Fariña, de Nacho Carretero

Nos clubs de lectura das bibliotecas de Estudos Locais e Monte Alto tivemos o pracer de ler Fariña, de Nacho Carretero, no pasado curso.

Versión en galego e versión en castelán do libro de Nacho Carretero.

Aínda que o narcotráfico é un tema que a todos e todas nos soaba, o certo é que Fariña nos achegou datos e curiosidades dese mundo que a maioría descoñecía: apelidos, clans, corrupción, nomes, mortes en accidentes que rematan non sendo tal…

Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.

Sinopse de Fariña.

Ademais, algunha persoa asistente ao club vira a serie anos atrás, polo que aproveitamos para falar das adaptacións audiovisuais de libros e para recomendar outras.

Imaxe da serie Fariña, que se pode atopar en Atresplayer e Netflix.

A serie estreouse en Antena 3 o 28 de febreiro de 2018, e unha semana antes, o dia 12, o libro foi retirado da venda de forma cautelar por orde dunha xuíza despois de que o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, denunciara ao autor por suposta vulneración do seu dereito ao honor. O libro colocouse no número un de vendas e a serie conseguiu unha grande audiencia. En xuño dese mesmo ano a xustiza revogou o “secuestro” do libro e, finalmente, en 2021, o caso foi desestimado.

Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é xornalista e traballou nas redacións de varios medios, para despois pasar a ser freelance e escribir para JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo, entre outros. Realizou reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ébola en África, a guerra civil siria, a ola de incendios forestais de 2017 en Galicia ou do seu amado Deportivo da Coruña.

Imaxe sacada do vídeo de VÍCTOR SAINZ | EPV para El País.

Este é un dos poucos ensaios que lemos desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais, pero definitivamente deixou moi bo sabor de boca.

Recomendacións do Club Luns Fórum

Xa hai unhas semanas que o Club dos Luns de Fórum, coma o resto de clubes de lectura da rede, remataron os seus encontros semanais para tomar un respiro e volver con máis azos xa entrado setembro. Pero non queriamos marchar de vacacións sen compartir con vós as nosas últimas lecturas porque calquera delas pode ser unha boa escolla para este tempo de lecer que temos por diante.

Comezamos xaneiro cun prato ben forte, unha das obras das que máis se falou no pasado 2020: Hamnet, de Maggie O’Farrell, editado en castelán por Libros del Asteroide e da que xa deron conta nun post extenso os nosos homólogos de Monte Alto. Aínda así non queremos deixar de resaltar sobre todo a orixinalidade do seu plantexamento tomando certos datos históricos relacionados coa vida familiar de William Shakespeare a partir dos que crea unha historia que se move entre o real e o ficticio onde a que toma verdadeiro protagonista é a muller do afamado escritor e dramaturgo. É un libro orixinal, delicado e sensible que se aínda non o fixestes non debedes deixar e ler. 

Cambiamos de rexistro para seguir cos contos de Estamos en el borde, de Caroline Lamarche. Nove historias sobre o amor, a vida e a morte. Historias que relacionan a humanos e animais para dicirnos que todo está interconectado na natureza e nós formamos parte dela. Recomendámosvos que lle botedes unha ollada á entrevista que Lamarche concedeu a un xornal nacional onde destacamos frases como, “Estamos nun período do planeta ao bordo de algo que pode resultar moi grave pola perda de certas especies, a destrución da natureza… Aínda que, tamén, estamos ao bordo dun cambio que pode ser moi positivo.

