Seguen as lecturas dende o confinamento
No Club de Lectura dos Luns de Fórum continuamos compartindo lecturas e debatendo en torno a elas a través das sesións virtuais que tanto nos uniron durante a etapa de confinamento e que nestas últimas semanas xa de curso nos siguen alentando. Animadas polas lecturas compartidas do Club de Lectura LGTB , despois do relato de María Reimóndez “A esencia da cidade” (do que xa tedes dispoñible o vídeo do encontro por se non o vistes) continuamos con “A cabeza de Medusa” obra gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008 da académica Marilar Aleixandre.

Do primeiro libro lido da autora no club sorprendeunos a súa prosa áxil e directa narrada en terceira persoa onde conxuga descrición, narración e diálogo. A través dos seus personaxes principais (Sofía, Lupe, Rubén, Elvira, Nicolás, Jessica, Teresa…) a historia pon enriba da mesa valores tan fundamentais como a dignidade, o respeto, a igualdade de xénero, a xustiza, a madurez ou a amizade cun carácter ao noso entender moi didáctico para o público ao que vai dirixido. Podedes consultar a guía de lectura sobre a obra e á autora.
Para continuar animámonos co novo libro de Lorenzo Silva “Y te irás de aquí” que o autor asinou baixo o seudónimo de Patricia Kal e editou ‘ Zenda’, de descarga gratuita na web da revista XLSemanal durante o periodo da corentena. Segundo o propio autor confesou, enviou o manuscrito da novela baixo o nome dunha suposta autora de nome descoñecido, fíxoo para comprobar como unha novela dun autor descoñecido, rexéitase sistematicamente, ás veces sen lela. Outras editoriais valorárona, pero finalmente, non consideraron oportuno incluíla no seu catálogo.
Lorenzo Silva comenta que volveu experimentar o mesmo rexeitamento que tivo 25 anos antes cando enviou a varias editoriais a súa primeira obra “La flaqueza del bolchevique”. E que estaba disposto a pagar o prezo por comprobar como o sistema de selección de orixinais segue funcionando igual desde entón.
Digamos que era un experimento, y también una necesidad. La de confrontar a los editores primero, y a los lectores después, con una novela que fuera sólo el texto, sin ninguna indicación acerca de la persona que lo escribió, más allá de su lugar de nacimiento. Quería despojar a la historia de la losa de la autoría, que en mi caso es una marca ya consolidada y por tanto fuente de todo tipo de prejuicios, tanto positivos como negativos.
Podedes ler a entrevista en El Semanal
A obra:
(Sinopse)
Rosa, unha profesional madrileña na corentena, coñece nunha festa á que a arrastra contra a súa vontade a súa muller, Elena, a unha perturbadora rapaza Milena, da que cae prendada de maneira fulminante. Podería quedar aí a cousa, nun cegamento nocturno sen consecuencias, pero a fortuna non está ao lado de Rosa, ou si: a moza non só a corresponde, senón que a convida a verse ás costas das súas respectivas parellas. A decisión de Rosa conducirá ao final do seu matrimonio con Elena, a perda da súa casa, o descubrimento dunha paixón nunca antes experimentada e o exame profundo dos danos do seu ser e da súa biografía. Tamén a levará a comprender e apreciar o que a sostén e fai forte, e a percorrer con novos ollos a súa cidade natal, Madrid, e parte dos seus arredores, para mostrarllos baixo a calor asfixiante do verán de 2019 á barcelonesa atenta e curiosa que é Milena. A experiencia así compartida co seu mozo amante faralle exporse, en fin, o valor da propia existencia, que só emerxe de maneira completa e cabal no instante e no acto do sacrificio.

(Crítica)
“Y te irás de aquí” non é unha novela romántica aínda que sí conta unha historia de amor entre dúas mulleres pero na que nos resultou case imposible meternos no papel de Rosa, a protagonista. Un personaxe cargado de demasiados estereotipos masculinos que nos impedían ao longo da historia ver unha relación entre dúas mulleres.
Tampouco estamos ante unha novela de crítica social pero sen embargo Silva, que non a evita nas súas historias, aquí, como non pode ser menos, volve estar presente. Silva é un escritor comprometido e podéndose estar máis ou menos de acordo coas súas opinións o que non se pode negar é que nunca as esconde.
“Y te irás de aquí “ten máis que ver coa levedade do ser nunha vida que só chega a ser plenamente auténtica no momento do Sacrificio, película do cineasta Tarkovski á que se fai referencia durante o relato. Facendo un percorrido por lugares moi coñecidos de Madrid Lorenzo Silva fai tamén un repaso dos últimos acontecementos deste país e toca temas moi de actualidade.
O autor:

Lorenzo Silva Amador. (Madrid, 7 de xuño de 1966). Autor de artigos e relatos, ensaísta e novelista. Licénciase en Dereito na Universidade Complutense de Madrid e traballa como avogado de empresa de 1992 a 2002. En 1997 é finalista do Premio Nadal por “La flaqueza del bolchevique” (1997), novela que foi adaptada ao cinema polo director Manuel Martín Cuenca no ano 2003 baixo o mesmo nome.
En 1998 recibe o Premio Ojo Crítico pola súa novela “El lejano país dos estanques” (1998). Destaca polas súas novelas policiacas, ás que dedicou gran número de libros, entre os seus máis coñecidos a serie protagonizada polos Gardas Civís Bevilacqua e Chamorro. No ano 2000 recibe o Premio Nadal por “El alquimista impaciente” (2000), segundo libro da devandita serie.
