Author Archives: nmartinezrey

Libros en directo: Pilar Eyre

O ciclo de encontros con autores Libros en Directo comeza a súa cuarta tempada o xoves 22 de xaneiro coa escritora e periodista Pilar Eyre. O encontro, presentado como ven sendo habitual polo escritor Pedro Ramos, terá lugar ás 20.00 horas no Centro Ágora.

Pilar Eyre en Libros en Directo

Eyre (Barcelona, 1951) estudou Filosofía e Letras e Ciencias da Información. Exerceu o periodismo como columnista, entrevistadora e reporteira en diversos periódicos e revistas como Hoja del Lunes, La Vanguardia, Interviú, El Periódico de Catalunya ou El Mundo. Colaborou tamén en varias emisoras de radio e televisión, sobre todo como analista e comentarista de crónica social.

A súa carreira como escritora comeza no ano 1985, cando se publica a súa obra Vips: todos los secretos de los famosos. A esta obra seguiranlle outras moitas: Todo empezó en el Marbella Club (1989), Callejón del olvido (1992), Mujeres veinte años después (1996), Quico Sabaté el último guerrillero (2001), Cibersexo (2002), Dos Borbones en la Corte de Franco (2005), Ricas famosas y abandonadas (2008), Ena la novela (2009), Pasión imperial (2010), María la Brava (2010), La soledad de la reina (2012), La reina de la casa (2012), Franco confidencial (2013) e Mi color favorito es verte (2014).

Con esta última novela, unha novela autobiográfica que narra a historia de amor dunha periodista cun reporteiro de guerra, foi finalista do Premio Planeta 2014.

No fondo bibliográfico das Bibliotecas Municipais da Coruña, podedes atopar:

  • Mujeres, veinte años después
  • María, la Brava
  • La soledad de la Reina
  • Mi color favorito es verte

Consultade a súa dispoñibilidade no noso catálogo:

Catálogo das bibliotecas municipais

E lembrade, se queredes descubrir máis detalles da súa última obra e da súa traxectoria como novelista…

tendes unha cita o xoves 22 no Centro Ágora!!

Libros en directo: Gonzalo Moure

O próximo martes 16 de decembro teremos a oportunidade de escoitar no Ciclo Libros en Directo ao recoñecidísimo escritor de literatura infantil e xuvenil Gonzalo Moure.

O encontro co autor terá lugar ás 20.00 no Centro Ágora e será presentado, como é habitual, por Pedro Ramos.

Gonzalo Moure en libros en directo

Moure naceu en Valencia no ano 1951, pero reside actualmente en Asturias. Estudou Ciencias Políticas na Universidade Complutense de Madrid e traballou como periodista no período comprendido entre 1973 e 1989, fundamentalmente na radio pero tamén en prensa, en televisión como guionista e en publicidade como creativo.

A súa primeira obra publicada foi Geranium, novela de ciencia ficción que figurou na Lista de Honra do Internacional Board on Books for Young People (IBBY) no ano 1994. Escribiu máis de vintecinco libros e foi galadornado con numerosos premios:

– Premio Barco de Vapor, por Lili, Libertad (1996)

Premio Jaén por A la mierda la bicicleta (1993) e El bostezo del puma (1999)

– Premio Ala Delta, por Maíto Panduro (2001)

– Premio da Crítica de Asturias, por Yo, que maté de melancolía al pirata Francis Drake (2001)

– Premio Gran Angular, pola novela El síndrome de Mozart (2003)

Premio Primavera, por En un bosque de hoja caduca (2006)

Premio á Creación Literaria 2012 da Feira do Libro, a Lectura e as Industrias Culturais de Castela-A Mancha.

