Category Archives: ensaio
El infinito en un junco, de Irene Vallejo
Nas pasadas sesións do club de lectura de Monte Alto tivemos a oportunidade de ler El infinito en un junco, de Irene Vallejo.


Tradución do libro de Irene Vallejo ao galego e a versión orixinal en castelán.
Aínda que foi un dos libros máis grosos que lemos este curso (472 páxinas), resultou ser un dos favoritos dos e das asistentes. Nel puidemos aprender máis da historia dos libros, reflexionar sobre o que supuxo a invención da palabra escrita para o noso desenvolvemento como especie ou reflexionar sobre o papel da memoria e o traspaso de coñecemento.
Donde los documentos se eliminan y los libros no circulan libremente, es muy fácil modificar a placer, impunemente, el relato de la historia.
el infinito en un junco, irene vallejo
A autora, Irene Vallejo, é doutora en Filología Clásica polas universidades de Zaragoza e Florencia. Investiga e divulga autores clásicos grazas á súa colaboración con medios como o Heraldo de Aragón e El País, onde mestura temas de actualidade con ensinanzas do mundo antiguo.

Publicou a súa primeira novela en 2011, La luz sepultada, ambientada a comezos da guerra civil española. Tamén escribiu literatura infantil e xuvenil (El inventor de viajes ou La leyenda de las mareas mansas). El infinito en un junco foi galardoado en 2020 co Premio Nacional de Ensayo, sendo a quinta muller á que se lle concede desde que en 2006 o gañase por vez primeira Celia Amorós. O 23 de abril de 2021 deu en Barcelona o pregón do Día do Libro (Sant Jordi).
En un mundo caótico, adquirir libros es un acto de equilibrio al filo del abismo.
El infinito en un junco, irene vallejo
Fariña, de Nacho Carretero
Nos clubs de lectura das bibliotecas de Estudos Locais e Monte Alto tivemos o pracer de ler Fariña, de Nacho Carretero, no pasado curso.


Versión en galego e versión en castelán do libro de Nacho Carretero.
Aínda que o narcotráfico é un tema que a todos e todas nos soaba, o certo é que Fariña nos achegou datos e curiosidades dese mundo que a maioría descoñecía: apelidos, clans, corrupción, nomes, mortes en accidentes que rematan non sendo tal…
Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.
Sinopse de Fariña.
Ademais, algunha persoa asistente ao club vira a serie anos atrás, polo que aproveitamos para falar das adaptacións audiovisuais de libros e para recomendar outras.

A serie estreouse en Antena 3 o 28 de febreiro de 2018, e unha semana antes, o dia 12, o libro foi retirado da venda de forma cautelar por orde dunha xuíza despois de que o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, denunciara ao autor por suposta vulneración do seu dereito ao honor. O libro colocouse no número un de vendas e a serie conseguiu unha grande audiencia. En xuño dese mesmo ano a xustiza revogou o “secuestro” do libro e, finalmente, en 2021, o caso foi desestimado.
Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é xornalista e traballou nas redacións de varios medios, para despois pasar a ser freelance e escribir para JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo, entre outros. Realizou reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ébola en África, a guerra civil siria, a ola de incendios forestais de 2017 en Galicia ou do seu amado Deportivo da Coruña.

Este é un dos poucos ensaios que lemos desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais, pero definitivamente deixou moi bo sabor de boca.









