Category Archives: Escritores
Libros en directo: Rodrigo Muñoz Avia
O próximo xoves 28 de maio teremos a oportunidade de escoitar a Rodrigo Muñoz Avia no Centro Ágora. O escritor participará no ciclo de encontros con autores Libros en Directo, presentado como ven sendo habitual por Pedro Ramos.
Rodrigo Muñoz Avia (Madrid, 1967) estudou Filosofía na Universidade Complutense e formouse como escritor durante tres anos na Escola de Letras de Madrid.
Ás súas costas ten xa unha longa traxectoria como autor, tanto de literatura infantil e xuvenil como de novela para adultos.
Novela infantil e xuvenil
Lo que no sabemos (1996, Premio Jaén de Narrativa Infantil e Xuvenil), El portero de hockey (2003), Los perfectos (2007, Premio Edebé de Literatura Infantil), Mi hermano el genio (2010, Premio Edebé de Literatura Infantil), La jaula de los gorilas (2011) e El signo prohibido (2015, Premio Edebé de Literatura Infantil).
Novela de adultos
Psiquiatras, psicólogos y otros enfermos (2004), Vidas terrestres (2007) e Cactus (2015), unha historia moi divertida da que nos falará en Libros en Directo.
Todas estas obras podes atopalas nas Bibliotecas Municipais da Coruña. Se che interesa levar algunha en préstamo, consulta a súa dispoñibilidade no noso catálogo.
Para rematar, gustaríame compartir un par de citas que me chamaron a atención da súa última novela:
Hay que mirar a las cosas a la cara y actuar en consonancia, tener una mirada más amplia, y sobre todo más profunda, entender que somos una mínima pieza de una larga historia, y contribuir a mejorarla, mirar hacia el futuro y hacer que el mundo sea mejor, sí, el mundo, y poder sentirnos orgullosos de nuestro paso por la tierra, tener un poco de dignidad, esa es la manera de afrontar la realidad y dejar de huir.
La vida es un segundo, un minuto, un chiste, un orgasmo. Este fue el zenit de su pensamiento. Tras él supo permanecer en silencio durante un buen rato…
Se che apetece descubrir máis detalles da obra e de Muñoz Avia… lembra que tes unha cita o xoves 28 ás 20.00 horas no Centro Ágora!!
Libros en directo: James Ellroy
O próximo xoves 16 de abril teremos a oportunidade de ver a James Ellroy no Centro Ágora, presentando a súa última novela Perfidia. Ellroy participará no ciclo de encontros con autores Libros en Directo, presentado polo escritor Pedro Ramos.
James Ellroy naceu o 4 de marzo de 1948 en Los Angeles (California, Estados Unidos). Cando tiña apenas 10 anos, a súa nai foi asasinada, feito que marcou a vida persoal e literaria de Ellroy. Tras unha infancia e adolescencia rebeldes, alistouse no exército, abandonándoo para coidar ao seu pai ao sufrir este un infarto. Trala morte do seu pai entregouse ás drogas e á vida delictiva, ata que en 1977 entrou en Alcohólicos Anónimos e comezou a refacer a súa vida. O seu traballo como caddie nalgúns clubs de Los Angeles permitíalle vivir e dedicar tempo á escritura. Con 30 anos publicou a súa primeira novela, Requiem por Brown.
As súas obras caracterízanse por un estilo cortante e por un ton macabro, pesimista e escuro. Ellroy centrouse no xénero policíaco, no que acadou gran éxito con obras como La dalia negra ou L.A. Confidential. As súas personaxes, decadentes e carecedoras de esperanza, fixérono merecedor do título de Demon Dog of American Crime Fiction (o can demoníaco da novela negra americana).
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña podedes atopar as seguintes novelas de Ellroy: L.A. Confidential (1998), Sangre en la luna (2001), A causa de la noche (2001), La dalia negra (2003), Loco por Donna (2005), El asesino de la carretera (2008), Jazz blanco (2009), Noches en Hollywood (2009), Sangre vagabunda (2010), Seis de los grandes (2010), Clandestino (2011), América (2010), e Perfidia (2015). Consultade o noso catálogo para ver a súa dispoñibilidade.
E se queredes descubrir máis detalles sobre Ellroy e a súa traxectoria… lembrade que tendes unha cita no Centro Ágora o xoves 16 ás 20.00!!
#CLXQ+: Presentes imperfectos e corazóns de futuro.
