Category Archives: Escritores
A obra completa de Pereiro sae en edición bilingüe galego-castelán
Libros del Silencio, editora barcelonesa dirixida polo galego Gonzalo Canedo, acaba de presentar a súa edición da Obra completa de Lois Pereiro, que inclúe tanto os poemas como os escritos en prosa do homenaxeado no Día das Letras. O libro, que conta cun prólogo de Pere Gimferrer foi traducido para ao castelán por Daniel Salgado e inclúe unha introdución de Xosé Manuel Pereiro ao mundo creativo do seu irmán.
Manuel Lourenzo González gaña O Barco de Vapor
Manuel Lourenzo González obtivo o Premio de Literatura infantil O Barco de Vapor, no seu vixésimo sexta edición. Dotado con 6.000 euros e convocado pola Fundación SM, o premio pretende potenciar a creación de literatura infantil e xuvenil en galego que fomenten o gusto pola lectura e transmita valores humanos, sociais, culturais e relixiosos que axuden a construír un mundo máis digno. O xurado, formado por Manuel Figueiras, especialista en literatura infantil e xuvenil; Isabel Soto López, crítica literaria e tradutora; e Xavier Senín, catedrático de bacharelato, considera que a novela gañadora é “unha narración chea de imaxinación e fantasía, que destaca polo acertado deseño do mundo no que transcorre, co uso dunha linguaxe propia que dá conta de todas as súas peculiaridades”. Os organizadores informaron nun comunicado de que o premio se converte este ano en bienal, polo que a próxima edición se fallará en 2013
Manuel Guede Oliva gaña o Premio de Teatro Rafael Dieste
Víctor Freixanes recolle o premio ao autor do ano dos libreiros
A Federación de Libreiros de Galicia concedeu o premio ao mellor autor do ano 2010 o director de Galaxia, o académico Víctor Freixanes, pola súa obra Cabalo de ouros (Galaxia). Freixanes volveu a literatura con este libro despois de case vinte anos sen escribir unha novela.O autor dedicouse principalmente nestes anos ao seu traballo como editor. Os organizadores dos premios consideraron que Freixanes merecía este galardón polo seu esforzo a prol da lingua galega e da literatura do país.Fonte: Xornal
Diego Ameixeiras premiado co mellor Libro do Ano por Asasinato no Consello Nacional
Diego Ameixeiras premiado co mellor Libro do Ano
A gran festa do gremio dos libreiros tamén quixo recoñecer o talento doutro escritor do país, Diego Ameixeiras, que gañou na categoría de Libro do Ano 2010 coa súa novela Asasinato no Consello Nacional (Edicións Xerais), unha intriga de carácter político ambientada no BNG, que conseguiu esgotar a súa primeira edición só unha semana despois de chegar ás librerías.

Alberte Cupeiro. Este é o novo detective privado que se suma á cada vez máis ampla nómina de investigadores privados da literatura galega. Cupeiro é o encargado de investigar o Asasinato no Consello Nacional. O caso é nada menos que o asasinato dun dirixente do BNG cando sae dunha reunión do Consello Nacional. A novela é «unha clara homenaxe a Vázquez Montalbán», autor dunha novela negra publicada en 1981 que levaba por título Asesinato en el Comité Central (Planeta), na que nunha reunión rutinaria do PC español apáganse as luces e aparece morto o seu secretario xeral; a investigación corre a cargo do comisario Fonseca, designado polo Goberno, e de Pepe Carvalho, o detective creado por Montalbán que cumpre aquí o encargo do PC.
Falece Valentín Arias
Foi un dos pais da Asociación de Tradutores Galegos, xerente da editorial Galaxia e asinou as traducións para o galego dalgúns títulos fundamentais da literatura. Valentín Arias falecía o pasado venres en Lugo aos 77 anos de iadade.
Deixa tras de si unha importante pegada nas nosas letras, con obras como A lingua galega na escola, A escola rural en Galicia, Lois e Sabela ou Como se fai um libro?.
Entre outras traducións, asinou as versións galegas de obras como As aventuras de Tintín (Hergé), Viaxe ó centro da terra (Verne), Voo de noite (Saint-Exupéry), O xardín (M. Duras) ou O estranxeiro (Camus).
Nas Bibliotecas Municipais pódense atopar numerosos refrendos das suas obras:
- Robinson Crusoe / Daniel Defoe; versión de Ramón García Toga ; tradución de Valentín Arias
- Pantasma de Canterville / Óscar Wilde ; versión de A. G. Llorca ; tradución de Valentín
- Arias Mondo e outras historias / J.M.G. Le Clézio ; traducción de Raquel Villanueva e Valentín Arias
- Avelino Pousa Antelo : galeguista, docente, cooperativista, escritor, político e animador cultural / Valentín Arias
Mercedes Queixas retratará as vidas de Pereiro e Kruckenberg
A escritora Mercedes Queixas anda a ultimar dúas obras divulgativas sobre a vida e a traxectoria literaria de dous poetas moi diferentes: Lois Pereiro e María do Carme Kruckenberg. O libro sobre o autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas sairá publicado na editorial Laiovento a finais deste mes. Galaxia, pola súa banda, será a encargada de editar a biografía de Kruckenberg que prepara Mercedes Queixas.
Fonte: Xornal
Antonio Gamoneda nomeado Escritor Galego Universal

Non escribe en galego, pero o “seu exemplo de coherencia e verdade poética” moi apegada a realidade acaba de valerlle a Antonio Gamoneda o recoñecemento de escritor galego universal. Esta mención, que xa posúen Mahmud Darwich, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska e Juan Gelman, concédea a Asociación de Escritores en Lingua Galega a aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana. Gamoneda recollerá o premio o 30 de abril, no marco da Cea das Letras, mentres que o 29 ofrecerá unha conferencia na cidade da Coruña.
Fonte: Cultura Galega







