Arquivo do blog

Recomendacións do Club Fórum Luns

Co Nadal asomando pola porta, o noso club de lectura chega ao seu pequeno parón invernal. Antes de baixar o ritmo, apetécenos botar a vista atrás e compartir as historias que nos acompañaron nos últimos meses: libros que nos fixeron pensar, rir, discutir e, sobre todo, gozar da lectura en boa compañía. Este é o noso percorrido literario antes de que as luces, os brindes e os días de descanso tomen o relevo.

Arrincamos tempada cun libro que prometía, e non defraudou, conversa, reflexión e algunha que outra sorpresa: Libre, de Lea Ypi. A autora lévanos da man pola súa infancia e mocidade nun país en transformación, e faino cunha mirada lúcida, irónica e profundamente humana. Libre é unha mestura de memorias, ensaio histórico e reflexión sociopolítica. A iso engádense pinceladas dun humor tendente ao absurdo. Ypi mostra unha lucidez cegadora: reflicte, desde a experiencia persoal, un momento convulso de transformación política que non desembocou —como se esperaba— en xustiza e liberdade. A transición cara ao liberalismo supuxo a reestruturación da economía, a perda masiva de empregos, a onda migratoria cara a Italia, a corrupción e a quebra do país. Sen dúbida unha lectura que cuestiona, emociona e abre portas a debates ben interesantes.

E continuamos con Virgen Jurada, outra viaxe ás raíces e ás identidades que, igual ca enLibre, nos devolve a unha Albania chea de preguntas e revelacións. A novela explora unha antiga tradición das montañas do norte de Albania: as “vírxenes xuradas”. Estas mulleres renuncian ao seu xénero feminino e fan voto de castidade para asumir o rol masculino dentro da sociedade, accedendo así a dereitos e responsabilidades que lles estarían vetados como mulleres. A protagonista, Hana, abandona os seus estudos en Tirana para coidar do seu tío enfermo. Ao morrer este, e ante a falta dun varón na familia, decide converterse nunha virxe xurada. A novela narra o seu proceso de transformación, os conflitos internos que vive e o impacto emocional de renunciar á súa identidade para sobrevivir nun mundo profundamente patriarcal.

E cambiamos de rexistro para seguir con El libro de las hermanas, de Amélie Nothomb, unha autora á que nos achegamos por primeira vez no club. A súa mirada afiada e o seu estilo inconfundible lévannos a unha historia chea de contrastes, humor e feridas familiares, perfecta para abrir novas conversas e descubrir un universo literario que non nos deixou indiferente.

Esta novela narra a historia de dúas irmás, Tristane e Laetitia, que medran nun fogar marcado pola ausencia emocional dos pais. Estes están tan centrados na súa relación amorosa e descoidan completamente ás fillas, ofrecéndolles un ambiente frío e indiferente. Tristane, a irmá maior, vive unha infancia solitaria ata que nace Laetitia, quen se converte no seu único vínculo afectivo real. A relación entre elas é intensa, profunda e ás veces ambigua: mestura amor, dependencia, rivalidade e complicidade.

E damos outro xiro no noso percorrido lector para adentrarnos en Los nombres de Feliza, unha obra que nos convida a explorar a memoria, as identidades que herdamos e aquelas que escollemos. 

Juan Gabriel Vásquez reconstrúe a vida e a morte da escultora colombiana Feliza Bursztyn, pioneira da arte contemporánea en Colombia. A obra parte da misteriosa frase de Gabriel García Márquez tras a súa morte: “murió de tristeza”, e explora tanto a súa biografía como o contexto político e cultural que a marcou. De trasfondo está o clima político colombiano dos anos 70 e 80, cando artistas e intelectuais sufrían represión e vixilancia. Feliza foi perseguida polos servizos de intelixencia e tivo que marchar ao exilio. O libro non só é unha biografía novelada, senón tamén unha reflexión sobre como se constrúe a memoria dunha persoa, os “nomes” que lle damos, e como a arte pode ser unha forma de resistencia.

O escritor colombiano de prestixio internacional é recoñecido pola súa capacidade de mesturar historia e ficción. A súa obra, traducida a máis de 28 linguas, converteuno nun referente da literatura hispanoamericana actual.

E rematamos con La nieta de Bernhard Schlink, unha novela que nos convida a mirar de fronte o peso da memoria e as feridas que atravesan xeracións. A novela conta a historia de Kaspar, un libreiro de Berlín que, tras a morte da súa esposa Birgit, descobre que ela lle ocultara un segredo: deixou atrás unha filla cando fuxiu da Alemaña do Leste nos anos 60. Kaspar decide buscar esa filla, que agora é unha muller adulta chamada Sigrun, e así comeza unha viaxe que mestura memoria, amor e as feridas da historia alemá. A historia céntrase na relación entre Kaspar e Sigrun, que representa unha xeración marcada por ideoloxías e polos restos da división alemá.

A través dunha historia íntima e chea de matices, Schlink lévanos a reflexionar sobre a identidade, a culpa e a posibilidade —ás veces fráxil, ás veces necesaria— de reconciliarse co pasado. Un final de ruta que trouxo debate, emoción e algunha que outra pregunta aberta.

Agardamos que vos animedes con algunha destas lecturas e que vos acompañen nestes días de pausa. Desfrutade moito do Nadal porque en xaneiro voltaremos con novas historias e ganas renovadas de seguir lendo xuntas e xuntos.

Recomendacións do Club Fórum Luns

O club de lectura Fórum Luns da Biblioteca Fórum, rematou os seus encontros semanais por esta tempada 2024-2025 para desfrutar do verán e volver con máis azos en setembro. Despois dun segunto trimestre moi moi intenso, no que abordamos moi diferentes e variadas propostas, este último quedounos algo máis curtiño en canto a número de libros se refire. Igualmente compartimos con vós as derradeiras lecturas do curso porque pensamos que calquera delas pode ser unha boa opción para este tempo de lecer que temos por diante.

Comezamos a volta das vacacións de Semana Santa cun clásico que de seguro moitas e moitos de vós aínda tedes pendente, El bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez. 

Wenceslao consegue construír un relato máxico e unha narración poética na que dá voz a todos os seres que habitan na fraga de Cecebre. Ao longo das súas páxinas, podes coñecer historias diversas protagonizadas por distintos protagonistas: os anhelos dun gato e os sentimentos dun can, as penas das ánimas, as desgrazas de mulleres que loitan día a día por sobrevivir ou que teñen que marcharse para sempre, a traxedia dunha toupa ou a fazaña dunha troita. Existencias todas elas entrelazadas e unidas por fíos invisibles e eternos.

El bosque animado é unha gran fábula que esconde múltiples ensinanzas. E tamén é un retrato da cultura e o folclore do mundo rural galego, con tradicións ancestrais que lembran o primitivo e orixinal que nos une a unha vida pasada xa esquecida.

