• Saltar á navegación
  • Saltar ao contido principal
  • Skip to primary sidebar
  • Skip to secondary sidebar
  • Skip to footer

Blogs Clubs Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña

  • Inicio
  • Quen somos
  • Qué son os nosos Clubs de lectura
Twitter Facebook Feed RSS

Category Archives: Escritores

Día das Escritoras 2022

17 Out

Publicado por: Bibliotecas Municipais da Coruña

Helena Villar Janeiro, Mª do Carme Kruckenberg, Marina Mayoral, Uxía Casal, Luísa Villalta, Ursula Heinze, Concha Blanco, Marica Campo e Marilar Aleixandre son as 9 escritoras que este ano eliximos para celebrar o Día das Escritoras.

Durante toda a semana pasada, fumos publicando a través das nosas redes sociais recomendacións literarias destas nove mulleres das nosas letras.

  • Helena Villar Janeiro: De Becerreá (Lugo), foi ensinante e na súa formación, sobre todo no aspecto literario, foron decisivas as clases que recibiu traballando cos seus pais na xastrería ancaresa. Alí descubríu a narración oral e os referentes de moitos personaxes que alimentan a súa obra. Ser escritora élle un xeito de “ser” e de “estar” no mundo, permítelle observar a vida dun xeito ricaz, inventar mundos e camiñar neles polos vieiros da ironía e do humor. Valora o papel que desde a escrita se pode xogar perante a sociedade, patentizando o compromiso cunha serie de causas: o seu xénero, o seu pobo, o seu país, a súa lingua e a súa cultura.

1665476393149

  • Mª do Carme Kruckenberg: nada en Vigo no 1926 (falecida en 2015) é autora de contos, poeta e tradutora, colaborou en prensa e radio, e foi vicepresidenta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Foi recoñecida co Premio Alecrín en 1997, a Medalla de Galicia en 1998, a Medalla Castelao en 2002 e o Premio Laxeiro en 2011.

52402667183_fc60c6ae63_c (1)

  • Marina Mayoral: Catedrática de Literatura, novelista, articulista e investigadora, é Académica de Honra da Real Academia Galega desde 2017. Entre o centenar dos seus traballos de investigación destacan as súas obras sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, análise de poesía e prosa contemporáneas, así como os estudos sobre a problemática da escritura feminina ao longo da historia.

Día das escritoras (4)

  • Uxía Casal: é unha escritora lenta, no mellor sentido da palabra. Licenciada en Xeografía Historia e Filoloxía Hispánica, ten impartido clases de francés e de literatura nas Aulas da Terceira Idade e de español durante dous cursos de verán para estranxeiros na USC. En 1984 marchou para Ourense onde deu aulas de Lingua e Literatura Galegas. A afección polas historias vénlle de cativa e xa desde mociña sentiu o desexo de idear personaxes e tramas no seu maxín. Daqueles primeiros balbucidos non conserva nada, destruíunos un día no que a enchía a febre limpadora.

Día das escritoras (5)

  • Luísa Villalta: Licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicou parte da súa vida á docencia da Lingua e literatura Galegas no ensino secundario. Deixounos textos poéticos, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e artigos xornalísticos. A súa experiencia musical influíu na súa creación literaria, como deixa constancia nalgúns ensaios e artigos, falando da relación entre a palabra e a música. Desenvolveu  unha intensa actividade cultural e implicouse socialmente en defensa da lingua galega: formou parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foi membro activo da Mesa pola Normalización Lingüística, participou no Foro Negro, no Foro da Cultura Galega, etc.
    A morte sorprendeuna prematuramente, con tan só 46 anos, e desde ese momento sucedéronse numerosas iniciativas na súa memoria, como O Certame Literario “Luisa Villalta” e o Premio “Luisa Villalta”.

52403133457_0d02440a3b_c

  • Úrsula Heinze: nada en Colonia (Alemaña) no 1941 é licenciada en Filoloxía Inglesa e Filoloxía Alemá na Universidade de Colonia. Reside e escribe desde 1968 en Santiago de Compostela. Foi catedrática de Ensino Medio en Alemaña e lectora de alemán na Universidade de Valladolid. Fundou a sección de Galicia do PEN Club Internacional, do que foi presidenta entre 1991 e 1995. Autora de moitas novelas, relatos, ensaios, literatura infantil e xuvenil e poesía en galego e alemán. Traduciu obras do alemán para o galego e o castelán.

52387837101_422923cf45_c

  • Concha Blanco:  Nada en Lires (Cee) en 1950, é unha das primeiras autoras de material didáctico para o ensino en galego. Profesora de colexios e institutos e impartiu e coordinou cursos de galego e proxectos de formación do profesorado. A maioría da súa obra literaria encádranse na área da literatura infantil e xuvenil. Tamén escribiu obras no campo da didáctica, dos libros de texto e da narrativa.

    Obtivo varios recoñecemento pola súa obra literaria, foi galardoada co Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, recibiu o terceiro premio do Concurso Nacional de Contos Infantís Ou Facho, en 1983; foi finalista do Premio Merlín en tres ocasiones (1996, 1999 e 2003) e foi galardoada co Premio Lecturas de Gálix no 2002, entre outros.