Outras das lecturas escollidas foi La anomalía.  Hervé Lle Tellier (París, 1957), gañador do Premio Goncourt 2020, aborda un asunto que desde o mito da caverna de Platón, fixo reflexionar á filosofía e á ciencia. E se nalgún lugar, máis aló do muro das nosas vidas, existen uns dobres de nós mesmos que son máis reais que nós? Quen serían, nese caso, os seres reais e quen as sombras dos orixinais? Como un aviso do que imos ler, no epígrafe inicial da novela de Lle Tellier cítase a  Chuang  Tse: «E eu, que digo que soñades, tamén estou a soñar».

o 10 de marzo de 2021 un  Boeing 787 procedente de París aterra en Nova Iork con douscentos corenta e tres pasaxeiros a bordo, tras un forte tornado de saraiba. Tres meses máis tarde, un avión idéntico, sorprendentemente, o mesmo avión, co mesmo capitán e os mesmos pasaxeiros, será desviado da súa aterraxe no aeroporto Kennedy, e obrigado a tomar terra en segredo na base militar  Fort  MacGuire, por orde das autoridades do  Pentágono. Os douscentos corenta e tres pasaxeiros deste incomprensible avión son a réplica exacta das persoas que aterraron en Nova Iork en marzo. O desconcerto instáurase entre os científicos, os servizos secretos, as forzas armadas, as autoridades relixiosas e altos mandatarios de todo o mundo.

Vai tamén pois a nosa recomendación desta obra que mistura diversos xéneros literarios: o relato de ciencia-ficción, a narración de espionaxe, a historia  policiaca, o ensaio científico, a novela sentimental.

Premio Stanislas ao mellor debut do ano, Premio Fémina dos Estudantes e Premio Georges Brassens son os que conta no seu haber a nosa seguinte lectura, Lo que falta de noche de Laurent Petitmangin. E de quen a crítica dixo cousas coma. 

«Unha primeira novela abafadora, que che persegue moito despois de acabala cun nó na garganta.» Alexandra  Schwartzbrod,  Libération

«Unha obra dunha SENSIBILIDADE e  finura pouco habituais.» Le Monde

O home que narra esta historia perdeu á súa muller e criou aos seus dous fillos o mellor que puido. Son dous rapaces bos e educados que queren ao seu pai tanto como el a eles, aínda que non o expresen a miúdo. Comparten a afección polo  futbol, os recordos sobre a súa nai e o orgullo humilde de clase traballadora. Ata que de súpeto o maior fala cada vez menos, afástase do seu pai e empeza a relacionarse con mozos de extrema dereita.

Coa sensibilidade fráxil e profundamente humana de quen non ten ferramentas para expresar como sente, asistimos ao relato dun amor imperfecto entre un fillo e un pai que non sabe como evitar que o seu mozo énchase de odio. Por que alguén coa vida por estrear pode conter tanta furia? O amor dun pai pode perdoalo todo?

Con esta sinopse a quen non lle entran gañas de lelo?

En Canción dulce de Leila Slimani adentrámonos na vida dun matrimonio con dous fillos pequenos,  Mila de case catro anos e o seu segundo fillo, Adam, que aínda é un bebé.  O pai,  Paul, desenvolve o seu traballo, como produtor musical, sen horarios e con poucas ataduras. Pola contra, a nai,  Myriam, asfíxiase no seu papel como nai e ama de casa e necesita volver ao mundo dos adultos e exercer de novo como unha avogada de éxito.

En canto se lle presenta a oportunidade, non o dubida e decide entón volver traballar no despacho de avogados dun compañeiro de carreira. Para iso pensa en coller unha asistenta que se faga cargo dos nenos durante todo o día. Tanto ela como o seu marido non queren que unha africana ou unha marroquí ocúpense dos seus fillos, pois cren que só lles interesa o diñeiro e non o benestar das criaturas. Por iso, cando aparece Louise, cos seus modais impecables, a súa pel  blanquísima e o seu sorriso franco, experimenta unha especie de  flechazo.

O chamativo da novela é que o final da historia é revelado ao lector xa na primeira páxina: un crime atroz no que as vítimas son dous nenos inocentes.

Namentras estabamos inmersas na lectura de Algúns contos completos recibiamos a triste nova do pasamento do escritor vigués Domingo Villar, quen decía da súa obra “Este libro de contos pretende celebrar a vida e a amizade nun encontro, como nas nosas reunións de amigos, entre os meus pequenos relatos e os marabillosos linogravados de Carlos Baonza”.

