Arquivo do blog
Lecturas de Café con Libros 2021. Primeira Parte

Nos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales as nosas tertulias seguen a ser virtuais pero continuamos a tecer fíos invisibles que nos unen nunha comunidade, nunha tribo, por así dicilo, que comparte o pracer da lectura.
Abrimos o primeiro trimestre do 2021 coa lectura da obra Volver a casa de Yaa Gyasi. A primeira novela da xove de orixe ghanesa reconstrúe a historia dos seus antepasados desde o África esclavista do século XVIII ata o Estados Unidos do século XX. A idea da obra xorde nunha viaxe que a escritora fai ao seu país de orixe, onde visita o castelo de Costa do Cabo, no que se apiñaban miles de africanos antes de ser vendidos como escravos. O argumento centrase nas personaxes de Effia e Esi, dúas irmás de sangue que nunca chegarán a coñecerse. A obra estrutúrase a través dunha ducia de personaxes, cada un protagoniza un capítulo cun pano de fondo histórico distinto, incluíndo datas e acontecementos de cada período. A través das súas páxinas coñecemos as guerras tribais, a chegada dos misioneiros ao país africano, a lei de escravos fuxitivos de 1850, pasando polas minas nas que tras a Guerra de Secesión os negros cumprían condenas por delitos inventados ; das rúas de Harlem ás aldeas subsaharianas; da epidemia do crack no Nova York dos oitenta, ao nacemento do movemento de independencia na Costa do Ouro. Toda unha leccion de historia.
Esta novela serviunos de catalizador e sen darnos conta entramos de cheo no mes de febreiro, o mes por excelencia no que réndese homenaxe a xeracións de afroamericanos que loitaron contra a adversidade para lograr a plena cidadanía na sociedade estadounidense, o Black History Month. Que mellor maneira de sumarnos a esta celebración que a través dunha mostra bibliográfica, na que poderedes atopar unha coidada selección de novelas, cómics, películas e cds de música que abordan a historia do pobo negro.
Se facemos un pouco de memoria, o mes da Historia Negra – Black History Month – é unha conmemoración anual para homenaxear ás persoas afrodescendentes que, aínda hoxe, sofren o racismo institucional e cotián que impera nalgunhas sociedades desenvolvidas. Actualmente, toma unha relevancia especial co auxe dos movementos sociais, por mor da morte de George Floyd e o movemento Black Lives Matter, onde se busca acabar co racismo e a inxustiza social.
A orixe desta iniciativa remóntase ao 1926, cando Carter G. Woodson instituíu nos EEUU a Semana da Historia dos Negros. Elixiuse a segunda semana de febreiro coincidindo cos aniversarios do presidente Abraham Lincoln e do abolicionista Frederick Douglass. A partir de 1976, a semana inicial ampliouse a todo un mes. Na actualidade, o Mes da Historia Negra conmemórase de maneira oficial en Canadá e Estados Unidos en febreiro e en Irlanda, os Países Baixos e o Reino Unido en outubro.
Seguimos tirando do fío e chegamos ao noso recuncho de #Viaxalendo, un pequeno espazo que reservamos na sala de adultos dedicada á literatura dun país, polas nosas estanterías xa viaxamos a Xapón, Irlanda, India ou Portugal. Desta volta no podiamos deixar de dar voz a unha literatura tan rica pero tan descoñecida como a do continente africano. Desde o norte ao sur. Alí poderedes encontrar obras de J.M. Coetzee (Sudáfrica), Jose Eduardo Agualusa (Ángola), Yasmina Kadra (Alxer), Leila Slimani (Marrocos) e tantos outrxs.
Pechamos o círculo literario deste primeiro trimestre con Arenas movedizas de Nella Larsen. A evocadora primeira novela desta autora (1928), a máis autobiográfica, é a historia dunha muller que vive entre dous mundos lastrado polos prexuízos e o sectarismo. Autora esquecida e reinvindicada por algunhas figuras actuais como Alice Walker, Toni Morrison e Maya Angelou que veñen de rescatar do esquecemento aos artistas do chamado Renacemento de Harlem e, entre eles, á nosa autora, para introducila non xa no canon das escritoras afroamericanas, senón no das autoras estadounidenses de calquera cor.