52418823053_05eb0f9d9d_c

  • Marica Campo: natural de Val de Mao, no Incio, lembra ós seus pais como as persoas que lle achegaron á literatura galega. Foi una nena soñadora e rebelde ata que descubriu que quería ser misioneira. Pasou cinco anos nun convento, onde aproveitou para estudar Maxisterio e Teoloxía, e cando marchou traballou como mestra ata a súa xubilación. Escribe poesía, narrativa, teatro e libros infantís, e ademáis traduce, escribe artigos de opinión na prensa e participa en obras colectivas. Recibiu premios como o da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, e tamén o de Poesía no ano seguinte. No 2018 foi a protagonista do Día das Galegas nas Letras.

    leoautoras

  • Marilar Aleixandre: nada en Madrid en 1947 é unha feminista convencida que presume de recibir unha educación rockera escoitando o locutor Ángel Álvarez mentres se licenciaba en Bioloxía na UCM. Estableceuse como profesora de secundaria en Vigo onde, como di ela, se fixo galega. Será Catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentalas na USAL. Adoptou o galego no só como lingua literaria, senón tamén como lingua científica e dende 2017 é membro da Real Academia Galega.​

Día das escritoras (8)

Ademais, tamen lembramos a mulleres escritoras fora da nosa contorna:

  • O papel das mulleres no mundo do cómic
  • Autoras LGTB
  • Escritoras Nobel do S. XXI

Publicado en Efemérides, Escritores

Deixar un comentario

Etiquetas: Dia das Escritoras, Dia de las Escritoras, Leo Autoras

Contra todo isto. Un manifesto rebelde, de Manuel Rivas

11 Out

Publicado por: antyaro

O escritor coruñés Manuel Rivas xa é un habitual dos clubs de lectura das bibliotecas municipais da cidade que o viu nacer. Os seus libros son lidos todos os anos e son un valor seguro. Porén, a súa faceta de ensaísta é quizais a máis descoñecida, así que para descubrir a esoutro Rivas este ano lemos Contra todo isto. Un manifesto rebelde.

Vivimos un tempo de retroceso, de aumento das desigualdades, de subtracción das liberdades; un réxime mundial de pensamento groseiro, de rearmamento bélico e abaratamento humano, de desfeita ecolóxica, da fin do mito da «globalización feliz». Vivimos nun Estado de Vergoña.
Este libro está escrito contra Todo Isto.
Todo Isto é descivilización.
Todo Isto é produción de medo para achicar a liberdade. E a produción de odio contra o diferente.
Todo Isto é subtracción do benestar e dos dereitos democráticos.
Todo Isto é a multiplicación de muros e fendas de desigualdades.
Todo Isto é o machismo como sistema.
Todo Isto é a guerra contra a natureza.
Todo Isto é domesticación intelectual.
Todo Isto é corrupción sistémica, paraísos fiscais, unha mestura de economía gris e criminal.
Todo Isto é desmemoria, ou peor aínda, contramemoria.
Este é un libro que non invita á fuxida, senón a correr cos brazos abertos cara ao mundo, cando o sentimento de vergoña abre paso a unha saudade rebelde, a unha loita para arrincar a esperanza dos brazos do conformismo.
Este é un libro do sentir e do pensar, unha literatura na beira, que quere pór a liberdade no corpo da linguaxe.

Sinopse de Contra todo isto

Aínda que, como xa dixemos, nos clubs é máis coñecido polas súas novelas, o certo é que Manuel Rivas, nado na cidade herculina en 1957, comezou a súa carreira como xornalista aos 15 anos como meritorio en El Ideal Gallego. Posteriormente estudou Ciencias da Información na Universidade Complutense de Madrid, remontándose os seus primeiros artigos á década de 1970. Tamén é colaborador en diversos medios de comunicación (El País, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia…). No ano 2013, xunto a Xosé Manuel Pereiro, fundou a revista Luzes.

No eido da creación literaria, deuse a coñecer como cofundador do grupo poético Loia en 1977. Dous anos despois publicou o seu primeiro libro de poemas, pero foi cun libro de narrativa, Que me queres amor?, co que gañou en 1996 o Premio Nacional de Narrativa despois de gañar o Premio Torrente Ballester.

Algunhas das súas obras foron adaptadas ao cine, como A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999), O lapis do carpinteiro (Antón Reixa, 2004) e Todo é silencio (José Luis Cuerda, 2012). En 2018 publicou Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, o segundo relato baséase na “idea orixinal” escrita polo autor para a serie de televisión Vivir sin permiso.

É membro de número da Real Academia Galega. Ingresou o 12 de decembro de 2009 a proposta de Luz Pozo Garza, Xosé Neira Vilas e Xosé Luís Axeitos.

