Category Archives: Libros lidos
Lecturas dende o confinamento: Mujeres errantes
Van aló xa 50 días de confinamento, dende que o goberno decretara o Estado de Alarma. É agora cando empezamos a ver algo de luz e parece que a apertura das bibliotecas está cada vez máis preto pero mentras eso non aconteza moitos dos Clubs de Lectura da Rede non deixamos de ter actividade en todo este tempo.
O Club dos Luns de Fórum trasladamos as nosas reunións semanais ao entorno virtual e salvando as distancias co momento presencial os encontros sérvennos para seguir debatendo en torno ás lecturas e sobre todo a manternos en contacto, un acto de moito valor neste tempo tan longo de distanciamento social.
Cando entramos no periodo de confinamento estabamos en plena lecutra de La Habana en un espejo da periodista, profesora, bailarina e escritora mexicana, afincanda en Colombia, Alma Guillermoprieto. A novela trata de América Latina, da súa historia, da súa evolución e da súa Revolución. Alma Guillermoprieto preséntanos a vida de Latinoamerica a través dunha obra autobiográfica. La Habana en un espejo é a historia da reivindicación desta artista e unha reflexión acerca dun réxime, e o resultado é un relato cargado de paixón e de ira no que a autora consegue desentrañar os seus recordos cun pulso áxil e minucioso. Para unha reseña máis completa podedes consultar o post do noso compañeiro Enrique.
Xusto para o remate presentousénos a oportunidade da lectura do maravilloso relato da escritora madrileña Marta Sanz, Sherezade en el búnker, (de descarga libre e gratuíta), creado polo autora durante a pandemia e sobre o confinamento. Xa se falou do encontro que os clubs da rede mantiveron con Marta nun post anterior, que por se alguén no o leu recomendamos novamente que visitedes
Para a seguinte lectura houbo que tirar tamén de recursos dispoñibles na rede e decantámonos por Mujeres errantes de Pilar Sánchez Vicente, que a editorial Roca no seu día puxo a disposición dos lectores como descarga gratuíta.
A novela:
Greta Meier, famosa escritora Suiza afincada en Londres, volta á súa terra natal no último intento por deter a deriva dos seus días. Sorprendida pola repentina enfermidade da súa nai decide compensar as súas ausencias e numerosos enfrentamentos permanecendo os últimos días ao seu carón.
Sen embargo as últimas palabras sembran en Greta unha dúbida que deberá resolver, ¿quen é aquela muller se non é a súa verdadeira nai?. A única pista é unha foto na que aparece ata a que agora consideraba a súa nai xunto a outras mulleres na súa localidade natal, o barrio de Cimadevilla en Xixón. Polo que para descubrir a verdade, coas cinsas da defunta, Greta emprende viaxe a miles de quilómetros para descubrir as súas verdadeiras orixes nun pequeno pobo do norte de España.
Ao longo da novela podemos distinguir que trascorren tres tramas. A da investigación da propia protagonista para descubrir a súa verdadeira identidade onde toma un protagonismo especial o personaxe de Julia, unha pescadeira amiga da infancia da súa nai e chave para descubrir a verdade. A través dos recordos de Julia descubrimos o pasado do pequeno barrio de pescadores en torno aos anos cincuenta. Un barrio pobre, mariñeiro, no que cada un sobrevivía como podía, do que moitos tiveron que emigrar para sobrevivir como lle pasou á propia Julia e á nai impostora de Greta. Unha trama moi ben ambientada influencia das historias que á propia autora Pilar Sánchez Vicente lle contaba a súa avoa.
A segunda trama é a da propia infancia e vivencias de Greta en Zermat (Suíza) un precioso pobo suizo onde os ricos pasan as súas vacacións e a súa nai rexentaba unha tenda de recordos. Relata tamén en detalle como vive unha adolescencia rebelde que a conduce a súa fuxida a Londres onde se rodea de malas compañías, se adentra no mundo das drogas e roza o éxito como escritora pero non consegue manterse na cima polo seus malo hábitos, ata que finalmente se rehabilita.
E a terceira trama sitúase tamén no pasado, dentro dos recordos que Julia lle revela a Greta e que inclúe as lecturas das cartas entre esta e o seu amigo da infancia Guillermo convertido en Sacerdote e destinado en Nicaragua. Cartas nas que se detalla o xeito de vida do país sudamericano en torno aos anos sesenta, a réxime sandinista, os asasinato, etc.