Non podíamos comezar de mellor maneira este temporada literaria nos clubs de lectura “Café con Libros”!! Non vos parece?
“Viaxes de papel” na Biblioteca Ágora
Se queres organizar a túa viaxe de verán e aínda non escolliches destino…
Se sabes onde ir, pero queres ambientarte antes de partir…
Se na túa mochila son imprescindibles cando menos un par de libros…
Se o teu é viaxar desde o sofá, sen gastar un peso…
… Na biblioteca Ágora ofrecémosche esta selección de cerca de 150 libros que te poden interesar:

Libros de viaxes que chegan a todos os recunchos do mundo: dos territorios mais afastados e exóticos de Oriente ou Oceanía ás cidades máis modernas e trepidantes de Europa ou América do Norte; dos desertos máis agrestes de África ás altas e xélidas latitudes polares; das altas cumes do Everest á impenetrable selva amazónica…
[Podes facer clic nas portadas para +info]
Libros escritos por intrépidos homes e mulleres que lanzándose á aventura penetraron nos lugares máis recónditos e inexplorados do mundo. Novelas sobre grandes expedicións científicas, como a que partiu da Coruña para estender a vacina da varíola por todo o mundo. Relatos dalgúns dos mellores reporteiros do século XX que se achegaron a culturas alleas sempre dispostos a aprender delas…
Narracións de viaxes de recoñecidos escritores e escritoras ávidos de coñecer o mundo que te sorprenderán en outras facetas moi diferentes ás literarias; biografías de mulleres de gran carácter que romperon estereotipos da súa época e viaxaron a lugares moi afastados acadando grandes metas. Cómics que contribúen nas súas viñetas a paixón pola aventura e o afán de coñecer…
José Saramago, Ryszard Kapuscinsky, V.S. Naipaul, Stendhal,Paul Theroux, Agatha Christie, Robert Luis Stevenson, Arthur Conan Doyle, Paul Bowles, Javier Reverte, Beryl Markham, Karen Blixen, Javier Moro,Eduardo Galeano, Roger Casement… son algúns dos autores e autoras representados entre os títulos seleccionados, algúns dos cales poderás atopar na guía de lectura que aquí te ofrecemos
Guía de lectura “Viaxes de papel”
Xa Sabes! Este verán non te quedes sen viaxar:
Sen estrés nin apuros, colas, maletas, atascos… Sen sufrir o jetlag, nin as cancelacións de vós…
A uns minutos da túa casa. No que te leva achegarte á biblioteca podes ir aos lugares máis recónditos do mundo.
Non perdas esta oportunidade!
A Segunda Guerra Mundial na Biblioteca Ágora
A Segunda Guerra Mundial foi o maior conflito bélico da historia. Con mais de sesenta millóns de mortos, estivo marcada por feitos de enorme transcendencia, que incluíron o Holocausto (Shoah en hebreo) e a utilización por primeira vez na historia de armas nucleares.
Esta inmensa traxedia deixou unha fonda pegada no mundo da cultura. A bibliografía sobre o tema é inabarcable e non deixa de medrar: libros de historia, películas, obras literarias… saen constantemente ó mercado para tratar de entender este episodio tan terrible da historia da humanidade.

Na Biblioteca Ágora, dende febreiro ata maio, no espazo Os mellores de … poderedes atopar unha selección de mais de 130 documentos dispoñibles nas nosas bibliotecas que dende diferentes puntos de vista abordan o conflito
Estudos históricos: transcorridos máis de 70 anos dende o fin da guerra, esta continúa a ser obxecto da mirada dos historiadores, que abordan o tema dende novos puntos de vista, do cotiá, do día a día, ou ofrecen novas interpretacións de conxunto baseadas nas fontes documentais, agora accesibles, dos países do leste.
Testemuños das vítimas, que moitas veces en forma de diario deixaron por escrito os terribles acontecementos que truncaron as súas vidas, trasladándonos os seu medos, penurias, e tamén as súas ilusións e esperanzas. Todos eles son unha fonte imprescindible para coñecer o tema e achegarse a el dende o punto de vista das vítimas.
