Category Archives: escritoras
María na busca da liña do horizonte, Esther López Castro
Nestes días de confinamento non vén mal rememorar todos eses bos momentos pasados nos clubs de lectura das bibliotecas coruñesas. Ademais, cómpre lembrar tamén que o préstamo de ebooks segue dispoñible e que as horas a carón dun bo libro non son nunca tempo en balde. Aproveitemos para ler!
Hoxe queremos falar da marabillosa xornada que Esther López Castro, asistente ao club de lectura da biblioteca de Estudos Locais, pero tamén escritora, nos fixo pasar. Co seu libro María na busca da liña do horizonte, Esther deleitounos o mércores 4 de marzo cunha aventura que os e as asistentes ao club chegaron a comparar con La Sirenita ou as películas de Disney, pola viveza e colorido das súas palabras.

Esther naceu en Betanzos, vila moi presente na súa vida e nos seus textos. Aí é onde vive María, a protagonista desta historia, e o lugar ao que a escritora dedica moitos dos seus poemas, publicados, entre outros, no libro das festas que anualmente saca do prelo o concello.
Cando casou marchou vivir á Coruña. Ten os estudos básicos, pero iso nunca foi un impedimento para que as súas ganas de aprender e de entender o mundo por medio das súas reflexións se visen plasmadas na fermosura dos seus textos.
Comezou a escribir a unha idade que moitas persoas coidarían tardía e, nun principio, como mera reflexión persoal e impelida pola necesidade de reordenar o seu mundo interior, pero iso non evitou que a xente ao seu redor a animase a compartir os seus escritos, vista a súa calidade. E iso fixo. Autopublicouse e vendeu dúas edicións enteiras, e ademais fíxonos desfrutar dun serán moi agradable na biblioteca de Estudos Locais no que, ademais, recitou poesía e cantou, xa que pertence á Coral do Sporting Club Casino de A Coruña.
Aquí vos deixamos con ela, porque ben merece a pela escoitala. Grazas, Esther!