Mujeres errantes fálanos de amor, difícil, complicado e destrutivo ás veces, do perdón e de algo moi importante: a procura das nosas orixes, sobre todo cando estamos perdidos no mundo. É en denitiva unha novela que resalta o papel das mulleres traballadoras e loitadoras e o papel que xogaron na emigración.
A autora:
Pilar Sánchez Vicente
Naceu en Xixón, en 1961. É historiadora de formación e traballa como profesional da información no Goberno do Principado de Asturias desde 1986. Tivo a honra de recibir o Premio “Adolfo Pousada” ás Iniciativas Innovadoras na Administración, no ano 2005. Actualmente desempeña funcións como arquiveira do Tribunal Superior de Xustiza de Asturias.
No ano 2011, o Consello Comarcal das Mulleres da Comarca da Sidra outorgoulle o Premio 8 de Marzo pola súa traxectoria persoal, profesional e humana. Tamén foi presidenta da Asociación Asturiana de Arquiveiros, Documentalistas e Museólogos ( AABADOM) da Asociación Profesional de Especialistas en Información ( APEI) e da Asociación de Escritores de Asturias ( AEA). Actualmente forma parte da Xunta Directiva da Federación de Sociedades de Arquivística, Biblioteconomía e Documentación ( FESABID).
Comadres (KRK, 2001) foi a súa primeira novela. Despois virían Gontrodo la hija de la luna (KRK, 2004) (ambas as dúas dispoñibles de forma gratuita); La diosa contra Roma (Roca, 2008) e Operación Drácula (KRK, 2010), a súa primeira novela negra, tamén dispoñible para a súa descarga en pdf. No ano 2013 publicou en Amazon Luciérnagas en la memoria, unha historia de exilio a cabalo entre Arxentina e Asturias. No ámbito da non ficción destaca a Breve historia de Asturias/ Historia Breve d’Asturies (Ayalga, 1986-VTP, 2006). Tamén publicou un cómic, El fantásticu viaxe de Selene (VTP, 2015) n’asturianu e inglés, onde comparte autoría no guión con Luz Pontón e conta cunhas magníficas ilustracións obra de Alba F. Starczewska. A súa última novela é Mujeres errantes (Roca Editorial, 2018) unha historia sobre a emigración e a identidade convertida nun best seller. En outubro de 2021 sairá á rúa La muerte es mía, publicada por Roca Editorial.
Agardamos poder voltar canto antes á normalidade, volver aos encontros presenciais na biblioteca dun xeito seguro, namentras seguiremos compartindo as nosas lecturas dende o confinamento.
Lecturas de confinamento no Club de lectura de Durán Loriga
As persoas que conformamos o Club de lectura de Durán Loriga non podemos evitar botar de menos esa reunión que tiñamos cada quince días para poder compartir o entusiasmo por un libro e pola lectura en xeral. Ese anaquiño no que non só nos xuntabámonos para gozar falando dun libro, senón que volvíamos a lelo de novo con outros ollos grazas a todas as aportacións dos clubeiros e das clubeiras.
E hai ánimo de seguir co club nesta situación? Preguntabámonos as bibliotecarias. A resposta veu soa cando parte do grupo pide compartir as lecturas que quedaron pendentes: comezamos a conversa coa desgarradora crónica dunha familia parisina durante tres xeracións, esta é a investigación que fai a autora -Delphine de Vigan- sobre a súa propia familia en Nada se opone a la noche. Continuamos con La uruguaya –de Pedro Mairal– toda unha viaxe en busca de sedución e onde se expón, a modo de confesión e con moito humor, as dúbidas sobre que o amor perfecto poida traernos a felicidade. Para rematar coas provisións traídas da biblioteca lemos o cómic Polina –de Bastièn Vives-, que foi Prix de Librairies BD en 2011 e que poderedes atopar nos nosos fondos á volta: unha emotiva historia que parte do ballet, dun mestre e dunha aprendiz, para falar da aprendizaxe vital.
