Monthly Archives: Novembro 2022

Lemos para ti a María Casares.

Lemos para ti é unha iniciativa das Bibliotecas Municipais da Coruña para achegar fragmentos de textos de distintos autores, a través das voces do seu persoal bibliotecario.

Este ano, con motivo do centenario do nacemento de María Casares, levamos a cabo unha selección de fragmentos de diferentes obras que estudaron a vida e obra desta importantísima actriz de orixe coruñesa e que forman parte do fondo e catálogo das bibliotecas, que se viu ampliado grazas á adquisición de novos títulos que se publicaron con motivo desta efeméride.

Tal día como hoxe, un 21 de novembro de 1922, nace María Casares na rúa Panadeiras número 12, onde vivían o seu pai, o político republicano Santiago Casares Quiroga, e a súa nai, Gloria Pérez.

O golpe militar de 1936 provocou que tivese que exiliarse a Francia, onde tivo que empezar de cero aprendendo un idioma que non era o seu pero no que chegou a destacar como unha das grandes damas do teatro francés.

O primeiro podcast publicado é un texto procedente do libro “O tempo das Mareas. María Casares e Galicia” de María Lopo, especialista na figura de María Casares. Nesta obra faise un estudo pormenorizado sobre as conexións galegas da actriz. Un libro imprescindible para coñecer e entender as orixes que tanto a marcaron.

Ir a descargar

Memoria de cidades sen luz” é unha novela de Inma López Silva galardoada en 2007 co Premio Branco Amor. María Casares é unha das protagonistas desta obra na que

“arredor de guerras e exilios, técense as vidas contadas nesta novela. Librepensadoras que aman galeguistas, guerreiros polacos que queren ser Victor Hugo, nenos que converten en Troia a praia do Orzán. A Coruña dos anos trinta, o París aloucado e deprimido dos corenta e dos cincuenta, unha Barcelona de bombardeos e partidas de póker, Buenos Aires e Nova York son as cidades polas que transita a protagonista deste relato en primeira persoa”.

Ir a descargar

Aínda que María Casares sempre dicía que o seu primeiro exilio fora a súa marcha de Galicia a Madrid, a vida na capital co tempo tamén resultaría ser un revulsivo na súa formación. Arantxa Estévez aborda na súa biografía “María Casares” esta e outras cuestións que nos axudan a coñecer todas as “mudas” da súa vida, como ela mesma definíao.

Ir a descargar

María Casares tamén foi autora dun libro de memorias publicado orixinalmente en francés como “Résidente privilégiée”. Da súa faceta como escritora recibiu grandes críticas, principalmente de Alejo Carpentier que a definiu como “unha extraordinaria escritora, cunha prosa dunha riqueza, dun vigor, dunha garra, absolutamente excepcionais…”

Ir a descargar

Aínda que coñecida tamén pola súa relación con Albert Camus, María Casares entrou en contacto co pensamento existencialista en Francia e foi musa desta filosofía. Moitos dos seus autores elixíana para dar vida aos seus personaxes e con iso dar a coñecer os seus conceptos filosóficos. Ateísmo, laicismo, liberdade individual e outra serie de preceptos nunha procura constante por dotar de sentido a vida. “Desenvolvemento artístico de María Casares dentro do marco existencial francés”. Tese de Sabela Hermida Mondelo.

Ir a descargar

No seguinte audio temos un extracto da entrevista a María Casares, realizada polo escritor e xornalista arxentino Víctor Luis Molinari. Publicada en “Galicia Emigrante”, revista cultural da emigración galega dirixida por Luís Seoane.

Ir a descargar

E finalmente, no último audio publicado, temos uns fragmentos da correspondencia mantida entre Santiago Casares Quiroga e María Casares cando ela estaba rodando películas en Italia, Marrocos e Niza e el, xa viúvo e enfermo, residía en París. Esta relación epistolar está recollida no libro “Cartas no exilio: correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e María Casares (1946-1949)”, edición de María Lopo e publicado en Baía Edicións:

Ir a descargar

Esperemos que vos gusten!

La enferma, de Elena Quiroga

La enferma, de Elena Quiroga, foi unha da lecturas que máis sorprendeu aos clubs das bibliotecas de Monte Alto e Estudos Locais do pasado curso, non só pola obra en si, que tamén, senón sobre todo polo descoñecemento que había entre os e as asistentes sobre a súa autora.