Narrativa: A transcendencia do conflito converteuno nun tema literario de primeira orde, ó que recorrerán unha e outra vez escritores de todo o mundo. Relatos sobre o derrubamento da orde social europea e o ascenso dun novo poder que acabará levando a Europa e a todo o mundo ó maior dos conflitos da historia. Historias sobre o holocausto, inquietantes, aterradores, que nos achegan ás zonas mais escuras da alma humana. Sempre flotando no aire a pregunta sen resposta de Como foi posible que sucedese todo isto? Nestes últimos anos, o nazismo e a Alemaña nazi convértense tamén no marco de novelas de intriga e aventura que, sen afondar nas razóns do conflito, veñen a confirmar o profunda pegada que estas páxinas da nosa historia deixaron na cultura occidental.
Documentais: As melloras técnicas no mundo do cine, o interese dos exércitos con fins propagandísticos ou doutras persoas por deixar testemuña do horror, permitiron dispor de multitude de imaxes orixinais da que foi a primeira guerra documentada en imaxes. O documental ofrécenos unha crónica dos acontecementos, pero tamén aporta unha análise que nos permite comprender eses feitos mellor e, especialmente, vivilos dun xeito máis real, case a través dos ollos dos protagonistas, nun formato entretido e fácil de seguir.
Cine: Poucos eventos históricos teñen sido tratados con tanta frecuencia e con tanta calidade polo cinema. Dende as primeiras películas, realizadas en plena guerra, cunha forte carga propagandística, ata o presente, foron moitos os grandes directores que dende os máis variados puntos de vista nos deixáron a súa visión do conflito. Películas sobre o Holocausto, as grandes batallas, submarinos, a vida na retagarda, espías, as orixes… Nesta mostra e guía, tés unha escolma do que podes atopar nunha biblioteca
Cómic: Un fito importante na historia do cómic foi a publicación de Maus. Por primeira vez se aborda nun medio popular o tema mais solemne que deixou o século XX: a Segunda Guerra Mundial. Algo estaba cambiando na consideración desta forma de escritura, e moitos outros autores están aí para aproveitalo. Nós ofrecémosche algúns exemplos
E por úlitimo, conscientes da enorme atracción que este capítulo tan gris da historia exerce sobre a público xuvenil, seleccionamos tamén algúns títulos especialmente recomendados para estes lectores. Algúns deles, protagonizados por rapaces ou rapazas ós que lle tocou vivir este tráxico momento, e que se converteron có paso do tempo en auténticos clásicos do xénero.
Na guía de lectura que aquí te presentamos, podes atopar unha selección dalgúns dos títulos mais significativos desta mostra
Guía de Lectura da Segunda Guerra Mundial
Aquí podes desargar a Guía en pdf
E se queres saber mais sobre a guerra e a Shoah, podes consultar as seguintes páxinas webs que ofrecen unha información detallada e contrastada:
Memorial de la Shoah = Muséee, Centre de Documentation Juive Contemporaine
United States Holocaust Memorial Museum = Museo Nacional de la Memoria del Holocausto de Estados Unidos.
Yad Vashem: Centro Mundial de Conmemoriación de la Shoa: Museo do Holocausto en Israel.
USC Shoah foundation (University of Southern California Shoah Foundation)
Museo de Ana Frank = Museo de Ana Frank (Amsterdam).
Xa sabes!! Achégate a Biblioteca Ágora, de febreiro a maio, para levar en préstamo os libros da Mostra sobre a Segunda Guerra Mundial. E non deixes de consultar a nosa Guía de Lectura na que están representados os títulos mais representativos desta mostra.
Nos hacemos un cine?
Este mes de Noviembre la Biblioteca Infantil y Juvenil lo ha dedicado a las culturas orientales, por lo que además de poder encontrar una selección de documentos, (novelas, mangas, cómics, música y libros de información) relacionados con oriente, hemos preparado varias actividades, charlas y talleres que nos han acercado un poquito más a esa cultura milenaria.