Pero sobre todo estamos a redescubrir un xénero literario que, ás veces, queda nun segundo plano respecto á nosa querida novela: O conto e a narración breve están a ser o principal motivo para a reunión. O primeiro que lemos foi o xeneroso regalo que nos ofreceu Marta Sanz a través das redes: Sherezade en el búnker deu que falar (tamén no encontro con ela) e poñer sobre a mesa as situacións complicadas que se están a dar neste encerro, pero que con humor sempre son máis doadas de abordar. Tamén o fermoso e autobiográfico Lejano, sacado do libro El boxeador polaco: un pequeno relato que serviu para mergullarnos por primeira vez no mundo de Eduardo Halfon -Premio Nacional de Literatura en Guatemala-, neste caso como un profesor de universidade canso da docencia, pero en ningún caso da literatura.
Por outra banda, é bo momento para volver aos clásicos, moitos deles facilmente accesibles na rede. Nós xa levamos algúns: Casa tomada de Cortázar deu para milleiros de interpretacións en torno a esa casa que, misteriosamente e de a poucos, vai sendo invadida. Esa sensación de inquedanza tamén está no relato fantasmal La plenitud de la vida, un conto que só puido facer unha escritora tan adiantada á súa época como o foi Edith Wharton. Mais como seguimos na casa, acercámonos a outra historia que sucede tamén nun apartamento, onde hai unha radio que nos permite escoitar todas esas conversas que queremos, ou se cadra non: La radio enorme é un dos moitos relatos que John Cheever publicou no 1947 na revista New Yorker, pero que polo seu significado ten moito de actualidade.
Por suposto tamén compartimos as lecturas que nos acompañan estes días e que imos anotando para ler, agora ou á volta. Estas son algunhas das que podedes descargar nas plataformas de préstamo: Y te irás de aquí, a última novela de Lorenzo Silva que ademais publicou en aberto, a través da revista XLSemanal; La ridícula idea de no volver a verte, de Rosa Montero; La madre de Frankenstein de Almudena Grandes; Recursos inhumanos, de Pierre Lemaitre; Entre visillos, de Carmen Martín Gaite; A corazón abierto, de Elvira Lindo; Tiempo de espera, de Elizabeth Jane Howard; Lluvia fina, de Luis Landero; El extranjero, de Albert Camus; Un amor, Alejandro Palomas; e La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán.
Mais en realidade, falamos de todo un pouco. Da claridade nas palabras do filósofo e filólogo Emilio Lledó nestes tempos que vivimos, no documental Mirar palabras. Celebramos o día da poesía achegándonos aos poetas galegos actuais no documental Vértice de Versos, e tamén á mellor poesía en castelán, de man do proxecto Amamos la poesía da RAE. Revisamos os libros de Tània Balló, Las Sinsombrero, e o proxecto documental no que participa e que podemos ver na web de RTVE. Descubrimos o fermoso documental sobre a fotógrafa Ruth Matilda Anderson: A viaxe de Ruth. Tamén o documental adicado á actriz María Casares. Falamos de cine, de música, da operación Balmis, da cheeveriana serie Mad Men, do centenario de Galdós e dos encontros cos nosos autores favoritos nestes días, como é por exemplo Alejandro Palomas.
Este club na distancia é unha experiencia diferente na que se gaña en cooperación, xa que non só se comparte a visión dunha lectura, senón que tamén permítenos navegar xuntos neste mar de información e oferta cultural dixital que estamos a vivir. Así que dende o Club de lectura de adultos DL arrimamos o bote, esta vez en forma de post, para quen queira navegar con nós un pouco: anímaste?
Literatura de ciencia ficción… ou non?
Esta semana, comenzabamos no blog falando de filosofía en tempos de pandemia, continuamos facendo un repaso por todas aquelas accións que as bibliotecas estamos a levar a cabo dende as nosas casas para seguir en contacto con todas e todos vós, onte mostrámosvos como foi o encontro virtual dos clubs de lectura con Marta Sanz e hoxe queriamos retomar o punto exacto onde quedamos nos clubs de lectura “Café con libros” da Biblioteca Os Rosales.
Os meses de febreiro e marzo, estabamos dedicándoos á literatura de ciencia ficción. O Pensatorio estaba a tratar o tema do desafío da cuestión tecnolóxica dende a filosofía, o ensaio e o debate. Pero o ciclo temático quedou truncado, aínda que estamos a intentarlle dar continuidade dende o eido dixital. Pensádeo ben: literatura de ciencia ficción, un xénero no que algunhas estáballe custando introducirse, polo inverosímil dos escenarios que presentaban moitos dos textos lidos e/ou comentados e de repente: pandemia, confimanento, incertidume… pero tamén a conciencia da vulnerabilidade das nosas sociedades, da interdependencia total, da necesidade de repensarnos e do ben común como valor esencial a coidar.