O mellor de Wencesalo é que é un escritor nas sombras, deses nos que ninguén se para pero ten moito que ofrecer, e neste libro é capaz de tratar en igualdade de condicións á natureza, humanos e animais. Ofrecendo así un punto de vista da vida en si onde as especies non son o importante senón o lugar que habitamos, porque todos pisamos a mesma terra. Unha metáfora que confabula coa unión de personaxes que se vai facendo máis notoria a medida que pasan os distintos relatos.

Continuamos cunha novidade moi loubada pola crítica, da que din que é unha obra mestra da narrativa contemporánea que desafía as convencións literarias e ofrece unha reflexión profunda sobre o poder, a riqueza e a manipulación da verdade: Fortuna de Hernán Díaz.

A novela está estruturada de maneira innovadora en catro partes interconectadas. É unha obra que desafía ao lector (nalgúns momentos, pode chegar a estar tentado a abandonar impaciente a lectura pola dificultade inicial para intuír o quebracabezas que se completará ao final da historia), que provoca reflexión.

As catro partes contan unha mesma historia a modo de crebacabezas literario con distintas versións e narradores, polo que se considera unha novela polifónica e, á vez, experimental. O máis interesante é que os seus personaxes varían de nomes e posturas. Aínda así, non deixan de estar relacionados co diñeiro e o poder nos Estados Unidos durante os anos vinte do século pasado, incluída a crise económica de 1929. Aínda que o que máis sobresae en cada unha das partes é a forte presenza feminina nun mundo que estivo marcado polo masculino ou o patriarcal.

O autor, Hernán Díaz, nado en Bos Aires é fillo dunha familia que fuxiu da Arxentina tras o golpe de estado en 1976, medrou en Suecia, volveu a Arxentina coa restauración da democracia e desde hai máis de 25 anos reside nos EE.UU. “Fortuna”, é a súa segunda novela e foi finalista do Booker Prize 2022 e gañadora do Premio Pulitzer a obras Literarias de Ficción.

E rematamos con outro clásico pendente La Casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín.

Impresa no ano 1915, La Casa de la Troya é a novela máis importante de Alejandro Pérez Lugín. Premiada pola Real Academia Española, desenvólvese na Compostela de finais do século XIX e narra a historia de amor entre dous mozos, Gerardo e Carmiña. A novela reflicte as actividades dunha sociedade que Lujín chegou a coñecer. O autor serviuse de personaxes reais para construír os que poboan este libro inesquecible. A obra foi un éxito desde o primeiro momento.

A trama narra a vida dun mozo madrileño que é enviado a Santiago a estudar dereito. Alí coñece a amizade verdadeira e, como non, o amor. Aventuras e desventuras dos estudantes; marabillosa ambientación no Santiago da época con todo luxo de detalle, non custa nada imaxinarse, a quen coñeza a capital, paseando pola Alameda, polos arredores da catedral, polas súas rúas de pedra baixo a choiva…; romance e amoríos varios; costumismo e tradicións galegas son temáticas moi presentes na novela.

Alejandro Pérez Lugín nado en Madrid 1870 e finado en O Burgo, (Culleredo) 1926. Xornalista, escritor e cineasta español. En Madrid destacou como crítico taurino baixo o pseudónimo de Don Pío. A súa produción novelística localízase en dous ámbitos preferentes: Galicia e Andalucía. As súas obras máis coñecidas son as novelas “La casa de la Troya” e “Currito de la Cruz”. Estaba emparentado con Rosalía de Castro, xa que a súa avoa era irmá da nai de Rosalía.

Recordade que tedes nun post anterior as lecturas da primeira e segunda tempada do club dos Luns Fórum deste ano. Agora, estamos pensando xa nas lecturas do próximo curso pero antes, temos por diante un tempo de escollas individuais para nos acompañar nestes días solleiros e de lecer, botade unha ollada ao noso catálogo!!

Recomendacións do Club Fórum Luns

O club de lectura Fórum Luns, ao igual que todos os da rede, toman unha semana de descanso e parécenos unha boa oportunidade para deixarvos as recomendacións das nosas últimas lecturas.

Comezamos co cómic Se está muy sola en el centro de la Tierra  de Zoe Thorogood. A xoven autora foi galardoada no 2019 co premio á mellor autora emerxente dos Cómic Scene Awards, e en 2020 gañou o premio ao mellor debut nos Tripwire Awards polo seu fanzine Angel. En 2023 foi nomeada a cinco premios Eisner por “Se está muy sola en el centro de la Tierra” e obtivo o premio Russ Manning á autora novel máis prometedora.

Esta lectura requeriu un esforzo extra e a posta en práctica de todos os sentidos. Non nos resultou para nada un cómic sinxelo de ler, aínda que xa estabamos preaviso. Trátase dunha creación  refinada e complexa que utiliza unha variedade case infinita de recursos gráficos para reflectir, cunha sucesión inabarcable de metáforas visuais, o  estado de ánimo da autora, as súas pequenas vivencias, as súas reaccións ao que lle vai sucedendo. O que máis nos asombra, é que Zoe Thorogood tiña menos de vinte e cinco anos cando escribiu a obra.

A modo de sinopse apuntamos que a autora sitúase no centro da historia. Cando a coñecemos, ten vinte e tres anos e está a pensar, con certa seriedade, en matarse. De feito, ten un coitelo nunha man co fío apuntando cara ao seu pescozo. Pero -como tantos outros artistas de todos os xéneros- descubriu que este non é unha cura contra a depresión, un mal que a axexa desde que era unha nena “rara” que sufría bullying. O mundo está a recuperarse da pandemia de Covid-19, o que incrementa o seu illamento social, a súa ansiedade. A protagonista intenta comezar unha nova obra, e deste xeito escapar dos pensamentos suicidas.

Cambiamos de temática pero non de xénero literario e seguimos con Ciudad de cristal, a novela gráfica, de Paul Auster. Considerado como un dos máis grandes autores norteamericanos contemporáneos, Paul Auster, destaca por obras tan coñecidas como A triloxía de Nova York. Recibiu numerosos galardóns, entre os que habería que destacar o Premio Médicis, a Orde das Artes e as Letras de Francia ou o Princesa de Asturias das Letras.

A novela gráfica é unha adaptación feita por dous autores. Hai que enfrontarse a ela con moita apertura de miras e tentando agarrarse a todo o simbolismo que contén. É unha adaptación sumamente fiel. Como lector chegas a poñerte na pel do que investiga e inclúete dentro do relato. É a primeira parte dunha triloxía con relatos independentes pero con bastante conexión na temática e os protagonistas, co propio Auster formando parte da historia e conformando un conto con múltiples capas de lectura e de narración. A trama céntrase en David Quinn, un escritor que tras a perda da súa muller e fillo, decide adoptar un pseudónimo, entrando nunha profunda crise de personalidade e rozando o límite da depresión. Un día, recibe unha chamada errada preguntando por Paul Auster. O seu interlocutor é unha muller que pretende encargarlle, pensando que se trata dun detective, a protección do seu marido, un poeta con trazos autistas por culpa do peche nunha habitación case toda a súa infancia. Quinn acaba aceptando o caso, meténdose de cheo nunha investigación cada vez máis misteriosa e case saltando dunha personalidade a outra ata chegar a un punto en que lle custe saber quen é.

