Monthly Archives: Marzo 2020
Despedímonos da campaña “Mulleres de carne e verso”, mais non da poesía!
Decretado xa o estado de alarma pola crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, desde as Bibliotecas Municipais lanzabamos nos nosos canais corporativos a proposta “Mulleres de carne e verso”. Unha iniciativa que naceu para celebrar a poesía e render homenaxe ás nosas poetas co gallo do Día Mundial da Poesía, que se conmemora o 21 de marzo.
Cada biblioteca da rede foi compartindo durante estas dúas semanas as verbas da escritora homenaxeada, entre as se atopan: Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Eli Ríos, Luísa Villalta, Dores Tembrás, Olga Patiño, Emma Pedreira, Pilar Pallarés e Estíbaliz Espinosa.

- Pincha na imaxe para ver o fío de tweets da campaña #poesíaconM
Nun post anterior, “Mulleres, poetas e galegas”, recollíamos unha breve entrada descritiva das poetas cuxos versos compartiramos ata ese momento polas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). Dedicamos agora unhas liñas ás poetas homenaxeadas que completan a nosa campaña.
Luísa Villalta (A Coruña, 1957 – 2004)
Recoñecida como unha das voces máis destacadas da cultura galega contemporánea, Luísa Villalta foi unha escritora prolífica e versátil, abarcando xéneros como a poesía, a narrativa, o ensaio, teatro e o texto xornalístico.
Estudou Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia de Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Tamén era titulada en violín e formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.
A súa escrita foi premiada en numerosas ocasións, entre as que destacan “A taberna do holandés”, galardoada co Premio Modesto R. Figueiredo (1990) ou “En concreto”, poemario que recibiu o XIII Premio Espiral Maior (2004) e -postumamente- o Premio Galego da Crítica á Creación Literaria (2005).
Dores Tembrás (Bergondiño, 1979)
Poeta e doutora en Filoloxía pola Universidade da Coruña (UCD), Dores Tembrás é especialista ademais na obra de Alejandra Pizarnik.
Publica no ano 2009 o seu primeiro poemario, “O pouso do fume” –finalista dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) 2010 na categoría de poesía- e no ano 2012 o álbum infantil“O peizoque Roque”, ilustrado por Xosé Tomás. En 2013 recibe o galardón Premio da Poesía Concello de Carral pola obra “Cronoloxía da urxencia”, editado en Espiral Maior.
No ano 2014 funda, xunto a Antía Otero, o proxecto literario editorial Apiario.
Olga Patiño (A Coruña, 1949)
Docente no ensino secundario, poeta, actriz e directora de teatro, ademais de colaboradora en xornais como La Voz de Galicia ou El Progreso e en revistas literarias como Luzes de Galiza, Xanela, Clave Orión e Anuario Brigantino.
A súa obra poética abrangue: “Latexos fragmentados” (2002), “Atmosferas” (2007)-poemario ilustrado polo gravador José Valentín, “Tempo en desuso ” (2008), “Natureza Haiku“ (2010)- proxecto conxunto coa pintora Isabel Pintado e a escultora Soledad Penalta , “Silencio habitado” (2013), “Territorio acoutado” (2017) -creación poética levada a cabo co fotógrafo Carlos Lorenzo.
Emma Pedreira (A Coruña, 1978)
Filóloga, poeta e narradora, Emma Pedreira participa tamén moi activamente na plataforma de crítica feminista A Sega.
A súa obra foi galardoada con numerosas premios literarios e participa ademais en infinidade de antoloxías colectivas. Algúns dos galardóns recibidos na súa traxectoria como poeta: Premio Johán Carballeira 1999 por “Diario bautismal dunha anarquista morta”, Premio Johán Carballeira 2001 por “Velenarias”, Premio Johán Carballeira 2002 por “Os cadernos d’amor e os velenos”, Premio Fiz Vergara Vilariño 2006 por “Casa de orfas”, Premio Poesía Concello de Carral 2012 por “Libro das mentiras” e Premio Gonzalo López Abente 2015 por “s/t”, entre outros moitos.
Pilar Pallarés (Culleredo, 1957)
Poeta renovadora da poesía galega, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa en Santiago de Compostela e columnista en diversos medios de comunicación.
O seu primeiro libro publicado, “Entre lusco e fusco” (1979) gañou o Premio de Poesía Novoa do Facho e en 1983 o seu seguinte traballo, “Sétima soidade” é galardoado co Premio Esquío. Posteriormente publica, entre outros, os libros de poemas: “Livro das devoracións” (1996), “Poemas” (2000), “Leopardo son” (2011), polo que recibe o premio da AELG; e “Tempo Fósil” (2018), Premio da Crítica 2018 e Premio Nacional de Poesía 2019.
No ano 2019 recibe, ademais, réndeselle a homenaxe na Coruña “A escritora na súa terra”, impulsada pola AELG.
Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974)
Licenciada en Socioloxía e Filoloxía Hispánica pola UDC, Estíbaliz Espinosa desenvolve a súa actividade como escritora, creadora e tradutora. Compaxina a súa carreira profesional no eido literario coa música -é mezzosoprano- , ademais de definirse como astrónoma afeccionada.
Publicou numerosos poemarios, entre eles: “Pan (Libro de ler e de desler)” , Premio Esquío de Poesía 1999; “Número e”, Premio de Poesía Espiral Maior 2001; “…as neuronas irmás…”, Premio de Poesía Afundación 2017. Recentemente -xaneiro 2020-recibiu o Premio Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu texto titulado “23 xeitos de inventar unha constelación”.
A proposta “Mulleres de carne e verso“ chega ao seu fin, mais o noso compromiso de promover a lingua e cultura galegas, de celebrar a poesía e de difundir e dar visibilidade ás nosas autoras segue adiante!!
Lembrámosvos que na nosa canle en Youtube podedes desfrutar dos versos a viva voz dalgunha destas marabillosas poetas na lista de reprodución “Mulleres de carne e verso“.
Despedímonos cun convite. A invitación a descubrir, para aquelas persoas que aínda non a coñecen, á poeta coruñesa Claudia González Caparrós (1993), con dúas obras xa publicadas que podedes atopar no noso catálogo: “Si la carne es hierba (Sully Morland)” (2015) e “Te miro como quien asiste a un deshielo” (2018).
Forza e azos nestes días para todxs e cuidemos a linguaxe, porque as palabras configuran o noso mundo!!
Bos Aires. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 5
Miñas donas, meus señores… Póñome solemne con esta fórmula de saúdo utilizada por outros persoeiros –ademais de min– como Ramón Otero Pedrayo e Álvaro Cunqueiro. E fágoo porque a ocasión así o esixe. Hoxe imos de viaxe outra vez, pero trátase dunha viaxe especial. A cidade onde imos non forma parte da volta ao mundo que acabamos de rematar nestes días, mais si do meu acervo cultural, porque cultural é o acto de viaxar.
Hai moitas cidades que me marcaron na miña vida, case todas elas de América do Sur, e de todas elas podería falar con cariño e dedicarlle un post a cada unha: Río de Janeiro, A Habana, Montevideo, Caracas, Maracaibo, Comodoro Rivadavia… Pero como esta “novela” por entregas non pode converterse na colección viaxeira de Corín Tellado, nin nun culebrón, hai que ir acoutando e finalizando, co cal é forzado elixir unha para rematar. E a elixida é Bos Aires.