Imaxe de Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

Publicado en A biblioteca recomenda, Club de lectura de autores galegos, Clubes de lectura, ensaio, Escritores, letras galegas, Novela social e política

Deixar un comentario

Etiquetas: #recomendamosbmc, club de lectura, Literatura galega, recomendacions

Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga

26 Set

Publicado por: antyaro

No pasado curso, no marco das actividades organizadas para o Primaletras, os clubs de lectura das bibliotecas da Coruña lemos a novela gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2021, Virtudes (e misterios), do escritor Xesús Fraga. Ademais, tivemos a oportunidade de realizar un encontro co autor, no cal falamos dos motivos que o levaron a escribir esta novela ou da emigración galega, entre outros, e tamén se fixo un eloxio aos clubs de lectura da cidade que podedes ver aquí.

Capas da novela de Xesús Fraga en galego (versión orixinal) e en castelán.

Contar a emigración desde a parte dos retornados. Velaí o obxectivo que se propuxo Xesús Fraga ao encetar esta novela que é, sobre todo, o relato dunha epopea como a que protagonizaron tantas mulleres galegas que, levadas pola adversidade, rematan percorrendo o mundo á procura dun futuro mellor.

Xesús Fraga constrúe unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.

Sinopse de Virtudes (e misterios) na versió galega.

A novela tamén foi gañadora do Premio Blanco Amor 2019 e do Premio da Crítica de Galicia 2021.

En 1955, un zapatero remendón, seducido por los cantos de sirena que llegan de Venezuela, cruza el Atlántico con la ilusión de regresar en poco tiempo transformado en un acaudalado indiano. Pero, tras varios años, no solo no envía el dinero prometido a su casa, sino que él mismo desaparece, lo que obliga a su mujer a emprender su propia emigración, aunque en la dirección opuesta, hacia Inglaterra. Aquellas omisiones y decisiones acabaron por marcar sus vidas y las de dos generaciones más de una familia.

Xesús Fraga, nieto de ese malogrado matrimonio de emigrantes vocacionales y accidentales, reconstruye sus azarosas vidas y la convivencia con la soledad, el desarraigo y la desazón de las preguntas sin respuesta. Un viaje íntimo por la segunda mitad del siglo XX que transita de la vida rural gallega a las grandes megalópolis americanas, con escalas que se extienden hacia Londres y Caracas, Buenos Aires y la República Dominicana o Etiopía.

Con un ojo puesto en el Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía de Castro y el otro en el Léxico familiar de Natalia Ginzburg, Virtudes (y misterios), galardonada con el Premio de Novela Blanco Amor 2019, combina diversos géneros como la novela, la crónica o el diario para ofrecer un fresco vital que conmueve y emociona, sin por ello renunciar al humor, y que propone una visión original e inédita de la emigración en las vidas vividas y no vividas.

Sinopse de Virtudes (e misterios) na versió castelá.
Xesús Fraga en imaxe da Galipedia de Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)

Xesús Fraga naceu en Londres en 1971, pero dende moi neno viviu na Coruña e Betanzos. Estudou xornalismo en Salamanca e dedícase profesionalmente a iso desde 1996. Actualmente é redactor no xornal La Voz de Galicia.

Entre as súas obras destacan títulos como O elefante Branco, Reo ou Solimán. Unha das súas afeccións é o mundo da cociña, sobre a que publicou 50 receitas con amoras e outros froitos silvestres. Como tradutor trouxo para o galego obras de Nabokov, Jack Kerouac, Anne Fine, Roald Dahl, e Sylvia Plath, entre outros.

Publicado en A biblioteca recomenda, Actividades do club, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Novela histórica e biográfica, Novela sobre a vida cotiá, Novela social e política

Deixar un comentario

Etiquetas: #recomendamosbmc, club de lectura, Literatura galega, Premios, recomendaciones, recomendacions

Fariña, de Nacho Carretero

25 Ago

Publicado por: antyaro

Nos clubs de lectura das bibliotecas de Estudos Locais e Monte Alto tivemos o pracer de ler Fariña, de Nacho Carretero, no pasado curso.

Versión en galego e versión en castelán do libro de Nacho Carretero.

Aínda que o narcotráfico é un tema que a todos e todas nos soaba, o certo é que Fariña nos achegou datos e curiosidades dese mundo que a maioría descoñecía: apelidos, clans, corrupción, nomes, mortes en accidentes que rematan non sendo tal…

Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.

Sinopse de Fariña.

Ademais, algunha persoa asistente ao club vira a serie anos atrás, polo que aproveitamos para falar das adaptacións audiovisuais de libros e para recomendar outras.

Imaxe da serie Fariña, que se pode atopar en Atresplayer e Netflix.

A serie estreouse en Antena 3 o 28 de febreiro de 2018, e unha semana antes, o dia 12, o libro foi retirado da venda de forma cautelar por orde dunha xuíza despois de que o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, denunciara ao autor por suposta vulneración do seu dereito ao honor. O libro colocouse no número un de vendas e a serie conseguiu unha grande audiencia. En xuño dese mesmo ano a xustiza revogou o “secuestro” do libro e, finalmente, en 2021, o caso foi desestimado.

Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é xornalista e traballou nas redacións de varios medios, para despois pasar a ser freelance e escribir para JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo, entre outros. Realizou reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ébola en África, a guerra civil siria, a ola de incendios forestais de 2017 en Galicia ou do seu amado Deportivo da Coruña.

Imaxe sacada do vídeo de VÍCTOR SAINZ | EPV para El País.

Este é un dos poucos ensaios que lemos desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais, pero definitivamente deixou moi bo sabor de boca.

Publicado en A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Club Monte Alto, Clubes de lectura, ensaio, Escritores, letras galegas, Libros lidos, Obras

Deixar un comentario

Etiquetas: club de lectura, Fariña, Literatura galega, Nacho Carretero, recomendaciones, recomendacions

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga

30 Dec

Publicado por: antyaro

Alguén dixo unha vez que a LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) non é só para as idades que veñen marcadas no propio libro, senón que abranguen desde esos anos ata +99.

No club de lectura de Escritores e Escritoras Galegas non podemos estar máis de acordo, e o curso pasado tivemos a inmensa sorte de ler O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.

1933. Aos seus trece anos, Suso é obrigado a pasar o verán nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza por mor da súa mala saúde. No traxecto en tren cara ao seu destino estival, chega ás súas mans un caderno cun misterioso título na cuberta: Liber bestiarium scientificus. Cando Suso decide mergullarse nas súas páxinas, lonxe está de saber que ese intre marcará un verán cheo de aventuras na compaña de Tila, unha rapaza das colonias coa que acabará forxando unha bonita amizade.

Sinopse de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa.

O seu autor, Antonio Manuel Fraga, naceu en Nogueirosa (Pontedeume), pero é Coruñés de adopción. É Enxeñeiro Técnico Industrial, escritor e docente. As súas obras foron gañadoras, entre outros, do xa nomeado Premio María Victoria Moreno, do Premio Merlín de Literatura Infantil (O castañeiro de abril, 2013) e do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil (santoamaro, 2021), ambos de Xerais, ou do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica e do Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria, os dous pola obra Querido H.P. Lovecraft (2016, Urco Editora).

A obra fálanos dun sitio ben coñecido da cidade da Coruña e da súa historia: o hospital de Oza. Para meternos na obra, foinos de moita utilidade buscar fotografías como as que se achegan a continuación.

Imaxes obtidas de https://xxicoruna.sergas.gal e http://personaldelchuac.blogspot.com

Mesturando ficción, fantasía, ciencia e realidade, Antonio Manuel Fraga transportounos a un mundo no que desfrutamos da investigación e a aventura coma auténticas crianzas!

Aquí vos deixamos un vídeo marabilloso onde o propio autor nos fai unha visita guiada polo Sanatorio de Oza e a historia da obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa.

Vídeo-roteiro sobre o desaparecido Sanatorio Marítimo de Oza (A Coruña). Subido por @politicalinguistica.

Publicado en A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Libros lidos, Libros para ver e mirar, Novela de aventuras, Novela histórica e biográfica, Novela intriga y misterio, Novela sobre a vida cotiá, Novela social e política

Deixar un comentario

Etiquetas: #recomendamosbmc, club de lectura, Literatura galega, Premios, recomendaciones, recomendacions

Palabras contadas, de Camilo Franco

30 Dec

Publicado por: antyaro

“Cando morra han dicir que fun pioneiro. Pero leva morto tanta xente“.

O anterior é un dos microrrelatos que compoñen o libro Palabras contadas de Camilo Franco.

Este libro inclúe máis de cen de microrrelatos, trinta argumentos de novela e cinco relatos algo máis extensos, tal e como afirma Xerais.

Aproveitando a funcionalidade da literatura breve o autor aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría. Palabras contadas deu pé á próxima exposición homónima da Fundación Luís Seoane, organizada dentro do Proxecto-Edición, que tenta aproveitar dúas posibilidades que quizais non se deron antes na historia da narración. Dunha parte a versatibilidade da literatura breve, doutra parte a capacidade para colocar a palabra como código e como significante en sorportes propios dunha cultura industrial ou de masas. En conxunto mesmo se pode entender como unha tentativa de converter ao lector en espectador. a palabra e a narración está no centro de espazos que poden ser considerados escénicos. Neste sentido, a reinvindicación da palabra como creadora de ámbitos leva á creación de espazos nos que o relato adquire significado completo. En moitos sentidos, a creación de espazos que teñen como centro a lectura dun texto é dotar a cada unha das historias da circunstancia que a completa. Case como unha proxección sólida do argumento e do ambiente do relatado.

Sinopse de Palabras contadas.

Camilo Franco é escritor, crítico teatral e xornalista, e publicou libros como En malos pasos (1995, Xerais), Por conto alleo (2003, Galaxia), ou ensaio Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño (2012, Biblos Clube de Lectores). Tamén ten participado en obras colectivas como Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade (2009, Difusora) ou Níxer (2010, Xerais).