E rematamos este ano tan prolífico en lecturas coa xa coñecida por todos Azucre de Bibiana Candia unha novela breve pero intensa que relata a historia de Orestes, o  Tísico, o  Rañeta e  Trasdelrío, o Comido, Tomás o de Coruña na Galicia, 1853. Ese foi inverno máis chuvioso da historia, acabou coas colleitas e unha epidemia de cólera empezou a facer estragos entre a poboación. Por iso os protagonistas xunto ae moitos outros rapaces que suspiraban por  un futuro mellor para eles e as súas familias deciden abandonar os seus fogares e partir rumbo a Cuba para gañarse a vida nas plantacións de cana de azucre. O final non o imos desvelar por se aínda tedes pendente a lectura.

Agardamos que pasedes un bo verán tamén cheo de lecturas e agardámosvos para o novo curso dos clubs de lectura en setembro.

Día das Letras Galegas en Primaletras

Á celebración do Día das Letras Galegas correspóndelle a recta final de Primaletras, e imos con todas este mes de maio! Actividades variadas para todas as idades, para achegarte ás biblios ou desfrutar desde casa, para xogar, para aprender, para gozar e danzar.

Para saber máis polo miúdo de que falamos, só tes que seguir lendo! Toma nota!

EXPOSICIÓN DIXITAL “FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: CONEXIÓN ATLÁNTICA”

CANDO E ONDE: Desde o 1 de maio na web das bibliotecas municipais da Coruña.

Este ano, o homenaxeado é Florencio Delgado Gurriarán, verba galega*, poeta, activista cultural, editor de palabras, exiliado en terras mexicanas desde o seu Córgomo natal, corgomófilo infindo**.

O recoñecemento a Florencio Delgado Gurriarán “non se limita a un autor literario ou a unha figura do galeguismo, nin sequera ao exilio mexicano, senón a todos aqueles que, mentres comezaban unha nova vida lonxe da súa terra, se dedicaron a (re)construír a identidade de Galicia como cultura, como pobo e como país” (fragmento da exposición dixital “Conexión Atlántica”).

Ao longo do mes, poderás visitar de forma virtual a exposición dixital “Florencio Delgado Gurriarán: Conexión Atlántica”. Se vas ás bibliotecas, verás un panel co código de acceso, pero desde xa podes acceder picando na ligazón que achegamos:

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: CONEXIÓN ATLÁNTICA

Exposición dixital “Florencio Delgado Gurriarán: Conexión Atlántica”

*Verba galega era parte do título dunha das revistas que editou, e ben podía definilo a el mesmo.

**O pseudónimo Korgomófilo foi empregado por Florencio D. G., e neste binomio quixemos unilo á súa obra Galicia infinda.

ESCAPE ROOM “O LADRÓN DOS LIBROS DE FLORENCIO”

CANDO E ONDE

Para rapazas e rapaces a partir dos 8 anos e ata os 16 (comproba as idades, porque dependen de cada biblioteca), quixemos que coñecer máis a Florencio fose tamén unha aventura.

“O ladrón dos libros de Florencio” é un Escape Room que, da man de Clue Hunter, presenta un reto, e só unha hora, que obrigará a pór a proba a agudeza mental e os coñecementos sobre o autor de Córgomo para acadalo. Poderemos descubrir, entre a lista de terribles sospeitosos, quen robou os libros de Florencio?

O xogo de Escape Room está producido por Clue Hunter

CONVERSA CON MARÍA REI VILAS ARREDOR DE “FLORES DE FERRO”

CANDO E ONDE: 10 maio, 18:30 h. / Biblioteca Rosales

Tras a lectura de “Flores de ferro” de María Rei Vilas, novela gañadora do Premio García Barros 2020, os clubs de lectura “Café con libros” terán unha conversa coa escritora arredor do libro, das múltiples historias que contén e do seu proceso creativo, nun encontro aberto a calquera persoa interesada no tema.

María Rei Vilas (A Laracha, 1964) é profesora de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Agra de Leborís, da súa localidade natal. Autora de libros de texto e guías didácticas relacionadas co ensino da bioloxía e a xeoloxía, “Flores de ferro” é a súa primeira novela.