Bos Aires é unha das cidades que, xunto á Habana, máis veces visitei. É unha cidade que non cansa nunca. Ten unha vida cultural incríbel. E non falo só dos grandes espectáculos dos teatros da avenida de Corrientes, senón de toda a efervescencia cultural que bule nos seus barrios. Unha cultura de base, con milleiros de propostas en todos os recunchos, creativas, participativas, imaxinativas, contestatarias… E para as galegas e galegos ten unha significación especial, pola pegada que ilustres paisanos nosos deixaron nas súas rúas: Castelao, Blanco Amor, Luís Seoane, Rafael Dieste, Mercedes Ruibal, Lorenzo Varela, Laxeiro, Maruxa Villanueva, Neira Vilas, Arturo Cuadrado, Colmeiro, Maruja Mallo… E máis impacto aínda tivo e ten o día a día de milleiros de galegos e galegas e dos seus descendentes que fan que estar en Bos Aires sexa con frecuencia moi semellante a estar en Galiza.
Con todos estes prolegómenos, non vos apetece xa baixar as rúas porteñas? Imos aló!
O típico, iso de Palermo, Corrientes, Boca, o Obelisco de 9 de Julio, cemiterio da Recoleta, Costanera, Tigre, Puerto Madero… facédelo logo vós pola vosa conta. Eu quero acompañarvos a outros sitios. Que vos pareces se almorzamos en Tortoni? Se non o coñecedes, Café Tortoni é un dos bares notábeis de Bos Aires (existe unha categoría oficial denominada así) e funciona desde 1858. Asiduos clientes deste establecemento foron Borges, Ortega y Gasset, Alfonsina Storni, Fangio, Lorca, Gardel… Ten ata o seu propio tango. Paga a pena comezar a xornada aquí para almorzar. Como hoxe é luns, abre ás 8, así que convén vir cedo. A partir das 11 xa empeza a ser difícil entrar porque veñen excursións de guiris e hai cola para acceder. Estamos falando no suposto de que non temos ao coronavirus paseando polo mundo, claro. Porque xa que imaxinades que estades viaxando comigo, pouco vos custará engadir un chisquiño máis de maxia e eliminar o coronavirus destes mundos virtuais que estamos a percorrer.
Rematastes o café? E a factura? Non, non vos preocupedes: da factura de pagar xa me encargo eu. Falo da factura co significado arxentino: son masas e pezas de panadaría doce. Para que nos entendamos: algo así como os croissants, aínda que hai outras variedades. Ben, agora que xa saímos, douvos un pouco de tempo para que admiredes a avenida de Mayo (disque ten un aire coa Gran Vía madrileña) e vos acheguedes á praza de Maio para ver a Casa Rosada, o cabido e a catedral. Logo xa desde alí collede pola comercial rúa Florida. E por favor, non vos paredes cos “arbolitos”. Se necesitades cambiar diñeiro, falade comigo. Os “arbolitos” son os cambiadores ilegais que veredes ao longo de toda a rúa Florida. Se facedes uso dos seus servizos, levaranvos ás covas, as casas de cambio extraoficiais, que poden ser un quiosco, unha tenda de roupa, un centro de estética… e alí ofreceranvos o blue (o nome da divisa no mercado negro). No vídeo que vos gravei mentres paseabades pola rúa Florida, escoitaredes a unha “arbolita” ofrecendo o servizo. A que non vos decatárades de que vos ía gravando? É que teño unha microcámara!
E agora que xa fixestes algunha compra nas preciosas Galerías Pacífico, e xa chegastes ao final de Florida, vémonos xa onde a praza do General San Martín e desde alí subimos pateando (só son 20 minutos) ata a marabillosa libraría Ateneo Gran Esplendid.
Esta libraría foi elixida por National Geographic como a libraría comercial máis fermosa do mundo. O edificio abriu as portas en 1919 como teatro. Por alí pasaron compañías teatrais, de danza, de ópera. As primeiras gravacións de Gardel foron aquí, porque era a sede do selo discográfico Odeón (hoxe EMI). No 2000 abriu as súas portas totalmente reconvertido en libraría, a máis grande de América Latina, con 2000 metros cadrados e máis de 200.000 volumes. Que vos parece a entrada? Vexo que vos pasa como a todo o mundo que traio aquí: fican no medio mirando para todos lados e coa boca aberta. Non é para menos. Acompañádeme ao escenario, tamén reconvertido en cafetería.
Eu tomarei unha cocacola con Fernet. Vós pedide o que queirades. Fernet? Non sabedes o que é o Fernet? Pois unha bebida de herbas moi famosa na Arxentina. Disque é unha variante do Jägermeister pero é moi amarga, amarguísima, de verdade. A súa orixe é europea, mais non se sabe ben se de Francia, Checoslovaquia, Austria ou, o máis probábel, da rexión lombarda en Italia. De feito chegou aquí traída polos inmigrantes italianos. Xa sabedes que as inmigracións italianas e a galegas son as máis numerosas en Bos Aires. Falando diso, ide apurando porque o día vai pasando e temos que ir visitar o Centro Galego. Outra pequena camiñada de media hora e estamos alí. Que tedes fame? Beeen, aquí o normal é xantar un pouco antes que en Galiza, mais nesta cidade non tedes problemas para comer calquera cousa a calquera hora. Nas miñas primeiras viaxes á Arxentina, alá polos 90, non había moita máis cousa que carnes e pasta. Hoxe cambiou bastante e tedes para elixir todo tipo de cociña. E nun país carnívoro como este, Bos Aires mesmo ten unha boa oferta de restaurantes veganos por moito que vos sorprenda. Elixide o que queirades, que de aquí ao centro galego atoparedes moitos sitios.
E xa estamos no Centro Galego de Bos Aires. Está relativamente perto do Congreso. Este edificio que tedes ante vós forma parte da historia da Galiza. Foi, e segue sendo, ademais de institución cultural galega, un gran centro médico. Vén de pasar unha escura traxectoria no que estivo a piques de desaparecer. Unha inxección de cartos por parte dunha empresa privada, BASA, logrou poñer en marcha todos os seus servizos sanitarios. No pasado século foi un importante centro cultural. Castelao vivía moi preto del e alí morreu. Consérvase o cuarto e algúns obxectos que pertenceron a el. Mais tamén moitas obras de arte e verdadeiras “reliquias” do galeguismo. Non está todo aberto ao público pero eu consigo que vexades algo. Aquí tedes as fotos que tomei mentres íades admirando todo o que hai:
Non é o único “centro galego” en Bos Aires. De feito destaca e destacou máis polo seu carácter asistencial e mutualista. Na cidade hai decenas de centros galegos de todo tipo, desde o grande Centro Galicia (con instalacións deportivas e de lecer en Olivos, nos arrabaldes de Bos Aires, e no propio centro da cidade), ata centros máis pequenos como o Círculo Social Valle Miñor, a Sociedade Parroquial de Vedra, o Centro Lalín ou o Centro Betanzos, por citar só algúns, que desenvolven unha chea de actividades culturais e de ocio. Síntoo, non nos dá tempo a visitar máis. Mais quedade coa idea da importante presenza galega na cidade porteña. Eu, estes días, camiñando, atopei casualmente unha placa nun edificio sinalando que no seu interior había unha obra de Luís Seoane. Sitios “galegos” atoparedes moitos.
E xa pola vosa conta, se é que ides quedar máis tempo, podedes pasear polas súas rúas, tomar unha foto con Mafalda, ver onde viviu (que si, que existiu), visitar o barrio de Boca (un escenario demasiado turístico para o meu gusto) ou pasear por San Telmo (a ser posíbel un domingo) e parar a xantar nunha das súas “Pulperías”. Non, non son para pedir polbo á galega. Son antigos establecementos que funcionaban como as vellas tendas das aldeas galegas onde o mesmo podías comprar unha pota para a cociña, como tomar un viño e unha ración de queixo e chourizo, ou levarte unhas botas. Un vello almacén… Aquí tedes un curto vídeo do patio interior da Pulpería Quilapán.
