Arquivo do blog
Libros en directo: Pilar Eyre
O ciclo de encontros con autores Libros en Directo comeza a súa cuarta tempada o xoves 22 de xaneiro coa escritora e periodista Pilar Eyre. O encontro, presentado como ven sendo habitual polo escritor Pedro Ramos, terá lugar ás 20.00 horas no Centro Ágora.
Eyre (Barcelona, 1951) estudou Filosofía e Letras e Ciencias da Información. Exerceu o periodismo como columnista, entrevistadora e reporteira en diversos periódicos e revistas como Hoja del Lunes, La Vanguardia, Interviú, El Periódico de Catalunya ou El Mundo. Colaborou tamén en varias emisoras de radio e televisión, sobre todo como analista e comentarista de crónica social.
A súa carreira como escritora comeza no ano 1985, cando se publica a súa obra Vips: todos los secretos de los famosos. A esta obra seguiranlle outras moitas: Todo empezó en el Marbella Club (1989), Callejón del olvido (1992), Mujeres veinte años después (1996), Quico Sabaté el último guerrillero (2001), Cibersexo (2002), Dos Borbones en la Corte de Franco (2005), Ricas famosas y abandonadas (2008), Ena la novela (2009), Pasión imperial (2010), María la Brava (2010), La soledad de la reina (2012), La reina de la casa (2012), Franco confidencial (2013) e Mi color favorito es verte (2014).
Con esta última novela, unha novela autobiográfica que narra a historia de amor dunha periodista cun reporteiro de guerra, foi finalista do Premio Planeta 2014.
No fondo bibliográfico das Bibliotecas Municipais da Coruña, podedes atopar:
- Mujeres, veinte años después
- María, la Brava
- La soledad de la Reina
- Mi color favorito es verte
Consultade a súa dispoñibilidade no noso catálogo:
E lembrade, se queredes descubrir máis detalles da súa última obra e da súa traxectoria como novelista…
tendes unha cita o xoves 22 no Centro Ágora!!
Libros en directo: Gonzalo Moure
O próximo martes 16 de decembro teremos a oportunidade de escoitar no Ciclo Libros en Directo ao recoñecidísimo escritor de literatura infantil e xuvenil Gonzalo Moure.
O encontro co autor terá lugar ás 20.00 no Centro Ágora e será presentado, como é habitual, por Pedro Ramos.
Moure naceu en Valencia no ano 1951, pero reside actualmente en Asturias. Estudou Ciencias Políticas na Universidade Complutense de Madrid e traballou como periodista no período comprendido entre 1973 e 1989, fundamentalmente na radio pero tamén en prensa, en televisión como guionista e en publicidade como creativo.
A súa primeira obra publicada foi Geranium, novela de ciencia ficción que figurou na Lista de Honra do Internacional Board on Books for Young People (IBBY) no ano 1994. Escribiu máis de vintecinco libros e foi galadornado con numerosos premios:
– Premio Barco de Vapor, por Lili, Libertad (1996)
– Premio Jaén por A la mierda la bicicleta (1993) e El bostezo del puma (1999)
– Premio Ala Delta, por Maíto Panduro (2001)
– Premio da Crítica de Asturias, por Yo, que maté de melancolía al pirata Francis Drake (2001)
– Premio Gran Angular, pola novela El síndrome de Mozart (2003)
– Premio Primavera, por En un bosque de hoja caduca (2006)
– Premio á Creación Literaria 2012 da Feira do Libro, a Lectura e as Industrias Culturais de Castela-A Mancha.
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña podedes atopar estas obras e outras moitas de Gonzalo Moure. Consultade no noso catálogo a súa dispoñibilidade:
Cabe destacar ademais da súa obra, a labor de cooperación de Moure a través da Asociación de Escritores polo Sáhara-Bubisher, que manteñen unha rede de bibliobuses e bibliotecas nos campamentos de refuxiados Saharauis dende o ano 2008. O proxecto recibe o nome dun pequeno paxaro do deserto, que soporta altas temperaturas e que coa súa chegada anuncia as boas novas.
Se queredes descubrir máis detalles da vida, obra e proxectos de Gonzalo Moure, lembrade…
tendes unha cita o martes 16 no Centro Ágora!!!
Libros en directo: David Safier
O próximo mércores 3 de decembro teremos a oportunidade de escoitar ao escritor alemán David Safier no Ciclo de Encontros Libros en Directo, organizado polo Centro Ágora e presentado por Pedro Ramos.
