Arquivo do blog
Recomendacións do Club Fórum Luns
O club de lectura Fórum Luns, ao igual que case todos os da rede, toman unha semana de descanso e parécenos unha boa oportunidade para deixarvos as recomendacións das nosas últimas lecturas.
Comezamos o ano con Ceniza en la boca da mexicana Brenda Navarro (Sexto Piso Editorial).
Escrito en primeira persoa, a novela comeza co suicidio de Diego, un feito para o que a protagonista necesita atopar respostas, posto que non o poderá sacar xamais da cabeza. A imaxe do irmán estrelándose contra o chan desde un quinto piso, aínda sen velo, repetirase unha e outra vez ao longo da súa vida. Ela é a que nos contará a súa historia esforzándose por adiviñar os motivos que puideron levar ao seu irmán a tomar tan drástica decisión, sentíndose culpable a intres, enfadada por momentos e perdida todo o tempo. A protagonista necesita atopar respostas polo que a trama principal serán as súas reflexións, recordos e vivencias na casa dos seus avós no seu México natal e en España.
Os diálogos mestúranse co groso da proso cun estilo marcado, non precisamente pola sinxeleza. A novela require unha lectura pausada e centrada nos acontecementos, moitas veces incómodos, que farán que resoen no lector sen deixalo indiferente. Temáticas como a migración a outro país, o desarraigo, a xenofobia e a constante loita por ser alguén nunha sociedade que se pecha aos estranxeiros son o tecido que xira arredor do suicidio de Diego.
Escritora, socióloga e economista mexicana residente en Madrid, Brenda Navarro naceu en Cidade de México o 26 de febreiro de 1982. Estudou Socioloxía e Economía na Universidade Nacional Autónoma de México, así como un máster en Estudos de Xénero, Mulleres e Cidadanía na Universidade de Barcelona. Casas vacías, a súa primeira novela gañou o Premio Tigre Juan no 2020 e foi traducida a sete linguas.
Outros libros da autora nas BMC: Casas vacías. Sexto Piso, 2020


A seguinte lectura foi Mejor la ausencia de Edurne Portela (Galaxia Gutenberg). Da autora vasca xa leramos en ocasións anteriores Formas de estar lejos, pero coa que non atopamos ningunha similitud
Neste libro atopamos a historia dunha familia en pleno anos 80 en Euskadi, nun pobo moi rural nos anos de maior revolución do movemento de independencia. A voz narradora é a da protagonista que se presenta como nena e viaxamos a través das súas vivencias á idade adulta. Amaia preséntanos todo dende o seu punto de vista. Pero o seu punto de vista e a súa voz, como é lóxico, van cambiando ao longo dos anos a medida que vai medrando e faino tamén a voz narrativa que torna nun ton moito máis maduro. Amaia pasa de observadora a protagonista.
Amaia abre o seu corazón e comparte co lector a historia da súa familia. Unha familia convencional con moitos problemas, problemas relacionados coa época na que se desenvolve sempre co conflito vasco como transfondo. Pero sen embargo na obra toman forza temáticas como a violencia doméstica, o adulterio, o horror da heroína que foi unha lacra nos anos 80 e o desenvolvemento de ETA. Sen esquecer a educación da época, a relixión, ou os rescoldos que quedaban aínda da ditadura. E ante este escenario que se nos presenta, cada membro da familia tivo que aprender a escapar dos seus problemas, a auto protexerse.
Edurne Portela nada en Santurtzi (Biscaia) en 1974, é unha historiadora, filóloga, docente universitaria, ensaísta e novelista vasca en lingua española. No ano 2018 recibiu o premio Mellor Libro de Ficción pola súa obra Mejor la ausencia.
Outros libros da autora nas BMC: Formas de estar lejos, Los ojos cerrados, Maddi y las fronteras.