Charla de Nieves Delgado na Biblioteca Os Rosales
O martes, 10 de febreiro, a Biblioteca Os Rosales Nieves Delgado ofreceu unha charla sobre a tecnoloxía na literatura de ciencia ficción, dentro do ciclo “Tecnoloxía vs. Humanos. Estamos preparados para a nova era dixital?”. Os clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, Café con libros, nun intento de achegarnos ao xénero da ciencia ficción, vimos de ler dúas obras como “Un mundo feliz” e “Lágrimas en la lluvia”. Na charla de Nieves Delgado incidimos nos aspectos da tecnoloxía que podemos extraer dos libros de ciencia ficción, obtendo as chaves para ler con maior frecuencia esta literatura, derrubando deste xeito posibles prexuizos e vinculándoa coa deriva do mundo no que vivimos.
Nieves Delgado é unha escritora galega de ciencia ficción, gañadora do Premio Ignotus en tres ocasións: polo seu relato curto “Casas rojas” e polas súas novelas “36” e “UNO”. Escribiu tamén multitude de relatos e varios artigos. É editora do Visións 2018. Ademais, compaxina a súa faceta de escritora coa de profesora de física en educación secundaria.
Pero ademáis destas dúas novelas curtas de Nieves: “36” e “UNO”, que poderedes ler en canto volvamos a abrir as nosas portas, recomendámosvos algunhas das nosas últimas lecturas de novelas de ciencia ficción:
“Un mundo feliz” de Aldous Huxley: todo un clásico, que moitas e moitos de nós teremos nas nosas bibliotecas persoais, seguro.
O autor imaxina neste libro, unha sociedade que utilizaría a xenética e o clonaxe para o condicionamento e o control dos individuos. Nesta sociedade futurista, todos os nenos son concibidos en probetas e xeneticamente condicionados para pertencer a unha das 5 categorías de poboación, da máis intelixente á máis estupida. Describe unha ditadura perfecta que tería a aparencia dunha democracia, un cárcere sen muros no cal os prisioneiros non soñarían en evadirse. Un sistema de escravitude onde, grazas ao sistema de consumo e o entretemento, os escravos terían o amor da súa servidume.
A seria Bruna Husky de Rosa Montero: “Lágrimas en la lluvia”, “El peso del corazón” e “Los tiempos del odios”, tres novelas dispoñibles no catálogo de libro electrónico GaliciaLe. Hai ademáis unha adaptación de “Lágrimas en la lluvia” ao cómic, o que nos deu pé no seu día a introducir o xénero do cómic de literatura de ciencia ficción, cunha longa tradición e grandes obras nas nosas comictecas.
Novela de supervivencia nun mundo insólito. Unha procura: o sentido da vida, Un adversario: a morte. Unha conquista: a identidade. A detective Bruna Husky é contratada para descubrir que hai detrás dunha onda de tolemia colectiva nunha contorna social cada vez máis inestable. Mentres, unha man anónima transforma o arquivo central de documentación da Terra para modificar a Historia da humanidade. Agresiva, soa e inadaptada, a detective Bruna Husky vese inmersa nunha trama de alcance mundial mentres se enfronta á constante sospeita de traizón de quen se declara susaliados coa soa compañía dunha serie de seres marxinais capaces de conservar a razón e a tenrura no medio da vertixe da persecución.
“Be Water” de Antía Yáñez. Unha novela xuvenil nun novo proxecto editorial galego, Cuarto de inverno.
Tralo Gran Cataclismo na Terra (non moi alonxada da verdadeira emerxencia climática do planeta), a humanidade xa non pode vivir na superficie terrestre, senón que o fai soterrada unhas estructuras controladas polas elites. Nestas colmeas denúnciase a escaseza de recursos, onde a falta de auga é a chave para manter o control da sociedade. Unha protagonista feminina forte fará que nos cuestionemos xunto a ela estas clases sociais e avancemos pola trama con ganas de seguir os seus pasos, nesta e nunha posible continuación, como xa pide o seu lectorado! A ilustración da capa é de Nana e convida a lela sen demora.
“Frankissstein: una historia de amor” de Jeanette Winterson, tamén dispoñible en GaliciaLe.
