#LemosParaTi con Orgullo no 28J
Cada 28 de xuño celébrase a nivel internacional o Orgullo LGTB, en conmemoración dos disturbios acontecidos no pub neoiorquino Stonewall Inn no ano 1969, que deron orixe á loita polos dereitos do colectivo e ao movemento LGTB moderno.
Desde as Bibliotecas Municipais sumámonos á celebración desta efeméride coa proposta “As Municipais Entenden”, iniciativa posta en marcha desde hai varios anos xa na nosa rede e que vamos ampliando e nutrindo cada ano co obxectivo de dar visibilidade á realidade LGTB.
Dentro da campaña #AsMunicipaisEntenden, activa do 25 ao 28 deste mes, lanzamos accións en todas as nosas ferramentas dixitais para celebrar o orgullo e a diversidade. Máis é unha liña na que traballamos cada día do ano, procurando que as bibliotecas sexan espazos seguros, libres de LGTBIfobia, e onde se integren todas as diversidades. Mostra disto é a aposta por dar visibilidade á diversidade sexual nas nosas coleccións (guía de lectura específica en Calameo, bibliografía recomendada no noso catálogo, pílula de formación sobre como atopar material desta temática), así como tamén a a creación do primeiro club de lectura LGTBI+ de Galicia no ano 2016, o club de lectura Queeruña.
Entre as accións deseñadas para celebrar o Orgullo 2020, realizamos dentro do programa #LemosParaTi -que viu a luz hai aproximadamente dous meses, en pleno confinamento, para acompañar a través da voz e achegar lecturas á cidadanía- varias lecturas de temática LGTB que compartimos nesta entrada con vós.
Sonetos del amor oscuro
Lectura dos sonetos “El poeta dice la verdad”, “El poeta pide a su amor que le escriba“, “El poeta habla por teléfono con el amor” e “El amor duerme en el pecho del poeta“, incluídos na obra “Sonetos del amor oscuro” do poeta, dramaturgo e narrador Federico García Lorca (Fuentevaqueros, 1898 – Víznar, 1936). Adscrito á xeración do 27, Lorca é un dos poetas españois máis lidos de todos os tempos. Os seus sonetos, que reivindican a mirada do desexo e do amor homosexual, foron escritos nos seus últimos anos, entre 1935 e 1936, e viron a luz de maneira póstuma.
Elisa e Marcela
Lectura dun fragmento do prólogo -escrito por Manuel Rivas– do libro “Elisa e Marcela: amigas e amantes” do catedrático de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña e escritor, Narciso de Gabriel. Publicada en galego no ano 2019 por Xerais, esta obra relata a historia de dúas mestras galegas que en 1901 protagonizaron un dos primeiros matrimonios entre persoas do mesmo sexo.
El amor del revés
Fragmento de lectura da novela autobiográfica “El amor del revés” do escritor Luisgé Martín (Madrid, 1962) e publicada na colección “Narrativas hispánicas” da editorial Anagrama no ano 2016. Luisgé, recoñecido con galardóns como o Premio Ramón Gómez de la Serna de Narrativa 2002, o Premio del Tren 2009 ou o Premio Vargas Llosa de Relatos 2012, relata nesta obra a historia da asunción da súa homosexualidade na España de 1977.
Transmatria
Lectura do poema “A transmatria ficaba nun outeiro”, incluído na obra “Transmatria” de Daniel Asorey (Santiago de Compostela, 1970), escritor e docente de lingua e literatura galega. O poemario, publicado na editorial Xerais o ano pasado, foi galardoado co XXI Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu. Nas súas palabras respírase a reivindicación, a rebeldía e a esperanza no cambio dunha sociedade inxusta.
A Virginia le gustaba Vita
Fragmento de lectura dunha das moitas cartas que intercambiaron a escritora Virginia Woolf e a súa amante, tamén escritora, Vita Sackville-West. Recollidas pola autora Pilar Bellver (Villacarrillo, Jaén, 1961) na extraordinaria novela “A Virginia le gustaba Vita”, que recrea -cunha mestizaxe entre ficción e documentación- a apaixonada historia de amor entre ambas escritoras. Publicada no ano 2016 na editorial Dos Bigotes, especializada en temática LGTBI e feminismo.
Despedímonos coa última lectura que nutre o espazo diverso e compartido que é #LemosParaTi, un poema inédito da poeta, cantante, guitarrista e guionista coruñesa Lucía Aldao (1982).
Desde as Bibliotecas Municipais desexámosvos un feliz Orgullo2020 e que viva a diversidade!!
Posted on 28 Xuño, 2020, in A biblioteca recomenda, Efemérides and tagged #coruñadiversa, #LeConOrgullo, #Orgullo2020, #recomendamosbmc, 28J, A Virginia le gustaba Vita, as municipais entenden, Daniel Asorey, Día Internacional do Orgullo LGTB, disturbios de Stonewall, el amor del revés, Elisa e Marcela, Lemos para ti, LGTBI, Lorca, lucia aldao, Luisgé Martín, Narciso de Gabriel, Pilar Bellver, sonetos del amor oscuro, Transmatria. Bookmark the permalink. 1 comentario.
Pingback: LibraryPride: LGTBI+ en Bibliotecas y vinculación a la Agenda 2030 - BiblogTecarios