Category Archives: Efemérides
Polo centenario de Emilia Pardo Bazán, os clubs de lectura lemos “Insolación”

Os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña unímonos á celebración do Centenario de Emilia Pardo Bazán lendo e comentando xuntas a súa obra. Non hai mellor xeito de achegarse á escritora, á súa figura e obra, que lendo algún dos seus textos no seo das nosas tertulias. A lectura compartida dun libro danos pé a tentar aproximarnos a unha das figuras máis relevantes da cidade. Un ano cheo de celebracións que queremos disfrutar canda as nosas lectoras e lectores.
Moitos clubs xa tiñamos lido, ao longo deste anos, o seu libro de contos “El encaje roto” así como “La tribuna” ou “Memorias de un solterón“. Pero nesta ocasión queriamos celebrar as novas edicións de gran parte das súas obras mercando para os clubs de lectura “Insolación“. Unha novela “feminista”, divertida e moi castiza, pero sobre todo adiantada na súa concepción á época na que foi escrita e publicada. Descubrimos a edición de Reino de Cordelia, ilustrada por Javier de Juan e con prólogo de Luis Alberto de Cuenca e namoramos dela. Pois dende as Bibliotecas gústanos reivindicar os libros ilustrados para adultos, as edicións que lle aportan un valor extra aos libros que poñemos nas vosas mans, así como o traballo de todos os axentes que participan na cadea do libro. Cal foi a nosa sorpresa cando pouco tempo despois outra editorial escolleu o mesmo texto para unha edición especial polo centenario. Falamos de Alianza editorial, coas ilustracións (fermosas e ben diferentes ás de Javier de Juan) de Irlanda Tambascio (EIRE).
Os clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, Café con libros, tivemos o privilexio de dar o pistoletazo de saída á lectura en grupo de “Insolación”, pero de aquí a finais de ano, os exemplares de Reino de Cordelia irán pasando polas mans, Bibliotecas e tertulias de todos os clubs de lectura da Rede Municipal. Unha oportunidade única para celebrar a Emilia Pardo Bazán. Pero… imos entrando en materia! ¿Por que dicimos que é unha novela feminista, ademáis de divertida, castiza e adiantada ao seu tempo?

“Insolación” narra a historia de amor, apaixonado e irresistible, entre Diego Pacheco, un don Juan díscolo pero de bo corazón, e a marquesa de Andrade, viúva, inxenua pero non tanto, bela e sensual, que case por casualidade descobre que para recuperar a vida primeiro ten que atreverse a resucitar o seu corpo, sepulto baixo capas de decoro e esixencias sociais. Na novela vemos desfilar ao Madrid da época en todo o seu esplendor, desde os chulapos aos maleantes, as clases populares e os aristócratas, os reformadores e os que de ningunha maneira queren ser reformados, todos mesturados cando do que se trata é de participar da festa e do pracer. Escrita para entreter e tamén para abrir as mentalidades da época, cun ritmo fluído, cheo de anécdotas e de situacións divertidas, en “Insolación” Emilia Pardo Bazán atreveuse a tocar un tema tabú que aínda hoxe en día é motivo de cuchicheos en faladoiros trasnoitados: o desexo feminimo.
Para coñecer un pouco máis polo miúdo as implicacións desta obra, podedes escoitar o podcast de Los lunes de Pardo Bazán: El feminismo en Emilia Pardo Bazán, unha campaña organizada pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura a través dun podcast de seis episodios con entrevistas a distintas especialistas na obra e biografía da autora. Outra opción, ademáis de lela en papel, é acceder ao texto completo da obra na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, onde podedes ler en liña “Insolación” e o resto da súa obra. Botádelle un ollo.
