Author Archives: bertapicado
Un libro recupera a faceta literaria de Laxeiro
Oitenta e tres textos inéditos canda a trinta e tres recuperados de diferentes publicacións. Este é o contido de Laxeiro. Os escritos de Don Ramiro, o libro que se presenta o vindeiro luns en Vigo e que recolle a faceta literaria do coñecido pintor. O proxecto, publicado pola Fundación Laxeiro, recolle a totalidade da obra escrita do artista, nun traballo coordinado por Javier Pérez Buján. O libro darase a coñecer o vindeiro luns ás 19:30 horas na Casa Galega da Cultura, en Vigo.
Fonte: Xornal
Víctor Freixanes recolle o premio ao autor do ano dos libreiros
A Federación de Libreiros de Galicia concedeu o premio ao mellor autor do ano 2010 o director de Galaxia, o académico Víctor Freixanes, pola súa obra Cabalo de ouros (Galaxia). Freixanes volveu a literatura con este libro despois de case vinte anos sen escribir unha novela.O autor dedicouse principalmente nestes anos ao seu traballo como editor. Os organizadores dos premios consideraron que Freixanes merecía este galardón polo seu esforzo a prol da lingua galega e da literatura do país.Fonte: Xornal
Diego Ameixeiras premiado co mellor Libro do Ano por Asasinato no Consello Nacional
Diego Ameixeiras premiado co mellor Libro do Ano
A gran festa do gremio dos libreiros tamén quixo recoñecer o talento doutro escritor do país, Diego Ameixeiras, que gañou na categoría de Libro do Ano 2010 coa súa novela Asasinato no Consello Nacional (Edicións Xerais), unha intriga de carácter político ambientada no BNG, que conseguiu esgotar a súa primeira edición só unha semana despois de chegar ás librerías.

Alberte Cupeiro. Este é o novo detective privado que se suma á cada vez máis ampla nómina de investigadores privados da literatura galega. Cupeiro é o encargado de investigar o Asasinato no Consello Nacional. O caso é nada menos que o asasinato dun dirixente do BNG cando sae dunha reunión do Consello Nacional. A novela é «unha clara homenaxe a Vázquez Montalbán», autor dunha novela negra publicada en 1981 que levaba por título Asesinato en el Comité Central (Planeta), na que nunha reunión rutinaria do PC español apáganse as luces e aparece morto o seu secretario xeral; a investigación corre a cargo do comisario Fonseca, designado polo Goberno, e de Pepe Carvalho, o detective creado por Montalbán que cumpre aquí o encargo do PC.
Achegarte 2/3 Abril Palexco – A Coruña
25 concertos de 25 bandas e solistas, 15 representacións de artes teatrais, 6 representacións de danza, 24 obradoiros, presentacións de obras editoriais, ilustracións, maxia, cinema para os máis pequenos, espazos de debate con moitos dos artistas máis representativos da nosa cultura, espazos vertebrados de acción cultural…

