“Viaxes de papel” na Biblioteca Ágora
Se queres organizar a túa viaxe de verán e aínda non escolliches destino…
Se sabes onde ir, pero queres ambientarte antes de partir…
Se na túa mochila son imprescindibles cando menos un par de libros…
Se o teu é viaxar desde o sofá, sen gastar un peso…
… Na biblioteca Ágora ofrecémosche esta selección de cerca de 150 libros que te poden interesar:
Libros de viaxes que chegan a todos os recunchos do mundo: dos territorios mais afastados e exóticos de Oriente ou Oceanía ás cidades máis modernas e trepidantes de Europa ou América do Norte; dos desertos máis agrestes de África ás altas e xélidas latitudes polares; das altas cumes do Everest á impenetrable selva amazónica…
[Podes facer clic nas portadas para +info]
Libros escritos por intrépidos homes e mulleres que lanzándose á aventura penetraron nos lugares máis recónditos e inexplorados do mundo. Novelas sobre grandes expedicións científicas, como a que partiu da Coruña para estender a vacina da varíola por todo o mundo. Relatos dalgúns dos mellores reporteiros do século XX que se achegaron a culturas alleas sempre dispostos a aprender delas…
Narracións de viaxes de recoñecidos escritores e escritoras ávidos de coñecer o mundo que te sorprenderán en outras facetas moi diferentes ás literarias; biografías de mulleres de gran carácter que romperon estereotipos da súa época e viaxaron a lugares moi afastados acadando grandes metas. Cómics que contribúen nas súas viñetas a paixón pola aventura e o afán de coñecer…
José Saramago, Ryszard Kapuscinsky, V.S. Naipaul, Stendhal,Paul Theroux, Agatha Christie, Robert Luis Stevenson, Arthur Conan Doyle, Paul Bowles, Javier Reverte, Beryl Markham, Karen Blixen, Javier Moro,Eduardo Galeano, Roger Casement… son algúns dos autores e autoras representados entre os títulos seleccionados, algúns dos cales poderás atopar na guía de lectura que aquí te ofrecemos
Guía de lectura “Viaxes de papel”
Xa Sabes! Este verán non te quedes sen viaxar:
Sen estrés nin apuros, colas, maletas, atascos… Sen sufrir o jetlag, nin as cancelacións de vós…
A uns minutos da túa casa. No que te leva achegarte á biblioteca podes ir aos lugares máis recónditos do mundo.
Non perdas esta oportunidade!
Posted on 6 Agosto, 2018, in A biblioteca recomenda, Xeral and tagged #recomendamosbmc, Biblioteca Agora, literatura de viaxes, mostras, muestras. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0