“La casa del padre”, de Karmele Jaio

No club de lectura de Monte Alto acabamos de ler La casa del padre, de Karmele Jaio. Autora descoñecida para nós, ata o momento conta no seu haber con dúas novelas máis: Las manos de mi madre (2008) e Música en el aire (2013) que a xulgar pola crítica, gozaron de gran éxito e foron levados ao cinema e traducidos a varios idiomas.
Ademais, Karmele Jaio é autora dun libro de poesía e de tres libros de relatos. No noso catálogo poderás atopar No soy yo, un libro de contos publicado no 2022.
La casa del padre gustou maioritariamente ás asistentes do club porque é un libro que fala da VIDA, con maiúsculas e con todo o que iso implica; as relacións familiares, a culpa, o coidado dos pais cando se fan maiores, o feminismo, o machismo, o medo… Estes son algúns dos temas que aborda a novela aínda que quizais por riba de todos eles sobrevoe a falta de comunicación e a influencia do tempo pasado sobre o presente.
Trátase dunha obra moi ben estruturada, de fácil lectura, na que os protagonistas van artellando unha historia que se vai debullando cos seus pensamentos. Ismael, Jasone e Libe forman o principal trío da trama que, a modo de voz en off, van transmitíndonos os seus pensamentos, as súas contradicións, os seus medos e os seus anhelos.
La casa del padre é unha lectura especialmente recomendable para un club debido a que dá lugar a moito debate pola riqueza temática que destila o libro. Durante a sesión recollemos algunhas das frases que máis nos gustaron ou, como é este caso, máis nos tocaron:
Karmele Jaio
“Os clubs de lectura están cheos de xente á que lle gustaría escribir” (páx.36)
Posted on 10 Febreiro, 2023, in Xeral. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0