Author Archives: Antonio Picallo

Premios Xerais

Marcos Calveiro obtivo a XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil por Palabras de auga. Mentres que a XXIX edición do Premio Xerais de Novela correspondeu a María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, autores de Tonas de laranxa, obra presentada baixo o lema «Pouso da Arcai». Ambos os dous premios foron outorgados por unanimidade de cada un dos xurados. Os ditames déronse a coñecer na Illa de San Simón nunha cerimonia, conducida por Celia Torres, na que actuou como mantedora literaria a escritora Marilar Aleixandre e Xurxo Souto como músico convidado.

Os membros do xurado do Premio Xerais de novela 2012, no ditame que elaboraron sobre Tonas de laranxa salientaron que «sen menoscabo para as excelentes novelas presentadas a este premio, tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento, feito que deu como resultado unha rapida elección por unanimidade. Non hai dúbida de que os membros do xurado quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral para dar lugar a unha novela fermosa».

A obra de  Marcos Calveiro,  premiada co Premio Merlín, narra a aventura iniciática de Amadou, un rapaz suahili que pertence a un clan de nómades. A obra, sólida e perfectamente estruturada, está construída a través de continuos flashbacks que van artellando a historia. Segundo os membros do xurado «os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia».

Tedes máis información da nova na renovada web da Editorial Xerais.

Letras Galegas 2012

Os premios da edición

O gremio editorial galego celebrou este venres día 9 en Compostela a VII Noite da Edición de Galicia-Premios Ánxel Casal, unha gala na que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido do libro, a súa creación, edición e comercialización. No acto entregáronse os Premios da Edición correspondentes ó ano 2011.

Premiados:

  • Premio Francisco Fernández del Riego, Xesús Couceiro e a súa emblemática librería.
  • Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción,  Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Xerais.
  • Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción, Obra  Gráfica de Conde Corbal, de Varios,  editado por Nova Galicia Edicións.
  • Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro,  Poesía completa. de Loís Pereiro, editado por Edicións Xerais.
  • Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil,  Xa me tardan eses magos,  de Mamá Cabra, editado por Editorial Galaxia.
  • Premio Lois Tobío ao Libro traducido, Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, editado por Edicións Xerais.
  • Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado, Contos por teléfono, de Pablo Otero, editado por Kalandraka Editora.
  • Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ó libro educativo, As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo.
  • Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora, Xavier Queipo.
  • Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial, Transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e caracois.
  • Premio Edición Histórica 2012 .  XXV aniversario de Andavira Editora.

Podedes ampliar información da nova nas edicións electrónicas do Praza.com e La voz de Galicia

Barómetro de hábitos de lectura, 2011

Esta semana a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) fixo públicos os resultados do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros, 2011.
Este Barómetro, que vén publicando de forma anual pola FGEE desde o ano 2000, axúdanos no coñecemento do perfil actual dos lectores españois, e a súa evolución ao longo do tempo, tanto para a lectura en formato analóxico (lectores de libros, xornais, revistas e cómic), como a partir de 2010 para a lectura en formato dixital (webs, blogs, foros, prensa, revistas, libros).
Ademais, contén un apartado de especial interese sobre asistencia e uso de bibliotecas, que este ano 2011 inclúe como novidade a valoración que os usuarios fan das bibliotecas ás que acoden, obtendo as bibliotecas españolas unha puntuación media de notable alto ( 7,8).
A estes datos engádense outros que tamén poden axudarnos a coñecer un pouco máis ao usuario das nosas bibliotecas como son a compra de libros e o uso de internet.

Nota de prensa

Informe completo

Imma Monsó gaña o Premio Ramón Llull

A escritora Imma Monsó gañou a XXXII edición do Premio das Letras Catalás Ramon Llull coa novela La dona veloç. O galardón outórgano Editorial Planeta e a Fundación Ramon Llull.

A obra premiada é unha orixinal mirada ao gran “dano” contemporáneo: a tiranía da inmediatez na maioría de ámbitos das nosas vidas e as dificultades que temos en distinguir o que é “importante” do que é “urxente” .

Imma Monsó publicou a primeira novela en 1996  e que obtivo gran éxito de público e de crítica. A versión castelá, Nunca se sabe, foi galardoada co Premio Tigre Juan 1997. A súa segunda obra, Como unas vacaciones, obtivo en 1998 o Premio Prudenci Bertrana e tamén o Premio Cavall Verd, ao ser elixida pola Asociación de Escritores en Lingua Catalá como a mellor novela de 1998. A terceira novela, Todo un carácter (2001), consolidouna como autora. Publicou os libros de contos Mejor que no me lo cuentes (Premio Ciudad de Barcelona 2003) e Vamos papá, aquí no nos quieren (2004). En 2006 escribiu Un hombre de palabra, obra extraordinaria que mereceu os premios Salambó, Terenci Moix e Maria Àngels Anglada á mellor novela en catalán do ano. En 2009 publicou Una Tormenta.