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña podedes atopar estas obras e outras moitas de Gonzalo Moure. Consultade no noso catálogo a súa dispoñibilidade:

Catálogo das bibliotecas municipais

Cabe destacar ademais da súa obra, a labor de cooperación de Moure a través da Asociación de Escritores polo Sáhara-Bubisher, que manteñen unha rede de bibliobuses e bibliotecas nos campamentos de refuxiados Saharauis dende o ano 2008. O proxecto recibe o nome dun pequeno paxaro do deserto, que soporta altas temperaturas e que coa súa chegada anuncia as boas novas.

Se queredes descubrir máis detalles da vida, obra e proxectos de Gonzalo Moure, lembrade…

tendes unha cita o martes 16 no Centro Ágora!!!

Agora’s Book Club

Na Biblioteca Municipal Ágora imos poñer en marcha un novo club de lectura, nesta ocasión, en lingua inglesa. Reunirémonos todos os luns, de xaneiro a maio, en horario de 18.30 a 19.45.

Se che gusta ler, queres practicar inglés e formar parte dun grupo que se reúne para compartir lecturas… este é o teu club!!

Agora's Book Club

O prazo de inscrición estará aberto dende o 4 de decembro ata o 10 de xaneiro e para anotarse é preciso ter un nivel intermedio de inglés, xa que a actividade se desenvolverá íntegramente en lingua inglesa.

Se estás interesadx en participar, podes anotarte por calquera das seguintes vías:

  • Chamándonos por teléfono 981 189 886
  • Enviándonos un correo electrónico bagora@coruna.es 

Come and share readings with us!!!

Libros en directo: David Safier

O próximo mércores 3 de decembro teremos a oportunidade de escoitar ao escritor alemán David Safier no Ciclo de Encontros Libros en Directo, organizado polo Centro Ágora e presentado por Pedro Ramos.

Safier (Bremen, 1966) deuse a coñecer como guionista de series de televisión de éxito como Mein Leben un Ich (Mi vida y yo), Nikola y Berlin e Berlin. Foi galardonado co Premio Grimme e o Premio TV en Alemaña, e cun Emmy nos Estados Unidos. Actualmente vive e traballa en Bremen.

David Safier

Madito karma (2009), a súa primeira novela, foi un éxito mundial e leva xa máis de trinta edicións en español. Seguírona Jesús me quiere (2010), Yo, mi me contigo (2011), Una familia feliz (2012), ¡Muuu! (2013) e a recentemente publicada pola editorial Seix Barral 28 días (2014).

Nas Bibliotecas Municipais podedes atopar estas seis novelas de Safier, consultade no catálogo a súa dispoñibilidade:

Catálogo das bibliotecas municipais

E se queredes coñecer mais detalles sobre David Safier e a súa última obra, lembrade que tendes unha cita o mércores 3 de decembro ás 20.00 horas no Centro Ágora!!!

Libros en directo: Jorge Volpi

O ciclo de encontros con autores Libros en directo continúa a súa terceira tempada co escritor mexicano Jorge Volpi.

Jorge Volpi en libros en directo

O encontro, presentado como é habitual por Pedro Ramos, terá lugar este xoves 20 de novembro ás 20.00 horas no Centro Ágora. Volpi presentará a súa nova obra Memorial del engaño, recentemente publicada na editorial Alfaguara.

Jorge Volpi naceu o 10 de xullo de 1968 en Cidade de México. É licenciado en Dereito, mestre en Letras Mexicanas pola Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) e doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Salamanca. Traballou como diplomático en Francia, colaborou en diversos medios culturais como o xornal El País e Reforma e foi director do Canal 22 no período comprendido entre 2007 e 2011. Cultivou principalmente xéneros como o ensaio e a novela.

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña atoparedes as seguintes obras de Volpi:

Podedes consultar a dispoñibilidade destas obras no noso catálogo:

OPAC

 

E se queredes ver a Volpi en directo e descubrir máis detalles sobre a súa traxectoria e a súa última novela… lembrade, a cita este xoves 20 no Centro Ágora!!

