Arquivo do blog

Recomendacións do Club Fórum Luns

O club de lectura Fórum Luns, ao igual que todos os da rede, toman unha semana de descanso e parécenos unha boa oportunidade para deixarvos as recomendacións das nosas últimas lecturas.

Comezamos co cómic Se está muy sola en el centro de la Tierra  de Zoe Thorogood. A xoven autora foi galardoada no 2019 co premio á mellor autora emerxente dos Cómic Scene Awards, e en 2020 gañou o premio ao mellor debut nos Tripwire Awards polo seu fanzine Angel. En 2023 foi nomeada a cinco premios Eisner por “Se está muy sola en el centro de la Tierra” e obtivo o premio Russ Manning á autora novel máis prometedora.

Esta lectura requeriu un esforzo extra e a posta en práctica de todos os sentidos. Non nos resultou para nada un cómic sinxelo de ler, aínda que xa estabamos preaviso. Trátase dunha creación  refinada e complexa que utiliza unha variedade case infinita de recursos gráficos para reflectir, cunha sucesión inabarcable de metáforas visuais, o  estado de ánimo da autora, as súas pequenas vivencias, as súas reaccións ao que lle vai sucedendo. O que máis nos asombra, é que Zoe Thorogood tiña menos de vinte e cinco anos cando escribiu a obra.

A modo de sinopse apuntamos que a autora sitúase no centro da historia. Cando a coñecemos, ten vinte e tres anos e está a pensar, con certa seriedade, en matarse. De feito, ten un coitelo nunha man co fío apuntando cara ao seu pescozo. Pero -como tantos outros artistas de todos os xéneros- descubriu que este non é unha cura contra a depresión, un mal que a axexa desde que era unha nena “rara” que sufría bullying. O mundo está a recuperarse da pandemia de Covid-19, o que incrementa o seu illamento social, a súa ansiedade. A protagonista intenta comezar unha nova obra, e deste xeito escapar dos pensamentos suicidas.

Cambiamos de temática pero non de xénero literario e seguimos con Ciudad de cristal, a novela gráfica, de Paul Auster. Considerado como un dos máis grandes autores norteamericanos contemporáneos, Paul Auster, destaca por obras tan coñecidas como A triloxía de Nova York. Recibiu numerosos galardóns, entre os que habería que destacar o Premio Médicis, a Orde das Artes e as Letras de Francia ou o Princesa de Asturias das Letras.

A novela gráfica é unha adaptación feita por dous autores. Hai que enfrontarse a ela con moita apertura de miras e tentando agarrarse a todo o simbolismo que contén. É unha adaptación sumamente fiel. Como lector chegas a poñerte na pel do que investiga e inclúete dentro do relato. É a primeira parte dunha triloxía con relatos independentes pero con bastante conexión na temática e os protagonistas, co propio Auster formando parte da historia e conformando un conto con múltiples capas de lectura e de narración. A trama céntrase en David Quinn, un escritor que tras a perda da súa muller e fillo, decide adoptar un pseudónimo, entrando nunha profunda crise de personalidade e rozando o límite da depresión. Un día, recibe unha chamada errada preguntando por Paul Auster. O seu interlocutor é unha muller que pretende encargarlle, pensando que se trata dun detective, a protección do seu marido, un poeta con trazos autistas por culpa do peche nunha habitación case toda a súa infancia. Quinn acaba aceptando o caso, meténdose de cheo nunha investigación cada vez máis misteriosa e case saltando dunha personalidade a outra ata chegar a un punto en que lle custe saber quen é.

Aínda que no club somos máis fans da novela, que por outra banda xa case todas leramos, foi un extra adentrarnos na novela gráfica.

Continuamos con Cualquier verano es un final do escritor, guionista e director de cine español Ray Loriga. 

O narrador da novela é Yorick, un protagonista que sufriu unha operación a vida ou morte a causa dun tumor cerebral. Neste sentido, o autor, Ray Loriga comenta nunha entrevista que lle prestou ao personaxe esta operación, que el mesmo sufriu, e como resultado, decidiu escribir esta novela na que os seus protagonistas, Yorick e Luiz , están continuamente dándolle voltas á morte.  Unha vez superada a operación e atopándose moito mellor, o protagonista e narrador, Yorick, será o encargado de acompañarnos nesta intrincada novela de amizade, amor e humor cara ao seu amigo Luiz, o outro gran protagonista, un personaxe divertido, amable e absolutamente san, pero que desexa morrer antes de envellecer, e para iso tentará coñecer o lugar tan especial en Suíza, onde poder facelo de forma asistida, con tranquilidade e sen sufrimento nin dor.