Capas da novela “Flores de ferro” editada por Galaxia

CONFERENCIA “FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN NO EXILIO GALEGO EN MÉXICO”, POR RAMÓN VILLARES

CANDO E ONDE: 11 maio, 19 h. / Biblioteca de Estudos Locais

O historiador Ramón Villares estará connosco para impartir a conferencia “Florencio Delgado Gurriarán no exilio galego en México”, na que profundará na figura do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas e no exilio propiciado pola represión franquista.

Tras a conferencia, desfrutaremos dunha regueifa na que rivalizarán en enxeño Xurxo Souto e Manuel Maseda a partir do poema de Gurriarán Galicia infinda.

Co gallo das Letras Galegas para Florencio D.G., reeditouse a súa obra “Galicia infinda”, onde podemos ler o poema do mesmo nome.

Ramón Villares Paz (Cazás-Xermade, 1951) é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e Membro Numerario da Real Academia Galega. Pertence aos patronatos do Museo do Pobo Galego, da Fundación Luis Seoane, da Fundación Otero Pedrayo e da Fundación Juana de Vega. Foi Presidente do Consello da Cultura Galega, desde 2006 a 2019. Entre as súas publicacións destacan Identidade e afectos patrios (Galaxia, 2017), Premio Mondoñedo 10 ao Mellor Ensaio da Década, ou Exilio republicano y pluralismo nacional: España, 1936-1982 (Marcial Pons, 2021).

CONCERTO AGORASÓN PRIMAVERA CON LUAR NA LUBRE

CANDO E ONDE: 21 maio, 21 h. / Auditorio do Centro Ágora

Organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, o Concerto AgoraSón Primavera con Luar na Lubre poñerá o ramo perfecto, coa fabulosa música do grupo coruñés, a un marabilloso Primaletras que achegou á cidade o mellor da literatura local e galega na actualidade.

Luar na Lubre protagoniza o AgoraSón Primavera desta edición

Os convites para asistir repartiranse nas bibliotecas a partir do luns 16 de maio. Entregaranse un máximo de dous convites por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña (até esgotárense) ao coller libros ou outro material en galego para os levar en préstamo.

Faranse dúas quendas de reparto: en horario de mañá e horario de tarde.

  • Horario de mañá: a partir das 9.00 h, salvo na Biblioteca de Durán Loriga, que será a partir das 12.00 horas.
  • Horario de tarde: a partir das 16.00 h, agás no Punto de Servizo de Mesoiro, que será a partir das 17.30 horas.

Mentres escribimos estas liñas na recta final de Primaletras xa comezamos a atesourar os momentos vividos! Ademais, para revivilos, sempre podemos repasar a guía de lectura do festival, a un só clic de distancia.

Guía de lectura en Calaméo

Felices Letras Galegas en Primaletras!

Día do Libro en Primaletras

Abril é o mes do libro por excelencia. Comeza o día 2, coa celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil, e remata o 23, coa festa do Libro. Pero, como é sabido, este ano na Coruña celebramos unha primavera enteira dos libros e das letras, de marzo a maio: Primaletras!

Con todo, cada celebración concreta ten o seu espazo na programación xeral e velaquí que o Día do Libro reclama o seu lugar nesta estación literaria.

Comezamos animando as rúas e bibliotecas o venres 22 e o sábado 23 de abril co Batallón Literario, e seguiremos coa presentación do libro “Azucre”, de Bibiana Candia, o 26 de abril na Biblioteca Rosales. O ramo ao Día do Libro será o encontro con Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa, o 4 de maio no auditorio do Centro Ágora.

Pero lembra que Primaletras non remata aquí! Aínda queda moita primavera…

Folleto de programación en Calaméo

E de que vai cada un deses eventos programados para o Día do Libro?

BATALLÓN LITERARIO

Cando e onde: 22-23 abril / Todas as bibliotecas

O Batallón Literario da man de Nelson Quinteiro Producciones percorrerá os barrios e as rúas da cidade co seu espectáculo para celebrar o Día do Libro. 

