Category Archives: Obras
casa atlántica, casa cabaret, de María Lado
Outra das actividades encadrada dentro da programación do Primaletras foi a lectura do poemario casa atlántica, casa cabaret, de María Lado, por parte do club de lectura de autores e autoras galegas da biblioteca de Estudos Locais.
Aínda lle pesan as lembranzas daquela casa nova con boas vistas e o teito inzado de manchas de humidade; se cadra tece desde alí esta historia dos obxectos que compoñen a María Lado, esas cousas estúpidas e sinxelas que se apegan a ela para non abandonala nunca e que a perseguen de mudanza en mudanza nunha viaxe íntima e circular.
Sinopse de casa atlántica, casa cabaret (Xerais, 2001).
María Lado naceu en 1979 en Cee (A Coruña). É titulada en Produción Audiovisual e cursou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a escribir no núcleo do Batallón Literario da Costa da Morte no ano 1996, onde publicou os seus primeiros textos en tres libros colectivos: Nós, Mar por medio e Rumbo ás illas.
En 1997 publica a súa primeira obra poética en solitario, A primeira visión. A partir de aí comeza unha carreira na que escribe sobre todo poesía, pero tamén cultiva outros xéneros como a narrativa, os guións para radio ou colabora en prensa (co xornal dixital Vieiros, coa revista Dorna e coa revista portuguesa Comentário, entre outras). Traduciu ó galego varios libros de literatura infantil publicados por Edicións do Cumio, editorial na que traballou durante cinco anos (entre eles, Alicia no País das Marabillas de Lewis Carroll). Tamén é actriz, e desde 2005 comparte escenarios coa tamén poetisa Lucía Aldao co dúo poético-musical Aldaolado. Con el realizan unha mestura de poesía con humor e música de carácter transgresor, nun exercicio de comunicación directa co espectador. O seu primeiro espectáculo foi Onde estea un cubata que se quite un soneto.
A escolla deste poemario veu motivada polo recital poético ofrecido polas poetas galegas Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Emma Couceiro, Lucía Aldao e a propia María Lado, guiado pola poeta, xestora cultural, filóloga e editora Dores Tembrás co gallo do Primaletras 2022.
Fariña, de Nacho Carretero
Nos clubs de lectura das bibliotecas de Estudos Locais e Monte Alto tivemos o pracer de ler Fariña, de Nacho Carretero, no pasado curso.


Versión en galego e versión en castelán do libro de Nacho Carretero.
Aínda que o narcotráfico é un tema que a todos e todas nos soaba, o certo é que Fariña nos achegou datos e curiosidades dese mundo que a maioría descoñecía: apelidos, clans, corrupción, nomes, mortes en accidentes que rematan non sendo tal…
Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.
Sinopse de Fariña.
Ademais, algunha persoa asistente ao club vira a serie anos atrás, polo que aproveitamos para falar das adaptacións audiovisuais de libros e para recomendar outras.

A serie estreouse en Antena 3 o 28 de febreiro de 2018, e unha semana antes, o dia 12, o libro foi retirado da venda de forma cautelar por orde dunha xuíza despois de que o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, denunciara ao autor por suposta vulneración do seu dereito ao honor. O libro colocouse no número un de vendas e a serie conseguiu unha grande audiencia. En xuño dese mesmo ano a xustiza revogou o “secuestro” do libro e, finalmente, en 2021, o caso foi desestimado.
Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é xornalista e traballou nas redacións de varios medios, para despois pasar a ser freelance e escribir para JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo, entre outros. Realizou reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ébola en África, a guerra civil siria, a ola de incendios forestais de 2017 en Galicia ou do seu amado Deportivo da Coruña.