Os mellores de… A Gran Guerra

Co gaio do centenario da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), tamén coñecida como Gran Guerra, na sala de adultos da Biblioteca Municipal Ágora organizamos unha mostra bibliográfica sobre esta temática que abarca dende libros informativos ata novelas e material audiovisual.

Mostra bibliografica A Gran Guerra

Nunca antes unha guerra afectara a tanta xente en tantos lugares. Os avances da Revolución Industrial aplicados á guerra aumentaron o número de vítimas, que se contaron por millóns. Os enfrontamentos esténdese dende o Pacífico ata o Atlántico, de Rusia ao sur de África, pero será Europa o principal escenario dos combates. O vello continente derrubarase e precisará toda unha década para recuperarse. Perderá para sempre a súa posición hexemónica fronte a novas potencias.

E co fin da Gran Guerra non rematan os problemas de Europa. A crise económica prolongarase durante os primeiros anos 20. Xurden os totalitarismos comunista e fascista. E por outra banda, o novo mapa de Europa deseñado nos tratados de paz deixa moitas feridas abertas. Conflitos e resentimentos que se agudizarán coa Gran Depresión dos anos trinta e que están na orixe dunha nova e aínda mais sanguenta traxedia mundial.

A Gran Guerra

Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña propoñémosvos acercarvos a este conflito que marcou toda a historia do século XX, a través dos estudos históricos, a novela, a banda deseñada ou o cine. Podedes consultar a guía de lectura a través da seguinte ligazón “Centenario da Primeira Guerra Mundial. Guía de lectura” ou ben premendo no cartel da mostra que compartimos a continuación.

E se botades en falta algunha obra na selección… animámosvos a que compartades con nós as vosas aportacións!!

Cartel os mellores da gran guerra

Pablo Fidalgo no Centro Ágora

O escritor e creador escénico Pablo Fidalgo Lareo (Vigo, 1984) presenta este xoves 16 de outubro ás 20.30 h no Centro Ágora o seu libro de poemas Mis padres: Romeo y Julieta, unha especie de autobiografía familiar en verso que indaga especialmente na cuestión da herdanza moral e psicolóxica que se traspasa de proxenitores a descendentes.

Pablo Fidalgo en Agora

A esta obra lle preceden outras tres, entre as que destacan La educación física (2010), elixida por El Cultural como un dos cinco mellores libros de poesía publicados nese ano en España, e La retirada (2012), Premio Injuve de Poesía.

Ademais da presentación de Mis padres: Romeo y Julieta, teremos a oportunidade de ver a súa performance O estado salvaxe. Espanha 1939 o venres 17 de outubro ás 20.30 h, tamén no Centro Ágora.

O estado salvaxe  xurde a raíz de moitas conversacións coa súa avoa e forma parte dun proxecto de investigación co que Fidalgo Lareo busca recuperar a historia dos seus avós. A través de imaxes en Super 8, gravadas polo seu avó dende os anos 50 ata os 80, cóntanos a historia da familia e, ao mesmo tempo, a historia de España dende a Guerra Civil ata os nosos días.

Se queredes descubrir un chisquiño mais sobre Pablo, o seu proxecto e a súa historia, non deixedes de pasar polo Ágora este xoves 16 e venres 17.

Novo club de lectura no Ágora

Dicía o escritor arxentino Jorge Luis Borges (1899 – 1986) que a lectura é unha das formas de felicidade e dende as Bibliotecas Municipais da Coruña non podemos estar mais dacordo con tal afirmación.

A lectura permítenos viaxar a través do tempo, do espazo, de personaxes… e un club de lectura ofrécenos a posibilidade de compartir ideas, experiencias e opinións. Pero sobre todo… compartir unha paixón, a lectura!!

Este curso na Biblioteca Municipal Ágora imos poñer un novo club de lectura de adultos en marcha, que se reunirá os mércores pola tarde en horario de 19.00 a 20.30.