E se queredes rematamos tomando unhas copas, que a noite é moi boa, na zona de Palermo, nos arredores da praza Julio Cortázar. E logo, a durmir, que todo o día por aí cansa.
Déixovos en Bos Aires. Comprobaredes que é unha cidade que dá para escribir un post todos os días durante meses. Pero eu remato aquí a miña crónica de viaxes, porque é hora de que aproveitedes este confinamento para ir pensando e planificando, con moito tempo, as vosas viaxes. Mais non me despido hoxe. Dentro de dous días regalareivos a sobremesa: unha historia de consellos e anécdotas de aeroportos e avións, que dan para falar moito. E si, que xa algunha e algún o preguntou, que como fago para poder viaxar tanto. Tamén volo contarei. Será o próximo mércores. E como é habitual, aquí abaixo queda unha recompilación de fotografías da viaxe.
Non quedes sen libro!

Durante estes días que toca quedar na casa imos tratar de buscarlle o lado positivo a corentena. Cada vez atopamos máis recomendacións literarias nas redes sociais. E o que podería parecer máis complicado, que é acceder a estes títulos, resultará máis sinxelo cando remates de ler este artigo. Fixemos unha escolla de sitios onde ler e descargar libros dixitais de forma legal e gratuíta, para tratar de achegar como dicía Ranganathan “a cada lector o seu libro e a cada libro o seu lector”.
Comezamos, coas plataformas, e como non podía ser doutro xeito, con GaliciaLe, que a pasada semana sorprendeu abrindo os seus andeis virtuáis a todos, teñan ou non carné de biblioteca.
Rexistrándote aquí recibirás as claves de acceso, e unha vez finalizada a corentena, terás 30 días para achegarte á biblioteca e seguir desfrutando do servizo (se tes o carné da BMC e tes algún problema coas tuas claves, escríbenos a bibliotecas@coruna.es).
Unha vez teñas as claves, poderás ter 4 libros durante 21 días (2 do catálogo en galego e 2 do de castelán) e 1 película durante 24 horas (si, película! no catálogo en galego de GaliciaLe hai materiais audiovisuais)
Por outra banda, a Biblioteca Provincial da Coruña pon a disposición das persoas usuarias de calquera biblioteca pública municipal da provincia da Coruña ou da Deputación a plataforma eBiblioDaCoruna. Podes darte de alta aquí. Na seguinte lista de reprodución aprenderás a usar a plataforma para poder ler os libros dende o teu ordenador, móbil, tablet ou ereader.
Coas claves terás acceso a 5 contidos dixitais de forma simultánea. Os libros durante 21 días, as películas 3 días, os xornais por 3 horas, as revistas 1 día e os audios e o contido educativo 21 días.
A principal vantaxe destas plataformas frente a outras alternativas que verás a continuación, é que nelas hai novidades editoriais, e o procedemento para prestar os documentos é practicamente o mesmo para as dúas.
E se o material que che interesa non está dispoñible? Podes reservalo, e cando quede libre, recibirás un aviso e terás 48 horas confirmar o préstamo.
Se tes calquera dúbida, podes consultar os manuais de usuario de GaliciaLe e eBiblioDaCoruna.
E momento de falar das editoriais. Son moitas as que queren contribuir a amenizar estes días de xeito que a ninguén lle falte unha boa lectura. Por iso decidiron ofrecer de balde parte dos seus libros en formato dixital, sumándose así aos movementos #YoMeQuedoEnCasaLeyendo e #QuédateEnCasaLeyendo.
Tal é o caso das editoriais Roca e Blackie Books e o Grupo Planeta, que ofrecen lecturas de temáticas moi variadas, dende as receitas de Karlos Argiñano, ata “Instrumental”, de James Rhodes; e tamén novelas, por suposto, como “La sombra del Viento”, “El tiempo entre costuras” ou “Despiértame cuando acabe septiembre”.
Pero son moitas máis as editoriais que se uniron a estas inciciativas, por iso remitímosvos a este excelente post de Julián Marquina, que fixo unha recompilación das máis destacadas.

Se queres ler na nosa lingua, non podedes perder esta compilación que fixeron na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, onde ademais das plataformas anteriormente mencionadas, nos remiten, entre outras a: BIVIR, a Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego; Son de Poetas, unha antoloxía poesía galega musicada; ou Galegobook, un espazo onde publicar, compartir e conversar sobre un gran número de libros electrónicos que circulan pola rede sobre o galego.
Por outra banda, a Biblioteca Virtual de Galicia Digital tamén ofrece libros cedidos de xeito gratuito polos seus autores, para contribuír á difusión de contidos de interese xeral en galego.
Se a ti o que che gustan son os clásicos, ou se levas tempo pensando en ler o Diario de Ana Frank, A Tribuna, O Quixote, A Celestina ou Cantares Gallegos, que mellor momento!
Para descargar libros de dominio público, un dos sitios máis coñecidos é o Proxecto Gutenberg; pero hai outros ben interesantes, como a Biblioteca Dixital Hispánica ; Ganso y Pulpo, onde atoparás libros descatalogados ou case esquecidos; e Literanda, na que tamén dan a coñecer obras de autores noveis. E se o que che apaixona é aconsellar e comentar libros, Alibrate é o teu espazo, pois ademais de descargalos, poderás deixar á solta á túa paixón pola lectura.
Se o anterior non é dabondo, bota unha ollada aos seguintes artigos:
.: 13 sitios web en los que descargar miles de libros en dominio público de manera gratuita
.: Libros electrónicos gratis ¡y legales!
.: 18 sitios para descargarte libros electrónicos gratis y que quizás ya conozcas
Se pola contra, o que prefires son a música e os cómics, non perdas os últimos posts de Bibliosons e Fancómic. E para as familias, os do blog das Salas Infantís!
E se es dos que non poden vivir sen papel, hai librarías de garda! O equipo da editorial Turner, durante as súas xornadas de teletraballo, elaborou un listado das librarías que seguen atendendo os pedidos que realizan as lectoras e lectores e os envían á casa.

Para finalizar, en megustaleer.com tedes a axenda #YoMeQuedoEnCasa, con cantidade de eventos para grandes e pequenos en torno ao libro e a lectura (cursos, lecturas en directo, a hora do conto, etc.).

E ata aquí o noso recompilatorio. Se coñeces outra forma de obter libros dixitais gratuítos, por favor, fáinolo saber nos comentarios, para que, deste xeito, ninguén quede sen libro!
Doha. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 4
Vistes que ben chegamos e que curtas se nos fixeron as trece horas e media de voo desde Australia? Xa estamos en Doha, capital de Qatar, un minúsculo estado rodeado dun lado por Arabia Saudí e por outro polas augas do Golfo Pérsico. Ten a oitava maior renda per cápita do planeta. Ata o descubrimento do petróleo e do gas, a economía sustentábase na pesca e na recolección de perlas. Actualmente ten uns dous millóns de habitantes, pero só 250.000 son cidadáns qatarís.
E diredes, vaites, este George volvéusenos académico e xa non relata as súas aventuras e dáselle por impartir clases de xeografía económica… Non. Pero esta introdución é necesaria para que entendades este país. Eu resumiría todo isto dicíndovos que vos preparedes: deixade as zapatillas (non van facer falta neste sitio), e dispoñédevos para entrar nun inmenso e luxoso decorado. Porque si, Doha, Qatar, é un decorado. Iredes entendendo.