Safier (Bremen, 1966) deuse a coñecer como guionista de series de televisión de éxito como Mein Leben un Ich (Mi vida y yo), Nikola y Berlin e Berlin. Foi galardonado co Premio Grimme e o Premio TV en Alemaña, e cun Emmy nos Estados Unidos. Actualmente vive e traballa en Bremen.
Madito karma (2009), a súa primeira novela, foi un éxito mundial e leva xa máis de trinta edicións en español. Seguírona Jesús me quiere (2010), Yo, mi me contigo (2011), Una familia feliz (2012), ¡Muuu! (2013) e a recentemente publicada pola editorial Seix Barral 28 días (2014).
Nas Bibliotecas Municipais podedes atopar estas seis novelas de Safier, consultade no catálogo a súa dispoñibilidade:
E se queredes coñecer mais detalles sobre David Safier e a súa última obra, lembrade que tendes unha cita o mércores 3 de decembro ás 20.00 horas no Centro Ágora!!!
Libros en directo: Jorge Volpi
O ciclo de encontros con autores Libros en directo continúa a súa terceira tempada co escritor mexicano Jorge Volpi.
O encontro, presentado como é habitual por Pedro Ramos, terá lugar este xoves 20 de novembro ás 20.00 horas no Centro Ágora. Volpi presentará a súa nova obra Memorial del engaño, recentemente publicada na editorial Alfaguara.
Jorge Volpi naceu o 10 de xullo de 1968 en Cidade de México. É licenciado en Dereito, mestre en Letras Mexicanas pola Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) e doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Salamanca. Traballou como diplomático en Francia, colaborou en diversos medios culturais como o xornal El País e Reforma e foi director do Canal 22 no período comprendido entre 2007 e 2011. Cultivou principalmente xéneros como o ensaio e a novela.
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña atoparedes as seguintes obras de Volpi:
- En busca de Klingsor. Premio Biblioteca Breve 1999
- La tejedora de sombras. Premio Iberoamericano Planeta – Casa de América 2012
Podedes consultar a dispoñibilidade destas obras no noso catálogo:
E se queredes ver a Volpi en directo e descubrir máis detalles sobre a súa traxectoria e a súa última novela… lembrade, a cita este xoves 20 no Centro Ágora!!
L3mos con María Canosa e Dani Padrón
Co novo ano, voltan os encontros con autores, baixo o lema L3MOS, na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil, para este encontro que terá lugar o martes 11 de febreiro ás 18:30h teremos a sorte de contar con María Canosa e Dani Padrón que nos presentarán o seu álbum Viaxes de Inverno.
O obxectivo desta programación é dar a coñecer autores locais de literatura infantil e xuvenil, así como presentar novidades editoriais que vaian dirixidas a este público dende as Bibliotecas Municipais da Coruña.
Viaxes de Inverno é o título do álbum editado por Everest Galicia froito do tandem de xóvenes talentos que forman a escritora María Canosa e o ilustrador Dani Padrón, que xa traballaron xuntos en “Acuario” de edicións Émbora e viñeron tamén á esta biblioteca a presentárnolo, e no “O papaventos de Laura”, obra coa que acadaron o VIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” da Deputación de Ourense no ano 2011.
Inverno, unha pinga de auga. Narra como son ás suas aventuras dende o nacemento ata chegar ao mar, onde todo volve a empezar.
Ademáis do lirismo poético dos textos de María no que tan importante é a presencia do mar, a historia ten unha clara aplicación didáctica xa que fala do amor á Natureza e do ciclo da auga dun xeito sinxelo para a comprensión dos primeiros lectores cun estilo tenro e unhas ilustracións que acaen a historia coa finura e a delicadeza de Dani Padrón.
Se queredes coñecer máis obras destes dous artistas non tedes máis que consultar o catálogo das nosas bibliotecas municipais.
Presentación de O poder de Amabel e Xildas, na Biblioteca Municipal Ágora
Este xoves 7 de novembro terá lugar na Biblioteca Municipal Ágora a presentación de dúas obras dirixidas especialmente ao público infantil e xuvenil. Trátase de “O poder de Amabel”, de Érica Esmorís e “Xildas”, de Antonio Manuel Fraga Allegue.
Ambos títulos forman parte do catálogo de Sushi Books, editorial galega de recente creación e especializada en literatura infantil e xuvenil. Na presentación intervirán tanto Érica como Antonio e desvelarán algún que outro segredo de Amabel que busca o seu superpoder en “O poder de Amabel” e do trasno protagonista de “Xildas”.
Ademáis da presentación haberá tempo tamén para a firma de exemplares por parte de Érica e Antonio. Será unha tarde moi entretida, volo ides perder?


















