Category Archives: Actividades do club
PrimaLetras: o festival dos libros e das letras
Publicado por: Bibliotecas Municipais da Coruña

As Bibliotecas queremos ver florecer as letras esta primavera, por iso organizamos o Festival literario e cultural “PrimaLetras” para celebrar na cidade da Coruña todas as efemérides relacionadas co libro e a lectura que se aglutinan nos meses da primavera (marzo/maio), con especial atención ao 23 de abril (día do Libro).
- 21 de marzo: día da poesía
- 27 de marzo: día do teatro
- 02 de abril: día do libro infantil e xuvenil
- 23 de abril: día do libro
- 01 de maio: día da banda deseñada
- 17 de maio: día das letras galegas
Esta primavera encheremos as bibliotecas municipais da Coruña de actividades e eventos como homenaxe ás distintas efemérides que en relación aos libros e as letras teñen lugar de marzo a maio.
O noso obxectivo de dar visibilidade ao talento literario e á efervescencia cultural que vivimos na actualidade e, ao tempo, ofrecer actividades de calidade para as persoas usuarias das bibliotecas municipais que confían no noso traballo e o demostran participando en todas as propostas que lles facemos.
Unha programación dirixida a aprender e pasalo en grande entre libros e historias para poder participar da efervescencia creativa que nos arrodea.
Tomade nota de toda a programación.
Publicado en Actividades do club, Efemérides, letras galegas, Xeral
Etiquetas: Diadolibro, Primaletras
Insolación, de Pardo Bazán. Visita ao pazo de Meirás
Publicado por: antyaro
Nas pasadas semanas, nos clubs de lectura das bibliotecas de Monte Alto e Estudos Locais tivemos a ocasión de ler Insolación, de Emilia Pardo Bazán. Desfrutamos da súa lectura grazas á marabillosa edición de Reino de Cordelia con ilustracións de Javier de Juan.

Cien años después de la muerte de Emilia Pardo Bazán, Insolación sigue siendo una obra divertida, profundamente castiza y muy adelantada en su concepción, de esencia feminista, a la época en la que fue escrita.
Texto da páxina web de Reino de Cordelia.
Asís Taboada, Marquesa de Andrade e protagonista da novela, preséntasenos nas primeiras páxinas cunha forte xaqueca. A través dos seus recordos, vamos descubrindo que pasou e como rematou con resaca unha viúva seria e decente. Neles aparece continuamente Diego Pacheco, un atractivo gaditano do que só ten malas referencias. Pasan o día na feira de San Isidro, onde Asís Taboada bebe máis da conta e remata cunha insolación… ou algo máis?
Os lectores e lectoras podemos asistir ao debate interno da marquesa, que viviu toda a vida segundo os ditados da moral da época, pero que grazas a Diego Pacheco descubre o que é o desexo.
Ao contrario do que acontecía nas novelas da época, nas que os personaxes femininos que amosaban calquera tipo de desexo sexual remataban caendo en desgraza (Madame Bovary, por exemplo), Insolación ten un final feliz, pois Asís Taboada remata casando co home que [sexualmente] desexa. Tal e como din Marilar Aleixandre e María López Sández en Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán:
Que Asís Taboada estea viúva e non casada acaba presentándose, a nivel argumental, como un requirimento para a grande inversión do modelo narrativo co que a obra está en relación intertextual, inversión que consiste, esencialmente, en dar un final feliz á historia da seducción, á plenitude física e gozosa que Asís encontra con Pacheco (…). En Insolación as regras son outras e a historia, que comeza de xeito clandestino, transgresor e pecaminoso, lonxe de rematar en deshonra ou castigo, acaba nunha explosión de ledicia, cun matrimonio que permitirá a continuidade da conexión física dos amantes.
A pesar da visión avanzada da sexualidade feminina nesta novela de Pardo Bazán, moitos dos e das asistentes concordaron en que Insolación non estaba ao mesmo nivel que outros libros da autora como Los pazos de Ulloa ou La tribuna, aínda que si lles resultou entretida.
Para finalizar o ciclo comezado nas bibliotecas da Coruña celebrando o centenario da morte da escritora, tamén tivemos ocasión de visitar “As Torres” de Meirás, que nunca foron un pazo por moito que se empeñase o ditador Franco. Resultou moi interesante a explicación do guía, que respondeu todas as nosas preguntas e nos ensinou pequenos segredos que garda o lugar, coma a casa de “xoguete” da filla do ditador, o patrimonio roubado pola familia Franco ou os detalles que Emilia Pardo Bazán ordenou colocar na casa dos seus soños, deseñada por ela mesma e maila súa nai.
Aquí vos deixamos unha pequena reportaxe fotográfica. Para a reserva de visitas, totalmente gratuítas e grazas ao concello de Sada, débese acceder a esta páxina web.












Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva
Publicado por: antyaro
Unha das novelas que máis sorprendeu no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais foi a historia que nos relata Inma López Silva no seu Aqueles días en que eramos malas.

Unha monxa, unha puta, unha moza colombiana e unha funcionaria de prisións comparten o módulo de mulleres dun cárcere e viven xuntas encerro, rebelións, lembranzas e emocións.
Así o relata Inma, a escritora que compartiu cela con elas e que non se resiste a vencer a súa incapacidade para escribir contando a vida de cando foron malas, unha historia que, pouco a pouco, se converte na confesión e testamento literario da autora. Aqueles días en que eramos malas é unha novela áxil e emocionante que transita entre a traxedia e a comedia. O cárcere como un mundo descoñecido, situado nas marxes da sociedade e da vida, no que existen víctimas, verdugos e, sobre todo, historias vitais fascinantes. A novela máis ambiciosa de Inma López Silva.
Sinopse de Aqueles días en que eramos malas
Inma López Silva é escritora e crítica teatral, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomada en Estudos Teatrais pola Universidade da Sorbonne Nouvelle. Na actualidade combina a actividade literaria coa docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Tamén é columnista en La Voz de Galicia. Podes ler aquí os seus artigos.
É autora dunha ampla obra literaria que foi recoñecida cos principais premios da literatura galega. Ten escrito relatos (Rosas, corvos e cancións, 2000), ensaio feminista (New York, New York, 2007, Maternosofía, 2013, ou Chámame señora, pero trátame coma a un señor, 2018) e ficción (Memoria de cidades sen luz , 2007; O libro da filla, 2020).
Os e as asistentes do club desfrutaron coñecendo as vivencias das mulleres protagonistas e descubrindo un mundo tan descoñecido para eles e elas: o do cárcere.
O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga
Publicado por: antyaro
Alguén dixo unha vez que a LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) non é só para as idades que veñen marcadas no propio libro, senón que abranguen desde esos anos ata +99.
No club de lectura de Escritores e Escritoras Galegas non podemos estar máis de acordo, e o curso pasado tivemos a inmensa sorte de ler O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.

1933. Aos seus trece anos, Suso é obrigado a pasar o verán nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza por mor da súa mala saúde. No traxecto en tren cara ao seu destino estival, chega ás súas mans un caderno cun misterioso título na cuberta: Liber bestiarium scientificus. Cando Suso decide mergullarse nas súas páxinas, lonxe está de saber que ese intre marcará un verán cheo de aventuras na compaña de Tila, unha rapaza das colonias coa que acabará forxando unha bonita amizade.
Sinopse de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa.
O seu autor, Antonio Manuel Fraga, naceu en Nogueirosa (Pontedeume), pero é Coruñés de adopción. É Enxeñeiro Técnico Industrial, escritor e docente. As súas obras foron gañadoras, entre outros, do xa nomeado Premio María Victoria Moreno, do Premio Merlín de Literatura Infantil (O castañeiro de abril, 2013) e do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil (santoamaro, 2021), ambos de Xerais, ou do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica e do Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria, os dous pola obra Querido H.P. Lovecraft (2016, Urco Editora).
A obra fálanos dun sitio ben coñecido da cidade da Coruña e da súa historia: o hospital de Oza. Para meternos na obra, foinos de moita utilidade buscar fotografías como as que se achegan a continuación.