O amor, a amizade, a vida, tamén a morte, a obsesión e os dilemas morais están presentes en  toda a novela. Narrada con estilo e agudeza, con moitas referencias ao cinema, á música, ao cómic e sobre todo, prevalecendo o monólogo interior e poucos momentos dialogados, Ray Loriga, logra manter no lector a atención e o interese. Un libro que convida á reflexión constante. 

A seguinte lectura compartida foi El fin de la soledad do novelista alemán Benedict Wells.

O protagonista desta historia sofre a perda dos seus pais cando era pequeno. Tras este suceso, ingresa nun internado público xunto cos seus irmáns pero de xeito separado. As súas vidas cambiaron radicalmente pero aínda non saben canto. Aínda que rodeados de novas persoas, a soidade é un sentimento constante. Cada irmán carga con este pesado trauma familiar da mellor maneira que pode. Jules é feliz a pesar de ser moi distinto dos seus irmáns. A súa irmá é a moza rebelde, que fala máis que fai e quere comerse o mundo. O seu irmán con todo é solitario, con trastorno impulsivo e moi intelixente. Jules atopará a unha amiga moi especial que o destino se encargará de unir e separar do ao seu antollo. Unha historia presente, que viaxa a través da narración do seu protagonista desde o pasado. Así, e aos poucos, viviremos xunto a el a súa vida. Como todas, cos seus altibaixos.

Benedict Wells traza un complexo mapa para facer que os personaxes evolucionen conforme pasan os anos e con eles, as súas historias, vendo como medran e como se enfrontan de forma individual aos seus problemas e pantasmas do pasado. En ningún momento o autor se recrea no drama da familia se non que reflexiona ao redor del e como poder superalo. E quizá sexa este un dos obxectivos da lectura: ver o lado positivo das cousas, así que con iso nos quedamos.

Continuamos con Los alemanes do escritor e periodista madrileño Sergio del Molino. Premio Ojo Crítico e Tigre Juan, entre outros, por La hora violeta, é autor tamén das novelas Lo que a nadie le importa (2014) e No habrá más enemigo (2012). O seu ensaio La España vacía (2016), gañou o premio dos Libreiros de Madrid ao Mellor Ensaio, Premio Cálamo ao Libro do Ano e un dos dez mellores libros de 2016 en España según Babelia. 

En Los alemanes, o pano de fondo da historia son os “alemáns do Camerún”, seiscentos alemáns que, en 1916, durante a Primeira Guerra Mundial, entregáronse ás autoridades coloniais españolas en busca de refuxio e instaláronse en Zaragoza, onde fundaron unha pequena pero unida e orgullosa comunidade. O texto, situado no noso presente, é dicir, 100 anos despois da chegada dos alemáns do Camerún, céntrase nos descendentes dunha desas familias: os irmáns Schuster. Gabi, un músico cuxo enterro inicia a novela; Fede, profesor nunha universidade de Ratisbona; e Eva, política en Zaragoza. Os tres, ao seu modo, abdicaron do seu pasado, e con xustas razóns. Reencontrados en Zaragoza pola morte de Gabi, Fede e Eva vense obrigados a enfrontarse co pasado, coa historia daqueles alemáns dos que se sabe pouco, e en específico coa historia da súa propia familia.

Os alemáns é un libro que fala da familia e da herdanza da culpa, do moito que nos marca o camiño o lugar do que procedemos e como entendemos a nosa historia familiar. Os diálogos, a miúdo brillantes, están moi cargados de conversación cultural, de literatura, historia e filosofía, pero é a música a que ocupa a maioría das múltiples referencias que atopamos nos alemáns.

E rematamos viaxamos ata Londres con Lo que queda de luz  de Tessa Hadley.

Ambientada no Londres actual, dacabalo entre a década dos noventa e dous mil, a novela profundiza na psique e nas relacións humanas dun grupo de amigos que se resente tras a perda dun dos seus membros máis sólidos. A través dun narrador omnisciente, o lector terá a oportunidade de indagar e descubrir as profundidades dos pensamentos destes tres personaxes principais; os seus conflitos persoais internos, as súas preocupacións, medos, inseguridades, os seus sentimentos ou reflexións.

