Arquivo do blog
Nano, de Concha Blanco
Concha Blanco é mestra, pedagoga e escritora. Nacida en Cee conta cunha longa traxectoria no mundo da escritura.
Non hai moito tempo que, por casualidade, caíu nas miñas mans unha das súas obras, Nano, escrita no 2008 e editada por Everest.
Nano conta a historia de Fernando, un rapaz coruñés e arquitecto que vive atormentado. Sabe que é gai pero non o asume.
Foi unha lectura especial porque ademais de presentarnos a Nano, un rapaz que cae ben, toda a acción transcurre en escenarios moi coñecidos por nós coma a rúa Barcelona ou o Paseo Marítimo coruñés. Por riba, constitúe a primeira obra que leo desta temática no idioma galego.
Tamén é especial porque todos tivemos en algún momento das nosas vidas ou temos na actualidade un Nano ben cerquiña. Unha persoa á que apreciamos e que non se atreve a asumir a súa identidade sexual
Segundo me contaron, tardei moito en saír da barriga de miña nai, retraso que a piques estivo de facerme coincidir nacer con morrer. Don Xoán, o médico que axudou no parto, deume un par de azoutas. Así que dende aquela aprendín a ser puntual nas miñas citas, co traballo, cos amigos, coas amigas
Estas palabras da autora, referidas ao seu nacemento, fanme reflexionar sobre o feito LGTB. Cadaquén ha de saber que quere facer na súa vida, que prefire aportar aos demais e que rastro pensa deixar tras de si. E digo isto referíndome tanto ao que sae do armario coma ao que observa a saída.
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña temos moi claro cal queremos que sexa a nosa aportación. Por un lado dar visibilidade ao feito LGTB a través dunha wiki na que recollemos títulos da literatura e do cine que tratan esta temática e, por outro, celebrar cada ano o ORGULLO LGTB con mesas redondas, encontros ou proxeccións de filmes que aporten información sobre o feito homosexual, bisexual e transexual a todas as persoas que se acheguen ás nosas bibliotecas.
Se alguén aínda non o sabe… #asMunicipaisEntenden
Porque #asMunicipaisEntenden
… e cada vez entendemos máis!
A nosa wiki LGTB está de aniversario. Co propósito concreto de servir de escaparate virtual desde o que mostrar todos os materiais que poñemos á vosa disposición en torno á temática LGTB (lesbianas, gais, transexuais e bisexuais), naciu nestas datas coincidindo co aniversario dos disturbios de Stonewall.
Estes disturbios, que son citados coma a primeira ocasión na que a comunidade LGTB loitou contra un sistema que perseguía ás persoas homosexuais, son xeneralmente recoñecidos coma o catalizador do movemento moderno prodereitos LGTB en todo o mundo.
Nesta wiki poderás atopar enlaces a recursos web de todo tipo, aos post que fomos publicando durante o Orgullo 2012 e a unha selección de tráilers e videoclips de música e cine.
+ info das actividades 2013
A implicación do persoal das Municipais con este tema é moi destacable:
- Nelson, desde a biblioteca Ágora, organiza e convoca á sesión especial dos clubs de lectura
- Ana, desde a biblioteca do Castrillón, fainos unha serie de recomendacións literarias para os máis pequenos da casa
- Xavier, tamén desde a biblioteca Ágora, pon en valor a diversidade dos barrios
- Gema e Mar, desde as bibliotecas Fórum e Infantil e Xuvenil, fálannos da diversidade na literatura
- Marta, desde a biblioteca dos Rosales, escribe un post sobre un cómic levado ao cine qie conta a historia dunha moza lesbiana
- e moitos outros compañeiros realizaron unha mostra bibliográfica en torno a esta temática.
#asMunicipaisEntenden porque todos somos igual de diferentes
Os clubs de lectura e a diversidade
Son moitas as persoas que participan nos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais, moitas e con moi diversos intereses. E precisamente por esa diversidade, a experiencia resulta enriquecedora e satisfactoria. Intercambio de opinións, vivencias, puntos de vista en torno ás vidas ficticias de personaxes que salen do papel e viven fora da ficción, e que no fondo son reflexos ficcionais de personaxes que, en maior ou menor medida, crúzanse nas nosas vidas no día a día.
E a diversidade é tamén o motivo deste post. Celebrar a diversidade afectivo-sexual por medio dunha convocatoria especial para as persoas que participan nos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña e con motivo das actividades relacionadas co día 28 de Xuño, a celebración do día do orgullo LGTBQ no que se conmemoran as revolta de Stonewall no 1969 en Nova York e que se convertiu en data clave da loita pola visibilidade das sexualidades diversas.
Dende as Bibliotecas Municipais queremos invitarvos a participar dunha sesión especial do Club de lectura no que saborearemos a narrativa de Banana Yoshimoto co libro Kitchen e a súa contrucción de personaxes diversos, historias cotiás e trasfondo universal. Así que se xa participas dalgún dos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais e queres aproveitar a coñecer ao resto de participantes doutras biblitecas, esperámoste o martes 2 de Xullo ás 19h. na Bibioteca de Ágora para facer unha posta en común arredor da obra desta xaponesa.
Podes apuntarte chamando ao 981189886. As plazas son limitadas!