Mudamos totalmente de escenario e continuamos a nosa programación con A nena do abrigo de astracán do noso querido Xabier P. DoCampo (Xerais).
A nena do abrigo de astracán é Susana, unha nena adoptada polos seus padriños logo da morte da súa nai. A través do personaxe de Susana asistimos aos acontecementos dunha vila galega de posguerra, Ribadaínsua, onde o silenciado ten moito peso e as pantasmas do pasado maniféstanse de moi diversas maneiras e revelan o sentimento de culpa, unha delas a, través das voces que se agochan nos faiados das casas.
A Susana o que máis lle gusta é ver películas nas que atopa acubillo ao mesmo temo que descobre o mundo. Filmes que posteriormente ten que comentar coa súa madriña Agustina, mais faino dun xeito moi particular para que a madriña as entenda e sobre todo lle dé o visto e prace. Xa revelamos pois, con este dato que o cinema é un referente en toda a novela. Os sete filmes que Susana ve e lle conta á madriña forman parte da estrutura da novela e tamén da propia vida de Susana. Xa que logo, a protagonista é a nena pero tamén a vila enteira na que os personaxes de Agustina, a beata que todo o quere gobernar, e Don Amancio, o crego que non permite que nada aconteza na vila sen a súa supervisión teñen un papel fundamental. Pero tamén Isidoro, o alfaiate e primeiro amigo de Susana, Fermina, a nena á que se lle aparece a Virxe ou Antonina a muller tola que pintaba retratos sempre de costas.
A novela foi merecedora do Premio da Crítica 2018.
Xabier Docampo (Rábade, 1946 – A Coruña, 2018). Mestre e escritor, é autor dunha extensa obra narrativa, en boa parte traducida ás linguas peninsulares. Mereceu o Premio da Feira do Libro da Coruña (1989), o Premio Irmandade do Libro ao Autor do Ano 2009 e A Letra E da AELG en 2014.
Outros libros do autor nas BMC: Contos de obxectos, O libro das viaxes imaxinarias, A chave das noces


A seguinte lectura foi a obra gañadora ao Mellor Libro do Ano 2020 Las maravillas de Elena Medel (Anagrama).
Fálannos María e Alicia das súas vidas, das súas historias, e fiando a historia de ambalas dúas coñeceremos as historias doutras mulleres. Todas condicionadas por onde e como naceron, e pola situación económica de cada unha delas. A novela comez e remata o 8 de marzo de 2018. Comeza e remata en Madrid aínda que é en Córdoba onde ocorren algúns feitos moi importantes. É incrible como transversalmente o diñeiro inflúe dunha maneira ou doutra, téñalo ou non o teñas. As nosas vidas márcaas e réxeas o diñeiro, algo tan tanxible pero efémero á vez.
Las maravillas é unha novela que fala de precariedade, económica e familiar, do tira e afrouxa que eses dous piares, diñeiro e familia, supoñen no universo de dúas mulleres. É tamén unha novela sobre coidados, responsabilidades e expectativas, sobre a precariedade que non responde á crise senón á clase.
Elena Medel(Córdoba 1985). É autora de tres coleccións de poesía e dúas obras de non ficción. Aos 19 anos fundou a editorial de poesía La Bella Varsovia, unha das máis prestixiosas do mundo hispanofalante. Recibiu o XXVI Premio Loewe para Novos Poetas, o Premio Fundación Princesa de Xirona das Artes e as Letras 2016 polo conxunto da súa obra e o Premio Francisco Limiar ao Mellor Libro do Ano 2020. Las Maravillas é a súa primeira novela, e será traducida a trece idiomas.
Outros libros da autora nas BMC: Todo lo que hay que saber sobre poesía, Mi primer bikini, Tara


E rematamos trimestre con Almendra de Won-Pyung Sohn (Temas de hoy).
Almendra é a historia dun rapaz que non é como os demais, padece unha rara enfermidade que lle impide experimentar as emocións. Yunjae naceu coas amígdalas cerebrais máis pequenas, sofre alexitimia e non pode sentir nin entender os sentimentos dos demais; non chora, non ri, non sente medo, non ten empatía, non sofre, non se alegra, non sente amor… Desde pequeno a súa nai esforzouse en ensinarlle a distinguir as emocións dos demais e dar unha resposta acorde con elas para finxir aquilo que non pode sentir, para que non o rexeiten.
Pero a Yunjae perségueo a desgraza, unha detrás doutra e aos 16 anos atoparase só polo que deberá sobrevivir, medrar e superarse. As circunstancias cruzarán na súa vida a Goni, un rapaz que medrou sen afecto e foi precisamente ese feito o que o levou a seguir malos comportamentos. Ao igual que Yunjae, pero por diferentes motivos, Goni tampouco sabe expresar as súas emocións nin recibir mostras de afecto. A extraña relación que se establecerá entre os dous personaxes cambiará as súas vidas para sempre.
Almendra profundiza nos sentimentos, nas emocións e como nos relacionamos transmitindo estas. Unha das características que salientamos do estilo é a narración directa, sen descricións nin florituras,con temas como o bullying e a amizade. Ben escrita, crúa e moi pouco sensible cos personaxes,o lector é o que íntima con eles,xa que a autora é fría á hora de narrar os sentimentos.
Won-Pyung Sohn (1979 Corea do Sur) desenvolveu unha traxectoria profesional como escritora de novelas e como directora de cinema. As súas premisas adoitan ser sorprendentes, a medio camiño entre a fantasía e a realidade, pero co seu primeiro libro, Almendra, centrouse nunha enfermidade real e logrou o seu maior éxito literario ata a data. El impulso, unha historia sobre as segundas oportunidades, é a súa novela máis recente e tamén está dispoñible nas BMC.


