Author Archives: Antonio Picallo
AP-9 Ingeniería Cultural | Festival SINSAL 9

AP-9. Enxeñaría cultural é o título do encontro que organiza o Festival Sinsal na Coruña os vindeiros 8 e 9 de abril. A proposta pretende explorar as últimas tendencias en xestión cultural atendendo a cuestións como a busca de financiamento para proxectos, as posibilidades das novas tecnoloxías ou o traballo en rede. De xeito paralelo, o Festival organiza unha extensión no garaxe de Expocoruña centrada en propostas musicais de carácter experimental. Diva Dompé, Fm Eiheit e Massimo Pupillo, Live Footage ou Raime son algunhas das propostas que se poderán contemplar ao vivo no evento.
Máis Info: Sinsal
Concerto de Jane Joyd

Biblioteca do Fórum: ciclo “De película”, os mércores de febreiro e o 2 de marzo ás 19:30 h.
Todos os mércores do mes de febreiro, con motivo da reinauguración da Biblioteca do Fórum, e dentro das actividades de “Biblioteca do Fórum: estamos de volta“, terán lugar estas conferencias, baixo o título xenérico de “De película”, todas elas dirixidas a un público maior de 14 anos e con entrada libre até completar capacidade (na do 2 de marzo será precisa inscrición previa):
– Mércores 9. 19:30 h.: “Encontro co director de cine Oliver Laxe“, xa recoñecido internacionalmente a pesar da súa xuventude.
– Mércores 16. 19:30 h.: “Sempre nos quedará o Fórum. Números do negocio cinematográfico”, por Martin Pawley. “Agora que algúns se empeñan en recitar coma un mantra que a crise é por culpa da piratería. O caso é que en Francia 2010 foi o mellor ano en número de espectadores dos últimos corenta anos en Italia viviron o mellor ano da década, en Finlandia duplicaron a venda de entradas, en Arxentina foi de fábula… e noutros países non, claro. Falar diso, dos novos espazos de negocio, os visionados online, explicar como en Francia tamén as salas comerciais “programan”, ordenan ben as proxeccións para fidelizar o público”.
– Mércores 23. 19:30 h.: “Do audiovisual á literatura: proxección de curtas. Mr. Misto.” Proxección das curtas ‘Dous homes e un suicidio’, unha comedia de Iria López; ‘O soldadiño de chumbo’, de Virginia Curiá e Tomás Conde e ‘A flor máis grande do mundo’, de Pablo Etcheverry, baseada no relato de Saramago. As tres pezas serán presentadas brevemente polos seus directores, e ó fin do visionado o público poderá entablar conversa con eles para charlar acerca do audiovisual e a súa relación coa literatura.
– Mércores 2. 19:30 h.: “Obradoiro: No ollo da arte. Un xeito de entender a literatura a través da arte”, por Antía Otero. Con inscrición previa. Obradoiro destinado a tod@s @s interesad@s na arte, na literatura, na expresión, na ollada, na linguaxe… dunha maneira lúdica e interdisciplinar.
Biblioteca do Fórum: ciclo de conferencias “Para saber +”, todos os luns de febreiro ás 19:30 h.
Todos
os luns do mes de febreiro, con motivo da reinauguración da Biblioteca do Fórum, e dentro das actividades de “Biblioteca do Fórum: estamos de volta“, terán lugar estas conferencias, baixo o título xenérico de “Para saber +”, todas elas dirixidas a público adulto e con entrada libre até completar capacidade:
– Luns 7. 19:30 h.: “A granxa agrícola de Monelos”, por Tino Fraga, director dos Museos Científicos Coruñeses. A “Granxa Agrícola Experimental”, creada en 1888 e con actividade en Monelos ata 1964, foi o primeiro centro de experimentación e difusión de novas técnicas agrícolas creado en Galícia e Asturias. Asemade, a Granxa formou parte da cidade da Coruña, dos seus espazos e da vida social.
– Luns 14. 19:30 h.: “Ser pai e nai na internet”, por Jorge Castro Ruso. Abórdanse as maneiras en que os pais e nais poden interactuar cos seus fillos en relación ás novas tecnoloxías.
– Luns 21. 19:30 h.: “Territorios literarios. A Coruña de Luísa Villalta“, por María Casar. As relacións entre o mundo da creadora e o mundo representado na súa obra. Faremos un percorrido pola Coruña reflectida na obra poética de Luísa Villalta tratando de atopar as claves que, como lectores, podemos anovar desde a nosa perspectiva.
– Luns 28. 19:30 h.: “Mulleres galegas e ciencia”, por Iolanda Fernández Casal. Cada vez son máis as mulleres dedicadas con éxito a todos os campos da investigación e Investigadoras galegas pretende visibilizar isto a través do testemuño de cen expertas nos seus respectivos campos. Porén, os atrancos que atopan as mulleres na carreira científica seguen sendo moitos.
Biblioteca do Fórum: ciclo de conferencias En feminino
Todos os martes do mes de febreiro, con motivo da reinauguración da Biblioteca do Fórum, e dentro das actividades de “Biblioteca do Fórum: estamos de volta“, desenvólvese o ciclo “En feminino”, todas elas dirixidas a público de máis de 14 anos e con entrada libre até completar capacidade:
– Martes 8. 19:30 h. “Moita poesía, pouca diversión”, con Lucía Aldao e María Lado. Peza híbrida e pouco convencional na que mesturan poesía desenfada, música e performance, que pretende chamar a atención daqueles que miran a poesía de reollo. Para iso sérvense da provocación, que só encerra unha verdade: para elas a lectura de poesía non pode ser algo que adormeza ao espectador. Partindo deste presuposto Aldao e Lado presentan un recital de poesía ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador, no que este adquire ademais un papel activo.
– Martes 15. 19:30 h.: “Recital multimedia”, con Yolanda Castaño. As novas tecnoloxías ao servizo da poesía desta recoñecida autora.
– Martes 22. 19:30 h.: “O porto da Coruña e a emigración de mulleres. Intertítulos para tres historias”, por Dores Tembrás, no que se xunta historia e narración para acceder á verdade.
– Martes 1 de marzo. 19:30 h.: “Entre o universo e a tinta”, por Estíbaliz Espinosa, coa rigorosa profundidade desta poeta na súa abordaxe da relación entre literatura e realidade.