Na páxina web das Bibliotecas Municipais podedes consultar toda a programación que temos preparada para festexar o Centenario de Emilia Pardo Bazán. Mención aparte merece a guía de lectura que elaboramos con todo o cariño para todas e todos vós: unha guía de lectura que pretende darvos a coñecer boa parte das primeiras edicións que atesouramos na Biblioteca de Estudos Locais así como as edicións máis recentes que podedes levar en préstamo nas Bibliotecas, e é que a obra de Dona Emilia está máis viva que nunca. Estades de acordo?
Emilia Pardo Bazán e a literatura culinaria.
Emilia Pardo Bazán naceu na Coruña en 1851 e faleceu o 12 de maio de 1921. Este ano, por tanto, celébrase o centenario da morte dunha muller que foi unha gran novelista, narradora, ensaísta, poeta, dramaturga e xornalista, e que é considerada por moitos como a mellor escritora española do século XIX.

A temática culinaria supón quizais unha parte pouco coñecida da súa produción literaria, con todo, a esta dedicou varios e importantes textos do mesmo xeito que outros ilustres escritores galegos como Álvaro Cunqueiro ou Julio Camba.
A condesa de Pardo Bazán escribiu dous libros de cociña, publicados en 1913 e 1914 na colección “Biblioteca da Muller”, fundada e dirixida por ela coa intención de divulgar en España as ideas sobre feminismo que circulaban no resto de Europa. Con todo, os seus inicios nesta temática da literatura remóntanse a 1905 cando escribiu o prólogo ao libro do seu amigo Manuel María Puga e Parga, ”Picadillo”.
Nel cabe destacar, para o que aquí nos interesa, a súa definición da literatura culinaria “é profundamente humana, de maior contido humano que ningunha (…)” comentario este por tanto que se contextualiza e hai que entender dentro do movemento literario ao que se adscribe a autora, o naturalismo. Aquí a autora aínda non se adentrará en cuestións prácticas, que si veremos nos seus seguintes libros, senón que a súa atención estará posta máis na cuestión literaria derivada da súa condición de escritora.


“La cocina española antigua” foi o primeiro dos seus receitarios e un dos primeiros libros que fundamentaron a gastronomía española como elemento de identidade nacional e obxecto de estudo cultural. No prólogo, a escritora proclama cuestións como que
“la cocina es a mi entender uno de los documentos etnográficos importantes. […] Cada época de la historia modifica el fogón y cada pueblo come según su alma, antes tal vez que según su estómago. Hay platos de nuestra cocina nacional que no son menos curiosos ni menos históricos que una medalla, un arma o un sepulcro”.
Neste primeiro volume recóllense as receitas tradicionais de distintas rexións de España, reivindicando o valor dos nosos pratos, do mesmo xeito que propugnaba Picadillo, por encima daqueles, foráneos e franceses, convertidos no estándar do bo gusto durante o século XIX.
“Hay que apresurarse a salvar las antiguas recetas. ¡Cuántas vejezuelas habrán sido las postreras depositarias de fórmulas hoy perdidas! En las familias, en las confiterías provincianas, en los conventos, se transmiten reflejos del pasado pero diariamente se extinguen algunos”.


“La cocina española moderna”, tamén publicado na Biblioteca da Muller, resulta un paso máis na súa evolución ideolóxica. Neste novo libro vai adaptar guisos europeos á mesa española porque segue pensando que a base da nosa cociña ten que ser nacional, destacando cómo en España cómese xa con máis refinamento e elegancia. O que pretende a autora con este libro é ofrecer á ama de casa un receitario para comer con fundamento pero coidando a presentación, a elegancia na cociña e tamén na mesa. Novamente fai unha defensa da lingua española pero esta vez fronte á introdución masiva de vocábulos estranxeiros, sobre todo vindos do inglés e do francés, así como a revalorización da comida rexional e nacional, principalmente fronte á francesa, co emprego do aceite español e a manteiga de porco fronte á manteiga dos franceses.
Insiste pois na elaboración de boa comida económica pero ben presentada: “la comida más corriente y barata admite escenografía”, di, incidindo na comida tamén como nutrición.
