Arquivo do blog
Flores de ferro, de María Rei Vilas
O pasado luns día once de outubro, tivo lugar na sala infantil da Biblioteca Municipal da Sagrada Familia de A Coruña a segunda sesión do “Clube de lectura”. A nosa primeira lectura deste curso foi “Flores de ferro” de María Rei Vilas, que nos brindou unha sesión chea de anécdotas, confesións e lembranzas das lectoras e lectores e tamén da propia autora, que estivo presente para falar do proceso creativo e da documentación previa a ecribir a novela, pero tamén para escoitar as reflexións e as introspeccións en voz alta que se fixeron ao longo da xornada.
María Rei Vilas naceu en Laracha no ano 1964 pero ten un amplo coñecemento de toda a Comarca de Bergatiños: dende Paisaco (ou Peisaco, que é coma moita xente dalí lle chama), Arteixo, Costa da Morte e por suposto da propia vila natal da autora: Laracha.
María exerce dende fai 17 anos coma profesora de Bioloxía e Xeoloxía no IES Agra de Leborís de Laracha. Está comprometida e colabora activamente coa Federación de ANPAS da Coruña-Costa da Morte e ten participado na organización do “Camiño sen límites”, roteiros organizados pola propia Federación de ANPAS. A finalidade destes roteiros é que ao longo do percorrido, se fagan fíos conductores ou de soporte á realización de diversas actividades en equipa, sendo a atención á diversidade, a igualdade e a cooperación entre todas e todos os pilares da actividade.
É autora de libros de texto de Bioloxía e Xeoloxía pero coa que é a súa primeira novela, “Flores de ferro“, ven de gañar a pasada edición do premio “García Barros”, que ten colleitado e colleita unha chea de boas críticas dende que saíu publicada fai un ano.
A xa nosa “Flores de ferro” conta unha historia ambientada nun pobo ficticio, pero que podería ser calqueira vila, cidade ou pobo de Galicia. É unha novela coral que alterna e abarca varias épocas. Dende os anos 20 do s. XX ata case o final da década dos 80s. Historias entrecruzadas que comezan coa a vida de Camila, unha rapaza de 35 anos que, debido a un acontecemento familiar, decide regresar ao seu pobo natal, Briana. Corre o ano 1987 e descoñece que se vai enfrontar a unha verdade que está oculta no seu interior e silenciada por aquelas e aqueles que viviron a época convulsa da España e da Galiza dende a década dos 20s, as penurias e atrocidades acontecidas durante o Golpe de Estado do ano 36 perpetrado polo Bando Nacional, a posguerra e a posterior estabilización dunha dictadura na que as sombras, os silencios e os resquemores están máis presentes que nunca.
Camila deberá afrontar a verdade botándolle valor. En Briana coñece a Antón, o ferreiro artista que, pechado no seu propio mundo, arrastra a dor e culpa daqueles que non souberon ou non quixeron ver coma o mal tinguía de negro e vermello morte as vidas de moitos habitantes do pobo. Coma o mal se ía estendendo, pouco a pouco, sen que ninguén se percatase do que acontecía.
María Rei Vilas debuta na novela cunha historia na que a intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo. Unha historia na que as mulleres teñen un papel crucial e que buscan, de forma empoderante, afrontar as situacións e decisións máis difíciles das súas vidas. Mulleres fortes, decididas, protagonistas das súas propias vidas e donas dun silencio provocado, na que as persoaxes, inesquecibles, vense envoltas nunha trama da que son víctimas silentes que queren acadar unha xustiza que non atoparon pero que necesitan para curar feridas que nunca pecharon… Aurora, Olga, Nidia, Camila… son as flores de ferro desta historia. Pero coma sempre ocorre hai máis, houbo moito máis.
De ter que facer una reflexión sobre o libro faríao en forma de pequeños flashes, de microescenas que quedaron xa gravadas a lume na niña cabeza. Unha instrospección que fago en voz alta, pero necesaria para non olvidar o pasado de moitas familias que se viron avocadas a decidir e facer cousas que nunha situación de normalidade non terían feito:
Esta sesión, cunha asistencia envidiable e una participación por parte dos asistentes de absoluto respecto, dou comezo ás 10:30 h. e alongouse una hora más do previsto. Coma un ritual atávico, María comezou a poñer pequeñas pedriñas ao redor dunha mesa logo, dirixíndose ao grupo, ensinou unha pequena fotografía en branco e negro. Sen dúbida era algo de vital importancia para ela, sendo como son os recordos, parte esencial da novela, aquela instantánea foi o punto de partida para escribir un libro cheo de sensacións, texturas, olores… que se perciben cada vez que unha descripción asalta ao lector, con cada verba que as persoaxes lanzan ao ar para quen queira escoitar. Aquela foto deulle pé a investigar sobre a vida nunha época aínda presente na actualidade.
