hemingway. Nos caemos, pero nos levantamos”
E sen querer desvelar máis, con esa mensaxe nos quedamos porque nos parece o broche perfecto para poñer peche a esta tempada de lecturas que sen dúbida non esqueceremos. Agardamos poder vernos moi pronto nas tertulias presencias con novas lecturas, namentras desfrutade do verán e da vida porque todo pode cambiar nun segundo.
Fin de curso 2019-2020 de Café con libros: lecturas para todos os gustos
Esta semana rematamos o curso dos clubs de lectura máis atípico que teñamos coñecido ata a data. Pero do que sacamos infinidade de aprendizaxes. Xa nun artigo do blog sobre as lecturas confinadas de Café con libros, falamos de como conseguimos manter en marcha as tertulias. Tesón, ilusión, textos breves e todas as ganas de manter o fío que nos une.

Última tertulia do grupo dos luns 
Última tertulia do grupo dos martes
Hoxe queremos falarvos das nosas tres últimas lecturas do curso, así como mostrarvos un resumo do que deu de si 2019-2020 na Biblioteca Os Rosales.
Falamos de paxaros. Tanto os escoitamos nas nosas rúas durante o confinamento que merecían protagonismo nas nosas lecturas. O noso primeiro achegamento fixémolo a través da ficción. Limos o conto de Caroline Larmarche “Frufrú”, fragmento do seu libro de relatos “Estamos en el borde“. Frufrú é unha pata que conquistou o corazón de todas as lectoras de Cafe con libros, coordinadoras incluídas! A escrita de Lamarche engaiolounos e quedamos con ganas de ler máis dela. Fantástico traballo da pequena editorial Tránsito por traer os seus textos ao noso panorama literario. Toda unha descuberta. Tamén temos outro libro dela dispoñible grazas á labor de Nórdica Libros. Seguirémoslle a pista.
E de Frufrú a Antonio Sandoval. Tiña todo o sentido do mundo. O noso ornitólogo favorito do mundo mundial xa visitara a Biblioteca Os Rosales no outono para falarnos da literatura da natureza e neste caso publicou “Escribir al aire“, texto escrito no seu confinamento durante os meses de marzo e abril e publicado na súa páxina web. Accesible para todo o mundo que se queira deixar engaiolar polas súas reflexións. Un exercicio de xenerosidade e unha estupenda oportunidade de explorar o vivido na cidade por todas nós. Iso si, a través da súa mirada, tan persoal, delicada e poñendo o foco tamén na reivindicación. 32 apuntes nos que destacamos a importancia de botar o freo, aprender a mirar ao noso arrredor e tomar conciencia da emerxencia climática na que estamos inmersas, do desequilibro dos ecosistemas que nos levou a esta pandemia. Na nosa man está tentar reverter o deterioro do Planeta.

Antonio Sandoval Rey 
E para rematar: Leila Guerriero. Non podíamos facer unha escolla máis poderosa. Fomos explorando diversas modalidades de textos breves: contos ou relatos, fragmentos, apuntes… ata chegar ás columnas, recollidas no seu libro recente “Teoría de la gravedad“. Unha escrita que tocou a todas. Limos o prólogo estupendo de Pedro Mairal, que serviunos as chaves para ler a Guerriero. Limos as primeiras columnas que recolle a escolma. Destacamos Perder ou Supongo e quedamos rendidas ante as Instrucciones. Limos da unha á dez. Escoitamos da súa voz a 17, pero no libro están recollidas da 1 á 18. Todas queren ter o libro. Na mesa de noite. Para sempre. Tremendo agasallo que nos fixo unha vez máis Libros del Asteroide. Agora estaremos todas atentas á contra do diario El País cada mércores…
E ata aquí as lecturas do curso 2019-2020. Nos nosos xa tradicionais cartaces, podedes observar os títulos lidos nestes meses. Un ramallete de libros para todos os gustos lectores. Aínda que quedou o curso coa programación a medias, con algúns títulos aos que volveremos para que lean nos nosos dous grupos, puidemos remontar con nove propostas curtas que axudáronnos a comprender mellor o momento que estabamos a vivir, a comprendernos a nós mesmas e a seguir conversando. A conversa sanadora dos clubs de lectura, que tanto ben nos fai a todas ano tras ano. Seguimos!