Imaxes obtidas de https://xxicoruna.sergas.gal e http://personaldelchuac.blogspot.com
Mesturando ficción, fantasía, ciencia e realidade, Antonio Manuel Fraga transportounos a un mundo no que desfrutamos da investigación e a aventura coma auténticas crianzas!
Aquí vos deixamos un vídeo marabilloso onde o propio autor nos fai unha visita guiada polo Sanatorio de Oza e a historia da obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa.
Publicado en A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Libros lidos, Libros para ver e mirar, Novela de aventuras, Novela histórica e biográfica, Novela intriga y misterio, Novela sobre a vida cotiá, Novela social e política
Etiquetas: #recomendamosbmc, club de lectura, Literatura galega, Premios, recomendaciones, recomendacions
Palabras contadas, de Camilo Franco
Publicado por: antyaro
“Cando morra han dicir que fun pioneiro. Pero leva morto tanta xente“.
O anterior é un dos microrrelatos que compoñen o libro Palabras contadas de Camilo Franco.
Este libro inclúe máis de cen de microrrelatos, trinta argumentos de novela e cinco relatos algo máis extensos, tal e como afirma Xerais.
Aproveitando a funcionalidade da literatura breve o autor aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría. Palabras contadas deu pé á próxima exposición homónima da Fundación Luís Seoane, organizada dentro do Proxecto-Edición, que tenta aproveitar dúas posibilidades que quizais non se deron antes na historia da narración. Dunha parte a versatibilidade da literatura breve, doutra parte a capacidade para colocar a palabra como código e como significante en sorportes propios dunha cultura industrial ou de masas. En conxunto mesmo se pode entender como unha tentativa de converter ao lector en espectador. a palabra e a narración está no centro de espazos que poden ser considerados escénicos. Neste sentido, a reinvindicación da palabra como creadora de ámbitos leva á creación de espazos nos que o relato adquire significado completo. En moitos sentidos, a creación de espazos que teñen como centro a lectura dun texto é dotar a cada unha das historias da circunstancia que a completa. Case como unha proxección sólida do argumento e do ambiente do relatado.
Sinopse de Palabras contadas.
Camilo Franco é escritor, crítico teatral e xornalista, e publicou libros como En malos pasos (1995, Xerais), Por conto alleo (2003, Galaxia), ou ensaio Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño (2012, Biblos Clube de Lectores). Tamén ten participado en obras colectivas como Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade (2009, Difusora) ou Níxer (2010, Xerais).

Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz
Publicado por: antyaro
Nos últimos meses, unha das novelas “máis coruñesas” que limos no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais foi Veleno de tinta impresa. Nela desenvólvese, a través da ollada dunha muller protagonista afouta e decidida, a sociedade da cidade da Coruña a comezos do século XX.

Veleno de tinta impresa, de Xośe A. Neira Cruz, foi a novela gañadora do Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo no ano 2019.
Elvira Morales, unha moza nacida a finais do século XIX, acaba de rematar os estudos de maxisterio e toma a decisión de apostar polo seu soño de traballar como xornalista nunha sociedade en que ese cometido está reservado para os homes. Con todo, a sociedade coruñesa da época foi berce de figuras femininas que constitúen un referente para a reivindicación e o exercicio dos dereitos profesionais das mulleres: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova… Un día, a protagonista coñece a Miguel Sawa, que acaba de chegar á Coruña para dirixir o xornal La Voz de Galicia, e decide dar un paso adiante. É o intre en que as novas máquinas, as linotypes, imprimen importantes cambios na composición da prensa e a sociedade coruñesa se debate entre o tradicionalismo e a apertura a novas ideas. Nese contexto, apoiada pola súa compañeira Herminia, a linotipista, e tamén pola súa amiga María Barbeito, Elvira Morales ten que atopar o seu futuro.
Sinopse de Veleno de tinta impresa.
Á parte da protagonista, Elvira Morales, que é unha homenaxe a María Luz Morales, a primeira directora dun xornal en España, na novela aparecen outras moitas mulleres senlleiras relacionadas coa Coruña: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, María Barbeito, Sofía Casanova… Tal e como din desde Xerais: “Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz, é unha homenaxe ás pioneiras que abriron camiño”.





De esquerda a dereita, de arriba a abaixo: Emilia Pardo Bazán, María Luz Morales, María Barbeito, Sofía Casanova e Fanny Garrido.
Xosé A. Neira Cruz, o autor da novela, é licenciado en filoloxía italiana e en Ciencias da Información, e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela. Autor dunha extensa bibliografía que abarca desde a novela para xente adulta, a literatura infantil e xuvenil, a poesía e mesmo o ensaio, tamén resultou gañador de diversos premios literarios, coma o Premio Raíña Lupa en 2002 e 2021, o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño no 2007, o Premio Merlín en 1988 e 2000 e o Premio O Barco de Vapor nos anos 1997 e 1999, entre outros.

