Arquivo do blog
Lemos para ti a María Casares.
Lemos para ti é unha iniciativa das Bibliotecas Municipais da Coruña para achegar fragmentos de textos de distintos autores, a través das voces do seu persoal bibliotecario.
Este ano, con motivo do centenario do nacemento de María Casares, levamos a cabo unha selección de fragmentos de diferentes obras que estudaron a vida e obra desta importantísima actriz de orixe coruñesa e que forman parte do fondo e catálogo das bibliotecas, que se viu ampliado grazas á adquisición de novos títulos que se publicaron con motivo desta efeméride.
Tal día como hoxe, un 21 de novembro de 1922, nace María Casares na rúa Panadeiras número 12, onde vivían o seu pai, o político republicano Santiago Casares Quiroga, e a súa nai, Gloria Pérez.
O golpe militar de 1936 provocou que tivese que exiliarse a Francia, onde tivo que empezar de cero aprendendo un idioma que non era o seu pero no que chegou a destacar como unha das grandes damas do teatro francés.
O primeiro podcast publicado é un texto procedente do libro “O tempo das Mareas. María Casares e Galicia” de María Lopo, especialista na figura de María Casares. Nesta obra faise un estudo pormenorizado sobre as conexións galegas da actriz. Un libro imprescindible para coñecer e entender as orixes que tanto a marcaron.
“Memoria de cidades sen luz” é unha novela de Inma López Silva galardoada en 2007 co Premio Branco Amor. María Casares é unha das protagonistas desta obra na que
“arredor de guerras e exilios, técense as vidas contadas nesta novela. Librepensadoras que aman galeguistas, guerreiros polacos que queren ser Victor Hugo, nenos que converten en Troia a praia do Orzán. A Coruña dos anos trinta, o París aloucado e deprimido dos corenta e dos cincuenta, unha Barcelona de bombardeos e partidas de póker, Buenos Aires e Nova York son as cidades polas que transita a protagonista deste relato en primeira persoa”.
Aínda que María Casares sempre dicía que o seu primeiro exilio fora a súa marcha de Galicia a Madrid, a vida na capital co tempo tamén resultaría ser un revulsivo na súa formación. Arantxa Estévez aborda na súa biografía “María Casares” esta e outras cuestións que nos axudan a coñecer todas as “mudas” da súa vida, como ela mesma definíao.
María Casares tamén foi autora dun libro de memorias publicado orixinalmente en francés como “Résidente privilégiée”. Da súa faceta como escritora recibiu grandes críticas, principalmente de Alejo Carpentier que a definiu como “unha extraordinaria escritora, cunha prosa dunha riqueza, dun vigor, dunha garra, absolutamente excepcionais…”
Aínda que coñecida tamén pola súa relación con Albert Camus, María Casares entrou en contacto co pensamento existencialista en Francia e foi musa desta filosofía. Moitos dos seus autores elixíana para dar vida aos seus personaxes e con iso dar a coñecer os seus conceptos filosóficos. Ateísmo, laicismo, liberdade individual e outra serie de preceptos nunha procura constante por dotar de sentido a vida. “Desenvolvemento artístico de María Casares dentro do marco existencial francés”. Tese de Sabela Hermida Mondelo.
No seguinte audio temos un extracto da entrevista a María Casares, realizada polo escritor e xornalista arxentino Víctor Luis Molinari. Publicada en “Galicia Emigrante”, revista cultural da emigración galega dirixida por Luís Seoane.
E finalmente, no último audio publicado, temos uns fragmentos da correspondencia mantida entre Santiago Casares Quiroga e María Casares cando ela estaba rodando películas en Italia, Marrocos e Niza e el, xa viúvo e enfermo, residía en París. Esta relación epistolar está recollida no libro “Cartas no exilio: correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e María Casares (1946-1949)”, edición de María Lopo e publicado en Baía Edicións:
Esperemos que vos gusten!
Despedimos o especial temático #LemosParaTi dedicado a Dona Emilia
No marco do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851 – Madrid, 1921), desde as Bibliotecas Municipais da Coruña sumamos ao catálogo de #LemosParaTi unha selección de distintos textos desta destacada e prolífica escritora que se adiantou á súa época en feitos, ideas e intereses.
Lemos para ti é unha proposta que naceu no ano 2020 durante o confinamento por mor da crise sanitaria Covid-19, co obxectivo de acompañar a través da voz e achegar lecturas á cidadanía. Para ampliar información sobre a mesma, consulta o post en Bibliosons “Lemos para ti, lectura en voz alta para adultos“.

