Arquivo do blog
Lecturas ouvidas, lecturas sentidas vol. II
O estado de alarma continúa e nos continuamos coas nosas lecturas ouvidas durante o resto do mes de maio ata finalizar a tempada. Con Leila Guerriero xa comezáramos o mes pero, sendo o mes das nosas letras, aínda nos quedaban sesións suculentas do club de lectura. Para celebrar este mes e participar doutro xeito na campaña #DesconfinarALingua das Bibliotecas Municipais, no club de lectura da Sagrada Familia decidimos “desconfinar” tamén as nosas palabras favoritas do idioma galego e con elas fixemos unha composición que nos quedará de recordo deste ano sen precedentes.
O encontro virtual dos clubs de lectura con María Reimóndez, autora de “A esencia da cidade”, achegounos este relato, que convertemos parcialmente a audio para seguir o fío das nosas reunións. O relato, publicado por Amnistía Internacional dentro de “Camiñan descalzas polas rochas: autoras polos dereitos das mulleres”, resultou moi estimulante, poñendo o punto na dor e na recuperación, que é posible si, por suposto, da vivencia de maltrato na adolescencia. A presentación deste feito toca na sensibilidade de calquera e as integrantes do club Sagrada Familia non ían ser menos. Fonda indignación porque se sigan dando estes feitos na actualidade, e agradecemento á autora por estar disposta a presentalos así, para que todos tomemos conciencia e intentemos evitar que se repitan na nosa contorna.
Tamén tivemos tempo para abordar a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor e mestre homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, que tamén foi tratada polo resto dos compañeiros dos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña como xa coñecemos a través da publicación dedicada a este feito.
Non foi sinxelo atopar audios coas súas obras literarias sendo como era, mestre e estudoso do noso idioma, abundan as súas entrevistas e participación en conferencias sobre o reintegracionismo do galego e a reivindicación da autonomía de Galicia, feitos polos que foi fortemente represaliado durante a ditadura. Atopamos un fragmento de “Scórpio”, Premio da crítica de narrativa galega en 1987, que nos conta a execución dun soldado por rebelión e morte dun superior durante a Guerra Civil.
Neste pequeno anaco da xigante obra xa podemos albiscar a trascendencia da novela que narra toda a vida do protagonista, Rafael Martínez Pinheiro (alcumado Scórpio) a través da época republicana e logo durante a Guerra Civil ata a caída da República.
Unha execución nunca é un momento agradable, e tampouco nolo mostra así o autor, que resalta a desesperación do reo durante as súas últimas horas. Móstranos, iso si, a humanidade que manteñen os soldados e o avogado defensor pese á crueza da guerra, que serve de único apoio ao sentenciado a morte. Destacamos na tertulia o último pensamento do condenado, o recordo da nai e das súas ensinanzas, que non sempre somos capaces de seguir, pero que sempre procuran o noso ben.
A vantaxe de compartir lecturas e reflexións, no contexto que sexa, é que todo parece máis levadeiro e, aínda que parece que abandonamos o humor no mes de abril a intención do club non é entristecer a ninguén. Pero continuamos cunha fonda tristura na seguinte semana de debate, tristura atemporal por chegar da man de Antón Chéjov e o seu relato “La tristeza”, que comentamos o luns 25 de maio.
Este pequeno relato, publicado na afastada Rusia de 1886, conta a historia dun pai, cocheiro en Moscú, que lamenta a morte do seu fillo durante unha fría e lúgubre noite de traballo. Este home non atopa consolo en ningures, pola contra recibe maltratos dos clientes, totalmente indiferentes á súa situación. O desenlace serve de cumio de tristura, desengano, pero non volo contaremos aquí, recomendamos a súa lectura ou escoita atenta.