O #CLXQ+ é informe, en realidade informe e informal, en realidade nin queremos nin nos interesa ter forma nin formalidade –entendida no sentido máis tradicional da palabra, claro- . Gostamos de ler, como tódolos clubs, gostamos de compartir opinións, como calquera club, gostamos de falar e preguntarnos polos nosos propios intereses, como calquera club… mais non gostamos de ter que facelo coma sempre, ou máis ben como é habitual, gostamos de tirarnos no chan a ler en voz alta as nosas partes favoritas, e representar sin demasiado orde cada un dos párrafos que máis nos dixo de cada libro.
O #CLXQ+ embarcouse na lectura de O Corazón de Xúpiter (Costas, Ledicia. Xerais, 2011) hai un par de semanas e gostou be
n de achegarse a esta historia de amor, desamor, ciberamor e intriga, angustia ás veces e rabia outras. A historia de Isla comeza como moitas das historias personais que nos podemos atopar arredor de nós, unha mudanza de barrio, un adeus á vida de atrás, un novo insti… Cunha perspectiva de 17 anos e toda unha vida nun mesmo barrio dende logo, non é o mellor dos soños.
Se á novidade por desorientación engadimos a desorientación por ese conxunto de anomalías persoais provocadas polo amor e ademáis incluímos que o panorama do novo insti non é o mellor gracias a Marcos… Por sorte estaba Mar, “a súa mellor amiga. E tamén a súa salvadora. Desde que se trasladara cos seus pais a aquel lugar, fora a única que se molestara en entendela, en deterse a contemplar o seu interior.” (11) Do resto, daredes mellor conta cada un·ha de vós abrindo o libro.
Ledicia Costas, que está a xirar sen parar presentando o seu último libro Escarlatina, a cociñeira defunta (Merlín,
2014), tivo o detalle de achegarse ao #CLXQ+ hai xa unhas semanas. En realidade a súa visita foi virtual, pero a verdade é que puidemos desfrutar dela por medio de 150 caracteres grazas ao twitter das Bibliotecas Municipais, unha conversa que vedes reflexada nas capturas de pantalla vos inserimos, mais tamén podedes ver a conversa completa pinchando aquí.
E nestas datas de celebración do Día Libro Infantil e Xuvenil, Romeo e Xulieta caeu nas nosas mans, e William Shakespear trouxo con él aos Capuleto e os Montesco para pasearen o seu paradigma de amor romántico polo #CLXQ+, e declamamos, e clamamos, ao amor e ao desamor, mais tamén a manter a cordura nun mundo que tolea por ideales de amor en lugar de desfrutar as realidades de cariño.
Enfiando o noso último título – Futuro Imperfecto, de Xulia Alonso, 2010 – invitámosvos a seguir atentxs ás redes sociais – Instagram, Fb, Twitter – e buscar o que se agocha tras do hastag #CLQX+.
Saúde!
Libros en directo: Martín Casariego
O próximo xoves 19 de marzo teremos a oportunidade de escoitar en Libros en Directo ao escritor Martín Casariego Córdoba. O encontro terá lugar ás 20.00 horas no Centro Ágora e será presentado, como ven sendo habitual por Pedro Ramos.
Martín Casariego (Madrid, 1962) licenciouse en Historia da Arte na Universidade Complutense de Madrid. A súa primeira obra, Qué te voy a contar (1989), recibiu o Premio Tigre Juan á mellor opera prima dese ano. No ano 1997 obtivo o Premio Ateneo de Sevilla coa súa novela La hija del coronel e dez anos máis tarde, foi galardonado co Premio Anaya de Literatura Infantil e Xuvenil pola novela Por el camino de Ulectra. En 2008 un xurado presidido por Ana María Matute concedeulle o Premio Logroño de Novela pola obra La jauría y la niebla. Ademais de novelas e relatos, é autor de guións de cine como Amo tu cama rica, La fuente amarilla, Días azules, Tú qué harías por amor ou Y decirte alguna estupidez, por ejemplo, te quiero.
A súa última novela El juego sigue sin mí, da que nos falará en Libros en Directo, recibiu o Premio de Novela Café Gijón 2014. O xurado destacou da obra a fluidez coa que Casariego manexa a historia de aprendizaxe que se establece entre dous mozos de hoxe en día.
O protagonista, de nome Ismael, rememora a época dos seus trece anos na que os seus pais contrataron a Rai, un rapaz cinco anos maior ca él, para darlle clases particulares. Entre os dous xurde unha relación moi especial, de aprendizaxe, de formación, de admiración. Rai fálalle de libros, de películas, de música, pero sobre todo, da VIDA. Unha historia que engancha dende o primeiro parágrafo e que non deixa indiferente a ningún lector.