Trátase dun espectáculo a modo de pasarrúas itinerante con música en directo que une unha posta en escena moi coidada cunha interpretación que reivindica a exaltación poética, a partir de textos coidadosamente escollidos presentes na literatura galega e na tradición oral de Galicia.

Seis actores e actrices caracterizados de escritor@s acompañados por un acordeonista percorrerán as rúas e prazas a golpe de versos, facendo improvisacións, agasallando poemas, recitando, escribindo versos no chan, bailando e interactuando cos  e coas viandantes.

Horas e lugares por onde pasará o Batallón Literario

Atopa a música de Nelson Quinteiro nas bibliotecas.

ENCONTRO CON BIBIANA CANDIA

Cando e onde: 26 abril, 18:30 h. / Biblioteca Rosales

Encontro coa xornalista e escritora coruñesa Bibiana Candia, quen recibiu varios premios polo seu labor xornalístico, arredor da súa obra “Azucre”.

“Azucre”, de Bibiana Candia

Azucre é o relato novelado da auténtica historia de mil setecentos mozos que viaxaron a Cuba para traballar e terminaron vendidos como escravos por obra de Urbano Feijóo de Sotomayor, un galego afincado na illa que, aproveitando a situación de necesidade dos seus compatriotas, promoveu unha campaña de colonización branca e substitución da man de obra levada desde África.

Atopa o libro “Azucre” nas bibliotecas.

ENCONTRO CON XESÚS FRAGA

Cando e onde: 04 maio, 18:30 h. / Auditorio do Ágora

Encontro con Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2021 por “Virtudes (e misterios”), cos clubs de lectura das bibliotecas municipais e todas as persoas interesadas. Modera o acto Lorena Gómez e acompañan ao autor Antía Yáñez e Luisa Lis.

“Virtudes (e misterios)”, de Xesús Fraga

En 1955, un pobre zapateiro emigra a Venezuela coa ilusión de regresar transformado nun rico indiano. Pero, tras varios anos sen novas del, a súa muller decide emigrar tamén, pero en dirección oposta: a Inglaterra. Xesús Fraga, neto dese malogrado matrimonio de emigrantes, reconstrúe as súas vidas e a convivencia coa soidade, o desarraigo e a inquedanza das preguntas sen resposta.

Atopa o libro “Virtudes (e misterios)” nas bibliotecas.

Bota un ollo á guía de lectura do Festival Primaletras se quedas con ganas de que che recomendemos máis libros!

Guía de lectura en Calaméo

Visita de Berta Dávila: un carrusel de emocións e aprendizaxe.

O pasado mes tivemos a inmensa honra de contar coa visita de Berta Dávila nos clubs de lectura das bibliotecas de Monte Alto e Estudos Locais.

Imaxe do encontro na biblioteca de Estudos Locais

A lectura de Carrusel foi a excusa perfecta para convidar á autora, da que xa leramos O derradeiro libro de Emma Olsen o ano pasado. Ambas novelas gustaron moito aos e ás asistentes aos dous clubs, e deron para debates fondos e reflexións atinadas sobre temas do común nos que moitas veces, por telos sempre ao noso carón, nin nos detemos a pensar.

PREMIO GARCÍA BARROS 2019 // PREMIO DA CRÍTICA ESPAÑOLA 2019  

Unha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.

Sinopse de Carrusel.

Con ela puidemos debullar temas da súa obra tan diversos como a saúde mental, a maternidade, a perda dun ser querido ou a soidade. Tamén quixemos saber máis do seu proceso de escrita, de como se organiza para levar a cabo unha novela e mesmo houbo cabida para algunha que outra rexouba sobre os premios literarios. E é que Berta Dávila vén de gañar o Premio Xerais 2021 con Os seres queridos e o Premio Jules Verne 2021 con Un elefante na sala de estar, publicados ambos este mesmo mes. Que unha autora ou autor gañe dous dos tres premios máis prestixiosos que outorga a editorial Xerais só acontecera unha vez en toda a súa historia: na convocatoria de 2009, cando Rosa Aneiros venceu con Sol de inverno (xente adulta) e Ás de bolboreta (xuvenil).

