Os mellores de… A Gran Guerra
Co gaio do centenario da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), tamén coñecida como Gran Guerra, na sala de adultos da Biblioteca Municipal Ágora organizamos unha mostra bibliográfica sobre esta temática que abarca dende libros informativos ata novelas e material audiovisual.
Nunca antes unha guerra afectara a tanta xente en tantos lugares. Os avances da Revolución Industrial aplicados á guerra aumentaron o número de vítimas, que se contaron por millóns. Os enfrontamentos esténdese dende o Pacífico ata o Atlántico, de Rusia ao sur de África, pero será Europa o principal escenario dos combates. O vello continente derrubarase e precisará toda unha década para recuperarse. Perderá para sempre a súa posición hexemónica fronte a novas potencias.
E co fin da Gran Guerra non rematan os problemas de Europa. A crise económica prolongarase durante os primeiros anos 20. Xurden os totalitarismos comunista e fascista. E por outra banda, o novo mapa de Europa deseñado nos tratados de paz deixa moitas feridas abertas. Conflitos e resentimentos que se agudizarán coa Gran Depresión dos anos trinta e que están na orixe dunha nova e aínda mais sanguenta traxedia mundial.
Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña propoñémosvos acercarvos a este conflito que marcou toda a historia do século XX, a través dos estudos históricos, a novela, a banda deseñada ou o cine. Podedes consultar a guía de lectura a través da seguinte ligazón “Centenario da Primeira Guerra Mundial. Guía de lectura” ou ben premendo no cartel da mostra que compartimos a continuación.
E se botades en falta algunha obra na selección… animámosvos a que compartades con nós as vosas aportacións!!
Posted on 22 Outubro, 2014, in A biblioteca recomenda, Novas and tagged #recomendamosbmc, biblioteca municipal agora, bibliotecas municipais da coruña, gran guerra, mostras, muestras, os mellores, primeira guerra mundial, primera guerra mundial. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0