De maio a decembro deste ano 2021 sumáronse lecturas de fragmentos de distintas obras cunha periodicidade mensual ao noso podcast Lemos Para Ti. Nunha entrada anterior, que se publicou o 16 de setembro neste blog coincidindo coa data de nacemento de Dona Emilia (16 de setembro de 1851), deuse difusión aos audios publicados ata o momento nas nosas canles de Ivoox e Spotify: “La cocina española antigua”, “Rodando”, “Al pie de la torre Eiffel”, “Revista de Galicia” e “Cuesta abajo”.
Hoxe compartimos con vós as últimas tres lecturas que completan este especial temático de #LemosParaTi dedicado á figura dunha das escritoras máis destacadas da nosa historia literaria: “Movendo os marcos do patriarcado”, “Miquiño mío: cartas a Galdós” e “Las frases frágiles”.
Movendo os marcos do patriarcado (Galaxia, 2021)

Fragmento de lectura do ensaio “Movendo os marcos do patriarcado: o pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán”, de Marilar Aleixandre e María López Sández.
Unha obra que analiza de forma pormenorizada as ideas centrais do feminismo de Emilia Pardo Bazán, quen xa no ano 1914 se refire a si mesma como unha radical feminista. O libro foi publicado pola Editorial Galaxia en febreiro deste ano 2021, dentro da súa colección Feminismos.
Miquiño mío: cartas a Galdós (Turner, 2020)

Fragmento de lectura da obra “Miquiño mío: cartas a Galdós”, que recompila as cartas enviadas por Pardo Bazán a Galdós ordenadas cronoloxicamente e acompañadas dunha aproximación á figura da escritora coruñesa e o relato esencial do amor e a amizade entre ambos autores.
Unhas cartas nas que a personalidade apaixonada, clara, guerreira e maternal de Dona Emilia brilla tanto como o seu dominio da linguaxe, a súa graza e a súa orixinalidade. Editado por Turner no ano 2020, con prólogo e notas de Isabel Parreño e Juan Manuel Hernández.
Las frases frágiles (La Bella Varsovia, 2021)

Lectura dos poemas “Fantasía”, “La aurora” e “Una cazata”, incluídos na antoloxía “Las frases frágiles”, publicada no ano 2021 na editorial La Bella Varsovia.
Esta obra, edición da autora e editora Elena Medel, recompila unha escolma de poemas escritos fundamentalmente nas primeiras décadas de vida de Dona Emilia Pardo Bazán, desde a súa adolescencia ata o triunfo como novelista.
E ata aquí o especial temático “Lemos para ti… a Dona Emilia”, agardamos desfrutedes escoitando estes fragmentos de lectura nesta mesma entrada e tamén nos nosos perfís corporativos de Ivoox e Spotify e convidámosvos a compartilos!!
“Lemos para ti” a Emilia Pardo Bazán.

Lemos para ti é unha iniciativa das Bibliotecas Municipais da Coruña que xorde en pleno confinamento coa idea de achegar fragmentos de textos de diferentes autores e autoras.
Con motivo do centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán quixemos aproveitar para dar tamén a coñecer a súa variada e extensa obra seleccionando pezas de diferentes xéneros que abordou a escritora coruñesa. Esta é unha das moitas actividades e iniciativas levadas a cabo nas bibliotecas para render homenaxe á autora, dentro dun marco máis amplo levado a cabo polo Concello xunto a outras institucións.
Cada terceiro xoves de mes publicamos un podcast lido polos bibliotecarios e bibliotecarias da rede. O pistoletazo de saída démolo co fragmento do prólogo de “La cocina española antigua”. Esta obra, de 1913 inclúese dentro da colección “Biblioteca de la mujer” nada coa intención de divulgar en España as ideas sobre feminismo que circulaban polo resto de Europa. O prólogo permite ler entrelíneas a intencionalidade da autora que deixa patente que un libro de cociña pode ser algo máis que unha lista de receitas:
Pero se por algo foi famosa Emilia Pardo Bazán foi pola súa produción de novela curta. Colaborou frecuentemente nas coleccións máis populares deste xénero co fin de achegar a lectura aos petos máis modestos. “Rodando”, novela breve ambientada en Marineda, a cidade inventada por Dona Emilia e que representa á cidade da Coruña, foi a última delas, publicándose en 1920:
“Ao pé da Torre Eiffel”, dá boa mostra doutra das facetas de Emilia Pardo Bazán: a literatura de viaxes. Dona Emilia foi unha gran viaxeira que deixou testemuño da crónica do momento nas súas innumerables viaxes. En 1889 foi enviada a París para cubrir a Gran Exposición Universal que ademais coincidiría coa inauguración de La Torre Eiffel:
A xulgar polos que estudan a súa figura, Emilia Pardo Bazán foi unha das primeiras xornalistas profesionais da súa época. Fundou en 1880 a “Revista de Galicia” que dirixirá e na que publicará tamén moitos artigos. Aquí podemos escoitar dous poemas incuidos nela: “En el abanico de Emilia Pardo Bazán” [firmado por Rosalía de Castro] e “Lectura de Os Lusiadas a orillas del Tajo” [da mesma Emilia Pardo Bazán]:
O teatro foi outra dos paus que tocou a coruñesa, nas súas propias palabras:
“Hay en el teatro infinitos elementos ajenos a la literatura, que le prestan interés humanísimo. Es un estudio, más viviente y sangrante que el de los libros. Es vida en que el artificio y la realidad, combinándose, dan por resultado un poco más de experiencia”.