Para que vos fagades unha idea, comparto algunhas das citas extraídas da obra que fun anotando mentras lía:
“Nunca sientas lástima de ti mismo. La vida no trata de no caer, sino de cómo levantarse”
“Aseguraba que el mundo estaba cubierto de cicatrices. Según él, hasta las hojas de los árboles estaban llenas de cicatrices. Y las peores eran las que no se veían”
“Creía que madurar consistía en ir sabiendo cada vez más respuestas. Ahora me inclino a pensar que es más bien ir convirtiendo las certezas en dudas, desandar el camino”
“Pero cuando uno llora por algo que le han contado, en realidad no llora por eso, sino por otros motivos. Llora por el mundo, por la fragilidad de la vida, por el tiempo que pasa para no volver. Llora por uno mismo, en el fondo, porque uno siempre está solo, excepto en algunos ratos en los que se produce el milagro de la compañía”.
Ademais de El juego sigue sin mí, nas Bibliotecas Municipais podedes atopar outras moitas obras de Casariego, consultade a súa dispoñibilidade no noso catálogo.
E lembrade, se queredes descubrir máis detalles sobre Martín Casariego e sobre a súa obra… tendes unha cita o xoves 19 no Centro Ágora!!!
As novelas máis prestadas en lingua galega no 2014 nas Bibliotecas Municipais da Coruña
As novelas máis prestadas en lingua galega no 2014 nas Bibliotecas Municipais da Coruña:
- Ollos de auga / Domingo Villar (Galaxia, D.L. 2006)
- Made in Galiza / Séchu Sende (Galaxia, D.L. 2007)
- Os fillos do mar / Pedro Feijoo (Xerais, 2012)
- O corazón de Xúpiter / Ledicia Costas (Xerais, 2012)
- A memoria da choiva / Pedro Feijoo (Xerais, 2013)
- A praia dos afogados / Domingo Villar (Galaxia, D.L. 2009)
- O único que queda é o amor / Agustín Fernández Paz (Xerais, 2007)
- Cartas de inverno / Agustín Fernández Paz (Xerais, 1998)
- A cabeza de Medusa / Marilar Aleixandre (Xerais, D.L. 2008)
- Os vellos non deben de namorarse / Castelao (Galaxia, 2004)
- O gardián invisible / Dolores Redondo ; traducción Héctor Cajaraville (Xerais, 2013)
- Ámote Leo A. Destino xalundes / Rosa Aneiros (Xerais, 2013)
- O derradeiro libro de Emma Olsen / Berta Dávila (Galaxia, 2013)
- Futuro imperfecto / Xulia Alonso Díaz (Galaxia, D.L. 2010)
- As voces baixas / Manuel Rivas (Xerais, 2012)
- Non hai noite tan longa / Agustín Fernández Paz (Xerais, 2011)
- Noite de voraces sombras / Agustín Fernández Paz (Xerais, 2002)
- Pepa A Loba / Carlos G. Reigosa (Xerais, 2007)
- A esmorga / Eduardo Blanco Amor (Galaxia, 2006)
- Todos somos / Marcos Calveiro (Xerais, 2013)
- Resistencia / Rosa Aneiros (Xerais, 2007)
- Faneca brava / Manuel Portas (Xerais, 2013)
- Esperando o leiteiro / Xosé Neira Vilas (Galaxia, D.L. 2012)
- O pintor do sombreiro de malvas / Marcos Calveiro (Xerais, 2010)
- A banda sen futuro / Marilar Aleixandre (Xerais, 1999)
Consulta a dispoñibilidade destas obras no noso Catálogo:
Recorda que nas Bibliotecas teñen en marcha unha inicitiva de recomendacións literararias, musicais e cinematográficas vía Twitter, coa nosa conta @bibcoruna, baixo o lema COLABORA CON NÓS! e co hashtag #recomendamosbmc os tuiteiros poden manifestar os seus gustos e compartir as súas preferencias.
Libros en directo: Pilar Eyre
O ciclo de encontros con autores Libros en Directo comeza a súa cuarta tempada o xoves 22 de xaneiro coa escritora e periodista Pilar Eyre. O encontro, presentado como ven sendo habitual polo escritor Pedro Ramos, terá lugar ás 20.00 horas no Centro Ágora.
Eyre (Barcelona, 1951) estudou Filosofía e Letras e Ciencias da Información. Exerceu o periodismo como columnista, entrevistadora e reporteira en diversos periódicos e revistas como Hoja del Lunes, La Vanguardia, Interviú, El Periódico de Catalunya ou El Mundo. Colaborou tamén en varias emisoras de radio e televisión, sobre todo como analista e comentarista de crónica social.