En 2004 recibe o Premio Primavera de Novela por “Carta Blanca” (2004), novela que narra o período histórico desde a Guerra de Marrocos ata a Guerra Civil, centrándose na perspectiva do protagonista Juan Faura.
No ano 2010 foi nomeado Garda Civil Honorario por fomentar a imaxe do Corpo nas súas novelas.
Ademais de novelas é autor de narrativa infantil con obras como “La lluvia de Paris” (2000) ou “El videojuego al revés” (2009) entre outros. Tamén cultivou o xénero de non ficción en obras como “Del Rif a Yebala” (2001) ou “Sereno en el peligro”(2010) pola que recibe o Premio Algaba 2010.
Colaborou na publicación de artigos en revistas como a Revista de Cultura, Revista del Cine Español, Nueva revista de política, cultura y arte, entre outras.
En 2017 é galardoado coa Gran Cruz da Orde do Dous de Maio outorgada pola Comunidad de Madrid por ser considerado un dos “heroes dos nosos días”.
De Lorenzo Silva podedes consultar outras obras dispoñibles nas nosas bibliotecas a través do catálogo ou de calquera outro título que teñades en mente porque xa está en marcha a petición de préstamo por teléfono, correo ou formulario web e que poderedes recoller a partir do 1 de xuño con cita previa.
Fahrenheit 451 de Ray Bradbury
Imos falar da novela máis terrorífica para os amantes dos libros.
Nos anos 50 do século XX, o marco da guerra fría, con Stalin, McCarthy e a cacería de comunistas por EEUU, Ray Bradbury escribe unha novela na que se abordan temas como a censura, a paranoia social, as denuncias, a liberdade, a cultura e a desaparición dos libros.
Nesta obra, sen dúbida una das mellores de Bradbury, os bombeiros son o eixe maligno da historia, son o dictador dun futuro opresor, onde, irónicamente, traballan para provocar incendios no canto de apagalos. Porque a súa misión é buscar libros e queimalos. Si é necesario, ata as casas que os gardan coa persoa que hai dentro. Son pirómanos da cultura. Xa que os libros están prohibidos porque fan pensar, co cal impídennos a felicidade, nun mundo onde hai que ser feliz por forza.
Pero Farenheit 451 é, antes que crítica social, unha obra literaria, onde acompañamos ao bombeiro Guy Montag que, sen entender a razón e case sen darse conta, comeza a roubar algúns dos libros que debe queimar – porque é o modelo de ser humano que nace con curiosidade polas cousas – e os oculta na casa que comparte coa súa esposa Mildred, unha deprimida e consumista cidadá desa sociedade, xa incapaz de recordar como se coñeceron.
E a partir de aí, como xa imaxinan, comeza toda a aventura, que é inesquecible e aterradora. É aterradora porque sabemos que esta historia, desgraciadamente, existe, segue e seguirá existindo, porque cando o ser humano queda inerme, ser débil é a pose por natureza, e ser invadidos pola ignorancia é a única saída posible.
Pero sempre haberá persoas como Montag, que posúe interese polo que lle rodea e élle inevitable preguntarse polas cousas que sustentan a súa vida. Para el, é imposible negarse a ir ata o fin do mundo para conseguir o que busca: a verdade, ou polo menos o seu parte de verdade. É o bombeiro que si quere pensar.
Bradbury acertou como un visionario nesta novela, onde a xente vive encerrada nas súas casas, onde hai enormes televisións que aportan só distracción básica e calquera cousa que distraia o pensamento e faga non pensar. Tamén nos fala co corazón nas mans, xestando esa gran ironía que é escribir precisamente o que para el mesmo sería o maior dos horrores: A destrución da escritura.
A idea final de Fahrenheit 451, que non lles vou a contar, é quizá a mellor demostración de amor entre lector e literatura que se escribiu no último século. Todo isto nunha estrutura clásica en tres actos, e con forma de aventura. Non se pode dar máis, hai que quitarse o chapeu e poñela entre as obras mestras.
Está dispoñible na túa biblioteca e tamén para préstamo virtual en GaliciaLe.
Desconfinamos a lingua Lendo para ti
Con motivo do Día do Libro, o pasado 21 de abril, botaba a andar a proposta de lectura en voz alta para adultos Lemos para ti. A idea naceu co obxectivo de acompañar a través da voz e achegar lecturas á cidadanía, especialmente a todas aquelas persoas non conectadas a través da Internet e/ou das redes sociais. O proxecto viu a luz en plena crise sanitaria provocada polo Covid-19 para combatir dalgún xeito ese distanciamento social ao que nos vimos obrigados, para poder achegarnos un chisquiñoo, aínda que só fose a través das ondas, a toda a comunidade de usuarios e usuarias das nosas bibliotecas.
A través desas pequenas lecturas ao tempo que achegamos os libros ás persoas tentamos chegar tamén a maiores das historias que se contan, ideas, sentimentos, emocións e forza a través da palabra e da voz que a narra.
Até o de agora a periodicidade foi semanal, mais esta semana co gallo do Día das Letras lanzamos un audio diario en galego. Unha proposta encaixada dentro da campaña #DesconfinarALingua que a rede de bibliotecas municipais levou a cabo durante toda a semana e que remata hoxe co día grande. Durante toda esta semana desconfinamos a lingua amosando a nosa cara nas redes, con libros, discos, publicacións, filmes… na nosa lingua, como xeito de os mostrar, recomendar e dar a coñecer.