Aínda que no club somos máis fans da novela, que por outra banda xa case todas leramos, foi un extra adentrarnos na novela gráfica.

Continuamos con Cualquier verano es un final do escritor, guionista e director de cine español Ray Loriga. 

O narrador da novela é Yorick, un protagonista que sufriu unha operación a vida ou morte a causa dun tumor cerebral. Neste sentido, o autor, Ray Loriga comenta nunha entrevista que lle prestou ao personaxe esta operación, que el mesmo sufriu, e como resultado, decidiu escribir esta novela na que os seus protagonistas, Yorick e Luiz , están continuamente dándolle voltas á morte.  Unha vez superada a operación e atopándose moito mellor, o protagonista e narrador, Yorick, será o encargado de acompañarnos nesta intrincada novela de amizade, amor e humor cara ao seu amigo Luiz, o outro gran protagonista, un personaxe divertido, amable e absolutamente san, pero que desexa morrer antes de envellecer, e para iso tentará coñecer o lugar tan especial en Suíza, onde poder facelo de forma asistida, con tranquilidade e sen sufrimento nin dor.

O amor, a amizade, a vida, tamén a morte, a obsesión e os dilemas morais están presentes en  toda a novela. Narrada con estilo e agudeza, con moitas referencias ao cinema, á música, ao cómic e sobre todo, prevalecendo o monólogo interior e poucos momentos dialogados, Ray Loriga, logra manter no lector a atención e o interese. Un libro que convida á reflexión constante. 

A seguinte lectura compartida foi El fin de la soledad do novelista alemán Benedict Wells.

O protagonista desta historia sofre a perda dos seus pais cando era pequeno. Tras este suceso, ingresa nun internado público xunto cos seus irmáns pero de xeito separado. As súas vidas cambiaron radicalmente pero aínda non saben canto. Aínda que rodeados de novas persoas, a soidade é un sentimento constante. Cada irmán carga con este pesado trauma familiar da mellor maneira que pode. Jules é feliz a pesar de ser moi distinto dos seus irmáns. A súa irmá é a moza rebelde, que fala máis que fai e quere comerse o mundo. O seu irmán con todo é solitario, con trastorno impulsivo e moi intelixente. Jules atopará a unha amiga moi especial que o destino se encargará de unir e separar do ao seu antollo. Unha historia presente, que viaxa a través da narración do seu protagonista desde o pasado. Así, e aos poucos, viviremos xunto a el a súa vida. Como todas, cos seus altibaixos.

Benedict Wells traza un complexo mapa para facer que os personaxes evolucionen conforme pasan os anos e con eles, as súas historias, vendo como medran e como se enfrontan de forma individual aos seus problemas e pantasmas do pasado. En ningún momento o autor se recrea no drama da familia se non que reflexiona ao redor del e como poder superalo. E quizá sexa este un dos obxectivos da lectura: ver o lado positivo das cousas, así que con iso nos quedamos.

Continuamos con Los alemanes do escritor e periodista madrileño Sergio del Molino. Premio Ojo Crítico e Tigre Juan, entre outros, por La hora violeta, é autor tamén das novelas Lo que a nadie le importa (2014) e No habrá más enemigo (2012). O seu ensaio La España vacía (2016), gañou o premio dos Libreiros de Madrid ao Mellor Ensaio, Premio Cálamo ao Libro do Ano e un dos dez mellores libros de 2016 en España según Babelia. 

En Los alemanes, o pano de fondo da historia son os “alemáns do Camerún”, seiscentos alemáns que, en 1916, durante a Primeira Guerra Mundial, entregáronse ás autoridades coloniais españolas en busca de refuxio e instaláronse en Zaragoza, onde fundaron unha pequena pero unida e orgullosa comunidade. O texto, situado no noso presente, é dicir, 100 anos despois da chegada dos alemáns do Camerún, céntrase nos descendentes dunha desas familias: os irmáns Schuster. Gabi, un músico cuxo enterro inicia a novela; Fede, profesor nunha universidade de Ratisbona; e Eva, política en Zaragoza. Os tres, ao seu modo, abdicaron do seu pasado, e con xustas razóns. Reencontrados en Zaragoza pola morte de Gabi, Fede e Eva vense obrigados a enfrontarse co pasado, coa historia daqueles alemáns dos que se sabe pouco, e en específico coa historia da súa propia familia.

Os alemáns é un libro que fala da familia e da herdanza da culpa, do moito que nos marca o camiño o lugar do que procedemos e como entendemos a nosa historia familiar. Os diálogos, a miúdo brillantes, están moi cargados de conversación cultural, de literatura, historia e filosofía, pero é a música a que ocupa a maioría das múltiples referencias que atopamos nos alemáns.

E rematamos viaxamos ata Londres con Lo que queda de luz  de Tessa Hadley.

Ambientada no Londres actual, dacabalo entre a década dos noventa e dous mil, a novela profundiza na psique e nas relacións humanas dun grupo de amigos que se resente tras a perda dun dos seus membros máis sólidos. A través dun narrador omnisciente, o lector terá a oportunidade de indagar e descubrir as profundidades dos pensamentos destes tres personaxes principais; os seus conflitos persoais internos, as súas preocupacións, medos, inseguridades, os seus sentimentos ou reflexións.

Son moitos os temas para reflexionar ao longo da obra, sendo o principal as relacións e a toma de decisións pasadas coas súas respectivas consecuencias futuras. A madurez das amizades sólidas, as relacións familiares, a procura dun mesmo, o cambio de filosofía vital tras a perda, a inseguridade, o baleiro ou a desolación son algunhas outras problemáticas aos que se enfrontan os personaxes. Tessa Hadley destaca por posuír unha pluma deliciosa, pulcra, pulida e detallista. Grazas á súa exquisita prosa consegue traspasar as páxinas e atrapar ao lector penetrándoo na historia e facéndoo partícipe da mesma.

Autora tardía, Tessa non publicou a súa primeira novela ata cumprir os 46 anos, e desde entón a súa reputación literaria e o aprecio dos lectores non deixan de medrar con cada novo libro. A súa obra recibiu o Premio Windham Campbell e o Premio Hawthornden. É profesora de Literatura e Escritura Creativa na Universidade de Bath Spa.

E ata aquí as nosas lecturas deste segundo trimestre, agardamos que vos sexan de utilidade e vos den ideas por se aínda non tedes decidido que ler estes días de lecer que temos por diante.

