Día das Letras Galegas 2014
O vindeiro 17 de maio, como cada ano, celébrase o Día das Letras Galegas e nas Bibliotecas Municipais xa temos preparada toda unha programación arredor deste festexo.
A figura homenaxeada este ano é o poeta Xosé María Díaz Castro, sobre o que podedes consultar mais información sobre a súa vida e a súa obra na Guía de lectura elaborada pola Biblioteca Municipal de Estudos Locais.
Ademais de distintas mostras bibliográficas organizadas nas nosas bibliotecas que abarcan a obra do autor homenaxeado, contamos coa wiki “Os mellores da lingua”, na que recollemos unha selección da nosa literatura en base a criterios de calidade e diversidade. A selección tamén a podedes consultar na guía de lectura Os Mellores da Lingua, que acompaña á mostra e podedes consultala e/ou descargala da nosa conta en Calameo. Animámosvos a que compartades con nós os vosos imprescindibles para ir enriquecendo a nosa selección.
Tamén organizamos unha serie de actividades para celebrar as Letras Galegas nas nosas bibliotecas e que complementan as mostras e a wiki:
— XOGOS LITERARIOS interactivos a cargo do colectivo Tinta Bacanal, na Biblioteca Municipal Os Rosales, o 13 de maio ás 19.00.
— RECITAL POÉTICO “Con dez poemas por barba” da man de Lucía Aldao e María Lado, na Biblioteca Municipal Ágora o venres 16 de maio ás 19.00.
— SESIÓN DE CONTACONTOS “O neno e a estrela” da man de Fabaloba, na Biblioteca Municipal Ágora o luns 19 de maio ás 18.30. A sesión está orientada a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 9 anos e para asistir é preciso inscribirse previamente, hai un total de 30 entradas que se reparten de forma presencial no mostrador da biblioteca ata esgotar prazas.
— PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “Os camiños esquencidos” realizado polo alumnado do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, na Biblioteca Municipal Ágora o martes 20 de maio ás 16.30. Contaremos coa presencia do alumnado que elaborou o documental, así como tamén alumnos e alumnas de institutos convidados.
E ademais…
— PHOTOCALL #m8mepresta na Biblioteca Municipal Ágora. Os días 14, 15 e 16 de maio en horario de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 podedes fotografiarvos cos libros e os lemas literarios que mais vos presten. Animámosvos tamén a que compartades con nós en redes sociais os motivos polos que vos presta ler na nosa lingua e os vosos lemas literarios preferidos, baixo o hashtag #m8mepresta.
— SORTEO DE LIBROS EN GALEGO na Biblioteca Municipal do Fórum. Do 8 ao 19 de maio con cada préstamo dun libro en lingua galega entregarase un boleto para participar nun sorteo dun lote de libros da literatura galega que terá lugar o luns 19 de maio ás 17.00. Temos preparado un lote de libros para os lectores adultos e dous para os máis pequenos, así que… animádevos a participar!!!
Posted on 13 Maio, 2014, in A biblioteca recomenda, Novas and tagged Dia das Letras Galegas, dia de las letras gallegas, letras galegas, letras gallegas, m8mepresta, xose maria diaz castro. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0