“El comer se humaniza cada día más. Ya no es el engullir de la bestia hambrienta. También en la mesa puede el espíritu sobreponerse a lo material”.
Dona Emilia evolucionou pois no seu discurso desde que escribise o seu primeiro prólogo a Picadillo, refinándose e afastándose da función meramente nutricional e primitiva, netamente corporal da comida.
En total, recompila máis de mil receitas que pretenden conservar a nosa gastronomía e transmitila ás seguintes xeracións. Foi, que dúbida cabe, unha gran defensora da nosa cociña e do uso do noso léxico gastronómico. Ademais, o seu espírito viaxeiro fíxoa coñecedora doutros pratos e por iso defendeu tamén a sofisticación dos mesmos, tanto polos seus ingredientes (xa entón incluía no seu receitario un “bacalao a la gallega con jengibre”) como pola súa presentación. Consideraba a cociña como parte do noso patrimonio cultural.
Recolle Carmen Bravo Villasante no seu libro sobre Emilia Pardo Bazán unha carta da escritora ao director da Voz de Galicia na que di:
“Por mi parte siempre anduve en guisar, y hasta le tengo afición a estos quehaceres y siento no disponer de tiempo para practicarlos. No soy doctora en el arte de Muro, Dumas, Rossini, Brillat-Savarin y Picadillo, pero jamás vi incompatibilidad entre él y las letras. Es cuanto puedo alegar para que el público disculpe mi conducta. Y espero que mis fórmulas salgan un poco más castizas que las definiciones de cocina del Diccionario de nuestra amiga la Academia, no de los Cinocéfalos, sino de la Lengua, para lo cual no necesito ciertamente ser Cervantes, ni Fray Luis”
Tamén a súa obra literaria está impregnada de referencias gastronómicas, como no festín de honra ao patrón do seu pobo ao que fai referencia en “Os pazos de Ulloa”. “La monumental sopa de pan rehogada en grasa, con chorizo, garbanzos y huevos cocidos cortados en ruedas, circulaba ya en gigantescos tarterones y se comía en silencio, jugando bien las quijadas”.
Do seu gusto e importancia pola arte da cociña temos testemuño a través do manuscrito do Menú de celebración do 17 de maio de 1916, con motivo do seu nomeamento como catedrática de linguas neolatinas da Universidade Central de Madrid, e que consistía en suculencias tales como:
- consumado frío,
- ovos Vatel,
- salmón en salsa holandesa,
- áspic de fuágras (como ela escribiu da súa propia man),
- espárragos de Aranxuez,
- solombo ao mollo.
- Como doce broche final: xeado de crema real, Chester-cakes, froitas do tempo e doces regados con viños entre os que cabe destacar un Ribeiro da terra.
Toda a cidade da Coruña envórcase neste o seu centenario con diversos eventos, así que as bibliotecas tamén queremos sumarnos, no que a gastronomía refírese, cunha exposición de libros na Biblioteca Municipal de Monte Alto, co título “Emilia Pardo Bazán e a literatura culinaria”, e con este vídeo realizado por Frabisa, autora do coñecido blogue de cociña de La Voz de Galicia, que nos deleita cuns Célebres mantecados de las Torres de Meirás, receita incluída no seu libro, “La cocina española antigua”.
Tamén o Concello, a través da concellería de Turismo, levará a cabo unhas Xornadas Gastronómicas que elaborarán e reinterpretarán receitas pardobazianas. Algúns restaurantes xa ofrecen estas reinterpretacións. Boas lecturas e bo proveito!!!
Noelia Darriba: “O Cuarto Propio das BMC é un espazo de liberdade para falar de temáticas feministas”
O Cuarto Propio das BMC é un espazo lector feminista que nace en novembro de 2019 para seguir sumando á rede de clubs de lectura das Bibliotecas Municipais de Coruña.