Imos aló! Chego a Doha e o primeiro que atopo vaivos sorprender. A min non porque xa o tiña preparado, claro. Á porta do avión espérame unha azafata cun cartel co meu nome, que me conduce por uns corredores onde non hai ninguén, déixame nunha enorme sala con bebidas e comida e cómodos sofás mentres “alguén” vai buscar a miña maleta. Ao pouco vén de novo a señorita e lévame a un mostrador onde un policía sela o meu pasaporte e sen máis trámite entramos no país. Nin colas, nin revisión de equipaxe, nin nada de nada. E unha vez pasados todos os trámites condúceme a outra sala onde podo almorzar todo tipo de manxares, podo darme unha ducha nun baño que xa quixeran moitos hoteis de luxo e podo descansar en cómodos sofás con estupenda conexión a Internet. Como vos van parecendo os primeiros momentos no país? A min moi ben, claro. Para iso paguei! Porque en Doha tes acceso a todo… se o podes pagar. É o primeiro acto deste gran teatro. E nos espectáculos xa sabedes que todo ten que estar moi coidado.
E así deste xeito comezo a miña primeira mañá en Doha, con non excesiva calor pero si moita humidade. Cambio as miñas zapatillas por sandalias e comezo por percorrer o Corniche, o paseo marítimo de Doha. Esperaba atopar xente paseando, correndo, gozando da brisa mariña, pero pronto me decato de que son o único paseante. As outras persoas que vexo son paquistanís, nepalís, indios… obreiros descansando baixo algunha palmeira. E tamén me decato pronto que non é cidade para camiñar. Chego á altura do impresionante museo nacional de Qatar, construído coa forma dunha rosa do deserto, e aí vexo que é imposíbel cruzar a estrada para entrar nel. A estrada é en realidade unha autopista, co cal teño que desandar case 2 km para atopar un lugar onde cruzar.
O caso é que xa estou no impresionante museo. Polo que vin en Internet antes da viaxe, por dentro ten que ser tan alucinante como por fóra, con exposicións interactivas e todos os últimos adiantos en museística. Pero alá foi o que Marta fiou: podo entrar pero todas as exposicións están pechadas polo coronavirus. Terei que conformarme con ver a tenda de recordos e o hall de entrada. Xa o bicho me está pisando os talóns. Tamén vin nas noticias que hoxe pechan os centros de ensino en todo o país.
De camiño de volta ao hotel (a pé, mira que son testán) teño que atravesar rúas que non son as comerciais nin as turísticas por chamalas dalgún modo. Para que entendades: vou por detrás do decorado. E aí atopas unha Doha moi distinta: beirarrúas moi deterioradas, coches aparcados enriba delas (teño que baixar e camiñar pola estrada co risco que supón), edificios humildes que en nada se parecen aos rañaceos, moita xente que non ten pinta de ser qatarí, velliños tirados no chan comendo dunha bolsa… Alí non ves homes vestindo a típica túnica thobe nin tocados coa kufiya. Iso queda reservado para o distrito de negocios ou os suntuosos centros comerciais. Entendedes agora o do “escenario”?
Non vos comentei aínda do hotel, impresionante como son todos os hoteis en Doha e a prezos moi accesíbeis. Pero seguen sendo decorados. Un cuarto impresionante, pero ao asomarte á ventá… ves os bastidores:
- O precioso cuarto no hotel Al Najada, pero…
- …as vistas desde ese cuarto: a rúa Al Ahmed
Contábavos que en Doha hai que deixarse de zapatillas (en todo caso sandalias) e buscar outro medio de transporte. Teñen o mellor metro que coñecín ata agora. Modernísimo e rapidísimo. As estacións parecen aeroportos e hai persoal amabilísimo para atenderte en todo momento. Hai tres clases (con vagóns separados): estándar (calquera pode ir), familiar (só para mulleres e, no caso de ir algún menor de 11 anos, poden ir con elas homes) e Gold. Os prezos son pouco menos que simbólicos, así que optei pola clase Gold: unha tarxeta de viaxes ilimitados durante todo o día, por 15 euros. De todas as viaxes que fixen, só en dúas había máis xente no vagón. Por certo, son trens sen condutor, como podedes ver:
Doha, e estou falando do escenario-Doha, é o paraíso das compras. Calquera marca internacional tédela nos seus ostensíbeis centros comerciais. Por ser o máis famoso, visitei o Villaggio Mall, un centro onde parece que viaxas ás rúas de Venecia. Ten canles con góndolas (os gondoleiros son filipinos, non lles pidades que canten a Traviata), un parque de atraccións temático (Gondolania), unha pista de xeo e centos de tendas. O máis rechamante, con todo, é o teito, que simula un ceo e realmente dá a sensación de camiñar ao aire libre. Un centro comercial, luxoso e orixinal, si, coas mesmas tendas e marcas que podedes atopar en calquera outro lugar do mundo. Pero observo (un bo bibliotecario ten que ser observador), dúas diferenzas importantes que enseguida te sitúan nun mundo moi distinto do occidental: os rezos pola megafonía á hora que toca (podedes escoitalos no vídeo) a as señoras coa abaya negra de pés a cabeza, falando co teléfono móbil, gafas de marca, bolso de marca, calzado de marca (máis alá, só se pode imaxinar, non se ve…) e a uns pasos detrás dela, a serventa filipina levando todas as bolsas. Xa sabedes: sobre os escenarios hai actrices protagonistas e figurantes.
E si, como bo bibliotecario vou visitar a Biblioteca Nacional de Qatar. Polo que vin en fotos é unha arquitectura espectacular, como todo o que se fai nesta cidade. Así que, aire de metro, e alí estou, na Cidade da Educación (na miña vida vin tantos edificios tan modernos, estraños e atrevidos). Xa desde fóra a biblioteca é digna de visita. Pero teño gañas de coñecela por dentro. Así que busco a porta (é o que teñen estas edificacións tan pouco convencionais, que hai que buscar por onde se entra). E aló outra vez foi o que Marta fiou: o coronavirus decidiu que mellor pechadiña.
Creo que o mellor é andar lixeiro, mirar o que hai que mirar e finalizar esta volta ao mundo porque estou vendo que a este paso ou non me deixan saír de Qatar ou non me deixan volver de novo a Galiza. O mellor é irse á zona de “viños” (por así entendernos, porque realmente nin viños nin cervexas se poden tomar alí, fóra de hoteis e algúns centros especiais), Souq Waqif, e gozar da noite, da comida e da música…
Antes de coller o avión, mentres espero aquí comodamente no Hamad International Airport, aproveito para recomendarvos que se ides viaxar, fisicamente ou coa mente, a calquera país musulmán, vos documentedes antes para limpar a mente de prexuízos e coñecer máis a súa cultura e ser conscientes de que nós, os occidentais, non somos o embigo do mundo. Hai un autor, marroquí, que escribe en francés, Tahar Ben Jelloun, que ten varios libros sobre o tema. Nas bibliotecas temos algunhas das súas obras, así que tan pronto retomemos o servizo presencial, anímovos a ler algunha delas. E despego xa!! E case que non dou chegado! Aos dous días de aterrar en Madrid, Qatar Airways cancelou todos os seus voos con España. Qatar non deixa xa entrar a ninguén do estado español, e o mesmo sucede con Australia. A isto chámase “ter puntería”.
Remato logo, como sempre, cunha selección de fotografías para que vexades este gran decorado forxado a base de pasta, moita pasta… Pero as crónicas non acaban aquí. Aproveitando que estamos xa afeitos e afeitas aos avións e desprazamentos, o luns vouvos levar nada máis e nada menos que a Bos Aires!!! Non entra nesta volta ao mundo pero foi unha das miñas últimas viaxes, e unha das cidades que máis visitei e que máis quero (fixádevos que non digo “gusto”: digo “quero”). Iso será o luns. Espérovos!
Un caballero en Moscú de Amor Towles

O pasado mes de febreiro, no club de lectura Sagrada Familia dedicamos as nosas lecturas a esta novela, por non dicir “novelón”.
