Nano, de Concha Blanco
Concha Blanco é mestra, pedagoga e escritora. Nacida en Cee conta cunha longa traxectoria no mundo da escritura.
Non hai moito tempo que, por casualidade, caíu nas miñas mans unha das súas obras, Nano, escrita no 2008 e editada por Everest.
Nano conta a historia de Fernando, un rapaz coruñés e arquitecto que vive atormentado. Sabe que é gai pero non o asume.
Foi unha lectura especial porque ademais de presentarnos a Nano, un rapaz que cae ben, toda a acción transcurre en escenarios moi coñecidos por nós coma a rúa Barcelona ou o Paseo Marítimo coruñés. Por riba, constitúe a primeira obra que leo desta temática no idioma galego.
Tamén é especial porque todos tivemos en algún momento das nosas vidas ou temos na actualidade un Nano ben cerquiña. Unha persoa á que apreciamos e que non se atreve a asumir a súa identidade sexual
Segundo me contaron, tardei moito en saír da barriga de miña nai, retraso que a piques estivo de facerme coincidir nacer con morrer. Don Xoán, o médico que axudou no parto, deume un par de azoutas. Así que dende aquela aprendín a ser puntual nas miñas citas, co traballo, cos amigos, coas amigas
Estas palabras da autora, referidas ao seu nacemento, fanme reflexionar sobre o feito LGTB. Cadaquén ha de saber que quere facer na súa vida, que prefire aportar aos demais e que rastro pensa deixar tras de si. E digo isto referíndome tanto ao que sae do armario coma ao que observa a saída.
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña temos moi claro cal queremos que sexa a nosa aportación. Por un lado dar visibilidade ao feito LGTB a través dunha wiki na que recollemos títulos da literatura e do cine que tratan esta temática e, por outro, celebrar cada ano o ORGULLO LGTB con mesas redondas, encontros ou proxeccións de filmes que aporten información sobre o feito homosexual, bisexual e transexual a todas as persoas que se acheguen ás nosas bibliotecas.
Se alguén aínda non o sabe… #asMunicipaisEntenden
Posted on 1 Xullo, 2013, in A biblioteca recomenda, Novela sobre a vida cotiá and tagged Concha Blanco, homosexualidad, homosexualidade, lgtb, Nano. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0