Ano e medio de documentación sobre os anos negros da Galiza e da Comarca de Bergantiños serviron para darse conta de que non todo é o que parece, nin as situacións, nin as persoas. Mulleres e homes que dun día para outro trocaron a súa vida cotiá por unha existencia lóbrega por mor dunhas ideas políticas que levaron a moitas e moitos a encarar as visicitudes da vida de forma silenciosa.
Cando lemos o libro podemos intuír que, a pesar de que Briana é un lugar imaxinario e novelesco, ten moito que ver co pasado das nosas avoas e avós, nais e pais. De como calamos ainda agora nas reuniós familiares e evitamos falar dunha época que parece que queremos esquecer, borrar do mapa. María, explicou moi ben este feito xa que ela tamén é filla e neta dunha etapa, dun momento espazo-temporal do que ninguén, salvo os vencedores, falan (ou quizáis non…) É importante sinalar que moitas das vidas truncadas que lemos ou lerán no libro son casos reais, documentados, acontecidos en lugares e vilas, cidades, que tras os acontecementos do Alzamento Nacional nunca volveron a ser como eran.
O grupo asistente ao clube de lectura aportou grandes reflexións, nas que se podía entrever como a vida das personaxes chegou ao corazón dos lectores. Reviviron a realidade que lles tocou vivir, ou que viviron, os seus parentes. Destacaron con sabias palabras como as mulleres sempre levaron a carga, o peso da vida sobre os seus ombros e xeonllos, e tiveron que tomar moitas decisións complexas. Un empoderamento inconsciente que hoxe en día é tan importante recuperar. Comentaron tamén como os homes desta historia, pola contra, son meros monicrecres, con pouca iniciativa de decisión e que só algúns deles, na novela, acomete accións en beneficio propio.
Todas en todos conviron en que a realidade sempre supera a ficción, que sempre é máis dura, pero que neste caso, o que nos conta María en “Flores de ferro” e tan real que é acaído dicir que non hai familia no noso país, no noso pobo, cidade ou vila que non pasara por situacións similares ás que se mencionan no libro.
Todos os membros do clube estiveron dacordo definila como una novela que arrecende a familia, cunha linguaxe moi cuidada, unha historia ben fiada a través de recordos e flashbacks, que a priori poderían dificultar a lectura pero que sen embargo fan que aumente a expectación das lectoras e lectores, provocando conversas interiores, reflexándose nas diferentes personaxes que aparecen ao longo do libro. Como actuariamos nós de estar na pel dalgunha das personaxes? ou, tamén, que personaxe nos gustaría ser?
Ao final, María descubriunos o segredo das pequenas pedriñas que colocara ao redor da mesa ao principio da sesión: pedras recollidas da Praia de Baldaio. Cantos rodados de 30.000 anos que que viron pasar os bos e os malos momentos da humanidade. Convidounos a coller unha pedra a cada unha e un coa promesa de devolvela ao seu lugar de orixe, para que eses recordos que levan no seu interior non se perdan no ruído da vida cotiá.
Como reflexión final de “Flores de ferro” poderíamos decir:
Solpor. Pensamentos antes de que comece o cántico do soño. Raios de Sol desmenúzanse entre os visillos. Os sempre silenciosos ollos comezan a susurrar. Elegantes taquicardias perdidas no tempo. Miradas disfrazadas negan os pasos en falso aos paxaros. Dulce marmelada de soles deixa cega a incrédula infancia. O tempo, o martelo…. Prados sulfurados. Golpear tonalidades. Atusar levemente a sinrazón. Xardíns tramposos falan en voz baixa. Agazapada na esfera da existencia, alcanza o tempo para deixar de ser trivial. Carbonízase ante a impávida e inmutable hipocresía. Proscrita, apóstata… a sociedade con cara limón.
Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín
A LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) non é só para menores de idade. Desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais reivindicamos isto o pasado curso coa lectura de Das cousas de Ramón Lamote, do autor Paco Martín.