Son moitos os temas para reflexionar ao longo da obra, sendo o principal as relacións e a toma de decisións pasadas coas súas respectivas consecuencias futuras. A madurez das amizades sólidas, as relacións familiares, a procura dun mesmo, o cambio de filosofía vital tras a perda, a inseguridade, o baleiro ou a desolación son algunhas outras problemáticas aos que se enfrontan os personaxes. Tessa Hadley destaca por posuír unha pluma deliciosa, pulcra, pulida e detallista. Grazas á súa exquisita prosa consegue traspasar as páxinas e atrapar ao lector penetrándoo na historia e facéndoo partícipe da mesma.

Autora tardía, Tessa non publicou a súa primeira novela ata cumprir os 46 anos, e desde entón a súa reputación literaria e o aprecio dos lectores non deixan de medrar con cada novo libro. A súa obra recibiu o Premio Windham Campbell e o Premio Hawthornden. É profesora de Literatura e Escritura Creativa na Universidade de Bath Spa.

E ata aquí as nosas lecturas deste segundo trimestre, agardamos que vos sexan de utilidade e vos den ideas por se aínda non tedes decidido que ler estes días de lecer que temos por diante.

As lecturas do Club de lectura Fórum Luns

O club de lectura Fórum Luns, ao igual que case todos os da rede, toman unha semana de descanso e parécenos unha boa oportunidade para deixarvos as recomendacións das nosas últimas lecturas.

Comezamos o ano cun clásico, La felicidad conyugal de Lev Tolstói publicado por  Acantilado.

Serguéi Mijäilovich chega á casa de campo de Pokróvskoye para administrar a herdanza de María Alexándrovna. Ela é doce anos máis nova ca el, pero entre ambos xorde un amor que se consuma en matrimonio. Ao principio viven tempos felices; con todo, a súa felicidade verase alterada cando a parella se traslada a San Petersburgo e ao éxito de María na vida da alta sociedade acompáñenlle os ciúmes do seu esposo. As obsesións individuais, a responsabilidade e o amor fronte aos demais son claves nesta obra baseada na propia vida de Tolstói.

Desta obra resaltamos especialmente o amor de parella como tema central. A descrición dos sentimentos como o namoramento é chave, sobre todo na primeira parte da novela, na segunda parte dá a sensación  de que corre máis rápido, e entretense menos en detalles sentimentais.  Destaca tamén a gran capacidade que ten Tolstói á hora de reflectir os perfís psicolóxicos dos personaxes, a través dos que demostra que é un gran coñecedor da alma humana.

Tolstói é considerado como un dos máis grandes autores da literatura universal de todos os tempos. A súa obra é fundamental para entender o desenvolvemento da novela contemporánea, sendo o maior exemplo do movemento realista.

Seguimos con La mujer helada de Annie Ernaux (Cabaret Voltaire), autora da memoria persoal e colectiva, cuxa obra mestura finamente a literatura autobiográfica e as observacións sociolóxicas, foi galardoada co Premio Nobel de Literatura o 6 de outubro de 2022.

Narrado en primeira persoa a autora debuxa o mundo no que unha muller deixa de ter significación propia, vive nas rúas, xoga e soña para rematar nun matrimonio que nada lle aporta e cunha maternidade que se afasta do que ela unha vez imaxinou. Ernaux presenta a unha muller que se limita a seguir de forma case automática, sen ser persoa, a por unha vida que non lle dá marxe de movemento, autonomía ou queixa, conxélase porque non sente ou conxélase se cadra polo frío que deixa como único rastro a soidade que representa.

Nesta obra, Annie Ernaux segue recuperando os recordos da súa vida, neste caso para escribir sobre as liberdades (ou a ausencia delas) das mulleres da súa época. Por un lado están as mulleres loitadoras que prácticamente non teñen tempo máis que para traballar e criar aos fillos, e polo outro están as mullers acomodadas que viven nun mundo de “perfección”. Estamos ante un libro que reflexiona sobre o que debería supoñer a liberación da muller, sobre a dificultade en demostrar a súa valía nun mundo reinado por homes.