Trátase dunha novela actual que preserva asombrosamente o corte clásico dos grandes autores rusos de finais do s. XIX e principios do s. XX. Unha novela para deleitarse coa lectura, que axuda a calmar os ánimos pero non por unha narración lenta senón porque nos devolve ao ritmo de vida doutra época. Achéganos á mellor versión dos tempos pasados sen deixar de presentar tamén os seus lados escuros, e máis dada a localización onde se desenvolve a historia.
Alexandr Ilych Rostov, un conde ruso, encantador, intelixente e elegante, é condenado a morte polos bolxeviques en 1922. O comité revolucionario non sabe ben que facer con el, e grazas a un poema subversivo escrito dez anos antes, elude o seu tráxico final. Por ese inusitado xiro do destino remata condenado a arresto domiciliario, no luxoso hotel Metropol de Moscova.
Desenvolve a vida do Conde desde que sae escoltado pola porta do Kremlin e o confinan no hotel, un clásico da cidade, situado a poucos quilómetros da sede do goberno, e onde é un cliente asiduo. Alí permanecerá como unha reliquia viva, dunha época desaparecida de águias bicéfalas, duelos, bailes, … observará o paso do tempo, a descoloración do seu mundo e vendo os cambios dos costumes, cunha inxenuidade chea de inxenio. Esa é unha das singularidades desta novela, que a converte nunha das máis entrañables, simpáticas, orixinais e sorprendentes dos últimos tempos.
O noso protagonista pasa de vivir nunha suite a apousentarse nun faiado, ata 1954, cando dous axentes do KGB van buscalo. Neste tempo Rostov, acomódase á súa nova situación e a sobrevivir, sen perder os modais, a súa exquisita educación e os seus principios. Sen profesión coñecida, ata ese momento dedicouse con paixón aos praceres da lectura e da boa mesa, pero fai gala dunha gran capacidade de adaptación da que moi poucos seriamos quen.
Durante este confinamento sucédense varios acontecementos históricos para o país: a caída de Bujarin, o ascenso de Stalin, a fame negra de Ucraína, a revolución proletaria e todos aqueles que se desenvolven a principios do século XX.
A novela é un bosquexo de como era a situación da poboación rusa no momento do derrocamento do réxime zarista imperial pola revolución bolxevique, un movemento que xurdiu da unión de obreiros, campesiños e soldados, e orixinou unha guerra civil na que morreu moita xente. Este cambio político motivou que moitos perderan terras, propiedades, se exiliase e incluso fose condenada polo novo réxime polos motivos máis inusuais. Pero o autor realiza unha mostra da crúa realidade cunha gran dose de dozura e tenrura que enfatiza a humanidade que dificilmente se perde aínda na máis profunda das adversidades.
O conde concéntrase nos asuntos prácticos sen deixar de reler aos seus básicos, Robinson Crusoe, Anna Karenina, Tolstoi, Gógol, Montaigne , Pushkin e Dostoiesvski.
Establece lazos afectivos con algúns dos personaxes que traballan no hotel, nunha aparencia de normalidade. Adquire responsabilidades chegando incluso a criar a unha nena, Sofía, que lle é confiada pola súa nai (Nina) ata que medra e se converte nunha gran pianista.
O final feliz está asegurado, como non podía ser doutro xeito, pero a forma de rematar a novela temos que deixala en incógnito para permitir aos lectores e lectoras degustar a novela completa e o seu estupendo final.
Esta novela gustou moito no club de lectura Sagrada Familia, é enxeñosa, poética e xenerosa. Cun argumento orixinal que permite coñecer a cultura rusa e a súa sociedade. Está moi ben escrita, tece con moito coidado as relacións humanas que xorden neses momentos de crise. É tenra, un libro cunha lectura que relaxa, fai rir ás veces e dunha gran beleza polas súas descricións. O final, inesperado e feliz, gustou moito ás nosas lectoras do club. Un dos mellores éxitos deste curso de lecturas.
O autor, Amor Towles
Naceu en Boston en 1964 e nos primeiros anos da súa vida estivo apartado da literatura. Con 25 anos trasládase a Nova York, e xunto cun amigo crea unha empresa de investimentos, que mantivo durante dúas décadas.

Bowles escribe a súa primeira novela, “Normas de Cortesía”, un ano antes de deixar o mundo das finanzas. Esta ópera prima é unha homenaxe á Nova York dos anos 30, na que os porteiros, edificios maxestosos, concertos de jazz,… eran habituais. Conta a historia dunha rapaza con avaricia que tenta sobrevivir no medio das tentacións e dos perigos da cidade.
Logo xermina “Un caballero en Moscú” cando, polo seu cargo de executivo, ten que facer moitas viaxes parando sempre nos mesmos hoteis, e comprobando que sempre se atopaba coa mesma xente. E escolle Rusia, porque é un grande admirador e coñecedor da súa historia e literatura e porque alí, na época dos zares, levábanse a cabo arrestos domiciliarios con frecuencia. Un bo exemplo foi o de Pushkin en Peskov.
Esta segunda obra tivo unha grande acollida e foi recoñecido como o libro máis vendido por “The Times” e “Sunday Times”. Ámbalas dúas se atopan dispoñibles para os lectores nas Bibliotecas Municipais da Coruña.
Hai que engadir que xa están comprados os dereitos para filmala e xa se coñece que será Kenneth Branagh o actor encargado de poñer corpo ao noso conde Rostov. Será nunha serie producida pola Entertainment One e dirixida por Tom Harper, pero aínda descoñecemos a data prevista para a súa estrea. De seguro estaremos expectantes para non perder detalle desta versión cinematográfica do grande “Un caballero en Moscú”.
Australia. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 3
E xa peguei o salto! Xa estou en Australia. A que se vos fixo curta a viaxe? Pois tedes sorte, porque a maxia da escrita evitouvos pasar as 23 horas de voo e as 13 de aeroportos para chegar desde Nova York ata aquí. Pero xa cando chegue o último capítulo destas entregas falaremos das aventuras de avións, aeroportos e demais.
Australia? En que pensades cando vos falan de Australia? Non, non digades nada, xa o sei: canguros, koalas, praias… A cara amábel desta enooorme illa. Eu vouvos descubrir outras facianas. Tranquilas, dos koalas, dos canguros e das praias tamén falaremos, faltaría máis.
A porta habitual de entrada a Australia é Sidney. Pero podería ser Melbourne, Adelaide ou Perth. Sidney é, posibelmente, unha das miñas cidades favoritas. Asenta nunha baía enorme, chea de illas, de pequenas rías, de recunchos paradisíacos. Algo así como se Deus, ao rematar a creación no sétimo día, segundo contan as Escrituras, se cabreara e tirara un enorme cinceiro metálico neste borde do continente e fanicara todo (por certo, fumaba Deus? Se non é así, perdón pola licencia literaria, pero acae moi ben). Tamén aquí peguei unha boa pateada. Díxenvolo… Boas zapatillas e en forma. Aquí en Sidney, nun día, 25 km. E nada que ver as súas dimensións coas de Nova York. Ten moito que ver pero todo moi concentrado. A onde primeiro hai que ir é ao edificio da Ópera, a icona da cidade. Eu contratei unha visita guiada en español. Aos dous minutos de escoitar á rapaza que a guiaba, eu xa notei algo. Pregunteille, e ti de onde vés sendo? E era de Vigo, claro.
A ponte da baía é outro dos símbolos que identifican Sidney. Sabedes que Paul Hogan, o protagonista da película Crocodile Dundee, antes de dedicarse ao cine traballou como pintor nesa ponte, aló polos mediados dos 70? Agora tamén tedes a opción de escalalo. Unha subida que dura sobre 3 horas por un custe aproximado de 100 euros.