A miña chegada foi máis ben o empuxón para posta en marcha. Sabía da idea que tiñan desde as bibliotecas de crear un club feminista, un bo complemento para o Centro de Interese de “Xénero e Feminismos” que hai na Biblioteca Ágora, brindáronme a oportunidade de participar na súa creación e nin o pensei, pois son dúas cousas imprescindibles na miña vida: a lectura e os feminismos.
As persoas que integramos o grupo nun inicio fomos 20, o número máximo de prazas que hai por club, e este ano continuamos 12: Cris, Adrián, Noe, Marta, Natalia, Bárbara, Tono, Diego, Lore, Bea, Nuria e eu nun formato online. A modalidade virtual non é tan atractiva como a presencial (non hai o terceiro temo –tomar unhas cañas- despois da sesión) pero, sen dúbida, é unha forma de manter a unión do grupo e poder seguir compartindo lecturas. Así, seguimos reuníndonos unha vez ao mes, concretamente os primeiros mércores, onde partillamos impresións da lectura que corresponda. Mantemos unha dinámica moi horizontal, de feito non hai persoa que dinamice senón que todas imos dando primeiras impresións da lectura e, dependendo da temática, iso lévamos a outras reflexións e outros compartires máis persoais. O ano pasado no formato presencial, rotábamos a figura de dinamizadora para que cada quen probara ese rol podendo adaptalo á súa personalidade e foi moi gratificante; houbo persoas que complementaron o libro con vídeos onde falaba a autora, outras que prepararon algunha dinámica de grupo, etc. O feito de ter unha persoa de xeito rotativo que coide o espazo axuda a transformar as relacións e os vínculos que podan darse; pois aprendemos de cada quen, interiorizamos a responsabilidade que supón coidar e preparar a seguinte reunión e sentímonos coidadas sabendo que cada mes haberá unha persoa que se preocupa por levar mellor preparado o debate: temas a sacar, curiosidades, etcétera sobre o libro. Esa posta en marcha de prácticas feministas, como repartir os coidados entre as persoas do grupo, axuda a interiorizar a importancia de dar visibilidade a ese traballo que pasa desapercibido tantas veces e polo que con forza berraremos nas rúas este 8M baixo o lema: Sen coidados non hai vida.
Ás lecturas do club foron moi diversas: ensaio, novela, banda deseñada, relatos biográficos, poesía,….. e este mes de marzo, mes do teatro, estamos lendo “La casa de Bernalda Alba” de Federico García Lorca que nos fala de roles impostos e opresión pero tamén da loita pola liberdade, seguro que nos dará para moito na vindeira sesión do club. Todas as sesións son diferentes, gardo moi bos recordos da sesión sobre “Luns” con Eli Ríos porque tivemos a gran sorte de que viñera ela a falar do seu libro e foi fantástico, apagaron as luces do Ágora e nós aínda sen querer marchar, ou o relato “A esencia da cidade” de María Reimóndez coa que compartimos unha xuntanza virtual en pleno confinamento. Son moi fan das escritoras que temos aquí e sempre intento propoñer libros delas pois temos unha riqueza literaria impresionante e iso, é un luxo.
En definitiva, O Cuarto Propio das BMC é como, para Virginia Woolf en “Una Habitación Propia”, un espazo de liberdade para falar de temáticas feminista coa escusa de ler un libro, un espazo onde todas as persoas son benvidas porque o único que é necesario é a apertura para poñer en cuestión a orde establecida, unha pequena revolución interna que pode comezar cunha lectura, non é marabilloso
Noelia Darriba García.
Visibilizar o invisible: a perspectiva feminista dos clubs de lectura das BMC
Neste 8M, as Bibliotecas Municipais estamos tentando mostrarvos o noso xeito de “Visibilizar o invisible” a través da nosa labor diaria. Os clubs de lectura somos un exemplo onde podemos incidir, tertulia tras tertulia, no debate sobre os feminismos. E así levámolo facendo ao longo destes anos. Pero é verdade, que nesta última ola, somos todavía máis conscientes da necesidade de ler a máis autoras e de ter presente esta perspectiva á hora de programar lecturas, afrontar temas de debate, propor actividades etc.