Winterson entremezcla varios tempos para falarnos tanto de Mary Shelley ou Ada Lovelace como dun médico transxénero, dun profesor que traballa no campo da intelixencia artificial ou dun empresario cunha industria de robots sexuais no tempo presente (unha Inglaterra post-Brexit). Pero o tema sempre é o mesmo: a dicotomía mente-corpo, o transhumanismo, os avances científicos en cada época, o xeito en que enfrontamos a morte, que é e que non é o ser humano… Ah e sempre tendo presente no debate a cuestión do xénero.
Seguiremos lendo por este camiño aberto. Dende logo, comprobamos tralas lecturas, a charla, as tertulias, a realidade que estamos a vivir… que a ciencia ficción é unha ferramenta estupenda para repensarnos individual e sobre todo colectivamente.
A ciencia ficción é unha ferramenta estupenda para repensarnos individual e sobre todo colectivamente.
Deixámosvos a escolma de lecturas que recollimos trala charla de Nieves Delgado do 10 de marzo e agradecémoslle a xenerosidade coa que agasallounos aquela tarde, que hoxe parece tan lonxana. Repetiremos conversa e apertas, seguro. No catálogo das Bibliotecas Municipais podedes consultar onde poderedes atopar estos títulos, unha vez restablezamos o servizo completo 🙂

Escolma de literatura de ciencia ficción mencionada na charla de Nieves Delgado
Vídeo da sesión virtual dos clubs con Marta Sanz e “Sherezade en el búnker”
Case 60 integrantes de clubs de lectura da Rede de bibliotecas participaron nunha sesión virtual con Marta Sanz arredor do relato “Sherezade en el búnker” (de descarga libre e gratuíta), creado polo autora durante a pandemia e sobre o confinamento.
A intención orixinal de Sanz cando comezou a escribir este relato era dar resposta a unha petición dunha pequena editorial de elaborar unha serie de historias breves baseadas na personaxe de Sherezade. Comezou a crealo durante o estado de alarma, e o resultado foi, nas súas propias palabras, “unha historia breve co confinamento de fondo que intenta aliviar e facer que a xente poida sorrir e, ao tempo, visibilizar un problema social que vai seguir estando aí durante a pandemia, e que vai permanecer cando todo isto remate“.
Marta Sanz é unha escritora de enorme potencia e cun amplo número de libros publicados e, algún deles, dispoñibles en eBiblio Galicia: Tsunami: miradas feministas; Amor fou, Clavícula ou a sua recentísima pequeñas mujeres rojas, obra coa que pecha a triloxía iniciada con Black, black, black e continuada por Un buen detective no se casa jamás (tamén dispoñibles no catálogo das bibliotecas para cando a situación permita volver facer uso deles).
Mentres tanto, convidámoste a ler a entrevista que lle fixemos recentemente no blog do club LGTB QUEERuña e tamén a que te acomodes no teu rincón favorito e vexas a gravación desta sesión na que cada club plantexou as súas preguntas.
Que che pareciu a experiencia? Organizamos unha nova sesión conxunta?
Se nunca participaches nun club de lectura, quizás isto te anime a facelo. Que opinas?
Un caballero en Moscú de Amor Towles

O pasado mes de febreiro, no club de lectura Sagrada Familia dedicamos as nosas lecturas a esta novela, por non dicir “novelón”.
Trátase dunha novela actual que preserva asombrosamente o corte clásico dos grandes autores rusos de finais do s. XIX e principios do s. XX. Unha novela para deleitarse coa lectura, que axuda a calmar os ánimos pero non por unha narración lenta senón porque nos devolve ao ritmo de vida doutra época. Achéganos á mellor versión dos tempos pasados sen deixar de presentar tamén os seus lados escuros, e máis dada a localización onde se desenvolve a historia.
Alexandr Ilych Rostov, un conde ruso, encantador, intelixente e elegante, é condenado a morte polos bolxeviques en 1922. O comité revolucionario non sabe ben que facer con el, e grazas a un poema subversivo escrito dez anos antes, elude o seu tráxico final. Por ese inusitado xiro do destino remata condenado a arresto domiciliario, no luxoso hotel Metropol de Moscova.