Elena Quiroga. Fonte: Real Academia Española

Elena Quiroga pertence ao grupo de narradores que renovaron a novela española contemporánea de mediados do século XX (anos 50-60), chegando a gañar o premio Nadal e sendo comparada (e compañeira) doutras mulleres que xa nos soan máis como Carmen Laforet, Carmen Martín Gaite ou Ana María Matute. De feito, foi a segunda muller en entrar na Real Academia Española, en 1983, seguindo os pasos de Carmen Conde.

Filla do conde galego de San Martín de Quiroga, a escritora naceu en Santander en 1921. Pasou a infancia entre esta cidade e a Galicia de onde proviña a súa familia, establecéndose finalmente na Coruña no ano 1942. Non tiña estudos universitarios, pero acudía de forma libre a clases que lle interesaban e durante varios anos traballou diariamente nas súas novelas e escritos, unhas catro ou cinco horas.

Ao casar en 1950 con Dalmiro de la Válgoma, historiador e futuro secretario perpetuo da Academia da Historia, o matrimonio trasladouse a vivir a Madrid, cidade na que Elena frecuentou foros e faladoiros literarios e coñeceu algúns dos principais selos editoriais nacionais. Viviu a cabalo entre a capital e o pazo de Cea, en Nigrán (Pontevedra).

Autora dunha extensa obra narrativa en prosa, está considerada unha das voces femeninas (e non femininas) máis relevantes da súa xeración, con rasgos comúns ás novelas dos seus contemporáneos como a preocupación polas inxustizas da vida e a explotación temática das experiencias da infancia e a adolescencia. Non obstante, fixo todo isto desde unha marcada posición feminista, colocando como protagonistas das súas novelas a mulleres loitadoras polo recoñecemento dos seus dereitos na sociedade franquista que lles tocaba vivir, e aparecendo sempre nos seus escritos unha marcada influencia rural galega.

En 1949 publicou a súa primeira novela, La soledad sonora. Dous anos máis tarde recibiu o Premio Nadal por Viento del norte, que Antonio Momplet levou ao cine. Máis tarde seguíronlle numerosas publicacións, como La sangre, 1952; Trayecto uno, 1953; Algo pasa en la calle, 1954; La careta, 1955; La enferma, 1955; Plácida, la joven, 1956; La última corrida, 1958; Tristura, 1960 —pola que recibiu o Premio Nacional da Crítica—; Carta a Cadaqués, 1961; Envío a Faramello, 1963; Escribo tu nombre, 1965; Presente profundo, 1973, e Grandes soledades, 1983.

Finou na cidade da Coruña en outubro de 1995.

Capa da edición de La enferma de Cátedra lida nos clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais

A edición que lemos é a de Cátedra, onde o profesor Gregorio Torres Nebrera analiza toda a produción narrativa de Elena Quiroga e a importancia da súa figura na literatura española. Concretamente en La enferma reproduce o que dixo a crítica da época sobre a novela: Joaquín de Entrambasaguas afirmou que era “quizá la más perfecta novela de su autora”; Melchor Fernández Almagro dixo que se trataba, naqueles anos, da “novela más difícil” de Elena Quiroga; e José María Castellet engadiu que La enferma respondía “a todas las exigencias estéticas y de contenido de una novela de nuestro tiempo”.

Os vinte e cinco capítulos desta obra divídense en dúas partes. Na primeira (caps. I-XII) cóntasenos a chegada da narradora a unha vila da costa galega para vender unhas terras do seu marido, co que ten problemas. Hospédase na casa de Liberata, unha muller encamada desde hai vinte anos froito dun desengano amoroso. A voz da narradora (da que en ningún momento se nos di o seu nome, só se refiren a ela con apelativos como “la forastera”) descríbenos o día a día da vila e dos seus habitantes, e tamén indaga en que pasou e cal é a misteriosa historia entre Liberata e Telmo, entrelazando a súa propia crise persoal coa da enferma. Na segunda parte (caps. XIII-XXV) a narradora pasa a ser narrada. A través de varias perspectivas, diferentes voces van reconstruíndo a historia de Liberata e Telmo, dando pistas á lectora ou lector, que é quen se encarga de armar o quebracabezas con todo o que ofrece a lectura. Nos tres últimos capítulos, a forasteira –que, na súa vida persoal, era outra enferma- volve xunto ao seu marido, recuperando a voz narrativa do comezo e regresando desta viaxe purificada, como unha muller nova (FONTE: Vidal Ortuño, J. M. Actualidad de Elena Quiroga. Monteagudo, 3ª Época – Nº 18. 2013 – Páxs. 267-268)

Por último, desde a biblioteca de Estudos Locais as bibliotecarias realizaron un vídeo polo centenario do nacemento de Elena Quiroga, que vos deixamos a continuación.