Category Archives: letras galegas
casa atlántica, casa cabaret, de María Lado
Outra das actividades encadrada dentro da programación do Primaletras foi a lectura do poemario casa atlántica, casa cabaret, de María Lado, por parte do club de lectura de autores e autoras galegas da biblioteca de Estudos Locais.
Aínda lle pesan as lembranzas daquela casa nova con boas vistas e o teito inzado de manchas de humidade; se cadra tece desde alí esta historia dos obxectos que compoñen a María Lado, esas cousas estúpidas e sinxelas que se apegan a ela para non abandonala nunca e que a perseguen de mudanza en mudanza nunha viaxe íntima e circular.
Sinopse de casa atlántica, casa cabaret (Xerais, 2001).
María Lado naceu en 1979 en Cee (A Coruña). É titulada en Produción Audiovisual e cursou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a escribir no núcleo do Batallón Literario da Costa da Morte no ano 1996, onde publicou os seus primeiros textos en tres libros colectivos: Nós, Mar por medio e Rumbo ás illas.
En 1997 publica a súa primeira obra poética en solitario, A primeira visión. A partir de aí comeza unha carreira na que escribe sobre todo poesía, pero tamén cultiva outros xéneros como a narrativa, os guións para radio ou colabora en prensa (co xornal dixital Vieiros, coa revista Dorna e coa revista portuguesa Comentário, entre outras). Traduciu ó galego varios libros de literatura infantil publicados por Edicións do Cumio, editorial na que traballou durante cinco anos (entre eles, Alicia no País das Marabillas de Lewis Carroll). Tamén é actriz, e desde 2005 comparte escenarios coa tamén poetisa Lucía Aldao co dúo poético-musical Aldaolado. Con el realizan unha mestura de poesía con humor e música de carácter transgresor, nun exercicio de comunicación directa co espectador. O seu primeiro espectáculo foi Onde estea un cubata que se quite un soneto.
A escolla deste poemario veu motivada polo recital poético ofrecido polas poetas galegas Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Emma Couceiro, Lucía Aldao e a propia María Lado, guiado pola poeta, xestora cultural, filóloga e editora Dores Tembrás co gallo do Primaletras 2022.
Fariña, de Nacho Carretero
Nos clubs de lectura das bibliotecas de Estudos Locais e Monte Alto tivemos o pracer de ler Fariña, de Nacho Carretero, no pasado curso.


Versión en galego e versión en castelán do libro de Nacho Carretero.
Aínda que o narcotráfico é un tema que a todos e todas nos soaba, o certo é que Fariña nos achegou datos e curiosidades dese mundo que a maioría descoñecía: apelidos, clans, corrupción, nomes, mortes en accidentes que rematan non sendo tal…
Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.
Sinopse de Fariña.
Ademais, algunha persoa asistente ao club vira a serie anos atrás, polo que aproveitamos para falar das adaptacións audiovisuais de libros e para recomendar outras.

A serie estreouse en Antena 3 o 28 de febreiro de 2018, e unha semana antes, o dia 12, o libro foi retirado da venda de forma cautelar por orde dunha xuíza despois de que o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, denunciara ao autor por suposta vulneración do seu dereito ao honor. O libro colocouse no número un de vendas e a serie conseguiu unha grande audiencia. En xuño dese mesmo ano a xustiza revogou o “secuestro” do libro e, finalmente, en 2021, o caso foi desestimado.
Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é xornalista e traballou nas redacións de varios medios, para despois pasar a ser freelance e escribir para JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo, entre outros. Realizou reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ébola en África, a guerra civil siria, a ola de incendios forestais de 2017 en Galicia ou do seu amado Deportivo da Coruña.

Este é un dos poucos ensaios que lemos desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais, pero definitivamente deixou moi bo sabor de boca.
Día das Letras Galegas en Primaletras
Á celebración do Día das Letras Galegas correspóndelle a recta final de Primaletras, e imos con todas este mes de maio! Actividades variadas para todas as idades, para achegarte ás biblios ou desfrutar desde casa, para xogar, para aprender, para gozar e danzar.
Para saber máis polo miúdo de que falamos, só tes que seguir lendo! Toma nota!
—EXPOSICIÓN DIXITAL “FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: CONEXIÓN ATLÁNTICA”
CANDO E ONDE: Desde o 1 de maio na web das bibliotecas municipais da Coruña.
Este ano, o homenaxeado é Florencio Delgado Gurriarán, verba galega*, poeta, activista cultural, editor de palabras, exiliado en terras mexicanas desde o seu Córgomo natal, corgomófilo infindo**.
O recoñecemento a Florencio Delgado Gurriarán “non se limita a un autor literario ou a unha figura do galeguismo, nin sequera ao exilio mexicano, senón a todos aqueles que, mentres comezaban unha nova vida lonxe da súa terra, se dedicaron a (re)construír a identidade de Galicia como cultura, como pobo e como país” (fragmento da exposición dixital “Conexión Atlántica”).
Ao longo do mes, poderás visitar de forma virtual a exposición dixital “Florencio Delgado Gurriarán: Conexión Atlántica”. Se vas ás bibliotecas, verás un panel co código de acceso, pero desde xa podes acceder picando na ligazón que achegamos:
FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: CONEXIÓN ATLÁNTICA