Desenvolve a vida do Conde desde que sae escoltado pola porta do Kremlin e o confinan no hotel, un clásico da cidade, situado a poucos quilómetros da sede do goberno, e onde é un cliente asiduo. Alí permanecerá como unha reliquia viva, dunha época desaparecida de águias bicéfalas, duelos, bailes, … observará o paso do tempo, a descoloración do seu mundo e vendo os cambios dos costumes, cunha inxenuidade chea de inxenio. Esa é unha das singularidades desta novela, que a converte nunha das máis entrañables, simpáticas, orixinais e sorprendentes dos últimos tempos.
O noso protagonista pasa de vivir nunha suite a apousentarse nun faiado, ata 1954, cando dous axentes do KGB van buscalo. Neste tempo Rostov, acomódase á súa nova situación e a sobrevivir, sen perder os modais, a súa exquisita educación e os seus principios. Sen profesión coñecida, ata ese momento dedicouse con paixón aos praceres da lectura e da boa mesa, pero fai gala dunha gran capacidade de adaptación da que moi poucos seriamos quen.
Durante este confinamento sucédense varios acontecementos históricos para o país: a caída de Bujarin, o ascenso de Stalin, a fame negra de Ucraína, a revolución proletaria e todos aqueles que se desenvolven a principios do século XX.
A novela é un bosquexo de como era a situación da poboación rusa no momento do derrocamento do réxime zarista imperial pola revolución bolxevique, un movemento que xurdiu da unión de obreiros, campesiños e soldados, e orixinou unha guerra civil na que morreu moita xente. Este cambio político motivou que moitos perderan terras, propiedades, se exiliase e incluso fose condenada polo novo réxime polos motivos máis inusuais. Pero o autor realiza unha mostra da crúa realidade cunha gran dose de dozura e tenrura que enfatiza a humanidade que dificilmente se perde aínda na máis profunda das adversidades.
O conde concéntrase nos asuntos prácticos sen deixar de reler aos seus básicos, Robinson Crusoe, Anna Karenina, Tolstoi, Gógol, Montaigne , Pushkin e Dostoiesvski.
Establece lazos afectivos con algúns dos personaxes que traballan no hotel, nunha aparencia de normalidade. Adquire responsabilidades chegando incluso a criar a unha nena, Sofía, que lle é confiada pola súa nai (Nina) ata que medra e se converte nunha gran pianista.
O final feliz está asegurado, como non podía ser doutro xeito, pero a forma de rematar a novela temos que deixala en incógnito para permitir aos lectores e lectoras degustar a novela completa e o seu estupendo final.
Esta novela gustou moito no club de lectura Sagrada Familia, é enxeñosa, poética e xenerosa. Cun argumento orixinal que permite coñecer a cultura rusa e a súa sociedade. Está moi ben escrita, tece con moito coidado as relacións humanas que xorden neses momentos de crise. É tenra, un libro cunha lectura que relaxa, fai rir ás veces e dunha gran beleza polas súas descricións. O final, inesperado e feliz, gustou moito ás nosas lectoras do club. Un dos mellores éxitos deste curso de lecturas.
O autor, Amor Towles
Naceu en Boston en 1964 e nos primeiros anos da súa vida estivo apartado da literatura. Con 25 anos trasládase a Nova York, e xunto cun amigo crea unha empresa de investimentos, que mantivo durante dúas décadas.

Bowles escribe a súa primeira novela, “Normas de Cortesía”, un ano antes de deixar o mundo das finanzas. Esta ópera prima é unha homenaxe á Nova York dos anos 30, na que os porteiros, edificios maxestosos, concertos de jazz,… eran habituais. Conta a historia dunha rapaza con avaricia que tenta sobrevivir no medio das tentacións e dos perigos da cidade.
Logo xermina “Un caballero en Moscú” cando, polo seu cargo de executivo, ten que facer moitas viaxes parando sempre nos mesmos hoteis, e comprobando que sempre se atopaba coa mesma xente. E escolle Rusia, porque é un grande admirador e coñecedor da súa historia e literatura e porque alí, na época dos zares, levábanse a cabo arrestos domiciliarios con frecuencia. Un bo exemplo foi o de Pushkin en Peskov.
Esta segunda obra tivo unha grande acollida e foi recoñecido como o libro máis vendido por “The Times” e “Sunday Times”. Ámbalas dúas se atopan dispoñibles para os lectores nas Bibliotecas Municipais da Coruña.
