Arquivo do blog
Recomendacións do Club Fórum Luns
O club de lectura Fórum Luns, ao igual que todos os da rede, toman unha semana de descanso e parécenos unha boa oportunidade para deixarvos as recomendacións das nosas últimas lecturas.
Comezamos co cómic Se está muy sola en el centro de la Tierra de Zoe Thorogood. A xoven autora foi galardoada no 2019 co premio á mellor autora emerxente dos Cómic Scene Awards, e en 2020 gañou o premio ao mellor debut nos Tripwire Awards polo seu fanzine Angel. En 2023 foi nomeada a cinco premios Eisner por “Se está muy sola en el centro de la Tierra” e obtivo o premio Russ Manning á autora novel máis prometedora.
Esta lectura requeriu un esforzo extra e a posta en práctica de todos os sentidos. Non nos resultou para nada un cómic sinxelo de ler, aínda que xa estabamos preaviso. Trátase dunha creación refinada e complexa que utiliza unha variedade case infinita de recursos gráficos para reflectir, cunha sucesión inabarcable de metáforas visuais, o estado de ánimo da autora, as súas pequenas vivencias, as súas reaccións ao que lle vai sucedendo. O que máis nos asombra, é que Zoe Thorogood tiña menos de vinte e cinco anos cando escribiu a obra.
A modo de sinopse apuntamos que a autora sitúase no centro da historia. Cando a coñecemos, ten vinte e tres anos e está a pensar, con certa seriedade, en matarse. De feito, ten un coitelo nunha man co fío apuntando cara ao seu pescozo. Pero -como tantos outros artistas de todos os xéneros- descubriu que este non é unha cura contra a depresión, un mal que a axexa desde que era unha nena “rara” que sufría bullying. O mundo está a recuperarse da pandemia de Covid-19, o que incrementa o seu illamento social, a súa ansiedade. A protagonista intenta comezar unha nova obra, e deste xeito escapar dos pensamentos suicidas.
Cambiamos de temática pero non de xénero literario e seguimos con Ciudad de cristal, a novela gráfica, de Paul Auster. Considerado como un dos máis grandes autores norteamericanos contemporáneos, Paul Auster, destaca por obras tan coñecidas como A triloxía de Nova York. Recibiu numerosos galardóns, entre os que habería que destacar o Premio Médicis, a Orde das Artes e as Letras de Francia ou o Princesa de Asturias das Letras.
A novela gráfica é unha adaptación feita por dous autores. Hai que enfrontarse a ela con moita apertura de miras e tentando agarrarse a todo o simbolismo que contén. É unha adaptación sumamente fiel. Como lector chegas a poñerte na pel do que investiga e inclúete dentro do relato. É a primeira parte dunha triloxía con relatos independentes pero con bastante conexión na temática e os protagonistas, co propio Auster formando parte da historia e conformando un conto con múltiples capas de lectura e de narración. A trama céntrase en David Quinn, un escritor que tras a perda da súa muller e fillo, decide adoptar un pseudónimo, entrando nunha profunda crise de personalidade e rozando o límite da depresión. Un día, recibe unha chamada errada preguntando por Paul Auster. O seu interlocutor é unha muller que pretende encargarlle, pensando que se trata dun detective, a protección do seu marido, un poeta con trazos autistas por culpa do peche nunha habitación case toda a súa infancia. Quinn acaba aceptando o caso, meténdose de cheo nunha investigación cada vez máis misteriosa e case saltando dunha personalidade a outra ata chegar a un punto en que lle custe saber quen é.
Aínda que no club somos máis fans da novela, que por outra banda xa case todas leramos, foi un extra adentrarnos na novela gráfica.