Recomendacións do Club Fórum Luns

Rematado o primeiro trimestre, os clubs de lectura da Rede Municipal de Bibliotecas fan un parón en Nadal. Pero conscientes que esta é sen dúbida unha boa época para ler ao tempo que celebramos e descansamos, dende o Club dos Luns da Biblioteca Fórum compartimos con vós as lecturas que ocuparon as nosas tertulias estes meses.

Estrenamos curso cun libro que, para algúns medios, foi o mellor do 2024, La llamada: un retrato da escritora e xornalista arxentina Leila Guerriero e editado por Anagrama.

O título do libro alude ao fortuíto contacto telefónico que salvou a vida de Silvia Labayru. A obra é un retrato de Silvia, adolescente secuestrada no ano 1976 con cinco meses de embarazo, torturada, violada e escravizada polos militares arxentinos. O que chama a atención é que, Silvia Labayru parece non encaixar no cánon de vítima que adoitamos manexar. Durante o seu cativeiro foi obrigada a infiltrarse, xunto a un dos seus captadores, na organización das Nais da Praza de Maio. Cando por fin é liberada pensou que rematara o inferno para ela… pero nada máis lonxe da realidade, xa exiliada en España, comezaba outro episodio moi cruel.

Sen dúbida, estamos ante un traballo extraordinario de documentación e entrevistas por parte da escritora. Leila Guerriero conforma un retrato complexo e íntimo no que superpón a historia dura da guerrilleira e a súa psicoloxía que se vai revelando tamén das súas conversacións cotiás. Guerriero aluma unha historia complexa na que se amalgaman unha constelación de recordos con retallos do presente, desde a escoita dispoñible dunha xornalista que non xulga, sinxelamente está atenta.

Continuamos coa novela La tierra que pisamos de Jesús Carrasco, de quen xa lemos en ocasións anteriores “Llévame a casa”.

Adentrámonos nun escenario rural con tintes distópicos: unha rexión estremeña (Terra de Barros) nunha futura España que foi anexionada polo Imperio (non se cita pero pode supoñerse unha Gran Alemaña) e a que o exército invasor continúa as tarefas de pacificación. A ese lugar retirouse un matrimonio de vencedores, o cruel coronel Iosif Holman, agora reducido a un refugallo humano, e a súa esposa Eva, a narradora. O conflito exponse cando un home enigmático, Leva, que se nega a falar, refúxiase no horto da leira, entre bancais e hortalizas.

Estamos ante unha ucronía, que critica a realidade pasada e presente metaforizándoa nun mundo paralelo. Reencontramos trazos xa coñecidos en Carrasco, forza narrativa, unha paisaxe despoboada, o illamento duns poucos personaxes, unha fuxida misteriosa, a violencia latente a piques de descargar a súa furia, a compaixón e o horror.

Cambiamos totalmente de rexistro con La mala costumbre de Alana S. Portero editado por Seix Barral. Alana é escritora, poeta, dramaturga e directora escénica española que escribe sobre cultura, feminismo e activismo LGTB cun enfoque concreto na realidade das mulleres trans.

La mala costumbre é unha obra que nos amosa, desde unha primeira persoa, a adolescencia e a mocidade dun eu atrapado nun corpo que non recoñece pero co que sobrevive tentando comprenderse, nun mundo cheo de violencia e nun barrio de Madrid, San Blas, arrasado polas drogas, as mortes, a pobreza e a clandestinidade. Unha obra destacable tanto pola historia descrita como pola maxistral técnica narrativa, tanto no uso da linguaxe como na exposición das distintas fases evolutivas da protagonista.

Alana consegue facernos comprender e sentir o duro que é sentirse un impostor e traizoar a túa propia identidade, o medo e a vergoña a non estar á altura das expectativas da xente. La mala costumbre fala da infancia nun barrio obreiro, de pais deslomados a traballar que non che entenden pero protéxente, de aceptación, disidencia e tamén de sororidade.

Seguimos cunha historia potente sobre as relacións nai-filla con Vencellos feroces da crítica, xornalista, ensaísta e escritora de memorias estadounidense Vivian Gornick.

Nai e filla nunca se levaron ben. A pesar diso, ambas gozan dos seus paseos polas rúas de Nova Iork. Mentres conversan e lembran a súa vida xunto a aquelas familias xudías coas que compartían un bloque de pisos no Bronx, os lectores imos descubrindo canto se parecen nai e filla a pesar de todo. A nai que desprega unha forte personalidade, tivo unha mocidade moi activa politicamente e, con todo, elixiu, primeiro, vivir no AMOR ao seu marido e despois, tras a súa morte, no sufrimento sen el. Agora sente que non viviu a vida que lle estaba destinada, unha profunda carencia que lle leva mesmo a sentir ciúmes da vida que leva a súa propia filla.

En Vencellos Feroces asistimos a un proceso de cambio que se veu producindo nas mulleres ao longo das últimas décadas á hora de determinar o que é importante nas súas vidas e de establecer a nova forma de relacionarse cos homes. Estamos ante un libro sinxelo e intelixente, brutal no honesto e no cotián, fermoso en todas as súas formas. Cun uso intelixente e sutil da linguaxe, atrápate e lévate por toda a historia de principio a fin.

Un libro que sen dúbida foi éxito rotundo foi Otra vida por vivir do escritor Theodor Kallifatides e editado por Galaxia Gutenberg.

Estamos ante unha novela biográfica.Theodor é un gran autor sueco, de orixe grega. Escribiu máis de corenta libros. A vida sorriulle, fama, premios, vida familiar. Pero á súa ancianidade decide volver e reencontrarse a si mesmo no seu país natal, porque xa non se sente sueco, aínda que tampouco se sente de todo grego. Escribe este libro, o primeiro escrito en grego, gañando en España o Premio Cálamo Extraordinario en 2019. “Eu quería que todo seguise sendo como antes”. Ese é un dos dramas do expatriado. Soña con volver ao que deixou. Pero iso xa non existe máis que na súa embazada memoria”. “Otra vida por vivir”, é un libro reflexivo onde o autor se sincera consigo mesmo e co lector.

Os temas de debate na tertulia xiraron arredor dunha suxestiva diversidade de temas. A súa incursión no cine, a emigración a Suecia, como a deshumanización afecta enormemente o autor, incidindo á súa vez no seu bloqueo creativo. O regreso a Grecia e en concreto a Atenas, desgarra o corazón de Theodor pola situación de pobreza na que vive boa parte da poboación. Pero ao mesmo tempo o reencontro coas súas raíces proporciona a Theodor o impulso que necesitaba para a escritura no seu idioma deste libro.

