Arquivo do blog
Visita do club de lectura Monte Alto ao Museo de Belas Artes.
Esta exposición viaxeira, coma o gran fotógrafo de Allariz, por fin chegou á Coruña; e da man de Laura, a nosa estupenda guía, coñecemos todos os detalles da vida e a obra deste artista, moi vinculado a escritores como Blanco Amor, Unamuno ou Alberti. Son precisamente palabras de Blanco Amor as que introducen moitas das fotografías do mar en Galiza e dos persoaxes que retrata Suárez facendo do branco e negro un arte. Os contrastes, os planos e as perspectivas das imaxes sorprendéronnos a todos case tanto como a vida deste galego de Allariz, que vivíu o exilio. Cosmopolita e viaxeiro, na súa fotografía verte as impresións dos moitos lugares que percorreu e os diferentes xeitos de entender a vida.
Enlazamos a exposición coa tertulia sobre o libro “La ciudad automática” de Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884- Madrid, 1962) outro viaxeiro incansable que, como dixo González Ruano, tiña a capacidade de converter a anécdota en categoría filosófica.
Como José Suárez, Camba mantivo relación cos grandes da súa época: Valle Inclán, Rubén Darío, Unamuno.. Este último comentaba que non había escritor da súa época que igualara a Camba en gracia e precisión. O grupo coincidiu en que as súas crónicas non teñen desperdicio e a visión de Nova York que transmite ao lector é moi acertada. Desde a “ley seca” ao “selfservice” ou a descripción dos barrios cheos de inmigrantes que van conformando o carácter dunha cidade marcada pola nova tecnoloxía, na que as persoas son parte do engranaxe de esta “cidade automática” onde os edificios medran máis alto que as árbores.