Aproveitamos a ocasión de coñecer ao “pai do relato” para comentar tamén outro clásico dos seus, “Muerte de un funcionario”. En este caso a tristura vai diminuíndo; sen chegar a ser un relato de humor, ten píntegas de excéntrico pola reacción desmesurada do protagonista. Non escapou da conversa a importancia das convencións sociais da época, que de seguro non coinciden practicamente en nada coas actuais, e impoñían un pouso de servilismo nas relacións cos superiores en rango e en escala social. As participantes da tertulia foron sensibles a esta situación social que diferenciaba tanto as persoas polo momento, o lugar e a familia na que naceran. Conscientes do cambio social que podemos gozar co paso dos anos, ninguén quere volver un paso atrás, nin para coller pulo.
E imos chegando ao momento da parada vacacional, parece que a pandemia comeza a remitir e todos queremos dispoñer de máis tempo ao aire libre que compense os días de encerro obrigado. Pechamos a tempada cun autor de prolífica traxectoria e recoñecido prestixio internacional, Mario Vargas Llosa. Cun dos seus primeiros relatos, “El abuelo” publicado en 1956 no diario El Comercio de Lima, e incluído tres anos despois na colección de relatos “Los jefes“. Recuperamos a súa lectura na canle de Youtube Audio Libros Sense:
Resulta un relato confuso pola intención, non somos capaces de comprender a actuación do protagonista, meter medo a un neto, de forma tan violenta, non é propio dun avó, polo menos dos avós que coñecemos. A escrita é salientable, mantén a atención en todo momento e todos queremos saber qué é o que vai facer este avó que tanto maquina. A presenza da calavera tamén nos desconcerta, ¿cómo se pode atopar así, nunha cuneta, cando se vai nun taxi? Hai quen o clasifica como relato de medo, nós non o describiriamos así, pero si coma un relato desconcertante. Nada que ver coa segunda proposta da sesión.
O segundo audio pertence a unha lectura que o propio autor fixo da súa novela biográfica “El pez en el agua“, publicada en 1993 por Seix Barral e que relata unha grande parte da súa vida desde os primeiros anos, a súa nenez, a relación co seu pai; ata o seu paso pola política, finalizado trala derrota pola presidencia de Perú ante Alberto Fujimori.
Integrado nunha novela biográfica, o texto limítase a contar o que ocorreu, sen artificios literarios máis alá da descrición dos feitos e a exposición das sensacións dos protagonistas. Sen chegar a ser explícito, fainos partícipes das inquedanzas da parella, podemos sentir cómo se enfrontaron ao rexeitamento da familia apoiados nos seus sentimentos e na súa valentía. A conversa deunos para destacar o desenvolvemento social e económico que se desfrutaba en hispanoamérica no século XX, alonxados da situación española. Coñeciamos os comentarios dos que alí emigraron coincidindo coa época do relato, e os seus recordos axudaron a comprender a facilidade coa que Julia e Mario salvaron os problemas de idade e de convencións sociais para acadar o seu matrimonio.
A lectura ouvida deste premio Nobel resultou ser un bo broche de ouro para esta tempada do club de lectura da Sagrada Familia. E descubrindo dous relatos tan dispares creo que moito máis. Trátase dun autor de múltiples facetas co que non coincidimos en moitas delas, pero fomos capaces de recoñecer nel a súa valía como narrador e periodista. Coido que fixemos nosa a frase “non xuzgues un libro pola súa cuberta” e foi aplicada ao autor nesta sesión, de seguro que a seguiremos aplicando no noso día a día.
Finalizada queda esta “extraordinaria” tempada do club de lectura da Sagrada Familia e non queremos despedila sen agradecer a confianza e participación das integrantes, que tanto nos ensinaron este curso e seguro que moito nos queda por aprender nos seguintes. Porque imos regresar, aínda non podemos saber de qué forma pero voltaremos coas mesmas ilusións nas tertulias, nas lecturas e na compaña de todas vós.
Apertas grandes para todos e disfrutade moito da liberdade conseguida tras o confinamento. Saúde ante todo!!