Sen ningunha dúbida, foi unha tarde que todas e todos nós levaremos no recordo. Grazas, Berta!

PrimaLetras: o festival dos libros e das letras

As Bibliotecas queremos ver florecer as letras esta primavera, por iso organizamos o Festival literario e cultural “PrimaLetras” para celebrar na cidade da Coruña todas as efemérides relacionadas co libro e a lectura que se aglutinan nos meses da primavera (marzo/maio), con especial atención ao 23 de abril (día do Libro).

  • 21 de marzo: día da poesía
  • 27 de marzo: día do teatro
  • 02 de abril: día do libro infantil e xuvenil
  • 23 de abril: día do libro
  • 01 de maio: día da banda deseñada
  • 17 de maio: día das letras galegas

Esta primavera encheremos as bibliotecas municipais da Coruña de actividades e eventos como homenaxe ás distintas efemérides que en relación aos libros e as letras teñen lugar de marzo a maio.

O noso obxectivo de dar visibilidade ao talento literario e á efervescencia cultural que vivimos na actualidade e, ao tempo, ofrecer actividades de calidade para as persoas usuarias das bibliotecas municipais que confían no noso traballo e o demostran participando en todas as propostas que lles facemos.

Unha programación dirixida a aprender e pasalo en grande entre libros e historias para poder participar da efervescencia creativa que nos arrodea.

Tomade nota de toda a programación.

23F, Día de Rosalía

Este ano conmemoramos por vez primeira o Día de Rosalía de Castro o 23 de febreiro e non o 24 como viña acontecendo. A nova data consagrouse tras unha reunión de todas as entidades e institucións implicadas na conmemoración da efeméride.
Até o de agora, coñecíase únicamente a partida bautismal de Rosalía, do 24 de febreiro de 1837, e ao ser esta a única proba documental acreditada, dábase por boa esta data para lla asignar ao nacemento da autora. En outubro do pasado ano, a investigadora Sagrario Abelleira fixo público o achado duns documentos que alteraban o que sabiamos sobre Rosalía de Castro: a data de nacemento da escritora situábase grazas a súa pescuda no día 23 de febreiro de 1837, e non no día 24, como até ese momento se pensaba.


Malia todo parece que xa existían algúns indicios que apuntaban ao día 23 de febreiro como a data real do nacemento da autora como por exemplo o de Manuel Murguía, quen no seu Diccionario de escritores gallegos, escribíu que Rosalía naceu en Santiago o 23 de febreiro de 1837.

Póster 23-F DÍA DE ROSALÍA – Un día con estrela (PDF, 592 KB) Da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío


Sexa como for, o pretexto da efeméride foi unha boa ocasión para que no Club dos Luns da Biblioteca Fórum nos achegásemos a vida da prolífica escritora a través da obra “A dama da noite” unha biografía novelada de Rosalía de Castro do escritor coruñés Xavier Seoane e publicada por edicións Laiovento.
A novela transcorre a base de capítulos curtos, e grazas á figura do narrador, Rosalía en primeira persoa, os lectores somos quen de adentrarnos en aspectos vitais e moi persoais da escritora. Ademais, Seoane bota man de recursos como as cartas da poeta e doutros personaxes, os diálogos e a continua sucesión de diferentes voces como outros escritores ou os propios familiares de Rosalía. Elementos narrativos que ao noso parecer conseguen o que pensamos que é a intención primeira do autor, aportar maior grao de verosimilitude aos feitos.
Para quen non a leu e á marxe dunha análise máis profunda, da lectura de “A dama da noite” podemos salientar que nos permitiu coñecer á Rosalía poeta pero tamén á Rosalía muller que soubo relacionarse de igual a igual cos homes nos acontecementos sociais e culturais da época que lle tocou vivir e a que non sempre se lle fai xustiza.