A continuación podemos escoitar un fragmento de “Cuesta abajo”, comedia dramática dividida en 5 actos, escrita e estreada en 1906 que trata sobre a decadencia e a situación da muller na sociedade, tema éste último que copará gran parte da temática da obra de Emilia:
Ata aquí o publicado máis convidámosvos a seguir escoitando máis fragmentos de obras que vos descubrirán máis facetas desta incríble muller. Esperámosvos!!
As Municipais Entenden 2021
Antonte 28 de xuño, celebrouse o Día Internacional do Orgullo LGTBI inundando as redes de cores para visibilizar ao colectivo e reivindicar os seus dereitos. As celebracións seguen e dende as Bibliotecas Municipais estamos a celebralo toda a semana porque como bibliotecas e bibliotecarixs pretendemos integrar todas as diversidades sexuais e ser espazos seguros e libres de LGTBIfobias. Apoiando a campaña municipal do Orgullo 2021 “Somos. Estamos. Amamos”, as bibliotecas contribuímos esta semana e todos os días do ano con accións e recursos que poñemos a disposición de toda a cidadanía.

Dende hai tempo, coa iniciativa “As municipais entenden” vimos impulsando a presencia de materiais LGTBI nas nosas bibliotecas e, ao tempo, démoslle un tratamento especial aos materiais dos que xa dispoñíamos. Todos os materias son seleccionados rigurosamente polos bibliotecarixs da rede e pouco a pouco a colección vai medrando. Todos os materiais se poden recuperar de forma sinxela a través do noso catálogo e pódense levar en préstamo ou consultalos nas bibliotecas.
Co gallo do Orgullo elaboramos unha guía de lectura “As municipais entenden 2021” que recolle algunhas últimas incorporacións ao catálogo editadas entre os anos 2020 e 2021. Son unha pequena mostra de todo o que poderás atopar estes días nas bibliotecas, nas cales atoparás un rinconciño con materiais destacados de temática LGTB. A guía de lectura tamén podedes consultala no Calaméo das bibliotecas.
Froito do noso compromiso coas diversidades sexuais e de xénero non soamente identificamos os materias, senón que tamén queremos ser espazos seguros para o debate, o encontro e a reflexión, polo que no 2016 puxemos en marcha o primeiro club de lectura LGTB de Galicia no que en cada sesión desmenuzamos a realidade LGTB e o seu tratamento na literatura, o QUEERuña. Todos os anos en setembro abre o prazo de inscrición para todxs os que queiran participar e formar parte do mesmo, podes visitar o blog do club, a través do que difunden os encontros e os materiais que len e comparten, e así coñecer un pouco máis sobre a súa actividade.
Durante esta semana do Orgullo estamos a nutrir tamén as nosas canles de Ivoox e Spotify. Ampliamos a playlist de “As Municipais Entenden” con novas cancións preparadas para darlle ao play:
E tamén con podcasts especiais de temática LGTB dentro da nosa iniciativa de Lemos para ti, trátase dunha serie de fragmentos de lectura de obras desta temática aos que poñemos as nosas voces e que poderás escoitar tantas veces como queiras. Aquí vos deixamos algúns deles, pero iremos compartindo máis ao longo da semana.
Se queres coñecer máis sobre a nosa iniciativa “As Municipais entenden” e saber todas as accións que levamos a cabo durante esta campaña do Orgullo 2021, visita a nosa páxina web e segue de preto as nosas redes sociais para ver todo o que estes días estamos a publicar, visita as @bicoruna.
No Día da Biblioteca #LemosParaTi
Cada 24 de outubro desde o ano 1997 celébrase o Día da Biblioteca, efeméride creada por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.