Continuamos con Cualquier verano es un final do escritor, guionista e director de cine español Ray Loriga.
O narrador da novela é Yorick, un protagonista que sufriu unha operación a vida ou morte a causa dun tumor cerebral. Neste sentido, o autor, Ray Loriga comenta nunha entrevista que lle prestou ao personaxe esta operación, que el mesmo sufriu, e como resultado, decidiu escribir esta novela na que os seus protagonistas, Yorick e Luiz , están continuamente dándolle voltas á morte. Unha vez superada a operación e atopándose moito mellor, o protagonista e narrador, Yorick, será o encargado de acompañarnos nesta intrincada novela de amizade, amor e humor cara ao seu amigo Luiz, o outro gran protagonista, un personaxe divertido, amable e absolutamente san, pero que desexa morrer antes de envellecer, e para iso tentará coñecer o lugar tan especial en Suíza, onde poder facelo de forma asistida, con tranquilidade e sen sufrimento nin dor.
O amor, a amizade, a vida, tamén a morte, a obsesión e os dilemas morais están presentes en toda a novela. Narrada con estilo e agudeza, con moitas referencias ao cinema, á música, ao cómic e sobre todo, prevalecendo o monólogo interior e poucos momentos dialogados, Ray Loriga, logra manter no lector a atención e o interese. Un libro que convida á reflexión constante.


A seguinte lectura compartida foi El fin de la soledad do novelista alemán Benedict Wells.
O protagonista desta historia sofre a perda dos seus pais cando era pequeno. Tras este suceso, ingresa nun internado público xunto cos seus irmáns pero de xeito separado. As súas vidas cambiaron radicalmente pero aínda non saben canto. Aínda que rodeados de novas persoas, a soidade é un sentimento constante. Cada irmán carga con este pesado trauma familiar da mellor maneira que pode. Jules é feliz a pesar de ser moi distinto dos seus irmáns. A súa irmá é a moza rebelde, que fala máis que fai e quere comerse o mundo. O seu irmán con todo é solitario, con trastorno impulsivo e moi intelixente. Jules atopará a unha amiga moi especial que o destino se encargará de unir e separar do ao seu antollo. Unha historia presente, que viaxa a través da narración do seu protagonista desde o pasado. Así, e aos poucos, viviremos xunto a el a súa vida. Como todas, cos seus altibaixos.
Benedict Wells traza un complexo mapa para facer que os personaxes evolucionen conforme pasan os anos e con eles, as súas historias, vendo como medran e como se enfrontan de forma individual aos seus problemas e pantasmas do pasado. En ningún momento o autor se recrea no drama da familia se non que reflexiona ao redor del e como poder superalo. E quizá sexa este un dos obxectivos da lectura: ver o lado positivo das cousas, así que con iso nos quedamos.


Continuamos con Los alemanes do escritor e periodista madrileño Sergio del Molino. Premio Ojo Crítico e Tigre Juan, entre outros, por La hora violeta, é autor tamén das novelas Lo que a nadie le importa (2014) e No habrá más enemigo (2012). O seu ensaio La España vacía (2016), gañou o premio dos Libreiros de Madrid ao Mellor Ensaio, Premio Cálamo ao Libro do Ano e un dos dez mellores libros de 2016 en España según Babelia.
En Los alemanes, o pano de fondo da historia son os “alemáns do Camerún”, seiscentos alemáns que, en 1916, durante a Primeira Guerra Mundial, entregáronse ás autoridades coloniais españolas en busca de refuxio e instaláronse en Zaragoza, onde fundaron unha pequena pero unida e orgullosa comunidade. O texto, situado no noso presente, é dicir, 100 anos despois da chegada dos alemáns do Camerún, céntrase nos descendentes dunha desas familias: os irmáns Schuster. Gabi, un músico cuxo enterro inicia a novela; Fede, profesor nunha universidade de Ratisbona; e Eva, política en Zaragoza. Os tres, ao seu modo, abdicaron do seu pasado, e con xustas razóns. Reencontrados en Zaragoza pola morte de Gabi, Fede e Eva vense obrigados a enfrontarse co pasado, coa historia daqueles alemáns dos que se sabe pouco, e en específico coa historia da súa propia familia.
Os alemáns é un libro que fala da familia e da herdanza da culpa, do moito que nos marca o camiño o lugar do que procedemos e como entendemos a nosa historia familiar. Os diálogos, a miúdo brillantes, están moi cargados de conversación cultural, de literatura, historia e filosofía, pero é a música a que ocupa a maioría das múltiples referencias que atopamos nos alemáns.