O autor:
Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Escritor, profesor, conferenciante, articulista, comisario de exposicións e organizador cultural, participa desde a década de 1970 na renovación cultural, artística e literaria de Galicia. Formou parte de movementos con artistas plásticos. Foi membro fundador da revista e foro «Luzes de Galiza» e do grupo poético «De amor e desamor». Conta no seu haber cunha extensa obra literaria que podedes consultar no noso catálogo.
En 2021 estréase na colección Merlín de Xerais co libro de poemas infantís «Cancións para Ana Lúa», con ilustracións de Correa Corredoira. Entre outros, recibiu os premios Cidade da Coruña, Esquío, Caixanova, Crítica Española e Espiral Maior. A súa obra está traducida a varios idiomas e foi seleccionada en múltiples antoloxías.

E vós como ides celebrar o #DíadeRosalía? Como anuncian dende a Casa Rosalía de Castro hai centos de actos e iniciativas por todo o país e dende o Club dos Luns sumámonos á iniciativa de celebralo do xeito que máis vos preste: lendo a súa obra, facendo un #caldodegloria ou interpretando unha #AlboradaparaRosalía.

Insolación, de Pardo Bazán. Visita ao pazo de Meirás

Nas pasadas semanas, nos clubs de lectura das bibliotecas de Monte Alto e Estudos Locais tivemos a ocasión de ler Insolación, de Emilia Pardo Bazán. Desfrutamos da súa lectura grazas á marabillosa edición de Reino de Cordelia con ilustracións de Javier de Juan.

Portada da edición de Reino de Cordelia

Cien años después de la muerte de Emilia Pardo Bazán, Insolación sigue siendo una obra divertida, profundamente castiza y muy adelantada en su concepción, de esencia feminista, a la época en la que fue escrita.

Texto da páxina web de Reino de Cordelia.

Asís Taboada, Marquesa de Andrade e protagonista da novela, preséntasenos nas primeiras páxinas cunha forte xaqueca. A través dos seus recordos, vamos descubrindo que pasou e como rematou con resaca unha viúva seria e decente. Neles aparece continuamente Diego Pacheco, un atractivo gaditano do que só ten malas referencias. Pasan o día na feira de San Isidro, onde Asís Taboada bebe máis da conta e remata cunha insolación… ou algo máis?

Os lectores e lectoras podemos asistir ao debate interno da marquesa, que viviu toda a vida segundo os ditados da moral da época, pero que grazas a Diego Pacheco descubre o que é o desexo.

Ao contrario do que acontecía nas novelas da época, nas que os personaxes femininos que amosaban calquera tipo de desexo sexual remataban caendo en desgraza (Madame Bovary, por exemplo), Insolación ten un final feliz, pois Asís Taboada remata casando co home que [sexualmente] desexa. Tal e como din Marilar Aleixandre e María López Sández en Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán:

Que Asís Taboada estea viúva e non casada acaba presentándose, a nivel argumental, como un requirimento para a grande inversión do modelo narrativo co que a obra está en relación intertextual, inversión que consiste, esencialmente, en dar un final feliz á historia da seducción, á plenitude física e gozosa que Asís encontra con Pacheco (…). En Insolación as regras son outras e a historia, que comeza de xeito clandestino, transgresor e pecaminoso, lonxe de rematar en deshonra ou castigo, acaba nunha explosión de ledicia, cun matrimonio que permitirá a continuidade da conexión física dos amantes.

A pesar da visión avanzada da sexualidade feminina nesta novela de Pardo Bazán, moitos dos e das asistentes concordaron en que Insolación non estaba ao mesmo nivel que outros libros da autora como Los pazos de Ulloa ou La tribuna, aínda que si lles resultou entretida.

Para finalizar o ciclo comezado nas bibliotecas da Coruña celebrando o centenario da morte da escritora, tamén tivemos ocasión de visitar “As Torres” de Meirás, que nunca foron un pazo por moito que se empeñase o ditador Franco. Resultou moi interesante a explicación do guía, que respondeu todas as nosas preguntas e nos ensinou pequenos segredos que garda o lugar, coma a casa de “xoguete” da filla do ditador, o patrimonio roubado pola familia Franco ou os detalles que Emilia Pardo Bazán ordenou colocar na casa dos seus soños, deseñada por ela mesma e maila súa nai.