Mulleres, poetas e galegas
Cada 21 de marzo, desde a súa aprobación pola UNESCO na 30ª Conferencia Xeral en París no ano 1999, celébrase a nivel mundial o Día da Poesía co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades.
“A poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar da maneira sempre renovada a forma en que utilizamos as palabras e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade”. (Nacións Unidas, 2019)
Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña, dentro do noso compromiso de promover a nosa cultura e a lingua galega, sumámonos á celebración desta efeméride tan fermosa coa campaña “Mulleres de carne e verso” coa que procuramos achegarvos a través das nosas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram) unha escolma de versos das nosas poetas nuns días especialmente difíciles por mor do Covid-19.
A proposta lanzouse a comezos desta semana nos nosos canais corporativos co propósito de celebrar a poesía e honrar ás mulleres poetas. Cada día unha biblioteca da rede foi compartindo as verbas da escritora homenaxeada e ata o momento puidemos gozar dos versos de…
Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977)
Escritora e xestora cultural ademais de creadora e coordinadora dunha das citas poéticas máis importantes na cidade: o ciclo Poetas Di(n)versos, que se desenvolve con carácter mensual no Centro Ágora.
Muller polifacética (guionista, presentadora de television, comisaria de mostras de arte e poesía, tradutora) e creadora recoñecida, entre outros, cos seguintes galardóns: Premio da Crítica e Premio Johán Carballeira por “Vivimos no ciclo das Erofanías” (1998), Premio Espiral Maior por “Profundidade de campo” (2007), Premio de Poesía Afundación por “A segunda lingua” (2014).
Lucía Aldao (A Coruña, 1982)
Poeta coruñesa que desenvolve a súa carreira tamén como cantante, guitarrista, guionista e animadora cultural. Xunto á escritora María Lado forma equipo para desenvolver proxectos como o espectáculo poético “Onde estea un cubata que se quite un soneto” ou a exitosa proposta poética, humorística e musical denominada “Aldaolado”.
Publica con Luis Walter Muñoz Fontenla a obra “Unha ducia máis un” (2005) e no ano 2018 sae á luz o seu primeiro libro de poemas en solitario “Todo isto antes era noite”.
Eli Ríos (Londres, 1976)
Autora prolífica que ten publicado obras de poesía, ensaio, narrativa infantil e xuvenil e novela para adultos . Galardoada, entre outros moitos, cos seguintes premios dentro do eido da poesía: XII Premio de Poesía Concello de Carral por “Nós escoitando o badalo de marienplatz” (2009), I Premio Rosalía de Castro por “Café intenso” (2015), XXVIII Premio Torrente Ballester por “Luns” (2016), IV Premio de Poesía González López Abente por “Culpable” (2017).
Realiza ademais obradoiros de escrita, contacontos para público infantil e colabora na revista dixital de crítica literaria feminista “A Sega”.
Desde o noso Club de Lectura Virtual se sumaron á proposta “Mulleres de carne e verso”, realizando no seu blog un percorrido pola vida e obra da poeta e membro da Real Academia Galega Luz Pozo. Convídovos á pasar tamén por aí e gozar da lectura desta entrada: “Luz Pozo, la poetisa de Ribadeo”.
Estade atentas e atentos ás nosas redes, a vindeira semana compartiremos con vós o nome e as verbas doutras cinco poetas galegas ás que desde as Bibliotecas Municipais rendemos homenaxe. Mentres tanto, despídome cunhas palabras de Audrey Azoulay -Directora Xeral da UNESCO- máis necesarias ca nunca:
“Cada forma de poesía é única, pero cada unha reflicte a universalidade da experiencia humana, o anhelo de creatividade que transcende todos os límites e fronteiras, tanto do tempo como do espazo, na afirmación constante de que a humanidade forma unha única e soa familia. Este é o poder da poesía!“
Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, e visita da autora
O pasado mes, no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais tivemos a sorte de contar coa visita da escritora Emma Pedreira.
Emma Pedreira Lombardía naceu na Coruña en 1978, onde segue vivindo. Licenciada en Filoloxía Hispánica, é unha artista multidisciplinar á que encadran na Xeración dos 90, aínda que a súa obra transcende todas as etiquetas.
O seu primeiro libro foi Diario bautismal dunha anarquista morta (1999), que acadara o ano anterior o Premio de Poesía Johán Carballeira. Desde ese intre case non houbo ano en que non publicase unha ou varias obras, tanto de poesía coma de narrativa.
Os seus últimos éxitos foron o Premio Xerais en 2018 con Besta do seu sangue, o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño no 2018 por As voces ágrafas e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019 con Os corpos invisibles.
Todas as súas obras acadan sempre o aplauso da crítica: de feito, en 2018 recibiu por Bibliópatas e fobólogos o Premio da Crítica de narrativa galega, outorgado pola Asociación Española de Críticos Literarios.
Non obstante, o traballo de Emma Pedreira no eido artístico non se circunscribe só aos libros: é pioneira nos mouthcollages/skincollages, que colga a miúdo no seu muro de Facebook.
Tamén elaborou mostras-exposicións coma a de O fotógrafo, na que conxuga as antigas fotografías de seu avó, poemas e colaxes. Ademais, formou parte da Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega entre e os seus compañeiros e compañeiras dedicáronlle documentais (Emma Pedreira: o des-en-freo) e fanzines (Emma Pedreira: fanzine dunha persoa renacentista).
No club de lectura puidemos ler Besta do seu sangue., da que a crítica dixo:

Nesta obra faise unha revisión de xénero da figura e mito de Blanco Romasanta, coñecido tamén coma O sacauntos. Era Manuel ou Manuela? Ademais, tendo en conta que xa se escribiu moito sobre este tema, tivemos a oportunidade de debater sobre o feito de que nos interese algo do que xa se dixo tanto, pero ao parecer, non todo.
Non é a primeira vez que a autora reinterpreta mitos e/ou historias clásicas, sobre todo os contos de fadas, coma no Libro das mentiras.

Encontro na biblioteca de Estudos Locais do club de lectura con Emma Pedreira
Ademais, puidemos trasladarlle todas as nosas dúbidas á autora, tanto desta como doutras obras, pois tivo a xentileza de acompañarnos nunha sesión do club. Moitas grazas, Emma Pedreira!