Lecturas ouvidas, lecturas sentidas vol. II
O estado de alarma continúa e nos continuamos coas nosas lecturas ouvidas durante o resto do mes de maio ata finalizar a tempada. Con Leila Guerriero xa comezáramos o mes pero, sendo o mes das nosas letras, aínda nos quedaban sesións suculentas do club de lectura. Para celebrar este mes e participar doutro xeito na campaña #DesconfinarALingua das Bibliotecas Municipais, no club de lectura da Sagrada Familia decidimos “desconfinar” tamén as nosas palabras favoritas do idioma galego e con elas fixemos unha composición que nos quedará de recordo deste ano sen precedentes.
O encontro virtual dos clubs de lectura con María Reimóndez, autora de “A esencia da cidade”, achegounos este relato, que convertemos parcialmente a audio para seguir o fío das nosas reunións. O relato, publicado por Amnistía Internacional dentro de “Camiñan descalzas polas rochas: autoras polos dereitos das mulleres”, resultou moi estimulante, poñendo o punto na dor e na recuperación, que é posible si, por suposto, da vivencia de maltrato na adolescencia.
A presentación deste feito toca na sensibilidade de calquera e as integrantes do club Sagrada Familia non ían ser menos. Fonda indignación porque se sigan dando estes feitos na actualidade, e agradecemento á autora por estar disposta a presentalos así, para que todos tomemos conciencia e intentemos evitar que se repitan na nosa contorna.
Tamén tivemos tempo para abordar a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor e mestre homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, que tamén foi tratada polo resto dos compañeiros dos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña como xa coñecemos a través da publicación dedicada a este feito.
Non foi sinxelo atopar audios coas súas obras literarias sendo como era, mestre e estudoso do noso idioma, abundan as súas entrevistas e participación en conferencias sobre o reintegracionismo do galego e a reivindicación da autonomía de Galicia, feitos polos que foi fortemente represaliado durante a ditadura. Atopamos un fragmento de “Scórpio”, Premio da crítica de narrativa galega en 1987, que nos conta a execución dun soldado por rebelión e morte dun superior durante a Guerra Civil.
Neste pequeno anaco da xigante obra xa podemos albiscar a trascendencia da novela que narra toda a vida do protagonista, Rafael Martínez Pinheiro (alcumado Scórpio) a través da época republicana e logo durante a Guerra Civil ata a caída da República.
Unha execución nunca é un momento agradable, e tampouco nolo mostra así o autor, que resalta a desesperación do reo durante as súas últimas horas. Móstranos, iso si, a humanidade que manteñen os soldados e o avogado defensor pese á crueza da guerra, que serve de único apoio ao sentenciado a morte. Destacamos na tertulia o último pensamento do condenado, o recordo da nai e das súas ensinanzas, que non sempre somos capaces de seguir, pero que sempre procuran o noso ben.

A vantaxe de compartir lecturas e reflexións, no contexto que sexa, é que todo parece máis levadeiro e, aínda que parece que abandonamos o humor no mes de abril a intención do club non é entristecer a ninguén. Pero continuamos cunha fonda tristura na seguinte semana de debate, tristura atemporal por chegar da man de Antón Chéjov e o seu relato “La tristeza”, que comentamos o luns 25 de maio.
Este pequeno relato, publicado na afastada Rusia de 1886, conta a historia dun pai, cocheiro en Moscú, que lamenta a morte do seu fillo durante unha fría e lúgubre noite de traballo. Este home non atopa consolo en ningures, pola contra recibe maltratos dos clientes, totalmente indiferentes á súa situación. O desenlace serve de cumio de tristura, desengano, pero non volo contaremos aquí, recomendamos a súa lectura ou escoita atenta.