Dentro de la batería de actividades que os hemos propuesto, a la que hemos denominado Noviembre Oriental, el próximo jueves 19 de Noviembre, a las 18:00 h. os invitamos a ver la película Colorful,
Colorful es una película de animación de 127 minutos dirigida en 2010 por Keiichi Hara basada en un libro del mismo título ideado por la escritora Eto Mori. La historia comienza cuando un alma llega al purgatorio. Allí se le dará la oportunidad de reencarnarse en un adolescente de 14 años que se había suicidado. Así empiezan las aventuras y desventuras para el protagonista que tendrá que descubrir los motivos por los cuales el dueño del cuerpo que él está utilizando ha decidido poner punto y final, para así él poder también tener una segunda oportunidad.
Esta película ha recibido varios premios:
La Biblioteca Infantil y Juvenil os invita a pasar una tarde divertida, con una película de animación dirigida a todos los públicos, como dato de interés deciros que Keiichi Hara ha dirigido también la película de Doraemon y Sinchan. Os esperamos!
Guía de lectura: Os mellores do humor
Moitas veces minusvalorado pola crítica especializada, o xénero humorístico estivo sempre presente na literatura: dende a Antigüidade (Aristófanes, Petronio…) ata a actualidade (Thom Sarpe, Darío Fo, Cunqueiro…) grandes autores de todos os tempos fixeron do humor un un compoñente básico das súas obras (Cervantes, Quevedo…)
Humor absurdo, satírico, negro… o humor axúdanos a entendernos a nós mesmos, a comprender mellor o mundo, e a intentar cambialo. Algo moi poderoso ten o humor que poucas veces gusta aos que mandan!!

Por iso, se o que queres é pasar un bo rato, só tes que pasarte pola Biblioteca Ágora para atopar os Mellores do humor e levar os libros a un deses marabillosos sitios os que irás este verán. E, si non podes esperar a vir a biblioteca podes ir abrindo boca coa nosa guía de lectura
Guía de lectura

Descarga aquí a Guía de Lectura Os Mellores do humor
E, recorda!! O humor prevén os infartos, rexuvenece a pel, reduce o insomnio, alivia a depresión, suaviza o estrés, combate medos e fobias, potencia a creatividade, facilita a comunicación, reforza a autoestima…
Para ver outras Guias de lectura de Os Mellores, pincha aquí
Actividades Astronómicas na Biblioteca Forum
Baixo o título “#ÉoCosmos!”, a Biblioteca Municipal Forum Metropolitano organiza para os meses de maio, xuño e xullo unha selección dos mellores materiais relacionados coa Astronomía, incluíndo as mellores novelas e películas de ciencia ficción.
Astronomía:
Astronomía é a ciencia que se ocupa do estudo dos corpos celestes do universo, incluídos os planetas e os seus satélites, os cometas e meteoros, as estrelas, etc. O seu rexistro e a investigación da súa orixe vén a partir da información que chega deles a través da radiación electromagnética ou de calquera outro medio. A astronomía estivo ligada ao ser humano desde a antigüidade e todas as civilizacións tiveron contacto con esta ciencia. Personaxes como Aristóteles, Ptolomeo, Hipatia de Alexandría, Nicolás Copérnico, Galileo Galilei, foron algúns dos seus cultivadores. É unha das poucas ciencias nas que os afeccionados aínda poden desempeñar un papel activo, especialmente no descubrimento e seguimento de fenómenos como curvas de luz de estrelas variables, descubrimento de asteroides e cometas, etc. Temos os mellores manuais de Astronomía a disposición dos usuarios e ademáis podes coñecer a vida e obra de grandes astrónomos.
Novela de ciencia ficción:
No seu século e medio de existencia, a literatura de ciencia ficción pasou por períodos caracterizados por moi diversos estilos. Desde as fabulosas fantasías tecnolóxicas de Verne e Wells até os máis recentes cyberpunk e steampunk, por citar un par de exemplos, diversas correntes e etapas marcaron a historia do xénero. Nesta mostra bibliográfica ofrecemos unha selección de obras destacadas dentro da novela de ciencia ficción pero só relacionadas coa Astronomía. Obras como “Crónicas marcianas” (1950) de Ray Bradbury ou “Blade Runner: ¿Sueñan los androides con ovejas eléctricas?” (1968) de Philip K. Dick son dous exemplos que nos poderemos atopar na mostra.