Hoxe queremos compartir con vós as lecturas que nos acompañaron durante esta semana para desconfinar a Lingua e que podedes escoitar e compartir por diversas canles:
- Fragmento do relato “Grieih”, incluído na obra “Percival e outras historias” do escritor e político galego X. Luís Méndez Ferrín. A obra, dedicada a Ramón Piñeiro e Ramón Otero Pedrayo, foi publicada orixinalmente na colección Illa Nova da Editorial Galaxia no mes de febreiro de 1958. X. L. Méndez Ferrín sorprendía así ao mundo literario co seu primeiro libro de narrativa.
- Poema “Deitado frente ao mar” do escritor ourensán Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1914 – Vigo, 1979), máxima figura da poesía social e políticamente comprometido coa cultura de Galicia. Foille dedicado o Día das Letras Galegas de 1989. Un feito que vén confirmar a gran repercusión da obra do celanovés é a cantidade de versións musicadas que acadaron algúns dos seus poemas máis emblemáticos como é o caso de “Deitado frente ao mar” polo grupo de hip hop de Ordes Dios ke te crew.
- Conto baseado nunha historia de transmisión oral, “O pirata Moitabarba” recollido no libro “Contos para nenos que dormen deseguida”, de David Pintor (A Coruña, 1975) e Carlos López (Boimorto, A Coruña, 1967), dous humoristas gráficos máis coñecidos por Pinto Chinto. O libro foi publicado na editorial Kalandraka e contén un total de vinte e oito contos breves.
- Fragmento de lectura da novela de corte social “Remexido de Patacas” de Eli Ríos, unha das voces de maior proxección dos últimos anos. En apenas oitenta páxinas Eli Ríos conta unha historia, na que a protagonista ten que derrotar ao monstruo que convirte a súa vida nun pesadelo constante e loitar xunto a unha amiga pola súa liberdade. É unha novela con moita crítica e denuncia social. Neste caso os temas que se tratan son: a violencia de xénero e o sistema social patriarcal no que vivimos. Eli Ríos mantense fiel á súa interpretación da actividade literaria como canle de compromiso, crítica e cambio social.
- Fragmento do poemario “ELexías a Lola” da autora galega Xohana Torres Fernández. Poeta, dramaturga e escritora, Xohana é unha referencia obrigada na historia da literatura galega da segunda metade do século XX, recoñecida co Premio da Crítica, en 1980, polo poemario “Estacións ao mar”.“Elexías a Lola” é un traballo editado por Engaiolarte que inclúe poemas inéditos e que supuxo regreso ás librerias da escritora ferrolá despois de 14 anos. A obra contén ademáis un fragmento do discurso de ingreso da poeta na Real Academia Galega, no que tamén tivo palabras, e versos, de recordo para a muller da que herdou a fala e a sabedoría popular, a súa avoa.
- Fragmento do relato breve “Agarda longa ao sol”, recollido no libro “Vento ferido” do escritor ourensán Carlos Casares (Ourense, 1941 – Nigrán, 2002).A obra inclúe un total de doce relatos breves e foi publicada inicialmente no ano 1967 pola Editorial Galaxia. Casares comezou a súa carreira literaria moi novo, pois en 1965 publicaba os seus primeiros relatos na revista Grial. Ademais da súa condición de novelista, Casares cultivou a literatura para nenos. Ademais foi colaborador habitual na prensa, dirixiu a editorial Galaxia, foi presidente do Consello da Cultura Galega e ingresou na Real Academia Galega en 1978.
- Fragmento de “A filla da patrona”, de Xoan Xesús González, versátil avogado, xornalista e escritor, colaborador frecuente en xornais e revistas, e comprometido políticamente cos valores agraristas e republicanos, que espallou nos seus escritos. As novelas, en cambio, non participan deste obxectivo e seguen a tradición folletinesca dominante na literatura popular da época. “A filla da patrona” é a segunda obra do autor publicada na editorial Lar e saíu do prelo en setembro de 1926, facendo o número vinte e cinco da colección de novela breve. A obra é un folletín onde atopamos moitos dos elementos habituais no xénero: a nai abnegada que despois de morrer deixa a filla desvalida; a orfa rescatada polo cabaleiro; a rexouba dos veciños empecendo a relación dos namorados e, por último, o trunfo final da orfa para escarmento do melindroso cabaleiro.
- Fragmento de “Cartas a Lelo” de Xosé Neira Vilas. Lelo vén sendo aquel amigo de Balbino (o das Memorias dun neno labrego), o que con el xuntaba herbas para o fumazo da noite de San Xoán, o que o salvou de morrer afogado no río, o que soñaba con ser músico, ou mariñeiro ou aviador. Mais Lelo se vai cos pais para o Brasil. E os dous amigos cartéanse. Balbino comeza a contarlle todo ao seu compañeiro de aventuras que está lonxe, máis alá do mar. Un día vai á súa aldea e fala desta correspondencia. E outro rapaz, Toño, comeza tamén a escribirlle a Lelo. E Lelo contéstalle dende o Brasil. Estas son, pois, as cartas de Toño nas que algunha vez alude ao contido das que recibe do seu amigo.
Agardamos que desfrutarades coas escoitas dos fragmentos que con tanto agarimo foron lidos e convidámosvos a compartilos para axudar a nutrir este espazo para todos que é #LemosParaTi.
Feliz Día das Nosas Letras!!
Os clubs de lectura lemos a Carvalho Calero para #DesconfinarALingua
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña puxemos en marcha a campaña #DesconfinarALingua, do 11 ao 17 de maio para celebrar o Día das Letra Galegas neste distópico 2020. Unha ocasión para coñecer, usar e vivir a lingua con normalidade e sen filtros en todos os ámbitos e situacións. Unha semana que estivo chea de actividades que combinaron a homenaxe á figura de Don Ricardo Carvalho Calero coa potenciación do idioma como lingua de creación.