Hai que engadir que xa están comprados os dereitos para filmala e xa se coñece que será Kenneth Branagh o actor encargado de poñer corpo ao noso conde Rostov. Será nunha serie producida pola Entertainment One e dirixida por Tom Harper, pero aínda descoñecemos a data prevista para a súa estrea. De seguro estaremos expectantes para non perder detalle desta versión cinematográfica do grande “Un caballero en Moscú”.
María na busca da liña do horizonte, Esther López Castro
Nestes días de confinamento non vén mal rememorar todos eses bos momentos pasados nos clubs de lectura das bibliotecas coruñesas. Ademais, cómpre lembrar tamén que o préstamo de ebooks segue dispoñible e que as horas a carón dun bo libro non son nunca tempo en balde. Aproveitemos para ler!
Hoxe queremos falar da marabillosa xornada que Esther López Castro, asistente ao club de lectura da biblioteca de Estudos Locais, pero tamén escritora, nos fixo pasar. Co seu libro María na busca da liña do horizonte, Esther deleitounos o mércores 4 de marzo cunha aventura que os e as asistentes ao club chegaron a comparar con La Sirenita ou as películas de Disney, pola viveza e colorido das súas palabras.

Esther naceu en Betanzos, vila moi presente na súa vida e nos seus textos. Aí é onde vive María, a protagonista desta historia, e o lugar ao que a escritora dedica moitos dos seus poemas, publicados, entre outros, no libro das festas que anualmente saca do prelo o concello.
Cando casou marchou vivir á Coruña. Ten os estudos básicos, pero iso nunca foi un impedimento para que as súas ganas de aprender e de entender o mundo por medio das súas reflexións se visen plasmadas na fermosura dos seus textos.
Comezou a escribir a unha idade que moitas persoas coidarían tardía e, nun principio, como mera reflexión persoal e impelida pola necesidade de reordenar o seu mundo interior, pero iso non evitou que a xente ao seu redor a animase a compartir os seus escritos, vista a súa calidade. E iso fixo. Autopublicouse e vendeu dúas edicións enteiras, e ademais fíxonos desfrutar dun serán moi agradable na biblioteca de Estudos Locais no que, ademais, recitou poesía e cantou, xa que pertence á Coral do Sporting Club Casino de A Coruña.
Aquí vos deixamos con ela, porque ben merece a pela escoitala. Grazas, Esther!

Sin noticias de Gurb, Eduardo Mendoza
No club de lectura de Monte Alto tivemos a oportunidade de ler un dos escritores máis coñecidos e internacionais das letras españolas: Eduardo Mendoza.
Eduardo Mendoza. Imaxe de Wikipedia ()
Eduardo Mendoza naceu en Barcelona en 1943. Tras licenciarse en dereito en 1965 pola Universidade Autónoma de Barcelona, viaxa por Europa e consegue unha beca en Londres para estudar socioloxía. Ao seu regreso en 1967, exerce a avogacía ata que en 1973 marcha a Nova York como tradutor da ONU.
É alí, nos Estados Unidos, onde publica en 1975 a súa primeira novela, La verdad sobre el caso Savolta (libro varias veces incluído como lectura obrigatoria na antiga selectividade galega). O título orixinal era Los soldados de Cataluña, que tivo que cambiar por mor da censura franquista. Este libro lánzao á fama, e é considerado por moitos como a obra precursora do cambio que daría a sociedade española e como a primeira novela da transición democrática.
Non obstante, Mendoza é coñecido tamén polo humor das súas composicións. El misterio de la cripta embrujada (1979) dá inicio ás obras que revelan esta faceta do autor, que terá continuación en El laberinto de las aceitunas (1982), La aventura del tocador de señoras (2001) e El enredo de la bolsa y la vida (2012).
En 1983 Eduardo Mendoza regresa a Barcelona, pero segue a gañarse a vida facendo traduccón simultánea en organismos internacionais. En 1986 publica La ciudad de los prodigios, novela na que amosa a evolución social e urbana de Barcelona entre as dúas exposicións universais de 1888 e 1929. Esta novela está considerada pola crítica literaria como a súa obra cumio, obtendo varios premios e sendo adaptada ao cine en 1999.
En 1990 comeza a publicar no xornal El País unha historia por entregas dun extraterrestre que aterra na Barcelona previa aos Xogos Olímpicos de 1992, que se convertirá en libro un ano despois, Sin noticias de Gurb, onde volve facer gala do seu hilarante humor.
