Arquivo do blog
Despedímonos da campaña “Mulleres de carne e verso”, mais non da poesía!
Decretado xa o estado de alarma pola crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, desde as Bibliotecas Municipais lanzabamos nos nosos canais corporativos a proposta “Mulleres de carne e verso”. Unha iniciativa que naceu para celebrar a poesía e render homenaxe ás nosas poetas co gallo do Día Mundial da Poesía, que se conmemora o 21 de marzo.
Cada biblioteca da rede foi compartindo durante estas dúas semanas as verbas da escritora homenaxeada, entre as se atopan: Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Eli Ríos, Luísa Villalta, Dores Tembrás, Olga Patiño, Emma Pedreira, Pilar Pallarés e Estíbaliz Espinosa.
- Pincha na imaxe para ver o fío de tweets da campaña #poesíaconM
Nun post anterior, “Mulleres, poetas e galegas”, recollíamos unha breve entrada descritiva das poetas cuxos versos compartiramos ata ese momento polas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). Dedicamos agora unhas liñas ás poetas homenaxeadas que completan a nosa campaña.
Luísa Villalta (A Coruña, 1957 – 2004)
Recoñecida como unha das voces máis destacadas da cultura galega contemporánea, Luísa Villalta foi unha escritora prolífica e versátil, abarcando xéneros como a poesía, a narrativa, o ensaio, teatro e o texto xornalístico.
Estudou Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia de Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Tamén era titulada en violín e formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.
A súa escrita foi premiada en numerosas ocasións, entre as que destacan “A taberna do holandés”, galardoada co Premio Modesto R. Figueiredo (1990) ou “En concreto”, poemario que recibiu o XIII Premio Espiral Maior (2004) e -postumamente- o Premio Galego da Crítica á Creación Literaria (2005).
Dores Tembrás (Bergondiño, 1979)
Poeta e doutora en Filoloxía pola Universidade da Coruña (UCD), Dores Tembrás é especialista ademais na obra de Alejandra Pizarnik.
Publica no ano 2009 o seu primeiro poemario, “O pouso do fume” –finalista dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) 2010 na categoría de poesía- e no ano 2012 o álbum infantil“O peizoque Roque”, ilustrado por Xosé Tomás. En 2013 recibe o galardón Premio da Poesía Concello de Carral pola obra “Cronoloxía da urxencia”, editado en Espiral Maior.
No ano 2014 funda, xunto a Antía Otero, o proxecto literario editorial Apiario.
Olga Patiño (A Coruña, 1949)
Docente no ensino secundario, poeta, actriz e directora de teatro, ademais de colaboradora en xornais como La Voz de Galicia ou El Progreso e en revistas literarias como Luzes de Galiza, Xanela, Clave Orión e Anuario Brigantino.
A súa obra poética abrangue: “Latexos fragmentados” (2002), “Atmosferas” (2007)-poemario ilustrado polo gravador José Valentín, “Tempo en desuso ” (2008), “Natureza Haiku“ (2010)- proxecto conxunto coa pintora Isabel Pintado e a escultora Soledad Penalta , “Silencio habitado” (2013), “Territorio acoutado” (2017) -creación poética levada a cabo co fotógrafo Carlos Lorenzo.
Emma Pedreira (A Coruña, 1978)
Filóloga, poeta e narradora, Emma Pedreira participa tamén moi activamente na plataforma de crítica feminista A Sega.
A súa obra foi galardoada con numerosas premios literarios e participa ademais en infinidade de antoloxías colectivas. Algúns dos galardóns recibidos na súa traxectoria como poeta: Premio Johán Carballeira 1999 por “Diario bautismal dunha anarquista morta”, Premio Johán Carballeira 2001 por “Velenarias”, Premio Johán Carballeira 2002 por “Os cadernos d’amor e os velenos”, Premio Fiz Vergara Vilariño 2006 por “Casa de orfas”, Premio Poesía Concello de Carral 2012 por “Libro das mentiras” e Premio Gonzalo López Abente 2015 por “s/t”, entre outros moitos.
Pilar Pallarés (Culleredo, 1957)
Poeta renovadora da poesía galega, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa en Santiago de Compostela e columnista en diversos medios de comunicación.
O seu primeiro libro publicado, “Entre lusco e fusco” (1979) gañou o Premio de Poesía Novoa do Facho e en 1983 o seu seguinte traballo, “Sétima soidade” é galardoado co Premio Esquío. Posteriormente publica, entre outros, os libros de poemas: “Livro das devoracións” (1996), “Poemas” (2000), “Leopardo son” (2011), polo que recibe o premio da AELG; e “Tempo Fósil” (2018), Premio da Crítica 2018 e Premio Nacional de Poesía 2019.
No ano 2019 recibe, ademais, réndeselle a homenaxe na Coruña “A escritora na súa terra”, impulsada pola AELG.
Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974)
Licenciada en Socioloxía e Filoloxía Hispánica pola UDC, Estíbaliz Espinosa desenvolve a súa actividade como escritora, creadora e tradutora. Compaxina a súa carreira profesional no eido literario coa música -é mezzosoprano- , ademais de definirse como astrónoma afeccionada.
Publicou numerosos poemarios, entre eles: “Pan (Libro de ler e de desler)” , Premio Esquío de Poesía 1999; “Número e”, Premio de Poesía Espiral Maior 2001; “…as neuronas irmás…”, Premio de Poesía Afundación 2017. Recentemente -xaneiro 2020-recibiu o Premio Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu texto titulado “23 xeitos de inventar unha constelación”.
A proposta “Mulleres de carne e verso“ chega ao seu fin, mais o noso compromiso de promover a lingua e cultura galegas, de celebrar a poesía e de difundir e dar visibilidade ás nosas autoras segue adiante!!
Lembrámosvos que na nosa canle en Youtube podedes desfrutar dos versos a viva voz dalgunha destas marabillosas poetas na lista de reprodución “Mulleres de carne e verso“.
Despedímonos cun convite. A invitación a descubrir, para aquelas persoas que aínda non a coñecen, á poeta coruñesa Claudia González Caparrós (1993), con dúas obras xa publicadas que podedes atopar no noso catálogo: “Si la carne es hierba (Sully Morland)” (2015) e “Te miro como quien asiste a un deshielo” (2018).
Forza e azos nestes días para todxs e cuidemos a linguaxe, porque as palabras configuran o noso mundo!!
Recital de Estíbaliz Espinosa na Biblioteca do Forum
Este xoves, 28 de abril na Sala de Adultos da Biblioteca do Forum Metropolitano Estíbaliz Espinosa ofrecerá un recital e coloquio literario con proxeccións en vídeo “Entre o universo e tinta”. A conferencia dará comezo as 19:30 horas, con entrada libre. Para máis información Biblioteca Forum Metropolitano Rúa Río Monelos 1, e no teléfono 981 184298