E rematamos viaxamos ata Londres con Lo que queda de luz de Tessa Hadley.
Ambientada no Londres actual, dacabalo entre a década dos noventa e dous mil, a novela profundiza na psique e nas relacións humanas dun grupo de amigos que se resente tras a perda dun dos seus membros máis sólidos. A través dun narrador omnisciente, o lector terá a oportunidade de indagar e descubrir as profundidades dos pensamentos destes tres personaxes principais; os seus conflitos persoais internos, as súas preocupacións, medos, inseguridades, os seus sentimentos ou reflexións.
Son moitos os temas para reflexionar ao longo da obra, sendo o principal as relacións e a toma de decisións pasadas coas súas respectivas consecuencias futuras. A madurez das amizades sólidas, as relacións familiares, a procura dun mesmo, o cambio de filosofía vital tras a perda, a inseguridade, o baleiro ou a desolación son algunhas outras problemáticas aos que se enfrontan os personaxes. Tessa Hadley destaca por posuír unha pluma deliciosa, pulcra, pulida e detallista. Grazas á súa exquisita prosa consegue traspasar as páxinas e atrapar ao lector penetrándoo na historia e facéndoo partícipe da mesma.
Autora tardía, Tessa non publicou a súa primeira novela ata cumprir os 46 anos, e desde entón a súa reputación literaria e o aprecio dos lectores non deixan de medrar con cada novo libro. A súa obra recibiu o Premio Windham Campbell e o Premio Hawthornden. É profesora de Literatura e Escritura Creativa na Universidade de Bath Spa.


E ata aquí as nosas lecturas deste segundo trimestre, agardamos que vos sexan de utilidade e vos den ideas por se aínda non tedes decidido que ler estes días de lecer que temos por diante.
Recomendacións do Club Luns Fórum
Xa hai unhas semanas que o Club dos Luns de Fórum, coma o resto de clubes de lectura da rede, remataron os seus encontros semanais para tomar un respiro e volver con máis azos xa entrado setembro. Pero non queriamos marchar de vacacións sen compartir con vós as nosas últimas lecturas porque calquera delas pode ser unha boa escolla para este tempo de lecer que temos por diante.
Comezamos xaneiro cun prato ben forte, unha das obras das que máis se falou no pasado 2020: Hamnet, de Maggie O’Farrell, editado en castelán por Libros del Asteroide e da que xa deron conta nun post extenso os nosos homólogos de Monte Alto. Aínda así non queremos deixar de resaltar sobre todo a orixinalidade do seu plantexamento tomando certos datos históricos relacionados coa vida familiar de William Shakespeare a partir dos que crea unha historia que se move entre o real e o ficticio onde a que toma verdadeiro protagonista é a muller do afamado escritor e dramaturgo. É un libro orixinal, delicado e sensible que se aínda non o fixestes non debedes deixar e ler.
Cambiamos de rexistro para seguir cos contos de Estamos en el borde, de Caroline Lamarche. Nove historias sobre o amor, a vida e a morte. Historias que relacionan a humanos e animais para dicirnos que todo está interconectado na natureza e nós formamos parte dela. Recomendámosvos que lle botedes unha ollada á entrevista que Lamarche concedeu a un xornal nacional onde destacamos frases como, “Estamos nun período do planeta ao bordo de algo que pode resultar moi grave pola perda de certas especies, a destrución da natureza… Aínda que, tamén, estamos ao bordo dun cambio que pode ser moi positivo.
Outras das lecturas escollidas foi La anomalía. Hervé Lle Tellier (París, 1957), gañador do Premio Goncourt 2020, aborda un asunto que desde o mito da caverna de Platón, fixo reflexionar á filosofía e á ciencia. E se nalgún lugar, máis aló do muro das nosas vidas, existen uns dobres de nós mesmos que son máis reais que nós? Quen serían, nese caso, os seres reais e quen as sombras dos orixinais? Como un aviso do que imos ler, no epígrafe inicial da novela de Lle Tellier cítase a Chuang Tse: «E eu, que digo que soñades, tamén estou a soñar».
o 10 de marzo de 2021 un Boeing 787 procedente de París aterra en Nova Iork con douscentos corenta e tres pasaxeiros a bordo, tras un forte tornado de saraiba. Tres meses máis tarde, un avión idéntico, sorprendentemente, o mesmo avión, co mesmo capitán e os mesmos pasaxeiros, será desviado da súa aterraxe no aeroporto Kennedy, e obrigado a tomar terra en segredo na base militar Fort MacGuire, por orde das autoridades do Pentágono. Os douscentos corenta e tres pasaxeiros deste incomprensible avión son a réplica exacta das persoas que aterraron en Nova Iork en marzo. O desconcerto instáurase entre os científicos, os servizos secretos, as forzas armadas, as autoridades relixiosas e altos mandatarios de todo o mundo.