As súas novelas superan a decena e tamén cultivou outros xéneros coma o relato, o ensaio ou o teatro.
Tú no sabes quién era Franco, con él no había libertades ni justicia social, pero daba gusto ver la televisión
Eduardo Mendoza

Aínda que non todos os e as asistentes ao club comparten o particular humor deste autor, o libro escollido, Sin noticias de Gurb, deu para unha sesión moi activa, onde puidemos debater e falar de moitos temas que aparecen na novela, entre eles:
-
Humor negro para criticar a sociedade, tratando temas coma a diferenza de clases, o machismo, o amor ou mesmo os tópicos dos pobos de España (retranca catalá?).
Porque los catalanes siempre hablan de lo mismo, es decir, de trabajo… No hay en la Tierra gente más aficionada al trabajo que los catalanes. Si supieran hacer algo, serían los amos del mundo.
Sin noticias de Gurb, Eduardo Mendoza
-
Uso da repetición, a hipérbole e o absurdo para crear ese humor.
15.02. Me caigo en una zanja abierta por la Compañía Hidroeléctrica de Cataluña.
15. 03. Me caigo en una zanja abierta por la Compañía de Aguas de Barcelona.
15. 04. Me caigo en una zanja abierta por la Compañía Telefónica Nacional.
15. 05. Me caigo en una zanja abierta por la asociación de vecinos de la calle Córcega.
Sin noticias de Gurb, Eduardo Mendoza
-
O éxito inesperado da novela por parte do autor, que el mesmo explica no prólogo desta edición conmemorativa.
Pasamos unha tarde moi entretida grazas aos avatares do pobre Gurb.
Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, e visita da autora
O pasado mes, no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais tivemos a sorte de contar coa visita da escritora Emma Pedreira.
Emma Pedreira Lombardía naceu na Coruña en 1978, onde segue vivindo. Licenciada en Filoloxía Hispánica, é unha artista multidisciplinar á que encadran na Xeración dos 90, aínda que a súa obra transcende todas as etiquetas.
O seu primeiro libro foi Diario bautismal dunha anarquista morta (1999), que acadara o ano anterior o Premio de Poesía Johán Carballeira. Desde ese intre case non houbo ano en que non publicase unha ou varias obras, tanto de poesía coma de narrativa.
Os seus últimos éxitos foron o Premio Xerais en 2018 con Besta do seu sangue, o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño no 2018 por As voces ágrafas e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019 con Os corpos invisibles.
Todas as súas obras acadan sempre o aplauso da crítica: de feito, en 2018 recibiu por Bibliópatas e fobólogos o Premio da Crítica de narrativa galega, outorgado pola Asociación Española de Críticos Literarios.
Non obstante, o traballo de Emma Pedreira no eido artístico non se circunscribe só aos libros: é pioneira nos mouthcollages/skincollages, que colga a miúdo no seu muro de Facebook.
Tamén elaborou mostras-exposicións coma a de O fotógrafo, na que conxuga as antigas fotografías de seu avó, poemas e colaxes. Ademais, formou parte da Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega entre e os seus compañeiros e compañeiras dedicáronlle documentais (Emma Pedreira: o des-en-freo) e fanzines (Emma Pedreira: fanzine dunha persoa renacentista).
No club de lectura puidemos ler Besta do seu sangue., da que a crítica dixo:

Nesta obra faise unha revisión de xénero da figura e mito de Blanco Romasanta, coñecido tamén coma O sacauntos. Era Manuel ou Manuela? Ademais, tendo en conta que xa se escribiu moito sobre este tema, tivemos a oportunidade de debater sobre o feito de que nos interese algo do que xa se dixo tanto, pero ao parecer, non todo.
Non é a primeira vez que a autora reinterpreta mitos e/ou historias clásicas, sobre todo os contos de fadas, coma no Libro das mentiras.

Encontro na biblioteca de Estudos Locais do club de lectura con Emma Pedreira
Ademais, puidemos trasladarlle todas as nosas dúbidas á autora, tanto desta como doutras obras, pois tivo a xentileza de acompañarnos nunha sesión do club. Moitas grazas, Emma Pedreira!






















“Yo que tú, aceptaba. No vas a conseguir nada quedándote por aquí.”