As Bibliotecas lanzamos unha chiscadela a todos os galegos e galegas para cubrir a boca neste 17 de maio coas máscaras diversas da creación en galego. As máscaras, que cobren a nosa faciana hoxe para abrir horizontes abertos mañá. Tamén así os libros, a música, o pensamento, nos achegan mundos, propostas, escenarios, realidades que amplían as nosas propias. Unha auténtica oportunidade para recomendar e difundir toda a creación en galego, especialmente aquela contemporánea e que está máis viva.
Esta é a resposta que nos estades a dar, se clicades enriba da imaxe, veredes as fotografías recollidas no noso álbum en Flickr de #DesconfinarALingua:
Dende os Clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña traballamos en conxunto e abrimos unha xanela para compartir e facervos partícipes dunha chea de iniciativas para darvos a coñecer a figura e a personalidade de Ricardo Carvalho Calero e a creación en galego.
Velaí vai unha mostra das nosas propostas:
Preparouse unha completa guía de lectura, unha escolma de Poemas Carvalho Calero e mesmo un vídeopoema de “Ferrol”, versos onde autor lembra con moita nostalxia a nenez na súa cidade natal:
A semana comezou ca lectura conxunta nos nosos clubs das BMC dun relato da escritora María Reimondez , “A esencia da cidade” (de descarga libre e gratuita na web de Xerais). Tivemos a grande sorte de ter un Encontro virtual coa autora o xoves 14 de maio, onde poidemos facerlle todas aquelas preguntas que nos suscitou a lectura do seu relato autobiográfico.
Elaborado polo grupo de Teatro Lido da Biblioteca Sagrada Familia, gravouse o “Noticiario Letras Galegas” arredor da figura de Carvalho Calero, indagando tanto na súa faciana como escritor, investigador, profesor e mesmo como persoa. En clave de humor pero sen por iso restar seriedade ao contido:
Axudamos a #DesconfinarALingua apoiando á creación en galego e aos nosos autores e autoras como Lois Alcayde, Tamara Andrés, Andrea Barreira e Clara Vidal, que foron quen de achegarnos as súas recomendacións de literatura, música e cine en galego.
Continuamos coa presentación de “Vieiros de esperanza”, un documental de Antón Rodríguez Fernández, inédito na rede ata esta mesma semana, no que se ofrece un percorrido pola traxectoria vital do autor ferrolán a través da mirada dunha serie de persoeiros da cultura galega:
Desde o club de Clásicos da Biblioteca Castrillón leeron “O Galo”, relato incluído en “Contos da néboa” de Ánxel Fole, compañeiro de tertulias do autor ferrolán no lexendario café Méndez Nuñez de Lugo.
Os membrxs dos nosos clubs tiveron unha participación activa e destacada, non so cubrindo as súas facianas con portadas de libros en galego, tamén prestaron as súas voces para gravar algúns dos poemas mais recoñecidos de Carvalho:
Ir a descargar Poema: “Calquer lugar e bo para morrer” (lectora da Biblioteca Ágora)
Ir a descargar Poema: “”Viage” (lectora da Biblioteca Ágora)
Meu querido profesor, así comeza unha carta escrita por Mercedes Bueno, una alumna de Don Ricardo Carvalho Calero na facultade de Filosofía e Letras, e membro dun dos nosos clubs de lectura. Unha sentida homenaxe que reflexa mellor que nada a esencia e a magnitude dun dos autores que máis fixeron polo uso e a divulgación da lingua galega. Pechamos deste xeito tan fermoso unha semana repleta de actividades para festexar o Día das Letras Galegas na nosa rede de clubs de lectura:
Por todo esto hoxe, no seu día, quero dicirlle que todos os seus ensinos e o seu amor por Galicia, penetraron nos nosos novos corazóns e prenderon a chama. Os seus coñecementos e sabedoría marcaronnos o camiño da liberdade, a mesma que lle faltou a vostede nalgúns momentos difíciles da súa vida.
De seguro seguiremos a festexar o ano de Carvalho Calero máis adiante, así como a ler, recomendar, visibilizar as nosas Letras, no dixital e no presencial, cada día e como parte fundamental da nosa labor.
Carvalho Calero: Vieiros de esperanza
A singular vida dun prócer da lingua e a cultura galegas como Ricardo Carvalho Calero semella estar marcada polo signo do extraordinario desde o seu nacemento. O escritor, profesor, investigador e tantas cousas máis veu ao mundo en 1910, o ano do penúltimo paso do cometa Halley pola Terra, referencia que para el tiña a súa importancia, xa que, de feito, nalgunha ocasión comentou que ás veces gustáballe denominar á xeración cultural á que el mesmo pertencía, a do Seminario de Estudos Galegos, como a xeración Halley.
Por iso, non deixa de resultar curioso que o ano da súa homenaxe polo Día das Letras Galegas coincida con outra circunstancia excepcional, aínda que neste caso de cariz moi diferente, como é a pandemia coronavírica. A situación de alarma na que nos atopamos provocou que a celebración de todos os actos institucionais e culturais programados polo Ano Carvalho Calero tivese que ser adiada, non se sabe moi ben para cando, o cal, seguindo co xogo das correspondencias, poderíase interpretar coma unha especie de maldición, unha prolongación do postergamento ao recoñecemento da súa figura, polos motivos ben coñecidos, que tivo lugar durante moito tempo.