Club de lectura mercores Agora

Animámosvos a que vos anotedes e participedes!! E para ir abrindo boca… compartimos con vós unha marabillosa curtametraxe de animación que conta unha historia de amor polos libros e pola lectura: The fantastic flying of Mr. Morris Lessmore. Dirixida por William Joyce e Brandon Oldenburg, esta curta recibiu no ano 2011 o Óscar á mellor curtametraxe de animación.

Libros para soñar

Dicía o célebre escritor Roald Dahl (Llandaff, 1916 – Oxford, 1990):

Por riba de todo, mira con ollos curiosos este mundo que nos rodea, porque os mais grandes segredos están sempre ocultos nos lugares mais pequenos. Aqueles que non cren na maxia endexamais a atoparán“.

Cando eramos pequenos atopar maxia en cada recuncho e asombrarnos da beleza do mundo que nos rodea era tarefa doada. Incluso deixábamos voar a nosa imaxinación e construír novos mundos semellaba posible. Sen embargo, a medida que crecemos e a nosa apretada axenda de adultos nos absorbe, abandonamos nalgún momento a nosa capacidade de soñar, de imaxinar e de asombrarnos ante as pequenas marabillas. Por este motivo, quero compartir convosco cinco libros que aínda sendo infantís, son de lectura recomendada para adultos, tanto pola temática que abordan -invitando á reflexión- como polas ilustracións -que son obras de arte en si mesmas.

Escucho, miro

Escucho, miro / Cosettta Zanotti ; ilustracións de Cristiana Cerreti. Barcelona: Sleepyslaps, 2011.

En moitas ocasións na nosa vida miramos sen observar e oímos sen escoitar.

Esta obra é un poema visual que invita a escoitar e observar as pequenas cousas de cada día, a prestar atención ás nosas propias emocións e sentimentos e … a sentir.

Miro las pequeñas cosas,

las escucho y entiendo que …

¡son grandes!

Dreaming

Dreaming = La semilla de los sueños / Isabella Grott, ilustracións ; Gianlucca Rossi, texto. Valencia: Legua, 2012.

Un álbum ilustrado infantil que nos permite reflexionar sobre o que significa soñar e que nos desvela o misterio para non perder nunca esa capacidade ao longo da nosa vida.

Otros me han dicho que …

para hacer brotar la flor más de 100 veces debemos SENCILLAMENTE SEGUIR SIENDO NIÑOS

Dentro de mi imaginacionDentro de mi imaginación / Marta Arteaga ; ilustrado por Zuzanna Celej. Madrid: Cuento de Luz, 2012.

A imaxinación é unha arma moi poderosa que nos permite crear novas realidades e viaxar a lugares descoñecidos. Esta obra anímanos a abrir a porta á nosa imaxinación e descubrir que hai tras dela.

Medalla de ouro na categoría de Mellor Álbum Ilustrado Infantil nos Living Now Boook Awards e primeiro premio nos International Latino Book Awards pola ilustración de portada.

Mi imaginación es como un mar de pensamientos que se deslizan flotando en el agua. Gotas que resbalan y contienen mis ideas, y se hacen reales al mirarlas

A nena a que non deixaban ser felizA nena á que non deixaban ser feliz / Luz Beloso, ilustracións ; Miguel Ángel Alonso Diz, texto. Vigo: A Porta Verde do Sétimo Andar, 2013.

Un libro infantil de lectura case obrigada para adultos, e digo case porque, utilizando palabras de Jorge Luis Borges, a lectura debe ser unha das formas de felicidade e non se pode obrigar a ninguén a ser feliz.

Ilustracións dunha beleza incomparable e un texto marabilloso que invita a reflexionar sobre a importancia de ser un mesmo, de expresarse libremente e de reivindicar os soños nunha sociedade na que o poder establecido tenta limitar dereitos e liberdades.