Cinema e Astronomía:
No cinema houbo e hai grandes valedores do xénero da ciencia ficción. Ben mediante a adaptación de contos e novelas, ben mediante a produción de películas con guións especialmente creados para a gran e a pequena pantalla. O cinema de ciencia ficción utilizouse en ocasións para comentarios críticos de aspectos políticos ou sociais, e a exploración de cuestións filosóficas como a definición de ser humano. O xénero existiu desde os comezos do cinema mudo, cando o Lle Voyage dans a Lune (1902) de Georges Méliès asombrou á súa audiencia cos seus efectos fotográficos. Desde a década de 1930 até a de 1950, o xénero consistía principalmente en películas de serie B de baixo orzamento. Tras o fito de Stanley Kubrick de 2001: A Space Odyssey de 1968, o cinema de ciencia ficción foi tomado máis en serio. A finais da década de 1970, películas de orzamento alto con efectos especiais convertéronse en populares entre a audiencia. Películas como Star Wars (1977) ou Close Encounters of the Third Kind (1977) achandaron o camiño de éxitos de vendas nas seguintes décadas como Alien (1979), E.T.: The Extra-Terrestrial (1982), Blade Runner (1982) e Men in Black (1997).
Ademais, dende a Biblioteca, e coa colaboración da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, propoñémosche unha serie de actividades complementarias para achegar a Astronomía aos cidadáns:
Observación astronómica / 22 de Maio ás 22:30 h.
Inscrición previa desde o 15 de Maio
No Parque Europa, coa Agrupación Ío como mestra de ceremonias, observaremos as estrelas, os planetas e a lúa -sempre que o tempo acompañe-. Apto para tódolos públicos.
As estrelas máis preto do que imaxinas / 1 de Xuño
Charla con Óscar Blanco (Agrupación Ío) na que veremos a relación existente entre o ceo e o noso día a día. Sabes que hábitos e tradicións teñen que ver coa astronomía?. Descúbreos!!
O ceo é para todos / 4 de Xuño ás 18:30 h.
Inscrición previa desde o 28 de Maio.
Obradoiro experimental orientado a nenos e nenas de 5 a 7 anos. Música, danza, expresión artística e teatral para os que miramos estrelas querendo soñar.
Cinema e Astronomía / 11 Xuño ás 19:00 h.
Da man do crítico de cine Martin Pawley veremos que a astronomía e o cine comparten algo máis que estrelas. Unha viaxe retrospectiva que vai desde “Le voyage dans Lune” ata Interstellar.
Quero ser Astronauta / 18 Xuño ás 18:30 h.
Inscrición previa desde o 11 de Xuño.
Saberías utilizar un brazo robótico e/ou pilotar unha nave espacial?. Se tes entre 9 e 13 anos, e queres coñecer de primeira man as probas para convertirte nun astronauta, non o dubides, apúntate. Actividade realizada a través de Ler Conta Moito.
Consulta o cartel e o material no Wiki da Mostra. As actividades que necesitan inscrición previa, será na web das Bibliotecas Municipais da Coruña. Máis información na propia web, no teléfono 981 184 298 ou no mostrador da Biblioteca.
A Biblioteca Forum presenta: Ponte en escena
Coincidindo co Día Mundial do Teatro o 27 de marzo na Biblioteca Forum Metropolitano organizamos unha mostra bibliográfica adicada a esta arte e ao mundo da escena en xeral. A mostra estará dispoñible do 1 de febreiro ao 31 de abril na sala de adultos e na infantil da Biblioteca Forum Metropolitano.