Momento ideal para desfrutar algunha das súas novelas nas Bibliotecas Municipais da Coruña:
    

Novo libro de Paul Auster

O último libro de Paul Auster, Diario de Invierno, chegará antes de tempo ás mans dos lectores dixitais. A editorial Anagrama publicará a novela en formato e-book, en primicia mundial o próximo 19 de xaneiro. A última creación do autor estadounidense estará dispoñible en papel nas librarías, o próximo 1 de febreiro.

O lanzamento de Diario de invierno -no que Auster, un dos grandes escritores estadounidenses contemporáneos, rememora varios episodios da súa vida- faise coincidir co 65 aniversario do autor (o 3 de febreiro) e ten lugar en España varios meses antes de que se publique en Estados Unidos, onde non verá a luz até finais de agosto.

O paso do tempo está moi presente neste novo libro, no que o autor rememora tamén aos seus pais, unha presentación en Arles acompañado polo seu admirado Jean-Louis Trintignant, a súa estancia en París, unha lista comentada das 21 habitacións nas que viviu ao longo da súa vida até chegar á súa actual residencia en Park Slope, os seus ataques de pánico ou as viaxes.

AS NOVELAS MÁIS PRESTADAS DO 2011

                        

Premio Goncourt 2011

O escritor francés Alexis Jenni gañou coa súa primeira obra “L’Art français de la guerre” o Premio Goncourt de literatura 2011.
De 48 anos de idade e profesor de bioloxía na cidade francesa de Lyon, Jenni era un dos grandes favoritos para recibir este ano o que é o premio literario máis prestixioso de Francia. Na súa obra, Jenni ofrece un fascinante fresco que cuestiona o legado das guerras coloniais en Indochina e Arxelia.

Jenni sucede ao polémico escritor Michel Houellebecq, quen recibiu o ano pasado o Goncourt pola súa quinta novela, “La Carte et le territoire”.

O segundo premio literario de Francia, o Renaudot, que se anuncia todos os anos na mesma cerimonia do Goncourt, no restaurante Drouant, foi atribuído ao escritor, guionista e realizador Emmanuel Carrere polo seu libro “Limonov”.  Nesa obra, Carrere fai o retrato de Eduard Limonov, quen foi vagabundo en Nova York, escritor de moda en París e fundador do partido ultranacionalista en Rusia.

Na Biblioteca Forum Metropolitano aproveitamos esta ocasión para destacar os autores premiados co Goncourt en edicións anteriores. Imos dende autores como Houellebecq, Druon, Rahimi,  Jonathan Littell ata Marcel Proust.

XXIX Premio Herralde de Novela

O escritor arxentino Martín Caparrós gañou o XXIX Premio Herralde de Novela, que concede a editorial Anagrama, cunha obra sobre a relación dos homes coa morte titulada “Los Living”.

O xurado estaba composto por Salvador Clotas, Paloma Díaz-Mas, Marcos Giralt Torrente, Vicente Molina  Foix e o editor Jorge Herralde.

Los Living narra as vicisitudes dun home cuxa infancia queda marcada pola morte confusa do seu pai e do seu avó e convértese nun adulto fascinado polo tránsito entre a vida e o máis aló.

Martín Caparrós presentouse ao Premio Herralde de Novela, que está dotado con 18.000 euros, co pseudónimo de Alberto de Santos e mostrouse moi satisfeito de entrar a formar parte da “prestixiosa” lista de galardoados co mesmo.

Ocasión única para acercarse ás Bibliotecas Municpais da Coruña para ler algunhas das obras premiadas en anos anteriores e próximamente a obra de Caparrós que sairá á venda nas seguintes semanas.

Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural

     

As editoriais Ediciones Salamandra e Libros del Zorro Rojo han obtido ex aequo o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural correspondente ao ano 2011. O Premio, que concede o Ministerio de Cultura, ten por obxecto distinguir o conxunto do labor editorial dunha persoa física ou xurídica que destacase pola súa achega sobresaliente e innovadora á vida cultural española durante 2010. Ten carácter honorífico e, por iso, sen dotación económica.