A súa carreira como escritora comeza no ano 1985, cando se publica a súa obra Vips: todos los secretos de los famosos. A esta obra seguiranlle outras moitas: Todo empezó en el Marbella Club (1989), Callejón del olvido (1992), Mujeres veinte años después (1996), Quico Sabaté el último guerrillero (2001), Cibersexo (2002), Dos Borbones en la Corte de Franco (2005), Ricas famosas y abandonadas (2008), Ena la novela (2009), Pasión imperial (2010), María la Brava (2010), La soledad de la reina (2012), La reina de la casa (2012), Franco confidencial (2013) e Mi color favorito es verte (2014).
Con esta última novela, unha novela autobiográfica que narra a historia de amor dunha periodista cun reporteiro de guerra, foi finalista do Premio Planeta 2014.
No fondo bibliográfico das Bibliotecas Municipais da Coruña, podedes atopar:
- Mujeres, veinte años después
- María, la Brava
- La soledad de la Reina
- Mi color favorito es verte
Consultade a súa dispoñibilidade no noso catálogo:
E lembrade, se queredes descubrir máis detalles da súa última obra e da súa traxectoria como novelista…
tendes unha cita o xoves 22 no Centro Ágora!!
Libros en directo: Gonzalo Moure
O próximo martes 16 de decembro teremos a oportunidade de escoitar no Ciclo Libros en Directo ao recoñecidísimo escritor de literatura infantil e xuvenil Gonzalo Moure.
O encontro co autor terá lugar ás 20.00 no Centro Ágora e será presentado, como é habitual, por Pedro Ramos.
Moure naceu en Valencia no ano 1951, pero reside actualmente en Asturias. Estudou Ciencias Políticas na Universidade Complutense de Madrid e traballou como periodista no período comprendido entre 1973 e 1989, fundamentalmente na radio pero tamén en prensa, en televisión como guionista e en publicidade como creativo.
A súa primeira obra publicada foi Geranium, novela de ciencia ficción que figurou na Lista de Honra do Internacional Board on Books for Young People (IBBY) no ano 1994. Escribiu máis de vintecinco libros e foi galadornado con numerosos premios:
– Premio Barco de Vapor, por Lili, Libertad (1996)
– Premio Jaén por A la mierda la bicicleta (1993) e El bostezo del puma (1999)
– Premio Ala Delta, por Maíto Panduro (2001)
– Premio da Crítica de Asturias, por Yo, que maté de melancolía al pirata Francis Drake (2001)
– Premio Gran Angular, pola novela El síndrome de Mozart (2003)
– Premio Primavera, por En un bosque de hoja caduca (2006)
– Premio á Creación Literaria 2012 da Feira do Libro, a Lectura e as Industrias Culturais de Castela-A Mancha.
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña podedes atopar estas obras e outras moitas de Gonzalo Moure. Consultade no noso catálogo a súa dispoñibilidade:
Cabe destacar ademais da súa obra, a labor de cooperación de Moure a través da Asociación de Escritores polo Sáhara-Bubisher, que manteñen unha rede de bibliobuses e bibliotecas nos campamentos de refuxiados Saharauis dende o ano 2008. O proxecto recibe o nome dun pequeno paxaro do deserto, que soporta altas temperaturas e que coa súa chegada anuncia as boas novas.
Se queredes descubrir máis detalles da vida, obra e proxectos de Gonzalo Moure, lembrade…
tendes unha cita o martes 16 no Centro Ágora!!!
Libros en directo: David Safier
O próximo mércores 3 de decembro teremos a oportunidade de escoitar ao escritor alemán David Safier no Ciclo de Encontros Libros en Directo, organizado polo Centro Ágora e presentado por Pedro Ramos.
Safier (Bremen, 1966) deuse a coñecer como guionista de series de televisión de éxito como Mein Leben un Ich (Mi vida y yo), Nikola y Berlin e Berlin. Foi galardonado co Premio Grimme e o Premio TV en Alemaña, e cun Emmy nos Estados Unidos. Actualmente vive e traballa en Bremen.
Madito karma (2009), a súa primeira novela, foi un éxito mundial e leva xa máis de trinta edicións en español. Seguírona Jesús me quiere (2010), Yo, mi me contigo (2011), Una familia feliz (2012), ¡Muuu! (2013) e a recentemente publicada pola editorial Seix Barral 28 días (2014).
Nas Bibliotecas Municipais podedes atopar estas seis novelas de Safier, consultade no catálogo a súa dispoñibilidade:
E se queredes coñecer mais detalles sobre David Safier e a súa última obra, lembrade que tendes unha cita o mércores 3 de decembro ás 20.00 horas no Centro Ágora!!!