Esta celebración, que nace co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e coa intención de dar visibilidade e potenciar a labor do persoal bibliotecario, cobra máis sentido ca nunca nun momento como o actual no que as bibliotecas como espazos seguros e imprescindibles deben xogar un papel fundamental no acceso á cultura e ao coñecemento. E precisamente baixo o lema “Bibliotecas, sempre ao teu lado” o Ministerio de Cultura e Deporte pon en valor nesta data a capacidade das bibliotecas -independentemente da súa tipoloxía- para continuar ofrecendo os seus servizos nunhas circunstancias tan complexas como as derivadas da crise sanitaria da Covid-19.
Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña conmemoramos o noso día sumándonos á campaña #SempreAoTeuCarón, dando visibilidade ao noso traballo e defendendo a existencia das bibliotecas a través dos testemuños dalgunhas das nosas usuarias e usuarios, de persoas participantes dos clubs de lectura e participantes e voluntarias do programa de alfabetización de adultos. E como non, tamén a través da nosa propia voz coa proposta #LemosParaTi, que naceu durante o período de confinamento e que segue en marcha para achegar lecturas en voz alta á cidadanía.
Nesta ocasión, o fío condutor de todas as historias que podedes escoitar a continuación -así como tamén nos canais corporativos de Ivoox e Spotify– é o amor pola lectura, polos libros e polas bibliotecas.
Mendel el de los libros (Acantilado, 2009)
Fragmento de lectura do relato de corte social e político “Mendel el de los libros” do recoñecido novelista, ensaísta e biógrafo austríaco Stefan Zweig (Viena, 1881 – Petrópolis, Brasil, 1942).
O conto, que foi publicado orixinalmente no ano 1929, narra a tráxica historia dun excéntrico libreiro que pasa os seus días sentado sempre á mesma mesa nun dos moitos cafés da cidade de Viena. No ano 1915, acusado inxustamente de colaborar cos inimigos do Imperio Austrohúngaro, Jakob Mendel é enviado a un campo de concentración .
El aroma de los libros (Alianza de Novelas, 2020)
Fragmento de lectura da novela “El aroma de los libros” da escritora, actriz e redactora de contidos italiana Desy Icardi.
A historia, protagonizada por Adelina -unha rapaza de catorce anos que vive coa súa tía Amalia no Turín de 1957- é unha obra sobre o amor pola lectura na que Icardi rende homenaxe aos librosque máis a conmoveron ao longo da súa vida e ao alquimista Edward Kelley entre outros.
Os libros prestados (Galaxia, 2010)
Fragmento de lectura do libro de relatos “Os libros prestados” do prolífico escritor Xabier López López (Bergondo, 1974).
Unha obra composta de catro relatos de xénero e temática completamente diferente, pero que teñen algo en común: en palabras do propio autor, os protagonistas de todos os relatos non son os libros senón os lectores, isto é, o importante é contar o que agochan as vidas dos que len.
Manual de remedios literarios: cómo curarnos con libros (Siruela, 2017)
Fragmento de lectura do libro “Manual de remedios literarios: cómo curarnos con libros” das autoras inglesas Ella Berthoud e Susan Elderkin, creadoras do servizo de biblioterapia en The School of Life – con sede en Londres.
Un orixinal tratado de biblioterapia que condensa todo o poder de curación da palabra escrita e no que é posible atopar remedio en forma de novela para todo tipo de males.
Vampira de biblioteca (Xerais, 2020)
Fragmento de lectura da novela de literatura infantil “Vampira de biblioteca” da recoñecida autora galega Ledicia Costas (Vigo, 1979), ilustrada por Víctor Rivas (Pontevedra, 1965).
A obra descúbrenos a vida de Eleonora, unha peculiar vampira que se dedica a ler e papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da Biblioteca da Universidade de Coímbra, lugar onde ela vive.
La historia interminable (Alfaguara, 2007)
Fragmento de lectura dun clásico da literatura fantástica como é “La historia interminable”, do escritor alemán Michael Ende (Garmisch-Partenkirchen, 1929 – Filderstadt, 1995).
Traducida a máis de 36 idiomas, esta novela que narra a historia de Bastián -un rapaz que lendo un estraño libro descobre que o reino de Fantasía corre serio perigo e inicia a máis incrible das aventuras- está entre as mellores obras infantís e xuvenís da historia.
Agardamos que desfrutedes escoitando estes fragmentos e recordámosvos que este espazo de encontro que é #LemosParaTi irase nutrindo periodicamente con novas lecturas en voz alta.
Aproveitamos tamén para desexarvos un Feliz Día da Biblioteca e convidarvos a visitarnos para celebrar e poñer en valor as Bibliotecas como espazos seguros e como servizos esenciais na cidade.






