MÁIS DE 114 NOMES compoñen o programa de Achegarte 2011 os días 2 e 3 de Abril no Palexco. Xa podes consultar o programa e coñecelos, ademais de datas, horarios e lugares.
Ademais, lembra que podes participar en ACHEGARTE CONECTA intervindo no espazo Foro aberto para a análise da situación actual e dos retos da cultura galega. A través do Foro, organizado en oito categorías, búscase que creadores, profesionais e cidadáns interesados poidan debater nas semanas previas ao AchegARTE sobre a realidade actual dos diferentes sectores, de cara á constitución de oito mesas de traballo que se reunirán finalmente no propio evento e farán públicas as súas conclusións.
Falece Valentín Arias
Foi un dos pais da Asociación de Tradutores Galegos, xerente da editorial Galaxia e asinou as traducións para o galego dalgúns títulos fundamentais da literatura. Valentín Arias falecía o pasado venres en Lugo aos 77 anos de iadade.
Deixa tras de si unha importante pegada nas nosas letras, con obras como A lingua galega na escola, A escola rural en Galicia, Lois e Sabela ou Como se fai um libro?.
Entre outras traducións, asinou as versións galegas de obras como As aventuras de Tintín (Hergé), Viaxe ó centro da terra (Verne), Voo de noite (Saint-Exupéry), O xardín (M. Duras) ou O estranxeiro (Camus).
Nas Bibliotecas Municipais pódense atopar numerosos refrendos das suas obras:
- Robinson Crusoe / Daniel Defoe; versión de Ramón García Toga ; tradución de Valentín Arias
- Pantasma de Canterville / Óscar Wilde ; versión de A. G. Llorca ; tradución de Valentín
- Arias Mondo e outras historias / J.M.G. Le Clézio ; traducción de Raquel Villanueva e Valentín Arias
- Avelino Pousa Antelo : galeguista, docente, cooperativista, escritor, político e animador cultural / Valentín Arias
O 25% das editoras venderá un libro dixital por cada un en papel
Unha de cada catro editoriais españolas espera comercializar en versión dixital máis da metade do seu catálogo en 2012. Esta é unha das principais conclusións que se desprenden da segunda enquisa sobre o Libro Dixital en España realizada pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) en colaboración coa Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Segundo este estudo, o 75% das editoriais dispón xa dun proxecto dixital e está a realizar ou creación de obra exclusivamente dixital.
Cabe destacar que é o sector do cómic o que máis amplamente se está a introducir no mundo dixital -o 94% das editoriais ten proxecto dixital en curso-, fronte a outros como o da literatura infantil e xuvenil ou o das ciencias sociais e humanas, nos que unha de cada cinco editoriais din non ter prevista ningunha iniciativa.
En canto ao formato de dixitalización, o ePUB é o que maior crecemento está a experimentar. O 40% das editoriais empregárono en 2010, fronte ao 24% de 2009. Aínda que se espera que esta porcentaxe creza até alcanzar o 70% durante 2011, compartindo protagonismo co PDF, que comeza, a partir de 2012 a decrecer. O formato Mobipocket -tanto xenérico como o específico para Kindle- duplica a súa presenza en relación ao ano anterior pero só o utilizará o 15% das editoriais en 2012. Os formatos para pizarra dixital tamén duplicarán a súa presenza, pero circunscribiranse principalmente ás editoriais de libro de texto non universitario, enciclopedias e dicionarios, literatura infantil e xuvenil e relixión. En canto aos dispositivos, os e-readers e os computadores son as contornas de lectura maioritariamente preferidos polas editoriais para comercializar obra dixital, preto do 80% das editoriais inclínase por ambos. Ao longo de 2011, os e-readers superarán aos computadores, especialmente nas materias de literatura, literatura infantil e xuvenil, ciencias sociais e humanas, relixión, libros prácticos e divulgación xeral. Outro dato de interese que reflicte o estudo é que para este ano se espera un incremento das obras para tabletas e teléfonos móbiles. Preto da metade das editoriais comercializará produtos para estas contornas, máis para tabletas que para móbiles.
Respecto das canles de distribución, dúas son as preferidos polas editoriais para comercializar obra dixital: as plataformas comerciais xenéricas e a venda directa desde a web da editorial. Os grandes grupos editoriais optan, sobre todo, pola distribución de contidos por medio de plataformas conxuntas con outras editoriais (60%) e pola comercialización nas librarías (60%). As editoriais de gran tamaño, tamén optan pola venda mediante plataformas comerciais xenéricas (100%), por medio de librarías (75%) e na propia web (50%). Por outra banda, en 2011 e 2012, a tendencia que se observa é que o prezo da obra dixital sexa inferior ao da impresa, polo menos un 30% máis barato. Unha de cada catro editoriais consultadas considera que a redución podería alcanzar o 50%. Esta tendencia é máis significativa nas editoriais de literatura, de literatura infantil e xuvenil e de ciencias humanas e sociais.
Mercedes Queixas retratará as vidas de Pereiro e Kruckenberg
A escritora Mercedes Queixas anda a ultimar dúas obras divulgativas sobre a vida e a traxectoria literaria de dous poetas moi diferentes: Lois Pereiro e María do Carme Kruckenberg. O libro sobre o autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas sairá publicado na editorial Laiovento a finais deste mes. Galaxia, pola súa banda, será a encargada de editar a biografía de Kruckenberg que prepara Mercedes Queixas.
Fonte: Xornal
Antonio Gamoneda nomeado Escritor Galego Universal

Non escribe en galego, pero o “seu exemplo de coherencia e verdade poética” moi apegada a realidade acaba de valerlle a Antonio Gamoneda o recoñecemento de escritor galego universal. Esta mención, que xa posúen Mahmud Darwich, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska e Juan Gelman, concédea a Asociación de Escritores en Lingua Galega a aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana. Gamoneda recollerá o premio o 30 de abril, no marco da Cea das Letras, mentres que o 29 ofrecerá unha conferencia na cidade da Coruña.
Fonte: Cultura Galega