A INFELICIDADE. E non hai muros o suficientemente altos nin morte tan horrible como o feito de existir nas sombras dun mesmo, na eterna negación da alma. Ningún home ou muller é quen de coutar que pode facer ou non facer unha persoa. Non hai límites aos nosos soños

El arbol rojoEl árbol rojo / Shaun tan. [Cádiz]: Barbara Fiore, 2007.

Hai días nos que a desesperanza se apodera de nós e comezar o día parece misión imposible.

Esta obra, a través dunhas imaxes tremendamente expresivas e un texto breve pero profundamente poético, permítenos realizar unha viaxe polas emocións e sentimentos, deixándonos unha mensaxe de superación e optimismo.

Premio Patricia Wrightson nos NSW Premier’s Book Awards e premio le Prix Octogones 2003 do Centre International d’Études en Litterature de Jeunesse.

A veces el día empieza vacío de esperanzas y las cosas van de mal en peor…

Día das Letras Galegas 2014

O vindeiro 17 de maio, como cada ano, celébrase o Día das Letras Galegas e nas Bibliotecas Municipais xa temos preparada toda unha programación arredor deste festexo.

A figura homenaxeada este ano é o poeta Xosé María Díaz Castro, sobre o que podedes consultar mais información sobre a súa vida e a súa obra na Guía de lectura elaborada pola Biblioteca Municipal de Estudos Locais.

O poeta Díaz Castro

Ademais de distintas mostras bibliográficas organizadas nas nosas bibliotecas que abarcan a obra do autor homenaxeado, contamos coa wiki “Os mellores da lingua”, na que recollemos unha selección da nosa literatura en base a criterios de calidade e diversidade. A selección tamén a podedes consultar na guía de lectura Os Mellores da Lingua, que acompaña á mostra e podedes consultala e/ou descargala da nosa conta en Calameo. Animámosvos a que compartades con nós os vosos imprescindibles para ir enriquecendo a nosa selección.

Os mellores da lingua

Tamén organizamos unha serie de actividades para celebrar as Letras Galegas nas nosas bibliotecas e que complementan as mostras e a wiki:

— XOGOS LITERARIOS interactivos a cargo do colectivo Tinta Bacanal, na Biblioteca Municipal Os Rosales, o 13 de maio ás 19.00.

Xogos literarios

— RECITAL POÉTICO  “Con dez poemas por barba” da man de Lucía Aldao e María Lado, na Biblioteca Municipal Ágora o venres 16 de maio ás 19.00.

— SESIÓN DE CONTACONTOS “O neno e a estrela” da man de Fabaloba, na Biblioteca Municipal Ágora o luns 19 de maio ás 18.30. A sesión está orientada a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 9 anos e para asistir é preciso inscribirse previamente, hai un total de 30 entradas que se reparten de forma presencial no mostrador da biblioteca ata esgotar prazas.

— PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “Os camiños esquencidos” realizado polo alumnado do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, na Biblioteca Municipal Ágora o martes 20 de maio ás 16.30. Contaremos coa presencia do alumnado que elaborou o documental, así como tamén alumnos e alumnas de institutos convidados.

E ademais…

PHOTOCALL #m8mepresta na Biblioteca Municipal Ágora. Os días 14, 15 e 16 de maio en horario de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 podedes fotografiarvos cos libros e os lemas literarios que mais vos presten. Animámosvos tamén a que compartades con nós en redes sociais os motivos polos que vos presta ler na nosa lingua e os vosos lemas literarios preferidos, baixo o hashtag #m8mepresta.

Photocall m8mepresta

SORTEO DE LIBROS EN GALEGO na Biblioteca Municipal do Fórum. Do 8 ao 19 de maio con cada préstamo dun libro en lingua galega entregarase un boleto para participar nun sorteo dun lote de libros da literatura galega que terá lugar o luns 19 de maio ás 17.00. Temos preparado un lote de libros para os lectores adultos e dous para os máis pequenos, así que… animádevos a participar!!!