Gustou moito Llévame a casa de Jesús Carrasco e publicado por Seix Barral. Unha novela ancorada no presente profusamente recoñecible: un pobo de Toledo en 2010 e unha familia que podería ser, baixo a máscara e emendas da imaxinación, a do propio escritor. A de calquera. Unha historia arraigada nunha cotiandade tan inmediata como inexorable e dolorosa: a enfermidade e morte dos proxenitores cando os fillos teñen a súa propia vida lonxe xa do fogar familiar, o da súa patria ou casa verdadeira. Carrasco, que se consagrou con Intemperie como un dos debuts máis cegadores do panorama literario internacional, configura en Llévame a casa unha trama sólida e concentrada.

Especialmente crúa resultou a trama de La hija de la española de Karina Sainz Borgo (Lumen).

A trama está protagonizada por unha muller nova (Adelaida) que acaba de perder á súa nai (Adelaida Falcón) no medio da Venezuela chavista-madurista. “O mundo, tal e como o coñecía, comezará a derrubarse”. Era a única filla dunha nai solteira, e a partir deste intre, no medio da súa soidade, o cúmulo de males que se xeraron nestes vinte anos de dominio político de Hugo Chávez (1954-2012), o seu herdeiro no poder (Nicolás Maduro, 1962), comezaron a afectar en maior grao todos os aspectos da súa vida. En poucas páxinas a novela logra sintetizar unha gran cantidade de odios, perversións, traxedias e rápida deterioración da calidade de vida que ocorreron ao longo destas dúas décadas (“a xente enfermaba e morría tan rápido como perdía o xuízo”), e úneos dunha maneira relativamente harmónica nos meses en que se desenvolve a trama tanto no seu presente como nos recordos.

Cambiamos totalmente de rexistro tanto na temática coma na narrativa. Viaxamos ao Portugal da revolución dos caraveis a través de Los memorables de Lídia Jorge.

Ana Maria, xornalista portuguesa, regresa ao seu país para realizar un documental sobre un dos procesos máis significativos de Portugal: a Revolución dos caraveis. Volve a casa do seu pai, quen tamén foi xornalista, e atopa a foto dun grupo de revolucionarios -un militar, un cociñeiro, poetas e diversos personaxes- inmortalizados nunha imaxe tomada pouco tempo despois do acontecemento. Os seus integrantes representan unha oportunidade xornalística orixinal, a partir deles poderá narrarse o episodio fundacional da democracia portuguesa e, máis aínda, lembralo con fontes primarias; pero aínda así, as maneiras de evocalo, trinta anos despois, son diferentes, conforman un crebacabezas emocional e mnemotécnico que se contradi e complementa á vez.

Reflexioamos con esta obra sobre Portugal e as súas letras, a memoria,  os mozos e a historia recente. E pechamos cunha frase dita por un dos personaxes que queremos compartir con vós A democracia consiste en batallar coa banalidade do cotián. Que significado lle dades?.

E entramos nas vacacións con Lejos de Egipto de André Aciman (Libros del Asteroide) entre as mans.

A novela é un exercizo de memoria no que Aciman mostra a vida da súa familia en Alexandría a mediados do pasado século. É unha mirada agradecida, aínda que non evita as súas experiencias en colexios prestixiosos, cheos de violencia e castigos corporais e os desgustos da familia ao serlles arrebatados todos os bens. Unha visión moi evocadora dun mundo que desapareceu, as ceas e reunións familiares no casarón da bisavoa, nas que se falaba ata seis idiomas, incluído o ladino, conservado polos maiores da familia. Este castelán antigo pervivía aínda, desde que os xudeus foron obrigados a abandonar a Península Iberica no século XVI. Aciman escribiu un libro evocador e cheo de añoranza cara a esa nenez que nunca volverá.

E ata aquí as nosas recomendacións do segundo trimestre, agardamos que vos deran ideas para facer acopio de lecturas para estes días de descanso que temos por diante. Podedes consultar a súa dispoñibilidade no noso catálogo.

Recomendacións do Club de Lectura Forum Mañás para levar con éxito o confinamento

Durante estes días, estamos a ver constantemente, nos medios de comunicación, imaxes desalentadores de como avanza o coronavirus (COVID-19) polo noso país e polo resto do mundo. As cifras de contaxios aumentan diariamente, deixándonos unha sensación de impotencia e desasosego. Debemos darnos un respiro e mergullarnos en historias que nos lembran quen somos, ou que nos fai sentirnos felices.