E ata aquí as nosas recomendacións do segundo trimestre, agardamos que vos deran ideas para facer acopio de lecturas para estes días de descanso que temos por diante. Podedes consultar a súa dispoñibilidade no noso catálogo.
Fariña, de Nacho Carretero
Nos clubs de lectura das bibliotecas de Estudos Locais e Monte Alto tivemos o pracer de ler Fariña, de Nacho Carretero, no pasado curso.


Versión en galego e versión en castelán do libro de Nacho Carretero.
Aínda que o narcotráfico é un tema que a todos e todas nos soaba, o certo é que Fariña nos achegou datos e curiosidades dese mundo que a maioría descoñecía: apelidos, clans, corrupción, nomes, mortes en accidentes que rematan non sendo tal…
Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.
Sinopse de Fariña.
Ademais, algunha persoa asistente ao club vira a serie anos atrás, polo que aproveitamos para falar das adaptacións audiovisuais de libros e para recomendar outras.

A serie estreouse en Antena 3 o 28 de febreiro de 2018, e unha semana antes, o dia 12, o libro foi retirado da venda de forma cautelar por orde dunha xuíza despois de que o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, denunciara ao autor por suposta vulneración do seu dereito ao honor. O libro colocouse no número un de vendas e a serie conseguiu unha grande audiencia. En xuño dese mesmo ano a xustiza revogou o “secuestro” do libro e, finalmente, en 2021, o caso foi desestimado.
Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é xornalista e traballou nas redacións de varios medios, para despois pasar a ser freelance e escribir para JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo, entre outros. Realizou reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ébola en África, a guerra civil siria, a ola de incendios forestais de 2017 en Galicia ou do seu amado Deportivo da Coruña.

Este é un dos poucos ensaios que lemos desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais, pero definitivamente deixou moi bo sabor de boca.
Fin de curso 2020-2021 de Café con Libros: Presencial Vs Virtual
Fai unhas semanas rematamos o curso dos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, tentaremos facervos chegar un pequeno resumo de todo o que deu de si este ano. Novamente eran moitas as sensacións e os sentimentos que tiñamos acumulados despóis do confinamento, moitas eran as ganas de volver á normalidade e as nosas reunións de forma presencial, poder ver ás nosas lectoras e enriquecer as lecturas ca posta en común.
Comezamos esta nova andaina con moita ilusión, con sesións presenciais que respectaban todas as medidas de seguridade: pechamos os espazos para poder manter a debida distancia, o aforo limitado e a máxima ventilación. Foron apenas dúas sesións o que nos deu tempo a facer con cada grupo, “un ola e adeus”. A alegría durounos pouco e enseguida tivemos que tornar á virtualidade, as restricións de aforo en espazos cerrados imposibilitáronnos continuar, máis adaptámonos e co xa aprendido no curso anterior puxemos en marcha de novo as conexións virtuais. Se ben é certo que non todas as nosas compañeiras se conectaron, o máis importante para nós foi que ningunha delas deixou de vir buscar as súas lecturas á Biblioteca, o vínculo con nós non desapareceu. En compensación, xurdiron de forma espontánea charlas improvisadas a pé de mostrador.
Tivemos lecturas do máis heteroxéneo, desta volta quedounos unha proposta de títulos moi axeitada, sempre pensando en facer unha selección o máis equilibrada posible. Miramos de ter autores-as de tódalas xeracións e correntes literarias, obras en galego, cómics, e mesmo, os que era necesario tachar da lista de “ler sen falta”. Non podíamos deixar de incluír tamén aquelas que estaban de celebración este ano. Fagamos un breve repaso a todas elas.
Descubrimos autoras contemporáneas coma a belga Caroline Lamarche e a súa obra Estamos en el borde, Cristina Sánchez Andrade con Alguién bajo los párpados e Nadia Terranova con Adiós, fantasmas.
Fixemos unha aproximación a literatura afroamericana da man de dúas escritoras como Nella Larsen e Yaa Gyasi. A primeira co título, Arenas movedizas, deunos a posibilidade de coñecer a unha autora que foi precursora e clave no Renacemento de Harlem de principios do século XX. Yaa Gyasi, pertencente a unha nova xeración de escritoras afroamericanas, sorprendeunos ca súa primeira novela Volver a casa. Coincidindo con estas lecturas fixemos unha mostra bibliográfica na Biblioteca adicada ao Black History Month, celebración anual que busca o recoñecemento da cultura afroamericana.