Das cousas de Ramón Lamote é un clásico da literatura galega. Publicado por ver primeira en 1985 (gañador do Premio Barco de Vapor de 1984) e con numerosas reimpresións e reedicións ao longo dos anos, é grazas a el que se usa o termo Xeración Lamote para se referir a un grupo de escritores galegos lugueses como Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz que renovaron a literatura galega infantil nos anos oitenta. En 1986 acada o Premio Nacional de LIteratura Infantil e Xuvenil e aparece na prestixiosa lista IBBY Honour List.
O seu autor, Paco Martín, nado en Lugo 1940, é mestre xubilado de Primaria. Tamén foi conferenciante e columnista periódico en xornais como El Progreso, e director do suplemento Axóuxere. Semanario do neno galego publicado no xornal La Región de Ourense nos anos 1974-1975.
Este best-seller breve e retranqueiro fixo que moitos e moitas das asistentes lembrasen as súas lecturas da infancia e que lles saíse un sorriso ao ler as vivencias do profesor de chairego e debuxante de soños.
Fin de curso 2020-2021 de Café con Libros: Presencial Vs Virtual
Fai unhas semanas rematamos o curso dos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, tentaremos facervos chegar un pequeno resumo de todo o que deu de si este ano. Novamente eran moitas as sensacións e os sentimentos que tiñamos acumulados despóis do confinamento, moitas eran as ganas de volver á normalidade e as nosas reunións de forma presencial, poder ver ás nosas lectoras e enriquecer as lecturas ca posta en común.
Comezamos esta nova andaina con moita ilusión, con sesións presenciais que respectaban todas as medidas de seguridade: pechamos os espazos para poder manter a debida distancia, o aforo limitado e a máxima ventilación. Foron apenas dúas sesións o que nos deu tempo a facer con cada grupo, “un ola e adeus”. A alegría durounos pouco e enseguida tivemos que tornar á virtualidade, as restricións de aforo en espazos cerrados imposibilitáronnos continuar, máis adaptámonos e co xa aprendido no curso anterior puxemos en marcha de novo as conexións virtuais. Se ben é certo que non todas as nosas compañeiras se conectaron, o máis importante para nós foi que ningunha delas deixou de vir buscar as súas lecturas á Biblioteca, o vínculo con nós non desapareceu. En compensación, xurdiron de forma espontánea charlas improvisadas a pé de mostrador.
Tivemos lecturas do máis heteroxéneo, desta volta quedounos unha proposta de títulos moi axeitada, sempre pensando en facer unha selección o máis equilibrada posible. Miramos de ter autores-as de tódalas xeracións e correntes literarias, obras en galego, cómics, e mesmo, os que era necesario tachar da lista de “ler sen falta”. Non podíamos deixar de incluír tamén aquelas que estaban de celebración este ano. Fagamos un breve repaso a todas elas.
Descubrimos autoras contemporáneas coma a belga Caroline Lamarche e a súa obra Estamos en el borde, Cristina Sánchez Andrade con Alguién bajo los párpados e Nadia Terranova con Adiós, fantasmas.
Fixemos unha aproximación a literatura afroamericana da man de dúas escritoras como Nella Larsen e Yaa Gyasi. A primeira co título, Arenas movedizas, deunos a posibilidade de coñecer a unha autora que foi precursora e clave no Renacemento de Harlem de principios do século XX. Yaa Gyasi, pertencente a unha nova xeración de escritoras afroamericanas, sorprendeunos ca súa primeira novela Volver a casa. Coincidindo con estas lecturas fixemos unha mostra bibliográfica na Biblioteca adicada ao Black History Month, celebración anual que busca o recoñecemento da cultura afroamericana.




A literatura clásica correu a cargo da pequena e máis descoñecida das irmáns Bronte, Anne, ca súa novela Agnes Grey. Seguimos ca matriarca das letras catalás Merce Rodoreda e o seu Espejo Roto. Nancy Mitford deixounos fascinadas tanto pola súa novela A la caza del amor ,como pola biografía da súa propia familia. Non vola perdades!
En galego tivemos a oportunidade de ler Virtudes (e misterios) de Xesus Fraga, unha emocionante crónica da emigración a traves dos ollos da súa propia avoa; o clásico contemporáneo Resistencia de Rosa Aneiros e a innovadora Circe ou o pracer do azul da finada Begoña Caamaño.
Aproveitando a celebración dos 20 anos da editorial Astiberri limos o comic Pedro y yo do autor americano Judd Winick. Ao mesmo tempo, preparamos unha mostra cos fondos que tiñamos na biblioteca dunha das editoriais preferidas dos nosos usuarios-as.
