Contra todo isto. Un manifesto rebelde, de Manuel Rivas
Publicado por: antyaro
O escritor coruñés Manuel Rivas xa é un habitual dos clubs de lectura das bibliotecas municipais da cidade que o viu nacer. Os seus libros son lidos todos os anos e son un valor seguro. Porén, a súa faceta de ensaísta é quizais a máis descoñecida, así que para descubrir a esoutro Rivas este ano lemos Contra todo isto. Un manifesto rebelde.

Vivimos un tempo de retroceso, de aumento das desigualdades, de subtracción das liberdades; un réxime mundial de pensamento groseiro, de rearmamento bélico e abaratamento humano, de desfeita ecolóxica, da fin do mito da «globalización feliz». Vivimos nun Estado de Vergoña.
Sinopse de Contra todo isto
Este libro está escrito contra Todo Isto.
Todo Isto é descivilización.
Todo Isto é produción de medo para achicar a liberdade. E a produción de odio contra o diferente.
Todo Isto é subtracción do benestar e dos dereitos democráticos.
Todo Isto é a multiplicación de muros e fendas de desigualdades.
Todo Isto é o machismo como sistema.
Todo Isto é a guerra contra a natureza.
Todo Isto é domesticación intelectual.
Todo Isto é corrupción sistémica, paraísos fiscais, unha mestura de economía gris e criminal.
Todo Isto é desmemoria, ou peor aínda, contramemoria.
Este é un libro que non invita á fuxida, senón a correr cos brazos abertos cara ao mundo, cando o sentimento de vergoña abre paso a unha saudade rebelde, a unha loita para arrincar a esperanza dos brazos do conformismo.
Este é un libro do sentir e do pensar, unha literatura na beira, que quere pór a liberdade no corpo da linguaxe.
Aínda que, como xa dixemos, nos clubs é máis coñecido polas súas novelas, o certo é que Manuel Rivas, nado na cidade herculina en 1957, comezou a súa carreira como xornalista aos 15 anos como meritorio en El Ideal Gallego. Posteriormente estudou Ciencias da Información na Universidade Complutense de Madrid, remontándose os seus primeiros artigos á década de 1970. Tamén é colaborador en diversos medios de comunicación (El País, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia…). No ano 2013, xunto a Xosé Manuel Pereiro, fundou a revista Luzes.
No eido da creación literaria, deuse a coñecer como cofundador do grupo poético Loia en 1977. Dous anos despois publicou o seu primeiro libro de poemas, pero foi cun libro de narrativa, Que me queres amor?, co que gañou en 1996 o Premio Nacional de Narrativa despois de gañar o Premio Torrente Ballester.
Algunhas das súas obras foron adaptadas ao cine, como A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999), O lapis do carpinteiro (Antón Reixa, 2004) e Todo é silencio (José Luis Cuerda, 2012). En 2018 publicou Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, o segundo relato baséase na “idea orixinal” escrita polo autor para a serie de televisión Vivir sin permiso.
É membro de número da Real Academia Galega. Ingresou o 12 de decembro de 2009 a proposta de Luz Pozo Garza, Xosé Neira Vilas e Xosé Luís Axeitos.
Relacionado
Posted on 11 Outubro, 2022, in A biblioteca recomenda, Club de lectura de autores galegos, Clubes de lectura, ensaio, Escritores, letras galegas, Novela social e política and tagged #recomendamosbmc, club de lectura, Literatura galega, recomendacions. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.









Deixar un comentario
Comments 0