O club de lectura de Forum Mañá quere compartir con todos vós unha serie de recomendacións de libros que teñen entre os seus andeis, para sobrelevar mellor estes días de confinamento.

 

C.L. Forum mañásEl intermedio que somos. Silvia Salgado 

Esta non é a historia dun neno con Asperxer, non é tampouco o relato da travesía da súa irmá adolescente. Esta novela fala de nais e fillas. Das mulleres que crían ser, as que son e as que serán algún día. Queda lonxe de ser unha novela romántica, pero si é unha historia de amor. Laura Carson vive e traballa en Madrid onde formou a súa propia familia e desposuíuse da anterior. Está casada con Mario e é nai de dous fillos: Mateo, con síndrome de Asperxer, e Amanda, a irmá adolescente dun Asperxer. O seu traballo como farmacéutica permítelle coñecer case todos os males da veciñanza, pero ela ben sabe que hai doenzas que non se poden curar. Con todos os seus clarescuros garda os seus recordos nunha caixa de latón: as últimas fotos que fixo o seu irmán e tamén as cartas que non le e recibe da súa nai. Amanda Carson, sabe que á súa nai non lle cabe máis dor nesa caixa. Deberá buscar a súa propia ou facerlle fronte a un suceso que a fixo maior a piques de cumprir os 15.

Recomendación de Marisol Ríos

“Está novela fala de mulleres e fillas…Das mulleres que crían ser, as mulleres que son e as que serán algún día. É unha historia de amor á familia. De Silva Salgado, a autora, dicir que as súas novelas son un pracer. Gústanme pola súa mensaxe de benestar. Esta novela é para ti e para todas as mulleres que hai na túa vida.”

 

La Boda de Leonor. Mireille Calmel

O mosaico dunha época onde a maxia, as intrigas políticas e a sedución aínda influían a partes iguais no curso da Historia. Un mundo de reis e conspiradores, de fe cristiá e bruxería, de amizade e traizón no que a nova duquesa Leonor de Aquitania loita por forxar o seu porvir.

 

Recomendación de Enrique Pereira

“Leonor de Aquitania é unha das miñas heroínas desde que souben dela na miña mocidade.”

Yoga clásico. Vimia Lalvani

Todo ser humano ten unha chispa divina. O propósito do ioga é acender esta chama para levar a cada persoa a unha conciencia superior.

Recomendación de Marica Freire

“Unha forma de relaxación para soportar esta situación que estamos a vivir e non terminaría mordendo os mobles!!!.”

 

 

El talento de Mr. Ripley. Patricia Highsmith

No talento de Mr. Ripley, a máis soada novela de Patricia Highsmith, aparece a súa máis fascinante personaxe: o inquietante e amoral Tom Ripley, figura prototípica dun xénero que Highsmith inventou, que se sitúa entre a novela policíaca e a novela negra, entre Graham Greene e Raymond Chandler, onde o máis trepidante suspense se aúna a unha vertixinosa análise psicolóxica. Mr. Greenleaf, un millonario americano, pídelle a Tom Ripley que tente convencer ao seu fillo Dickie de que regrese ao fogar. Tom acepta o encargo –de paso pon terra por medio a posibles problemas policiais– e atopa a Dickie e á súa amiga Marga, con quen establece unha turbia relación que desemboca no crime e o engano.

Recomendación de Morelva Nobrega

“Novela policíaca clásica moita intriga e moi ben escrita”

El arte de no amargarse la vida. Rafael Santandreu

Sofres de terribilitis? Rafael Santandreu explica que moitos dos problemas emocionais actuais son causa dunha mala filosofía de vida. Con gran facilidade vémonos deprimidos, ansiosos ou moi desgraciados. A arte de non amargarse a vida conta que todos estes trastornos emocionais poderían cualificarse de terribilitis. Na nosa sociedade temos moitas crenzas que nos fan ser infelices como que se non tes parella es desdichado ou que hai que ter un posto de traballo moi importante para realizarse. Seguindo a saga dos grandes libros de psicoloxía para o gran público Rafael Santandreu, expón nesta obra un método práctico e claro, aínda que completamente científico, para camiñar cara ao cambio psicolóxico

 

Recomendación de Teresa Vázquez

“Estamos a pasar por uns momentos tan críticos; que Santandreu axúdanos no seu libro “A arte de non amargarse a vida”, con tonteras totalmente superfluas e cando pase todo isto. VIVAMOS!!!..