Quixemos ir máis aló e a selección bibliográfica abarca dende libros informativos ata novelas e material sonoro e audiovisual. Entre o material seleccionado atoparás os diferentes xéneros do teatro: a obra musical, a comedia, a farsa, a pantomima, a comedia romántica, a traxedia, a fantasía, a ópera, o teatro do absurdo, e moitas outras formas, tanto tradicionais coma experimentais. Así como obras narrativas que posteriormente foron levadas ás táboas sendo todo un éxito.
O teatro é a rama da arte escénica relacionada coa actuación que representa historias fronte a unha audiencia usando unha combinación de discurso, xestos, escenografía, música, son e espectáculo. É tamén o xénero literario que comprende as obras concebidas para un escenario ante un público.
Queremos darlle protagonismo porque o teatro forma parte da cultura e polo tanto non pode permanecer distante dos movementos estéticos, artísticos, poéticos e culturais dos países por onde a súa influencia e memoria camiñan.
Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña propoñémosvos así achegarvos ao xénero do teatro e da escena. Podedes coñecer os fondos que integran a mostra no seguinte wiki “Ponte en escena”, na Guía de lectura da mostra. E acceder á galería fotográfica do flickr.
Ademáis da mostra poderás desfrutar das seguintes actividades:
Papiroflexias: Montaxe de teatro musical infantil
Cando: 25 de febreiro ás 18:30
Sala Infantil Biblioteca Forum Metropolitano
25 prazas para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Inscrición previa mediante formulario na páxina web das Bibliotecas Municipais a partir do 11 de febreiro ás 10 h.
Da man de Nelson Quinteiro e inspirado no libro “O Principiño” de Antonie Saint-Exùpery chega “Papiroflexias”, unha montaxe de teatro musical infantil e con música ao vivo no que a conciencia ecolóxica, o teatro de obxectos, a danza con pinceladas de baile tradicional galego e a papiroflexia mestúranse. As bolas, paxariñas, canóns de confetti, avións de papel ou comecocos xigantes dan ritmo e narración a un relato de transfondo ecolóxico.
A morte é a túa voz ausente: peza teatral inspirada nas últimas horas do autor italiano Cesare Pavese. É unha obra da
escritora e avogada Diana Varela na que o actor Juan Vázquez interpreta ao escritor Cesare Pavese.
Cando: 11 de marzo ás 20 h. na sala de adultos da Biblioteca Forum. Entrada libre ata completar aforo.
Cesare Pavese, antes de morrer, deixou unha nota de despedida. “Perdoo a todos e a todos pido perdón. De acordo? Non murmuredes moito”. Estas últimas horas da vida da vida do escritor serven como inspiración a Diana Puñal para escribir a peza teatral A morte é a túa voz ausente. Vítima de represións polo seu posicionamiento antifascista, suicidouse o 27 de agosto de 1950 nun hotel de Turín, despois de facer varias chamadas de teléfono…sen que ninguén collera ao outro lado.
Habitante: performance de interacción escénica a cargo do artista Nelson Quinteiro
Cando: 18 de marzo na sala de adultos da Biblioteca Forum. 12 h. instalación, 17 h. interacción, 19 h. representación final. A entrada será libre ata completar aforo.
A obra desenvolverase a partir das 12 da mañá ata as 9 da noite. O artista irá creando os espazos nos que interactuará co espectador ao longo do día. Haberá unha representación final ás 7 da tarde de todas as micropezas de teatro que se desenvolvan ao longo do día. O proxecto #habitante é un exercicio de creación plástica e escénica, ao mesmo tempo que unha actividade performática que leva consigo a composición, instalación, residencia, conversación co espectador/a e posta en escena de micro-pezas asociadas aos espazos escénicos.
Os mellores de… A Gran Guerra
Co gaio do centenario da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), tamén coñecida como Gran Guerra, na sala de adultos da Biblioteca Municipal Ágora organizamos unha mostra bibliográfica sobre esta temática que abarca dende libros informativos ata novelas e material audiovisual.
Nunca antes unha guerra afectara a tanta xente en tantos lugares. Os avances da Revolución Industrial aplicados á guerra aumentaron o número de vítimas, que se contaron por millóns. Os enfrontamentos esténdese dende o Pacífico ata o Atlántico, de Rusia ao sur de África, pero será Europa o principal escenario dos combates. O vello continente derrubarase e precisará toda unha década para recuperarse. Perderá para sempre a súa posición hexemónica fronte a novas potencias.