Este ano a homenaxeada polas Letras Galegas 2021 foi a autora Xela Arias, poeta, tradutora, editora e profesora, quixemos aproveitar a efeméride para achegarnos a súa faceta como tradutora da man da obra O bosque animado do autor coruñés Wenceslao Fernández Florez . Esta lectura deunos a oportunidade de aproximarnos a estas dúas grandes figuras e poñer en valor a importancia dunha boa tradución. A lectura trouxo consigo novamente unha mostra bibliográfica, centrámola na tradución ao galego, resaltando o traballo editorial en Galicia na actualidade: Rinoceronte, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Catro Ventos, Kalandraka, etc.
As nosas lectoras tiveron a oportunidade de sumarse á celebración do Centerario de Emilia Pardo Bazán ca lectura da súa novela Insolación, nunha magnífica edición ilustrada da editorial Reino de Cordelia. Grazas ao centenario puidemos disfrutar da reedición de boa parte da su obra, nuns casos en edicións renovadas e noutros, obras que levaban tempo sen ver a luz. Contamos cunha nutrida representación nunha mostra que estará dispoñible na sala de adultos ata o mes de decembro na nosa Biblioteca. Nestes últimos meses estamos a ver coma a obra de Dona Emilia non deixa de prestarse, con grande xúbilo pola nosa banda.


É coma peche final do curso que mellor que poder compartir unha ruta literaria pola cidade, esta vez xuntas. “A Marineda de Dona Emilia” levounos a visitar sitios emblemáticos e reconstruír A Coruña do século XX, a Marineda das obras da autora coruñesa.



Velaí as lecturas do curso 2010-2021. Coma vedes, non tivemos tempo para aburrirnos, a pandemia condicionou a forma de facer as tertulias pero non impediu cas lecturas continuasen. Andamos matinando xa no próximo curso, a cabeciña non para. Deixamosvos o cartaz e as guías de lectura deste curso, onde poderes observar os títulos lidos nestes meses. Seguimos tecendo corazóns, tocando almas, procurando alento…!!! Ata o curso que ven. Bo verán e boas lecturas. ¿Que libros meteríades nas vosas maletas…?
Festexamos a participación no Día das Letras Galegas 2020 coa guía de lectura #DesconfinarALingua
As Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos á celebración do Ano Ricardo Carvalho Calero que a Real Academia Galega vén de desenvolver este mes de outubro con distintas iniciativas presenciais e virtuais a través da presentación da Guía de Lectura #DesconfinarALingua.
Esta guía de lectura naceu dun tempo estraño e difícil, dunha pausa forzosa confinados e confinadas nas nosas casas. Neste contexto de COVID-19 as Bibliotecas Municipais fixemos un chamamento á cidadanía para “Desconfinar a Lingua” na semana das Letras Galegas.
Nesa nova normalidade houbo unha ferramenta humilde e simple que nos acompañou: as máscaras, que cobren a nosa faciana hoxe para abrir horizontes abertos mañá. Tamén así os libros, a música, o pensamento, a palabra oral e escrita, nos achegan mundos, propostas, escenarios, realidades que amplían as nosas propias vidas.
Nesta ocasión, foron centos as persoas que taparon a boca coas máscaras diversas da creación en galego xustamente para desconfinar a lingua, para abrir, cara nós e cara as demais, a xanela grande de todo o que ofrece o idioma. Esas aportacións son as que agora tes nas túas mans, mergúllate nesta escolma de caras e descubre toda a creación que se pode desfrutar en galego.
Lembra que podes descargar a guía na plataforma Calameo e consultar o album de imaxes de todas as persoas que participaron en #DesconfinarALingua.
Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, e visita da autora
O pasado mes, no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais tivemos a sorte de contar coa visita da escritora Emma Pedreira.
Emma Pedreira Lombardía naceu na Coruña en 1978, onde segue vivindo. Licenciada en Filoloxía Hispánica, é unha artista multidisciplinar á que encadran na Xeración dos 90, aínda que a súa obra transcende todas as etiquetas.
O seu primeiro libro foi Diario bautismal dunha anarquista morta (1999), que acadara o ano anterior o Premio de Poesía Johán Carballeira. Desde ese intre case non houbo ano en que non publicase unha ou varias obras, tanto de poesía coma de narrativa.
Os seus últimos éxitos foron o Premio Xerais en 2018 con Besta do seu sangue, o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño no 2018 por As voces ágrafas e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019 con Os corpos invisibles.