Imposible es nada. Elena Pita.

Con esta idea por bandeira, o cirurxián galego Diego González Rivas, coñecido como doutor Diego,loita contra o cancro de pulmón e a dor en hospitais do mundo enteiro. A súa revolucionaria técnica permite operar a cavidade torácica practicando un pequeno orificio intercostal, ás veces mesmo con anestesia local, e facilita aos pacientes a volta a casa e á vida ás corenta e oito horas. A xornalista e escritora Elena Pita cóntanos con paixón a viaxe deste cirurxián que se atreve cos casos máis complexos para regalar alegría. Diego González Rivas (A Coruña, 1974) en apenas un ano, o 2015, acometeu máis de oitocentas cirurxías maiores ao redor do planeta, a maioría delas nun dos hospitais onde intervén e insignia regularmente, o Xangai Pulmonary Hospital. A súa técnica cirúrxica ( Uniportal VATS) é pioneira mundial: permite extirpar a través dunha única incisión os tumores máis enrevesados. É tamén un dos médicos máis activos na difusión de avances cirúrxicos nas redes sociais. De feito foi quen abriu a primeira canle de cirurxía en Youtube..

Recomendación de Dolores Otero

“Nunca mellor, vai por todos os  que nos coidan e que nacen coa vocación de axudar e regalar alegría aos demais.”

Erebus: Historia de un barco. Michael Palin.

O barco que viaxou dúas veces ao cabo do mundo O HMS Erebus emprendeu dous das expedicións navais máis ambiciosas de todos os tempos. A primeira levouno máis ao sur do que calquera humano chegara xamais. Durante a segunda, desapareceu sen deixar rastro nas augas do Ártico. Os motivos do seu tráxico final están rodeados de misterio.Michael Palin, estrela dos Monty Python e expresidente da Real Sociedade Xeográfica de Londres, recrea vívidamente a historia do Erebus, desde o seu botadura en 1826 ás épicas expedicións que o levaron á gloria e despois, ao desastre. Por estas páxinas desfilan os seus fascinantes tripulantes: o gallardo James Clark Ross, o atormentado John Franklin,  Francis Crozier, o eterno segundo ao mando ou Joseph Hooker, un brillante naturalista de gatillo fácil. En Erebus, cun estilo fresco e rigoroso, unido a unha exhaustiva investigación, Palin recrea a gran época das exploracións do século XIX e presenta a aventura do barco que viaxou dúas veces ao cabo do mundo.

Recomendación de Zulema Hernández

“Para os que gocedes cos relatos de aventuras, nesta expedición real en busca do tan soñado Paso do Noroeste Palin consegue case un documental que vos trasladará ás xeadas zonas de ambos os polos.”

El testamento. John Grisham

Un vello multimillonario moribundo desexa evitar custe o que custe que os seus fillos, quen xamais se preocuparon por el, herden a súa fortuna. Frustrando os codiciosos intereses da súa familia, redacta un testamento que non deixará indiferente a ninguén.
Troy Phelan, un vello multimillonario cun cancro terminal, encérrase no seu luxoso despacho para escribir o seu último testamento. Está furioso cos seus fillos e coas súas ex esposas, que levan tempo esperando con paciencia carroñera que o tumor do tamaño dunha pelota de golf que crece nun recuncho do seu cerebro acabe coa súa vida e poidan, ao fin, herdar a súa fortuna. O que non imaxinan é que el se gardou un último as na manga. Non permitirá que o cancro leve o seu último alento. Determinou como e cando deixará este mundo: saltará pola xanela do seu ático e deixaralles pasmados.  Mentres en Washington a familia Phelan emprende unha encarnizada loita para recuperar o que cre que é seu, Nate Ou’Riley, un avogado litigante e un alcohólico rehabilitado, ten a misión de atopar a Rachel….

Recomendación de Conchi García

“É unha novela sobre avogados e describe o egoísmo das familias #ante as herdanzas”.

.

Cuentos. Antón Chéjov.