Esta imaxe foi obtida da páxina web da AELG, a Asociación de Escritores en Lingua Galega. As fotos orixinais foron producidas por Santos Díez e Eduardo Castro Bal cunha licenza CC-BY-SA 3.0.

Publicado en Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Novela de humor, Novela sobre a vida cotiá, Novela social e política

Deixar un comentario

Etiquetas: #recomendamosbmc, club de lectura, Literatura galega, recomendacions

Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz

26 Dec

Publicado por: antyaro

Nos últimos meses, unha das novelas “máis coruñesas” que limos no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais foi Veleno de tinta impresa. Nela desenvólvese, a través da ollada dunha muller protagonista afouta e decidida, a sociedade da cidade da Coruña a comezos do século XX.

Veleno de tinta impresa, de Xośe A. Neira Cruz, foi a novela gañadora do Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo no ano 2019.

Elvira Morales, unha moza nacida a finais do século XIX, acaba de rematar os estudos de maxisterio e toma a decisión de apostar polo seu soño de traballar como xornalista nunha sociedade en que ese cometido está reservado para os homes. Con todo, a sociedade coruñesa da época foi berce de figuras femininas que constitúen un referente para a reivindicación e o exercicio dos dereitos profesionais das mulleres: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova… Un día, a protagonista coñece a Miguel Sawa, que acaba de chegar á Coruña para dirixir o xornal La Voz de Galicia, e decide dar un paso adiante. É o intre en que as novas máquinas, as linotypes, imprimen importantes cambios na composición da prensa e a sociedade coruñesa se debate entre o tradicionalismo e a apertura a novas ideas. Nese contexto, apoiada pola súa compañeira Herminia, a linotipista, e tamén pola súa amiga María Barbeito, Elvira Morales ten que atopar o seu futuro.

Sinopse de Veleno de tinta impresa.

Á parte da protagonista, Elvira Morales, que é unha homenaxe a María Luz Morales, a primeira directora dun xornal en España, na novela aparecen outras moitas mulleres senlleiras relacionadas coa Coruña: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, María Barbeito, Sofía Casanova… Tal e como din desde Xerais: “Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz, é unha homenaxe ás pioneiras que abriron camiño”.

De esquerda a dereita, de arriba a abaixo: Emilia Pardo Bazán, María Luz Morales, María Barbeito, Sofía Casanova e Fanny Garrido.

Xosé A. Neira Cruz, o autor da novela, é licenciado en filoloxía italiana e en Ciencias da Información, e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela. Autor dunha extensa bibliografía que abarca desde a novela para xente adulta, a literatura infantil e xuvenil, a poesía e mesmo o ensaio, tamén resultou gañador de diversos premios literarios, coma o Premio Raíña Lupa en 2002 e 2021, o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño no 2007, o Premio Merlín en 1988 e 2000 e o Premio O Barco de Vapor nos anos 1997 e 1999, entre outros.

Imaxe de Xosé A. Neira Cruz da Wikipedia. Autor: Adrián Estévez.

Publicado en A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Libros lidos, Novela histórica e biográfica, Novela sobre a vida cotiá, Novela social e política, Obras

Deixar un comentario

Etiquetas: club de lectura, Estudos Locais, Literatura galega, Xosé A. Neira Cruz

Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín

27 Set

Publicado por: antyaro

A LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) non é só para menores de idade. Desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais reivindicamos isto o pasado curso coa lectura de Das cousas de Ramón Lamote, do autor Paco Martín.

Das cousas de Ramón Lamote é un clásico da literatura galega. Publicado por ver primeira en 1985 (gañador do Premio Barco de Vapor de 1984) e con numerosas reimpresións e reedicións ao longo dos anos, é grazas a el que se usa o termo Xeración Lamote para se referir a un grupo de escritores galegos lugueses como Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz que renovaron a literatura galega infantil nos anos oitenta. En 1986 acada o Premio Nacional de LIteratura Infantil e Xuvenil e aparece na prestixiosa lista IBBY Honour List.

O seu autor, Paco Martín, nado en Lugo 1940, é mestre xubilado de Primaria. Tamén foi conferenciante e columnista periódico en xornais como El Progreso, e director do suplemento Axóuxere. Semanario do neno galego publicado no xornal La Región de Ourense nos anos 1974-1975.

Este best-seller breve e retranqueiro fixo que moitos e moitas das asistentes lembrasen as súas lecturas da infancia e que lles saíse un sorriso ao ler as vivencias do profesor de chairego e debuxante de soños.

Paco Martín, autor de Das cousas de Ramón Lamote. Foto da Wikipedia.

Publicado en Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Club Monte Alto, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Libros para ver e mirar, Novela de humor, Para nenos de 6 a 8 anos, Xeral

Deixar un comentario

Etiquetas: club de lectura, Club Estudos Locais, Club Monte Alto, Literatura galega, Premios

Scórpio, de Carvalho Calero, e novas inscricións para o club Autores/as Galegos/as da biblioteca de Estudos Locais.

