Día do libro 2023: un libro ao teu carón
Chega abril e con el unha das nosas celebracións máis queridas: o Día do Libro. Este ano, máis que nunca, queremos ser o epicentro da festa nos barrios e poñer os libros ao teu carón, e para iso temos preparada unha proposta fantabulosa que se suma á nosa programación habitual, concentrada na semana previa ao 23 de abril: obradoiros creativos, roteiros e encontros literarios, lecturas en voz alta, agasallos… e libros, moitos libros!

Baixo o lema “Un libro ao teu carón: festa do libro 2023“, as bibliotecas municipais organizan un completo calendario para celebrar o Día do Libro, a semana previa ao 23 de abril, permitindo participar á veciñanza dos seus barrios en roteiros, obradoiros ou conversas con persoas que teñen moito que dicir dos libros.
Seguro que xa coñeces os nosos programas de contacontos e promoción lectora para crianzas de 0 a 7 anos, os clubs de lectura e de divulgación científica, os encontros para familias, etcétera. Se a iso sumamos todas as actividades extraordinarias da semana, xa temos a festa feita!
O calendario completarase con mostras de temática variadas en cada biblioteca, que teñen como denominador común achegar á cidadanía curiosidades literarias e a diversidade do libro, e coa solta de libros nos barrios, preto das bibliotecas, durante toda semana. Estes “libros libres” levarán unha tarxeta para que a persoa que os atope poida compartir o instante nas redes sociais, o que virá dar máis sentido, incluso, ao lema escollido: levar “un libro ao teu carón”. E é que, ao noso través, o libro, este abril, toma os barrios!
Solta de libros
Queremos que os libros saian dos nosos andeis e paseen polos nosos barrios! Por iso, a partir do luns 17, cada biblioteca liberará lotes de libros variados nos seus arredores, que estarán identificados con etiquetas e tarxetas onde se explicará a dinámica desta solta simbólica das palabras, facendo do barrio enteiro unha biblioteca. Avisaremos a través de pistas nas nosas redes sociais de onde e cando buscalos.
Quen atope algún destes libros, pode quedar con el, levalo para a casa, lelo e despois volver deixalo en calquera lugar para que outra persoa o recolla e poida gozar con el. Animamos á veciñanza a compartir a súa foto co libro libre xunto co cancelo #unlibroaoteucarón e citando a @bibcoruna en Instagram ou Twitter.
Mostras bibliográficas: a diversidade do libro
BIBLIOTECA | MOSTRA | DESCRICIÓN |
DURÁN LORIGA | Libros para aprender | Libro informativo atractivo |
SAGRADA FAMILIA | Libros para ver e desfrutar da pintura | Libros de arte para todas as idades |
CASTRILLÓN | Libros que falan de libros | Libros metaliterarios |
FÓRUM | Libros belidos | Libros de edicións coidadas e de luxo |
ESTUDOS LOCAIS | A Coruña, escenario literario | Libros ambientados na Coruña |
ROSALES | Emoción, intriga e dor de barriga | Libros de intriga e misterio |
MONTE ALTO | Libros con vida | Libros biográficos |
Actividades nas bibliotecas (do luns 17 ao sábado 22)
Para nenos e nenas de +8 anos:
- Obradoiro de relato exprés con Andrea Barreira (Biblioteca Durán Lóriga, martes 18, 18:00 h)
- Obradoiros de cómic con Santy Gutiérrez (Biblioteca Monte Alto, mércores 19, 18:00)
- Obradoiro de cómic con Yago García Rodríguez ( Biblioteca Agora, venres 21, 18:00 h)
- Obradoiro creativo “Contos, cubismo e artista do vangardismo” coa A.C. Mirlotil (Biblioteca Sagrada Familia, sábado 22 , 11:00 h)
Para a mocidade:
- Obradoiro de escrita con Lúa Mosquetera (Biblioteca Durán, mércores 19, 18:00)
- Obradoiro de escrita con Lúa Mosquetera (Biblioteca Os Rosales, venres 21, 18 h)
Para persoas adultas:
- Lecturas en voz alta con participación clubs de lectura (Biblioteca Ágora, martes 18 pola tarde)
- Roteiro Literario polas figuras literarias da cidade (Biblioteca Durán Lóriga, xoves 20, 17:30 h)
- A Coruña escenario literario: encontro con Manuel Rivas (adiada a data orixinal; anunciaremos nova data en breve)
Posted on 17 Abril, 2023, in Efemérides, Novas, Xeral and tagged dia del libro, dia do libro, un libro ao teu carón. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0