Na rede de Bibliotecas Municipais da Coruña puxemos en marcha un club de lectura feminista O cuarto propio, que vén completar o amplo catálogo de accións de promoción da lectura e da igualdade e diversidade que ofrecemos, como o centro de interese Xénero e feminismos ou o club de lectura LGTB QUEERuña.
Pero ademáis, todas as compañeiras e compañeiros que coordinamos clubs de lectura, temos integrada a perspectiva feminista no noso traballo diario: lecturas e espazos de encontro e debate onde reflexionar sobre a procura da igualdade real nas nosas sociedades. E queremos mostrarvos, só como exemplos, e recomendacións lectoras, por suposto!, algúns dos títulos que estamos a ler e comentar nos diferentes grupos de lectoras que integramos os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais:
- O club de lectura LGTB QUEERuña está a ler Unha primavera para Aldara de Teresa Moure.
- No club de lectura de cómic o debate céntrase no clásico de Marjane Satrapi: Persépolis.
- Tamén na Biblioteca Forum, o club de lectura fácil: Fiando historias está con Satrapi, neste caso falan do cómic: Pollo con ciruelas.
- As compañeiras da Biblioteca Sagrada Familia coméntannos que veñen de ler e comentar conto a conto El encaje roto de Emilia Pardo Bazán. Moito imos ler e falar sobre ela este ano, Centenario de Dona Emilia.
- No club de lectura de Durán Loriga están lendo Vi. Una mujer minúscula de Kim Thúy.
- O club de lectura de Estudos Locais comentan a novela Memoria do silencio de Eva Mejuto.
- Nos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, Café con libros, levamos unha media de 8 libros de autoras por 2 de escritores no que vai de curso 2020-2021. Neste mes estamos a traballar a obra de Begoña Caamaño Circe ou o pracer do azul, así que a persectiva feminista non pode estar en mellores mans que nas de Begoña e a súa revisión da mitoloxía dende o punto de vista das mulleres. Este tema da para mostra! Pronto a teremos lista.
- As compañeiras da Biblioteca Ágora coméntannos que elas traballan cada día pola igualdade, fuxindo un pouco dos “días de”, centrándose na nosa capacidade de incidir nos debates que importan á sociedade co traballo bibliotecario ao longo do curso.
- E xa para rematar este percorrido por diferentes grupos de lectoras, Antía Yáñez, coordinadora do club da Biblioteca Monte Alto escríbenos o seguinte texto, a raíz do modo en que elas traballan:
Moitas das últimas escollas para o club de lectura de Monte Alto estiveron centradas na reivindicación de mulleres coñecidas, pero quizais non tan recoñecidas en ámbitos que van máis alá do que os manuais de literatura ou mesmo a crítica nos queren achegar. A primeira foi Emilia Pardo Bazán co seu El encaje roto, unha escolma de relatos contra a violencia de xénero que nos amosou á escritora coruñesa desde unha vertente feminista que moitas persoas descoñecían. Esta semana, a do 8 de marzo Día da Muller, é a quenda de Gloria Fuertes.
O que sabemos de Lolita Díaz Baliño, homenaxeada no Día da Ilustración 2021, nas Bibliotecas Municipais da Coruña
Moito do que sabemos de Lolita Díaz Baliño (1905-1963) nas Bibliotecas Municipais da Coruña aprendémolo na Biblioteca de Estudos Locais. De feito, xa en marzo de 2019 aparece destacada na nosa guía de Mulleres da Coruña que pode lerse na internet. Da man de Estudos Locais profundamos no fascinante universo da artista coruñesa, única nunha familia única –aí temos, por exemplo, aos seus irmáns Camilo ou Indalecio, ou ao seu sobriño Isaac- e repasamos as múltiples razóns que a levaron a ser homenaxeada no Día da Ilustración galego este 2021.