*Verba galega era parte do título dunha das revistas que editou, e ben podía definilo a el mesmo.
**O pseudónimo Korgomófilo foi empregado por Florencio D. G., e neste binomio quixemos unilo á súa obra Galicia infinda.
—ESCAPE ROOM “O LADRÓN DOS LIBROS DE FLORENCIO”
CANDO E ONDE
- Martes 11 maio, 18:30 h. / Sagrada Familia / 8 a 12 anos.
- Mércores 18 maio, 19 h. / Durán Loriga / 9 a 16 anos.
- Xoves 19 maio, 17 h. / Castrillón / 8 a 12 anos.
- Xoves 19 maio, 19 h. / Ágora / 14 a 16 anos.
Para rapazas e rapaces a partir dos 8 anos e ata os 16 (comproba as idades, porque dependen de cada biblioteca), quixemos que coñecer máis a Florencio fose tamén unha aventura.
“O ladrón dos libros de Florencio” é un Escape Room que, da man de Clue Hunter, presenta un reto, e só unha hora, que obrigará a pór a proba a agudeza mental e os coñecementos sobre o autor de Córgomo para acadalo. Poderemos descubrir, entre a lista de terribles sospeitosos, quen robou os libros de Florencio?

—CONVERSA CON MARÍA REI VILAS ARREDOR DE “FLORES DE FERRO”
CANDO E ONDE: 10 maio, 18:30 h. / Biblioteca Rosales
Tras a lectura de “Flores de ferro” de María Rei Vilas, novela gañadora do Premio García Barros 2020, os clubs de lectura “Café con libros” terán unha conversa coa escritora arredor do libro, das múltiples historias que contén e do seu proceso creativo, nun encontro aberto a calquera persoa interesada no tema.
María Rei Vilas (A Laracha, 1964) é profesora de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Agra de Leborís, da súa localidade natal. Autora de libros de texto e guías didácticas relacionadas co ensino da bioloxía e a xeoloxía, “Flores de ferro” é a súa primeira novela.
—CONFERENCIA “FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN NO EXILIO GALEGO EN MÉXICO”, POR RAMÓN VILLARES
CANDO E ONDE: 11 maio, 19 h. / Biblioteca de Estudos Locais
O historiador Ramón Villares estará connosco para impartir a conferencia “Florencio Delgado Gurriarán no exilio galego en México”, na que profundará na figura do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas e no exilio propiciado pola represión franquista.
Tras a conferencia, desfrutaremos dunha regueifa na que rivalizarán en enxeño Xurxo Souto e Manuel Maseda a partir do poema de Gurriarán Galicia infinda.

Ramón Villares Paz (Cazás-Xermade, 1951) é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e Membro Numerario da Real Academia Galega. Pertence aos patronatos do Museo do Pobo Galego, da Fundación Luis Seoane, da Fundación Otero Pedrayo e da Fundación Juana de Vega. Foi Presidente do Consello da Cultura Galega, desde 2006 a 2019. Entre as súas publicacións destacan Identidade e afectos patrios (Galaxia, 2017), Premio Mondoñedo 10 ao Mellor Ensaio da Década, ou Exilio republicano y pluralismo nacional: España, 1936-1982 (Marcial Pons, 2021).
—CONCERTO AGORASÓN PRIMAVERA CON LUAR NA LUBRE
CANDO E ONDE: 21 maio, 21 h. / Auditorio do Centro Ágora
Organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, o Concerto AgoraSón Primavera con Luar na Lubre poñerá o ramo perfecto, coa fabulosa música do grupo coruñés, a un marabilloso Primaletras que achegou á cidade o mellor da literatura local e galega na actualidade.

Os convites para asistir repartiranse nas bibliotecas a partir do luns 16 de maio. Entregaranse un máximo de dous convites por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña (até esgotárense) ao coller libros ou outro material en galego para os levar en préstamo.
Faranse dúas quendas de reparto: en horario de mañá e horario de tarde.
- Horario de mañá: a partir das 9.00 h, salvo na Biblioteca de Durán Loriga, que será a partir das 12.00 horas.
- Horario de tarde: a partir das 16.00 h, agás no Punto de Servizo de Mesoiro, que será a partir das 17.30 horas.
Mentres escribimos estas liñas na recta final de Primaletras xa comezamos a atesourar os momentos vividos! Ademais, para revivilos, sempre podemos repasar a guía de lectura do festival, a un só clic de distancia.

Felices Letras Galegas en Primaletras!
PrimaLetras: o festival dos libros e das letras

As Bibliotecas queremos ver florecer as letras esta primavera, por iso organizamos o Festival literario e cultural “PrimaLetras” para celebrar na cidade da Coruña todas as efemérides relacionadas co libro e a lectura que se aglutinan nos meses da primavera (marzo/maio), con especial atención ao 23 de abril (día do Libro).
- 21 de marzo: día da poesía
- 27 de marzo: día do teatro
- 02 de abril: día do libro infantil e xuvenil
- 23 de abril: día do libro
- 01 de maio: día da banda deseñada
- 17 de maio: día das letras galegas
Esta primavera encheremos as bibliotecas municipais da Coruña de actividades e eventos como homenaxe ás distintas efemérides que en relación aos libros e as letras teñen lugar de marzo a maio.
O noso obxectivo de dar visibilidade ao talento literario e á efervescencia cultural que vivimos na actualidade e, ao tempo, ofrecer actividades de calidade para as persoas usuarias das bibliotecas municipais que confían no noso traballo e o demostran participando en todas as propostas que lles facemos.
Unha programación dirixida a aprender e pasalo en grande entre libros e historias para poder participar da efervescencia creativa que nos arrodea.
Tomade nota de toda a programación.





