Dende as BMC queremos desconfinar ao profesor Carvalho Calero compartindo convosco o documental Vieiros de Esperanza, inédito na rede ata esta mesma semana, xunto cunha entrevista co seu director, o ferrolán Antón Rodríguez Fernández, e no que se ofrece un percorrido pola súa traxectoria vital a través da mirada dunha serie de persoeiros da cultura galega (Victor Freixanes, Pilar García Negro ou Darío Villanueva, entre outros), quenes fan unha reflexión en profundidade sobre a súa enorme aportación á nosa lingua e cultura.
Documental: Vieiros de Esperanza
Entrevista con Antón Rodríguez Fernández
– Vieiros de Esperanza gravouse en 2014, seis anos antes da celebración do ano Carvalho Calero que está a acontecer neste 2020. Como xurde a idea de adicarlle un documental a unha figura como a súa, de recoñecidisimo prestixio no eido da cultura pero cun perfil máis ben discreto de cara a opinión pública?
A idea xurdiu a comezos do verán de 2013. Encamiñábame a rematar a carreira de Comunicación Audiovisual na UDC e polo meu interese no xénero documental decidín que o proxecto final fose Vieiros de Esperanza.
Sentín a necesidade de sumarme ao recoñecemento de Carvalho a partir da creación audiovisual primeiro por ser ferrolán e tamén por ser un autor que estivo no debate de dedicarlle ou non o Día das Letras Galegas durante case vinte anos. O documental era unha maneira máis de homenaxealo a nivel popular.
– Cara ao final do documental especulábase de xeito premonitorio coa posibilidade de adicarlle o Día das Letras Galegas nun futuro, aínda que mais ben remoto naquel momento ao tratarse dunha figura cando menos incómoda, por non decir polémica, polas posicións reintegracionistas que adoptou. Que cres que mudou na sociedade galega ou na academia neste tempo para que agora, aparentemente, se acepte con total naturalidade o recoñecemento o seu labor?
Os cambios de posicionamento na Real Academia Galega poden chamar a atención, sobre todo, porque durante bastante tempo existiu división e polémica cando se falaba de don Ricardo. Alegrámonos que a día de hoxe Carvalho non supoña un atranco para as institucións culturais galegas e ogallá sexa o reflexo dunha aceptación por parte da sociedade. Penso que a sociedade mudou moi pouco en seis anos, en cambio vexo que se dan pequenos pasos na universalización do galego, que toma contactos co portugués por exemplo en series de grande éxito televisivo. Sería interesante que a Academia dialogase coas galegas e galegos para explicar a evolución favorable cara Carvalho Calero.
– Chama a atención que a consideración global da súa figura, cunha traxectoria tan prolífica e produtiva en tantos terreos, quedase distorsionada precisamente por esa postura intelectual respeito á lingua galega. Pensas que o recoñecemento das Letras Galegas repara ou recupera nalgunha medida todo o seu traballo?
Falar de Carvalho Calero é falar do cultivo de todos os xéneros literarios. Cada colectivo penso que reivindica os terreos cos que concorda máis ou que lle resultan máis brillantes. Todo o mundo coincide na súa espectacular Historia da Literatura Galega Contemporánea (1963), pero despois cadaquén elixirá. Mesmo dan a opción de escribir Carballo Calero ou Carvalho Calero, dependendo da sensibilidade ortográfica.
– No documental fálase de que a postura lingüística de Carvalho Calero, de achegamento á lusofonía, xerou no seu momento un debate que dividía á academia e que podía dividir á sociedade galega. É posible que agora ese debate se poida producir dun xeito menos traumático e máis construtivo?
Considero que si. Polo menos debería ser un debate de análise na educación galega, aínda que ás veces continúo a ver nas redes xente que se enlea polo tema ortográfico, de chegar incluso a faltar o respecto por empregar o modelo de galego reintegrado.
Aínda que este “annus horribilis” trastoque a homenaxe educativa, habería que manter a análise do pensamento carvalhiano polo menos nos cursos máis avanzados da ESO e Bacharelato. Debería resultar interesante comparar o que se di en Vieiros de Esperanza e o que opinan a día de hoxe as persoas que antes o tentaban silenciar. Iso penso que se poderá ver a través dos productos culturais que están a xurdir este ano.
– O propio Carvalho Calero laiábase de ser considerado un herexe, un cismático, mesmo un corruptor da mocidade por parte da cultura oficial. Pensas que esa imaxe é un pouco anacrónica na actualidade ou aínda está vixente?
Na miña opinión, esa cita está encadrada nun contexto de duros debates con respecto á lingua. A división entre reintegracionistas e isolacionistas era moito máis forte. Penso que na actualidade hai maior cordialidade, e o Ano Carvalho das Letras está servindo para conectar digamos que as dúas institucións da lingua que durante anos estiveron distanciadas, a Real Academia Galega e a Associaçom Galega da Língua. Incluso tocando a idea do Binormativismo, a convivencia das dúas normas ortográficas.
– Das moitas facetas que presenta un personaxe tan poliédrico como el (poeta, novelista, dramaturgo, investigador, profesor, etc.) cal é a que máis che interesaba salientar ou a que che parece máis interesante?
Elexiría a faceta de estudoso da lingua e a de poeta. Carvalho considerábase poeta e xa dende ben pequeño cultivou poesía. Os anos 80, anos da súa xubilación, foron moi produtivos e hai numerosos artigos en defensa da nosa lingua que son unha marabilla. A obra Scórpio (1987) conclúe a súa traxectoria novelística e é de obrigada lectura.
– Cal foi a túa percepción da consideración que lles merecía Carvalho Calero aos participantes no documental, moitos deles figuras salientables da sociedade e da cultura galegas?