Theodor Kallifatides publicou máis de corenta libros de ficción, ensaio e poesía traducidos a varios idiomas. Naceu en Grecia en 1938, e emigrou a Suecia en 1964, onde consolidou a súa carreira literaria. Traduciu do sueco ao grego a grandes autores como Ingmar Bergman e August Strindberg, así como do grego ao sueco. No 2023 recibiu a Medalla de Ouro do Círculo de Belas Artes de Madrid.

E rematamos o trimestre cun libro diferente, Sangre Horchata da autora de foz Luisa Castro.

A novela expón a vida dunha peculiar familia adiñeirada coas súas non menos peculiares rutinas que coñecemos a través do diario que a súa protagonista, Belén, dá forma segundo os seus recordos con case 30 anos, do vivido durante a súa adolescencia e xa coas pezas do quebracabezas máis encaixadas. Un pai en cadeira de rodas, un equipo de xestión paterna ante a súa potencial futura ausencia, un medio irmán uns anos maior que ela coa súa propia vía de escape, e unha nai nunha distancia física e figurada que, “canto máis lonxe estivese” mellor para non alterar a xa de seu anormal vida que levaban, e sen o máis mínimo indicio de botala de menos.

Abundan as referencias culturais, sobre todo cinematográficas, que engaden significación á historia. Latexan argumentos como a nai ausente, a falta de atención na infancia, a tristeza do fracaso, os segredos, o desamparo a calquera idade ou o quebracabezas que é cada familia. Un relato cunha narración impecable, con varios quiebros de guión e saltos no tempo, con pinceladas e tintes cómicos sobre o que dentro desa casa ocorre, porque “a cada un tócalle vivir a súa vida e a que herda”.

Agardamos que algunha destas lecturas vos acompañe este nadal, podes consultar a súa dispoñibilidade a través do noso catálogo. E non esquezades  botar un ollo á nosa guía que, ano tras ano, deixa na túa porta as nosas suxestións de “Historias de regalo” para estas datas.

Fin de tempada do Club de lectura Fórum Luns

O Club de lectura Fórum Luns rematou os seus encontros semanais por esta tempada para desfrutar do verán e volver con máis azos en setembro. Coma soe acontecer, o trimestre foi intenso, no que abordamos moi diferentes e variadas propostas que agora queremos compartir convosco porque calquera delas pode ser unha boa lectura para este tempo de lecer que temos por diante.

Comezamos a volta das vacacións de Semana Santa con novela de intriga e misterio, “Los cuerpos extraños” do escritor madrileño Lorenzo Silva. Desfrutamos as aventuras de Bevilacqua e Chamorro, os gardas civís que debutaron en “El lejano país de los estanques”, en 1995, converténdose nos personaxes máis populares de Lorenzo Silva.

“Los cuerpos extraños”, é a oitava entrega e do mesmo xeito que as anteriores reflicte os acontecementos da España actual. Un dato curioso é que se supón que a saga transcorre en tempo real, ou sexa que a acción de cada libro sucede no momento no que se publica. De feito, Bevilacqua ten máis ou menos a mesma idade que Silva e vai evolucionando con el. Neste caso o brigada Bevilacqua debe trasladarse súbitamente coa súa compañeira Chamorro e outros membros do seu equipo á costa levantina. Alí deben resolver o turbio asasinato dunha alcaldesa, cuxo corpo foi achado na praia por uns turistas.

Silva toma como escusa a trama policíaca para retratar a estendida falta de valores da sociedade actual. No medio dunha intriga moi ben construida, destacan os numerosos golpes de humor. O título está relacionado co surrealista contorno da Cidade das Artes e as Ciencias, de Valencia, cuxas instalacións se describen como “eses corpos estraños emprazados na médula daquela vella cidade”.

Nada ten que ver a historia que acontece en “El árbol de jengibre” a novela máis coñecida de Oswald Wynd (1913–1998), escrita no ano 1977 e que foi adaptada a unha miniserie televisada pola BBC en 1989.

A protagonista é Mary Mackenzie quen escribe uns cadernos, a modo de diario desde que inicia a súa viaxe desde Escocia cara a China para contraer matrimonio co seu prometido. Mary Mackenzie é unha muller que se deixa guiar polos seus ideais, os seus pensamentos, os seus sentimentos e os seus soños. Algo controlada ao comezo da súa chegada a China, o lector irá apreciando aos poucos a súa evolución, ata conseguir ser unha muller independente, aínda que en ocasións teña que loitar a contracorrente. É unha muller valente e aventureira, que empeza a confiar en si mesma cando o descobre, aínda que en ocasións, certas decisións enturben a felicidade que busca.

A historia comeza no ano 1903, así que é fácil saber o papel da muller naquela época: esposa, casa, fillos, e acatar as ordes que o marido lle dá. Pero se a iso sumamos a cultura chinesa e xaponesa daquela época, a combinación é aínda máis rechamante. Estamos ante un texto moi íntimo e sinxelo á vez, sen grandes descricións nin sentimentalismos excesivos. Un dos temas centrais  é a soidade vital, o desamparo e o crecemento persoal.

Continuamos con “La nostalgia de la Mujer Anfibio” da escritora, crítica literaria e tradutora Cristina Sánchez-Andrade. Natural de Santiago de Compostela, Cristina, actualmente vive en Madrid, onde compaxina o seu labor como novelista coa docencia universitaria e con colaboracións en distintos medios, entre eles La Voz de Galicia e El País.

A historia da novela parte dun incidente real, o naufraxio do Santa Isabel na ría de Arousa e a autora fálanos dun poboado galego no que os seus habitantes non conseguen lembrar o ocorrido, tan só teñen algúns recordos borrosos do que pasou ese 2 de xaneiro de 1921. Sen embargo Lucha Amorodio si que ten un recordo que atesoura desde que tiña dezaseis anos: un náufrago inglés co que perdeu a virxindade, un feito que marcará a súa vida, a da súa filla e tamén a da súa neta. Pero ese recordo, como o do resto dos seus veciños, está tan borroso que hai días que non cre que fose real. A narración ten pequenas pinceladas de surrealismo ou realismo máxico, e tamén algo de simbolismo, deixando oco para tradicións e supersticións, para o humor no medio do drama que subxace a toda a trama.

A combinación dun feito histórico de enorme repercusión no seu día, coa ficción permite a Cristina Sánchez-Andrade facer un singular percorrido por tres xeracións de mulleres dunha pequena comunidade pesqueira chea de personaxes memorables. Destacable é o feito de que, aínda que nesta novela hai personaxes masculinos, as mulleres do pobo son as auténticas protagonistas desta historia. A illa de Sálvora e o pobo de Oguiño son o escenario desta novela. As súas praias, rúas e casas teñen acento galego. Pódese cheirar e sentir o salitre na pel grazas a unhas descricións vívidas e ás veces “algo estrañas”.