Publicado en A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Libros lidos, Novela histórica e biográfica, Novela sobre a vida cotiá, Novela social e política, Obras
Etiquetas: club de lectura, Estudos Locais, Literatura galega, Xosé A. Neira Cruz
Memoria do silencio, de Eva Mejuto
Publicado por: antyaro
Un dos libros que máis gustou no club de lectura de Estudos Locais no pasado curso 2020/2021 foi Memoria do Silencio, de Eva Mejuto.


En Memoria do silencio, a autora lévanos á Ribadavia de 1943. Alí, Günter busca ascender na Gestapo destapando unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. A súa vida entrecrúzase coa de Lola, unha muller brava e xenerosa que cre na xustiza por riba de todo e arrisca a vida por axudar a quen o necesita. Tamén coñecemos a Frieda, quen foxe da Holanda nazi e do seu pasado, arelando empezar unha nova vida en América como directora de orquestra. Con estas tres voces tan diferentes, Eva Mejuto explora, a camiño da ficción e a realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galicia durante a II Guerra Mundial.
A historia real das irmás Touza impactou os e as asistentes ao club, chegando algunhas persoas mesmo a facer as súas propias investigacións. Froito disto é a recuperación dun roteiro literario pola vila de Ribadavia levada a cabo pola propia autora, entre outros. Pódese ver aquí.
Ademais, en http://memoriadosilencio.evamejuto.com/ pódense ver imaxes da verdadeira historia, que se achegan a continuación:




Eva Mejuto é doutora en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten unha dilatada carreira como autora de literatura infantil e xuvenil. Con Memoria do silencio quedou finalista do Premio Jules Verne da editorial Xerais e a obra foi incluída na Lista de Honra 2019 da OEPLI.
Xa para finalizar, os e as asistentes ao club puidemos ver un vídeo co resumo da historia das irmás Touza, realizado pola TVG:
Publicado en A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, escritoras, letras galegas, Novela histórica e biográfica, Novela sobre a vida cotiá, Novela social e política, Recomendacións dos nosos lectores
Etiquetas: club de lectura, Eva Mejuto, Literatura galega, Premios, recomendacions
Hamnet, de Maggie O’Farrell
Publicado por: antyaro
Nas pasadas sesións do club de lectura de Monte Alto tivemos a ocasión de ler e comentar unha das obras das que máis se falou no pasado 2020: Hamnet, de Maggie O’Farrell, editado en castelán por Libros del Asteroide.
O’Farrell é unha escritora de Irlanda do Norte nada en 1972. Ten unha dilatada carreira como novelista, con numerosos premios. En 2020, con Hamnet, gañou o Women’s Prize Fiction, un dos máis prestixiosos do Reino Unido, e o Premio del Círculo Nacional de Críticos de Libros.
Agnes, una muchacha peculiar que parece no rendir cuentas a nadie y que es capaz de crear misteriosos remedios con sencillas combinaciones de plantas, es la comidilla de Stratford, un pequeño pueblo de Inglaterra. Cuando conoce a un joven preceptor de latín igual de extraordinario que ella, se da cuenta enseguida de que están llamados a formar una familia. Pero su matrimonio se verá puesto a prueba, primero por sus parientes y después por una inesperada desgracia.
Partiendo de la historia familiar de Shakespeare, Maggie O’Farrell transita entre la ficción y la realidad para trazar una hipnótica recreación del suceso que inspiró una de las obras literarias más famosas de todos los tiempos. La autora, lejos de fijarse únicamente en los acontecimientos conocidos, reivindica con ternura las inolvidables figuras que habitan en los márgenes de la historia y ahonda en las pequeñas grandes cuestiones de cualquier existencia: la vida familiar, el afecto, el dolor y la pérdida. El resultado es una prodigiosa novela que ha cosechado un enorme éxito internacional y confirma a O’Farrell como una de las voces más brillantes de la literatura inglesa actual.
Texto de contracapa de Hamnet.
Foi unha lectura que gustou moito, sobre todo as pasaxes descritivas que tiñan o poder de transportarnos nunha viaxe no tempo. Tamén sorprendeu por amosar un punto de vista novidoso sobre a historia de William Shakespeare e a motivación pola que puido escribir a súa obra Hamlet. Conxugando datos históricos e ficción, O’Farrell constrúe unha historia realista que sorprendeu gratamente aos e ás asistentes do club de Monte Alto, aínda que non demasiado: nesta biblioteca xa eramos fans da escritora tras a lectura de Sigo aquí ou La extraña desaparición de Esme Lennox.
«Demasiado oportuna (…) Una novela histórica excepcional.»
The New Yorker
«Increíblemente hermosa, insoportablemente conmovedora.»
Scotsman