Todos coincidiron e coinciden no seu enorme legado, como din no documental, a pesar da súa defensa do Reintegracionismo. A obra de Carvalho é monumental e ten moitísimas posibilidades tanto de gustos coma de estudo.
– Como foi o proceso de gravación? Cales foron os principais atrancos que tivestes que resolver?
A investigación sobre o autor leveina a cabo dende o verán do 2013 mais a filmación reduciuse a uns días entre marzo e abril do 2014. En xeral non tivemos grandes atrancos, gravamos en Ferrol, A Coruña, Compostela e Lugo e o material era tanto propio como da universidade. Hai máis estudosas, estudosos de Carvalho que nos gustaría ter entrevistado, pero por circunstancias diversas tivemos que delimitar e tirar para adiante porque en xuño tiñamos que ter todo preparado para a súa presentación ante o tribunal.
Teño que agradecer a Javier Gómez e Sergio Arango, compañeiros de proxecto que colaboraron aportando tamén as súas dotes técnicas.
– E cal foi o seu percorrido en canto a difusión ata este Día das Letras Galegas adicado a el?
O documental presentouse en Ferrol en 2015, e a partir desa data moveuse por algúns centros culturais ferroláns e por outras vilas galegas, incluso fun convidado polo colectivo Fenda, grupo de galegas e galegos en Madrid, para presentalo no casino da mesma cidade.
Para este ano tiñamos unha serie de presentacións e actos pero debido á pandemia todo ficou suspendido. Ogallá que toda clase de eventos dedicados a Carvalho continúen no futuro, como fixeron e fixemos anos atrás. Porque Carvalho Calero merece estar presente na sociedade galega e ser unha referencia na defensa da nosa lingua, antes, hoxe e sempre.
– Que che gustaría terlle preguntado a Carvalho Calero se tiveras a oportunidade?
Gustaríame preguntarlle que opina da situación actual da lingua e o seu futuro, se continuaría coa súa visión pesimista do devir do idioma galego ou se acentuaría aínda máis esa negatividade.
Tamén falar en detalle dos anos de estudante en Compostela, os anos do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista. Ou adiantarlle que sería homenaxeado co Día das Letras Galegas, e que desgrazadamente coincidiría cunha pandemia, pero que a súa figura está presente en moitos de nós como estandarte do pobo galego.
– E xa para rematar, teño entendido que o teu último proxecto ata o de agora foi outro documental sobre Miguel Delibes. Que tal foi a experiencia e que novos proxectos tes agora entre mans?
Si. Fun produtor e un dos guionistas da curta documental ¡Aúpa, Delibes! (2015), que presentamos na Seminci de Valladolid ese mesmo ano. O proxecto fixémolo entre tres compañeiros: Daniel Rivas, Ignacio Navarro e máis eu.
O pasado setembro filmei a curta Aquilino de Seixas (2019), encadrada no Chanfaina Lab de San Sadurniño. Un encontro de cineastas dende nivel amateur até figuras profesionais do audiovisual galego, e non só.
E para o futuro xa estou a pensar novas ideas que oxalá cheguen a bo porto, aínda que tamén teño bastante traballo no estudo dunha oposición.
Do teatro lido ás ondas: Carvalho Calero
Era o ano 2017 cando na biblioteca Sagrada Familia decidimos poñer en marcha un obradoiro de teatro lido. Considerabamos que o teatro lido encaixaba perfectamente no proxecto da biblioteca, como unha forma de estimular a lectura, achegarse ao xénero dramático, practicar a lectura pública sobre todo en galego e proporcionar un medio máis para o goce do tempo libre en grupo.
E levamos xa catro edicións deste obradoiro, que xa se converteu nun club, que se reúne semanalmente, os luns a partir das 19.30 horas, para practicar esta afección. Facémolo combinando a lectura en si de textos teatrais, con exercicios e prácticas de formación actoral. Así, aínda que o propósito é a lectura expresiva, non desbotamos xogos de expresión corporal ou de improvisación. O obxectivo final –á parte de sobre todo divertirse moito– é representar un espectáculo ao final do curso. Non nos centramos nin nunha obra concreta nin nun xénero en particular. Para estimular máis a participación e formarnos máis, escollemos fragmentos de todo tipo de textos, desde dramáticos a cómicos, e non só estritamente teatrais: tamén usamos poesías, contos e ata nos atrevemos a cantar!!
E como as persoas do club son moi ousadas, ás veces pasamos a barreira do “lido” para pasar á representación teatral completa, con escenografía e vestiario incluídos.
Trátase, como vedes, dunha experiencia moi aberta, que pode chegar ata onde queiramos. O teatro para nós non ten límites!!
Este ano comezamos o curso traballando arredor da radio. Porque a radio foi unha grande impulsora do teatro lido, a través do radioteatro, das radionovelas… E niso estabamos traballando cando nos pillou esta situación. Pero como recursos non nos faltan, decidimos aproveitar da mellor maneira a adversidade e converter o proxecto de montaxe, nun programa radiofónico en sentido literal. E para iso contamos coa inestimábel axuda de don Ricardo Carvalho Calero, a quen precisamente este ano –que mala sorte tivo o home– se lle dedica o Día das Letras Galegas. Non se poderá celebrar de maneira presencial ata o mes de outubro, pero si de maneira virtual, e para iso que mellor que o noso club de teatro, xa adoito nas artes radiofónicas despois do traballo de todo o curso.
Así, cada unha e cada un desde a súa casa, logo de perfilar un guión e de documentarnos abundantemente nas redes, achegou o seu baguiño para a pipa do viño, e construímos entre todos un noticiario especial Día das Letras Galegas, dedicado a don Ricardo Carvalho Calero.