Todas as súas obras acadan sempre o aplauso da crítica: de feito, en 2018 recibiu por Bibliópatas e fobólogos o Premio da Crítica de narrativa galega, outorgado pola Asociación Española de Críticos Literarios.
Non obstante, o traballo de Emma Pedreira no eido artístico non se circunscribe só aos libros: é pioneira nos mouthcollages/skincollages, que colga a miúdo no seu muro de Facebook.
Tamén elaborou mostras-exposicións coma a de O fotógrafo, na que conxuga as antigas fotografías de seu avó, poemas e colaxes. Ademais, formou parte da Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega entre e os seus compañeiros e compañeiras dedicáronlle documentais (Emma Pedreira: o des-en-freo) e fanzines (Emma Pedreira: fanzine dunha persoa renacentista).
No club de lectura puidemos ler Besta do seu sangue., da que a crítica dixo:

Nesta obra faise unha revisión de xénero da figura e mito de Blanco Romasanta, coñecido tamén coma O sacauntos. Era Manuel ou Manuela? Ademais, tendo en conta que xa se escribiu moito sobre este tema, tivemos a oportunidade de debater sobre o feito de que nos interese algo do que xa se dixo tanto, pero ao parecer, non todo.
Non é a primeira vez que a autora reinterpreta mitos e/ou historias clásicas, sobre todo os contos de fadas, coma no Libro das mentiras.

Encontro na biblioteca de Estudos Locais do club de lectura con Emma Pedreira
Ademais, puidemos trasladarlle todas as nosas dúbidas á autora, tanto desta como doutras obras, pois tivo a xentileza de acompañarnos nunha sesión do club. Moitas grazas, Emma Pedreira!
Aa voces baixas

Todos os luns na Biblioteca Sagrada Familia temos o club de lectura. O horario da sesión é de 10.30 a 12h.
Este ano no “Club de lectura da Sagrada Familia” a segunda novela que limos foi de Manuel Rivas, “As Voces Baixas“. Gustou moito, porque a xente do club se sentía identificada coas súas vivencias, e a historia desenvolvíase na nosa cidade, véndose reflectidas nesa familia e nesa época.
Por outra parte, Manuel Rivas é un escritor moi recoñecido e querido en Galiza. Escollemos este libro en galego para fomentar que a xente do club coñeza a nosa língua, porque non era moi extenso e pareceunos moi emotivo.
Trátase dunha novela autobiográfica na que se mestura a realidade e a fición.
O humor e a dor están presentes ao longo de toda a obra. “As voces baixas” é un reflexo das persoas esforzadas na loita cotiá pola vida e que adoitan falar sen se deixar notar. Un bo exemplo é a súa nai, que falaba soa ou con voz queda.
Relata as súas vivencias na infancia e adolescencia xunto á´súa irmá María e os seus pais. Os primeiros anos de vida descorren en Monte Alto, na rúa Marola, e parte da súa infancia e adolescencia en Elviña.
Sitúase nos anos 60 ata 1975, nunha España franquista ata a morte do ditador, cando comeza a etapa da Transición. Nestes anos a liberdade de expresión, ser homosexual, ser anarquista ou comunista supoñía moitas veces a condena de sufrir o cárcere
Reflexa un sentimento nostálxico polos costumes e a vida tradicionais. Esta obra mostra personaxes e oficios que foron desaparecendo co tempo: lavandeiras, pescantinas, leiteiras… Resalta a imaxinación e a creatividade nos xogos dos nenos.
As tradicións e as romerías formaban parte da diversión da xente, compartíase cos veciños e coa familia: cabezudos, samaín, a matanza do porco… Tamén relata como primeiro a radio e despois o invento da televisión supuxo una revolución na vida da xente.
O autor cóntanos o vínculo que o unía coa súa irmá María (que morre de cancro), ambos comparten a paixón pola lectura e a política.
Fai un percorrido pola súa xuventude, o seu instituto, o primeiro traballo (no Ideal Galego), a súa decisión de estudar xornalismo en Madrid, a seu sentir para converter o seu soño en realidade: ser escritor. E así cumprir coa teima da súa nai “buscar un traballo no que non se mollase“
Esta obra e o resto da produción literaria de Manuel Rivas pódese atopar no Cascarilleiro, catálogo en liña das Bibliotecas Municipais da Coruña.



























