Aproveitamos a ocasión de coñecer ao “pai do relato” para comentar tamén outro clásico dos seus, “Muerte de un funcionario”. En este caso a tristura vai diminuíndo; sen chegar a ser un relato de humor, ten píntegas de excéntrico pola reacción desmesurada do protagonista. Non escapou da conversa a importancia das convencións sociais da época, que de seguro non coinciden practicamente en nada coas actuais, e impoñían un pouso de servilismo nas relacións cos superiores en rango e en escala social. As participantes da tertulia foron sensibles a esta situación social que diferenciaba tanto as persoas polo momento, o lugar e a familia na que naceran. Conscientes do cambio social que podemos gozar co paso dos anos, ninguén quere volver un paso atrás, nin para coller pulo.
E imos chegando ao momento da parada vacacional, parece que a pandemia comeza a remitir e todos queremos dispoñer de máis tempo ao aire libre que compense os días de encerro obrigado. Pechamos a tempada cun autor de prolífica traxectoria e recoñecido prestixio internacional, Mario Vargas Llosa. Cun dos seus primeiros relatos, “El abuelo” publicado en 1956 no diario El Comercio de Lima, e incluído tres anos despois na colección de relatos “Los jefes“. Recuperamos a súa lectura na canle de Youtube Audio Libros Sense:
Resulta un relato confuso pola intención, non somos capaces de comprender a actuación do protagonista, meter medo a un neto, de forma tan violenta, non é propio dun avó, polo menos dos avós que coñecemos. A escrita é salientable, mantén a atención en todo momento e todos queremos saber qué é o que vai facer este avó que tanto maquina. A presenza da calavera tamén nos desconcerta, ¿cómo se pode atopar así, nunha cuneta, cando se vai nun taxi? Hai quen o clasifica como relato de medo, nós non o describiriamos así, pero si coma un relato desconcertante. Nada que ver coa segunda proposta da sesión.
O segundo audio pertence a unha lectura que o propio autor fixo da súa novela biográfica “El pez en el agua“, publicada en 1993 por Seix Barral e que relata unha grande parte da súa vida desde os primeiros anos, a súa nenez, a relación co seu pai; ata o seu paso pola política, finalizado trala derrota pola presidencia de Perú ante Alberto Fujimori.
Integrado nunha novela biográfica, o texto limítase a contar o que ocorreu, sen artificios literarios máis alá da descrición dos feitos e a exposición das sensacións dos protagonistas. Sen chegar a ser explícito, fainos partícipes das inquedanzas da parella, podemos sentir cómo se enfrontaron ao rexeitamento da familia apoiados nos seus sentimentos e na súa valentía. A conversa deunos para destacar o desenvolvemento social e económico que se desfrutaba en hispanoamérica no século XX, alonxados da situación española. Coñeciamos os comentarios dos que alí emigraron coincidindo coa época do relato, e os seus recordos axudaron a comprender a facilidade coa que Julia e Mario salvaron os problemas de idade e de convencións sociais para acadar o seu matrimonio.
A lectura ouvida deste premio Nobel resultou ser un bo broche de ouro para esta tempada do club de lectura da Sagrada Familia. E descubrindo dous relatos tan dispares creo que moito máis. Trátase dun autor de múltiples facetas co que non coincidimos en moitas delas, pero fomos capaces de recoñecer nel a súa valía como narrador e periodista. Coido que fixemos nosa a frase “non xuzgues un libro pola súa cuberta” e foi aplicada ao autor nesta sesión, de seguro que a seguiremos aplicando no noso día a día.