Xogamos coa ficción e a realidade, porque a radio é o que ten: que se pode facer maxia. E así poderemos escoitar tanto á nosa querida Mercedes Queixas, profesora, investigadora, escritora e académica igual que o foi don Ricardo, como a unha carioca lendo Scórpio, un antigo alumno do colexio Fingoi, a música lusófona de A minha Embala, ou –isto é marabilla pura– unha entrevista en vivo a Carvalho Calero! E moitas cousas máis que poderedes escoitar.
Dicímosvolo en serio: se tedes ganas de coñecer máis a figura de Carvalho Calero, non só na súa faciana de escritor, senón como persoa, esta é a vosa mellor –e máis entretida– oportunidade. Dinme as rapazas do club de teatro que poderiamos montar uns anuncios radiofónicos sobre Carvalho, pero xa é moito… Hai que deixar algo para cando volva comezar o curso, pasado o verán e cando saibamos como vai ser esa “nova normalidade”. O que é certo é que sexa cal sexa, o club de teatro vai seguir funcionando, e desde aquí invitámosvos a participar nel. Non tedes curiosidade? Atrevédesvos? Tedes valentía para probar? A diversión está garantida! E quen sabe, se cadra nuns meses estades facendo a competencia, ou mesmo desbancando, ás grandes estrelas da radiodifusión ou da escena!!
E agora, pasádeo ben con don Ricardo Carvalho Calero, que seguro que tras escoitar o noso noticiario ides collerlle cariño, xa veredes.
E se queredes escoitalo sen imaxes, podedes acceder ao podcast desde iVoox:
María Reimóndez únese aos clubs para #DesconfinarALingua
Dentro da iniciativa #DesconfinarALingua, o xoves 14 de maio terá lugar un encontro virtual con María Reimóndez en torno ao seu relato “A esencia da cidade“, de descarga libre e gratuíta na web de Xerais.
O relato, autobiográfico e con vocación de ser utilizado nos centros de ensino para traballar a igualdade, foi ofrecido en descarga libre poca editorial con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista no ano 2016.
Podo dicir sen temor a equivocarme que todas as mulleres que coñezo –e son moitas, de diferentes países do mundo– padecen ou padeceron diferentes tipos de violencia ao longo da súa vida. Esta dura realidade agóchase na nosa sociedade cun discurso de silencio e culpabilización, co medo a falar, co estigma.
No blog do club #QUEERuña, organizador do encontro, veñen de publicar unha entrevista coa autora como anticipo ao encontro. Non a perdas!
EL SOL DESNUDO, de Isaac Asimov
Nestes días de illamento entre persoas e onde pararse para falar na rúa soa a pecado, non hai nada como unha novela que nos presenta unha sociedade onde a xente ten noxo de estar en grupo, tocarse entre si e nin sequera desexa verse de preto… a menos que sexa por hologramas. Se ademais hai un asasinato por medio e unha estrutura semellante ás novelas de Agatha Christie, onde o lector recibe todos os datos nos primeiros capítulos para que teña a oportunidade de resolver o crime antes do final, entón temos unha ben amalgamada historia de misterio e estudo social.
Asimov pertence, e pódese dicir que lidera, á era clásica da Ciencia Ficción americana, que vai dos 50 aos 70, e esta é unha das súas novelas máis peculiares e entre as máis coñecidas na súa prolífica carreira, que pertence ás súas historias de robots, que xunto coa saga da Fundación son as súas obras máis destacables.
Todo empeza cando ocorre un asasinato no planeta Solaria, unha colonia humana onde só viven 20.000 persoas solitarias, afastadas unhas doutras por amplos espazos e servidas por un exército multitudinario de robots parcos en palabras, que fan as tarefas rutineiras, mentres os solarianos dedícanse nos seus enormes latifundios á enxeñería robótica, a arte abstracta e ao deseño dos seus descendentes, de maneira que non teñan que xuntarse para o asqueroso e repulsivo acto de reproducirse. Todos os solarianos desde que nacen son criados, educados e mantidos por solícitos robots. O contacto social con outros humanos é visto con profundo desprezo, tinguido dun silencioso medo que chega ao noxo.
Así que cando ocorre un asasinato, xorde unha verdadeira conmoción. Porque non puido ser un dos millóns de robots do planeta, xa que nunca infrinxen as tres leis da robótica, a primeira das cales prohibe matar humanos. Así que tivo que ser un solariano, por absurdo que pareza.
Para resolver este inconcibible misterio chegan desde a primitiva e promiscua nai Terra, chea de xente que se toca, fala de preto e ata se bica, o detective Elijah Baley e o seu compañeiro robot R. Daneel Olivaw, que comezarán unha ardua investigación entre os distantes e esquivos solarianos.
Pero o Sol Espido non é só unha novela de crime e misterio nun mundo futurista, ou máis ben, alternativo á Terra. Nesta novela, Asimov deixa ao carón a súa probada habilidade para ofrecer entretemento e aventura espacial, propio a Ciencia Ficción americana da súa época, e pásase ao estudo dunha sociedade humana tecnificada, ata o extremo de abandonar o contacto social e adorar o illamento autista dos seus membros como cume e meta da civilización.
Máis dunha vez o lector poderá facer inquietantes paralelos entre os illados solarianos e o noso momento actual, e non só me refiro á pandemia.
Pero á parte de todo isto, a novela tamén é unha historia de amor, única e orixinal na literatura, entre un personaxe agorafóbico, que non soporta os amplos exteriores de Solaria, e outro obsesivo-compulsivo, que non soporta ser tocado, os cales protagonizan unha das escenas finais máis logradas da historia da ciencia ficción.