E co fin da Gran Guerra non rematan os problemas de Europa. A crise económica prolongarase durante os primeiros anos 20. Xurden os totalitarismos comunista e fascista. E por outra banda, o novo mapa de Europa deseñado nos tratados de paz deixa moitas feridas abertas. Conflitos e resentimentos que se agudizarán coa Gran Depresión dos anos trinta e que están na orixe dunha nova e aínda mais sanguenta traxedia mundial.
Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña propoñémosvos acercarvos a este conflito que marcou toda a historia do século XX, a través dos estudos históricos, a novela, a banda deseñada ou o cine. Podedes consultar a guía de lectura a través da seguinte ligazón “Centenario da Primeira Guerra Mundial. Guía de lectura” ou ben premendo no cartel da mostra que compartimos a continuación.
E se botades en falta algunha obra na selección… animámosvos a que compartades con nós as vosas aportacións!!
Mostra: O pasado é futuro, na Biblioteca Forum
A Historia permite aprender os feitos do pasado para así comprender o presente e albiscar o futuro. Existen varias razóns polas que coñecer a Historia é moi enriquecedor. Para entender a sociedade actual, é necesario saber a historia do teu propio país e a do teu continente. Ademais, o estudo e a paixon por esta disciplina achega ao historiador, un método de análise fundamental. Por iso, temos que coñecer a historia para poder comprender os acontecementos actuais e evitar no posible volver cometelos, pois como di o refrán “Quen non coñece a súa historia está condenado a repetir os seus erros”.
A Biblioteca Forum Metropolitano fai unha selección, de entre os seus fondos, da mellor novela histórica e as súas mellores obras de divulgación histórica.
Accede á Galería fotográfica da mostra O pasado é futuro no Flickr de Bibliotecas Municipais
Podes coñecer os fondos que integran a mostra no seguinte Wiki – Mostra Bibliográfica O pasado é futuro, e tamén a Guía de lectura da mostra O pasado é futuro:
Ademáis conmemoramos o comezo da Primeira Guerra Mundial cunha minimostra especial dentro da propia mostra “O pasado é futuro”. Este 2014 cúmprense cen anos do comezo da Primeira Guerra Mundial, tamén coñecida como “A Gran Guerra”. Foi este un conflito que tivo enormes consecuencias para a sociedade da súa época e que marcou un antes e un despois na Historia da humanidade. A bibliografía das Bibliotecas Municipais da Coruña, relacionada directamente con esta efeméride, podémola consultar no seguinte Wiki.

As nosas recomendacions especiais son:

1914: De la Paz a la guerra / Margaret MacMillan (Turner, 2013)
O relato definitivo das forzas políticas, culturais, militares e persoais que levaron a Europa cara á Gran Guerra.A Primeira Guerra Mundial puxo fin a un longo período de paz sostida en Europa: unha época na que se falaba confiadamente de prosperidade, de progreso e de esperanza.

Manfred von Richthofen : El Barón Rojo / J. Eduardo Caamaño (Almuzara, 2014)
Escrito cun estilo fluído e de amena lectura, este libro biográfico tamén detalla anécdotas da súa vida, curiosidades do conflito, e fai unha reconstrución dos seus soados combates, ademais dunha interesante análise acerca da polémica creada ao redor da súa morte.

De París a Monastir / Gaziel ( Libros del Asteroide, 2014)
Gaziel reuniu algo máis da metade das súas colaboracións bélicas no xornal “La Vanguardia” e publicounas en varios libros. De todos eles o máis impactante e logrado, seguramente, é De París a Monastir. Publicado por primeira vez en 1917, considerado como un libro fundamental do xornalismo español do século XX.
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña podes encontrar estas obras, consulta a súa dispoñibilidade no Catálogo.






















































