Arquivo do blog
Recomendacións do Club Fórum Luns
No Club dos Luns de Fórum xa comezamos co terceiro e último tramo de lecturas deste curso, mais tiñamos pendente compartir as do anterior. Así que mellor día para facelo que hoxe Día do Libro.
Comezamos a volta das vacacións de Nadal cunha das escritoras británicas máis recoñecidas da súa xeración, Maggie O’Farrell e a súa novela La distancia que nos separa.
A novela segue dúas vidas que avanzan en paralelo —a de Stella, en Londres e Escocia, e a de Jake, en Hong Kong— ata que os seus camiños acaban por cruzarse nun momento decisivo. Ambos foxen de algo: ela, dun recordo traumático que reaparece de súpeto; el, dunha vida que se lle derruba tras un accidente e dunha identidade marcada pola ausencia do pai.
A novela explora como o trauma e a memoria condicionan a vida adulta, mostrando personaxes que cargan co peso do pasado mentres buscan un lugar onde sentirse a salvo. A obra afonda tamén na identidade e na necesidade de comprender as propias orixes para poder avanzar, ao tempo que retrata a forza e a fraxilidade dos vínculos familiares, especialmente entre irmáns. A través da fuxida, do desexo de comezar de novo e dos encontros fortuítos que poden cambiar un destino, a historia reflexiona sobre a procura de refuxio emocional, o impacto das decisións herdadas e a posibilidade de reconstruírse cando a vida se fractura.


Continuamos coa Premio Nobel de Literatura Hang Kang e a súa novela La clase de griego.
A novela segue dúas voces: unha muller coreana, divorciada, recentemente orfa, sen a custodia do seu fillo e marcada pola súa sordomudez; e un profesor de grego antigo que regresa a Seúl mentres a súa enfermidade dexenerativa o conduce cara á cegueira total. Ambos coinciden nunha clase de grego que se converte nun espazo de tensión emocional: ela busca recuperar a fala a través dunha lingua morta, el tenta ensinar mentres a escuridade avanza sobre a súa vida. Desa relación desigual e dolorosa xorde un conflito intenso, case visceral, que conmociona ao lector pola súa forza e vulnerabilidade
A novela entrelaza a perda e o duelo, a dificultade de comunicarse e o peso do silencio, a dor inscrita no corpo, a complexa relación entre mestre e alumna, a procura de identidade nun momento de derrube vital e as múltiples formas de violencia que se infiltran nas relacións humanas; todos estes temas conflúen na aula de grego, onde ambos personaxes tentan atopar un sentido mentres as súas vidas se desmoronan.
E por fin tivemos a oportunidade de ler No tocarás de Nuria Pérez. Lectura que tiñamos pendente dende o ano pasado.
Tres mulleres de épocas distintas —Mary en 1873, Marta e Adela en 1998— quedan unidas polas consecuencias dun acto cometido no Londres vitoriano e pola misteriosa peza que atravesa as súas vidas. A novela mostra como ese feito remoto condiciona o presente e como cada unha delas tenta recuperar o control do seu destino nun mundo que lles impón límites, mesturando intriga, emoción e ambientes cargados de sensibilidade e detalle
As temáticas abordadas son a liberdade e o destino. SA loita por ser dona da propia vida fronte ao que parece xa escrito. Mulleres e límites sociais: como as normas de cada época condicionan o que poden ou non poden facer. O peso do pasado: un acto antigo que segue a proxectar sombra sobre outras vidas. Arte e memoria: a peza común como fío condutor entre tempos, lugares e biografías.
E rematamos o segundo bloque de lecturas cun clásico Lejos del mundanal ruído de Thomas Hardy. Novelista e poeta inglés nado en 1840 e convertido nunha das figuras máis influentes do realismo e do pesimismo victoriano. A súa obra literaria está profundamente marcada pola súa orixe rural e pola observación crítica da sociedade inglesa do século XIX.
A historia sitúase no Wessex rural e xira arredor de Bathsheba Everdene, unha muller nova que herda unha granxa e debe aprender a gobernala nun mundo dominado por normas sociais ríxidas. A súa independencia inicial convive cunha serie de decisións impulsivas que marcan o destino dos homes que a rodean: Gabriel Oak, William Boldwood e Francis Troy. Hardy presenta estes personaxes como representacións de diferentes modos de amar e de relacionarse co mundo, o que lle permite explorar a complexidade emocional e moral da vida humana.
A tensión entre liberdade persoal e responsabilidade emocional, a complexidade do amor en distintas formas son algunhas das temáticas que se tratan. A novela explora tamén a independencia feminina a través de Bathsheba Everdene, quen desafía as expectativas do seu tempo mentres se enfronta ás consecuencias das súas propias decisións. A natureza funciona como un espello moral que amplifica os conflitos humanos, e o mundo agrícola serve de escenario para unha crítica ás estruturas sociais, ás desigualdades e ás limitacións impostas polo xénero e a clase
Agardamos que algunhas destas recomendacións vos sexan acaídas, podedes consultar a súa dispoñibilidade no noso catálogo.
Pola nosa banda seguiremos compartindo lecturas e desexávosmos un moi bo Día do Libro.