Verán como é difícil de esquecer a frase que dá orixe ao título:
“Viu como os seus raios bañaban ata o último recuncho da cidade, os raios do sol espido”
A novela podédela atopar fisicamente nas nosas bibliotecas e tamén en formato dixital na plataforma de GaliciaLe.
Clubs de lectura en corentena? Seguimos!
Os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña seguimos en tempos de corentena. Moitas das nosas compañeiras xa compartiron experiencias e lecturas neste blog nestas semanas. Seguimos a ler e a ter tertulias. Seguimos a compartir entre nós maneiras de facer, recursos, lecturas, alento e apoio mutuo. O dixital semella hoxe o máis corpóreo que podemos atopar. E o ben que nos fai! Vernos as caras, darnos azos, falar de literatura (a lectura como refuxio unha vez máis).
Os grupos de Café con libros da Biblioteca Os Rosales tivemos un parón. Un primeiro momento de desconcerto que nos impedía ler e debater. Seguiamos a falar a diario polo chat. A compartir recursos de información, cultura e ocio. A coidarnos. Pero o conto de Marta Sanz “Sherezade en el búnker” dounos pé á nosa primeira videoconferencia. Tertulia do grupo do luns. Tertulia do grupo do martes. E ata tertulia coa escritora. Eso si foi un agasallo e todo un empuxe para continuar coa nosa labor neste novo escenario.
Neste caso non lendo libros completos. Non temos acceso a eles na Biblioteca en papel nin o costume de ler grandes textos en dixital. Nin a concentración necesaria nestes tempos de pandemia… Pero sí lendo pequenos fragmentos, contos, relatos que imos atopando de xeito legal na rede (ademáis dalgunhas páxinas de cómic: que sería de nós sen Paco Roca en pixama!). Grazas a tantas editoras pola súa xenerosidade nestes tempos en que no todas as persoas lectoras teñen bibliotecas persoais ás que botarlle a man. Polo motivo que sexa. Tamén temos en conta as bibliotecas dixitais, coma GaliciaLe ou ebibliodacoruna aínda que case todas añoramos o papel e as apertas.
A segunda lectura foi “Tiempo sentido”. Un fragmento do libro de Andrea Köhler: “El tiempo regalado. Un ensayo sobre la espera” que editou Libros del Asteroide no ano 2018. Foi un texto moi reflexivo. Cheo de referencias que podían despistar ou interromper un pouco a lectura, pero que resultou marabilloso para comentar todas xuntas neste confinamento no que estamos inmersas. Todas subliñamos pasaxes que enriqueceron a posta en común. Unha lectura perfecta para estas semanas.
Continuamos con “Lejano”, outro fragmento accesible grazas a Libros del Asteroide. Un conto de Eduardo Halfón, que como comentan as compañeiras da Biblioteca Infantil e Xuvenil, forma parte do seu libro de relatos “El boxeador polaco“. Toda unha descuberta que deu lugar a tertulias moi amenas e ricas en temas a tratar e que co que quedamos coas ganas de seguir disfrutando da súa obra. Farémolo! Ademáis, as reflexións sobre o que son e como ler os contos fíxonos demorarnos na lectura e valorar este momento como unha oportunidade para achegarnos ao relato como peza literaria. Quen nolo ía dicir!
Tras tres textos actuais, dous contos clásicos: o relato inquietante de Edith Warton “En la plenitud de la vida” e o máis costumbrista, de Anton Chejov “La dama del perrito”, nos que se tocan os temas do amor, da súa construcción e do matrimonio como estructura pechada, clases sociais, etc. Todas estas reflexións levánnos a falar ata do poliamor!!! E é que nunca sabemos como imos relacionar lecturas nas tertulias. De “La dama del perrito” a “As estacións do lobo” de María Reimóndez, e de esta ao ensaio de “Pensamiento monógamo, terror poliamoroso” de Brigitte Vasallo. Aí queda iso.
E precisamente esta semana entregamos ás nosas lectoras dos dous grupos de Café con libros “A esencia da cidade” de María Reimóndez. Autora fundamental nas nosas Letras. Pronto contaremos máis… 😉
Xa temos textos na recámara para as próximas semanas. Para pechar un curso 2019-2020 tan tan atípico, no que o importante foi seguir atendendo ás persoas non conectadas ás redes sociais. Conseguímolo a través do chat, ese medio co que seguimos unidas a familiares e amigas. Unha ferramenta, que non substitúe o presencial (nin o pretende), que seguro pronto volverá, aínda que sexa aos poucos e con todas as medidas de seguridade precisas, pero que consegue que ninguén quede illado, sen rede de apoio. Os clubs de lectura somos todo o contrario. Os coidados no centro. A capacidade de reacción foi toda unha proba de resistencia e da necesidade destes grupos, vencellados ás nosas bibliotecas. Sigamos.
Para pechar o artigo, primeiro convidámosvos a seguir os enlaces para poder consultar as lecturas propostas. Cando reabramos, no noso catálogo poderedes ver a dispoñibilidade destas e outras recomendacións de lectoras e bibliotecarias pero, mentras tanto, convidámosvos a achegarvos a estas obras dispoñibles en formato electrónico:
- As estacións do lobo: https://ebibliodacoruna.odilotk.es/info/as-estacions-do-lobo-00048662
- pequeñas mujeres rojas: https://galicia.ebiblio.es/opac?id=00491773
- El boxeador polaco: https://galicia.ebiblio.es/opac?id=00435974



