Rematamos con “As Ramonas”, de Ana Cabaleiro. A historia dunha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia a súa meta de triunfar no mundo da arte. Mona Otero, que é como se chama a nosa protagonista, foi sancionada coa perda do carné de conducir, e o feito de non poder dispoñer de coche propio, polo que depende doutras persoas para desprazarse.

Estamos ante unha historia cun carácter claramente feminista onde o rural está tamén moi presente pero visto desde unha perspectiva máis actual e moderna. Ambientada en Saídres, Lalín e Compostela (localizacións unidas pola estrada nacional 525), ponse de manifesto a diferenza entre o centrismo e a periferia, e quen define o que está no centro ou na periferia. O tema central é a vida, iso que pasa diante de nós cando abrimos os ollos. Como se vive actualmente nun interior cada vez máis avellentado que se resiste a morrer, a onde se volve frecuentemente despois de pasar a semana na cidade. Tamén como se viviu, as expectativas xeradas a redor dunha vía de tren que trouxo traballo e mortos. E a arte como método de realización persoal.

En suma “As Ramonas” resultounos unha novela divertida que vai gañando interese conforme avanza. Atoparnos con esas sorpresas e xiros ao terminar cada parte é un plus que nos convidaba a seguir lendo.

Ana Cabaleiro é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou o máster de Estudos Teóricos e Comparados de Literatura e Cultura. Colabora en Sermos Galiza e no Boletín Galego de Literatura. En 2018 gañou o Premio García Barros coa novela “As Ramonas”. Nas bibliotecas municipais tes dispoñibles outras obras súas como: “Xa vemos palmeiras”, “Deixádenos remar” ou “Sapos e sereas”.

Recordade que tedes nun post anterior as lecturas da primeira e segunda tempada do club dos Luns Fórum deste ano. Agora, estamos pensando xa nas lecturas do próximo curso pero antes, temos por diante un tempo de escollas individuais para nos acompañar nestes días solleiros e de lecer, botade unha ollada ao noso catálogo!!

Encuentro con el reciente Premio Nadal José C. Vales

El pasado jueves 19 de febrero por la mañana, los clubs de lectura de la Biblioteca Forum así como los asistentes al taller “Disfrutando de aprender” tuvimos la inmensa suerte de contar con el reciente ganador del Premio Nadal, José C. Vales en un encuentro previo al Ciclo de Encuentros con Autores Libros en Directo organizado por el Centro Ágora y presentado como ya es habitual por Pedro Ramos.

De su trayectoria como redactor, editor y traductor hablaba nuestra compañera Nuria en un post anterior. Lo que aquí queremos resaltar es la cercanía y amabilidad de José C. Vales,  así como nuestras impresiones después de haber tenido un encuentro tan personal con él. Su cara alegre y expresión desenfadada para nada se corresponden con la imagen de duro que representa la foto de contraportada Cabaret Biarritz.

PREMIO NADAL 2015_JOSÉ C. VALES 031

Sin duda su carrera como traductor centró buena parte de la conversación ya que por ahora esa es su profesión, hecho que ha dejado huella en su obra literaria: El pensionado de Neuwelke novela, cuenta, que escribió por una apuesta y la recientemente galardonada con el Premio Nadal 2015 Cabaret Biarritz de la que el autor destaca las distintas formas de narrar los hechos a través de las diferentes visiones de sus personajes. Esta, su última obra es una novela de investigación, extravagante, que a partir de la investigación de un crimen esboza el retrato de una sociedad en plena agitación, el Biarritz de 1925. Una sociedad de la que el autor resalta sobre todo las vivencias que más le interesan: las vidas lujosas de la gente adinerada que frecuenta los cabarets o el estilo de vida de las “flapers”. Vales destaca que, a pesar de que la trama gira en torno a una adolescente local que aparece muerta en el puerto sujeta a una argolla en el muelle con la cara devorada por los peces, esta es una novela llena de pinceladas de humor, un ingrediente que el autor considera fundamental.

Vales nos contó alguna que otra anécdota que, aunque creemos confesable, no vamos a publicar aquí. Con su amabilidad y buen hacer nos quedamos, y por supuesto con sus recomendaciones literarias

“creo que todo el mundo debería leer Frankenstein de Mary  W. Shelley  (una de sus escritoras favoritas) y Drácula de Bram Stoker”

De agradecer es también su especial dedicatoria, una cita de Jane Austen que dice así:

PREMIO NADAL 2015_JOSÉ C. VALES 092

“Que otras plumas se entreguen a la pena y la desesperación”

Muchas gracias José C. Vales. Esta es tu casa. Puedes venir siempre que quieras.

A Biblioteca Forum presenta: Ponte en escena

Coincidindo co Día Mundial do Teatro o 27 de marzo na Biblioteca Forum Metropolitano organizamos unha mostra bibliográfica adicada a esta arte e ao mundo da escena en xeral. A mostra estará dispoñible do 1 de febreiro ao 31 de abril na sala de adultos e na infantil da Biblioteca Forum Metropolitano.

Cartaz Ponte en escena

Quixemos ir máis aló e a selección bibliográfica abarca dende libros informativos ata novelas e material sonoro e audiovisual. Entre o material seleccionado atoparás os diferentes xéneros do teatro: a obra musical, a comedia, a farsa, a pantomima, a comedia romántica, a traxedia, a fantasía, a ópera, o teatro do absurdo, e moitas outras formas, tanto tradicionais coma experimentais. Así como obras narrativas que posteriormente foron levadas ás táboas sendo todo un éxito.

O teatro é a rama da arte escénica relacionada coa actuación que representa historias fronte a unha audiencia usando unha combinación de discurso, xestos, escenografía, música, son e espectáculo. É tamén o xénero literario que comprende as obras concebidas para un escenario ante un público.

Queremos darlle protagonismo porque o teatro forma parte da cultura e polo tanto non pode permanecer distante dos movementos estéticos, artísticos, poéticos e culturais dos países por onde a súa influencia e memoria camiñan.

Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña propoñémosvos así achegarvos ao xénero do teatro e da escena. Podedes coñecer os fondos que integran a mostra no seguinte wiki “Ponte en escena”,  na Guía de lectura da mostra. E acceder á galería fotográfica do flickr.

Ademáis da mostra poderás desfrutar das seguintes actividades:

Papiroflexias: Montaxe de teatro musical infantil

Cando: 25 de febreiro ás 18:30Cartaz Papiroflexias con data-page-001

Sala Infantil Biblioteca Forum Metropolitano

25 prazas para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Inscrición previa mediante formulario na páxina web das Bibliotecas Municipais a partir do 11 de febreiro ás 10 h.

Da man de Nelson Quinteiro  e inspirado no libro “O Principiño” de Antonie Saint-Exùpery chega “Papiroflexias”, unha montaxe de teatro musical infantil e con música ao vivo no que a conciencia ecolóxica, o teatro de obxectos, a danza con pinceladas de baile tradicional galego e a papiroflexia mestúranse. As bolas, paxariñas, canóns de confetti, avións de papel ou comecocos xigantes dan ritmo e narración a un relato de transfondo ecolóxico.