Finalizada queda esta “extraordinaria” tempada do club de lectura da Sagrada Familia e non queremos despedila sen agradecer a confianza e participación das integrantes, que tanto nos ensinaron este curso e seguro que moito nos queda por aprender nos seguintes. Porque imos regresar, aínda non podemos saber de qué forma pero voltaremos coas mesmas ilusións nas tertulias, nas lecturas e na compaña de todas vós.
Apertas grandes para todos e disfrutade moito da liberdade conseguida tras o confinamento. Saúde ante todo!!
Lecturas ouvidas, lecturas sentidas

Temos xa encamiñada a desescalada do confinamento, nas bibliotecas estase a traballar a reo para dispoñer dos espazos coa maior seguridade para todos, usuarios e persoal. Máis axiña que tarde poderémonos ver de novo e comentar os momentos vividos durante todo este tempo. Porque do que todos estamos seguros é que vivimos un tempo estraño, para o que ninguén estaba preparado, e que fixo da adaptación a nosa principal ferramenta.
No club de lectura Sagrada Familia quedamos a medias dalgunha lectura e coa listaxe de pendentes preparada. Pero a situación non animaba á lectura, son moitas as voces que recoñeceron non contar con capacidade de concentración nestes días, e a lectura dixital tampouco nos servía como reclamo. Artellamos unha forma de estar máis conectadas e seguir facendo as reunións do xeito máis familiar posible.
A través dos audios do chat puidémonos sentir máis preto e comunicar mellor as emocións que moitas veces, na escrita de mensaxes, resultaban imprecisas. De feito, a interpretación dos textos que a miúdo aporta o relator, transmite sentimentos que nos fan espertar nestes días tan mornos de contactos. Tamén a lectura poética coa que damos comezo ás sesións actuou como un bálsamo que nos envolvía na atmósfera agradable e confiada propia das reunións de comezo de semana na biblioteca.
Comezamos escoitando o relato “La casa tomada” de Julio Cortázar, que foi tamén debatido en varios dos nosos clubes con magnífica aceptación en todos eles. É unha curiosa historia de confinamento; pese a ter a posibilidade de saír á rúa e relacionarse, os protagonistas viven unha vida afastada da sociedade, chea de rutinas e co mínimo contacto co resto do mundo, ata que notan singulares “presencias” na súa vivenda. A tertulia tendeu á valoración da socialización como parte integrante do noso ser, como era de esperar dada a nosa situación, e ese illamento voluntario resulta case un insulto nestes días de incomunicación.
Por suposto, cada quen é libre de decidir cómo vivir a súa vida, pero no caso dos protagonistas, case nos parece un desprezo pola sociedade que os rodeaba. Deixamos atrás as referencias ás presencias descoñecidas, esas amenazas que lles restrinxen os movementos dentro da súa propia casa, para centrar a conversa na actitude coa que os protagonistas afrontan as súas vidas. Sen dúbida trátase dun relato dun profundo calado tamén moral, que supoño non pretendía ser moralista, dos que permanecerán na memoria de todas nós. Tanto é así que non resultou fácil manter o nivel das propostas para todas as semanas, mais intentámolo.
A seguinte semana comentamos un relato de Juan José Millás, prolífico e irónico autor español coñecido por todas e seguido tamén nas súas colaboracións radiofónicas. Escollemos “Mi pierna derecha”, un relato curto incluído na obra “Los objetos nos llaman” publicada por Seix Barral en 2008, sobre as relacións pais e fillos e a impotencia que se crea cando a comunicación non é fluída.
Un pai e un fillo que non falan desde hai anos, atópanse por casualidade; o pai, en apuro,s é axudado polo fillo, narrador da trama, que non se da a coñecer. O feito de que se ofrecera a axudalo implica unha necesidade de aproximación entre eles que logo parece que desbota ao non identificarse, xustificándose con explicacións sobre o pasado. Non é fácil recuperar unha relación rota cando ademáis falla a comunicación, pero tampouco debe ser fácil permanecer alonxados das persoas que máis queremos. Moito nos deu para debatir este relato, pais, fillos, complexos, defectos, pérdida, comunicación, superación,… Quedamos con ganas de saber máis sobre estes dous personaxes e, sen dúbida, trátase dun autor que recomendaremos polas lecturas frescas e irónicas que nos ofrece.
