Arquivo do blog
Día do libro 2023: un libro ao teu carón
Chega abril e con el unha das nosas celebracións máis queridas: o Día do Libro. Este ano, máis que nunca, queremos ser o epicentro da festa nos barrios e poñer os libros ao teu carón, e para iso temos preparada unha proposta fantabulosa que se suma á nosa programación habitual, concentrada na semana previa ao 23 de abril: obradoiros creativos, roteiros e encontros literarios, lecturas en voz alta, agasallos… e libros, moitos libros!

Baixo o lema “Un libro ao teu carón: festa do libro 2023“, as bibliotecas municipais organizan un completo calendario para celebrar o Día do Libro, a semana previa ao 23 de abril, permitindo participar á veciñanza dos seus barrios en roteiros, obradoiros ou conversas con persoas que teñen moito que dicir dos libros.
Seguro que xa coñeces os nosos programas de contacontos e promoción lectora para crianzas de 0 a 7 anos, os clubs de lectura e de divulgación científica, os encontros para familias, etcétera. Se a iso sumamos todas as actividades extraordinarias da semana, xa temos a festa feita!
O calendario completarase con mostras de temática variadas en cada biblioteca, que teñen como denominador común achegar á cidadanía curiosidades literarias e a diversidade do libro, e coa solta de libros nos barrios, preto das bibliotecas, durante toda semana. Estes “libros libres” levarán unha tarxeta para que a persoa que os atope poida compartir o instante nas redes sociais, o que virá dar máis sentido, incluso, ao lema escollido: levar “un libro ao teu carón”. E é que, ao noso través, o libro, este abril, toma os barrios!
Solta de libros
Queremos que os libros saian dos nosos andeis e paseen polos nosos barrios! Por iso, a partir do luns 17, cada biblioteca liberará lotes de libros variados nos seus arredores, que estarán identificados con etiquetas e tarxetas onde se explicará a dinámica desta solta simbólica das palabras, facendo do barrio enteiro unha biblioteca. Avisaremos a través de pistas nas nosas redes sociais de onde e cando buscalos.
Quen atope algún destes libros, pode quedar con el, levalo para a casa, lelo e despois volver deixalo en calquera lugar para que outra persoa o recolla e poida gozar con el. Animamos á veciñanza a compartir a súa foto co libro libre xunto co cancelo #unlibroaoteucarón e citando a @bibcoruna en Instagram ou Twitter.
Mostras bibliográficas: a diversidade do libro
| BIBLIOTECA | MOSTRA | DESCRICIÓN |
| DURÁN LORIGA | Libros para aprender | Libro informativo atractivo |
| SAGRADA FAMILIA | Libros para ver e desfrutar da pintura | Libros de arte para todas as idades |
| CASTRILLÓN | Libros que falan de libros | Libros metaliterarios |
| FÓRUM | Libros belidos | Libros de edicións coidadas e de luxo |
| ESTUDOS LOCAIS | A Coruña, escenario literario | Libros ambientados na Coruña |
| ROSALES | Emoción, intriga e dor de barriga | Libros de intriga e misterio |
| MONTE ALTO | Libros con vida | Libros biográficos |
Actividades nas bibliotecas (do luns 17 ao sábado 22)
Para nenos e nenas de +8 anos:
- Obradoiro de relato exprés con Andrea Barreira (Biblioteca Durán Lóriga, martes 18, 18:00 h)
- Obradoiros de cómic con Santy Gutiérrez (Biblioteca Monte Alto, mércores 19, 18:00)
- Obradoiro de cómic con Yago García Rodríguez ( Biblioteca Agora, venres 21, 18:00 h)
- Obradoiro creativo “Contos, cubismo e artista do vangardismo” coa A.C. Mirlotil (Biblioteca Sagrada Familia, sábado 22 , 11:00 h)
Para a mocidade:
- Obradoiro de escrita con Lúa Mosquetera (Biblioteca Durán, mércores 19, 18:00)
- Obradoiro de escrita con Lúa Mosquetera (Biblioteca Os Rosales, venres 21, 18 h)
Para persoas adultas:
- Lecturas en voz alta con participación clubs de lectura (Biblioteca Ágora, martes 18 pola tarde)
- Roteiro Literario polas figuras literarias da cidade (Biblioteca Durán Lóriga, xoves 20, 17:30 h)
- A Coruña escenario literario: encontro con Manuel Rivas (adiada a data orixinal; anunciaremos nova data en breve)