Chéjov, foi un escritor ruso autor de novelas, relatos curtos, ensaios, obras de teatro e, sobre todo, multitude de contos, xénero literario no que fixo historia e no que se lle considera un mestre.
Chéjov era médico de profesión e durante toda a súa vida compaxinou a gran paixón que sentía pola literatura coa medicina. O seu primeiro libro de relatos, ao que puxo o nome de “Cuentos de Melpómene”, obtivo o Premio Pushkin e isto significou o primeiro dos seus triunfos como escritor. As súas obras de teatro “La gaviota”, “Tío Vania”, “Las tres hermanas” e “El jardín de los cerezos”, aínda que inicialmente pasaron desapercibidas, cultivaron un gran éxito máis tarde, ao ser representadas pola Compañía de Teatro de Arte de Moscova.

Recomendación de Mar Losada

Chéjov transmite sentimentos…. moi apropiado para estes momentos!!

Historia del tiempo. Stephen HawKing

Nel Stephen W. Hawking presenta de forma clara e concisa os conceptos fundamentais da mecánica newtoniana, a teoría da relatividade, a mecánica cuántica e a cosmoloxía contemporánea, temas todos eles que, xunto ao seu interese intrínseco, permiten enmarcar o problema de fondo tratado no libro: a orixe do universo e a creación do espazo-tempo, chegando a asomarse a campos máis amplos e aventurados, como a metafísica e mesmo a teoloxía, ao exporse a natureza dun Deus creador, ou máis ben garante do sentido do universo.

Recomendación de Carmen Bares

“Permítenos gozar da ciencia aos profanos na materia”.

.

Desencuentros. Luis Sepulveda

O talento narrativo do escritor chileno Luís Sepúlveda, autor da soada novela Un vello que lía novelas de amor, desprégase con mestría nos contos que compoñen o volume. Todos os seus personaxes —vítimas dun desencontro, dun descoido ou un malentendido— viven, quizá sen sabelo, ese instante fugaz en que se decide unha existencia enteira. Unhas veces, as súas desventuras fan sorrir; outras veces, cando se converten en cruel espello da realidade, fan pensar. E namentres, ao longo das páxinas, Sepúlveda introduce ao lector en misteriosas intrigas ou estrañas conspiracións, condúceo a desertos remotos ou rúas populosas, a cafés portuarios ou librerías de vello, lugares poboados de seres estrafalarios, desmesurados ou insignificantes, pero todos eles situados ao bordo do precipicio.

Recomendación de Tere Vilariño

“Son historias curtas que contan os fracasos da xente, pero está contado en clave de humor. Sácache un sorriso que falta fai!!!.”

El balcón en invierno. Luis Landero

Un relato de formación que retrata un país e unha época, por un dos máis grandes novelistas españois. Asomado ao balcón, debaténdose entre a vida que bole na rúa e a novela que empezou a escribir pero que non lle satisfai, o escritor vese asaltado polo recordo dunha conversación que tivo lugar cincuenta anos antes, noutro balcón, coa súa nai. «Eu tiña dezaseis anos, e a miña nai corenta e sete. O meu pai, con cincuenta, morrera en maio, e agora abríase #ante nós un futuro incerto pero tamén prometedor.» Este libro é a narración emocionante dunha infancia nunha familia de labradores en Alburquerque (Estremadura), e unha adolescencia no madrileño barrio da Prosperidade.

Recomendado por Adela Sevilla

“Recomendo este libro porque é  un contraste da vida do pobo e a da cidade. Convida a reflexionar cal é mellor.”

Mi pecado. Javier Moro.

Javier Moro recrea  en “Mi pecado” unha historia que sucedeu realmente. O seu protagonista é a actriz española Conchita Montenegro quen, en 1930 con apenas 19 anos, desembarcou en Hollywood. Grazas á súa beleza, intelixencia, personalidade e tesón, a nova promesa fíxose un oco entre as principais estrelas do momento. A súa extraordinaria mirada cativou a Leslie Howard, un dos actores máis soados da época, un home casado que lle dobraba a idade. Os amantes viviron o seu idilio entre festas de ilusión e estreas triunfais, paseos dacabalo e voos en avioneta pola costa de California, entre a paixón e o engano. Trece anos máis tarde, a súa historia de amor tivo un desenlace inesperado cando os dous reencontráronse en Madrid e, sen sabelo, influíron no curso da Segunda Guerra Mundial.

 

Recomendación de Carmen Santos

“É a historia dunha famosa actriz española dos anos 30 que triunfou en Hollywood.”

E ata aquí as recomendacións dos participantes do Club de Lectura Forum Mañás. E ti cal nos recomendas?

Lembra , estes días eu #quedonacasaeleo