A literatura clásica correu a cargo da pequena e máis descoñecida das irmáns Bronte, Anne, ca súa novela Agnes Grey. Seguimos ca matriarca das letras catalás Merce Rodoreda e o seu Espejo Roto. Nancy Mitford deixounos fascinadas tanto pola súa novela A la caza del amor ,como pola biografía da súa propia familia. Non vola perdades!
En galego tivemos a oportunidade de ler Virtudes (e misterios) de Xesus Fraga, unha emocionante crónica da emigración a traves dos ollos da súa propia avoa; o clásico contemporáneo Resistencia de Rosa Aneiros e a innovadora Circe ou o pracer do azul da finada Begoña Caamaño.
Aproveitando a celebración dos 20 anos da editorial Astiberri limos o comic Pedro y yo do autor americano Judd Winick. Ao mesmo tempo, preparamos unha mostra cos fondos que tiñamos na biblioteca dunha das editoriais preferidas dos nosos usuarios-as.
Este ano a homenaxeada polas Letras Galegas 2021 foi a autora Xela Arias, poeta, tradutora, editora e profesora, quixemos aproveitar a efeméride para achegarnos a súa faceta como tradutora da man da obra O bosque animado do autor coruñés Wenceslao Fernández Florez . Esta lectura deunos a oportunidade de aproximarnos a estas dúas grandes figuras e poñer en valor a importancia dunha boa tradución. A lectura trouxo consigo novamente unha mostra bibliográfica, centrámola na tradución ao galego, resaltando o traballo editorial en Galicia na actualidade: Rinoceronte, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Catro Ventos, Kalandraka, etc.
As nosas lectoras tiveron a oportunidade de sumarse á celebración do Centerario de Emilia Pardo Bazán ca lectura da súa novela Insolación, nunha magnífica edición ilustrada da editorial Reino de Cordelia. Grazas ao centenario puidemos disfrutar da reedición de boa parte da su obra, nuns casos en edicións renovadas e noutros, obras que levaban tempo sen ver a luz. Contamos cunha nutrida representación nunha mostra que estará dispoñible na sala de adultos ata o mes de decembro na nosa Biblioteca. Nestes últimos meses estamos a ver coma a obra de Dona Emilia non deixa de prestarse, con grande xúbilo pola nosa banda.


É coma peche final do curso que mellor que poder compartir unha ruta literaria pola cidade, esta vez xuntas. “A Marineda de Dona Emilia” levounos a visitar sitios emblemáticos e reconstruír A Coruña do século XX, a Marineda das obras da autora coruñesa.



Velaí as lecturas do curso 2010-2021. Coma vedes, non tivemos tempo para aburrirnos, a pandemia condicionou a forma de facer as tertulias pero non impediu cas lecturas continuasen. Andamos matinando xa no próximo curso, a cabeciña non para. Deixamosvos o cartaz e as guías de lectura deste curso, onde poderes observar os títulos lidos nestes meses. Seguimos tecendo corazóns, tocando almas, procurando alento…!!! Ata o curso que ven. Bo verán e boas lecturas. ¿Que libros meteríades nas vosas maletas…?



























