«A pesar de los más de cuatrocientos años que han pasado desde la muerte de Hamnet, la historia que O’Farrell teje en esta emocionante novela es atemporal y siempre apropiada.»
Heller McAlpin (National Public Radio)
«Su mejor novela hasta la fecha. “Hamnet” demuestra que siempre hay nuevas historias que contar. (…) Esto confirma a O’Farrell como una escritora de extraordinaria versatilidad – cualidades que comparte con William Shakespeare.»
Stephanie Merritt (The Guardian)
Se queredes comezar a ler esta deliciosa novela, podedes facelo aquí pinchando en “Empieza a leer”.
Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín
Publicado por: antyaro
A LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) non é só para menores de idade. Desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais reivindicamos isto o pasado curso coa lectura de Das cousas de Ramón Lamote, do autor Paco Martín.
Das cousas de Ramón Lamote é un clásico da literatura galega. Publicado por ver primeira en 1985 (gañador do Premio Barco de Vapor de 1984) e con numerosas reimpresións e reedicións ao longo dos anos, é grazas a el que se usa o termo Xeración Lamote para se referir a un grupo de escritores galegos lugueses como Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz que renovaron a literatura galega infantil nos anos oitenta. En 1986 acada o Premio Nacional de LIteratura Infantil e Xuvenil e aparece na prestixiosa lista IBBY Honour List.
O seu autor, Paco Martín, nado en Lugo 1940, é mestre xubilado de Primaria. Tamén foi conferenciante e columnista periódico en xornais como El Progreso, e director do suplemento Axóuxere. Semanario do neno galego publicado no xornal La Región de Ourense nos anos 1974-1975.
Este best-seller breve e retranqueiro fixo que moitos e moitas das asistentes lembrasen as súas lecturas da infancia e que lles saíse un sorriso ao ler as vivencias do profesor de chairego e debuxante de soños.
Publicado en Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Club Monte Alto, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Libros para ver e mirar, Novela de humor, Para nenos de 6 a 8 anos, Xeral
Etiquetas: club de lectura, Club Estudos Locais, Club Monte Alto, Literatura galega, Premios
Scórpio, de Carvalho Calero, e novas inscricións para o club Autores/as Galegos/as da biblioteca de Estudos Locais.
Publicado por: antyaro
O 2020 foi un ano atípico para todo o mundo, incluídas as conmemoracións das Letras Galegas. Ese ano dedicóuselle a Ricardo Carvalho Calero, e desde o club de lectura Autores/as Galegos/as da biblioteca de Estudos Locais quixemos ler unha das súas obras máis importantes: Scórpio.
Carvalho Calero, nado en Ferrol en 1910, foi historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüísta e escritor. Membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén foi membro numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua.
Antes de 1981 o autor asinaba como Carballo Calero, pero como ideólogo do reintegracionismo lingüístico, defendendo que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa, a partir desa data adaptou o seu nome á grafía correspondente. Desde o club de lectura foi un reto ler unha novela escrita en galego reintegrado, e para coñecer un pouco máis do tema puidemos ver a seguinte entrevista a Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua, e debater dos pros e contras do binormativismo:
Tanto a estrutura e a forma de contar a historia como os acontecementos da vida de Scórpio resultaron moi interesantes para os e as membros do club. A ironía literaria, as descricións da guerra e os apuntamentos autobiográficos que se deixaban entrever deron para unha conversa ben amena sobre a novela, que recomendan.
Por último, lembrar que nuns días abrirá o prazo para apuntarse ao club de lectura da biblioteca de Estudos Locais para cubrir as baixas existentes. Estade atentos/as!
Publicado en A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Libros lidos, Novela histórica e biográfica, Novela social e política, Obras
Etiquetas: Biblioteca Estudos Locais, Club lectura, Letras Galegas 2020, Reintegracionismo, Ricardo Carvalho Calero
