Vai tamén pois a nosa recomendación desta obra que mistura diversos xéneros literarios: o relato de ciencia-ficción, a narración de espionaxe, a historia policiaca, o ensaio científico, a novela sentimental.
Premio Stanislas ao mellor debut do ano, Premio Fémina dos Estudantes e Premio Georges Brassens son os que conta no seu haber a nosa seguinte lectura, Lo que falta de noche de Laurent Petitmangin. E de quen a crítica dixo cousas coma.
«Unha primeira novela abafadora, que che persegue moito despois de acabala cun nó na garganta.» Alexandra Schwartzbrod, Libération
«Unha obra dunha SENSIBILIDADE e finura pouco habituais.» Le Monde
O home que narra esta historia perdeu á súa muller e criou aos seus dous fillos o mellor que puido. Son dous rapaces bos e educados que queren ao seu pai tanto como el a eles, aínda que non o expresen a miúdo. Comparten a afección polo futbol, os recordos sobre a súa nai e o orgullo humilde de clase traballadora. Ata que de súpeto o maior fala cada vez menos, afástase do seu pai e empeza a relacionarse con mozos de extrema dereita.
Coa sensibilidade fráxil e profundamente humana de quen non ten ferramentas para expresar como sente, asistimos ao relato dun amor imperfecto entre un fillo e un pai que non sabe como evitar que o seu mozo énchase de odio. Por que alguén coa vida por estrear pode conter tanta furia? O amor dun pai pode perdoalo todo?
Con esta sinopse a quen non lle entran gañas de lelo?


En Canción dulce de Leila Slimani adentrámonos na vida dun matrimonio con dous fillos pequenos, Mila de case catro anos e o seu segundo fillo, Adam, que aínda é un bebé. O pai, Paul, desenvolve o seu traballo, como produtor musical, sen horarios e con poucas ataduras. Pola contra, a nai, Myriam, asfíxiase no seu papel como nai e ama de casa e necesita volver ao mundo dos adultos e exercer de novo como unha avogada de éxito.
En canto se lle presenta a oportunidade, non o dubida e decide entón volver traballar no despacho de avogados dun compañeiro de carreira. Para iso pensa en coller unha asistenta que se faga cargo dos nenos durante todo o día. Tanto ela como o seu marido non queren que unha africana ou unha marroquí ocúpense dos seus fillos, pois cren que só lles interesa o diñeiro e non o benestar das criaturas. Por iso, cando aparece Louise, cos seus modais impecables, a súa pel blanquísima e o seu sorriso franco, experimenta unha especie de flechazo.
O chamativo da novela é que o final da historia é revelado ao lector xa na primeira páxina: un crime atroz no que as vítimas son dous nenos inocentes.
Namentras estabamos inmersas na lectura de Algúns contos completos recibiamos a triste nova do pasamento do escritor vigués Domingo Villar, quen decía da súa obra “Este libro de contos pretende celebrar a vida e a amizade nun encontro, como nas nosas reunións de amigos, entre os meus pequenos relatos e os marabillosos linogravados de Carlos Baonza”.
E rematamos este ano tan prolífico en lecturas coa xa coñecida por todos Azucre de Bibiana Candia unha novela breve pero intensa que relata a historia de Orestes, o Tísico, o Rañeta e Trasdelrío, o Comido, Tomás o de Coruña na Galicia, 1853. Ese foi inverno máis chuvioso da historia, acabou coas colleitas e unha epidemia de cólera empezou a facer estragos entre a poboación. Por iso os protagonistas xunto ae moitos outros rapaces que suspiraban por un futuro mellor para eles e as súas familias deciden abandonar os seus fogares e partir rumbo a Cuba para gañarse a vida nas plantacións de cana de azucre. O final non o imos desvelar por se aínda tedes pendente a lectura.


Agardamos que pasedes un bo verán tamén cheo de lecturas e agardámosvos para o novo curso dos clubs de lectura en setembro.