Melbourne é a outra gran cidade australiana. Multicultural, facilmente “camiñábel”, con moita vida nas súas rúas, con parques, con transporte gratuíto na zona centro, con museos interesantísimos e moi didácticos. E o que me chamou a atención especialmente nesta cidade é o concepto de “vellez” que teñen os seus habitantes. Cada vez que compraba unha entrada para un museo, sen me preguntar nada, dábanme desconto por “senior” (ou sexa, maior de 60 anos). Ou con moi mal aspecto cheguei a Australia ou é que non saben calcular a idade. Faríame máis ilusión que me deran entrada de neno, pero non, eles así a vulto xa calculaban que eu estaba na terceira idade. De calquera xeito, son home práctico e calei: un desconto é un desconto.
Adelaide, esa gran descoñecida. Esta cidade, do estado de Australia do Sur, ten 1.300.000 habitantes. A cidade en si, o centro, podedes vela nunha mañá. Pero arredor ten moitísimas atraccións: praias inmensas (sempre as vexo sen xente), montañas con estradas como as do interior de Galiza, viñedos (moi bos os viños desta zona, hip)… E tiven a sorte de coincidir co Adelaide Fringe Festival, o festival máis importante de todo o hemisferio sur que durante 30 días acolle cerca de 1500 eventos e máis de 7000 artistas de todas as artes: música, teatro, circo, audiovisual, danza, obradoiros, cine, maxia…
E outra curiosidade. As tres cidades das que vos acabo de falar figuran no máis alto da clasificación que a revista The Economist publica cada ano e onde nos di cales son as cidades do mundo con máis calidade de vida: Adelaide está no décimo lugar, Sidney no terceiro e Melbourne no segundo.

Cousa diferente á vida urbana é cando imos ao norte. Non vos vou falar –por cuestións de espazo– do Northern Territory, onde podedes atopar, por exemplo, Uluru, a gran rocha, sitio sagrado para os aborixes, no medio do deserto (e lugar recomendábel tamén para visitar), senón do estado de Queensland. Puiden visitar toda a zona arredor de Cairns e Port Douglas. E alí atopei a fauna salvaxe de verdade. Praias como as dos anuncios, coas súas palmeiras, a súa area branca… os seus crocodilos, as súas medusas velenosas, os seus casuarius, as súas serpes… Aaaaah, pensabades que todo eran koalas e canguros? Pois estes bichiños dos que vos falo tamén son fillos de Deus. E o que atopei de entrada cando visitei por vez primeira un deses areais sacados do paraíso foi un carteliño onde me advertía da posíbel presenza do crocodilo de auga salgada, o réptil máis grande do planeta, que pode chegar a medir 7 metros e que se adentra no mar. Xa me avisaron: de atopalo, non intentes correr: cun so movemento de aleta pode avanzar 4 metros, e se se empeña en ir tras min na auga pode facelo a 43 km/h (confeso: no meu caso con que puidera avanzar a 2 km/h xa me collería). Non foi na praia, por sorte, onde vin esta criatura, pero si no río, e mesmo puiden presenciar unha pelexa entre dous deles. Medo dan. E logo están as medusas… Eses bichiños tan lindos, tan riquiños… e dos que hai documentadas 5500 mortes en Australia pola súa picadura. Esta é a razón pola que tamén figura unha alerta da súa presenza á entrada das praias. Será por todo iso que sempre as vexo baleiras??
Outra categoría da fauna australiana son os insectos, os arácnidos e os pequenos –ou non tan pequenos– réptiles. Arañas como a que vedes na foto, ou formigas que fan enormes niños que, xa vedes, son máis altos ca min. E ese non era dos máis grandes. Ou as especies en perigo de extinción, como o demo de Tasmania, aqueixado por un estraño tumor facial que contribúe máis á súa desaparición.
Todo isto é fácil de atopar en Queensland, ese estado do nordeste de Australia. E da miña aventura neses lugares exóticos, ilústrovos con este documental:
E si, ademais están os canguros e os koalas. A da foto é unha koaliña de 6 anos coa que fixen bo caldo nada máis coñecernos. E os canguros… Que vos vou contar dos canguros. Tan amigo me fixen deles que un dos días subín velos cun libro de Manuel María e púxenme a recitarlle un dos poemas. E mirade no vídeo como se interesou!
Souben despois, que tanto lle atraeu a lectura, que se fixo socio da biblioteca de Marion, un dos barrios de Adelaide. Que por certo, ten unhas instalacións ben chulas. Tiña que poñer algo de bibliotecas. Sei que non perdoades que un bibliotecario polo mundo non visite as bibliotecas de cada lugar.
Como no anterior post, tedes aquí unha galería onde podedes ver máis imaxes desta viaxe por Australia. Se tedes oportunidade, non deixedes de coñecela. E eu agora póñome a preparar o meu próximo destino: Doha, en Qatar! Dentro de dous días vémonos no Golfo Pérsico!
María na busca da liña do horizonte, Esther López Castro
Nestes días de confinamento non vén mal rememorar todos eses bos momentos pasados nos clubs de lectura das bibliotecas coruñesas. Ademais, cómpre lembrar tamén que o préstamo de ebooks segue dispoñible e que as horas a carón dun bo libro non son nunca tempo en balde. Aproveitemos para ler!
Hoxe queremos falar da marabillosa xornada que Esther López Castro, asistente ao club de lectura da biblioteca de Estudos Locais, pero tamén escritora, nos fixo pasar. Co seu libro María na busca da liña do horizonte, Esther deleitounos o mércores 4 de marzo cunha aventura que os e as asistentes ao club chegaron a comparar con La Sirenita ou as películas de Disney, pola viveza e colorido das súas palabras.

Esther naceu en Betanzos, vila moi presente na súa vida e nos seus textos. Aí é onde vive María, a protagonista desta historia, e o lugar ao que a escritora dedica moitos dos seus poemas, publicados, entre outros, no libro das festas que anualmente saca do prelo o concello.
Cando casou marchou vivir á Coruña. Ten os estudos básicos, pero iso nunca foi un impedimento para que as súas ganas de aprender e de entender o mundo por medio das súas reflexións se visen plasmadas na fermosura dos seus textos.
Comezou a escribir a unha idade que moitas persoas coidarían tardía e, nun principio, como mera reflexión persoal e impelida pola necesidade de reordenar o seu mundo interior, pero iso non evitou que a xente ao seu redor a animase a compartir os seus escritos, vista a súa calidade. E iso fixo. Autopublicouse e vendeu dúas edicións enteiras, e ademais fíxonos desfrutar dun serán moi agradable na biblioteca de Estudos Locais no que, ademais, recitou poesía e cantou, xa que pertence á Coral do Sporting Club Casino de A Coruña.
Aquí vos deixamos con ela, porque ben merece a pela escoitala. Grazas, Esther!

O onte e o hoxe de Balmis: Balmis,todo por un virus
Nestes días nos que a nosa forma de vivir mudou tan de súpeto é normal que nos sintamos algo perdidas. Pero se de algo serve a Historia é para lembrarnos que cousas parecidas xa aconteceron noutros momentos e lugares. tamén a Socioloxía, permítenos saber cómo reaccionaron os habitantes daquelas épocas, neses momentos.
Sen dúbida, nós formaremos parte da Historia.
Estes días temos nas nosas rúas unha operación militar en marcha, moi importante: Operación Balmis. De seguro, que escoitáchedes este nome. Trátase dun operativo millitar que ten como misión principal facerlle frente ó Coronavirus.
Hoxe vamos tratar de achegarvos a historia dese nome, o contexto e o motivo, que por certo está moi relacionado coa nosa cidade.
Ano 1803, está a piques de comezar unha das expedicións máis importantes da nosa historia. A primeira expedición filantrópica pagada polo Reino de España, a “Real Expedición Filantrópica de la Vacuna”.