A morte é a túa voz ausente: peza teatral inspirada nas últimas horas do autor italiano Cesare Pavese. É unha obra da Cartaz actividade Diana Varelaescritora e avogada Diana Varela na que o actor Juan Vázquez interpreta ao escritor Cesare Pavese.

Cando: 11 de marzo ás 20 h. na sala de adultos da Biblioteca Forum. Entrada libre ata completar aforo.

Cesare Pavese, antes de morrer, deixou unha nota de despedida. “Perdoo a todos e a todos pido perdón. De acordo? Non murmuredes moito”. Estas últimas horas da vida da vida do escritor serven como inspiración a Diana Puñal para escribir a peza teatral A morte é a túa voz ausente. Vítima de represións polo seu posicionamiento antifascista, suicidouse o 27 de agosto de 1950 nun hotel de Turín, despois de facer varias chamadas de teléfono…sen que ninguén collera ao outro lado.

 

 

Habitante: performance de interacción escénica a cargo do artista Nelson Quinteiro

Cando: 18 de marzo na sala de adultos da Biblioteca Forum. 12 h. instalación, 17 h. interacción, 19 h. representación final. A entrada será libre ata completar aforo.

Carteliño HabitanteA obra desenvolverase a partir das 12 da mañá ata as 9 da noite. O artista  irá creando os espazos nos que interactuará co espectador ao longo do día. Haberá unha representación final ás 7 da tarde de todas as micropezas de teatro que se desenvolvan ao longo do día. O proxecto #habitante é un exercicio de creación plástica e escénica, ao mesmo tempo que unha actividade performática que leva consigo a composición, instalación, residencia, conversación co espectador/a e posta en escena de micro-pezas asociadas aos espazos escénicos.

 

 

 

 

Outra historia do cinema na Biblioteca Forum

Ao longo do mes de outubro a Biblioteca do Forum Metropolitano celebra o cinema na súa diversidade, o seu glorioso pasado e o seu presente igualmente luminoso.

 

Outra Historia do Cinema

 

 

  • Mostra Bibliográfica: OUTRA HISTORIA DO CINEMA

Do 1 ao 31 de Outubro

A historia do cinema, tal e como nola contaron sempre, tende a ser lineal, masculino e occidental. A cada etapa sucédelle outra, coma se fosen chanzos dunha escaleira de sentido único; non parece haber máis cine que o americano e europeo de tramas claramente novelescas, con algún toque exótico oriental; e os directores, guionistas e produtores adoitan ser homes (por suposto brancos). Pero a verdadeira historia é outra: está inzada de mulleres que crearon obras indispensables, ábrese dende a súa mesma orixe a formas non narrativas e ramifícase por todo o planeta para alimentarse de culturas, linguas, paisaxes e maneiras de entender o mundo moi diferentes. O cine é un e moitos á vez.

Na Biblioteca do Forum Metropolitano preparamos unha mostra bibliográfica con materiais diversos, que podes consultar na seguinte wiki: Outra Historia do Cinema

  • Visita guiada de Martin Pawley: Paseo das estrelas

7 de Outubro ás 19:00 h.

Visita guiada de Martin Pawley (Programador, crítico e productor de cine).

A Biblioteca converténse durante o mes de outubro nun auténtico “paseo das estrelas” ao máis puro estilo hollywodiense, onde as protagonistas son Elas (directoras, guionistas, actrices …) as mulleres máis destacadas no mundo do cine ao longo da historia.

  • Mesa Redonda: 

Cartel Mesa Redonda

A historia do cinema sempre tende a ser lineal, masculino e occidental, pero a verdadeira historia é outra. Participa con nós e coñece outra historia do cinema:

21 de outubro ás 19:00 h.

Participantes:

Martin Pawley (Programador, crítico e produtor de cine)

José Manuel Sande (Programador do CGAI, crítico e historiador de cine, guionista e produtor de ARRAIANOS)

Xabier P. Docampo (Escritor e cinéfilo)

Uxía Villarino (Profesora e cinéfila)

 

TO THE WONDER https://clublectura.coruna.gal/wp-content/uploads/2014/10/bf483-tothewonderdeterencemalick.jpg, de Terrence Malik.

* Festival de Venecia 2012: Premio SIGNIS.

Formato: 35 mm

02, 03 e 04 de outubro

Neil deixou Estados Unidos buscando unha vida mellor, deixando atrás unha serie de feitos dolorosos. Mirando a Mariña aos ollos, Neil está seguro de que atopou á muller que pode amar con dedicación. Pero cando anos máis tarde, unha serie de circunstancias persoais e profesionais rachan a súa relación, outra muller aparece na vida de Neil, con igual ou mesmo maior forza: Jane. Logrará este home manterse fiel á súa promesa inicial ou aproveitará para cambiar a súa vida cara ao futuro que sempre anhelou?

UN CHÂTEAU EN ITALIEhttps://i0.wp.com/www.gamekyo.com/images_1/0bf6c1aee94cbbc5a0900d866e4a35da20131029200441.jpg, de Valeria Bruni Tedeschi

Formato: DVD

09, 10 e 11 de outubro

É a familia de Louise. Pero, cando ela coñece a Nathan, os seus soños de felicidade rexorden.
É tamén a historia do seu irmán enfermo e o destino dunha familia italiana, obrigada a desfacerse do seu patrimonio e parte dos seus recordos. Un mundo que acaba e un amor que dá comezo.

 

https://i0.wp.com/septimovicio.com/portadas/lessalaudsposter.jpgLES SALAUDS, de Claire Denis 

Formato: 35 mm

16, 17 e 18 de outubro

O seu cuñado acaba de suicidarse, a fábrica familiar está ao bordo da quebra e a súa sobriña está ingresada nun hospital psiquiátrico. Sandra acusa a Edouard Laporte de ser o responsable de todos os seus males. Decidido a vingar o dano que causou á súa familia, Marco se muda ao mesmo edificio onde vive a amante de Laporte. Pero Marco non contaba cos segredos que a súa irmá non lle desvelou.

 

https://i0.wp.com/pics.filmaffinity.com/La_imagen_perdida-969340884-large.jpgL’IMAGE MANQUANTE, de Rithy Panh

* Festival de Cannes 2013: Mellor película

Formato: 35 mm

23, 24 e 25 de outubro

Os cidadáns foron enviados a campos de traballo e coa clara intención de eliminar as divisións de clase, todos os efectos persoais foron confiscados e os individuos substituídos por números. As torturas e execucións convertéronse en moeda de cambio á menor infracción.

Nun audaz salto imaxinativo, a historia é representada mediante figuras de arxila superpuestas na narración.