Continuamos con autores españois e radiofónicos e escollemos a Elvira Lindo para a tertulia da terceira semana de audio-textos. Tratándose dunha autora con tanta traxectoria na radio, na rede atopamos numerosos arquivos de audio cos seus programas, pero decidímonos por un fragmento do monólogo “Una mujer inconveniente”, presentado no Festival Ja! (literatura y arte con humor) de Bilbao no 2016.
Neste anaco relata os seus comezos vitais como filla última do matrimonio dos seus pais; cunha alta dose de humor e ironía transportounos aos momentos da infancia, tan recordados e tan reconfortantes durante o confinamento. Aquelas nais sen medo a traumas, sen pelos na língua, aqueles irmáns que che axudaban a meter a pata cada día, a facer as maiores trasnadas posibles,… evocan lembranzas tenras e saudables. Todas estas fixeron que o debate chegase tamén a valorar o traballo feminino actual que, as máis das veces, suma todo o realizado nas xeracións anteriores dentro da casa, ao traballo fora da mesma. Canta forza demostran esas nais traballadoras sostendo toda a vida ao seu redor un día tras outro.
Co gallo da celebración do Día do Libro moitas foron as participacións de autores en programas de televisión, radiofónicos ou a través das redes sociais; achegáronse así aos lectores do único xeito posible nestes momentos (e ¡gracias!). Elvira Lindo participou no programa especial Late motiv de Andreu Buenafuente e del rescatamos un relato sobre o seu “confinamento” que fixo as delicias de todas as participantes, polo real e polo imaxinado, porque sen humor… ¿qué sería de nós sen o humor?
Xa estabamos na cuarta semana de encontros confinados e voltamos a cruzar “o charco” para escoitar os relatos de Leila Guerriero da súa propia voz. Foron tres os relatos da obra “Teoría de la gravedad” escollidos para seren liberados a través da web da editorial Libros del Asteroide, presentados en formato vídeo-lectura.
Dos tres vídeos foron máis ben dous os que estimularon o debate; “Equivocada” proxéctanos o recoñecemento deses momentos de felicidade que ás veces escápannos das máns, ou non somos quen de aprecialos ata que nos quedan lonxe e, co vivido vivido, os identificamos dese xeito. Non quedou sen mencionar a necesidade de valorar os pequenos momentos do día a día que nos resultan tan pracenteiros e nos insuflan pequenas, ou grandes, doses de conforto; o simple feito dun paseo, dun café en boa compaña, dunha parolada coa xente adecuada ou mesmo a ollada do mar, bravo ou tranquilo, ás veces apórtannos máis felicidade que a sentida o día da maior celebración. Só temos que saber saborealos para enriquecer eses nosos días.
Leila Guerriero: ‘Equivocada’ from Libros del Asteroide on Vimeo.“Instrucción 17” trata sobre o amor, máis ben sobre a fin do amor de parella, e amosa tamén certa dose de machismo implícito en moitas delas, os coidados da muller ao marido. Cando todo aquilo que se facía para coidar, para procurar o benestar da persoa amada, xa non apetece, xa supón un esforzo porque el (neste caso é un home) xa non merece ese adxectivo. Un texto moi suxerente para comentar no club, que nos reafirma nas convicións sobre a independencia, o amor sá, o cariño sin obrigas,
Con todo este material, estas lecturas ouvidas tan variadas, chegamos a mediados de maio pero non rematamos ahí. Nunha próxima entrega compartiremos con vós as nosas últimas tertulias antes de dar por finalizada a extraordinaria tempada 2019-20.


