Aquí vos deixamos unha pequena reportaxe fotográfica. Para a reserva de visitas, totalmente gratuítas e grazas ao concello de Sada, débese acceder a esta páxina web.

Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva

Unha das novelas que máis sorprendeu no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais foi a historia que nos relata Inma López Silva no seu Aqueles días en que eramos malas.

Unha monxa, unha puta, unha moza colombiana e unha funcionaria de prisións comparten o módulo de mulleres dun cárcere e viven xuntas encerro, rebelións, lembranzas e emocións.

Así o relata Inma, a escritora que compartiu cela con elas e que non se resiste a vencer a súa incapacidade para escribir contando a vida de cando foron malas, unha historia que, pouco a pouco, se converte na confesión e testamento literario da autora. Aqueles días en que eramos malas é unha novela áxil e emocionante que transita entre a traxedia e a comedia. O cárcere como un mundo descoñecido, situado nas marxes da sociedade e da vida, no que existen víctimas, verdugos e, sobre todo, historias vitais fascinantes. A novela máis ambiciosa de Inma López Silva.

Sinopse de Aqueles días en que eramos malas

Inma López Silva é escritora e crítica teatral, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomada en Estudos Teatrais pola Universidade da Sorbonne Nouvelle. Na actualidade combina a actividade literaria coa docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Tamén é columnista en La Voz de Galicia. Podes ler aquí os seus artigos.

É autora dunha ampla obra literaria que foi recoñecida cos principais premios da literatura galega. Ten escrito relatos (Rosas, corvos e cancións, 2000), ensaio feminista (New York, New York, 2007, Maternosofía, 2013, ou Chámame señora, pero trátame coma a un señor, 2018) e ficción (Memoria de cidades sen luz , 2007; O libro da filla, 2020).

Os e as asistentes do club desfrutaron coñecendo as vivencias das mulleres protagonistas e descubrindo un mundo tan descoñecido para eles e elas: o do cárcere.

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga

Alguén dixo unha vez que a LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) non é só para as idades que veñen marcadas no propio libro, senón que abranguen desde esos anos ata +99.

No club de lectura de Escritores e Escritoras Galegas non podemos estar máis de acordo, e o curso pasado tivemos a inmensa sorte de ler O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.

1933. Aos seus trece anos, Suso é obrigado a pasar o verán nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza por mor da súa mala saúde. No traxecto en tren cara ao seu destino estival, chega ás súas mans un caderno cun misterioso título na cuberta: Liber bestiarium scientificus. Cando Suso decide mergullarse nas súas páxinas, lonxe está de saber que ese intre marcará un verán cheo de aventuras na compaña de Tila, unha rapaza das colonias coa que acabará forxando unha bonita amizade.

Sinopse de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa.

O seu autor, Antonio Manuel Fraga, naceu en Nogueirosa (Pontedeume), pero é Coruñés de adopción. É Enxeñeiro Técnico Industrial, escritor e docente. As súas obras foron gañadoras, entre outros, do xa nomeado Premio María Victoria Moreno, do Premio Merlín de Literatura Infantil (O castañeiro de abril, 2013) e do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil (santoamaro, 2021), ambos de Xerais, ou do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica e do Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria, os dous pola obra Querido H.P. Lovecraft (2016, Urco Editora).

A obra fálanos dun sitio ben coñecido da cidade da Coruña e da súa historia: o hospital de Oza. Para meternos na obra, foinos de moita utilidade buscar fotografías como as que se achegan a continuación.

Imaxes obtidas de https://xxicoruna.sergas.gal e http://personaldelchuac.blogspot.com

Mesturando ficción, fantasía, ciencia e realidade, Antonio Manuel Fraga transportounos a un mundo no que desfrutamos da investigación e a aventura coma auténticas crianzas!

Aquí vos deixamos un vídeo marabilloso onde o propio autor nos fai unha visita guiada polo Sanatorio de Oza e a historia da obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa.

Vídeo-roteiro sobre o desaparecido Sanatorio Marítimo de Oza (A Coruña). Subido por @politicalinguistica.