 

  • Mapamundi con referencias a cineastas: Cineastas do mundo

World Cinema

A través dun Mapamundi o “espectador” poderá ver e ser partícipe da diversidade fílmica existente ao longo dos 5 continentes. A modo de panel interactivo será o “espectador” quen descubra, coa axuda dunhas pequenas pinceladas biográficas, a identidade nacional dos cineastas.

 

  • Caixa dos desexos

 Farémonos eco dos teus desexos máis cinéfilos. Poderasnos deixar por escrito as suxerencias de todos aqueles filmes que che gustaría ver ou que tivésemos na biblioteca.

 Caixa desexos

 

  • “3 Minutos: Taller de edición de curtametraxes”

3 minutos Cando: 13, 20 e 27 de outubro, ás 19.00h

Público: de 12 a 16 anos

Inscrición (15 prazas) : do 29 de setembro ao 10 de outubro, na biblioteca, no teléfono 981 184 298 ou enviando un mail a bforum@coruna.es.

Rodaranse curtas suxeridas a partir de personaxes literarias adaptando así os seus aspectos característicos á biblioteca. Usaranse diversas técnicas ademais da imaxe real: debuxo, Stop Motion…

Os nenos aprenderán todo o proceso de montaxe e edición de vídeo, os procesos de efectos sonoros e voces así como a gravación de música. Ao finalizar cada participante terá a súa copia en formato dixital.

 

Presentación do libro, “Manfred von Ricthofen, El Barón Rojo” no Forum

O escritor J. Eduardo Caamaño presentará o seu libro “Manfred von Ricthofen, El Barón Rojo” na Biblioteca Municipal Forum Metropolitano o mércores 8 de Outubro ás 19:00 h.

A biografía máis completa que se coñece ata a data en español do mítico Barón Vermello.

A OBRA:

“Manfred von Ricthofen, El Barón Rojo”  foi editado por Almuzara no 2014 coincidindo co ano no que se conmemora o centenario do comezo da Primeira Guerra Mundial. Escrito cun estilo fluído e de amena lectura, este libro biográfico tamén detalla grandes anécdotas da súa vida, curiosidades do conflito, e fai unha reconstrución dos seus soados combates, ademais dunha interesante análise acerca da polémica creada ao redor da súa morte suceso considerado como un dos misterios máis intrigantes da Primeira Guerra Mundial. O lector coñecerá ao detalle os avións pilotados polo Barón Vermello, os seus combates aéreos e o desenvolvemento de toda a traxectoria do piloto máis exitoso da Primeira Guerra Mundial.

 O AUTOR:

J. Eduardo Caamaño (Río de Janeiro, 1972) é licenciado en económicas, pero foi seducido pola historia desde moi neno. Nun domingo calquera de 1984, ao entrar nun quiosco para comprar cómics, foi atraído pola primeira entrega dunha enciclopedia sobre uniformes militares, unha colección que aínda conserva en casa. Pasados case trinta anos e incapaz de deter a súa adicción por libros castrenses, acabou acumulando unha pequena biblioteca persoal que suma máis de mil títulos, case todos relacionados con historia militar dos séculos XIXe XX. Un día decidiu escribir sobre a vida do “Barón Vermello”, un pracenteiro proxecto persoal que se converteu nunha obsesión. Para iso, dedicou cinco anos de estudo e investigación reunindo unha infinidade de documentos, libros e copias de arquivos provenientes de diversos países, que acabou culminando coa publicación desta obra que inclúe apartados traducidos ao español por primeira vez, converténdose no libro máis completo sobre o Barón Vermello publicado en España e América Latina.

#LeConOrgullo nos clubs de lectura

O 28 de xuño é o Día do Orgullo LGBT (lesbiana, gai, bisexual e transexual), tamén coñecido como Día do Orgullo Gai, é unha serie de eventos que cada ano os colectivos LGBT celebran de forma pública para instar pola tolerancia e a igualdade dos gais, lesbianas, bisexuais e transexuais.

Dende xa hai uns anos as Bibliotecas Municipais da Coruña vólcanse nunha serie de actividades que esta semana iremos adiantando.

AS MUNICIPAIS ENTENDEN:

Os fondos das bibliotecas son (e deben ser) un fiel reflexo da sociedade e moi especialmente das comunidades ás que prestan servizo de proximidade. Como bibliotecas, e como bibliotecarixs, debemos ser partícipes, e mesmo impulsorxs, dos procesos de erradicación de toda manifestación excluínte, optando sempre por unha vía integradora da diversidade.

Calquera persoa que se achegue a unha biblioteca pública buscando información sobre o feito homosexual, bisexual e transexual require de nós unha resposta eficiente. Esta resposta debe traducirse nunha integración total de materiais que toquen a temática LGTB nas nosas estanterías e, ademais, no ciberespazo.
É por isto último que nace esta wiki de cores: para contribuír e apoiar á comunidade LGTB na súa loita polo respecto.

OS CLUBS DE LECTURA:

Son moitas as persoas que participan nos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais, moitas e con moi diversos intereses. E precisamente por esa diversidade, a experiencia resulta enriquecedora e satisfactoria. Intercambio de opinións, vivencias, puntos de vista en torno ás vidas ficticias de personaxes que salen do papel e viven fora da ficción, e que no fondo son reflexos ficcionais de personaxes que, en maior ou menor medida, crúzanse nas nosas vidas no día a día.

Dende as Bibliotecas Municipais queremos invitarvos a participar dunha sesión especial do Clubs de Lectura o mércores 25 de xuño na Biblioteca Forum Metropolitano da Coruña, a obra elexida para a ocasión será El azul es un color cálido de Julie Maroh, editado en España por Dibbuks:

El azul es un color cálido, Julie Maroh:

Clementine é unha adolescente sen problemas. Chega do campo para integrarse nun instituto no que sente a gusto. Un día crúzase na rúa cunha parella de mozas. Unha leva o pelo tinguido de azul, e sorrille, mentres Clementine baixa a vista. A partir deste preciso momento todo vai cambiar para ela: a súa relación cos seus novos amigos, o seu sitio na familia, as súas prioridades? e sobre todo a súa sexualidade. É difícil saber que aspecto ten o amor. Ás veces doe e sempre hai obstáculos no camiño. Pero unha calor inabarcable instálase no estomago, que che fai vibrar e empúxache a superarche.

A autora conseguiu cativar ao público e á crítica, conseguindo varios premios como os de Mellor Obra por votación popular e Autor Novel no Festival de Angoulême e o de Mellor Autor Novel no Salón do Cómic e das Artes Gráficas de Roubaix, (Francia).

No noso blog especializado en Cómics, Fancomic.es, temos una reseña propia.

 

Para participar na sesión especial dos Clubs de Lectura o mércores 25 de xuño na Biblioteca Forum Metropolitano da Coruña, tes que confirmar asistencia antes do venres 20 de xuño, no email bforum@coruna.es