Esta expedición foi liderada polo médico militar Francisco Javier Balmis co fin de levar a vacina da varíola ós territorios do imperio español en América e Filipinas (1803-1806). O propósito era acabar coa alta mortandade infantil que o virus estaba causando neses territorios. Balmis contou co apoio económico da coroa, que tiña interés propios, xa que a propia filla de Carlos IV, a infanta María Teresa, finou a causa de esta enfermidade.
Balmis, non realizou esta fazaña él so, o acompañaron o catalán José Salvany e por suposto a tan esquecida Isabel Zendal que foi a primeira enfermeira recoñecida en misión internacional e a única muller que formou parte desta expedición.
Así, o 30 de novembro de 1803 partiu o navío chamado María Pita con 37 persoas dende o porto da Coruña. Destas 37 persoas, 22 eran nenos, orfos procedentes de Madrid, A Coruña e Santiago, de entre 3 e 9 anos, entre eles tamén iba o propio fillo de Isabel Zendal: Benito Vélez de 9 anos. A forma de facer chegar a vacina foi sinxela, pero supoñemos que moi dura para os pequenos: foron inoculados sucesivamente ó longo da viaxe para manter vivo o virus vacunal. Tratábase de elaborar unha “cadea humana”.
Os resultados da expedición foron un éxito, se ben hai que ter en conta que un dos nenos finou na viaxe e que ningún deles regresou a España. Foron moitas e diversas as traxectorias dos participantes nesta histórica expedición. Pero eso daría para outra entrada no blogue.
Esta expedición foi moi valorada no seu tempo e incluso o propio Jenner, inventor da vacina, ó coñecer a iniciativa dixo: “No me imagino que en los anales de la historia haya un ejemplo de filantropía tan noble y tan extenso como éste”.
Esta expedición que durou 3 anos foi probablemente o primeiro programa oficial de vacinación masiva realizado no mundo, pero tamén tiña, como é lóxico pensar, elementos políticos e formaba parte dun programa de goberno: era un intento do rei Carlos IV de levar os novos avances sanitarios ás súas colonias e controlar o territorio.
Esta parte da historia foi recuperada por varios/as escritores, directores de cine, historiadores, así como pola nosa cidade que recentemente adicou unha rúa a Isabel Zendal.
Tamén, periodistas de renome como Antonio López están a facer unha magnífica laboura de investigación e difusión de este persoaxe e do seu papel tan importante nesta parte da Historia.
Na cidade a historia da Expedición Balmis está moi presente, como última anécdota relacionada con esta parte da historia e da nosa cidade, sabíades que na Domus temos o balcón dos nenos da varíola??
- Homenaxe ós 22 nenos particpantes na expedición Balmis, na Domus
Nas nosas bibliotecas podedes atopar diferentes materiais que profundizan neste tema. Aquí vos deixamos varios exemplos:
Non podemos deixar de facer mención ó último libro escrito por Antonio López: “Isabel Zendal Gómez en los Archivos de Galicia” que tamén tendes nas bibliotecas formato papel e que tendes dispoñible en formato dixital, na web do Parlamento de Galicia, moi apropiado para estes días de confinamento.
Esperamos que descubrirades algo da historia de eses homes, mulleres e nenos que tamén foron heroes no seu momento, que tamén salvaron vidas e tamén superaron moitas adversidades e momentos complicados semellantes ós que estamos a vivir nós.
Saúde e vémonos pronto nas Bibliotecas pero polo de agora lembra:
#EUQUEDONACASA
Nova York. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 2
Por fin chega o día!! Despegamos para dar a volta ao mundo!! Nun flamante Boeing 787 voamos cara a Nova York cunha, non imos negalo, certa inquietude ante o que se supón imos atopar no control de entrada no JFK (o aeroporto principal da NYC). Tantas historias de persoas confundidas con terroristas, de programas de Control de Aduanas onde parece que nin Deus se salva de que o leven a un cuarto apartado para facerlle interrogatorios, de revisións de maletas onde analizan microscopicamente a túa roupa interior por se tiveches contacto con droga… Así vou eu no avión, mentres volvo reler o utilísimo libro de Javier Reverte, New York, New York. En serio, non viaxedes alí sen ler antes este libro. Ah, por certo, o avión de Air Europa leva como nome Julio Iglesias: Vuela amigo, vuela alto, no seas gaviota en el mar… Aaaiiiii…
E aí está, aí está, o temíbel JFK!! Son as 5.24 pm (hai que afacerse ao modo de sinalar as horas nestas terras). As rodas do avión tocan terra. O traslado ata a terminal faise en autobús. As mans xa empezan a suar. Os ollos pendentes de mil e un carteis e voces das “agradábeis” funcionarias que nos reciben. Eu, disimulando, como se levara anos entrando neses aeroporto, con cara digna, dirixíndome a onde ía a maioría. E chega o momento da témera presenza do policía que escruta o meu rostro, mira o pasaporte, grava as miñas pegadas dixitais, fai unhas cantas preguntas: onde se aloxará, cantos días estará e –a pregunta que me perseguirá ao longo desta viaxe– estivo en China nas últimas semanas? E listo, paso para recoller a miña maleta e cruzo a porta de saída sen que sequera se fixen en min. Son as 6 pm e xa estou fóra. Trinta e seis minutos desde que o avión tocou terra! Tanta historia para isto??? Que decepción.
A partir de aquí comeza a miña aventura neoiorquina. Pouco máis de tres días percorrendo a Gran Mazá. Dou fe de que é grande. Non vai comigo (cando non é necesario) usar taxis, trens, metros nin autobuses, pero confeso que menosprecei o seu tamaño. Non o creredes, pero nos tres días camiñei 63 km. Vistes por que vos avisara no capítulo anterior de que prepararades as zapatillas? O primeiro día, logo de 32 km, os pés reclaman regreso urxente ao hotel. Tampouco é de estrañar, vendo as vistas que teño desde o meu cuarto, un piso 40 xusto fronte ao Memorial 11S, onde antes estaban as Torres Xemelgas. Dan ganas de quedar alí todo o día e toda a noite, pero non é plan.
Tres días en Nova York dan para namorar da cidade e pouco máis. Lugares que che resultan familiares a forza de velos en películas, reportaxes, noticias e fotos. Eu aproveito para visitar o hospital onde se rodou unha das miñas series favoritas do pasado ano, New Amsterdam. O centro hospitalario Bellevue non é un hospital calquera. Ten a súa historia. É o hospital público máis antigo dos Estados Unidos, fundado en 1736. Así que os meus primeiros pasos van para alí. E mira que sorte, que chego xusto cando están rodando a nova tempada de serie. Pero son eu o único famoso alí. O resto son figurantes. Que lle imos facer.
E de súpeto, un whatsapp!! Unha vella amiga miña (vella pola antigüidade da amizade, non pola idade da aludida), Carina, da Arxentina, está en Nova York pasando tamén uns días. A última vez que nos vimos foi en Bos Aires o pasado ano. Así que veña, quedamos para xantar. E como quen coñece a cidade de toda a vida, fixamos o famoso Flatiron como punto de encontro. Total, só está a 2 km do hospital. Que pequeno é o mundo… Unha galego-arxentina e un galego-coruñés reunidos en Nova York! Este encontro foi máis fácil que atopar logo un sitio onde xantar ao noso modo: con calma, con tempo para relaxarnos, con prezo asumíbel e fuxindo da fast-food. Porque comer en Nova York non é como comer aquí, a non ser que teñas un presuposto de certo nivel. Acabamos caendo nun oriental máis ou menos aceptábel.