Ela mesma fala de si propia na revista Galicia Gráfica do 17 de marzo de 1929, revelando, na franqueza da súa mocidade, anécdotas como que a súa formación foi autodidacta por elección, e que non aspiraba a vivir dos seus debuxos, pero que, así a todo, pedíanlle cada vez máis e era ben pagada por eles. Tamén escoitamos, a través desas confesións en papel, o lamento sobre os inconvenientes de ser muller da súa época, e non poder viaxar soa e ser, dese xeito, libre. Confórmase, daquela, segundo entendemos, con atopar a liberdade na ilustración, e en viaxar a través de todas esas publicacións para as que lle pedían debuxos con entusiasmo.
A popularidade e o prestixio dos que gozou na súa época levárona a participar en diversas exposicións na cidade e no resto do país, en converterse na primeira muller, a carón de María del Carmen Corredoyra, en ser membro da Real Academia Galega de Belas Artes, ou en dirixir a súa propia academia de pintura, ela, que nunca profesor quixera. Precisamente dos seus alumnos e alumnas parte unha agarimosa exposición-homenaxe á mestra en 1962, poucos anos antes do seu falecemento. Entre o seu alumnado estará, camiños cruzándose na vida, outra todoterreo, Carmen Arias, quen se converterá en muller do seu sobriño, Isaac Díaz Pardo.
Para saber máis desta fascinante ilustradora da Coruña, estes días tanto desde as bibliotecas como desde outras entidades organizamos un feixe de actividades relacionadas con ela. Pasade polo blog das bibliotecas FanCómic e veredes!
Ademais, por se non abondase, en Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia, teñen un feixe de cousiñas relacionadas con Lolita Díaz Baliño. A non perder!
O material que podemos atopar en Estudos Locais sobre Lolita Díaz Baliño por orde cronolóxica:
• 1947: “Memoria del curso de 1946 a 1947 / por el señor don Indalecio Díaz Baliño”. En: Memoria [Publicaciones periódicas] : leída en la apertura del curso… por el … / Escuela de Artes y Oficios Artísticos de La Coruña.– La Coruña : [s.n., 19–?]- (La Coruña : Imp. Zincke Hermanos).
• 1949: Boletín de la Real Academia Provincial de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario [Publicaciones periódicas].– N. 1 (1949) — La Coruña : Real Academia Provincial de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario, 1949- (La Coruña : Imprenta Sindical).
- Neste primeiro número da publicación aparece un interesante apartado sobre o catálogo bibliográfico da exposición “Cien años de arte en Galicia”, na que a propia Lolita expuxo o seu Tríptico alegórico de Galicia, do que da fe a imaxe que adxuntamos. A ver se adiviñades a cal nos referimos…
• 1950: Un coruñés en el paisaje de la crítica nacional : Benito Rodríguez-Rajoy / discurso leído ante la Real Academia Provincial de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario … por José Luis Bugallal y Marchesi ; y contestación de María de los Dolores Díaz Baliño.– La Coruña : [s.n.], 1950 (A Coruña : Imprenta Sindical).
• 1990: Portadas : los artistas gallegos y el libro : 1900-1936 : exposición de la Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia del Museo de Pontevedra, Sala Municipal de Exposiciones del Ayuntamiento de La Coruña, julio 1990.– La Coruña : Fundación Pedro Barrié de la Maza : Ayuntamiento, 1990.
• 1991: Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña. I, Pintura y escultura / María Luisa Sobrino Manzanares, María Dolores Liaño Pedreira ; catalogación, Consuelo Fernández Rico-Arizmendi … [et al.].– A Coruña : Diputación, D.L.1991 (A Coruña : Imprenta Provincial).
• 1992: Arte modernista [Vídeo-VHS] / producción y presentación, Asociación Sócio-Pegóxica Galega ; guión, Xosefina Cerviño, Elisa López-Niño ; dirección, Eduardo Álvarez.– A Coruña : Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, D.L. 1992.