11 Set

Publicado por: antyaro

O 2020 foi un ano atípico para todo o mundo, incluídas as conmemoracións das Letras Galegas. Ese ano dedicóuselle a Ricardo Carvalho Calero, e desde o club de lectura Autores/as Galegos/as da biblioteca de Estudos Locais quixemos ler unha das súas obras máis importantes: Scórpio.

Carvalho Calero, nado en Ferrol en 1910, foi historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüísta e escritor. Membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén foi membro numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua.

Retrato de Carvalho Calero por Moncho Rama. Álbum Nós do Consello da Cultura Galega

Antes de 1981 o autor asinaba como Carballo Calero, pero como ideólogo do reintegracionismo lingüístico, defendendo que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa, a partir desa data adaptou o seu nome á grafía correspondente. Desde o club de lectura foi un reto ler unha novela escrita en galego reintegrado, e para coñecer un pouco máis do tema puidemos ver a seguinte entrevista a Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua, e debater dos pros e contras do binormativismo:

Tanto a estrutura e a forma de contar a historia como os acontecementos da vida de Scórpio resultaron moi interesantes para os e as membros do club. A ironía literaria, as descricións da guerra e os apuntamentos autobiográficos que se deixaban entrever deron para unha conversa ben amena sobre a novela, que recomendan.

Por último, lembrar que nuns días abrirá o prazo para apuntarse ao club de lectura da biblioteca de Estudos Locais para cubrir as baixas existentes. Estade atentos/as!

Publicado en A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Libros lidos, Novela histórica e biográfica, Novela social e política, Obras

Deixar un comentario

Etiquetas: Biblioteca Estudos Locais, Club lectura, Letras Galegas 2020, Reintegracionismo, Ricardo Carvalho Calero

Fin de curso 2020-2021 de Café con Libros: Presencial Vs Virtual

26 Xuñ

Publicado por: Julia Varela

Fai unhas semanas rematamos o curso dos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, tentaremos facervos chegar un pequeno resumo de todo o que deu de si este ano. Novamente eran moitas as sensacións e os sentimentos que tiñamos acumulados despóis do confinamento, moitas eran as ganas de volver á normalidade e as nosas reunións de forma presencial, poder ver ás nosas lectoras e enriquecer as  lecturas ca posta en común. 

Comezamos esta nova andaina con moita ilusión, con sesións presenciais que respectaban todas as medidas de seguridade: pechamos os espazos para poder manter a debida distancia, o aforo limitado e a máxima ventilación. Foron apenas dúas sesións o que nos deu tempo a facer con cada grupo, “un ola e adeus”. A alegría durounos pouco e enseguida tivemos que tornar á virtualidade, as restricións de aforo en espazos cerrados imposibilitáronnos continuar, máis adaptámonos e co xa aprendido no curso anterior puxemos en marcha de novo as conexións virtuais. Se ben é certo que non todas as nosas compañeiras se conectaron, o máis importante para nós foi que ningunha delas deixou de vir buscar as súas lecturas á Biblioteca, o vínculo con nós non desapareceu. En compensación, xurdiron de forma espontánea charlas improvisadas a pé de mostrador. 

Tivemos lecturas do máis heteroxéneo, desta volta quedounos unha proposta de títulos moi axeitada, sempre  pensando en facer unha selección o máis equilibrada posible. Miramos de ter autores-as de tódalas xeracións e correntes literarias, obras en galego, cómics, e  mesmo, os que era necesario tachar da lista de “ler sen falta”.  Non podíamos deixar de incluír tamén aquelas que estaban de celebración este ano. Fagamos un breve repaso a todas elas.

Descubrimos autoras contemporáneas coma a belga Caroline Lamarche e a súa obra Estamos en el borde, Cristina Sánchez Andrade con Alguién bajo los párpados e Nadia Terranova con Adiós, fantasmas.

Fixemos unha aproximación a literatura afroamericana da man de dúas escritoras como Nella Larsen e Yaa Gyasi. A primeira co título,  Arenas movedizas, deunos a posibilidade de coñecer a unha autora que foi precursora e clave no Renacemento de Harlem de principios do século XX. Yaa Gyasi, pertencente a unha nova xeración de escritoras afroamericanas, sorprendeunos ca súa primeira novela Volver a casa. Coincidindo con estas lecturas fixemos unha mostra bibliográfica na Biblioteca adicada ao Black History Month, celebración anual que busca o  recoñecemento da cultura afroamericana.

A literatura clásica correu a cargo da pequena e máis descoñecida das irmáns Bronte, Anne, ca súa novela Agnes Grey. Seguimos ca matriarca das letras catalás Merce Rodoreda e o seu Espejo Roto.  Nancy Mitford deixounos fascinadas tanto pola súa novela A la caza del amor ,como pola biografía da súa propia familia. Non vola perdades!

En galego tivemos a oportunidade de ler Virtudes (e misterios) de Xesus Fraga, unha emocionante crónica da emigración a traves dos ollos da súa propia avoa; o clásico contemporáneo Resistencia de Rosa Aneiros e a innovadora Circe ou o pracer do azul da finada Begoña Caamaño.