Non vou contar aquí todo o que ten que ver Nova York, porque moitos e moitas de vós xa teredes estado por alá. Non achega nada se me poño a falar de Wall Street, do skyline, de Central Park, de Times Square, a ponte de Broadway ou a Quinta Avenida. Visitei todo, claro que si, pero boto man do libro que vos comentei antes de Javier Reverte. E seguindo os seus consellos, non podía perder unha visita a un negocio dos nosos irmáns irlandeses. O pub máis antigo de Nova York: McSorley’s, aberto en 1854. Non o podedes perder: piso cheo de serraduras, paredes cubertas de recordos e de proclamas á independencia irlandesa… Foi o lugar elixido por Scorsese para facer o casting da súa película Gangs of New York. Outro lugar cinematográfico! Pido unha cervexa (tes para elixir: light ou dark). Pero a cousa non vai así aquí: as xerras servénse de dúas en dúas, nunca unha soa. Así que aquí me tedes con dúas dark fronte a min, apostado na barra cal vaqueiro no oeste, ollando para o persoal do pub, comezando polo vello camareiro, falangueiro e pícaro, que parece coñecer a toda a clientela a xulgar por como se comunica con todos a berros desde dentro da barra. Consumidas as dúas xerras considero conveniente probar a modalidade light, así que pido two beers, o que provoca a mofa do vello cantineiro a conta da miña pronunciación: two beers/too beers. O caso é que me entende e aí teño as miñas terceira e cuarta birras… Pensaredes no sufrimento do peto dun pobre turista en Nova York. Pois o prezo é outro motivo de asombro neste establecemento: dúas cervexas só custan 6 dólares. Non paga a pena a visita? Se teño que escoller entre a Estatua da Liberdade e o McSorley’s, non teño dúbidas.
Ao que non podo renunciar –chamádeme tolo– é a coñecer un Concorde de British Airways, o mítico avión comercial de pasaxeiros que desde 1973 e ata o 2003 cruzaba o Atlántico desde Londres en 3 horas e media. No Intrepid Sea, Air & Space Museum teño a oportunidade dunha visita guiada ao seu interior e unha explicación de 20 minutos para min e unha parella máis. Un privilexio para un chaladiño da aviación comercial como son eu. A que luzo ben na súa cabina? Por certo, ademais da entrada deixei un donativo de 2 dólares ao museo e ao regresar á casa atopo unha carta agradecéndome ese donativo. Os selos desa carta costaron 1.80…
Diredes agora, un bibliotecario non vai visitar unha biblioteca? A ver, obrigatorio non é, e 3 días tampouco dan para tanto, pero si que visito The Hispanic Society of America, un museo e biblioteca de investigación para o estudo das artes e cultura de España. Pero se por algo me interesaba é porque esta institución foi a que fixo posíbel as viaxes de Ruth Matilda Anderson a Galiza, onde tomou case 8000 fotografías percorrendo toda a nosa xeografía, nos anos 20 do pasado século. Afundación de Abanca publicou hai tempo un libro onde recollía algunhas: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia. Unha mirada de antano. Pero estando alí, na sede desta institución, levei outra sorpresa: era posíbel comprar un exemplar de Pontevedra and La Coruña. Gallegan Provinces of Spain de Ruth Matilda, onde publica as súas fotos e o diario da súa viaxe por Galiza. Non era un exemplar actual, reeditado, senón a edición orixinal, de 1939!!! Unha reliquia por só 30 dólares!!!
E aquí remata a miña crónica neoiorquina. O resto, o que non conto, tédelo en calquera guía. Ah, esquecía recomendarvos outro libro para coñecer esta urbe: Nueva York, de Edward Rutherfurd, un percorrido polos seus 400 anos de historia e que vos axudará a comprender mellor esta sorprendente cidade. Tanto este libro, como o de Javier Reverte ou o de Ruth Matilda Anderson (o da Afundación) tédelos nas bibliotecas municipais.
E para ilustrar este capítulo, unha galería con algúns dos momentos “estelares” que vos acabo de contar. Dentro de dous días o seguinte capítulo: Australia!!
Mulleres, poetas e galegas
Cada 21 de marzo, desde a súa aprobación pola UNESCO na 30ª Conferencia Xeral en París no ano 1999, celébrase a nivel mundial o Día da Poesía co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades.
“A poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar da maneira sempre renovada a forma en que utilizamos as palabras e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade”. (Nacións Unidas, 2019)
Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña, dentro do noso compromiso de promover a nosa cultura e a lingua galega, sumámonos á celebración desta efeméride tan fermosa coa campaña “Mulleres de carne e verso” coa que procuramos achegarvos a través das nosas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram) unha escolma de versos das nosas poetas nuns días especialmente difíciles por mor do Covid-19.
A proposta lanzouse a comezos desta semana nos nosos canais corporativos co propósito de celebrar a poesía e honrar ás mulleres poetas. Cada día unha biblioteca da rede foi compartindo as verbas da escritora homenaxeada e ata o momento puidemos gozar dos versos de…
Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977)
Escritora e xestora cultural ademais de creadora e coordinadora dunha das citas poéticas máis importantes na cidade: o ciclo Poetas Di(n)versos, que se desenvolve con carácter mensual no Centro Ágora.
Muller polifacética (guionista, presentadora de television, comisaria de mostras de arte e poesía, tradutora) e creadora recoñecida, entre outros, cos seguintes galardóns: Premio da Crítica e Premio Johán Carballeira por “Vivimos no ciclo das Erofanías” (1998), Premio Espiral Maior por “Profundidade de campo” (2007), Premio de Poesía Afundación por “A segunda lingua” (2014).
Lucía Aldao (A Coruña, 1982)
Poeta coruñesa que desenvolve a súa carreira tamén como cantante, guitarrista, guionista e animadora cultural. Xunto á escritora María Lado forma equipo para desenvolver proxectos como o espectáculo poético “Onde estea un cubata que se quite un soneto” ou a exitosa proposta poética, humorística e musical denominada “Aldaolado”.
Publica con Luis Walter Muñoz Fontenla a obra “Unha ducia máis un” (2005) e no ano 2018 sae á luz o seu primeiro libro de poemas en solitario “Todo isto antes era noite”.
Eli Ríos (Londres, 1976)
Autora prolífica que ten publicado obras de poesía, ensaio, narrativa infantil e xuvenil e novela para adultos . Galardoada, entre outros moitos, cos seguintes premios dentro do eido da poesía: XII Premio de Poesía Concello de Carral por “Nós escoitando o badalo de marienplatz” (2009), I Premio Rosalía de Castro por “Café intenso” (2015), XXVIII Premio Torrente Ballester por “Luns” (2016), IV Premio de Poesía González López Abente por “Culpable” (2017).
Realiza ademais obradoiros de escrita, contacontos para público infantil e colabora na revista dixital de crítica literaria feminista “A Sega”.
Desde o noso Club de Lectura Virtual se sumaron á proposta “Mulleres de carne e verso”, realizando no seu blog un percorrido pola vida e obra da poeta e membro da Real Academia Galega Luz Pozo. Convídovos á pasar tamén por aí e gozar da lectura desta entrada: “Luz Pozo, la poetisa de Ribadeo”.
Estade atentas e atentos ás nosas redes, a vindeira semana compartiremos con vós o nome e as verbas doutras cinco poetas galegas ás que desde as Bibliotecas Municipais rendemos homenaxe. Mentres tanto, despídome cunhas palabras de Audrey Azoulay -Directora Xeral da UNESCO- máis necesarias ca nunca:
“Cada forma de poesía é única, pero cada unha reflicte a universalidade da experiencia humana, o anhelo de creatividade que transcende todos os límites e fronteiras, tanto do tempo como do espazo, na afirmación constante de que a humanidade forma unha única e soa familia. Este é o poder da poesía!“


