• 1993: Mulleres destacadas de Galicia / Enrique Alvarellos.– Lugo : Alvarellos, D.L. 1993.
• 2005: Biografías [Dossier de prensa]: María Dolores Díaz Baliño: [Noticias extraídas da prensa local da Coruña].– [A Coruña] : [Biblioteca Municipal de Estudios Locales], 2005-.
• 2009: Real Academia Gallega de Bellas Artes, 1850-2000 / Ángel Padín Panizo.– A Coruña : Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, D.L. 2009.
• 2014: “Dolores Díaz Baliño e a búsqueda da felicidade” / Carolina Díaz. En: Luzes. Nº 2 (xaneiro 2014), p. 98-99.
• 2019: Mulleres sen cancelas : roteiro pola mamoria feminina nas rúas da Coruña : A Coruña 9 de marzo de 2019 / edición e diseño ao coidado de Pepe Barro.– [A Coruña] : Asociación Cultural Alexandre Bóveda, 2019.
E, abofé, ademais disto, son imprescindibles a revista GALICIA (1924-1926) e a súa continuadora GALICIA GRÁFICA (1926-1929), para as que Lolita Díaz Baliño colaborou acotío. Como se ve, toda unha imprescindible da ilustración na Coruña e en Galicia!
Festexamos a participación no Día das Letras Galegas 2020 coa guía de lectura #DesconfinarALingua
As Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos á celebración do Ano Ricardo Carvalho Calero que a Real Academia Galega vén de desenvolver este mes de outubro con distintas iniciativas presenciais e virtuais a través da presentación da Guía de Lectura #DesconfinarALingua.
Esta guía de lectura naceu dun tempo estraño e difícil, dunha pausa forzosa confinados e confinadas nas nosas casas. Neste contexto de COVID-19 as Bibliotecas Municipais fixemos un chamamento á cidadanía para “Desconfinar a Lingua” na semana das Letras Galegas.
Nesa nova normalidade houbo unha ferramenta humilde e simple que nos acompañou: as máscaras, que cobren a nosa faciana hoxe para abrir horizontes abertos mañá. Tamén así os libros, a música, o pensamento, a palabra oral e escrita, nos achegan mundos, propostas, escenarios, realidades que amplían as nosas propias vidas.
Nesta ocasión, foron centos as persoas que taparon a boca coas máscaras diversas da creación en galego xustamente para desconfinar a lingua, para abrir, cara nós e cara as demais, a xanela grande de todo o que ofrece o idioma. Esas aportacións son as que agora tes nas túas mans, mergúllate nesta escolma de caras e descubre toda a creación que se pode desfrutar en galego.
Lembra que podes descargar a guía na plataforma Calameo e consultar o album de imaxes de todas as persoas que participaron en #DesconfinarALingua.
No Día da Biblioteca #LemosParaTi
Cada 24 de outubro desde o ano 1997 celébrase o Día da Biblioteca, efeméride creada por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.
Esta celebración, que nace co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e coa intención de dar visibilidade e potenciar a labor do persoal bibliotecario, cobra máis sentido ca nunca nun momento como o actual no que as bibliotecas como espazos seguros e imprescindibles deben xogar un papel fundamental no acceso á cultura e ao coñecemento. E precisamente baixo o lema “Bibliotecas, sempre ao teu lado” o Ministerio de Cultura e Deporte pon en valor nesta data a capacidade das bibliotecas -independentemente da súa tipoloxía- para continuar ofrecendo os seus servizos nunhas circunstancias tan complexas como as derivadas da crise sanitaria da Covid-19.
Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña conmemoramos o noso día sumándonos á campaña #SempreAoTeuCarón, dando visibilidade ao noso traballo e defendendo a existencia das bibliotecas a través dos testemuños dalgunhas das nosas usuarias e usuarios, de persoas participantes dos clubs de lectura e participantes e voluntarias do programa de alfabetización de adultos. E como non, tamén a través da nosa propia voz coa proposta #LemosParaTi, que naceu durante o período de confinamento e que segue en marcha para achegar lecturas en voz alta á cidadanía.