Este é un dos poucos ensaios que lemos desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais, pero definitivamente deixou moi bo sabor de boca.
Bella muerte, de Kelly Sue DeConnick e Emma Ríos
Un ano máis, Viñetas desde o Atlántico pecha as súas portas. O festival de banda deseñada da cidade da Coruña leva celebrándose no mes de agosto desde o ano 1998, o que lle supón ser o máis importante de Galicia e un dos máis salientables de España.
Desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais levamos dous anos facendo a nosa particular homenaxe ao festival, incluíndo como mínimo un cómic nas nosas lecturas. Este ano tocoulle a Bella muerte, de Kelly Sue DeConnick e a galega Emma Ríos.

Nesta obra, as autoras parten dun western clásico e rematan construíndo unha historia inesperada e sorprendente, combinando o realismo máxico de Sandman coa brutalidad de Predicador, tal e como din desde a propia editorial, Astiberri Ediciones.
Bella muerte foi nominada en 2014 a varios premios Eisner, os Óscar dos cómics: Sue DeConnick como mellor guionista, Emma Ríos por mellor lapis/entintado e mellor portada, e Jordie Bellaire na categoría de mellor cor, algo que sorprendeu moito a ambos clubs xa que non sabían que o debuxo e a cor podían ser feitas por diferentes autores.
Ademais de desfrutar desta obra, puidemos achegarnos máis á vida de Emma Ríos a través da seguinte reportaxe e a entrevista final, o que nos achegou algo máis ao mundo do cómic.
Gloria Fuertes e o 8M: as minusvaloradas
Moitas das últimas escollas para o club de lectura de Monte Alto estiveron centradas na reivindicación de mulleres coñecidas, pero quizais non tan recoñecidas en ámbitos que van máis alá do que os manuais de literatura ou mesmo a crítica nos queren achegar. A primeira foi Emilia Pardo Bazán co seu El encaje roto, unha escolma de relatos contra a violencia de xénero que nos amosou á escritora coruñesa desde unha vertente feminista que moitas persoas descoñecían. Esta semana, a do Día da Muller, é a quenda de Gloria Fuertes.

A todos e todas as asistentes ao club lles soaba o nome da poeta madrileña, pero a meirande parte só a relacionaba con programas da televisión dirixidos ao público infanti (Un globo, dos globos, tres globos ou La mansión de los Plaff, entre outros). Grazas a El libro de Gloria Fuertes, cunha marabillosa edición de Blackie Books que mestura poesía, biografía, fotografía e debuxos da propia autora, puidemos achegarnos a esoutra faceta da Fuertes máis descoñecida, pero non por iso menos valiosa ou de menor calidade: a súa poesía para persoas adultas.
Tivemos ocasión de reflexionar sobre cuestións como por que sempre se relaciona a LIX (Literatura Infantil e Xuvenil), moitas veces considerada un xénero “menor”, coas mulleres. Lembramos tamén a Pardo Bazán, sempre coñecida polo Naturalismo e historica (e convenientemente?) esquecida no eido da súa defensa feminista, e mesmo debatemos sobre artigos que menosprezaban a necesidade de reivindicar as mulleres nas letras porque “xa” existen as mulleres nas letras, coma se para acadar a verdadeira igualdade chegase con facer acto de presenza (por poñer un exemplo, basta con revisar o número de mulleres aos que se lles dedicou o Día das Letras Galegas ao longo da historia: 5 de 59).
E para celebrar este (aínda) tan necesario 8M, basten só as palabras de Gloria Fuertes:
A Jenny
Nadie le ayudó
pero él se hizo mujer
Cantar cantaba,
era la preferida de los hombres del night-club.
Me dijo:
—En toda mi vida
sólo he leído un libro,
el tuyo.
Entonces…
Le acaricié de verdad
sus pechos de mentira.
Gracias, amor
Gracias, amor
por tu imbécil comportamiento
me hiciste saber que no era verdad eso de
“poesía eres tú”.
¡Poesía soy yo!
Me dijeron:
—O te subes al carro
o tendrás que empujarlo.
Ni me subí ni lo empujé.
Me senté en la cuneta
y alrededor de mí,
a su debido tiempo,
brotaron las amapolas.
Porque todo asusta, pero non podemos deixarnos vencer polo medo.












