Aproveitando a celebración dos 20 anos da editorial Astiberri limos o comic Pedro y yo do autor americano Judd Winick. Ao mesmo tempo, preparamos unha mostra cos fondos que tiñamos na biblioteca dunha das editoriais preferidas dos nosos usuarios-as.

Este ano a homenaxeada polas Letras Galegas 2021 foi a autora Xela Arias, poeta, tradutora, editora e profesora, quixemos aproveitar a efeméride para achegarnos a súa faceta como tradutora da man da obra O bosque animado do autor coruñés Wenceslao Fernández Florez . Esta lectura deunos a oportunidade de aproximarnos a estas dúas grandes figuras e poñer en valor a importancia dunha boa tradución. A lectura trouxo consigo novamente unha  mostra bibliográfica, centrámola na tradución ao galego, resaltando o traballo editorial en Galicia na actualidade: Rinoceronte, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Catro Ventos, Kalandraka, etc.

As nosas lectoras tiveron  a  oportunidade de sumarse á celebración  do Centerario de Emilia Pardo Bazán ca lectura da súa novela Insolación, nunha magnífica edición ilustrada da editorial Reino de Cordelia. Grazas ao centenario puidemos disfrutar da reedición de boa parte da su obra, nuns casos en edicións renovadas e noutros, obras que levaban tempo sen ver a luz. Contamos cunha nutrida representación nunha mostra que estará dispoñible na sala de adultos ata o mes de decembro na nosa Biblioteca. Nestes últimos meses estamos a ver coma a obra de Dona Emilia non deixa de prestarse, con grande xúbilo pola nosa banda.

É coma peche final do curso que mellor que poder compartir unha ruta literaria pola cidade, esta vez xuntas. “A Marineda de Dona Emilia” levounos a visitar sitios emblemáticos e reconstruír A Coruña do século XX, a Marineda das obras da autora coruñesa.

Velaí as lecturas do curso 2010-2021. Coma vedes, non tivemos tempo para aburrirnos, a pandemia condicionou a forma de facer as tertulias pero non impediu cas lecturas continuasen. Andamos matinando xa no próximo curso, a cabeciña non para. Deixamosvos o cartaz e as guías de lectura deste curso, onde poderes observar os títulos lidos nestes meses. Seguimos tecendo corazóns, tocando almas, procurando alento…!!! Ata o curso que ven. Bo verán e boas lecturas. ¿Que libros meteríades nas vosas maletas…?

Publicado en A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club Os Rosales, Clubes de lectura, escritoras, Escritores, Libros lidos

Deixar un comentario

Etiquetas: #CaféconLibros, #recomendamosbmc, Astiberri, Begoña Caamaño, Biblioteca Os Rosales, Black History Month, Café con libros, Caroline Lamarche, Centenario Emilia Pardo Bazán, Cristina Sánchez-Andrade, Curso 2020-2021, Judd Winick, lecturas dos clubs, Letras galegas 2021, Literatura galega, Nadia Terranova, Nella Larsen, O bosque animado, recomendaciones, recomendacions, Rosa Aneiros, Wenceslao Fernández Flórez, Xela Arias, Xesus Fraga, Yaa Gyasi

← Older Posts
  • A web de bibliotecas

    web bibliotecas municipais da coruña

    Web bibliotecas municipais da coruña

  • Clubs de lectura presenciais:

    Nas nosas bibliotecas dispoñemos de 15 clubs de lectura presenciais de lectura de tipoloxía xeral:

    • Club de Ágora (Martes tarde alternos)
    • Club de Castrillón (Xoves tarde)
    • Club de los lunes de Fórum (Luns mañás)
    • Club Forum (Martes mañás)
    • Club Forum (Mércores tarde alternos)
    • Club Mesoiro (Sábados mañás)
    • Club Monte Alto (Martes tarde alternos)
    • Club Os Rosales Café con libros (Martes tarde alternos)
    • Club Sagrada Familia (Luns mañás)
    • Club de Lectura Durán Lóriga (Mércores mañás)
    • Club de Lectura Durán Lóriga (Xoves mañás)

    E temos 6 clubs de lectura presenciais de temáticas especializadas:

    • Club de Lectura de autores galegos (Mércores tarde en Estudios Locais)
    • Club de Lectura Fácil - Fiando Historias (Un xoves mañá ao mes no Fórum)
    • Club de lecturas feministas - O cuarto propio (Un mércores tarde ao mes en Ágora)
    • Club de lectura QUEERuña (Un martes tarde ao mes en Estudos Locais)
    • Club de lectura cómics (Un mércores tarde ao mes no Fórum)
    • Club de lectura para a mocidade – La Tribu (Xoves á tarde en Ágora, quincenal)
  • Clubs de lectura virtuais:

    Contamos con clubs de lectura virtuais de temáticas xerais:

    • Club de lectura virtual de Ágora (Mércores tarde, quincenal)

    Contamos cun Club virtual de lectura que desenvolve toda a súa actividade sempre en liña sen necesidade de reunións presenciais.

  • Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

    Úneche a outros 444 subscritores
  • Categorías

    • A biblioteca recomenda
    • Actividades do club
    • Ágora's Book Club
    • Club Ágora
    • Club Castrillón
    • Club de clásicos
    • Club de lectura de autores galegos
    • Club de los Lunes de Forum
    • Club DL
    • Club Fórum mañás
    • Club Forum tardes
    • Club Mesoiro
    • Club Miúdo
    • Club Monte Alto
    • Club Os Rosales
    • Club Sagrada Familia
    • Club Xuvenil Monte Alto
    • Clubes de lectura
    • Efemérides
    • ElClú
    • ensaio
    • escritoras
    • Escritores
    • Ilustradores
    • letras galegas
    • Libro electrónico
    • Libros lidos
    • Libros para ver e mirar
    • Novas
    • Novela de aventuras
    • Novela de humor
    • novela erótica
    • Novela histórica e biográfica
    • Novela intriga y misterio
    • Novela por entregas
    • Novela romántica
    • Novela sobre a vida cotiá
    • Novela social e política
    • Obras
    • Para nenos de 2 a 5 anos
    • Para nenos de 6 a 8 anos
    • Quérote+
    • Recomendacións dos nosos lectores
    • Xeral
  • Etiquetas

    "Club dos Luns de Fórum" #bibliotecarioviaxeiro #CaféconLibros #corunaencasa #quedanacasaele #quedateencasa #recomendamosbmc Actividades amor filial bagora bforum Biblioteca Agora Biblioteca Os Rosales Bibliotecas binfantil bmontealto bsagradaf Café con libros centro agora club de lectura club de lectura agora mercores club de lectura agora miercoles comic contos cuentos desideratas Dia das Letras Galegas Dia Internacional de la Mujer Día del libro Día do libro ElClú Emilia Pardo Bazan encontros con autor encontros con autores encuentros con autor encuentros con autores feminismo guia de lectura guias de lectura homosexualidade inscripcion clubs Lecturas letras galegas lgtb libros libros en directo Literatura galega Literatura norteamericana Manuel Rivas Mario Vargas Llosa mostras muestras nieves abarca novela Novela de humor Novela histórica Novela intimista Novela policíaca novela social os mellores de pedro ramos peticions de compra Poesía Premios Premios literarios presentaciones literarias presentacións presentacións literarias recomendaciones recomendacions Saga familiar sugerencias de compra suxestións de compra Taller de escritura creativa teatro
  • Arquivo

  • Actividades nas Bibliotecas Municipais

    Actividades nas bibliotecas municipais
  • O noso Facebook

    O noso Facebook
  • As bibliotecas en imaxes

    Club de lectura do 13, Biblioteca Ágora: Saída á Fundación María José JoveClub de lectura do 13, Biblioteca Ágora: Saída á Fundación María José JoveClub de lectura do 13, Biblioteca Ágora: Saída á Fundación María José JoveClub de lectura do 13, Biblioteca Ágora: Saída á Fundación María José JoveClub de lectura do 13, Biblioteca Ágora: Saída á Fundación María José Jove
    Máis fotos
  • Os nosos blogs

    • Bibliosons
    • Blog proxecto Suma Agora
    • Club de Ciencia e Investigación
    • Club de lectura Queeruña
    • Club virtual de lectura
    • Corto y cambio
    • Espazo infantil e xuvenil
    • Fancomic
    • Galicia Móvese
  • Sitios de interés

    • 365 días de libros
    • A Esperela
    • Alas y Balas
    • Babelia
    • Blog de Marta Rivera de la Cruz
    • Blog novela historica
    • Blogue de poesia
    • Bouvard e Pécuchet
    • Brétemas
    • Caderno da critica
    • Club de lectura El Grito
    • Criticalia
    • El Bibliofilo enmascarado
    • El lamento de Portnoy
    • El lector digit@l
    • El placer de la lectura
    • El poder de la palabra
    • From Isi
    • La medicina de Tongoy
    • Letra en obras
    • Libreros
    • Libros para soñar
    • Librosfera
    • Lo que Lucía ve
    • Nos gusta leer
    • O Cabaret Voltaire
    • O levantador de minas
    • Octaedro
    • Papel en blanco
    • Patrulla de salvación
    • Taller de lecturas Macuf
    • Un mes, un libro
    • Xerais blog
  • Busca no catálogo das Bibliotecas

    cascarilleiro

    Acceso ó catálogo das bibliotecas

  • Acceso

    • Crear conta
    • Iniciar sesión
    • Feed de entradas
    • Feed de comentarios
    • WordPress.com

Blog en WordPress.com.

  • Subscrición Subscrito
    • Blogs Clubs Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña
    • Úneche a outros 444 subscritores
    • Already have a WordPress.com account? Log in now.
    • Blogs Clubs Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña
    • Subscrición Subscrito
    • Rexistro
    • Iniciar sesión
    • Report this content
    • View site in Reader
    • Administrar as subscricións
    • Collapse this bar
 

Cargando comentarios...