Nesta ocasión, o fío condutor de todas as historias que podedes escoitar a continuación -así como tamén nos canais corporativos de Ivoox e Spotify– é o amor pola lectura, polos libros e polas bibliotecas.
Mendel el de los libros (Acantilado, 2009)
Fragmento de lectura do relato de corte social e político “Mendel el de los libros” do recoñecido novelista, ensaísta e biógrafo austríaco Stefan Zweig (Viena, 1881 – Petrópolis, Brasil, 1942).
O conto, que foi publicado orixinalmente no ano 1929, narra a tráxica historia dun excéntrico libreiro que pasa os seus días sentado sempre á mesma mesa nun dos moitos cafés da cidade de Viena. No ano 1915, acusado inxustamente de colaborar cos inimigos do Imperio Austrohúngaro, Jakob Mendel é enviado a un campo de concentración .
El aroma de los libros (Alianza de Novelas, 2020)
Fragmento de lectura da novela “El aroma de los libros” da escritora, actriz e redactora de contidos italiana Desy Icardi.
A historia, protagonizada por Adelina -unha rapaza de catorce anos que vive coa súa tía Amalia no Turín de 1957- é unha obra sobre o amor pola lectura na que Icardi rende homenaxe aos librosque máis a conmoveron ao longo da súa vida e ao alquimista Edward Kelley entre outros.
Os libros prestados (Galaxia, 2010)
Fragmento de lectura do libro de relatos “Os libros prestados” do prolífico escritor Xabier López López (Bergondo, 1974).
Unha obra composta de catro relatos de xénero e temática completamente diferente, pero que teñen algo en común: en palabras do propio autor, os protagonistas de todos os relatos non son os libros senón os lectores, isto é, o importante é contar o que agochan as vidas dos que len.
Manual de remedios literarios: cómo curarnos con libros (Siruela, 2017)
Fragmento de lectura do libro “Manual de remedios literarios: cómo curarnos con libros” das autoras inglesas Ella Berthoud e Susan Elderkin, creadoras do servizo de biblioterapia en The School of Life – con sede en Londres.
Un orixinal tratado de biblioterapia que condensa todo o poder de curación da palabra escrita e no que é posible atopar remedio en forma de novela para todo tipo de males.
Vampira de biblioteca (Xerais, 2020)
Fragmento de lectura da novela de literatura infantil “Vampira de biblioteca” da recoñecida autora galega Ledicia Costas (Vigo, 1979), ilustrada por Víctor Rivas (Pontevedra, 1965).
A obra descúbrenos a vida de Eleonora, unha peculiar vampira que se dedica a ler e papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da Biblioteca da Universidade de Coímbra, lugar onde ela vive.
La historia interminable (Alfaguara, 2007)
Fragmento de lectura dun clásico da literatura fantástica como é “La historia interminable”, do escritor alemán Michael Ende (Garmisch-Partenkirchen, 1929 – Filderstadt, 1995).
Traducida a máis de 36 idiomas, esta novela que narra a historia de Bastián -un rapaz que lendo un estraño libro descobre que o reino de Fantasía corre serio perigo e inicia a máis incrible das aventuras- está entre as mellores obras infantís e xuvenís da historia.
Agardamos que desfrutedes escoitando estes fragmentos e recordámosvos que este espazo de encontro que é #LemosParaTi irase nutrindo periodicamente con novas lecturas en voz alta.
Aproveitamos tamén para desexarvos un Feliz Día da Biblioteca e convidarvos a visitarnos para celebrar e poñer en valor as Bibliotecas como espazos seguros e como servizos esenciais na cidade.











































